domingo, 7 de xaneiro de 2018

VISITANDO



VISITANDO                                                                 VIGO

 (Páxinas do Pergamiño Vindel; salvo outra especificación, todas as fotos foron feitas por Charo Soto)


Visitamos aí atrás a exposición que se organizou no Museo do Mar, en Vigo, arredor do famoso manuscrito de Martin Codax, exposición comisariada por Francisco Singul. Se o pergamiño e o seu contido é dunha grande beleza e significación, non menos interese e beleza suscita ou se agacha no edificio, no contexto (mar, ría, ceo, Cíes, recendo e vento mareiro de tantas e tan claras resonancias...) e nas ruínas importantísimas do vello castro marítimo de Alcabre-Punta do Muíño de Vento.

(Organístrum. Sargadelos fixo no seu día unha espléndida reprodución)

 (Labra de San Paio de Antealtares)


 (A nosa estupenda guía)


(Un incendio no monte: quedamos preguntándonos se pertencerá esta imaxe a un códice das Cantigas de Santa María, mais non logramos averigualo)


A min e aos meus, a nós –digo- gustounos todo. Creo incluso que por veces pareciamos pasmarotes, abraiados diante dunha reprodución ampliada dun códice, dunha obra de arte medieval en pedra, dun instrumento delicado –pura arte- daqueles que tocarían os xograis galegos e que tocaban tamén os homes pétreos do Pórtico da Gloria. Había unha  muller (se non me falla a memoria, procedente do compostelán mosteiro de San Paio de Antealtares) labrada en pedra ataviada talmente coma o personaxe aquel de Xogo de tronos (Olenna Tyrell, a avoa de Margaery Tyrell, a nora de Cersei Lannister). E había unha guía estupenda, Ainoa, de Nigrán, que viña preparada para ilustrarnos cunha pluma de ave na man e un bugallo de carballo no peto (a pluma con que escribían naqueles tempos, o cálamo; o bugallo de onde atiraban –entre outras posibilidades- a tinta; como nos facía interactuar, comentámoslle que Luís tamén, en tempos, extraía unha especie de tinta verde non do bugallo, senón do coco do carballo). Xa cando remataba, ao decatarse de que algo lle quedaba no tinteiro, fíxonos unha pregunta a propósito da fermosa cantiga

Quantas sabedes amar amigo,

treides comig'a lo mar de Vigo

       e banhar-nos-emos nas ondas.



Dixo: Sabedes para que se bañaban no mar? E case todos sabían do rito de fertilidade consistente en recibir as nove ondas. Inda se practica, hai algunha parella nova que cultiva neste século esa ancestral tradición. Cada vez menos. O que non sabía eu e recordóunolo precisamente a miña irmá, é que a nosa avoa Pura, a avoa coruñesa nacida no barrio de santa Lucía en 1909, cando estudaba de rapaza (orfa xa de pai e nai) coas monxas que había no colexio da Cubela (no Corgo), canda o bo tempo facía coas compañeiras e coidadoras unha viaxe camiñando desde Monelos ata a praia de Alba (en Arteixo) para alí recibir as purificadoras-revitalizantes nove ondas tal como prescribe a tradición. Á Lanzada e a Vigo (e a outros lugares nos que noutrora se practicaba este ritual, como a praia pontevedresa de Praceres) hai que sumarlle o arteixán areal de Alba. 

 (Malia non ser boa a calidade da foto, percibimos igual a beleza do deseño da arpa; foi feita esta reprodución tomando como modelo a arpa do Pórtico da Gloria)


 (Restos do vello castro)


Esta é a primeira vez, desde que o pergamiño Vindel, ese “tesouro en sete cantigas” –como reza a publicidade institucional- foi adquirido para a Biblioteca Morgan de Nova York (aló está desde 1977), que sae de EE.UU. E dificilmete puido vir a mellor sitio. A ría de Vigo é unha das máis fermosas do mundo. E visitada desde antigo. No castro de Alcabre hai unha especie de pequeno santuario ao que chaman os arqueólogos Altar púnico ou ibero-púnico, unha proba aí palpable da comunicación entre nós e outros pobos mariñeiros e/ou costeiros. Pregunteille á miña irmá arqueóloga se eran betilos (as pequenas pedras fitas do santuario ou altar doméstico) e díxome que por antonomasia os betilos en Galicia son os megalíticos. Betilos ou ídolos megalíticos hainos en moitos enterramentos (mámoas ou dolmens) megalíticos da península. Por exemplo, no famosísimo dolmen de Dombate da terra bergantiñá había 20 ídolos de pedra (pero entre a cultura megalítica e a castrexa hai milleiros de anos polo medio... imos deixar o megalitismo para outro día). Os betilos de Alcabre tamén son de pedra. Falabamos de comunicación entre pobos do leste (iberos e/ou púnicos, talvez fenicios): o noso patriarca Murguía –sen ir máis lonxe- tiña idea de seren os fenicios colonizadores da vella Brigantia e os construtores incluso da primitiva fábrica do que logo sería o faro romano e hoxe Torre de Hércules, pero as súas eran elucubracións un pouco no aire, claro que nunca me atrevería a restarlle mérito, era un home de fondas intuicións; hoxe sábese moito máis do intercambio e comercio con xentes do leste, no Castro de Elviña hai probas materiais dese comercio (por exemplo coa península itálica). O grande historiador coruñés xa falecido (e tío do que fora o voso profesor de latín no Instituto, Emilio Insua), don Emilio González López (alumno el mesmo do Instituto da Guarda, e figura senlleira a quen o Concello herculino lle dedica unha rúa) hai anos que nos deixou páxinas e páxinas ben escritas onde se fala da fluída comunicación marítima entre o NO e outras terras, as fisterras atlántico-europeas, as terras latinas,  as terras bizantinas, as terras habitadas polos escandinavos... En fin, quizais poidamos concluír que sempre houbo un grande afán –non sempre gratuíto- de nos comunicar, uns pobos cos outros. 

 (Altar ibero-púnico do Castro de Alcabre)

(Habitación dos betilos no xacemento ibero Cerro de las Cabezas, Valdepeñas, Ciudad Real)



(Reprodución de como sería esa habitación cando a cidade estaba viva. Vista xeral do lugar onde se sitúa a habitación dos betilos. Cerro de las Cabezas, nome por certo redundante)


(Panel informativo. Cerro de las Cabezas)

:::::::::::::::::::::::::::::::::::

NOTAS:

Se tendes afán de ler máis sobre este castro marítimo, medio desaparecido, déixovos un par de artigos de libre acceso en Internet:

. Alfredo González Ruibal (CSIC), Xurxo Ayán Vila (CSIC) y Rafael RodríguezMartínez (Excma. Deputación de Pontevedra):  Buscando a los púnicos en el Noroeste. Nuevas aproximaciones a la presencia mediterránea en Galicia y elnorte de Portugal durante la Edad del Hierro.

.....................................................


..........................................................


.............................................................

. No Faro de Vigo, na súa edición dixital, tamén podedes ler a entrevista a Francisco Singal, o comisario da exposición e coeditor –entre outras facetas- de estudos sobre o Castro de Alcabre:
 http://www.farodevigo.es/gran-vigo/2017/08/15/francisco-singul-vindel-estara-rodeado/1733527.html

:::::::::.:::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::

ADDENDA: 
Con posterioridade á publicación deste capítulo comunícame a miña irmá que en Elviña ten aparecido material tardo-púnico.



Ningún comentario:

Publicar un comentario