mércores, 25 de xaneiro de 2017

LENDO A



LENDO A ASIMOV


 (Foto de Isaac Asimov, atirada da Internet)


“A min non me gustaría vivir nunha sociedade así”, di un meu alumno. Quizais a min tampouco, anque non me importaba experimentar un tempo... Pero si, paréceme que se perdían matices, por exemplo, a materia, os distintos tipos de materia: supoñían un plano xa superada, algo bárbaro...

A un membro dun Século con predominio da enerxía talvez lle pasaran desapercibidas [as distintas clases de materiais]. Para el, todas as materias serían variacións sobre un mesmo tema basto, pesado e bárbaro. Pero Harlam, educado nun medio de formas materiais, recoñecía diferenzas entre a madeira, os metais (con distinción entre lixeiros e pesados), os plásticos, a sílice, o formigón, o coiro e asi sucesivamente.

 (Os rapaces do club de lectura dos martes: de esquerda a dereita temos a Marcelo, Franco, Vázquez, García, Alonso e Crespo. Non están todos este día, fáltanos Marta, por exemplo. Teñen a man un exemplar histórico da revista Nós do Instituto. Falaremos deste número outro día)

Falamos de A fin da eternidade, de Isaac Asimov, o libro que leron durante as vacacións do Nadal os rapaces do club de lectura dos martes. Gustoulles moito e creo, polo grao de paixón con que se expresan, que son sinceros. Eu concordo con eles, malia haber cousas que non logro entender demasiado ben. Por exemplo: por que o século un da Eternidade non é o século I?, é dicir, por que hai séculos anteriores ao primeiro da Eternidade? Esa parece ser unha barreira pola esquerda (cara ao pasado) para as viaxes e xa que logo para os cambios de realidade: simetricamente, tamén hai límites pola dereita (cara ao futuro).

Esa especie de tendencia á simetría percibímola talvez na cuestión da relación entre os xéneros: durante toda a novela (ou catro quintas partes dela) vemos o papel predominante dos homes (dinos o narrador que unha muller non pode viaxar pola tempo coa mesma facilidade ca un home: multiplícase por dez as posibilidades de cambios ou consecuencias de difícil control se o fixesen; e con iso non hai mulleres con poder programador, con poder en xeral, vémolas en papeis moi pouco relevantes), pero nas derradeiras páxinas cambia o conto, e o discurso e función ideolóxica de Nois é decisivo, fundamental, logrando unha especie de compensación preciosísima.

Polo demais, nesa etapa de Eternidade hai constantes que igualan a forma esencial de ser dos homes: Deus continúa presente, agora chamado Cronos (Polo gran Pai Cronos!, exclaman de cando en vez os personaxes); hai toda unha mística que rodea o propio concepto: a Eternidade como sistema parece un arquetipo necesario, e o protagonista, André, chega a comparar a Eternidade cos Mosteiros dos “Tempos Primitivos”. O sol segue sendo a fonte por excelencia de enerxía. A propia enerxía é case un mito: o anel dos Nibelungos, de Tolkien, o Graal de Galaaz. E hai, nese sentido, outro arquetipo necesario: desprenderse da materia. Así, cando viaxan polo Tempo non teñen materia. E fálase tamén do idioma Pantemporal, universal e capaz de atravesar todas as cronoloxías: outro mito claro da humanidade. Ora ben, o idioma Pantemporal é compatible co que o autor chama Dialectos hipotemporais.

Outra cousa que nos chama poderosamente a atención, á parte da capacidade do autor de asumir e integrar as teorías da relatividade einstianas, é a análise veloz, a capacidade de síntese con que traza os males de calquera sociedade humana en calquera tempo posible: de aí que unha preocupación constante sexa a erradicación das drogas, do cáncer e –con saudade pero si- os cigarros. Cando se fala no futuro de volver permitir un cigarro ocasionalmente, éntralles o medo de volver a unha sociedade monopolizadora e escravista. Que intelixencia portentosa. Tamén  consideran os sabios futuros que sendo a cultura un reduto case consubstancia ás elites, haberá que tolerar unha distribución desequilibrada da riqueza cando as diferenzas sexan discretamente tolerables, coma un mal menor.



Aos 150.000 anos (un tope claro, as viaxes non superan ese límite) hai moitas especies viventes, pero o home desapareu. O que nos parece altamente verosímil, e iso que Asimov non viviu coma nós os factores de profundo desequilibrio estrutural a nivel planetario do que o ser humano é axente.

Os rapaces escribiron cadanseu comentario e tivemos unha tertulia interesante.  Vexamos algún parágrafo deles:

Aínda que o final é previsible, sempre quería ler unha páxina máis e logo outra, e así durante horas. Penso que é unha obra mestra, e o máis sorprendente é que foi escrito en 1955! E fala de temas difíciles de comprender na actualidade, 60 anos despois .

::::::::::::::

O que máis me gustou do libro foi o final, cando Harlan descobre que Noys naceu nos séculos escuros e cóntalle toda a historia destes séculos (...). Tamén me sorprendeu que Cooper sexa o iniciador da Eternidade. Cando o conta, sentinme abraiado, non o esperaba...

::::::::::::::::::::

Desde o primeiro momento, percíbese a Harlan frío, distante e entregado cegamente ó seu emprego, pero debido ás circunstancias, Harlan cambiou drasticamente, ata non ser o mesmo. Quen ou que provocou este cambio tan radical? Puido ser o romance con Noys? Ou o descubrimento de que el formaba parte dunha cadea de sucesos que xeraría ou destruiría o perpetuamento do coñecido? Moitos factores interviñeron, e estes son os que conforman a verdadeira trama da novela (...), unha historia entretida e atraente. Ademais, Isaac A. intercalou anacos da historia, en si mesma, con razoamentos e pensamentos científicos e filosóficos, que a todo namorado do coñecemento lle gustaría ler.

:::::::::::::::::::::::::::::

É un libro moi interesante tendo en conta varios aspectos , tales coma que para seren escrito en 1955 contaba con uns ideais moi avanzados. Tamén fala dun tema que a min sempre me fascinou , os saltos temporais e como afectan as accións que nos realicemos no pasado. No libro fala de que os cambios de realidade alteran por completo a todas as persoas dende que se produce o cambio en adiante , eu creo en diferentes teorías diferentes ao respecto: 1 A diversificación de realidades (...), 2 O bucle infinito  (...), 3 Eliminación de realidades: Esta en concreto é sobre a que se guía o libro: trata de que ao cambiar os feitos da “historia” todo cambia , polo cal a historia que existía antes do viaxe temporal deixa de existir. Tamén quero deixar claro que o profesor de tecnoloxía Mario Simón estaba entusiasmado co libro , xa que cando nolo veu nas mans quedou entre abraiado e sorprendido alegando que era moi impresionante e entretido.

Eu si que estou sorprendida con eles. Canto entusiasmo e canta receptividade! Agora debería propoñerlles que lesen as Historias fantásticas de Adolfo Bioy Casares, onde tamén se fala de viaxes por outras realidades, e de universos paralelos. Ese é un meu autor favorito sen dúbida ningunha.

O caso é que ese día, o día en que nos xuntamos en tertulia para falar do libro, eles acababan de facer unha saída para oír unha conferencia dun profesor de física da USC  sobre a Teoría da Relatividade.

Entón eu relembreilles  que Asimov parece asumir parte substancial desa teoría e a ese propósito díxenlles: Vós acabades de escoitar unha conferencia na Ágora sobre o tema... Que vos dixo o conferenciante sobre a posibilidade de que haxa infinitos universos, mostrouse ou non de acordo?

E velaquí que, de maneira incrible, dividíronse en dous grupos exactamente iguais (cuantitativamente): un grupo dixo que o conferenciante se mostraba claramente a favor desa posibilidade e o outro grupo, antagónico, aseguraba que o conferenciante lles dixera que, a efectos científicos, era partidario de admitir que só existe un universo. Na sala de profesores fíxenlle a pregunta a un profesor amigo e confesoume que non recordaba que dixera sobre iso o conferenciante. Así que propuxen comunicarnos directamente con el e tivemos a inmensa fortuna de atopar un interlocutor paciente e xeneroso.  Volvemos aquí e agora darlle as grazas ao profesor José Edelstein:

“[Saltamos os saúdos iniciais] Es comprensible que a los alumnos no les haya quedado claro este punto ya que no lo traté en la charla sino en una de las preguntas del final. Recuerdo que la pregunta me la hizo una alumna.

Yo diría que en este momento es más natural pensar en la existencia de un número enorme de universos, quizás infinito, dadas las enormes dificultades que tenemos para poder dar una explicación a la energía oscura. Sabemos que existe la “energía de vacío” y ésta debe contribuir a la energía oscura. La teoría de cuerdas parece incapaz de predecir su valor (creo que comenté en Ágora que eso era equivalente a tener una teoría de los satélites y pretender que prediga el tamaño y la distancia a la que estos se encuentran: esto jamás podría funcionar, prueba de ello es que los planetas que nos rodean tienen un número variable de satélites, con tamaños y distancias variopintos; uno podría pensar que todos los tamaños y distancias son posibles y están “realizados” en algún planeta del vasto Universo; ¿y por qué vivimos en un planeta que tiene éste satélite, con este tamaño y a esta distancia? porque si) y por eso parece razonable pensar que todos los valores pueden “realizarse” en distintos universos. Por otra parte, los datos apuntan a que el Universo observable es plano, lo que probablemente indique que estamos viendo apenas un parche pequeño de un Universo gigante, probablemente infinito. Dicho todo esto, tal como mencionas, parece imposible demostrar la hipótesis del Multiverso. Por eso utilicé la palabra “natural”: no pudiendo demostrar ni su existencia ni su no existencia, nos inclinamos por la hipótesis más elegante, que se ajusta a lo observado con menos problemas. Por supuesto que éstas son especulaciones teóricas cuya (poca) fiabilidad nada tiene que ver con la muy respaldada teoría del Big Bang y la inflación cosmológica”.

Despídese de nós con suma cortesía. Aprendemos un par de cousas máis no Club de Lectura: unha, que debemos sempre animarnos a comunicarnos cos que máis saben para aprender directamente deles; segundo: que a distancia entre o Instituto e a Universidade non é insalvable, sempre que se teña a fortuna de atopar xente boa. Como di o refrán sobre esa imprescindible clase de xente, haber haina, o caso é dar con ela.


Ningún comentario:

Publicar un comentario