xoves, 14 de maio de 2015

Intemperie

UNHA NOVELA INSÓLITA
Intemperie
Jesús Carrasco
Ed. Seix Barral. 2013




Cando un le un libro do que gustou sempre procura compartir esta grata experiencia lectora. Por calquera medio, como esta revista, un busca anunciar esa boa nova, o abraio que produciron en nós as palabras lidas, como se deitasemos unha pedra preciosa nun estanque e as ondas de emoción lectora se fosen ensanchando ata bañárnos a todos nunha comuñón íntima. Para que sigan a vivir as palabras, para que se multiplique o seu eco e para que se amplíen todas as nosas múltiples almas. Unha ampliación do espírito que só nos pode producir a lectura, unha viaxe ou unha conversa amical tralos vidros dun café outonal, arredor dun libro, que como un amigo calado, presente no diálogo, nos vai abrindo aos outros e iluminándonos coa súa presenza cálida e o seu silenzo sonoro.

Este desexo apareceu en nós desde as primeiras liñas de Intemperie, a ópera prima de Jesús Carrasco.  Desde a mesma portada do libro soubemos que estábamos ante un libro singular, e inquietante. A portada clara ocupada pola cabeza dunha cabritiña branca, pura imaxe da inocencia e a pureza, os ollos dese animal, estaban tamén a transmitirnos, paradoxalmente, unha fonda sensación de desamparo, de indefensión, de invitación á dor e ao sacrificio. Algo inquietante chamou por nós desde que nos ollaron eses ollos desde o andel dunha libraría. Se cadra foi esa chamada animal o que nos moveu a coller a novela e gardala amorosamente nos nosos petos protectores. Ao abrila e comezar a lectura, desde a primeira páxina, decatámonos de que eses ollos de inocencia e indefensión, nerviosos e temerosos, eran os mesmos que os do rapaz protagonista do libro. Un neno que se nos presenta como unha presa de caza, agochado nun burato feito por el mesmo na terra, só protexido por unas podallas a modo de teito para ocultarse dos seus perseguidores, na soidade da noite e dos campos sen fin das terras da meseta.  Por que foxe e se agocha este rapaz? Que foi o que o moveu a abandonar  o seu estraño medio  familiar, o seu afastado lugar? Nada sabemos, nin o saberemos de certo até pechar as últimas follas do libro. E cando o fagamos, non daremos creto ás razóns últimas  da súa fuxida, pois nunca chegaramos a sospeitar das súas causas profundas e ferintes.

 Nesa soidade do páramo, coas primeiras luces do mencer, despois de se asegurar de que en todo o ancho da terra que divisaba desde o seu agocho, non había rastro dos seus perseguidores, bate cunha presenza salvadora: un pastor co seu rabaño de ovellas, ao que se vai acercando paseniño e receoso. Nesa súa saída desde o fondo da terra e do seu abismo persoal, nese encontro co pastor, comezará o camiño de redención do neno protagonista. O pastor coidará do neno, como se fose un año máis do seu humilde rabaño. Vai aprendelo a sobrevivir, a curarlle o seu corazón magoado, a confiar. Vaille mostrar o camiño do Norte, lonxe da raxeira inclemente do sol sobre os campos sen horizonte, lonxe da barbarie dos seus perseguidores, deica poder atinxir ese lonxano país de prados verdes e chuvias bálsámicas e purificadoras. Vaille ensinar os valores da dignidade humana, a recuperar a inocencia perdida. Mais antes, cumpría vencer a sombra xeada dos perseguidores,  a cuxo frente vén un alguacil odioso e sañudo, implacable na persecución do rapaz, ao lombo dun sidecar e acompañado dun sinistro axudante.  A que obedece esa ansia de dar caza ao rapaz indefenso? A que vén tanta violencia do alguacil e o seu grupo salvaxe, que como manda de lobos andan á procura do rapaz e daquela do pastor, o seu protector?

Nun principio pensábamos  que estábamos a seguir os pasos literarios de Miguel Delibes ou da novela tremendista, ante unha nova volta ao realismo de posguerra, mentres seguíamos o camiño de paixón  destes santos inocentes a fuxir das gadoupas dos seus perseguidores. Mais, nada máis lonxe da realidade, nada máis lonxe do tremendismo violento e sen piedade da novela dos corenta ou das crónicas de violencia rural do país profundo. O que si comparte Jesús Carrasco con estes clásicos é a exhuberancia da súa prosa, o resgate da súa magnifica expresividade, do seu coidadísimo idioma. A mesma vontade de linguaxe, e o tratamento da paisaxe, sen dúbida o outro gran protagonista da novela, pola súa abafante presenza. Neste aspecto, tamén é inevitable referirmónos á obra dun dos grandes novelistas americanos actuais, pois parecen evidentes os ecos de Cormac MacCarthy, de novelas súas como Meridiano de sangue ou The Road. Na paisaxe da novela todo é desolación e ardor, unha chaira en chamas, como nos relatos de Juan  Rulfo. Un medio  onde as personaxes nin nome  teñen, nin tampouco os lugares polos que se foxen e se esconden, inermes ante as forzas da natureza e a senrazón do destino. Aquí tamén se sente o pouco que é un home. Tal como en Comala, baixo o poder inmesiricorde de Pedro Páramo, absolutamente todo é soidade. Unha dor secular , unha pena sen nome.

 Equivocabamonos nestas iniciais apreciacións, porque amodiño imos entrando noutras paisaxes literarias e visuais. Adentrámonos nos dominios do cinema, do western máis esixente. No climax da novela asistimos ao enfrontamento final entre perseguidos e perseguidores no medio e medio das paisaxes desoladas, cunha violencia extrema. Veñen á nosa mente as imaxes dos filmes máis despiadados deste xénero. E daquela,  imos acercándonos, no devalar da novela,  ate o seu desenlace esperanzado, unha vez descuberto o enigma inicial: a fuxida do neno, o teima dos perseguidores á caza do rapaz. O seu camiño de redención, unha vez albiscado o país das chuvias, aló ao lonxe, no Norte.

Estamos tamén perante unha movie road polos camiños infindos da meseta na fuxida cara ao norte do protagonista, e perante unha novela de formación e aprendizaxe, de supervivencia,  na que por riba da opresión e a violencia do sistema e das propias leis da natureza e do destino, vanse impoñer os valores da piedade, mesmo nas situación máis violentas - e cos máis violentos-, da dignidade humana, da salvación persoal a través do amor e o amparo. En calquera caso, perante un relato alegórico e atemporal sobre a condición humana. Perante unha novela densa, intensa, insólita no actual momento literario.  X. Pérez Mondelo


Ningún comentario:

Publicar un comentario