LENDO A CERVANTES (II)
Cervantes debeu participar na caza do xabaril.
Para el é un nobre exercicio e compárao co da guerra. Eran outros tempos sen
dúbida (e el, Miguel, brillou con luz propia na etapa guerreira de xuventude).
E porén, todos lle debemos moito á caza: desde Altamira, pasando polos frisos
romanos, pola arte románica en pedra (pensade e visitade unha vez máis a igrexa
de san Francisco en Betanzos, para apreciar a beleza do sartego do señor da
casa dos Andrade, que ten como animal totémico o porco bravo ou xabaril), a
cerámica, a pintura, e por suposto, a mitoloxía. Se Artur se reencarna en
corvo, Merlín transmútase nun xabaril. Poderoso animal.
(Escena mitolóxica grega da caza do lexendario xabaril de Calidón, cuxa pel se gardaba no templo de Atenea Alea no territorio espartano de Texea)
Diciamos onte que vos contariamos o que
investigaron os cazatesouros (entre os que me inclúo, co voso permiso).
Contáronlle a Juan Andrés Justo Armesto parentes de seu do concello de Páramo,
Lugo (recordemos a Fole e a súa Terra
Brava) isto que segue:
“Caza do xabaril (caza maior).
A seguridade é o máis importante cando se
dispoñen os cazadores a facer unha batida de xabaril. Hai que levar sempre
chaleco reflectante. Non moverse do lugar asinado a cada un. Cando se asina un
lugar para estar cada membro da cuadrilla, non se poden mover del, pois
calquera outra posición pode confundir os compañeiros e disparar pensando que
se trata do xabaril.
A licencia:
é obrigatorio ter licencia para poder cazar xabaril. É un documento oficial que
se consegue despois de pasar psicotécnico e varios requisitos.
Períodos de caza do xabaril: Todo o ano por
danos nas terras de cultivo, preto das casas, etc.. En xaneiro e metade de febreiro (aínda que
son variables). Na metade de agosto ata decembro (variables). Respéctanse as
femias do xabaril que esteñan preñadas (que van ter xabatos).
Os cazadores cando van facer unha batida:
Van acompañados de cans xa adestrados que
saben que a súa tarefa é sacar o xabaril do escondite, estes cans levan dende
os tres meses uns micro chips para telos identificados.
Levan as armas correspondentes con balas (non
poden levar metralla de caza menor).
Na caza maior como é o caso do xabaril, hai
precintos e só se pode cazar un número limitado de cada vez.
En moitos restaurantes cociñan a carne do
xabaril procedente da caza (sempre legal)”.
Moi ben, se realmente se cumprise así coa lei en
todos os casos... Preguntámoslle no Club de Lectura de hoxe martes 21 que
significa iso dos precintos. Son coma
marcas que se lle espeta nun lugar visible ao xabaril, unha vez cazado.
Isto sería a historia interminable porque
tamén se caza no país de Deza, en Valdeorras... Pero seleccionemos un par de
casos máis. Tócalle agora á nosa colega e amiga a profesora Rosa Fernández
Salmonte:
“Uns meus amigos tiñan parentes que cazaban
–de sempre, de toda a vida, eran pequenos os meus fillos, ata hai uns vinte
anos- o xabaril a coitelo (a cuchillo), cazaban en Mingorria, a uns
10 quilómetros de Ávila. Cazaban a jauría.
Tiñan entre 12 e 20 cans esfameados, esfameados e feros... se cadra tíñanos
tantos días sen comer... Lanzábanos contra o xabaril, acantoábano fóra do tobo,
e había veces en que o animal mataba algún que outro can... e nesas entraban os
homes, o coitelo na man –coitelo de monte-
e rematábano, entraban a matar. Onde? Eran fincas privadas... Preto de
Ávila. Amigos meus. Que conste que hoxe, a min persoalmente, estes costumes
parécenme crueis, moi crueis... É coma a caza do raposo en Inglaterra, cousas
que pasaron á historia. Ah!, logo na cociña da casa a nai desollaba (esfolaba) o xabaril, e todos axudaban a facer os
chourizos (previo control da triquina). Debo aclarar que se mesturaba, para
facer os chourizos, a carne do xabaril con touciño de porco porque esa carne é
moi seca, así co touciño era máis jugosa”.
(A caza do xabaril en terras de Arzúa, santo Estevo, aló polos anos corenta; as fotos son unha xentileza de Rosa Fernández Salmonte e da súa filla Elena Miranda)
Non é mala estampa. Digna dunha comedia
bárbara valleinclanesca.
(Tessera de hospitalidade en forma de xabaril. É unha reprodución en cobre da orixinal atopada en Uxama Argaela, actual Burgo de Osma, provincia de Soria, territorio comunmente chamado celtibérico)
(Tessera de hospitalidade en forma de xabaril. É unha reprodución en cobre da orixinal atopada en Uxama Argaela, actual Burgo de Osma, provincia de Soria, territorio comunmente chamado celtibérico)
Remato: outro meu coñecido, contertuliano dos
xoves, dime:
“Na miña terra –Aragón: Albarracín-, os meus
tíos avós cazaban o xabaril noutrora, pero eu recórdoo ben, non me gustaba
moito a min a caza, cazaban cun método pouco legal mais efectivo: levaban un
bidón de gasoil, furaban algo na terra, deitaban o líquido e alí viñan
envorcarse os xabarís, porque claro, esa mestura de gasoil e terra éralles boa
para desinfectarse, desparasitarse... E daquela, pimba!, disparaban os
cazadores e mataban os que querían...”
Non nos iremos sen ter unha lembranza de
nenos: recordades o Xabaril-Club da TVG? Os meus alumnos de segundo de
bacharelato si que relembran ese magnífico programa, con debuxos de Miguelanxo
Prado, con aquela espléndida música... Hai que pedirlle a Pepe Mondelo que nola
traia de novo... Herdeiros da Crus,
por exemplo.
Que tempos! E todo grazas a Miguel de
Cervantes Saavedra. Gloria a el, el estea na gloria.
(Kálathos decorado con xabarís, de La Guardia (Alcorisa, Teruel), está no Museo de Teruel. Pertence á esfera cultural dos íberos; a foto está tomada do libro de B. Collado Hinarejos, Los íberos y su mundo)
Ningún comentario:
Publicar un comentario