mércores, 10 de marzo de 2021

LENDO A ROSALÍA

 

FRASEOLOXÍA NO “CONTO GALLEGO” DE ROSALÍA DE CASTRO

II PARTE

 

 

 

(Estatua de Rosalía de Castro en Padrón. Todas as fotos están tiradas de Internet)

Ganar o pan da boca [sudando po-los camiños prá ganar ó pan da boca]: co verbo ganar non é frecuente a frase en galego actual, o normal é ganar o pan sen máis. Ou se cadra ganar o pan que levar á boca. Tamén se pode dicir ganar o sustento ou facer o carto. En castelán temos ganarse el pan/las judías/los garbanzos. E documentamos en estruturas comparativas como el pan de la boca, por exemplo en Cervantes (CORDE). Aí equivale ao pan noso de cada día, ponderando o necesario que é algo. No TILG rexistramos en Pintos esta fermosa unidade fraseolóxica: ¿Cansoute a ti o pan da boca?

Hoxe o gano, hoxe o como [Mais ti fas com’ó outro, oxe ó gano, oxe ó como, que mañan Dios dirá]: é citado por Ferro como refrán tomado de Pérez Ballesteros: “153.Hoxe o gano, hoxe o como: mañán *Dios  dirá” (en: http://www.cirp.gal/pub/docs/cfg/cfg14_14.pdf). A semántica coincide coa do refrán ben coñecido, Cristo gañado, Cristo papado.

Írselle os ollos [mesmo se me van os ollos cando vex’ó anoitecido un matrimonio que fala]: ‘devecer por, sentirse atraído por algo ou alguén’

*La mar [Pró de isto á casare, añadeu contento de si mesmo, ainda hay lamare]: C. Ríos Panisse observa atinadamente en nota que é un castelanismo fraseolóxico, achegado por necesidade da rima; neste contexto en galego poderiamos dicir que hai/media un abismo; nun rexistro coloquial tamén se pode dicir que hai a mitra (en verso) ou a mitra inversa; noutros contextos temos: un marabán de, unha che [variantes locais, de Trasdeza]/unha chea de, unha man de etc.

Léveme Deus se [Léveme Dios si no é certo]: frase con valor enfático, aseverativo; especie de xuramento. A fraseoloxía con Deus ocupa páxinas largas en galego.

Léveme/léveche o deño se [léveche o deño si eu quixera que]: negación enfática, para nada quero eu o que se expresa na oración introducida polo se.

Malo de + PRONOME PERSOAL [Seica te costipaches co resío da serán, malo de ti]: a frase expresa conmiseración. Equivale a dicir ‘pobriño’ ou ‘pobre de ti’. Só documentamos outra concorrencia no TILG (malo de iles). Malo dela, da frase, que se perdeu e non chegou ao galego moderno.

Matar o candil [coma viuda matou o cantil e todo quedou as escuras]: esta colocación non pasou ao galego moderno, pero si matar a luz co mesmo significado, ‘apagar’.

Meter pantalla [c’a mula po-las bridas que eran novas asi com’os demais arreos, e metian moita pantalla]: a frase non se usa xa na lingua actual, pero enténdese de marabilla. Quere dicir que a aparencia era de pompa ou boato, que armaban moito aparato. No TILG documentamos ser persoa de moita pantalla. Tamén no castelán de América se documenta esta acepción de pantalla como fachenda, pura ostentación. Recordemos que a pantalla é tamén a carauta elaboradísima do Entroido de Xinzo.

(Pantalla. Xinzo de Limia)

 

Meu ben [¿E quén sera agora o meu acheguiño, e quén me dirá como me decias ti, meu ben]: frase con valor afectivo. Equivale a meu amor/rei e tamén, aplicado a meniños, meu piscurriño/carochiño/pitusiño etc.

Meu dito, meu feito [Meu dito, meu feito]: refrán con certo valor de presteza resolutiva: tal como se di inmediatamente se executa.

Meu tío [¡Ai, meu tío!¡Ai, meu tío, bonito como unha prata e roxiño como un ouro, que cedo che vai comela terra as túas carniñas de manteiga! // nesa terriña que te vay comere!]: en nota lemos: “Nota do autor: N’algun-has aldeas de Galicia solen a (sic) mulleres chamar tios ôs maridos”. No DdD recollen tío como tratamento de respecto para persoas non emparentadas co emisor varios autores: Leandro Carré, Eladio Rodríguez, X. L. Franco Grande, Constantino García (en terras de Curtis, Sobrado e Val de Burón) e Eligio Rivas co valor de señor(a). O noso colega, o bergantiñán Emilio Facal chamábanos tía Charo como tratamento entre afectivo e deferente, seguindo o uso tradicional de Malpica.

Miña xoia [qu’ó fin contigo, miña xoiña]: frase con valor afectivo. Conmuta por meu ruliño/tesouriño.  Coa entonación adecuada miña xoia pode cobrar valor despectivo. Este fenómeno, da ambivalencia semántica, da coexistencia dos dous valores semánticos polarizados -o positivo e mais o negativo- dáse con relativa frecuencia. Este é un bo exemplo.

Morte negra [a mort’e moy negra]: a formulación verbal rosaliana documéntase moito menos ca a frase substantiva, especie de colocación, morte negra (48 concorrencias no TILG). No folclore contístico tamén se documenta morte pelada. Ten valor ponderativo, alude ao carácter duro, imprevisible, fatal, da morte. Tamén se di fame negra con valor intensificador.

Negro de min [Verdade’é qu’ó teu modo de camiñar é mais barato que ningun, ¡negro de min! qu’hora teño que pagar ó portasgo]: equivale a triste/pobre de min. Na fraseoloxía a cor negra adoita cobrar valores negativos: estar negro, pasalas negras, ver algo moi negro etc.

Nin chisca [non entendera nin chisca]: ‘nada de nada’. Sinónimos: nin miga, nin chisco nin papa, nin zosca.

Nin cousa que o valla [Nin tes arrello nin cousa qu’ó valla]: equivale a ‘nin nada semellante’, é un remate negativo enfático. Variante: nin farrapos de gaita.

Non haber/ter volta [ora estache facendo as cóchegas co casoiro. Pro ten entendido que non hai volta sinón que Diolo mande]: aquí significa ‘non hai marcha atrás’.

Non quedar can tras palleiro [ó demais coma un home queira, non queda can tras palleiro]: a frase xeralmente úsase co verbo deixar; ten valor enfático e con ese verbo dá idea de exhaustividade á hora de buscar -ou esculcar e sinónimos- algo; coma quen di que non quedou nada por mirar ou por rexistrar. Documentámolo no CORGA igualmente co verbo roubar e insiste nese concepto de totalidade. Así tamén no conto que nos ocupa: di o personaxe que, querendo el, non quedaría muller por seducir. Claramente é unha hipérbole machista, de quen adopta a pose de galo conquistador.

Non quedar máis ca o ceo e a terra [non me queda mais qu’o ceo y a terra]: no canto de quedar pode concorrer o verbo ter. A frase pondera a pobreza, a escaseza de bens. Hai moitísima sinonimia fraseolóxica: quedar por portas; non ter carballo onde se aforcar; non ter eira nin leira etc.

Non ser para menos [n’era prá menos]: frase común, significa que hai razón ou motivo suficiente para aquilo que se expresa.

Non valer un *chavo [caras se venden sin valer un chavo]: castelanismo léxico. Chavo é aférese do castelán ochavo. En galego -sen saír do campo léxico da numismática- podemos dicir non valer un peso/real/vintén.

Nunca eu aquí viñera [Nunca eu aqui viñera prá non t’atopar vivo]: temos aquí un esquema fraseolóxico recorrente, enunciable do seguinte modo: nunca + SUXEITO + VERBO EN POSPRETÉRITO (nunca tal dixera, nunca tal fixera, nunca eu acá viñera, nunca el viñera, nunca tal houberas feito -en Rosalía, TILG-, nunca tal me crebaras a paciencia, nunca tal volta lle eu dera etc.). Expresa queixa, arrepentimento ou simplemente desexo de que algo que realmente sucedeu non sucedera.

O conto vai no amaño [Ti es mas listo qu’eu, ben ó vexo, e por dond’andes sabes t’amañar qu’adimira, mentras qu’eu me qued’ó pé d’o lume, vendo com’o pote ferve e cantan os grillos. O conto vay no amaño...]: Francisco Porto, a principios do XX, deixou escrito: “O conto vai n'o amaño. Frase con que se da a entender que no todas las cosas para conseguir un fin determinado precisan sólo de dinero e influencias, sino que también de artificios y maña, y en la manera de prepararlas” (en DdD). Ten valor proverbial e vén ser equivalente a aqueloutro refrán que di O tempero vai no amaño. A cousa está en sabela facer, en buscarlle o punto. Este refrán segue un modelo estrutural suficientemente coñecido na nosa lingua: ARTIGO + SUBSTANTIVO1 + vai na/no + SUBSTANTIVO2. Así temos: O tempero vai na man; O comer e o rascar vai no empezar; A ganancia vai na compra etc. Este tipo de recursividade -como o que vimos na frase de arriba-  responde ao principio de economía lingüística.

 

O dito, dito queda [O dito, dito queda, que cando eu falo é con concencia]: frase sentenciosa ou proverbial; úsase para se reafirmar no dito.

O mundo [o mundo murmura...]: aquí o mundo equivale ao común da xente.

¡O vento! [-Boy solto, ben se lambe. -¡O vento! Esas sonche faladurias]: expresión de rexeitamento ou de negación enfática. En castelán diríase ¡y una porra! Non se usa no galego actual. Na xénese desta frase quizais estea implícito o verbo LEVAR (cousas que leva o vento ou talvez que o vento o leve). En galego actual dise -prescindindo de expresións malsoantes- máis ben: si, ho! ou por aquí (arriba)! e mais tamén era boa!

Outro tanto [non vos estrañe qu’á calquera lle pasara outro tanto]: frase con valor de indefinido, equivale a ‘o mesmo’.

Para entre nós [Aqui pr’entre dous pecadores]: a frase admite algunha variante, o termo da preposición entre pode ser outro: entre ti e mais eu, pero o común, o dominante é entre nós. O adverbio aquí é opcional. A frase dá idea de ámbito reducido, en privado, complementando a verbos como quedar e sinónimos. Evidentemente o que debe quedar entre nós é algo que se fala, que se di.

Partir as cordas do corazón [que tei de ver xa morto, pártem’as cordas do corazon]: frase con valor enfático, pondera o sufrimento. Esta imaxe, a de considerar o corazón coma un órgano a xeito de instrumento musical con cordas sensibles, nós supoñemos que debe estar baseada nunha asociación popular coa forma latina, do neutro plural, corda, referida ao corazón (documéntase con moita frecuencia por exemplo no CODOLGA; aínda da misa en latín que oímos de nenos resoa a frase sursum corda). A frase coas cordas do corazón documéntase moito máis en galego ca en castelán. A primeira documentación no que nós sabemos é de Pintos de mediados do XIX (TILG). Nos corpus da lingua española peninsular CREA e CORDE, se exceptuamos a coruñesa E. Pardo Bazán, só aparece rexistrado un caso (Unamuno, quen viviu no ámbito do N.O.).

Permita o Señor que [E premita el Señore que non sudes moito]: frase con valor desiderativo. Variantes: permita Deus/o ceo que… Moito máis común en galego actual é: queira Deus que… ou Deus queira que…

Pola fresca [e hastra mañan po-la fresca]: na primeira ou última hora do día, cando vai fresco.

Pola miña conta [Po-la miña conta, ñ’a tia, que si meu tio nada vos dixo, foy porque se ll’esqueceu]: valor atípico desta frase polisémica; aquí equivale a ‘ao meu parecer, ao meu ver’. No TILG documéntase este uso co verbo DICIR, por exemplo en Ribalta, 1925, pero no galego actual pouco se escoita.

Poñer a vida por [nin debes falar así de quen non conoces, nin tódaslas mulleres han de ter o ollo alegre, que por moitas eu sei por quen se poidera poñer, non unha, senón cen vidas]: ‘sacrificarse por’. A frase sinónima máis común é dar a vida por. Parece haber un cruzamento con frases do tipo poñer a cabeza/a man no lume… por alguén, cun valor semántico equivalente.

Poñer medo [uns bocados de porco e de vaca que puñan med’os cristianos]: a frase, en forma de cláusula adxectiva ou de relativo, ten valor ponderativo.  En galego actual é máis común expresar este concepto así: de medo ou que dá medo velo.

Poñer os cabelos dereitos [faime pór os cabelos dreitos // á Xan puxéronsell’os cabelos dreitos]: en Rosalía (Follas Novas) tamén documentamos poñerse irtos os cabelos. Moito máis común é expresar este concepto -indica que se produce no corpo un estremecemento- co substantivo pelos. Unha frase sinónima é arrepiárselle os pelos.

Poñer os cornos [¡Vaya! dime qu’ainda viches mulleres boas, e que non todas lle saben poñer á un home honrad’os cornos na testa]: na Galicia doutrora había o feo costume escarnecedor de irlle tocar o corno a unha muller (sabemos o caso, acaecido en terras dezás a mediados do século XX, de mulleres co home fóra a quen -por envexas ou rancores- lle tocaban o corno coa finalidade de poñer en boca de todos a súa reputación) ou tamén a un viúvo que volvía casar. A simboloxía dos cornos é vella: a voz cornudo documentámola na Idade Media xa (ano 1240, en Pero da Ponte: Pedr ' Agudo, | de quen porran por cornudo, citado polo corpus XELMÍREZ). Tradicionalmente é a muller a que lle pon os cornos ao home (así no TILG en todos os casos, salvo erro); modernamente documentamos textos literarios en que é o home o suxeito (por exemplo en Memoria de Noa, de A. Conde, no CORGA). En Venezuela din montar cacho (no español de América cacho signfica ‘corno’, unha hipotética metonimia -contigüidade no espazo-, se admitimos a posibilidade de ser cacho ‘cabeza’ un galeguismo léxico, dos moitos que pasaron ao español de América).

(Chocallada aos viúvos. Tomado dun interesante artigo en prensa de X. Alfeirán)

 

Por embaixo de [corren os meniños á luz d’o luar por embaixo d’as figueiras]: locución prepositiva. No DRAG só figura o adverbio embaixo.

Por forza [de cando en cando a meterse debaixo da mesma tomba, de donde a tiñan que arrancar por forza]: aquí é sinónimo de á forza ‘contra a propia vontade’, unha acepción esta que non recolle o DRAG cando explica o significado de por forza, porque non é un uso frecuente en absoluto no galego actual.

Por seu/súa [ganar a aposta que via por sua]: aquí significa ‘ao seu favor’ pero con outros verbos pode adoptar variantes de significado; por exemplo, se dicimos que ten a casa por súa, significa ‘toda para el(a)’.

Pouco a pouco [¡Seica me queres aqueloutrare! Pouco á pouco, Lorenzo, que nin debes falar asi de quen non conoces, nin (…)]: frase adverbial, é unha especie de chamada á contención. Conmuta por amodo!

Que admira [por dond’andes sabes t’amañar qu’adimira]: expresión ponderativa difícil de documentar no galego actual, no TILG a última documentación é de 1925; está viva no portugués e brasileiro actual, en troques. En galego de hoxe en día diriamos que na miña vida, por exemplo.

Que queiras que non queiras [e... que queiras que non queiras, coma dix’o youtro, a terriña cái enriba d’os corpiños mortos]: ‘á forza’. O DRAG recolle a expresión máis breve queiras que non.

Quedar por + NOME DE PERSOA/PRONOME  [repítoche que sendo muller, non quedo por ningun-ha, anque sea condesa ou de sangre nobre]: frase bonita que non pasou -no que nós sabemos- ao galego moderno:  cero documentación no TILG, salvo a de Boado, e mais no CORGA. A principios do XIX Pedro Boado dános un bo exemplo desta expresión: un veciño qu'alí estaba tamén na sacristía quedou por el; quero decir afianzouno. O verbo quedar ten sentido en canto que aquel que afianza a alguén queda preso, comprometido na palabra, na fe que deposita nese alguén. Élle o seu valedor.

Quen me dera [¡Quen me dera ir contigo]: valor desiderativo. Tamén dicimos quen puidera.

Sen chiar [e fay desd’ahora tod’o que ch’eu diga sin chiar]: ‘sen protestar’.

Ser do meu/teu/seu tempo [casareime cun-ha do meu tempo]: ‘ter a mesma idade ca min/ti/el(a)’.

SUBS. + que Deus me/che/deu [nestes pés que Dios me dou]: o substantivo refírese xeralmente a unha parte do corpo; a frase pondera ou enfatiza o denotado.

Ter man de [e esto, Lourenzo, non se fai sin muller que teña man da casa]: ‘termar, gobernar’.

Ter o demo [Qu’es terco com’un-ha burra. Tí te-lo deño, Xan]: frase moi tradicional; en uso común, desemantizada -baleirada de carga literal-, quer dicir, desprovista xa de connotacións de presenza real do demo ou dun espírito maligno que enmeiga o cristián, a frase equivale simplemente a ti toleaches. Non se perdeu no galego actual, inda se documenta doadamente no CORGA.

Ter o ollo alegre [nin debes falar asi de quen non conoces, nin todalas mulleres han de ter ó ollo alegre]: a frase, afortunadamente, non se usa apenas -cero documentación no CORGA- no galego moderno (recoñeceredes comigo que subxace unha mentalidade inxusta, restritiva: a muller que ri non aparece como boa no refraneiro e agora dísenos -moi en contra do mandato do Mestre, quen nos invita, aos cristiáns, a vivirmos alegres- que tampouco debemos amosar alegría cos ollos…). Correspóndese coa frase castelá ser ligero de cascos.

Tomar por muller [tomariavos por muller]: a frase, formal, frase que admite o enfoque feminino -tomar por esposo, e no relato que nos ocupa documentamos tomárades outra ves home - presenta un uso moi restrinxido. Aparece na modalidade interrogativa na liturxia ou ritual do sacramento do matrimonio.

Un come-toxos: parece un hápax. Fóra deste texto rosaliano non documentamos esta expresión a medio camiño de ser unha palabra composta. Refírese a un cabalo que, pensamos, non é un cabalo de categoría, - como aqueles amentados na Historia Troyana, onde lemos: Et tragiã todos cavalos de Arabia que erã de gran preço-, senón un cabalo digamos duro, e neste sentido ben se entende que coma toxos, é dicir, afeito a todo; entendemos que comer toxos significa estar afeito ás durezas da vida. Na nosa historia literaria hai cabalos e cabalos, están os cabalos galaicos que os romanos deixaron dito que se chamaban Lampóns -veloces coma o lampo-, está a famosa besta do noso trobador ferrolá, Esquio, aquel cabalo que nin comía nin bebía nin gastaba (porque non existía: prometérallo un infanzón ao poeta e logo non llo deu, Disse hun infante ante sa companha), está o bel cavalo do poema de don Denis, está o cabalo de J. Garcia de Guilhade que aguantou seis meses sen comer… e aquí temos o come-toxos rosaliano (e aínda podiamos amentar o Ciclón[1]). Noutro lugar deste mesmo conto rosaliano é chamado tamén “cabalo farroupeiro” e dinos Mª Carme Ríos Panisse que noutra versión se denomina “cabalo pedrés”[2], datos estes que nos fan pensar nun cabalo de varias cores, por exemplo branco e negro. Tamén se pode pensar na acepción de farroupeiro ‘home de pouco valor’ (acepción aboada no DdD), aplicable por extensión ao cabalo[3]. Teriamos así un sinónimo de (cabalo) barrufeiro.

(Cadro de Laxeiro titulado "O Naranxo", serve de portada á edición do libro de Ramón Valenzuela así titulado, en honra do popular personaxe dezao, na edición citada do 2002)

 

Vállanme todos os santos [pro esto de qu’as has de votar todas nun-ha manada, sin deixar un-ha prá min, vállanme todo-los santos que me fay suare]: expresión de sorpresa, abraio ou contrariedade; aquí, porén, úsase para encarecer o que se enuncia a continuación. No TILG as variantes máis frecuentes son con Deus -vállame Deus-, co ceo ou con nomes de santos concretos (san Pedro, san Xulián, santa Susana, Xudas…).

Vir ao mundo [si túa nay non fora, ti non viñeras ó mundo]: ‘nacer’.

 

 



[1] “O Ciclón”, un conto precioso sobre un cabalo así chamado que nacera na casa, de Ramón de Valenzuela, en O Naranxo, edición de M. Iglesias e M. Pereira. Asociación Cultural O Naranxo, 2002.

[2] “A orixe popular de Contos da miña terra (Conto Gallego), obra atribuída a Rosalía de Castro”, en Homenaxe ó profesor Camilo Flores II. Universidade de Santiago de Compostela, 1999. Páx. 608.

[3] Coincide nesa apreciación C. Carro Roque: “trátase dunha característica humana (que veste farrapento, sen gosto, nin habelencia), a cal se fai aquí extensíble a un animal”, en “Rosalía e a súa obra “Conto Gallego””, Grial 85, 1984, p. 348.

mércores, 24 de febreiro de 2021

LENDO A ROSALÍA

 

DÍA DE ROSALÍA

FRASEOLOXÍA NO “CONTO GALLEGO” DE ROSALÍA DE CASTRO I

(Foto de Rosalía que figura na edición das obras completas de Aguilar)


Sobre este relato moitas boas plumas escribiron. Vouvos recomendar o espléndido resumo de C. Fernández Pérez-Sanjulián (“Sobre a recepción e fortuna crítica do chamado“Conto gallego”de Rosalía de Castro”, en: https://follasnovas.rosalia.gal/wp-content/uploads/2017/02/FollasNovas-1-Recepcion-Fortuna-Critica-Conto-Gallego.pdf). E sobre os antecedentes ideolóxico-temáticos do conto, así como sobre o «stemma codicum» (as peripecias  dos manuscritos ou versións conservadas do texto), recoméndovos o prólogo de Antón Santamarina ao libro de Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda (Sobre a lingua galega de Rosalía de Castro. Galaxia, 2020).

Fraseoloxía: Seguiremos o seguinte procedemento: 1º. Formulamos en galego normativo (salvo excepcións concretas) as distintas unidades fraseolóxicas tiradas do Conto Gallego 2º. Entre corchetes, a frase tirada do texto rosaliano na versión de M. C. Rios Panisse: http://consellodacultura.gal/mediateca/extras/2013Rosalia_TakekazuAsaka.pdf. 3º. Comentarios pertinentes.

A alma nun fío [c’a yalma nun fio]: ‘en estado de ansiedade ou inquedanza’.

Á axexa [estuvo á axexa]:  o dicionario académico [citamos DRAG, a partir de agora] non contempla esta variante en feminino; só documentamos un caso máis no TILG: en axexa; a forma estándar é Ao axexo.

A bo paso [camiñaban á bon paso]: tamén podemos dicir a paso lixeiro.

A cada paso [qu’á cada paso lle parecia que]: expresa frecuencia.

A carranchaperna [viñeras á carrancha perna, enriva d’un farroupeiro]: o DRAG dá como válidas só locucións adverbiais en plural: a cachapernas, a carranchas, ás carranchapernas, ás carranchas. En castelán a frase máis común con este valor é a horcajadas, aínda que tanto nun dominio lingüístico coma no outro hai moitísima variante local. Interesante, ao noso ver, é a raíz desta familia léxica, a golpe de ollo (ou de oído), onomatopeica: (es)CARR-CH-, que dá idea de que algo se abre; a semántica é igual á que concorre -pero aquí talvez secundariamente- na forma (es)PARR-K.

A fío [as bágoas da viudiña, que non lle deixaban de correr a fío pola cara]: complementa xeralmente verbos como suar, deitar ou manar (un líquido), sangrar, chorar e sin., indica un modo abundante e seguido de facelo. En castelán peninsular actual non é moi frecuente, pero hai casos: a hilo continuo (CREA, 1 texto de Nieva). Antigamente en castelán predominaba hilo a hilo (en Garci Rodríguez de Montalvo a hilo pero é o Amadís e cabe pensar nunha posible pegada do galego-portugués). É galego común.

A pé [O d’á pé, corria tanto com’ó d’acabalo]: a fraseoloxía con este somatismo --  é riquísima; úsase normalmente con verbos de movemento, do tipo ir, camiñar etc.

Á uña [que mesmo se desfacía á uña de tanto dór como parecía ter]: frase adverbial de difícil explicación. Non é gal. común. Documentamos: “antes escarapolábannos, e arrén dos seus , se criaban , durazos e témoros . «Peladiños a uña» ( como din , montaña arriba )” (TILG: revista Nós, ano 1921; fala da crianza descarnada, sen contemplacións, que recibían os rapaciños…). A idea, o concepto que nos suxire é algo así como por completo, totalmente, é dicir, valor de intensificación. Sempre co verbo pelar – pero máis literal, menos figurado- aparece no castelán de Costa Rica: hasta los frijoles pelados a uña (en: https://www.facebook.com/229767790404215/posts/3048686048512361/). No español de América a expresión a uña limpia é moi usada, sobre todo con verbos como rascar, atacar, contraatacar, descuerar e sinónimos, mais tamén aparece con outros verbos, por extension. Fixádevos neste uso arxentino: me amenazás a uña limpia (José Sixto Álvarez, en Costumbristas de Hispanoamérica. Cuadros,  leyendas y tradiciones. Antología de Julián Moreiro, ed. Edaf. Madrid, 2000, p. 100). En Aragón documentamos: caminar a uña limpia, dá idea de acción dura, a pelo, sen contemplacións… lo mismo el niño  aldeano,  que  a uña  limpia  camina  por   vericuetos  al ritmo   monótono  de  la   selva   bravia (1924: http://bibliotecavirtual.aragon.es/bva/i18n/catalogo_imagenes/grupo.cmd?path=3703254).

Abofé que [abofé que te vin perdida]: frase aseverativa; ben documentada no galego actual, vid. CORGA (Corpus de Referencia do Galego Actual).

Alegrar a pestana [e que ll’alegrou á pestana]: en castelán tamén se usa unha metonimia, alegrar el ojo, é dicir, ‘causar alegría’. Pouco usada esta frase no galego actual. Si se documenta, en troques, alegrar a vista, e tamén é posible dicir alegra/bulir a paxarela. Esporadicamente rexistramos en portugués alegrar a pestana (“Escassas ou nenhuma mulher para alegrar a pestana”, en: https://daliedaqui.blogspot.com/2008/03/vora-caf-portugal.html)

Alma doutro mundo [cal s’aqueles sospiros fosen d’alma d’outro mundo]: aquí intégrase unha unidade fraseolóxica -o outro mundo ‘o alén, o mundo dos mortos ou de ultratumba’- dentro doutra: alma doutro mundo significa aproximadamente igual ca ‘fantasma’ ou ‘ánima en pena’ e pode usarse, como é o caso que nos ocupa, en forma comparativa para ponderar un laio ou suspiro. Así o vemos tamén usado por M. Mato no TILG. Recordemos que Rosalía é unha moi boa coñecedora da psicoloxía colectiva galaica (tan familiarizada co mundo do alén).

Ao anoitecido [mesmo se me van os ollos cando vexo ó anoitecido un matrimonio que fala]: no DRAG figura á anoitecida. A frase adverbial documéntase ben no TILG.

Ao caer da tarde [ó caer d’á tarde]: frase rica en sinonimia: á baixadiña do sol, á caída da noite/da serán/da tarde/do sol, á caidiña da noite/da tarde/do sol, ao atardecer, ao empardecer, ao escurecer, ao poñerse o sol, ao sol posto, ao solpor.

Ao derradeiro [¿Ó derradeiro, pra qué os homes naceron si non é pra axuntarse cas mulleres, fillo da túa nai?]: ‘finalmente’. Hai variantes: á derradeira, na derradeira, por derradeiro. Ningunha delas é recollida -inexplicablemente- polo DRAG.

Ao fin [ó fin as mulleres foron feitas d’un-ha nosa costilla]: valor de conector conclusivo; en galego dise tamén ao cabo. O DRAG dá como sinónimo perfecto á fin.

Arder nun candil [viño d’o Riveiro qu’ardia n’un candil]: valor ponderativo e remite a unha realidade xa caduca, polo menos entre nós, en canto que xa non usamos os candís. Pero iso non quita para que, vencida ou obsoleta a cousa, se conserve a verba. Pasa igual con outras frases (comer na cabeza dun tiñoso -e xa case ningún de nós viu nunca un tiñoso-, apear da burra -apenas hai burros pacendo-, subir ao carro, untar o eixe, cast. caer en el garlito -vimos nas Tablas de Daimiel un garlito no museo…- etc.). A frase úsase coas bebidas mais tamén pode -por extensión- ponderar un alimento ou pondera, como extraordinario ou fóra de serie, outros conceptos abstractos, como se pode ver na prosa de Blanco Amor (no TILG). A frase estase a perder, non aparece no CORGA. Un pecado… Habería que recuperala, por puro ecolingüismo.

Así Deus me dea saúde [que me vou casare antes da festa, así Dios me dé saúde]: equivale a se Deus quere; tamén poderiamos dicir se non hai (mala) novidade.

Boi solto ben se lambe [e esto, Lourenzo, non se fay sin muller que teña man da casa e garde ó diñeiro qu’un gana.-Boy solto, ben se lambe] : baixo o lema ‘Liberdade’ recollen Benavente e Ferro unha ducia de variantes deste refrán: (http://www.cirp.es/pub/docs/frase/ref_vaca.pdf)

("Pastoral", obra de F. Llorens, Museo do Prado)

 

Botarse a pé [Lourenzo tirou diante, e Xan votouse á pé, indo detrás]: no TILG só tres documentos con esta fórmula (botar(se) + a pé, co valor de ‘andar a pé’ e con elipse do verbo de movemento: un de Valladares e outro de Álvarez Novoa. A presenza do pronome se indica un valor incoativo (marca o inicio dunha nova acción). Valor que vemos noutros exemplos: Entón nosa dona deceuse a pé quedo do seu carricoche (Sarmiento, TILG), E o dono tivo que coller a albarda ó lombo e irse a pé (Risco, TILG).


 

Botar nunha manda [O conto vay no amaño... pro esto de qu’as has de votar todas nun-ha manada, sin deixar un-ha prá min, vállanme todo-los santos que me fay suare]: esta frase ten valor fraseolóxico, equivale a meter no mesmo saco ‘valorar, xeralmente en sentido negativo, da mesma maneira varias persoas, sen establecer as pertinentes diferenzas’; dubidamos da fixación: non a documentamos fóra deste texto rosaliano.

Cabalo grande, ande ou non ande [Cabalo grande, ande ou non ande, e xa que grande n’o podo ter, sin él me quedo e sirvome d’os meus pés]: é un refrán, cabalo pode conmutar por burro, barco, coche etc.

Cerrar ollo [non podia cerrar ollo]: cerrar admite sinónimos, como fechar, pechar, pegar, pregar. No noso -de Carme López Taboada e unha servidora-  Dicionario de Fraseoloxía… 2020 tamén damos como  sinónimo prender no sono. Ben bonitas todas.

Co corazón posto en [c’o cora-son posto na muliña branca, a yalma en Lourenzo, e a esperansa en Dios]: esta unidade fraseolóxica podía formularse cunha casa baleira, como por exemplo: SUBS. ABST. + posto en. O termo da preposición xeralmente é humano ou divino (en min, en ti, en nós, en Deus) e o substantivo abstracto é do tipo: alma, conciencia, confianza, esperanza, fe,  fiducia, pensamento,  recordo -tirados todos do TILG-; significa ‘pensar ou confiar intensa ou poderosamente en’.

Coma a Madalena [poñéndose como a Madalena]: pondera o moito que alguén chora.

Coma a neve [frio com’a neve]: a frase pondera o brancor ou a friaxe.

Coma (a) fillo de rei [que te arrolan nas fiadas e nas festas coma a fillo de rei]: a frase pondera o ben coidado ou tratado que está alguén. Non se documenta moito, pero non dubidamos do seu carácter fraseolóxico. Mª Teresa Otero usa coma filla de rei para ponderar a beleza dunha meniña (CORGA); a comparanza responde ao arquetipo de seren todas as princesiñas fermosas, así nos contos tradicionais.

Coma á(s) meniña(s) dos ollos [qu’a estimo por isto, e por ser boa, com’as niñas d’os ollos]: pondera o cariño ou aprecio.

Coma as uvas de cacho [eres rabudo com’as uvas de cacho]: a frase comparativa enténdese ben. Significa ‘moi rabudo’. A xénese, a orixe, xa é outro conto. Hai talvez un xogo de palabras? “Rabudas” porque teñen esas uvas moito rabo? (Igual que se xoga coa polisemia de agarrado  na frase castelá agarrado como un chotis ou de curioso en a curiosidade é boa para a roupa; curioso  ‘ordenado’ ou ‘interesado en saber’). A frase cítaa Ferro (http://www.cirp.gal/pub/docs/cfg/cfg08_09.pdf). Cacho ‘acio’ está vivo en portugués actual. Tamén nalgunha zona de Galicia. Sarmiento, no XVIII, documenta uvas de cacho branco e cacho negro (DdD). Se cadra eran uvas con sabor acedo.

 

Coma días ten o ano [á quen ll’ei de decir tantas misas coma dias ten o ano]: pondera cantidade. Nós sabemos de dúas edificacións con moitas ventás, e a xente di: “ten tantas fiestras como días ten o ano”, unha é o pazo de Soutolongo, Lalín e a outra é unha vella fábrica –“Casa da fábrica”- que está en Rellas, Silleda.

(Casa de Rellas, fotos tiradas de Internet)

 

Coma do demo [arrenega de elas coma do demo]: valor ponderativo. Tamén se pode usar co verbo fuxir e sinónimos. Variantes: (fuxir) coma da peste/da queima.

Coma o outro [Ti fas coma o outro]: alude a algo coñecido, fixado polo costume.

Coma os cangrexos [Atravesado coma os cangrexos]: a orixe de moitas frases, como podedes comprobar, está na observación directa do comportamento dos animais. Aquí, como noutros casos, xógase coa polisemia das palabras. Os cangrexos andan atravesado: unha persoa é atravesada no sentido moral, cando obra non con rectitude senón moi ao contrario.

Coma raposos [de tanto camiñare veñen cansados coma raposos]: para ponderar o cansazo é frecuente que na comparativa apareza o burro, pero tamén o raposo (ou o zorro) se documenta en galego, así no TILG, texto de Luís Moure.

Coma se lle saíse da alma [saloucando como si lle saíse da ialma]: pondera a veracidade ou intensidade dun sentimento. Propiamente a unidade fraseolóxica é saír da alma.

Coma se tivese a perlesía [¡tembro coma si tuvese a perlesia!]: esta parálise ou perlesía responde á acepción nº 2 da entrada PERLESÍA do DRAG. A frase comparativa é relativamente popular. Hai moitos sinónimos fraseolóxicos: tremar coma un azougado/un vime/un xunco (verde)/ unha vara (verde). Amais de Rosalía, botan man dela escritores de léxico impagable, como Blanco Amor ou Iglesias Araúxo.

Coma un ouro [bonito como unha prata e roxiño como un ouro]: pondera a bonitura.

Coma unha burra [Que es terco coma unha burra]: pondera o testalán que é alguén.

Coma unha cesta [tratándose de aquelo da franqueza das mulleres, todas deitan coma as cestas]: igual que unha cesta deita ou perde auga; pondera a inconsistencia.

Coma unha prata [bonito como unha prata]: pondera a bonitura, mais tamén pode usarse esta frase para ponderar a limpeza.

Coma unha vara verde [tembrare com’un-ha vara verde]: vid. arriba.

Con bos ollos [ela mirouno con moi bos ollos]: ‘con ánimo favorable’.

Con (moita) gana [comer con moitas ganas]: a forma estándar é en singular.

Condenado de min [-¡Condenicado de min, que seique é certo!]: expresa conmiseración.

Contos de vella [xa me van parecendo contos de vella]: variantes: Contos da feira, contos que van para a feira/para o mercado/para ningures, cousas que van para a misa, un conto que vai para a misa; en cast.: Cuento chino, Cuentos de vieja, habladas de borracho (esta última no español de cast. de América). Por que vella e non vello? Moi posiblemente porque na cultura galega a muller é en boa medida a depositaria da tradición, do coñecemento ancestral, en herbas, en cantigas (recórdese neste sentido o que deixou escrito Sarmiento sobre a prodixiosa capacidade creadora espontánea da muller galega), en ritos curativos e propiciatorios… E sumémoslle a isto que sobre a muller recae o vello mito de laretar de máis e darlles leria e prestarlles oído ás malas linguas viperinas, nunca mellor dito. En fin, o caso é que no noso refraneiro (tamén na fraseoloxía nominal: arco da vella, vella fervendo as papas) aparece con frecuencia a muller vella como protagonista: Está a vella morrendo e está aprendendo, A vella dos anos mil gardaba pan para maio e leña para abril, A vella de escarmentada pasa o rego (ar)remangada, Bago a bago unha vella encheu un canado, A necesidade fai á vella trotar, Nin de moza nin de vella non sentes o cu na pedra, Ten o pecado da vella: tanto lle dá polo que vai como polo que vén, Vezouse a vella ao mel e sóubolle ben etc.

Contra vontade [qu’estonces eu o fixera anque for a contra voluntade]: a frase admite posesivos intercalados; documentamos desde a Idade media contra mia voontade, contra suas voontades (Corpus Xelmírez, http://ilg.usc.gal/xelmirez/xelmirez.php?pescuda=voontade&corpus=notarial).

Correr a bóla [cando nesta nosa terra se da en decir qu’un can rabiou, sea certo ou non sea, corr’á bola]: ‘circular unha noticia ou un rumor’.

Coxear do mesmo pé [unhas e outras foron feitas da mesma masa e coxean do mesmo pé]: ‘ter o mesmo defecto’.

 

Dar Deus + COMPLEMENTO DIRECTO [Qué sobriño che dou Dios]: valor enfático-ponderativo; equivale a dicir que bo sobriño!

Dar palabra de (casamento) [dé nesta mesma noite palabra de casamento]: ‘comprometerse a’. Tamén se constrúe con cláusulas de infinitivo: dar palabra de ser bo, por exemplo. E pódese dar palabra de xuramento etc.

De cando en cando [de cando en cando a meterse debaixo da mesma tomba]: variantes: a cada canto, de cando en vez, de vez en cando.

De a cabalo [O d’á pé, corria tanto com’ó d’acabalo]: o dicionario académico dá esta frase como sinónimo perfecto destoutra: a cabalo.

De aquí a + EXPRESIÓN DE TEMPO [Pró á ser, tiña que ser d’aqui á un mes]: marca un prazo de tempo que se empeza a contar no momento presente.

De Deus [Camiños de Dios]: frase con valor enfático; ocasionalmente cobra o valor de ‘enfadoso, molesto’.

De nacenza [e eso venche xa de nacenza]: ‘de nacemento, de nación; que se ten desde o momento de nacer’.

De pronto [Cando de pronto oyeu]: frase adverbial, equivale a de súpeto, de repente.

Dencho coa viuviña [Dencho c’a viudiña]: as variantes -moitas delas eufemísticas- para designar o demo son numerosas; o DRAG trae estas:  demoño, diabo, diabro, diantre e diaño. Meu pai, coruñés, dicíalle perecho, miña bisavoa valdeorresa demoro. No TILG hai un listado longo doutras variantes no texto de Vaqueiro et alii. A variante rosaliana, dencho, só aparece -fóra de Rosalía- nun autor máis (TILG) e rara vez no cancioneiro ou cantigueiro popular.

Deus dirá [Mañá Dios dirá]: malia poder ser interpretado como formante do refrán hoxe o gano, hoxe o como, en realidade esta é frase autónoma, e así aparece usada tanto no TILG como no CORGA. Son variantes: mañá dixo Deus o que sería ou Xa Deus dirá. Implican confianza na Providencia e de forma indirecta fan pensar no consello evanxélico aquel de a cada día bástelle o seu afán.

Deus me valla [¡ay! Dios me valla...]: equivale a Deus me axude ou vállame o ceo. Valor exclamativo. Na Idade Media documentamos a frase por exemplo na poesía de Don Denis: Vede-la frol do ramo, | valha Deus! (expresa pesar porque coa chegada da primavera o amigo debe partir á guerra).

Deus me/nos libre [por aquelo dos cornos retortos que se guindan ó pé da porta, e xa se sabe que un mal tira por outro. ¡Diono libre! // unhas e outras foron feitas da mesma masa e coxean do mesmo pé. Dios che mas libre do meu lar]: frase propiciatoria, para esconxurar un mal.

 

Diancre de home [Diancre d’home! que mesm’as veces penso s’eres d’aqueles que saùdan o crego solo por que non digan]: frase exclamativa que denota enfado ou pasmo; outra variante, diancre, que non figura no DRAG. A fraseoloxía co demo é riquísima en galego.

Dicir amén [di a todo amén]: ‘acatar, consentir, amosar acordo’.

Do seu sangue [xente d’a sua sangre]: metonimia. O sangue equivale á familia, á liñaxe.

En besta [ora teño que pagar o portasgo sólo porque vou en besta]: equivale a (ir) a cabalo.

En secreto [casaremos en secreto]: ‘secretamente’

En verdade [En verdade, malo me vai parecendo o casoiro]: ‘verdadeiramente’.

Estar feito da mesma masa [unhas e outras foron feitas da mesma masa]: ‘ter as mesmas calidades’. A frase admite un valor neutro, non necesariamente negativo.

Facer as cóchegas [Ti telo deño, Xan, i ora estache facendo as cóchegas co casoiro]: temos aquí unha variante de cóxegas. A frase ten o valor de ‘ilusionar’.

Facer as figas [tamén se dan beliscos e rabuñadas, e paseniño se fan as figas]: a unidade fraseolóxica común é facer a figa, en singular; así no CORGA, onde non hai nin unha soa documentación en plural.

(Figa de acibeche, servía de amuleto contra o mal de ollo)

 

Facer(lle) o pranto [que lle facían o pranto, turrando, turrando polos pelos como si fosen cousa allea]: alude a unha serie de manifestacións de dor ante un morto. Chórase e láiase ben na casa ben camiño do cemiterio e como se ve no texto, tamén se pode un autolesionar en manifestación ostentosa de dor. A frase é común ao galego e ao romance central hispano (fazer el  planto xa en Berceo, CORDE). Na Galipedia este texto rosaliano serve de modelo no relativo aos costumes populares sobre a morte (https://gl.wikipedia.org/wiki/A_morte_na_cultura_popular_galega). Facer o pranto era todo un ritual. Valle Inclán, enchoupado da nosa cultura tradicioanal, nunha das súas comedias bárbaras -en Romance de lobos- faille dicir a unha súa personaxe: ¡Qué poca gracia tienes, condenada! Adeprende cómo se hace un planto. ¡Rosa de Jericó! ¡Rosa sin espinas! ¡Mi reina de las manos blancas…”, cando morre dona María.

(Carpideiras labradas na pedra. Santa Eulalia de Bóveda, Lugo)

 

Facer os cornos [o demo hastra á cruz lle fai os cornos de lonxe]: equivale a facer un xesto cos dedos índice e maimiño, coma quen fai unha burla aldraxante. En Risco o verbo facer conmuta por poñer (puñan os cornos coa mau cando pasaba o Santísimo, TILG).

Facerse rogado [n’atopey nunca muller solteira que non se fixese muy rogada]: equivale a ‘darse a valer’.

 

::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::