venres, 20 de novembro de 2020

LENDO A...

 

LENDO A MANUEL NÚÑEZ SINGALA (E MARABILLÁNDONOS DA SENSIBILIDADE DA FOTÓGRAFA ANA YTURRALDE)


 

(Fotografía de Ana Yturralde, tirada de Internet)

 

Hoxe quero animarvos a que reflexionedes sobre un tema social ou político-social. E tamén a que leades o libro que vos recomendo, Camiños na auga, do escritor M. Núñez Singala.

O tema está de plena actualidade, por causa do desembarco continuo de centos de seres humanos, procedentes de África, na illa de Gran Canaria, en Arguineguín. Un grave problema sobre o cal non deberiamos permanecer indiferentes. 

 

(Foto de Elvira Urquijo, tomada da prensa en Internet)

 

Vai para catro anos que o Manuel publicara o libro que hoxe vos recomendo, Camiños na auga. Escribiuno tras ser impactado polo caso do albino africado que chegara a Canarias no ano 2009. Unha fermosa e esperanzadora novela itinerante que o escritor lucense lle dedica ao seu fillo Carlos para que atope tamén el o seu camiño. Palabras salvíficas… Oxalá sexades sempre capaces de axudar os que máis amades.


 

O caso do albino fainos relembrar o dito chove sobre mollado. Volvemos sobre o xa andado, outro albino chama á nosa porta no 2020. É por iso polo que hoxe traio á palestra é á vosa inquieta consideración este tema. Porque as ramificacións son importantes: avanzamos, progresamos ou imos atrás coma os cangrexos? Cesará algún día a migración en condicións patéticas, infrahumanas? Arestora, amais deses dous ou tres milleiros de persoas que chegan a Canarias desde África, arestora -digo- desprázanse a Sudán 27.000 seres humanos que escapan da guerra desde Etiopía. A Cruz Vermella e ACNUR, por citar dúas organizacións onde moitos de nós, cidadáns de a pé, nos implicamos con regularidade matemática (e a quen, en consecuencia, poderiamos apelar tamén) teñen moito traballo. Europa, dividida estes días por outras cuestións, non parece moi activa ante estes movementos migratorios. Os nosos representantes institucionais máis altos falan de que haberemos de cumprir as leis existentes. Hai un aforismo latino que di “Lex dura sed lex”. Pregúntome se a lei neste caso non será dura de máis, se non urxen novos estatutos, novos pactos internacionais… Malos tempos para a lírica, dixo Brecht hai máis de medio século. E seguimos…

 

(Fotografía de A. Yturralde)

 

Artigo deste mes na prensa sobre o caso do albino de Mali:

https://elpais.com/espana/2020-11-11/los-fallos-de-la-asistencia-juridica-a-los-migrantes-en-canarias-o-el-caso-del-albino-que-na

Artigo imprescindible do ano 2014:

https://www.abc.es/local-canarias/20140202/abci-africanos-albinos-condena-201402021138.html

Palabras do papa Francisco sobre os seres humanos forzados a abandonar a súa terra:

https://www.infocatolica.com/?t=noticia&cod=35311

 

venres, 6 de novembro de 2020

GALICIA INMORRENTE

 

De caveiras e outras historias relativas ao Día de Defuntos.

(Igrexa parroquial de Santa María de Oza. A Coruña)

 

Escribín tamén disto no seu día e publiqueino na revista do Instituto, “Alén da chuvia”, xa non recordo en que número e non podo facilmente averigualo porque téñoos todos arquivados na casa da aldea e, lamentablemente, vaiche boa ou vaiche na misa en Conxo, quero dicir que sabe Deus cando poderemos cambiar de provincia libremente. En fin, como di o refrán,  a máis non dar, paciencia e barallar. Sempre nos quedará París, que neste caso vén sendo a memoria amiga (o adxectivo tráeme a mente o dístico aquel, “ah, gaivotas brigantinas,/ miñas amables amigas”) e a información da que dispoñemos aquí na casa da Coruña e mais na Rede.

Empecemos polo nuclear para unha servidora: a memoria do pai. O noso pai, Manuel Soto Vieiro (o apelido ‘Vieiro’ vén de Almeiras, Alvedro) naceu no ano 1929 en Pedra Furada, nunha casa que xa non existe -pero da que conservo unha fotografía-, na parroquia herculina de Santa María de Oza, non moi lonxe do río de Monelos -aquel río de Monelos onde se pescaban anguías, xa choveu…- e fora bautizado nesa igrexa, de Oza. Preto da igrexa, como algúns de vós sabedes ben (penso agora en ti, Benito, caro colega, porque o teu pai e o meu son veciños de porta con porta nunha vecindade digamos eterna), está o cemiterio de Oza-Monelos (habería que dedicarlle unha páxina un día destes, aí xacen ou permanecen os restos mortais de ilustres persoeiros…). Dicía a súa nai, miña avoa, e o papá ría cando o contaba, que de rapaz el e outros compañeiros de ruada, afuracaban cabazas imitando caveiras, metíanlle dentro velas acesas e poñíanas en lugares altos e ben visibles no camiño do cemiterio para asustar os que pasaban, mentres eles se agachaban para non seren vistos. Moitos anos despois, contábame Chema (o ex profesor, sacerdote e amigo J. M. Fernández Rumbo) que cando o seu pai era novo, na parroquia coruñesa de Sésamo -onde eles naceron e se criaron- facían os rapaces o mesmo, só que por alí colgaban as cabazas-caveiras con velas acesas das árbores nos camiños.  Que pasada! 

 

(Imaxe tirada de Internet. Cemiterio do Santo Amaro. A Coruña. Anos 50. Agradecémoslle a Puri Soto térnola facilitado)


Eu sempre me preguntei se esta especie de precedente do hoxe en día famoso Halloween (de nenos na Coruña, non se coñecía ese nome nin moito menos, polos Defuntos dominaba a tradición dos colares de castañas, iso si, como xa dixen o outro día…) era privativo deste recanto ártabro… A día de hoxe algunha cousiña máis si que sei. En parte, grazas a outros blogs estupendos,  coma por exemplo, o de Rosa Brañas: http://sabichon.blogspot.com/2017/10/que-samain-nin-que-ghalouin.html

Aí Rosa proporciónanos datos moi interesantes e facilítanos a referencia dun libro sobre o tema absolutamente imprescindible, de Rafael López Loureiro. Fala ese autor das caveiras feitas co que algúns, por terras igualmente ártabras, Cedeira e arredores, chamaban os melóns dos porcos. En Irlanda, onde non debían cultivar cabazas noutrora, facíanse as caveiras cos nabos. E en terras de Extremadura, con sandías. Como vemos, ampliamos o territorio ao occidente hispano. 

 


 

A páxina sobre as tradicións extremeñas con cabazas-caveiras é tamén sumamente curiosa (“CELEBRACIÓN CÉLTICA EN EXTREMADURA”, en http://universo-celta-pueblos.blogspot.com.es/). Pregunta aí en voz alta o autor ¿Cómo es posible que dichas tradiciones célticas se hayan mantenido en el tiempo sobreviviendo a romanos, visigodos, árabes, colonos asturleoneses, etc.?, no que a min, en principio, me parece unha pregunta case diría que inxenua… Célticas ou non célticas, cantas tradicións milenarias non son capaces de conservar as distintas sociedades humans no planeta? Ablación, circuncisión, ritos de fertilidade -deitarse nas pedras que inda se documenta non hai nada en Galicia ou bañarse recibindo as nove ondas-, amuletos contra o mal de ollos,  recitativos para curar enfermidades, rituais baixo pedras ou entre carballos que inda recorda na provincia de Toledo Eugenio cando era neno etc. etc. etc. Sen querer meterme, por suposto, en camisas de once varas elucubrando se o ritual -lúdico xa no século XX- das cabazas a modo de caveiras que vivira o noso pai e viviron tantos no chamado golfo ártabro foi o que baixou ao sur como baixaron de norte a sur as linguas románicas na Idade Media… (non vaiamos facer como aquel pastor británico: unha vez, aló polo 198…, foramos a un congreso de galego a Oxford e nunha igrexa moi bonita, St. Giles, agasallárannos cun concerto estupendo, e aló quedounos o paraugas bo, de baleas reforzadas e tal; ao día seguinte Luís e mais eu pillamos un taxi a primeira hora da mañá e tivemos a sorte non só de recuperar o paraugas senón de poder estár de cháchara co pastor protestante, un culto e falangueiro oxoniense que, ao saber que eramos galegos, empezounos a falar de tradicións comúns, en concreto da gaita e dixo, literalmente, “un instrumento musical ancestral que baixou de aquí para alá”, aserto ante o que eu, sen pensalo moito, retruquei: “ou subiu…”).

(St. Giles. Oxford)

 

Interesantísimo, ao noso entender, é tamén un outro aspecto no que fai fincapé con suma erudición a admirada Rosa Brañas. Referímonos ao que ela denomina a comensalidade cos mortos. Si, moi curioso… Achega documentación, un documento emitido polo bispo de Mondoñedo en 1511, onde -entre outras cousas- se dicía:

Hallamos tener costumbres en muchas partes de nuestro obispado, que en los mortuorios que hacen y el día de los finados que es otro día de todos Santos, comen y beben y ponen mesa dentro de las iglesias, y lo que es peor, ponen jarros y platos sobre los altares, haciendo aparador de ellos”.

Que vos parece? Non vos recorda moito costumes que na actualidade aínda se conservan en México, onde se celebran pequenos xantares de confraternidade cos defuntos sobre as lápidas dos cemiterios? A nós persoalmente, fainos recordar tamén dalgunha maneira a alegoría tan amada polo Mestre sobre o Reino dos Ceos (é dicir, o alén, a outra vida…, a do paraíso), coma un banquete de vodas, pero banquete ao cabo, coma unha boa celebración á que cómpre incluso ir ben vestido…

Asocia con bo tino Rosa esta “comensalidade” coa figura tirsomoliniana do “convidadado” que vén precisamente do alén. Xa hai moitos anos que -se non erro- Víctor Said Armesto rastrexara aquí no N.O. romances tradicionais sobre o tema do mozo aquel que encetara unha relación lúdico-burlesca coa caveira, dálle un couce e tal e tal, e logo vén o convite etc.

Tamén no norte de Portugal, na vella Galicia bracarense, podémolo documentar sen maior problema. Este día lendo nun libro que temos na casa, Antíqua. Tradições e Contos populares, de Francisco Martins Sarmento, topamos con varios casos ou contiños relativos a este motivo; un deles titúlase “ A caveira a rir” e tratan de xente (un home ou muller novos) que tropezan ou increpan vultos ou caveiras na noite e a ensinanza vén sendo esta: nunca mais te tornes a meter con quen passa. Nun deses relatos do pobo recollido por Sarmento hai un convite a cear, prototípico. Efectivamente, dá que pensar que a feitura literaria ten base popular.

En Friuli ou Friúl (moitos de vós, ex alumnos, oístesme falar da miña estadía en terras friulanas… fermosa terra, hospitalaria xente, difícil lingua minorizada, boa etapa da vida), recollera Italo Calvino un conto onde hai dous amigos da alma… Un morre e o outro cando chega a voda convida o defunto ao banquete… Total, volvemos á “comensalidade” cos defuntos. Unha historia fascinante. A comunicación entre vivos e mortos. 

(Foto tirada de Internet)

 

Podemos falar de “celticidade”? Que queredes que vos diga? Privativo dos celtas non será, pero celta é de abondo. Recordade que en Friul estaban os celtas cárnicos, habitantes da Carnia (mesma raíz ca os galegos Carnota e Carnoedo). Vale. Por hoxe xa viaxamos bastante.

Esquecíame comentarvos que cando publiquei na revista do Insti o das caveiras e falei de Chema que é de Sésamo non sabía a etimoloxía dese topónimo coruñés e hoxe si. Ou iso creo. Saíu na prensa non hai moito un artigo sobre SEGUISAMA-SASAMÓN en Burgos (o actual Sasamón de Burgos cadra preto do vello castro campamento romano, Segisama, e este ano fixeron novas escavacións, nas que participaron varias Universidades, entre elas a de Santiago…) e claro, ao ver xuntas esas palabras maiusculadas (xuntos os lugares no espazo, sobre todo) xa vimos claro que o étimo verosímil de Sésamo é *SEGUÍSAMO, é dicir, un superlativo formado sobre a raíz celta SEGOS ‘victorioso’, un adxectivo en grao superlativo que se adxuntaría a un nome común masculino elidido, do tipo, verosimilmente, ‘castrum’, ‘castellum’, ‘oppidum’ ou incluso ‘vicus’. Agora si, agora si que vos deixo. Saúdos e saúde!

 

(Víctor Said Armesto. Foto tirada de Internet)

xoves, 22 de outubro de 2020

 

A CORUÑA

 

A propósito dun congro coruñés

 


(Congro en "De Profundis", debuxo de Miguelanxo Prado)

Hoxe imos cambiar de trincheira (en castelán cambiariamos de terzo: xa vedes, meus queridos, que non cambiamos, porén, de campo nocional, quedamos sempre no campo militar, polo menos se pensamos na acepción terzo ‘rexemento de infantería española’). Imos falar do congro. Cando era nena xa coñecía este peixe porque mamá nolo poñía ás veces guisado coma se fose a pescada á galega, con chícharos e coa allada con pemento doce por riba. Había que ter coidado porque, aínda que ela cociñaba máis ben as boas toradas de xunta a cabeza, é un peixe de moita espiña. Pero cando me interesei de verdade polo congro foi -tamén hai moitos anos- foi a primeira vez que lin Cousas de Castelao. Naquela cousiña dedicada á mandadeira, a señora Sinforosa, dicía ela:

Unha salve por Ramón Collazo que o levóu un cóngaro e nunca máis aparecéu. (Castelao, Cousas, é aquela que empeza TODOS  CANTOS  SABÍAN  ALGO).

 

("Cazador de congros", pintura de Miguelanxo Prado)

A min esa frase quedoume para sempre na cabeza, ca!, pensei, este bicho debe de ser terrible, unha especie de pequeno monstruo. Por iso pensei tamén que os monstruosos peixes que Miguelanxo debuxou no seu cadro dun celta Don Quixote loitando co Atlántico, pensei -digo- que eran congros. Non son, pero poderían ser. Aínda lle preguntei onte, para asegurarme e díxome que non: Son peixes imaxinarios, inspirados nos abisais. En “De profundis” si que hai congros xigantescos... Grazas, Miguel, por recordarmo.

 

("Don Quixote. Batalla en el mar", tema absolutamente mítico do home que loita co mar, moi celta e moi atlántico. Obra de Miguelanxo Prado)

 

A idea de retomar o tema xurdiu o domingo pasado. Había unha boa mañá para pasear e fomos ata o Portiño, nun dos nosos paseos favoritos. Un percorrido que nunca defrauda, rara é a vez en que non aprendo algo novo ou en que non me fixo nun detalle que antes me pasara desapercibido. Algún día escribiremos sobre o propio Portiño. Ao chegar á praza con adoquíns onde aparcan os coches había un home que estaba acoitelando un congro enorme. Víase a carne branquiña branquiña que daba gloria. E a descomunal boca aberta cos dentes coma unha serra. Achegámonos e pregunteille onde o pescara. O home non era nada amable nin xentil e respondeume seco que onde ía ser, alí no mar. Vale, e engadín algo así como iso xa, pero eu quería saber en que lugar concreto por se saltaba un nome, Paredes, por exemplo. Entón el dixo que non, que non sabía nomes destas paraxes e nós dabamos xa a volta cando un segundo home que estaba ao seu carón, maior ca o pescador, achegouse a nós e mostrounos unha foto estupenda onde se vía o pescador de pé -un tipo de mediana, tirando a alta, estatura- cun congro xigantesco tamén en vertical, dunha altura que superaba á do home. Este pescouno en Muros. Falamos algo máis, despedímonos e nós volvemos camiñando cara á cidade. Eu relembrei aquela vez en que, sendo os rapaces moi pequenos, foramos xantar a Caión e aló no peirao, contábanos un mariñeiro -estabamos ollando aquela furna xigantesca que se ve enfronte- que os congros son ferocísimos, eu téñoos visto botarse ás pernas das mulleres cando os homes os están desembarcando, xa pescados, da barca á ribeira...

 

(Paseo cara ao Portiño. As illas. En primeiro plano, Paredes. Tamén hai Punta de Paredes)

Este mariñeiro de Caión non é o único. Lemos na prensa o que nos di outro, Roberto López: Cóntanos que o congro é un peixe perigoso, porque é moi forte e tarda moito en morrer, e trata de trincar para defenderse, e cando morde pode arrincar os dedos do mariñeiro (en: https://www.laopinioncoruna.es/television/2020/05 en /31/rivadulla-adentrase-playa-nemina-na/1506293.html)

 

 

(Secadeiro de congros en Muxía. Que nós saibamos só quedan un par de secadeiros de congro en Muxía. Ao congro seco é ao que Cornide chama "cecial")


(Foto da autoría do xa falecido Ángel Ruiz, feita nos anos 50 do pasado século, xa non sabemos exactamente onde, pero si que foi na costa coruñesa. Parece un secadeiro -sumamente artístico, daliniano- de raias)

De remate, transcribo para vós un relato, case mítico, do encontro dun pescador cun congro ferido. Fixádevos na ferocidade da loita que o congro mantivo con outro animal misterioso. Chama a atención o misterio, efectivamente, e mais tamén o carácter híbrido, estraño pero monstruoso, do ser mariño.

 

O misterio da Praia de Alba

 

        «Algúns din que no ano da primeira peste aparaceu na p

raia de Alba un enorme congro ferido mortalmente. Entón Ferreira, un coñecido pescador que vivía coma un eremita nunha casoupa xunta á praia, avanzou cara ao extraordinario exemplar de peixe anguía e este, emitindo uns xemidos similares aos dun ser humano ferido, volveu a súa cabeza cara a Ferreira como pedindo axuda.

        O pescador non o dubidou e atando unha corda sobre o corpo do congro logrou arrastralo a un pequeno lago formado entre as penas. Lonxe de rematalo, Ferreira cortou un anaco do peixe, xunto á cabeza, que estaba danado por outro animal mariño de maior fortaleza. Porén, o que máis lle estrañou ao pescador foron unhas feridas, preto da cola, que tiñan o aspecto, en conxunto, dunha caveira. Unha vez que Ferreira curou o congro, deixouno no pequeno lago de onde non podía escapar e dirixiuse a Suevos para contarlles aos conveciños a historia do congro ferido. Saíron con el cara á praia de Alba e cando viñan atravesando o regacho -despois encoraríase para a refrixeración das industrias de Sabón- oíron un forte laio que procedía da praia de Alba.

        Ferreira, que se adiantara, chegou ao lago formado entre as penas e mirando as augas estancadas, onde debera estar o congro, berrou angustiosamente e co ollar cravado no estanque ficou mudo e espantado. Mentres, no mais profundo das altas vagas da praia de Alba, unha silueta de peixe, vermello e chameante, cunha cabeza humana parecida a unha caveira, asubiaba sen parar cara ao grupo. O estraño e diabólico peixe avermellado aparecía coa onda primeira e ocultábase tras a “terceira maría”. Logo desapareceu. No pequeno lago quedou gravada, no fondo, a forma do peixe sobre fentos mariños.

        Disque Ferreira saía todas as tardes a buscar o seu congro ferido e que ao final se volveu tolo e contaba que se atopaban no medio das augas e o peixe, agradecido, enchía polas noites as redes de todas clases de peixes. Ninguén máis logrou pescar coma Ferreira» (versión ao galego nosa, baseada nun relato que limos hai anos en Leyendas del Kilovatio Gallego, de Ramón García Fontenla, publicado por FENOSA, A Coruña, 1973, pp.145-152)

 


 

 


(Arriba, páx. onde fala Cornide do congro)