xoves, 2 de novembro de 2017

ENTREVISTAS



ENTREVISTA A ERNESTO E. CALO, SECRETARIO DA AELG


(A título de limiar:
Baixamos a reciclar cousas vellas e pesadas do que xuntara en vida o meu sogro na aldea. Xa noite pecha pero nada de frío polas rúas. Logo decidimos dar un paseo ata as bandeiras, alí onde o mar lambe as centenarias pedras do Caramanchón –outros din a Coiraza-, alí onde unhas ondas brancas de material sintético recordan os heroes galegos sacrificados no altar do Orzán en noite de invernía por quererlle salvar a vida a aquela criatura na flor da mocidade...  Nótase que vivimos días en memoria dos que se foron... Camiñabamos alumeados polos dous faros tan distintos: o que dera nome á amada cidade, faro brigantino, e a lúa en plenitude, vestida de nubes de quita e pon, lúa xogando ao tulé. Unha beleza esta noite de augas quedas e de chuvia tan desexada. E así relembrei que hoxe é xoves e que vos tiña esquecidos. Mais aquí estamos. Vivos e con gana de comunicarnos. Algo do vivido hai pouco, pensei. Unha xornada particular (Una giornata particolare) foi a que pasamos en Lugo o 21 de setembro. Tiven a honra de participar nas X Xornada de Literatura de Tradición Oral que organizaba en Lugo a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e diso falaremos hoxe. A verdade é que foi un sábado moi entretido e enriquecedor. Aprendín moitas cousas (algo vos falarei noutra ocasión) e coñecín xente encantadora. A ver, sen pretender ser exhaustiva, coñecín a Sofía –ex alumna, coma min, do Instituto ‘Eusebio da Guarda’- e ao seu esposo, Ernesto E. Calo –quen exerce de secretario da asociación-, a Isidro Novo –o escritor-, a Antonio Reigosa –o artífice de Galicia Encantada-,  e a Cesáreo Sánchez –preside actualmente a AELG, bo conversador, falounos con entusiasmo na mesa de Edward Said e insufloume a gana de lerlle unha das súas obras paradigmáticas, Orientalism-,  entre outras persoas.
O caso é que por razóns digamos técnicas eu con quen máis me comuniquei polo correo foi con Ernesto e a el me dirixín facéndolle catro preguntiñas. Ofrézovos as respostas. Hai moita información, pero que queredes, mellor é que sobre, non que falte).

ENTREVISTA A ERNESTO E. CALO


 (De esquerda a dereita: Antonio Reigosa, Álvaro Santos -responsábel da Área de Goberno Interior e Relacións Institucionais da Deputación Provincial de Lugo-, Cesáreo Sánchez e Isidro Novo. A Deputación de Lugo presta o espazo, a súa magnífica sé provincial na cidade amurallada e axuda economicamente á AELG. Así fomos convidados a xantar os conferenciantes e así publícanse as Actas, nunha moi coidada edición. Conste aquí o noso humilde agradecemento a esa Deputación, a esa cidade milenaria)


-Mª R. Soto: Ernesto, estarías disposto a responderme a catro preguntiñas?

-Grazas polo teu interese en saber da AELG. Nunca me fixeran esas preguntas, que tratarei de responder tendo en conta que eu só vivín 11 dos seus 37 anos de existencia. Quen mellor coñece a AELG é Cesáreo Sánchez, o actual presidente, quen sempre estivo pendente da vida interna da AELG, pois fixo parte do seu Consello Directivo, en distintas funcións, desde 1982, como podes ver aquí: http://www.aelg.gal/consellos-directivos ). Respondo, si, ás túas preguntas.

-Podes dicirme quen, cando e como se fundou a AELG?



-Tes información sobre isto aquí:



Tamén está estoutro documento interno, con máis información:

A xénese da AELG

A modo de preámbulo, cómpre rescatar do esquecemento a acta da reunión celebrada en Santiago de Compostela o día tres de maio de 1980, no local da Federación de Libreiros de Galicia; naquela primeira toma de contacto, un grupo significativo de persoas vencelladas á creación literaria acordaba iniciar o proceso constitutivo da Asociación de Escritores en Lingua Galega; dado o seu valor testemuñal, consignamos o texto íntegro cos nomes das persoas asistentes á xuntanza, e daqueloutras que enviaron adhesión á mesma:

 “O tres de maio de 1980, reunidos en Compostela Alfredo Conde, Enrique Feixoo, Xoán, X. Fernández Abella, Xoel Gómez, Agustín González López, Paco Martín, Xosé Manuel Martínez Oca, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé María Monterroso, Alfonso Pexegueiro, Francisco Pillado Mayor, Manuel Rivas, Manoel Riveiro Loureiro, Euloxio R. Ruibal, Xoán X. Santamaría Conde, Xavier Seoane, Xoán I. Taibo, Camilo Valdeorras e Xosé Vilas Nogueira, e contando coas adhesións, previas á xuntanza, de Xavier Alcalá, Isaac Alonso Estravís, Xoán Manuel Carreira, Manuel Catoira, Daniel Cortezón, Xavier Costa Clavell, Carlos Durán, Alfonso Gallego, Antonio Gil Hernández, Bernardino Graña, Eduardo Gutiérrez, X, López Arias, Basilio Losada, Manuel Lourenzo, Manuel Miragaia, Uxío Novoneyra, María Xosé Queizán e Siro, acordouse constituír a Asociación de Escritores en Lingua Galega, destinada a defender os intereses da práctica escrita en galego.”

 Logo dunha segunda reunión preparatoria, a AELG comeza a súa andaina oficial o 22 de xuño de 1980, no Museo do Pobo Galego, coa aprobación por unanimidade dos seus estatutos, e tamén coa elección da primeira Xunta Directiva, formada por Bernardino Graña (presidente), Carlos Casares (vicepresidente), Alfonso Pexegueiro (secretario) e Xoán Ignacio Taibo, Salvador García-Bodaño, Luís Álvarez Pousa e Paco Martín (vocais). 

 (Aquí está falando o señor Isidro Novo, con auténtica paixón, propia de quen ama as palabras: o seu tema versa sobre un arquivo de voces, do que el é cofundador, que non figuran nos dicionarios. Un arquivo que medra coas achegas de todas as persoas que lles envían unha, dúas, tres palabriñas... Diso falaremos outro día)


-Para que se funda?

-Os obxectivos estatutarios da AELG, que non variaron practicamente desde a súa fundación, son:

Capítulo II: Carácter e fins da AELG:

Art.- 6.- A AELG terá carácter corporativo en canto se constitúe como órgano Superior de representación e defensa dos intereses profesionais e non profesionais do escritor e da escritora en lingua galega. A asociación traballará polo dereito de plena profesionalidade do labor do escritor e pola plena normalización da nosa literatura e o noso idioma.

Art.- 7.- Os fins da AELG son:

7.1 Defender e representar os intereses e dereitos das persoas asociadas empregando para isto a lexislación vixente no ámbito territorial da asociación, no marco de competencias da Xunta de Galiza, do Estado Español e da Unión Europea.

7.2 Traballar a prol da normalización do feito literario e da profesión do escritor en Galiza. Promover medidas conducentes á pervivencia económica do escritor diante de todo tipo de actividade pública, literaria e cultural.

7.3. Crear un vencello de cooperación e de solidariedade entre os escritores e as escritoras galegos.

7.4. Defender e reclamar a normalización plena da lingua galega. Para a consecución deste obxectivo a AELG poderá promover cantas iniciativas estime oportunas ou colaborar con outras entidades públicas ou privadas.

7.5. Participar nos organismos da Administración Pública e nas entidades públicas ou privadas de calquera ámbito en que se debatan cuestións de interese e importancia para as persoas asociadas.

7.6. Fomentar as relación e o achegamento entre todos os escritores do mundo, especialmente da área cultural lusófona.

7.7. Promover o desenvolvemento e a expansión da literatura galega e estimular o coñecemento das nosas letras dentro e fóra do noso país. Para esta fin a AELG poderá estabelecer as medidas de colaboración oportunas con outras entidades.

7.8. Apoiar as iniciativas organizadas por outras entidades que teñan a ver cos fins que se marca esta asociación.

Art. 8.- A AELG adhírese á Declaración Universal dos Dereitos Humanos, comprometéndose a loitar pola xustiza social e as liberdades individuais, especialmente con respecto aos escritores e escritoras, e as linguas e culturas minorizadas.



- Ti cres que se lograron os obxectivos, ou?

Ao longo de case 40 anos a AELG pasou por moitas vicisitudes, que permitiron circunstancialmente maior ou menor capacidade de traballo e, por tanto, de conseguir os seus obxectivos. A impresión que teño é que se empezou con moitas ganas pero con moitas dificultades económicas mais, sobre todo, coa necesidade (compartida coa sociedade en xeral) de chegar a determinados consensos que hoxe vemos como obvios mais que daquela pexaban a organización e a vida interna da AELG. E isto até o punto de que houbo que facer unha



15/06/1985 - 08/03/1986

XESTORA PROVISORIA






para que a AELG non morrese. Neste sentido diría que o feito de non ser propiamente unha asociación cultural de acción directa e local fixo que os debates de fondo tiveran moito protagonismo.



Creo que se traballou, máis ou menos dependendo das circunstancias e da capacidade de traballo dos diversos consellos directivos, en todos os obxectivos estatutarios. Probabelmente onde menos se teña avanzado sexa no asesoramento legal ás persoas asociadas, e isto porque non se chegou a un número de socias-os que permita manter unha estrutura que conte con persoal especializado no ámbito xurídico.



- Como ves o futuro da asociación?

A AELG segue dependendo moito das achegas de fondos públicos (as cotas de socias-os supoñen apenas o 15% do orzamento) de modo que moitos dos esforzos do Consello Directivo se van en conseguir eses fondos; e dado o nivel de esixencia exasperante que se está impoñendo na súa xustificación ante as diversas administracións, tamén supón un esforzo moi grande para a oficina técnica. Quedando menos tempo do debido, por tanto, para organizar actividades de interese para a base social da AELG e para a sociedade á que se debe en xeral. Tamén deixa pouco tempo para as relacións con outros sistemas literarios.

Neste sentido, a AELG está demasiado exposta á vontade política de apoiar ou non o sistema literario. A día de hoxe a AELG ten moito máis apoio das Deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra que da propia Xunta de Galicia.

A diferenza doutros países, onde as empresas privadas apoian a cultura, en Galicia esta posibilidade está practicamente pechada. Tense intentado desde a AELG, con pouco resultado. En Galicia as empresas financian grandes eventos que reporten beneficios publicitarios, e non entenden que o apoio á cultura propia faga parte da súa responsabilidade social.

Dadas estas circunstancias entendo como acertadas as liñas de traballo do actual Consello Directivo que, ao meu ver, quere focalizar os esforzos nestes ámbitos:

1. Visibilización do sistema literario (web, axenda cultural e redes sociais):







e de actividades nas que o importante é o contacto autor-a, lector-a (paseos literarios, obradoiros de creación literaria...), iniciativas que de camiño sirvan

para poñer a nosa parte para a renovación e continuidade dun sistema literario propio. Isto inclúe tamén a sección "O territorio do/a Escritor/a", que permite xunguir a literatura co territorio do que emana.

2. Colaboracións coas Universidades, particularmente coas Facultades de Educación  e Filoloxía, para axudar a complementar os currículos con contidos do sistema literario propio.

3. Na literatura de tradición oral xa sabes que tamén traballamos, desde diversos ámbitos, alén das Xornadas de Literatura de Tradición Oral.

4. Creación dunha Sección de Literatura Dramática recentemente.

E isto é o que se me ocorrre dicirche. Xa digo, a persoa que mellor coñece a historia da AELG é Cesáreo Sánchez e, se necesitas máis información terías que dirixirte a el.

Quedo ao teu dispor cun ben cordial saúdo,

Ernesto.

(Son eu a que queda obrigada para convosco, Ernesto e demais, pola túa pronta resposta, polo tempo que lle dedicaches ás miñas preguntas, pola cortesía e cordialidade con que nos soubestes tratar).




xoves, 26 de outubro de 2017

A CORUÑA



A CORUÑA


130 ANOS DO NACEMENTO DE RAFAEL GONZÁLEZ VILLAR

 (Retrato de R. González Villar tomado a principios dos anos vinte)

 (Libro sobre o noso arquitecto, da autoría de Antonio Garrido Moreno, publicado pola Deputación da Coruña en 1998. De aquí tomamos nós datos e fotografías)

Rafael González Villar nace na Rúa Real da Coruña o 6 de outubro de 1887. Cursa os primeiros estudos no Colexio Dequidt e acaba o bacharelato en 1902. Cando termina arquitectura en Madrid, Antonio Palacios proponlle que quede no seu estudo de Madrid pero R.  González só quería desenvolver a súa profesión na nosa cidade. A carreira rematouna en 1911 e foi o primeiro da súa promoción. Así logrou unha bolsa de estudos, bolsa que compartiu co segundo da promoción: viaxaron por París, Bruxelas e Bruxas. Casa con Antonia Sainz de Varanda Lavagge en 1912, na capela do Colexio de Arquitectos da igrexa de san Sebastián, en Madrid. Veñen vivir á Coruña, onde quere que naza a que será a súa filla Antonia. Residirá ata a súa morte na coruñesa rúa Santiago.

 (Bosquexo do edificio para o Chicago Tribune, datado en 1922)

 (Café Kiki, tamén coñecido como 'Edificio Castromil', obra de G. Villar en Santiago, lamentablemente desaparecido)

 (Almacéns e Banca Núñez, Betanzos. Obra datada en 1923)
 A primeira obra realizada na Coruña dátase en outubro de 1912: é o proxecto do Quiosco Alfonso, obra encargada por Alfonso Vázquez e Dolores Leira; converterase na edificación máis espectacular erguida ata ese momento na chamada Carreira Sur dos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña. 

 ('Kiosko Alfonso', en 1912)
 Lamentablemente, con só dezasete meses de matrimonio, González enviúva. A irmá María, que vivía en Madrid, vén facerse cargo da sobriña. Rafael González sempre estivo vinculado á vida social e ás institucións coruñesas e galegas e colaborou con elas; neste sentido baste relembrar o seu proxecto para o Monumento a Concepción Arenal, por iniciativa de Manuel Casás que daquela era Presidente do Circo de Artesáns da Coruña; tamén acepta, respondendo a ese proceso de autoidentificación coa cultura de Galicia, a presidencia da Sociedade Cantigas da Terra en 1919, e foi o autor dunha fermosa maqueta para o Monumento a Curros Enríquez, datada en 1917. Sempre en relación co mundo da cultura, deberemos igualmente salientar que cando foi presidente do Circo de Artesáns organizou un ciclo de conferencias verbo de temas que afectaban a Galicia (citaremos só un par delas: unha, impartida por Armando Cotarelo –daquela vicerreitor da USC- sobre “Caracteres históricos y morfológicos de la lengua gallega”, e outra impartida por Eugenio Carré Aldao, “Nuestro pasado literario. Reivindicaciones que se imponen”).
 (Casa Molina, na Coruña -recibe o nome do seu amigo, o industrial Raimundo Molina-, datada en 1915; edificio de Palacios ao seu lado)

 (Chalé Companioni, 1927, situado na Cidade Xardín coruñesa, actualmente en perfecto estado de conservación)
 En 1929 vémolo desempeñando o cargo de Presidente do Padroado do Museo e Presidente da Real Academia de Belas Artes da Coruña. Xunto con Arturo Souto e Martínez Morás traballan para desenvolver a idea da creación dun Estudo (Sociedade de Artistas), onde poidan expoñer os artistas plásticos asociados. En 1940 é nomeado arquitecto municipal interino do Concello da Coruña. A Real Academia Galega nomeouno académico de número, mais non chegará a exercer porque abandona este mundo antes, exactamente o 12 de marzo de 1941. Descanse en paz este bo coruñés.

 (Chalé Carnicero, exento -nada que ver co contexto actual-, está nun extremo da Ponte da Pasaxe, foto de 1916)

 (Rafael González pintaba, deseñaba cadernos, deseñou fontes... Entre os seus proxectos espléndidos nunca realizados está este, para un Museo de Belas Artes na Coruña)

 (Edificios na rúa coruñesa Ramón de la Sagra, feitos en 1939)

 (Cadro da cronoloxía do noso arquitecto, autor: Antonio Garrido Moreno)

xoves, 19 de outubro de 2017

GALICIA INMORRENTE



HOMENAXE Á SUFRIDA TERRA.


ALGÚNS RITOS PROPICIATORIOS DA AUGA

(Foto tomada da prensa do luns 16 de outubro en Internet. A foto é de Delmi Álvarez. Cadea humana na provincia de Pontevedra) 

(Foto tomada da prensa do luns 16 de outubro. Cadea humana en Vigo. A foto é de M. Moralejo)


Non é un tema doado de enfocar, está quente aínda. Queima e doe. Doen as mortes, o primeiro. Unha forma de morrer tan arrepiante, ademais. A propósito das dúas defuntiñas, comentábase na familia, que duro ter que abandonalas para salvar a propia vida, pero se fose a miña filla eu tíñao clarísimo, vaite e non mires atrás, sálvate ti, que eu xa vivín moito. Acode á nosa mente a imaxe arquetípica daquel heroe, forte, en plenitude, que colle ao pai ao carrelo –como din en Valdeorras- e condúceo fóra da cidade en chamas, por pasos subterráneos: son Eneas e Anquises, e a cidade é Troia, como imaxinabades. Outro home morreu querendo salvar o gando: tan importante é a facenda para algúns galegos... Outra páxina inmorrente nos vén á cabeza, aquela de Castelao onde os paisanos renden case culto á vaquiña... Hai tantas diferenzas aínda entre os dous mundos de Galicia, o urbano e o non urbano. Quixera ser socióloga ou psicoanalista social e penetrar no corazón ou na mente, non dos que incendian –que algún haberá tamén- por causas crematísticas, intereseiras, senón daqueles que incendian sen dó de nós, coma se non tivesen nada que perder, coma se unha desesperación ancestral –case suicida- os posuíse, non podo entendelo e hai que evitar que a dor sexa máis poderosa cá esperanza. Que debemos sentar en consello, en Parlamento, e procurar novas vías para o futuro dos montes, para o futuro dos abandonados camiños, para a creación de novos postos de traballo estables no rural, sexan os que sexan pero cada día e cada ano máis..., para a educación a través desas estruturas insuficientemente aproveitadas (algúns teleclubs das parroquias deben ser algo máis que bares...), para a colaboración e autoorganización solidaria..., iso tamén está fóra de toda dúbida (díxome onte mércores Alba, unha profesional da fisioterapia nova –podía ser a miña filla-: nós facemos o que podemos, todos debiamos poñer algo da nosa parte... Eles son un grupo, unha asociación deportiva, Os Gharnachas, que cada tanto organizan marchas polo monte, no Concello de Arteixo: uns días antes sistematicamente van en cuadrilla de vinte ou así e limpan os carreiros e camiños, e son quilómetros os que limpan, por onde van correr; fano a man ou con apeiros mínimos, unha desbrozadora se cadra; Canto tempo lle dedicas de cada vez?Pois bótalle unhas tres horas, ben suadas, que conste... Velaquí un modelo de actuación).

 (Dedicación á deusa Navia. Apareceu en Lousame, A Coruña)


Porque si,  tamén existe entre nós a solidariedade: velaí esoutro defuntiño que morreu axudando á veciña. Velaí esa cadea humana en Vigo. A min encantaríame homenaxear os habitantes solidarios da Galicia en lapas, se ben tamén penso que a solidariedade non debe facernos desprazar o xusto enfoque do problema: se hai terrorismo incendiario, como din as máximas autoridades políticas de Galicia, tamén debe haber xusta resposta: en axuda ás vítimas, en resposta aos que así delinquen, en prevención –integra política forestal, integra medios técnicos carísimos como os drons, integra corpos de seguridade e investigación talvez do SEPRONA- a nivel nacional e europeo, pois que somos parte da Unión Europea; dito doutra forma, esta catástrofe económica e ambiental non pode ficar reducida a un recuncho da información no xornal con estatísticas que nos digan que sempre arde máis en Galicia e aí se acabe a cousa, coma se a cousa non fose tema de Estado.

Perante o lume, que importante é a auga. Sempre necesitamos e necesitaremos a auga. Os nosos ancestros tiñan os seus ritos propiciatorios para impetrar a auga do ceo. Hai moita e moi importante literatura escrita sobre o tema. O artigo básico cuxa lectura vos recomendo encarecidamente é o de Fermín Bouza Brey: “Ritos impetratorios da choiva en Galiza: a inmersión dos «sacra» e os vellos cultos hídricos”, publicado no libro Etnografía y folclore de Galicia (Vigo: Xerais. 1982, pp.125-138). Aí di Bouza Brey que non se sabe con exactitude a que deuses impetraban (pedían) auga os nosos devanceiros precristiáns pero ao final cita catro: Bormánico (en Hispania Epigraphica [de libre acceso na rede] atopamos, entre outras, dúas dedicacións a este deus hídrico, cuxa raíz está en borbollón, Borbón, no castigadísimo Borbén etc., no norte de Portugal, en San Miguel das Caldas e san Xoán das Caldas, non cabe dúbida da súa vinculación coas augas quentes, que ferven), Edovio (vemos en que apareceu unha dedicación a este deus prerromano precisamente nos cimentos do balneario de Caldas de Reis), Navia (un morico, unha morea de dedicacións en Hispania.., unha preto de Porto, outra en Braga, onda a Fonte do Ídolo, outra no devastado Castro Caldelas ourensán etc.) e Deva. Case con total seguridade que había máis. En Hispania E. vemos que son moi abundantes as dedicacións ás fontes (á Fons, a Fontano y Fontana, a Fontanae sacrum...) en toda a península. Ás fontes e tamén aos ríos: documentamos dedicacións ao Durio (Doiro ou Douro) e mais ao Támega (Tameobrigo, preto de Porto, na ribeira do Douro, na confluencia co Támega: así enténdese mellor o sacrificio de polos, que recolle noutro lugar Bouza Brey, a ese río-deus). E como non, ás Ninfas das augas: nas Burgas ourensás, en Caldelas, en Baños de Bande...

 (Di Eliseo Alonso, no precioso libro "Gamelas y marineros" que os mariñeiros de Camiña eran tamén moi devotos de santa Trega: para obter ventos favorables movían unha tella da súa ermida)


Da lectura demorada do artigo citado deducimos un par de cousas: unha, que moitos dos ritos que inda facemos ou faciamos ata hai pouco en Galicia, tamén se fan noutras partes de Europa; dúas, que se facían antes do cristianismo (xa no paganismo grego se mergullaban ídolos nos ríos, como Palas Atenea ou Afrodita) e tres, que se poden distinguir entre ritos propiciatorios ou purificadores e ritos punitivos, de castigo aos deuses ou aos santos hidróforos por seren “malos” e non mandar a chuvia. A medio camiño, nunha especie de terceira vía, habería que situar o curioso rito documentado polo dominico complutense Frei Alonso de Espinosa (a súa obra Historia de Nuestra Señora de Candelaria, escrita a finais do s. XVI, fíxose moi popular e o rito é abondo citado nos estudos sobre este tema de ritos propiciatorios da chuvia; nós só estivemos unha vez na illa de Tenerife, pero chegounos para facernos unha idea da riqueza cultural que se agacha naquela parte de África, ou Euráfrica se preferides, nunca está de máis crear novos compostos; teñen un museo arqueolóxico e etnográfico digno de ser visitado, coas momias guanches, co servizo de publicacións interesante, un luxo de illa). Reproducirei o fragmento unha vez máis, traducido ao galego: “Aínda que coñecían que había Deus [os naturais da illa de Tenerife, que segundo Espinosa os guanches chamaron Achinech], a quen nomeaban por diversos nomes e apelidos, como son Achuhurahan, Achahucanac, Achguayaxerax, que quere dicir o grande, o sublime, o que todo o sustenta, non tiñan rito ningún, nin cerimonias, nin palabras con que o venerasen. Mais cando as treboadas non acudían e por falta de auga non había herba para o gando, xuntaban as ovellas en certos lugares que para isto estaban dedicados, que chamaban o berrecadeiro [baladero no texto orixinal]  das ovellas, e chantando unha vara ou lanza no chan, apartaban as crías das ovellas e facían estar as nais arredor da lanza, dando beos [do verbo bear]; e con esta cerimonia entendían os naturais que Deus se aplacaba e oía o bear das ovellas e províaos de trobóns. Digo que está a medio camiño porque propicia o ánimo de Deus mais tamén lle produce dor tanto laio, algo castiga esa dor.

 (A pedra Mazafacha, da que nós temos recollido varias lendas dos nosos alumnos coruñeses. Está no monte Xalo e vincúlase a ritos líticos propiciatorios. A foto é de Rocío da Igrexa)


Volvendo a Bouza Brey, cita unha serie longa de lugares con ritos con santos hidróforos. Aumentemos nós ese listado cun novo lugar: En Berdoias está san Pedro –é o patrón-, e en Verdeogas –pertence a Dumbría- está Santiago. O Santiago, como é matamouros, ten un sombreiro de cabaleiro e tamén a espada. E o san Pedro, como é tan vello, está calvo. E logo, cando queren que chova, levan a san Pedro a Verdeogas e hai un regato (creo que lle chaman Fampa) alí no medio do campo, á beira da estrada. Entón paran e lávanlle a calva para que lle acorde mandar a auga. E ao revés, cando queren que pare de chover, sacan o Santiago para Berdoias para que recorde que o sombreiro é para o sol. (Agradecémoslle esta información, facilitada hai moitos anos, ao noso prezado colega, xa xubilado, Jesús Barrientos, natural de Berdoias, Vimianzo, A Coruña. Vénnos á memoria aquela cantiga afonsí, na que santa María fai chover en Xerez; vexo que é a número 143 na edición de W. Mettmann; o remate ten o seu aquel: Enton a Virxen as nuves abrir / fez e delas tan gran chuvia sayr, / que quantos choravan fezo riir).

Outras formas rituais e moi arcaicas, canto á orixe, de pedir máis ou menos auga en Galicia consisten en mover unha tella ou mover unha pedra. Poñemos só un exempliño porque se non isto se convertería no conto de nunca acabar: falando de Corme e arredores, di Fraguas: Un dos costumes das mulleres dos mariñeiros era a tella da capela. Para que cambiase da chuvia para o bo tempo dábanlle a volta a unha tella e para que cambie a dirección do vento colocaban a tella do xeito apetecido (en: : Antonio Fraguas (1998): “Lenda e poesía popular nas nosas rías, no noso mar”, en Antropoloxía mariñeira. Actas do Simposio Internacional de Antropoloxía In Memoriam Xosé Filgueira Valverde. Francisco Calo (coord.). Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega).

Tedes outro bo exemplo no artigo que publicara na prensa Francisco A. Vidal (https://www.lavozdegalicia.es/noticia/barbanza/2005/04/16/ritual-san-alberte/0003_3642271.htm), co título O ritual de san Alberte. Aí fálase de ritos coas pedras no monte Xalo, pero esa ritualidade atravesa Galicia da cima ao fondo.  As concomitancias atopámolos aquí e acolá, non somos os únicos en conservar ritos ancestrais. Na América precolombina tamén usaban as pedras ou os lugares pétreos para implorar chuvia: na illa de Taquile, no lago Titicaca, había unha pedra macho e unha femia (como en moitos lugares de Galicia), pedras que foron obxecto de culto. Aí preto hai un lugar-santuario-promontorio que é un lugar predilecto para implorar a chuvia en período de grandes secas.

Non podemos rematar este escrito sen darlle as grazas á Providencia (os que non comungades con este meu pensamento podedes pensar nos astros, no fátum, no poder dos vosos bos e xenerosos desexos) pola auga caída, en forma de poalla máis que en forma torrencial. Que Ela teña sempre tendida a súa man protectora sobre esta terra (re)queimada!


(Eneas, Anquises e Ascanio, o fillo de Eneas. Obra de Bernini. Fotos tomadas de Internet)