mércores, 7 de decembro de 2016

GALICIA INMORRENTE



A IMPRENTA LA UNIVERSAL

 (Sé da imprenta, na Habana, na rúa Obispo, 34)


 (Interior do local)

Hoxe vouvos falar do labor non sempre ben (re)coñecido dos galegos en América. En concreto falaremos un pouco da Imprenta ‘La Universal’ da que termaron (a partir de 1883)  na Habana os bisavós (bisavó paterno e mais tío-bisavó) do meu querido sobriño Roque Ruiz Soto. Debémoslle esta riquísima información en primeiro lugar ao traballo compilador do irmán do meu cuñado, Joaquín Eulalio Ruiz Mora, e en segundo lugar á xenerosa xentileza do meu irmán político, José María Ruiz Mora.  A eles moitas grazas.

A primeira vez que fun consciente de quen eran os artífices da Universal foi lendo a Curros Enríquez, na obra completa editada polo catedrático Elisardo López Varela (Curros dedícalles ao irmáns Ruiz un bo panexírico).  Logo, falando xa do tema nas xuntanzas familiares, puiden ter acceso a unha serie de datos que, en parte, podo agora compartir con todos vós. Esperemos que no futuro Joaquín E. Ruiz Mora publique un libro xeitoso sobre esta  histórica imprenta.



Publicaron de todo (Dereito, Regulamentos, Zooloxía, Xeoloxía, Libros de viaxes, Teses de doutoramento...). Velaquí unha selección de temas e publicacións concretas representativas (chamo a vosa atención sobre os títulos que xa forman parte da historia da Literatura Galega):

Astronomía:

Carballo, Luis J. de. Fenómenos cometarios : memoria presentada a la Sociedad  astronomica de Francia / por Luis J. de Carballo. 25 p. ; 24 cm. La Havana : La Universal, 1911.

Arquivística:

Historia de los Archivos de Cuba / por Joaquín Llaverías ; prólogo de F. de P. Coronado. (1912). Habana, 1912 (Imp. "La Universal" de Ruíz y Comp.).

Crítica literaria/Lingüística:

Rufino J.Cuervo. Estudio crítico. La Habana, Imp. La Universal, 1912.

Giralt, Pedro:  «La sencillez de Cervantes», Destellos de arte y de crítica, La Habana, Imp. La Universal, 1916

Ramos Duarte, Félix: “Crítica de Filología cubana”, Folleto, 44 p., Imp. y Papelería "La Universal", La Habana, Cuba, 191

 (Opúsculo publicado o día do Apóstolo, no ano 1887)

Cuestións cívicas variadas:

Próceres occidentales. Apuntes sobre el proyecto de erigir seis bustos de patriotas de Vuelta Abajo. La Habana, Imp. y Papelería La Universal, 1915.

Discursos:

Cuba en la Paz de Versalles (discurso pronunciado en la Cámara de Representantes en la sesión del 4 de febrero de 1920). La Habana, Imp. La Universal, 1920.

Las constituciones cubanas de Guaimaro (1869), Jimaguayu (1895) y La Yaya (1897). Discursos pronunciados en la sesión celebrada por el Club Rotario de la Habana, el día 10 de octubre de 1925, en honor de los supervivientes de las Asambleas que redactaron dichas constituciones. por Emeterio S Santovenia; Joaquín Llaverías y Marnez; Antonio L Valverde; Academia de la Historia de Cuba. Habana, "La Universal, " 1926.



Economía e finanzas:

Informe sobre el proyecto de creación del "Banco de Cuba" de emisión y descuento. Raimundo Cabrera; Sociedad Económica de Amigos del País (Cuba). Habana, Imp. "La Universal" de Ruiz y Ca., 1914.

Estatutos:

Estatutos de la Asociación Iniciadora y Protectora de la Real Academia Gallega. Imp. y Pap. La Universal, Obispo 34, Habana. 1920

Filosofía:

Ortiz y Fernandes, Fernando. La filosofía penal de los espiritistas: estudio de filosofía jurídica. La Habana: La Universal, de Ruiz y Ca. 1915.

Historia:

La conciencia española ante el nuevo mundo : (revisiones históricas) / Eva Canel.  Habana, Imp. y Papelería "La Universal" de Ruiz y comp., 1916.

Descubrimiento de América por los chinos. Salvador Massip Valdés. Habana Imp. La Universal 1918

Fernando Ortiz. La crisis política cubana: sus causas y remedios, La Habana, Imprenta y Papelería "La Universal", 1919.

Segura Cabrera, Andres, b. 1864. Ateneo de la Habana. Sección de Ciencias Historicas. 5a de la serie de Grandes Hombres de Cuba, domingo 16 de Marzo de 1919.  Gaspar Betancourt Cisneros (El Lugareno). Habana, Cuba: "La Universal", 31 p., 25 cm. 1919

Ortiz, F. “Los Cabildos afrocubanos.” Extracto de la “Revista Bimestre Cubana”, vol. XVI, nº. 1. La Habana: “La Universal”. 1921.

Las armas de Galicia / apuntes reunidos por Juan Beltrán Muiños. Habana, Imprenta y Papelería "La Universal", 1923





Literatura galega e publicacións en lingua galega:

El Regionalismo gallego : ligeras observaciones por Manuel Murguía al discurso leído por el señor D. Antonio Sánchez Moguel en su recepción en la Real Academia de la Historia, de Madrid, el 8 de diciembre de 1888. Murguía, Manuel, 1833-1923. Habana, Imp. y Papelería "La Universal" de Ruiz y Hno. 1889

Os Galaicos: poema en catro cantos. Vaamonde Lores, Florencio, 1860-ca.1925. Habana, Imprenta y Papelería La Universal de Ruiz y Hno. 1894

Campaña da Caprecórneca : novela gallega hestóreca, fantásteca e poéteca / por Don Luis Otero y Pimentel (L. de Outeiro). La Habana, El Comercio Tipográfico, c/ Amargura 32, 1898

Ramón Armada Teixeiro, Aturuxos. Colección de cantares gallegos. Prólogo de Manuel Curros Enríquez, A Habana: Impr. y pap. «La Universal», 1898

Xan da Masma: ¡A besta! Habana: Imp. El comercio tipográfico, 1899

No Desterro. Ramón Cabanillas. Imp. La Universal, Obispo 34,  Habana 1913

Ramón Armada Teixeiro, Da Terriña. Versos gallegos: Milicroques. A la-las. Caldo de Grelos, A Habana: Editorial Ruiz, 1918.

Vida e milagros de Pepe de Xan Baña en trinta anos de Cuba: Vindicación, A Habana, La Universal, 1921

Suspiros n’a terriña: depois de trinta e dous anos d’a Habana, A Habana: La Universal, 1922.

Maruxa / por Eufrasio Fernández. La Habana, Imp. "La Universal", 1923





Memorias :

Memoria de los trabajos presentados al Congreso nacional obrero. 15 de marzo de 1915. Pedro Roca e Ibarra; Juan Anga y Escobar; Asociación Cubana para la Protección Legal del Trabajo. Habana, Impr. "La Universal", 1915.

Juan A. Cosculluela: Cuatro años en la Ciénaga de Zapata (Memorias de un ingeniero), Imprenta La Universal, La Habana, 1918.

Memoria del ... Congreso Nacional de Mujeres organizado por la Federación Nacional de Asociaciones Femeninas. Imp. y Pap. La Universal. Habana, 1923.

Seguros:

Examen crítico de la poliza - tipo francesa - de seguros contra incendios. Guillermo Domínguez y Roldán. Habana, Imp. "La Universal" de Ruiz y ca., 1913. 

 (Tamén editaron unha morea de revistas, entre elas: "La Habana Elegante", "Revista de Medicina y Cirugía de la Habana", "El Eco de Galicia", "Galicia Moderna", "Aires da Miña Terra" etc.)

 (Fotografía, feita e cedida por D. José María Ruiz Mora, dun dos irmáns refundadores da imprenta, D. José María Ruiz Rodil, nado en Cervo, Lugo, en 1852; na foto figura tamén a súa segunda esposa, Dª Anunciación Enríquez Cancho, nada en Valladolid)

xoves, 1 de decembro de 2016

LENDO A...



LENDO A CASTELAO II


 (Velaquí os autores dos microrrelatos seleccionados na aula, 4º ESO A. Curso 2016-7)

No libro de texto que manexamos en cuarto da ESO hai un par de páxinas dedicadas á arte (e técnica) do microrrelato. Como exemplo ou posible modelo ao remate do tema aparece unha das Cousas de Castelao. Coincide, ademais, que é precisamente esa obra xa clásica da nosa literatura a que estamos lendo os venres deste trimestre en voz alta na aula. Os clásicos, entre outras virtudes, téñenvos esta: fornecen sempre temas e subtemas de felices comentarios. Son coma o raio que non cesa.
O caso é que lles pedín a todos e cada un do grupo (4º A) que elaboraran un microrrelato. O máximo de extensión tiña necesariamente que coincidir co máximo castelaniano da Cousa correspondente, “A Marquesiña” (por certo que debatimos un bocado sobre a idea vertida polos autores do libro de texto, verbo do porque dese alcume: só por “mala baba” ou mala uva, só por amolar ou por crueldade do pobo alcumador? Acaso non cabe un punto de tenrura ou de carga positiva sen máis? Acaso non podía ser a rapaza –descalza e todo tal como a debuxou o autor- unha persoa chea de graza, de natural elegancia e corpo delgado e lanzal? Preguntámonos en voz alta...). E todos me trouxeron un microrrelato. Algún fíxonos rir, coma o de G. Alonso-Jáudenes; noutros, con cambiar só un verbo mellorarían moito... Hainos sumamente poéticos... Tamén os hai un punto gore (explicábame Pablo a ese respecto que en Literatura Castelá están vendo o romanticismo). A ver que vos parecen estes que seleccionamos.

Velaí estás, sorrindo sen ningún motivo. Vivindo as sorrisas falsas.
                                                                              Cristina Alonso de la Fuente, 4º A

-Ola, querería un ataúde tamaño neno
                                                                              Guillermo Alonso-Jáudenes Paz, 4º A

Arrincada do seu fogar agardaba o seu final. A metade do seu corpo sumerxida na auga, e anacos da súa antiga beleza espallados arredor do seu cárcere de cristal. A fermosa rosa agardaba o final.
                                                                              Ariadna Díaz Terrazo, 4º A

E ao verse reflectida nesas pupilas azuis, unha bala atravesou o seu corazón. Ela quíxolle chamar amor.
                                                                              Ana García Lestón, 4º A

Encerráranme nunha esquina e só podía facer unha cousa.
                                                                              Manuel González Balayo, 4º A


Escravitude”
Ata que chegou aquel barco, os meus dereitos eran iguais aos de todo o mundo.
                                                                              Sergio Marcos Vázquez, 4º A

Unha enorme porta, de cor carbón, ergueuse en fronte de min. Todo o demais, arredor meu, era branco, era frío, era un espazo baleiro, coma unha noite de inverno sen estrelas. Abrín a porta: desde que pechei os ollos, non tiven outra opción. Aquel debía ser o lugar ó que se ía despois da morte.
                                                                              Sara Martínez Iglesias, 4º A

O pintor, xa tranquilo na súa casa, decidiu terminar o seu cadro para o cal se dispuxo a dar pinceladas nunha cor vermella moi intensa, era a cor do seu sangue. Minutos despois o cadáver do pintor repousaba fronte á creación que lle custara toda a súa vida e mais a súa morte.
                                                                              Pablo Eduardo Menéndez-Valdés Pérez, 4º A

Entre a penumbra e o arrepiante silencio loitei por esquivar os dentes afiados e por ignorar o renxido da morte rebentando os chanzos das escaleiras. Tentei non escoitar as voces estrañas que falaban do revés e pechei os ollos ante as aparicións das caras representantes do horror das infancias. Tratei de esconderme pero a escuridade era densa e a ameaza empanaba os cristais coa súa macabra vontade insomne.
                Xa estaba todo o meu corpo esvaecéndose entre milleiros de ollos cando cesou o espectáculo: comezou a amencer.
                                                                              Estela Novo Vázquez, 4º A

Soou o espertador e volveu ilusionarse. Hoxe podería ser o día.
                                                                              Paula Santalla Estévez, 4º A

(Imos pedirlles aos compañeiros que sexan xurado: darémoslle un pequeno premio ao autor do microrrelato máis votado)

 (Parte da vista que se pode contemplar desde a mesa da profesora ou do profesor de 4º A)

 (A vella varanda de pedra do que fora o observatorio meteorolóxico ameazaba ruína: agora acabamos de estrear unha nova de cristal resistente. Ou iso esperamos, que lles dure aos nosos netos e bisnetos outros 125 anos máis; esta foto fíxonola Marta Roibás)

luns, 28 de novembro de 2016

Berrogüetto: "O preciso movemento"


 Velaquí un tema deste eterno grupo folk galego, interpretado no tamén eterno programa da televisión "Luar".

mércores, 23 de novembro de 2016

LENDO A



LENDO A CASTELAO I


Lendo a Castelao coas rapazas do Club de Lectura dos venres (falaremos outro día das cousiñas interesantes que xurdiron), veume á cabeza algo que me contara o meu colega e profesor voso, Raúl Trillo, sobre un cadro que obra en poder da súa familia pintado por Castelao. Así que lle pedín que nolo presentara e que nos dixera algo sobre el. Velaquí tedes as súas palabras:



“Trátase dun retrato. Retrato de Llamazares. É unha pintura ao óleo sobre lenzo da autoría de Alfonso Rodríguez Castelao. Neste retrato de Castelao podemos ver tres aspectos que caracterizan o autor:  o gusto pola caricatura para acentuar unha visión realista, crítica pero humorística; o interese polo pobo desamparado: cegos, mendigos, labradores pobres... E en terceiro lugar, a execución rápida e solta da pintura coma un exercicio expresivo.
Esta pintura non está datada pero con certeza debeu realizarse no verán de 1906 ou 1907 nunha localidade próxima a Santiago, Santa Mariña do Barro, onde estaba a casa familiar duns compañeiros  de medicina e farra e onde recalou o pintor nalgunha ocasión estival convidado pola familia.


Este retrato masculino, asinando na parte superior dereita, é coñecido polos seus propietarios co nome de Retrato de Llamazares. Mostra un paisano co sombreiro no momento de acender unha cabicha cun chisqueiro. Parece ser que este tal Llamazares era un borrachín moi popular que frecuentaba as tabernas de Santiago e bebía sen tino convidado polos estudantes. Agradecido, exhibía as súas habilidades, sendo unha delas engulir un chourizo fritido sen masticar, tal como o faría unha boa, tantas veces coma fose necesario mentres llo pagaran. É de supoñer que esta atracción compostelá non debeu ter unha longa traxectoria no tempo.
Esta pintura de Castelao e outras do mesmo autor permaneceron na casa de Santa Mariña ata finais dos anos setenta coincidendo co recoñecemento oficial da figura do autor, e continúan sendo propiedade da familia”. 

 (As fotos foron feitas polo Catedrático de Debuxo do noso Instituto, D. Raúl Trillo Docampo)