sábado, 5 de xaneiro de 2019

LENDO A


Lendo a Cotarelo Valledor.

Un contiño de Nadal.

("Fuxida a Exipto" de Giotto. Todas as fotos están tomadas de Internet)

Dado que o tempo é o propicio, e que nos achamos á espera dunha certa información complementaria para falarvos doutro tema que tiñamos in mente, imos contar un contiño.
Trátase dun dos seus Contos de Nadal publicados por Cotarelo no Nadal de 1927 para a editorial Lar. Seguro que moitos de vós, ex alumnos meus, recordaredes o nome de Armando Cotarelo Valledor. El e Salvador Cabeza de León eran amentados por unha servidora cando vos falaba dos traballos do Seminario de Estudos Galegos, institución fundada en 1923, relembrades? E eu dicíavos que aqueles homes fillos e/ou namorados de Galicia facían un traballo paralelo ao que se fai (ou debería facer) na Universidade e que de feito algúns dos seus Presidentes (do S. E. G.), como Cotarelo e Cabeza de León, eran catedráticos da Universidade de Galicia. E outros se non catedráticos, si profesores, como Lois Iglesias Iglesias -presidente un tempo do Seminario, biólogo como Isidro Parga Pondal-, exemprar mestre da Universidade galega, en palabras de Ramón Otero Pedrayo.

 (Armando Cotarelo Valledor)

Importante traballo o que desenvolveu o S. E. G. Mentres non chegou a barbarie e destrución canda a guerra civil: das primeiras vítimas, moitos galeguistas coas mans limpas de sangue, e por suposto, os libros, a cultura, a montaña de datos que o Seminario acugulara paciente e laboriosamente na súa sede: só Deus sabe o que alí se perdeu! Menos mal que, como di Rivas, os libros arden mal (porque a memoria daqueles traballos non se chegou a perder nunca de todo e moitas publicacións permanecen para sempre). Aínda que arder arden, que llelo digan a Miguel Servet cando o queimaron na fogueira naquel outono de 1553 cos seus libros, ao Bradbury de Fahrenheit 451 ou ao Spielberg de A última cruzada (todos recordaredes a pira de libros que os nazis queiman en Berlín...). Indo ao caso, este conto de Nadal do ínclito Cotarelo -tamén grande dramaturgo-, titulado “ A tea de araña”, trata da fuxida a Exipto, levando só o posto,  da Sagrada Familia de Nazareth (María, Xosé e Xesús). Persoalmente sorpréndeme, marabíllame como este episodio narrado nos Evanxelios (no de san Mateo, capítulo 2) causou impacto no noso pobo: son varios os relatos, os datos de folclore, de fraseoloxía que coñecemos xerados arredor deste capítulo da vida familiar dos tres heroes cristiáns. E por que? Quizais porque nesta durísima secuencia de vida sagrada viu reflectido o pobo galego parte da súa propia realidade histórica: a sega a Castela, a emigración ás partes máis ricas de España, a emigración como gando a América, a emigración a Europa. Quizais porque esa persecución dos poderosos, dos exércitos mandados por quen ten o poder en contra dos pobres e dos humildes, esa persecución que se fai a Deus-neno e pobre, é familiar a moita xente que segue sendo pobre e humilde e segue sendo perseguida polos exércitos mal mandados dos poderosos. Está claro, demasiado claro, que o episodio evanxélico é dolorosamente actual, non prescribe.

 (Santa Helena, de Francesco Morandini)

Así que, como vos dícía, parten Xesús, María e Xosé a unha terra lontana (agora veredes en cursiva algunhas palabras do propio Armando Cotarelo, a quen Deus descanse nunha merecida gloria). Botáronse a camiñar sin mais alforxas nin mais garambernias. Entón viron que os perseguidores, os soldados, xa se lles botaban enriba...Diron sobre deles. E María case cae do susto: Á Virxe entroulle un pasamento. Pero nestas que Xosé ve un posible agocho, cubil de fera, tobo de raposo, paleira de serpe ou algo de eso. O problema é que estaba a entrada cheíña dunha impenetrable arañeira, teas de araña... tan enfluxadas de rela e de puvixa e de vermes e de moscas... Con todo e iso, Xosé logra vencer o noxo, rompe e desfai tan mesto velo e penetran no interior. Alí permanecen caladiños coma difuntos. Mentres xa se achegan os que queren darlles morte, boureando e destocando como degorrios [os degorrios son demos]... esborrecando de carraxe. Paran diante da cova. Dubidan... e xusto daquela un dos soldados dilles aos outros que é imposible que estean dentro porque as arañeiras que cobren totalmente a entrada  indican ás claras que alí non entrou ninguén, porque sería imposible entrar sen rachalas.... Era unha dedución totalmente lóxica. Alí non estaban. E fóronse.
Que pasara? Que as arañas teceran velozmente de novo as súas teas para ocultar o tesouro alí acubillado. Dío moi ben o señor Cotarelo, hoxe relembrado: O Neno Xesús sorría e as arañas beilaban diante del.
Évos moi curioso que hai anos, estando de acampada no Alto Aragón, concretamente en Escarrilla, Huesca, viaxando e facendo excursións por aló, visitaramos nun lugar espléndido non moi lonxe de Biescas a Ermida de santa Helena. Tamén ela sufrira persecución polos soldados non cristiáns e agachouse nunha cova na que entrara. Unha araña teceu mesta arañeira e así os soldados non a viron: desta lenda saen dous versos en pareado da boca do pobo: Donde la araña tejió / allí Elena se escondió. Estiven repasando as miñas notas de viaxe daquel ano. Hai máis materia que narrar, se inda queredes oír: 

 (Dolmen de Santa Helena, Biescas,  Huesca)

“Sábado, 19 de agosto. Trece horas: subimos á ermida de sta. Helena. Está no límite entre a bisbarra de Biescas e a de Tena. Houbo rifas pola súa pertenza a un ou a outro territorio. O lugar está cheo de lendas. Helena, emperatriz, nai de Constantino o Grande e cristiá, foi perseguida polos soldados romanos e chegou ata aquí. Acollérona uns labregos un día en que acababan de botar o millo. Esa noite dorme con eles. Á mañá seguinte, temendo se a descobren un castigo para os xenerosos hóspedes, decide partir e dilles:
-Non me delatedes pero tampouco mintades por min.
Así e todo, Deus fixera esa noite un bo milagre para Helena, de tal xeito que as plantas medraron moito no milleiral. Cando chegan ese mesmo día os perseguidores (soldados contrarios ao cristianismo), preguntáronlles se a viran e daquela puideron dicir:
-Vímola cando plantamos o millo.
E os romanos, ó veren tamañas plantas, pensaron que xa había moito que pasara e que lles levaría xa moita vantaxe”. Teño máis datos, preto está o chamado Dolmen de santa Helena, pero xa non fai ao noso conto. Todo isto fíxome pensar nas semellanzas entre xentes e entre pobos. E levoume todo isto tamén á alma a gana de reler un dos grandes aragoneses da historia da literatura española, a quen moito lin de adolescente e incluso recordo agora que cando era estudante universitaria fixera para o profesor Luis Iglesias un traballo sobre un dos seus libros, favorito meu, Crónica del alba. Falo de Ramón José Sender Garcés, nacido en Alcolea del Cinca, Huesca. Se a memoria me é fiel.
Bo Aninovo a todos!



venres, 14 de decembro de 2018

VISITANDO


VISITANDO




Visitamos Sepúlveda. Sepúlveda (que palabra eufónica…) e mais as chamadas Hoces del Duratón. O Duratón é un río, afluente do Douro, que no tramo medio fai unha serie de meandros e é aí, nunha contorna de extraordinaria beleza no outono, onde se achan esas foces: ese territorio foi declarado parque nacional (Parque Nacional de las Hoces del Duratón). Vemos na páxina máis veces citada neste blog (Hispania Epigraphica) que Duraton  é voz prerromana. Duratón pode ser un topónimo, hai un lugar así chamado a poucos quilómetros de Sepúlveda, moi rico arqueoloxicamente (de feito é merecente doutra páxina noutra ocasión, aí por exemplo aparecerá unha das inscricións dedicadas ás Matres), e é tamén antropónimo: Cabuniaegino / Doider[a Ae]tridia/[n]a pro salut[e] / [D]uratonis fi(lii) / Polecensium / l(ibens) m(erito) s(olvit). Nesta inscripción atopada en Aguilar de Campoo, dedicada ao deus precristián Cabuniaegino (un epíteto que moi posiblemente se poida relacionar con estoutro con r ben documentando no occidente peninsular: I(ovi) O(ptimo) M(aximo) / Cabur/nianu[s]) e conservada no museo de Santander, vemos que se fala do fillo de Duratón.



A verdade é que viñemos entusiasmados por tanta beleza outonal. Un dos meus pensamentos recorrentes, que me leva sempre a querer saber a etimoloxía dos nomes dos lugares admirados, quixo que relacionase nun principio a voz Sepúlveda  con chopeda  ou chopleda porque realmente estaba a vila, o lugar, rodeado por todas partes de populos, de choplos como di a miña nai valdeorresa (e hai pobeda para significar esa abundancia de chopos: e hai tamén moito escuridade coa familia desa palabra de orixe e/ou ramificacións non só latinas, senón tamén prelatinas…), pero xa me dixo o profesor Gonzalo Navaza [a quen agradecemos sempre a deferencia e amizade para connosco] que era moi pouco viable. Non está nada claro o étimo (eu pensaba, evidentemente, nun composto: a raíz iría próxima á de  Sebil/Sebe que garda dentro como sema posible a idea de ‘recinto’)… No camiño de ida topamos con outro topónimo que comparte a raíz con Sepúlveda: Sebúlcor, tamén en Segovia, terra de arévacos… Nalgunha páxina, turística ou non, lese que o étimo é Septem Publica (por exemplo, por citar só un caso:  querelis que uertebantur inter dominum G[eraldum], Segobiensem episcopum, et eius ecclesiam cathedralem, ex una parte, et clericos ac laycos eiusdem diocesis, scilicet, Segobienses, Septem Publicenses, Petracenses, Colarenses, Concenses, tam de ciuita/te et villis quam de aldeis, ex altera, ano 1215, en COLECCIÓN DOCUMENTAL DE CUÉLLAR (934-1492) [http://www.aytocuellar.es/wp-content/uploads/2012/07/Volumen-I-p%C3%83%C2%A1g.-45-al-925.pdf]), e iso pola existencia de varias portas de público acceso nas vellas murallas, pero filoloxicamente non se sostén, parece unha desas etimoloxías pseudopopulares, latinizantes, feitas ad hoc. E como me dicía Ana, había máis de sete portas…
 (Na visita teatralizada este é un personaxe -mitificado- que aparece tamén)


Preguntábanos á volta a xente: E como se vos deu por ir dar alá? Pois foi grazas ao noso amigo, e profesor de moitos de vós, Javier Chao. Enfatizou á hora do aperitivo un destes xoves a sorpresa grata que recibiu ao visitar a vila, cando regresaba de Madrid con Pilar; enxalzouna tanto que dixen, velaquí un lugar para ver no apoxeo do outono! E xa vos digo, unha pasada. Cousa bonita. Cheo de xente na fin de semana, difícilísimo aparcar, e non podes pretender levar o coche á pousada pero con todo e iso, recoméndovos a visita. Xente amable, bo año, boas pastas, bo embutido (aconselláronnos ir mercalo a Bodeguilla, onde hai fábrica…) e un afán notorio de preservar o patrimonio cultural.





Neste punto hai que deterse un pouco: apuntámonos a unha visita teatralizada nocturna e moi ben. Se non erro, son dous os actores que se van caracterizando de distintos papeis e Ana, que presenta o programa, vai explicando datos da historia e da arte presente nas igrexas nas que paramos (hubo 15 en Sepúlveda, consérvanse en bo estado 5) e logo ao final actúa no rol de Isabel I, ben valorada porque fronte ás intencións do irmán Enrique, ela salvagarda o estatus de vila reguenga para Sepúlveda. Tamén nos ilustrou sobradamente sobre festas populares e tradicións que veñen da Idade Media, coma a festa dos diablillos ou a chamada Misa de Minerva. Ou aqueloutra da Virxe das pucherillas. Ana vale o que pesa en ouro. Pregunteille se recibían axuda pública, subvencións que se di, e díxome que para nada. Todo a pulso.  Pois xa che digo, querida, longos anos para Sepúlveda Viva!



Queda na lembranza a teatralización, xunta a ábsida da igrexa do Salvador, do aprendiz de canteiro, que traballa con medo porque sen querer vai nomeando o demo e había a tradición supersticiosa de que se o amentabas tres veces, iso equivalía a convocalo… e vas vendo o seu medo in crescendo, oes como se repite,  e ves achegarse a sombra, e o susto tan teatral, e tan verosímil asemade: aqueles tempos do medioevo temerosos, temibles… 
 (A chamada "Cueva de los siete altares", no Parque Nacional: foi unha igrexiña rupestre do tempo dos visigodos)


 (A Ponte romana de Talcano, a moi poucos quilómetros de Sepúlveda, só queda en pé un arco...)


(Moitos gatiños vimos pola vila, e moitas casas abandonadas...)

No coche na volta á Coruña, comentaba eu do encontro clandestino teatralizado aló embaixo, xunta o río, do cristián que volve da guerra e cítase coa amada prohibida, unha moura, e proponlle dramaticamente, mans entrelazadas, que, dado que casar non poden (os matrimonios entre contraentes de relixións distintas estiveron prohibidos na Idade Media), proponlle tomala como escrava e amala en secreto… É película, é teatro -dicíanme os meus- Si, teatro novamente demasiado real. Hai amor cando non hai liberdade nin igualdade nin dignidade?  Se hai mutuo acordo, diredes. Non sei. Paulo de Tarso di cousas poderosísimas do amor: segundo el, pode con todo (dío nunha carta, a primeira, que escribira desde Éfeso aos cristiáns de Corinto, capítulo 13, versículos 4-7). E inda así, subsiste o interrogante. Tamén podedes dicirme, iso xa pasou á historia… xa non vivimos na Idade Media. Ah!, aí si que cobra un novo valor o teatro. Se examinamos con ollos abertos o mundo no que vivimos creo que admitiredes comigo en que segue habendo unha forte necesidade de nos interrogar ao respecto.
 (A auga limpísima do río Duratón)
(Fixádevos que cores de outono nunha das rutas do parque...) 

 (É no atardecer e a foto non é boa, e inda así apreciaredes a grandeza do contexto natural... Estabamos baixando desde Sepúlveda, desde a Igresa da Virxe da Pena, para ver a cova natural onde xurdiran as lumninarias que viu o pastorciño desde o outro lado do río... Na cova aparecera a imaxe de "La Virgen de la Peña")