xoves, 2 de agosto de 2018

COLABORACIÓNS ESPECIAIS


NOS ARREDORES DA ILLA DA CREBA

(A Illa da Creba, foto tomada de Internet)

Corría o ano 59 e eu insistíralle a meu pai que me levase ese día ao mar. Había tempo xa que outros rapaces da miña idade ían, e eu sería unha man máis para axudar ao sustento da familia. Os tempos  non eran doados para ninguén pero eran peores para os sinalados e nós aínda eramos as polas.
Saíramos ao solpor con boa raza coa intención de largar as pezas por Punta Batuda e así o fixemos; dixeran no muelle que por alí había xuras a moreas. A tarde estaba calma e as expectativas de facer unha boa marea eran grandes, por iso tiramos para a  Creba, a illa tiña sona de que nos arredores había abundantes bancos de peixe e semellaba que se tiñamos sorte coas betas , cargaríamos de fanecas.  Como aínda era tempo,  meu pai decidiu ir máis lonxe, cara a Atalaia. Eu calaba, admiraba a destreza que tiña: agora collía por aquí, logo turraba da relinga, sempre atento á vela, a man no temón… Ao pouco, empezou a levantarse  vento e a medida que sopraba máis, meu pai movíase dun lado a outro da dorna sen parar; a noite chegara e xa non se vía nada. Eu sabía que na noite todo ven ser igual, pero a noite no mar é a nada. De súpeto púxose a chover e o vento asubiaba como nunca o oíra, a noite tornouse fría,  e os salseiros mollábanme a cara a pesar de que levaba roupa de auga e  sueste. Xa estaba arrepentido de terlle pedido a meu pai que me levase con el. Díxenlle se era moi lonxe a onde nos dirixíamos e contestoume que onde houbera peixe. E, como se sabe onde o hai?  preguntei. Cando cheguemos ás marcas, contestou. Na miña mente empezaron a xuntarse preguntas e máis preguntas sobre a noite, os refachos de vento,  que cada vez eran máis fortes, as marcas, os peixes….e, por que se me ocorrería a min ir ao mar nunha noite coma esa?
 Eu non sei se polo medo, polo frío ou porque tampouco quería que el soubese que estaba arrepentido de ter ido, non era quen de pronunciar palabra e dicirlle que tirara cara ao porto, así que me abaixei e fun sentar nos paneis da dorna que, por outro lado xa estaban enchoupados da auga que entrara. Pedíalle a Deus e á Virxe do Carme que nos valese apreixando o escapulario que levaba desde neno ao pescozo.  Meu pai, pola contra, seguía ao seu e só lle oín dicir que desde Caveiro ata os  baixos da Atalaia, o mar é máis bravo e noites coma esa, tiña  pasado el moitas.
Non podo dicir como o fixo, pero a dorna virou e cando me decatei volvíamos estar pola Creba. Ao lonxe divisábase o faro, pasamos pola Miñateira e ao pouco estabamos atracando no muelle. Os mariñeiros viñan ver cantas patelas de xuras ou de fanecas traiamos, pero meu pai contoulles que deixara largadas as betas e as pezas na ría ata que amainara o nordés.
Cando iamos camiño da casa pregunteille se non tivera medo, ao que el me respondeu: viches  aqueles que vestían de azul no muelle?  Pois téñolle máis medo a eles ca ao mar.
Ao entrar pola porta,  miña nai apertoume e díxolle ao meu pai que viña sen color. El só dixo: coido que o rapaz quere ir ao Seminario.
Benigna Vidal Tomé (Profesora de Lingua e Literatura Galega)

O texto conta como un rapaz dunha vila mariñeira quere demostrarlle ao pai que é quen de ir ao mar como facían a maioría dos da súa idade, pero o seu proxenitor ve que aínda non está preparado ou non é quen de aturar ese mundo,  e moi acertadamente suxírelle á nai que será mellor que vaia estudar ao seminario.
Naquel tempo nunha vila mariñeira case que non había outro futuro para os rapaces que continuar o oficio dos pais, ir ao mar, oficio duro que na maioría dos casos só daba para o sustento da familia, e polo tanto o acceso aos estudos estaba vedado ou reservado aos fillos das familias con cartos. Que no relato se mencione a posibilidade de estudar nun seminario non era extraordinario e de feito sabemos que estes centros funcionaron en Galicia como internados e acolleron a gran cantidade de xoves que puideron estudar así o bacharelato.
O que é extraordinario é que os pais a pesar de precisar todas as mans dos fillos para saír adiante naqueles anos tan duros da posguerra se sacrificasen procurando un futuro mellor para eles.

 (Beni Vidal Tomé, fotografada por J. Carlos Rivas nunha festa de xubilación do Instituto no ano 2017)
::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::

 

Notas sobra A illa da Creba:

. Lemos hai pouco nun libro ou revista que nos prestaron  (Estudios de Genealogía heráldica y nobiliaria de Galicia. Boletín nº 4) un artigo titulado “ Visita a la Isla de la Creba efectuada el 22 de noviembre de 1571” da autoría de Dr. Isidro M. de Malet i Andreu.  A información que nos fornece o devandito autor está tomada dos Libros de Fábriac dunha parroquia da que non se nos dá o nome. Nese documento fálase da ermida que había na illa e descríbese o que nela había: Visitó la hermita de la Creba, la cual allo que está en la isla de la Creba, en la mar, una legua de Noya  y otra legua de Muros (…), la qual dicha Hermita halló medianamente tratada y reparada con sala y ella y en ella un altar bien adornado, y en él una cruz fijada grande con dos ymagenes de bulto y en el cuerpo de la dicha ernita, dos altares cola(terales) sin adorno (…)/ Ytem allo que tiene la dicha ermyta una casa cerca de ella y grande, la qual está hundida que no tiene máis que las paredes y quatro arcotrabes de madera / Ytem tiene con junto a la dicha casa, una casilla en la qual vive el ermitaño
Fala logo de que a ermida ten herdades en certas freguesías sen concretar pero dise que rentan Y… cinco cargas de pan, renda que administra un tal Pedro Jiménez que está en Castilla e que polo que se deduce non coidaba moito a ermida.

O señor Isidro M. de Malet cita logo a Lino Pazos quen, nun seu libro fai referencia a Artaza Malvarez. Artaza recorda que xa Plinio describira en tempos o illote chamado Quiebra, a un par de leguas do Portus Artabrorum. É interesante saber que tamén Noia tivo o privilexio de ser considerada a cidade onde estaba o famoso Portus Artabrorum (xunto con Ferrol, Pontedeume a A Coruña, no que nós sabemos). En Noia ten unha servidora localizado un apelido (a nosa avoa coruñesa, de segundo apelido Allut, sempre nos dixo aos netos que ese apelido, de orixe francesa, viña de Noia…). Tamén en Noia, ou moi preto, caía a cidade prerromana de Ebora. Xa vedes que non é A Coruña a única cidade, nin moito menos, en ter varios nomes ao longo dos tempos.
Inda a principios de 1900, ao pasar os galeóns de pasaxe de Noia a Muros xunto á Creba, os patróns pedía unha esmola que distribuían a partes iguais para as Ánimas e para a Virxe do Carme. A día de hoxe, nin rastros da ermida, agora parece ser que a illa é propiedade privada, e que nela construíron un pazo moderno.
. Tamén lemos este día un dato curioso sobre a voz Creba. Copio: As Crebas, termo da Costa da Morte para se referir a restos de naufraxios ou cargas de barcos que o mal tempo guinda ó mar (…). En Paco Rivas: Entre o abalo e a zaranda, páx. 8. Quen sabe se terá que ver co nome na illa do relato de Beni Vidal…
. Hai máis datos e fotos da illa neste enderezo:
(Charo Soto)

 (Se non nos falla a memoria, neste libro foi onde lemos por primeira vez das lendas que envolven a historia da Illa da Creba. O autor é Fernando Alonso Romero, grande coñecedor das tradicións galaicas e atlánticas europeas)




venres, 27 de xullo de 2018

A CORUÑA


A ZAMBELA E OUTRAS PENAS CAMIÑO DO PORTIÑO

 (Primeiro plano: Os Lapidos; máis á esquerda, A Zambela)



(O noso informante a quen designarei como X –que non quere fotos nin quere saír con nome e apelidos, pero así a todo non se libra de que eu o loe, grande persoa, comunicador infatigable- pronunciaba fambela, e falaba de que chegados a ese punto –o lugar onde están as penas chamadas Zambela, a de dentro e a de fóra- explícanos con detalle que aí xustiño, noutrora, cando a navegación a vela,  había que cambiar a vela, fambear a vela, parecía dicir… Penso mentres o escoito naquela frase do meu avó valdeorrés, que localizara tamén na obra de Luis Mateo Díez,  Bufar a la vela: "Se levantó bufando a la vela", e penso tamén na sorte de encontrar un mariñeiro a quen lle gusta xogar cos étimos das palabras. Vaia a ese propósito e desde aquí outro pensamento para un ferrolán filólogo, Álvaro Porto Dapena, a quen tiven o pracer de tratar. Nun dos seus libros refírese tamén a un seu informante, home de pobo, que tiña espírito filolóxico e lle resolvera así coma quen non quere a cousa un étimo... Logo o busco).



:::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::



Mes de Santiago de 2018:

 (A Galera, entre esa pena e a terra, Paredes)

 (A continuación dos Lapidos, está o "Meixón" ou "Mesón" das escaleiras: e realmente coa marea baixa percíbense penas en paralelo a modo de escaleiras)




A Galera [Pena case en fronte dos illotes do Portiño]. As pedras hai que velas coa marea baixa... 0’80 na táboa das mareas... a vostede que lle gustan tanto as pedras, ten que vir coa marea baixa e facer foto desta parte, é moi bonita... Na galera teño eu pillado a dous e tres pulpos. Enfronte tiñamos os Fernandiños [baixíos] ,que só se ven , alí, ve, onde rompe o mar, se ven coa marea baixa... Todas as penas para velas ben... Todas teñen percebes, por iso mesmo se lles dá un nome. Víase perfectamente a Zambela, pero é unha soa pena, dixo así é, alí está a fambeliña, a que el chama a fambeliña estaba por fóra, a zambela grande é a de dentro, a de terra. E mire, ve alí onde a tal hora rompe o mar? E que alí hai moi pouca auga, a tal hora se cadra hai só un metro... alí está a Cagarrosa... Seguimos andando: E este é o Lapido? Dubido entre usar o singular ou o plural. Si, estes son os Lapidos. Digo eu: Díxome vostede o outro día que aí abaixo había moitas lapas... Nunca eu as comín, creo que os asturianos as valoran... Había énfase na súa locución: Ou, si, moitas teño eu collido, así de grande (debuxa un medio óvalo case tamaño dun ovo pequeno entre o dedo furabolos e o polegar), non sabe o ricas que están con arroz, danlle un gusto así especial ao arroz (a boca facíaseme auga, case..., encántame o arroz). Pero seguín dándolle trela coa Zambela: Lin en Internet que en Angola, onde houbo moitos portugueses, hai outro lugar chamado Zambela..., é bonita a palabra. Asentiu: si que o é... Eu sigo: recorda a zamburiña, empezar empezan igual... Aquí derivamos á empanada de zamburiñas...

Antes, na Galera, relembrou etapa no Gran Sol, a propósito dos percebes que Basilisa, que en gloria estea, nos cociñara con auga de mar tal día do ano case, pola festa do percebe de Corme. Explicoume que se celebra porque lle cadra ben a marea... para apañalos mellor... E miramos para a illa da cetárea e sorprendeuse unha vez máis do ben feita que está a muralla e explicoume ben explicado que a auga entraba por unha especie de canle desde a parte de atrás, logo tiñan unha reixa e cerraban para que as lagostas non escaparan, sempre mantiñan aquel nivel de auga fresquiña: denotaba admiración polo ben feito que estaba aquilo...Non, eu xa non a recordo en funcionamento, iso tivo que ser cincuenta anos ou así para atrás...Si, isto todo estaba cheo de boghavantes e lagostas... boghavantes entraban nas nasas, pero non se querían... contábame fulano -esto ten tela!, e foi certo- que se botaban fóra das nasas e volvían entrar, comían a carnaza, claro, daquela o que se facía era darlles unha pisada, zas, e ala, pra auga, así non volvían, fai o aceno, golpea no chan, coma quen esmaga caracois, e si que ten delito... que cousas se facían... Pregunto polas nasas: eran de arame? Eu daba algo por ver unha daquelas nasas de hai 50 ou 60 anos para as lagostas aquí no Portiño coruñés...Non, eran de vime, así coma este pau, eran enormes (debuxa con brazos e mans un círculo amplo, onde entraría ben un raparigo ou dous), de vimio trenzado, non, xa non se conservan, xa non se ven...

(O pixín. O nome parece posto por un asturiano. En Asturias chámanlle así ás rabadas. O nome débese á forma de peixe sapo ben estendido, aberto, a cabeza é a pena central, máis distante da terra)


Agora camiñamos costa arriba, á nosa esquerda quedan os Lapidos, ao seu lado o Pixín. Pregúntame se o identifico ben, quere dicir a forma do peixe. Son sincera: Se vostede di que é unha rabada -el chámalle rape, en castelán- eu non llo vou discutir, pero... Dime se vin algunha vez un, dígolle que si, e que o como con certa frecuencia, esa é a cabeza, este o corpo estendido... e aí ao lado está a viúda negra. Esa distíngoa ben. Xa me dixera que se chama así porque está soa (exenta) e porque noutrora estaba cheíña de mexillóns... e mire agora que pelada está... aghora o mar está moi moi contaminado, xa non hai nada, non quedan aí mexillóns. Máis adiante o cabalo, do que xa falamos neste blog. Cóntame X que aí hai congros, unha vez un meu compañeiro e mais eu collimos dous de dez quilos cada un...Eu relembrei o que me contara hai moitos anos un mariñeiro de Caión e mais relembrei a oración da señora Sinforosa, de Castelao, que rezaba por un ao que mordera o congro e pregunteille polos dentes do animal, quixen saber se non o xulgaba perigoso (por certo, e agora que o penso á par que o escribo, non era un congro o animal mítico da lenda da praia ártabra de Alba, aí en Arteixo?) O meu amigo X non dá creto, ten os dentes moi finiños, morde se lle metes a man na boca.



E seguimos aínda: Pero convosco será xa outro día.

 (O rego da Clarisa. Tamén hai quen lle chama a fonte de Labañou. Hai outras fontes interesantes camiño do Portiño que veremos outro día)





NOTAS:



. Angueira, na obra Terra de Iria, fala dalgunhas pesqueiras (feitas con pedras no río de feliz lembranza: prolífico, rico en mitoloxía…). Unha delas era a de Lapido. Hai foto desa pesqueira en: https://culturmar.org/wp-content/uploads/2016/12/Ardentia3.pdf



. Se vos fixastes, había unha pena preto dos Lapidos chamada a Cagharrosa. Forma plástica, expresiva, baseada nunha imaxe pola forma… Hai un libriño marabilloso, verdadeiro tesouro que chegou hai anos ás miñas mans, titulado Talasonimia da costa sur de Galicia, da autoría de Xosé Lois Vilar Pedreira –no que se recolle amorosamente moita información de moitos homes do mar galego-, onde figuran outros microtopónimos semellantes (sempre nomes de cons): Cagada, Cagar de vacas, Cagatorio…



. O informante do grande filólogo Xosé-Álvaro Porto Dapena ao que me referín arriba chámase Antonio Tojeiro: explícalle a etimoloxía de Montes de Calabanda como unha modificación de Montes daquela banda. E ao señor Porto parécelle moi axeitada esa explicación (en: Diccionario toponímico do concello e ría de Cedeira. UDC. A Coruña, 2014, p. 125). Porén, eu creo que o noso informante X, ao falar do étimo da Zambela (como algo próximo a facer (cambio) de vela) o que fai é unha etimoloxía popular. Documéntase un topónimo idéntico Zambela en Angola (territorio no que fixo acto de presenza a lingua portuguesa, como sabedes). Na nosa modesta opinión, habería máis ben que inclinarse a arrimar Zambela á familia de zambullir, pola forza con que o mar é quen ás veces de zampar as penas…



 (Creo que se pode ver o "rabiño" da Vaca. Aí están o Boi, a Vaca e o Becerriño e coa marea baixa pódeselle ver o rabiño... Todas as fotos foron feitas por Charo Soto)




xoves, 5 de xullo de 2018

ENTREVISTAS


ENTREVISTAS A MULLERES QUE AMAN OS LIBROS

ENTREVISTA A UXÍA MEIRAMA



Mª R. Soto: -Parabéns, Uxía! Encantounos o teu libro. Bo inicio nesa túa nova faceta. Dicías onte na presentación coruñesa que te darías por satisfeita se enganchaba... Se un o deixaba, digamos na mesiña de luz pola noite e ao día seguinte estaba viva a gana de seguir lendo. Iso pasoume a min. É coma a proba do algodón... Fálanos un pouquiño, para empezar, da xénese. Como xurdiu o proxecto?


- Pois realmente..., coma unha fervenza no maxín. Empecei por albiscar a cabeza de touro de tres cornos na Fonte das Augas Negras; unha fonte que, por forza, tiña que estar empezoñada pois esa é unha representación do Maligno; de aí a matinar noutra fonte con augas "benfeitoras" houbo só un paso; e logo fóronse enguedellando os elementos da viaxe de Mael para ter que ila procurar, os inimigos aos que se enfrontar, o País de Fronteira... Todo anda revolto tempo e tempo nos miolos e un día calquera, dando un paseíño solitario e deixando rebulir o cocedoiro, maxia!!!, aparece un fío precioso que consegue enguedellalo todo con senso... Isto da creación, crédeme, tenvos algo de meigo!


 (Recoñecía Uxía este día na Coruña, na presentación do libro, que na súa xénese, do relato, algo influíu inicialmente a pequena investigación que fixeramos no seu día sobre o touro na nosa mitoloxía fragmentada galaica. Na fotografía vemos un touro mítico achado na vella Galia, concretamente en Autun, Saône-et-Loire)

-Hai moita mitoloxía galega no relato e tamén algo de mitoloxías atlánticas: facemos un pequeno rastrexo?

(Uxía Meirama e Miguelanxo Prado, o día da presentación do libro na Coruña, na libraría Sisargas. A foto, de regular calidade, foi feita por Charo Soto)

- Hai mitoloxía galega, si, e atlántica en xeral tamén. Iso foi unha consciente vontade dende o inicio. Quixen escribir tecendo con eses vimbios. Son meus, teus e de todos nós. Formaron e forman parte do noso pensamento colectivo. E é ademais unha herdanza tan rica! Coido que do mesmo xeito que outros antes ca nós teceron e desteceron, tamén agora e no futuro debemos seguir alimentándoa, nutríndoa, coa nosa mirada actual. Elementos que se poden salientar: as fontes milagreiras, as damas da auga, as/os meigas/os, os xigantes (na tradición galega tamén temos xigantas!), os tesouros agochados baixo os penedos...

 (Unha das ilustracións de Miguelanxo Prado: o xigante do Monte Carnot)

-Tamén é fundamental a toponimia. Cóntanos, por favor, de novo, a estupenda anécdota provenzal... E tamén o que sabes xa de Cornanda...

-A toponimia galega fascíname dende sempre. Cando ando por aí, sempre me vou fixando nela. É tan variada, rica, suxestiva... Tiña claro que tamén me ía apropiar dela para os meus xogos literarios. Todos os nomes de lugar que aparecen na novela son verdadeiros: Eiroá, Campa da Braña, Guiliade, O Camiño Ancho, O Camiño da Costa... E dous dos máis importantes, O Monte Carnot e O Bosque de Cornanda, foron os únicos nos que me permitín algunha "invención". A Carnot cheguei, sen moita dificultade, dende Carnota (lugar e nome que adoro). O monte do Xigante é un rochedo granítico que ben podía semellar o Pindo; e Cornanda, estaba eu moi contenta pensando que fora unha completa invención miña (ligando a raíz *corn, indoeuropea co valor de "pedra", cun sufixo toponímico como o que aparece en Miranda, Milmanda, etc...) O divertido é que axiña souben que non inventara nada. Dende que rematei a escrita, xa me falaron de varios Cornanda en Galicia (por exemplo en Brión, Santa María de Cornanda) e nunha viaxe á Provenza vin directamente o topónimo "Mont Carnot"! Xa ves ti, case nada está por inventar!

-Un escribe, como diría Rosalía, porque dentro hai unha especie de fervedoiro, pequeno volcán de palabras e ideas que pugna por saír. Pero tamén hai certos propósitos: quixeramos transmitir aos fillos, aos netos, aos alumnos, pequenas ou grandes máximas. Por exemplo?



- En xeral, gustaríame que os lectores, logo de ler Máis alá do bosque de Cornanda, sentisen curiosidade pola nosa riquísima tradición mitolóxica, e que, sobre todo os máis pequenos, a interioricen e aprendan a amala e trasmitila. En particular, destacaría na obra algúns valores humanos que quixen salientar: a riqueza que supón unha amizade verdadeira, que todos debemos recoñecer as nosas eivas e as nosas virtudes, que hai que se esforzar para conseguir o importante... De todos xeitos, non me interesa demasiado parecer moralista. Prefiro que a obra entreteña e divirta aos rapaces e que o que boamente ensine vaia calando sen nos decatar, coma poallo miúdo...

-Fálanos brevemente da colaboración con Miguelanxo: é incrible o que nos dixestes da absoluta liberdade pola súa parte á hora de seleccionar as imaxes (os momentos decisivos para el da acción), é dicir, que ti non intervés para nada pedíndolle que subliñe tal ou cal presenza... A selección de ilustracións é magnífica. Xa sabes o moito que me marabillou a figura da sabia de Eiroá, pola trenza coa fita vermella, que tanto me relembrou a miña amada (bis)avoa Clarisa... E a ti, Uxi, que  foi o que máis che gustou? Dinos das pequenas discrepancias…

 (Unha das nosas ilustracións preferidas: a Sabia de Eiroá coa súa "garceta" ou trenza coa fita vermella)


- Outra vez teño que falar de maxia, de misterio... A liberdade coa que traballamos foi absoluta. Eu non lle dixen que partes do relato quería que resaltase, nin el me preguntou tampouco. Pero eu estaba segura de que o resultado ía ser abraiante. A primeira vez que vin a Mael, á Sabia, á Xana... case chorei. Superaban con moito as imaxes algo distorsionadas da miña mente cando os imaxinei. Sil e Merlo sabía que serían así. O can sempre foi o meu Sil, un golden retriever tan cariñoso e lindo coma o Sil da noveliña; e o merliño... xa me dirás ti, vivimos rodeados deles!! Agora xa non podo imaxinar a todos eses personaxes doutro xeito, nin a Fonte das Augas Negras, nin a de Sandar, nin, por suposto, o bosque...
Dúas anécdotas: os dous tivemos en mente, sen sabelo a priori, un bosque que nos gusta cruzar en Ancares, entre o pobo galego de Piornedo e o leonés de Suárbol. Dende a primeira vez que o atravesamos pensei que algunha vez, algún personaxe meu tería que atravesalo tamén. E a segunda: só tivemos unha "pequena" discrepancia: eu quería que o Xigante fose máis peludo...

-Para finalizar, dúas cousiñas: agasállanos cunha relembranza da túa rica experiencia connosco, no Eusebio da Guarda. E dúas: que proxectos literarios tes xa na mente?


-Non podo cinxir a memoria a unha soa lembranza. Foron 20 anos cheos de dedicación e ilusión. Alí atopei algunhas das persoas que máis quero, procurei transmitir aos alumnos o amor pola nosa cultura, pola lectura, polo deber de desenvolverse como boa xente, curiosa, solidaria, cos valores da humanidade por riba de todo... Aínda me atopo con moitos por Coruña adiante e gústame ver que algo de min ficou neles. Ser profesor é unha profesión inigualable.
Canto aos proxectos: ando xa na segunda novela desta serie. Pódovos dicir o título, pois será moi semellante: Máis alá da furna de Maianca. A protagonista principal é unha rapaza desta vez, e non vai ter que enfrontarse a un Xigante, senón a outro ser Maligno (prefiro non desvelaros cal), para o que contará coa inestimable axuda de cinco trasnos rebuldeiros e dun curmán algo pasmón. Coma nesta, verase obrigada a ir ao País de Fronteira onde vivirá unha aventura que a marcará para sempre.


-Grazas por todo, amiga. Foi un pracer oírvos, un pracer lerte, un pracer estarmos cheos de vida.
 (Uxía retratada por Xosé C. Rivas nunha festa de xubilación do Eusebio da Guarda, en xuño de 2017).