mércores, 14 de decembro de 2016

OS NOSOS POETAS



OS NOSOS POETAS

 (Portada da revista do Instituto "Alén da chuvia" nº 5, no que xa publicara poesía Jorge Carril. Era daquela un dos artífices da revista o prof. Xosé Pérez Mondelo)


Traémosvos á vosa amable consideración catro poesías dun dos nosos poetas. Varios autores con nomes propios xa consagrados teñen pasado polo Instituto ‘Eusebio da Guarda’, ben como alumnas, ben como profesoras ou profesores (Tomás Barros, Ánxeles Penas, Pilar Pallarés ou Luisa Villalta son un exemplo suficientemente representativo). Podémonos sentir orgullosos. Mais tamén houbo nos últimos dez anos uns cantos cultivadores da arte poética que merecen ser recordados: Alejandro Roura Blanco, Claudia González Caparrós e Jorge Carril Espido. Hoxe dedicámoslle un par de páxinas a Carril Espido. Publicou xa en Alén da chuvia. Agoirámoslle un futuro literario. Chama a nosa atención, e conmóvenos profundamente, a devoción cara á figura do profesor prezado.

:::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::



A palabra

                A Xosé Pérez Mondelo, mestre e amigo.



Entraches na miña aula un día,

unha garrida mañá de setembro,

   e trouxeches contigo poesía

   e palabra. Aínda me lembro.



   Carrexabas con moita ufanía

   o idioma, poderoso membro,

 ao que eu acheguei a alma fría

como as mans o lume en decembro.



    A túa voz aínda se escoita

  polas escaleiras do instituto

e se ven os teus ollos de cereixa.



   Vivirá por sempre a túa loita

 pero ti nunca terás substituto,

ti es un anxo que nunca nos deixa!



A casa da Aldea de Riba



      Casa da miña familia, berce da estirpe!

      En ti o meu sangue fíxose viña e pedra

   e os meus vellos soños que aínda resisten

 viven entre os teus muros cubertos de hedras.



  Mírote nas miñas tardes inmensas e tristes

 e sinto pousándose en min as mans antergas

dos devanceiros que me volven os días felices

   e que tocan as raíces da alma eterna.



Lembranza

                Eu xa sei o que é vivir no Ceo.

            Camiñar polo Edén da infancia.

          Sentirme dono de cada fragancia

           E sentir a luz pura no meu seo.



                A lúa, as estrelas, o vento,

          as aves que voan con elegancia

      ou as árbores sempre en vixilancia.

      Todo era das miñas mans de neno.



        Este soño meu está xa perdido.

    Fuxiume docemente entre os dedos

      coma cinza ou como esperanza.



    Quedei orfo, mudo e sorprendido

   pero puiden reter daqueles tempos

   unha pinga de luz, unha lembranza.



Adolescencia



  Eu, neno, estou sostendo o cáliz

  Da miña infancia entre as mans.



  Dentro da copa o viño da vida

  Baila e canta coma un xograr.



Estou a piques de chegar aos beizos

   o cáliz. Sinto xa o metal.

  

  De súpeto, vén a adolescencia

  e tira a miña copa polo chan.



O viño da vida tórnase negro,

  o cáliz vóltase cinza mortal.



Xa non é aquel neno que tiña

un cáliz de vida entre as mans.








 (Jorge Carril Espido, en primeiro plano, acompañado de varios compañeiros de aula, grupo 2º bacharelato F, pavillón vello do Instituto, curso 2016-2017; a foto foi feita pola condiscípula Carmen Arbaizar)






mércores, 7 de decembro de 2016

GALICIA INMORRENTE



A IMPRENTA LA UNIVERSAL

 (Sé da imprenta, na Habana, na rúa Obispo, 34)


 (Interior do local)

Hoxe vouvos falar do labor non sempre ben (re)coñecido dos galegos en América. En concreto falaremos un pouco da Imprenta ‘La Universal’ da que termaron (a partir de 1883)  na Habana os bisavós (bisavó paterno e mais tío-bisavó) do meu querido sobriño Roque Ruiz Soto. Debémoslle esta riquísima información en primeiro lugar ao traballo compilador do irmán do meu cuñado, Joaquín Eulalio Ruiz Mora, e en segundo lugar á xenerosa xentileza do meu irmán político, José María Ruiz Mora.  A eles moitas grazas.

A primeira vez que fun consciente de quen eran os artífices da Universal foi lendo a Curros Enríquez, na obra completa editada polo catedrático Elisardo López Varela (Curros dedícalles ao irmáns Ruiz un bo panexírico).  Logo, falando xa do tema nas xuntanzas familiares, puiden ter acceso a unha serie de datos que, en parte, podo agora compartir con todos vós. Esperemos que no futuro Joaquín E. Ruiz Mora publique un libro xeitoso sobre esta  histórica imprenta.



Publicaron de todo (Dereito, Regulamentos, Zooloxía, Xeoloxía, Libros de viaxes, Teses de doutoramento...). Velaquí unha selección de temas e publicacións concretas representativas (chamo a vosa atención sobre os títulos que xa forman parte da historia da Literatura Galega):

Astronomía:

Carballo, Luis J. de. Fenómenos cometarios : memoria presentada a la Sociedad  astronomica de Francia / por Luis J. de Carballo. 25 p. ; 24 cm. La Havana : La Universal, 1911.

Arquivística:

Historia de los Archivos de Cuba / por Joaquín Llaverías ; prólogo de F. de P. Coronado. (1912). Habana, 1912 (Imp. "La Universal" de Ruíz y Comp.).

Crítica literaria/Lingüística:

Rufino J.Cuervo. Estudio crítico. La Habana, Imp. La Universal, 1912.

Giralt, Pedro:  «La sencillez de Cervantes», Destellos de arte y de crítica, La Habana, Imp. La Universal, 1916

Ramos Duarte, Félix: “Crítica de Filología cubana”, Folleto, 44 p., Imp. y Papelería "La Universal", La Habana, Cuba, 191

 (Opúsculo publicado o día do Apóstolo, no ano 1887)

Cuestións cívicas variadas:

Próceres occidentales. Apuntes sobre el proyecto de erigir seis bustos de patriotas de Vuelta Abajo. La Habana, Imp. y Papelería La Universal, 1915.

Discursos:

Cuba en la Paz de Versalles (discurso pronunciado en la Cámara de Representantes en la sesión del 4 de febrero de 1920). La Habana, Imp. La Universal, 1920.

Las constituciones cubanas de Guaimaro (1869), Jimaguayu (1895) y La Yaya (1897). Discursos pronunciados en la sesión celebrada por el Club Rotario de la Habana, el día 10 de octubre de 1925, en honor de los supervivientes de las Asambleas que redactaron dichas constituciones. por Emeterio S Santovenia; Joaquín Llaverías y Marnez; Antonio L Valverde; Academia de la Historia de Cuba. Habana, "La Universal, " 1926.



Economía e finanzas:

Informe sobre el proyecto de creación del "Banco de Cuba" de emisión y descuento. Raimundo Cabrera; Sociedad Económica de Amigos del País (Cuba). Habana, Imp. "La Universal" de Ruiz y Ca., 1914.

Estatutos:

Estatutos de la Asociación Iniciadora y Protectora de la Real Academia Gallega. Imp. y Pap. La Universal, Obispo 34, Habana. 1920

Filosofía:

Ortiz y Fernandes, Fernando. La filosofía penal de los espiritistas: estudio de filosofía jurídica. La Habana: La Universal, de Ruiz y Ca. 1915.

Historia:

La conciencia española ante el nuevo mundo : (revisiones históricas) / Eva Canel.  Habana, Imp. y Papelería "La Universal" de Ruiz y comp., 1916.

Descubrimiento de América por los chinos. Salvador Massip Valdés. Habana Imp. La Universal 1918

Fernando Ortiz. La crisis política cubana: sus causas y remedios, La Habana, Imprenta y Papelería "La Universal", 1919.

Segura Cabrera, Andres, b. 1864. Ateneo de la Habana. Sección de Ciencias Historicas. 5a de la serie de Grandes Hombres de Cuba, domingo 16 de Marzo de 1919.  Gaspar Betancourt Cisneros (El Lugareno). Habana, Cuba: "La Universal", 31 p., 25 cm. 1919

Ortiz, F. “Los Cabildos afrocubanos.” Extracto de la “Revista Bimestre Cubana”, vol. XVI, nº. 1. La Habana: “La Universal”. 1921.

Las armas de Galicia / apuntes reunidos por Juan Beltrán Muiños. Habana, Imprenta y Papelería "La Universal", 1923





Literatura galega e publicacións en lingua galega:

El Regionalismo gallego : ligeras observaciones por Manuel Murguía al discurso leído por el señor D. Antonio Sánchez Moguel en su recepción en la Real Academia de la Historia, de Madrid, el 8 de diciembre de 1888. Murguía, Manuel, 1833-1923. Habana, Imp. y Papelería "La Universal" de Ruiz y Hno. 1889

Os Galaicos: poema en catro cantos. Vaamonde Lores, Florencio, 1860-ca.1925. Habana, Imprenta y Papelería La Universal de Ruiz y Hno. 1894

Campaña da Caprecórneca : novela gallega hestóreca, fantásteca e poéteca / por Don Luis Otero y Pimentel (L. de Outeiro). La Habana, El Comercio Tipográfico, c/ Amargura 32, 1898

Ramón Armada Teixeiro, Aturuxos. Colección de cantares gallegos. Prólogo de Manuel Curros Enríquez, A Habana: Impr. y pap. «La Universal», 1898

Xan da Masma: ¡A besta! Habana: Imp. El comercio tipográfico, 1899

No Desterro. Ramón Cabanillas. Imp. La Universal, Obispo 34,  Habana 1913

Ramón Armada Teixeiro, Da Terriña. Versos gallegos: Milicroques. A la-las. Caldo de Grelos, A Habana: Editorial Ruiz, 1918.

Vida e milagros de Pepe de Xan Baña en trinta anos de Cuba: Vindicación, A Habana, La Universal, 1921

Suspiros n’a terriña: depois de trinta e dous anos d’a Habana, A Habana: La Universal, 1922.

Maruxa / por Eufrasio Fernández. La Habana, Imp. "La Universal", 1923





Memorias :

Memoria de los trabajos presentados al Congreso nacional obrero. 15 de marzo de 1915. Pedro Roca e Ibarra; Juan Anga y Escobar; Asociación Cubana para la Protección Legal del Trabajo. Habana, Impr. "La Universal", 1915.

Juan A. Cosculluela: Cuatro años en la Ciénaga de Zapata (Memorias de un ingeniero), Imprenta La Universal, La Habana, 1918.

Memoria del ... Congreso Nacional de Mujeres organizado por la Federación Nacional de Asociaciones Femeninas. Imp. y Pap. La Universal. Habana, 1923.

Seguros:

Examen crítico de la poliza - tipo francesa - de seguros contra incendios. Guillermo Domínguez y Roldán. Habana, Imp. "La Universal" de Ruiz y ca., 1913. 

 (Tamén editaron unha morea de revistas, entre elas: "La Habana Elegante", "Revista de Medicina y Cirugía de la Habana", "El Eco de Galicia", "Galicia Moderna", "Aires da Miña Terra" etc.)

 (Fotografía, feita e cedida por D. José María Ruiz Mora, dun dos irmáns refundadores da imprenta, D. José María Ruiz Rodil, nado en Cervo, Lugo, en 1852; na foto figura tamén a súa segunda esposa, Dª Anunciación Enríquez Cancho, nada en Valladolid)

xoves, 1 de decembro de 2016

LENDO A...



LENDO A CASTELAO II


 (Velaquí os autores dos microrrelatos seleccionados na aula, 4º ESO A. Curso 2016-7)

No libro de texto que manexamos en cuarto da ESO hai un par de páxinas dedicadas á arte (e técnica) do microrrelato. Como exemplo ou posible modelo ao remate do tema aparece unha das Cousas de Castelao. Coincide, ademais, que é precisamente esa obra xa clásica da nosa literatura a que estamos lendo os venres deste trimestre en voz alta na aula. Os clásicos, entre outras virtudes, téñenvos esta: fornecen sempre temas e subtemas de felices comentarios. Son coma o raio que non cesa.
O caso é que lles pedín a todos e cada un do grupo (4º A) que elaboraran un microrrelato. O máximo de extensión tiña necesariamente que coincidir co máximo castelaniano da Cousa correspondente, “A Marquesiña” (por certo que debatimos un bocado sobre a idea vertida polos autores do libro de texto, verbo do porque dese alcume: só por “mala baba” ou mala uva, só por amolar ou por crueldade do pobo alcumador? Acaso non cabe un punto de tenrura ou de carga positiva sen máis? Acaso non podía ser a rapaza –descalza e todo tal como a debuxou o autor- unha persoa chea de graza, de natural elegancia e corpo delgado e lanzal? Preguntámonos en voz alta...). E todos me trouxeron un microrrelato. Algún fíxonos rir, coma o de G. Alonso-Jáudenes; noutros, con cambiar só un verbo mellorarían moito... Hainos sumamente poéticos... Tamén os hai un punto gore (explicábame Pablo a ese respecto que en Literatura Castelá están vendo o romanticismo). A ver que vos parecen estes que seleccionamos.

Velaí estás, sorrindo sen ningún motivo. Vivindo as sorrisas falsas.
                                                                              Cristina Alonso de la Fuente, 4º A

-Ola, querería un ataúde tamaño neno
                                                                              Guillermo Alonso-Jáudenes Paz, 4º A

Arrincada do seu fogar agardaba o seu final. A metade do seu corpo sumerxida na auga, e anacos da súa antiga beleza espallados arredor do seu cárcere de cristal. A fermosa rosa agardaba o final.
                                                                              Ariadna Díaz Terrazo, 4º A

E ao verse reflectida nesas pupilas azuis, unha bala atravesou o seu corazón. Ela quíxolle chamar amor.
                                                                              Ana García Lestón, 4º A

Encerráranme nunha esquina e só podía facer unha cousa.
                                                                              Manuel González Balayo, 4º A


Escravitude”
Ata que chegou aquel barco, os meus dereitos eran iguais aos de todo o mundo.
                                                                              Sergio Marcos Vázquez, 4º A

Unha enorme porta, de cor carbón, ergueuse en fronte de min. Todo o demais, arredor meu, era branco, era frío, era un espazo baleiro, coma unha noite de inverno sen estrelas. Abrín a porta: desde que pechei os ollos, non tiven outra opción. Aquel debía ser o lugar ó que se ía despois da morte.
                                                                              Sara Martínez Iglesias, 4º A

O pintor, xa tranquilo na súa casa, decidiu terminar o seu cadro para o cal se dispuxo a dar pinceladas nunha cor vermella moi intensa, era a cor do seu sangue. Minutos despois o cadáver do pintor repousaba fronte á creación que lle custara toda a súa vida e mais a súa morte.
                                                                              Pablo Eduardo Menéndez-Valdés Pérez, 4º A

Entre a penumbra e o arrepiante silencio loitei por esquivar os dentes afiados e por ignorar o renxido da morte rebentando os chanzos das escaleiras. Tentei non escoitar as voces estrañas que falaban do revés e pechei os ollos ante as aparicións das caras representantes do horror das infancias. Tratei de esconderme pero a escuridade era densa e a ameaza empanaba os cristais coa súa macabra vontade insomne.
                Xa estaba todo o meu corpo esvaecéndose entre milleiros de ollos cando cesou o espectáculo: comezou a amencer.
                                                                              Estela Novo Vázquez, 4º A

Soou o espertador e volveu ilusionarse. Hoxe podería ser o día.
                                                                              Paula Santalla Estévez, 4º A

(Imos pedirlles aos compañeiros que sexan xurado: darémoslle un pequeno premio ao autor do microrrelato máis votado)

 (Parte da vista que se pode contemplar desde a mesa da profesora ou do profesor de 4º A)

 (A vella varanda de pedra do que fora o observatorio meteorolóxico ameazaba ruína: agora acabamos de estrear unha nova de cristal resistente. Ou iso esperamos, que lles dure aos nosos netos e bisnetos outros 125 anos máis; esta foto fíxonola Marta Roibás)

luns, 28 de novembro de 2016

Berrogüetto: "O preciso movemento"


 Velaquí un tema deste eterno grupo folk galego, interpretado no tamén eterno programa da televisión "Luar".