domingo, 15 de xuño de 2025

GALICIA INMORRENTE

 

GALICIA INMORRENTE

 

(Edición de Burgos)

 

Tamén podía ter escollido o epígrafe “Lendo a…” Talvez lendo os clásicos. O caso é que desta feita gustábame homenaxear a Francisco Rico. Non só foi unha fonte valiosa de información cando estudabamos Filoloxía Hispánica: tamén colaborou connosco neste blog, cando contactamos con el ás seis da tarde, tras o seu consuetudinario té con pasta na casa de Barcelona, para preguntarlle a súa opinión sobre os seis reais que necesitou Dulcinea na magna obra cervantina. Para que os necesitaría, señor Rico? Velaí a cuestión.

 


 

Foi xentil connosco. Os que me tratades en persoa sabedes que unha das miñas frases favoritas sobre a comunicación cos que saben máis ca un mesmo é aquela que di, o sabio canto máis sabio, máis humilde debe ser. E ocorre en moitas ocasións. Ou tal é a miña experiencia na vida. Con Francisco –espero que desfrute no paraíso, na illa aquela, de Redonda, na que reinan os escritores…- foi así. Tratable, divertido, irónico coma os grandes autores das linguas hispanas saben ser.

Pois o caso é que a modo de correspondencia, envieille un contiño da boca do meu sogro, dezao, por se algún día lle puidese ser útil ou simplemente a título de divertimento. Francisco xa non está e non creo que faga mal por divulgalo, o conto, o chascarrillo

 


 

O transmisor chamábase Eliseo González Blanco, o avó dos meus fillos, nado en Bendoiro, Lalín, Pontevedra. Boa terra a dezá, terra de moitísimos sabios, xa que estamos… Se me deixades seguro que me sae unha ducia sen problema, integrando os artistas senlleiros e as grandes personalidades: Adosinda Gudesteiz, fundadora do Monasterio de San Martiño de Lalín; Pedro Suarez de Deza, arcebispo de Santiago e responsable da construción do Pórtico da Gloria; Francisco Gil Taboada Lemos e Villamarín, virrei de Nova Granada e Perú; Francisco Taboada Gil Mosquera, Mariscal de Campo, Capitán Xeneral de Galicia; matemático Rodríguez, tamén chamado matemático do Bermés; Francisco Javier Rodríguez Gil, autor do primeiro dicionario galego-castelán; Juan Antonio Saco e Arce, autor da primera gramática gallega; astrónomo Ramón María Aller Ulloa; aviador Joaquín Loriga Taboada; José Otero Abeledo “Laxeiro” (1908-1996); César Oro García, filólogo; Daniel González Alén, escritor; Gonzalo Ramón Navaza Blanco, filólogo e escritor etc. Agradézovos a paciencia… Sabedes como tiran os fillos, como gusta contribuír a que honren as raíces…

 


 

Eliseo emigrou a Brasil e mais levou o irmao, el estivo oito anos mentres que o irmao chegou a establecerse e fundar familia. Os dous, cando se xuntaban, non paraban de contar chistes e contiños, estaban todo o día de parola e risas. O material que teño arquivado deles pódese dividir en dous grandes grupos: etnográfico-folclórico e puramente lúdico. No primeiro apartado incluiría a benzón dos campos ou do pan cando se enforna e tamén os reis. No segundo apartado distínguese un bloque escatolóxico, que non penso transmitir por esta canle, un apartado máis literario e un terceiro apartado absolutamente evidenciador das relacións entre a vella colonia (Brasil) e a metrópole (Portugal). 

(Anel de ouro atopado no Castriño de Bendoiro) 

 

Permitídeme, xa que logo, un par de mostras. Primeiro, o chascarrillo  que lle enviara no seu día ao señor Rico. Coñecíano os dous irmaos González Blanco e di así:

Era un cego e o seu lazarillo. E ao cego déronlle caldo con chourizo e o Lazarillo comeu o chourizo e deixou ao cego só co caldo. Ao cego cheiroulle a longaínza e deulle unha zarapilda no lazarillo porque lle comera o chourizo.

            -Por que me pega?

            -Porque comeu a miña longaínza.

            -E como o soubo?

            -Porque me cheirou.

Entón seguiron andando e encontraron unha sobreira e o lazarillo falou para o crego:

            -Salta o meu amo, que ten pantano!

Aí bate a cabeza contra a sobreira.

            -¡Ah, ladrón, que me mataches!

            -Meu amo, se lle cheirou o caldo á longaínza, por que agora non lle cheirou o pao á cortiza?

 

Como moitos de vós sabedes o episodio está claramente relacionado co final do tratado primeiro do libro La vida de Lazarillo de Tormes y de sus fortunas y adversidades, anónimo, editado na península en 1554 (en Burgos, editor Juan de Junta, 1554; Alcalá de Henares, en casa de Salzedo, 1554; Amberes, en casa de Martín Nucio, 1554 e Medina del Campo, Mateo e Francisco del Canto, 1554). Francisco Rico prepara a edición de Cátedra de 1987 e mais a da RAE de 2011. Á parte, ten publicado estudos específicos.

(Pintura negra de Goya sobre Lázaro e mais o cego)

 

A respecto da relación, ou da transmisión, entre o contiño dezao e o libro anónimo do XVI, caben, en principio, dúas opcións: unha, talvez a máis verosímil e esperable, a vía culta, froito do maxisterio. Algún mestre contoulles aos alumnos galegos o episodio e pouco a pouco foi indo de boca en boca ata que o pobo se apropiou del e aclimatouno á paisaxe e vocabulario dezaos: o poste/pilar do libro do século XVI convértese nunha sobreira (Deza é terra de sobreiras e sobreirais, velaí tedes o sobreiral do Arnego ou a sobreira senlleira de Siador). A voz zarapilda (un ballón ou unha malleira) tamén é un localismo dezao.

A outra opción é pensar no folclore previo á escrita do libro anónimo. Na nosa humilde opinión é moito pensar… Descartariamos de vez tamaña pervivencia se non fose porque Alberto Blecua, na edición do Lazarillo de Castalia do ano 1972, di o seguinte:

Los engaños de niños a ciegos están desde antiguo bien documentados en el folclore europeo. Unha historia similar a la del hurto del vino gracias a una pajita ya es conocida en el siglo XIII, y la burla de la longaniza y el poste aún se mantenía viva en la Andalucía del siglo XIX.

Parece que nos abre a porta a este segundo enfoque… En calquera caso, se queredes profundar no episodio en cuestión, podedes[1].

Acabamos por hoxe cunha mostra da literatura antilusa xerada no Brasil. Os da metrópole pasan por parvos. Igualiño que ocorre con moitos de nós, “galegos” nalgúns países da América hispana. C’est la vie

(Arracada de bronce. Achado do Castriño de Bendoiro, Lalín)

 

 

Este era de dous científicos portugueses que foron a Brasil para descubriren unha parella de grilos. E resulta que se chamaban Manuel e mais Xaquín. Pois andaron no Amazonas, Puritibia, en Río Grande, e por fin atoparon a parella de grilos. Un deles sacou unha caixa de fósforos e tirounos e meteu os grilos dentro. O outro sacou outra caixa de fósforos e quedouse coa caixa baleira.

Cando volvían de regreso a Portugal puñeron un cablegrama dicindo que xa ían, que xa levaban eses colosos de grilos. Entón xa os esperaba o presidente –que era Oliveira Salazar- e claro, el daba o discurso:

            -Aquí veñen os nosos heroes, o Manual e o Xaquín, que estiveron no Brasil, no Amazonas e outros sitios afastados máis, e loitaron con tigres, crocodilos e moitos bichos perigosos, pero á fin descubriron esa parella de grilos para aumentaren a ciencia portuguesa.

E nese momento o barco chegaba, xa desembarcaban:

            -É verdade, señor Presidente, é verdade. Nós loitamos contra crocodilos, tigres, serpentes, pero ao cabo, aquí está a proba do noso heroísmo.

Entón colleron os científicos todos e foron ao laboratorio para examinar tamaños grilos. Resulta que a caixa estaba baleira porque a dos grilos quedouse alí e trouxeran a outra. Entón, claro, ao encontraren a baleira cada un deu unha opinión. Cada un daba en pensar unha cousa e ninguén daba na certa. E xa, o xefe dos científicos preguntoulle a Xaquín:

            -Vostede recorda de poñerlle de comer aos grilos?

            -Non tal.

            -E vostede, señor Manuel, recorda de poñerlle algo aos grilos?

            -Pois non.

Saíu o xefe:

            -Entón o caso está claro, está resolto: un grilo comeu a un e o outro grilo comeu o outro.

 

Feliz San Xoán!



[1] Para as relacións deste contiño con outros textos europeos e españois vid. Bataillón (Novedad y fecundidad del “Lazarillo de Tormes”, Anaya 1968, p. 30) e F. Rico (La novela picaresca española, Barcelona: Planeta, 1967, pp XXVII-XXIX).