De caveiras e outras historias
relativas ao Día de Defuntos.
 |
(Igrexa parroquial de Santa María de Oza. A Coruña)
|
Escribín tamén disto no seu día e publiqueino na revista do
Instituto, “Alén da chuvia”, xa non recordo en que número e non podo facilmente
averigualo porque téñoos todos arquivados na casa da aldea e, lamentablemente,
vaiche boa ou vaiche na misa en Conxo, quero dicir que sabe Deus cando poderemos
cambiar de provincia libremente. En fin, como di o refrán, a máis non dar, paciencia e barallar.
Sempre nos quedará París, que neste caso vén sendo a memoria amiga (o adxectivo
tráeme a mente o dístico aquel, “ah, gaivotas brigantinas,/ miñas amables
amigas”) e a información da que dispoñemos aquí na casa da Coruña e mais na
Rede.
Empecemos polo nuclear para unha servidora: a memoria do pai.
O noso pai, Manuel Soto Vieiro (o apelido ‘Vieiro’ vén de Almeiras, Alvedro)
naceu no ano 1929 en Pedra Furada, nunha casa que xa non existe -pero da que
conservo unha fotografía-, na parroquia herculina de Santa María de Oza, non
moi lonxe do río de Monelos -aquel río de Monelos onde se pescaban anguías, xa
choveu…- e fora bautizado nesa igrexa, de Oza. Preto da igrexa, como algúns de
vós sabedes ben (penso agora en ti, Benito, caro colega, porque o teu pai e o meu
son veciños de porta con porta nunha vecindade digamos eterna), está o
cemiterio de Oza-Monelos (habería que dedicarlle unha páxina un día destes, aí
xacen ou permanecen os restos mortais de ilustres persoeiros…). Dicía a súa
nai, miña avoa, e o papá ría cando o contaba, que de rapaz el e outros
compañeiros de ruada, afuracaban cabazas imitando caveiras, metíanlle dentro
velas acesas e poñíanas en lugares altos e ben visibles no camiño do cemiterio para
asustar os que pasaban, mentres eles se agachaban para non seren vistos. Moitos
anos despois, contábame Chema (o ex profesor, sacerdote e amigo J. M. Fernández
Rumbo) que cando o seu pai era novo, na parroquia coruñesa de Sésamo -onde eles
naceron e se criaron- facían os rapaces o mesmo, só que por alí colgaban as
cabazas-caveiras con velas acesas das árbores nos camiños. Que pasada!

(Imaxe tirada de Internet. Cemiterio do Santo Amaro. A Coruña. Anos 50. Agradecémoslle a Puri Soto térnola facilitado)
Eu sempre me preguntei se esta especie de precedente do hoxe
en día famoso Halloween (de nenos na Coruña, non se coñecía ese nome nin
moito menos, polos Defuntos dominaba a tradición dos colares de castañas, iso
si, como xa dixen o outro día…) era privativo deste recanto ártabro… A día de
hoxe algunha cousiña máis si que sei. En parte, grazas a outros blogs estupendos, coma por exemplo, o de Rosa Brañas: http://sabichon.blogspot.com/2017/10/que-samain-nin-que-ghalouin.html
Aí Rosa proporciónanos datos moi interesantes e facilítanos a
referencia dun libro sobre o tema absolutamente imprescindible, de Rafael López
Loureiro. Fala ese autor das caveiras feitas co que algúns, por terras
igualmente ártabras, Cedeira e arredores, chamaban os melóns dos porcos.
En Irlanda, onde non debían cultivar cabazas noutrora, facíanse as caveiras cos
nabos. E en terras de Extremadura, con sandías. Como vemos, ampliamos o territorio
ao occidente hispano.

A páxina sobre as tradicións extremeñas con cabazas-caveiras
é tamén sumamente curiosa (“CELEBRACIÓN CÉLTICA EN EXTREMADURA”, en http://universo-celta-pueblos.blogspot.com.es/).
Pregunta aí en voz alta o autor ¿Cómo es posible que dichas tradiciones
célticas se hayan mantenido en el tiempo sobreviviendo a romanos, visigodos,
árabes, colonos asturleoneses, etc.?, no que a min, en principio, me parece
unha pregunta case diría que inxenua… Célticas ou non célticas, cantas
tradicións milenarias non son capaces de conservar as distintas sociedades
humans no planeta? Ablación, circuncisión, ritos de fertilidade -deitarse nas
pedras que inda se documenta non hai nada en Galicia ou bañarse recibindo as
nove ondas-, amuletos contra o mal de ollos, recitativos para curar enfermidades, rituais
baixo pedras ou entre carballos que inda recorda na provincia de Toledo Eugenio
cando era neno etc. etc. etc. Sen querer meterme, por suposto, en camisas de
once varas elucubrando se o ritual -lúdico xa no século XX- das cabazas a modo
de caveiras que vivira o noso pai e viviron tantos no chamado golfo ártabro foi
o que baixou ao sur como baixaron de norte a sur as linguas románicas na Idade
Media… (non vaiamos facer como aquel pastor británico: unha vez, aló polo 198…,
foramos a un congreso de galego a Oxford e nunha igrexa moi bonita, St. Giles, agasallárannos
cun concerto estupendo, e aló quedounos o paraugas bo, de baleas reforzadas e
tal; ao día seguinte Luís e mais eu pillamos un taxi a primeira hora da mañá e
tivemos a sorte non só de recuperar o paraugas senón de poder estár de cháchara
co pastor protestante, un culto e falangueiro oxoniense que, ao saber que
eramos galegos, empezounos a falar de tradicións comúns, en concreto da gaita e
dixo, literalmente, “un instrumento musical ancestral que baixou de aquí para
alá”, aserto ante o que eu, sen pensalo moito, retruquei: “ou subiu…”).
 |
(St. Giles. Oxford)
|
Interesantísimo, ao noso entender, é tamén un outro aspecto
no que fai fincapé con suma erudición a admirada Rosa Brañas. Referímonos ao
que ela denomina a comensalidade cos mortos. Si, moi curioso… Achega
documentación, un documento emitido polo bispo de Mondoñedo en 1511, onde
-entre outras cousas- se dicía:
“Hallamos tener costumbres en muchas partes de nuestro
obispado, que en los mortuorios que hacen y el día de los finados que es otro
día de todos Santos, comen y beben y ponen mesa dentro de las iglesias, y lo
que es peor, ponen jarros y platos sobre los altares, haciendo aparador de
ellos”.
Que vos parece? Non vos recorda moito costumes que na
actualidade aínda se conservan en México, onde se celebran pequenos xantares de
confraternidade cos defuntos sobre as lápidas dos cemiterios? A nós
persoalmente, fainos recordar tamén dalgunha maneira a alegoría tan amada polo Mestre
sobre o Reino dos Ceos (é dicir, o alén, a outra vida…, a do paraíso), coma un
banquete de vodas, pero banquete ao cabo, coma unha boa celebración á que
cómpre incluso ir ben vestido…
Asocia con bo tino Rosa esta “comensalidade” coa figura
tirsomoliniana do “convidadado” que vén precisamente do alén. Xa hai moitos
anos que -se non erro- Víctor Said Armesto rastrexara aquí no N.O. romances
tradicionais sobre o tema do mozo aquel que encetara unha relación lúdico-burlesca
coa caveira, dálle un couce e tal e tal, e logo vén o convite etc.
Tamén no norte de Portugal, na vella Galicia bracarense, podémolo
documentar sen maior problema. Este día lendo nun libro que temos na casa, Antíqua.
Tradições e Contos populares, de Francisco Martins Sarmento, topamos con varios
casos ou contiños relativos a este motivo; un deles titúlase “ A caveira a rir”
e tratan de xente (un home ou muller novos) que tropezan ou increpan vultos ou caveiras
na noite e a ensinanza vén sendo esta: nunca mais te tornes a meter con quen
passa. Nun deses relatos do pobo recollido por Sarmento hai un convite a
cear, prototípico. Efectivamente, dá que pensar que a feitura literaria ten
base popular.
En Friuli ou Friúl (moitos de vós, ex alumnos, oístesme falar
da miña estadía en terras friulanas… fermosa terra, hospitalaria xente, difícil
lingua minorizada, boa etapa da vida), recollera Italo Calvino un conto onde hai
dous amigos da alma… Un morre e o outro cando chega a voda convida o defunto
ao banquete… Total, volvemos á “comensalidade” cos defuntos. Unha historia
fascinante. A comunicación entre vivos e mortos.
 |
(Foto tirada de Internet)
|
Podemos falar de “celticidade”? Que queredes que vos diga?
Privativo dos celtas non será, pero celta é de abondo. Recordade que en Friul
estaban os celtas cárnicos, habitantes da Carnia (mesma raíz ca os galegos Carnota
e Carnoedo). Vale. Por hoxe xa viaxamos bastante.
Esquecíame comentarvos que cando publiquei na revista do
Insti o das caveiras e falei de Chema que é de Sésamo non sabía a etimoloxía
dese topónimo coruñés e hoxe si. Ou iso creo. Saíu na prensa non hai moito un
artigo sobre SEGUISAMA-SASAMÓN en Burgos (o actual Sasamón de Burgos cadra
preto do vello castro campamento romano, Segisama, e este ano fixeron novas
escavacións, nas que participaron varias Universidades, entre elas a de
Santiago…) e claro, ao ver xuntas esas palabras maiusculadas (xuntos os lugares
no espazo, sobre todo) xa vimos claro que o étimo verosímil de Sésamo é *SEGUÍSAMO,
é dicir, un superlativo formado sobre a raíz celta SEGOS ‘victorioso’, un adxectivo en
grao superlativo que se adxuntaría a un nome común masculino elidido, do tipo,
verosimilmente, ‘castrum’, ‘castellum’, ‘oppidum’ ou incluso ‘vicus’. Agora si,
agora si que vos deixo. Saúdos e saúde!
(Víctor Said Armesto. Foto tirada de Internet)