Amosando publicacións coa etiqueta Os outros blogs. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Os outros blogs. Amosar todas as publicacións

sábado, 21 de maio de 2016

Manuel María e as aves

A nosa compañeira Pilar Irimia envíanos un fermoso PDF feito con textos manuelmarianos e montaxe-selección de imaxes de Adela Leiro e Mon Daporta. Nós queremos publicalo porque é importante que se saiba que o noso poeta amou as aves. Desexamos que vos guste.

 IR Á LIGAZÓN

(Publicado por Mario S. García)

xoves, 31 de marzo de 2016

Video de Iciar Bollaín para Aldeas Infantiles SOS

OS OUTROS BLOGS, AS OUTRAS PÁXINAS NA REDE

Todos os días necesitamos nutrirnos: como necesitamos respirar: como necesitamos sentirnos parte dun todo. Hai, porén, días en que nos cómpre un plus dese arquetipo (a unión amorosa e solidaria). Vivimos días de ira, logo procuremos enchouparnos ben de humanidade. Déixovos nas mans desta boa xente con quen moitos de nós colaboramos. Déixovos nas mans de Iciar Bollaín, por exemplo... 

(Mario S. García e Charo Soto)

luns, 22 de xuño de 2015

OS OUTROS BLOGS



OS OUTROS BLOGS: LIBROS NA PEDRA.

A nosa amiga e ex profesora do Instituto, Mercedes Sampayo, foi quen nos dera a coñecer hai tempo o blog de Emilio Valadé, Paseante silencioso. Este día abrímolo e vimos que falaba dun tema que nos pareceu moi fermoso, o tema do espinario (documéntase xa na escultura helenística, trátase dun rapaz normalmente espido que está a arrincar unha espiña cravada no pé: dispoñible en http://emiliovalade.blogspot.com.es/2015/06/espinarios.html). Nesas páxinas ás que hoxe vos remito veredes, por certo, que aparecen canzorros dezaos (da igrexa de Ansemil, cunha imaxe de Virxe gótica marabillosa, na capela onde quixeron durmir o soño eterno os noutrora poderosos señores de Deza, malparados nas loitas contra a Mitra compostelá). Non deixa de ser unha curiosa coincidencia que falásemos hai pouco dos pecados capitais na arte románica. Hai estudosos que ven precisamente na representación románica dalgúns espinarios (co corpo moi flexionado, amosando as chamadas partes nobres ou partes pudendas) unha simbolización da luxuria (aínda que se un analiza as imaxes e as palabras de E. Valadé, tamén podía interpretar que o enfado do rapaciño coa espiña toque máis á ira ca á luxuria; e non esquezamos a posibilidade de ser a humilde espiña o contrapunto da soberbia, tal como escribe san Paulo na segunda carta aos corintios –espiña na carne, noutras traducións aguillón na carne).


Luxuria aparece de forma explícita, crúa, forte e pétrea, nos canzorros, capiteis e a modo de metopas da soberbia igrexa da Colexiata de Cervatos. Seguindo o camiño aberto por Valadé chegamos tamén aos foros de amigos do románico que, entre outras cousas, se preguntan onde máis se poden ver representacións románicas deste tipo. Se quixeramos pasear silenciosamente polo galego país de Deza, atoparemos canzorros con novas representacións da luxuria, na igrexa vella de Abades (onde os historiadores din que estivo na Idade Media a igrexa por excelencia de Trasdeza, Santa María de Trasdeza, aínda que hai quen di que puido estar no Castro do Cura, en Santa María de Cortegada, onde unha servidora fora cristianar o primoxénito). Se podo e me lembro este verán fágolle fotos e intégroas a posteriori.

(Vemos o espinario na parte inferior, sentado no chan; as fotos están tomadas da Internet)

Volvamos á cántabra Colexiata de Cervatos. Lemos: “En la cornisa que sostiene el modesto tejaroz que enmarca la portada encontramos, además de varias representaciones de carácter fálico; un músico tañendo un arpa, una monstruosa figura con cuerpo humano y cabeza simiesca, otro monstruo antropófago de enormes fauces devorando una figura, un personaje que parece autolesionarse mordiéndose la mano (...)” (en: http://www.arteguias.com/catedral/colegiatacervatos.htm). É dicir, vemos que o románico é unha especie de libro en pedra para as xentes que non sabían ler nos libros de pergameo e/ou papel (a Biblia dos ignaros): aí en Cervatos atopamos moi posiblemente a representación doutro pecado capital, a ira. Eses seres humanos autolesionándose correspóndense coa figuración clásica da ira. Mirade o que nos di dos condenados a causa da ira na Divina Comedia Il Dante (vv. 112-114, Canto sétimo, na tradución ao galego de Darío Xohán Cabana, na ed. da Xunta de Galicia do ano 1990): 

Pegábanse coa man, e non somentes,
Senón tamén con testa, peito e pes,
Arrincándose anacos cos seus dentes.
 
E, xa para rematar, seguindo o fío do espinario topamos nun novo blog con outro tema propio do románico: o dolio (a palabra vén ao dereito do latín, DOLIUM ‘vaso ou vasilla de barro para conter viño’, porque antes de descubrirse que era un instrumento de música, confundiuse cun barrilete de viño, e, xa que logo, representaría o borracho, a gula).
“Moi pouco se sabe sobre o dolio como instrumento. Foi descrito por Faustino Porras nun artigo da Revista de -Folklore no ano 2007 1 como un novo aerófono do románico. En Galicia achamos numerosas representacións deste instrumento: na provincia de Lugo aparecen nun canzorro da ermida de San Román (Lousada), noutro da capela do Pilar, na propia Catedral lucense, e un máis na igrexa de Santo Estevo de Atán (Ferreira de Pantón) en plena Ribeira Sacra. En Ourense achamos dolios representados en Santa Mariña de Esposende (Ribadavia), Santa Baia de Banga (O Carballiño) e San Tomé de Serantes, mentres que en Pontevedra aparecen na igrexa de Santiago de Bembrive (Vigo), en San Martiño de Moaña, e en San Pedro de Rebón (Moraña)” (Pablo Carpintero Arias, en: http://www.consellodacultura.gal/asg/instrumentos/os-aerofonos/dolio-cabazas/).


Que agradable sorpresa! Eis o noso compañeiro, o catedrático de música do noso Instituto, Faustino Porras, citado coma un dos primeiros en descubrir e rescatar o dolio do limbo do descoñecido! (case estou por cantar aquel tema de hai anos, la vida te da sorpresas, sorpresas te da la vida..., que todas sexan boas coma esta, meus queridos).
Pedímoslle ao noso prezado colega que nos ampliase a información. Aquí tedes, para ir facendo boca no verán (e por favor, os coruñeses debedes ir alucar os canzorros da igrexa de Santiago, veredes un dolio; di o prof. Porras que de doce dolios achados na arte peninsular, oito están en Galicia: hai que pedirlle agora á R. A. G. que integre esta voz).
ARTIGOS:
'Un nuevo aerófono del románico: el dolio’ (2007)
‘Crónica del descubrimiento, catalogación y reconstrucción del dolio, un antiguo aerófono del románico hispánico’  (2014)
REFERENCIAS:
https://m.flickr.com/#/photos/adfinem/sets/72157631018070244/

venres, 15 de agosto de 2014

OS OUTROS BLOGS


OS OUTROS BLOGS. DE PEITES E CABELOS (II)
Se é certo que as garcetas que lle pide o rei á amiga naquel irrepetible (por único na historia da poesía europa: non hai outro, no que sabemos, en que un rei lle pida prenda tamaña de amor a unha rapaza anónima, a unha doncela do pobo) poema do galego Pero Meogo, son unha prenda de amor, non é menos certo que, sempre por amor, unha muller do pobo pode ofrecer esa delicada prenda a un ser superior. Aquí na aldea a imaxe da Virxe de Santa María (en documentación antiga, Santa María de Trasdeza) tiña ata hai pouco pelo natural, ofrecido noutrora por unha veciña da parroquia. Este ano, viaxando cos nosos alumnos ao nacemento do Miño, o profesor A. Fondo programou a visita a Santa María de Meira e aló había outra imaxe da Virxe adornada por unha incrible melena natural, longa, marabillosa. Contounos a guía que pertencera a ‘María da C.’, unha anciá hoxe en día, famosa noutrora pola súa mata de pelo poderosa, soberbia, e con iso, ou por iso mesmo, ofreceuna tendo vinte e tantos anos pola curación dunha grave enfermidade da súa nai.
(Imaxe da patroa de Santa María de Meira, co pelo natural, tomada da páxina web oficial da Parroquia de Meira)
As mulleres, xa que logo, valoran moito o pelo (os homes tamén: aludía en Alén da chuvia ao poder de Sansón, depositado nos seus longos cabelos; a este respecto dinos Asimov, na súa esexese da Biblia vella, que hai aí vestixios dun deus solar, sendo os cabelos paráfrase dos raios, ou así), e por iso en fases de incualificable brutalidade na historia de Europa as mulleres son rapadas como castigo (canda as bruxas eran emplumadas antes eran rapadas, cando os fascistas castigaban as mulleres dos roxos rapábanas, cando as francesas na Francia ocupada se enguedellaron cos alemáns logo sufriron as represalias desa maneira…); mais tamén vemos casos de rapaduras voluntarias: as monxas  e algunhas santas, como Clara de Asís, que toma a decisión de cortar a súa fermosísima melena loira para depositala en prenda da súa nova relación.
Tirando por esta corda, a do pelo, chégase a moitas partes. Á mitoloxía, por exemplo. Imos vixotar (din en Corme), alucar (voz coruñesa) por dous buraquiños basicamente, un en cada extremo do planeta:  Galicia e Xapón.
En Galicia, deixádeme que vos relembre que de toda a vida houbo a tradición de cortar un pouquiño (chámaselle ‘guecho’ ou ‘guedello’)  do primeiro pelo do rapaz, do fillo ou filla (apelo ao principio de economía lingüística…) e gardalo, colgalo nunha especie de relicario: o gardapelo –non vén no DRAG-, ou o guardapelo, palabra esta que si usan os portugueses e que figura desde 1917 no DRAE.  Aquí ábrese outro mundo de asociacións: os mexicas cortaban o pelo dos seus reis cando morrían porque aí residía parte da alma e da pervivencia da memoria para as futuras xeracións (cóntanolo  Fray Jerónimo Mendieta nun libro, Historia eclesiástica indiana  que publica en México no 1604);  nos funerais de Patroclo lemos na Ilíada que, ademais de sacrificar prisioneiros para alimentar con sangue fresco a vida eterna do heroe, tamén lle dedican un guecho todos e cada un dos seus, guechos que guindan na pira funeraria; este día, vendo na tele a primeira parte da carísima serie europea, Napoleón, puidemos asistir ao fusilamento dun duque da caste dos Borbóns: segundos antes de morrer danlle tesouras e corta un guedello: “Tomade –dille a un amigo presente- , para a miña prometida”; Galdós relata nunha novela –La batalla de los Arapiles- como os escoceses noutrora levaban colgados do cinto guechos dos inimigos vencidos, igualiño que nas películas do ‘far west’…
En Galicia, digo, xa desde Risco sabemos que existía tradicionalmente a crenza de que se botabas un ou varios cabelos de muller á auga, pasado un tempo nacían serpes…, a conexión cos cabelos da vella Medusa morta ás mans do heroe indoeuropeo Perseo, está servida. E xa que estamos en territorio mediterráneo clásico, lembrades que neses lares adoitaban representar a deusa Fortuna cun guedello na cabeza? Desa imaxe nacen as frases coller a ocasión polos pelos e semellantes. En galego temos unha boísima, Casar polo guedello (cun valor semántico aproximado a dar un braguetazo, é dicir, ‘casar cun bo partido’), que atopa aí a orixe  (“y tenía asida por la guedeja a la fortuna”, din de Rosamunda no Persiles de Cervantes: se agarrabas algo polo pelo iso significaba que non perdías a ocasión de conseguilo; así casar polo guedello é aproveitar unha boa ocasión para casar, e por ampliación, ‘casar ben’).
En Xapón, nada vos podo contar máis fascinante, sen saírmonos do tema, que aquela pasaxe do Kojiki –a epopea por excelencia do Xapón arcaico- , onde o deus Susa-no-wö  agacha á virxe, a última viva tras seren devoradas as outras sete irmás polo dragón de oito colas de Kosi, convértea en peite e agáchaa no seu pelo! Magnífica e deliciosa imaxe: colle a muller e acubíllaa para salvarlle a vida, no seu pelo… Un deus que ten dentro na cabeza unha muller: como Zeus cando pare a Minerva da súa cabeza. Párea xa perfecta, enteira, con armadura e todo. Iso faime pensar, e acabo xa, que no parto noutrora a primeira pregunta que se facía sobre a criaturiña era Está enteiro? Non importaba o tamaño nin a beleza. Está enteiro? Que clara conciencia da fraxilidade humana!
Animádevos, meus queridos, a ler algo da fermosísima mitoloxía arcaica.
                                                                              Mª Rosario Soto Arias

venres, 1 de agosto de 2014

OS OUTROS BLOGS


OS OUTROS BLOGS. DE PEITES E CABELOS (I)

Na revista nº 6 do noso instituto, Alén da chuvia, publico un pequeno artigo sobre o pelo e os peites, desde un punto de vista digamos folclórico-etnográfico. O interese polo tema veume tras a lectura dun blog que me recomendara a miña irmá: http://ermitiella.blogspot.com.es/2014/01/peines-medievales.html
Unha beleza de blog e unha beleza de tema. Inesgotable. Como a poesía. Como inesgotables son os universais literarios (xa sabedes: amor, tempo, morte).
Hoxe quería, xa que estamos de vacacións e un atópase distendido, relaxado, proclive ao que lle é afín, continuar por este vieiro amado.
(Foto dun peite tomada do blog de Ermitiella)
O simbolismo do pelo é riquísimo. Falamos nese artigo do pelo como vínculo que ata (na raíña-deusa soberana Lupa, da materia xacobea, que ata coas trenzas –garcetas no galego vello- os uros e amánsaos para que conduzan o corpo do apóstolo a Libredón-Compostela-futura Catedral de Santiago), do pelo como arma mortífera na serrana-moura extremeña (arrebolábao e mataba homes), do pelo como prenda máxica (en Brancaflor en Galicia), do pelo como prenda de amor (citabamos o peite de Guenevra que atopa Lanzarote –na novela de Chrétien de Troyes- no medio da foresta e ve nel pelos da amada e case sofre unha síncope). Hoxe imos continuar un pouco. Por exemplo, vemos que o peite en mans de Brancaflor chegou a Arxentina: No bien entró a su cuarto, hizo la niña un atadito con sus ropas y algunas comiditas. Apartó un puñado de sal, otro de ceniza, un peine y unas tijeras melladas (…). Se allanó a sacar un peine de su atadito, y después de dejar unas raras palabras al viento, lo tiró con fuerza hacia su padre. Tupidos chañarales se formaron de la nada y tanto trababan sus ramazones que no daban paso ni a una mosca (en Las mil y una noche argentinas, libro publicado en 1953 por J. Draghi Lucero, aquí en América Brancaflor chámase Florcita). Tamén nos chama a atención o dato de que a muller garde o peite coma unha pertenza básica cando parte fóra de casa (hoxe seguro que estaría antes o móbil), e así o vemos por exemplo no Quijote, no relato narrado por Sancho de Torralba cando decide seguir ao amado (mete dentro do atadiño un anaco de espello e un anaco de peite), e vemos igualmente na literatura peninsular pastoril do XVI como a pastora, cando ten vagar, colle e senta e saca do peito o peite: Caicerlinga (…) aviéndose sentado, se quitó de sobre los cabellos una red, que cogidos con ella los tenía, dexándolos esparzir por sus espaldas. Y sacando de su blanco pecho un peine, los començó a peinar, pareciendo sus dedos un blanco marfil (en Pedro de la Sierra, 1580, Espejo de príncipes y caballeros).
Vedes, vese ben no blog de Ermitiella,  que o peite podía ser un obxecto rico de arte: documentámolos de almafí (na novela picaresca do Estebanillo González), de xade (en Miguel Ángel Asturias), de óso, de ouro, de prata, incluso de coiro (en Galdós, se non erra a miña memoria).
 
Se o cabelo que Xenebra deixa no peite abandonado é prenda clara de amor (ao igual que o son as garcetas da poesía de Pero Meogo, Garcetas, miñas garcetas/el rei me mandou por elas/ madre, que lli farei? , en galego moderno, que farei da miña vida, miña nai?), vemos que na poesía primitiva española e mais na do chamado século de ouro, continuamos co mesmo: por exemplo, lemos na Arcadia de Lope de Vega que  Clavelia dálle en prenda a Celso un peite  de almafí dourado; e moito máis tarde, cando xa sabe que o seu amor é correspondido, a Pepita de Juan Valera peitea a Luís e béixalle con tan humano fervor o seu pelo.        
O valor do pelo pasa á barba: un home debe ser un home barbado ou non é home. E fixémonos que, querendo, podemos pasar da imaxe implícita de home de pelo en peito á estoutra de home barbado = home como Deus manda. E como se sabe que un home ten a suficiente barba, que ten a barba ben posta? Se lle entra un peite. Literalmente. Hai un famoso relato documentado varias veces desde o XVI no CORDE que nolo confirma: recollemos a pasaxe clave na versión de Timoneda (un rapaz afouto e con ganas de ir á guerra, pero imberbe, é rexeitado polo capitán): Mirad, amigo, no os despido sino porque no tenéis barba, que el soldado parece mal sin ella. Dijo el mancebo: -Y, ¿qué tanta barba es menester que tenga, señor? Respondió el capitán: -Cuanta se pueda tener un peine en ella. Entonces el mancebo sacó un peine y metióselo por la carne en la barba.
De onde  deducimos que o peite é a medida da barba, da esencia de ser home: xa que logo, o que vale un peite é iso: valorar canta barba hai, que home es. Saber lo que vale un peine podería encontrar aquí a súa explicación (pero sobre a orixe desa frase hai moito escrito, esta é unha hipótese máis: antes de formularse así –a formulación actual non se documenta ata a década de 1980 nos corpus académicos-, formulábase saber cuántas púas tiene un peine, frase que figura por ex. na parella Galdós-Pardo Bazán, dando unha idea de astucia semellante á que se deduce daqueloutras unidades fraseolóxicas onde a astucia se equipara a saberlle contar os pelos a un can ou sentir medrar a herba). Por hoxe abonda co tema. Continuaremos a semana que vén.
                                                                                              Mª Rosario Soto Arias.

martes, 15 de abril de 2014

OS OUTROS BLOGS: Galego en Londres


Escríbeme Federico Mosquera desde Londres –Federico é ex alumno do noso Instituto, boa xente, grande artista, compositor, pianista no camiño da fama…- e dime que tivo a sorte de relacionarse na vella Londinium cun galego que fai moitísimo por difundir nesa metrópole a nosa cultura. Creo que paga a pena vixotar (como din en Corme, ‘botar unha ollada’) nese blog. Aquí volo deixo. E felices vacacións de Pascua florida!


Galego en Londres: http://galegoenlondres.blogspot.co.uk/

martes, 18 de marzo de 2014

Os outros blogs (III): El Rincón de Galicia

OS OUTROS BLOGS (III)

Traémosvos un enlace interesante. Anuncia xa case o verán porque fala de festas na Coruña. Festas coa verba e a luz da Mariña. Entrade e oxalá vivades algo do que aí se anuncia. Se o facedes, non deixedes de contárnolo.


mércores, 19 de febreiro de 2014

OS OUTROS BLOGS

OS OUTROS BLOGS

Abrimos un novo capítulo. Titularémolo “Os outros blogs”. E imos empezar por este, que elaboran no Instituto pontevedrés Marco do Camballón de Vila de Cruces:


Acaban de dar a noticia de que os alumnos recolleron da oralidade dúas versións dunha lenda que ten como protagonista unha espada, a espada de Brandamés.  Paga a pena que o leades. A espada, de ouro, conforme unha das versións, xace no leito do río Ulla, ao seu paso polo lugar de Brandamés. E parece ser que, sempre segundo unha das versións, sería guindada despois de morrer un heroe. A noticia é boísima. Préstase a unha óptima comunicación entre expertos de diversas áreas: folcloristas, arqueólogos, historiadores, etc.
("Detalle das follas das espadas pistiliformes do río Ulla. Museo de Pontevedra". Foto tomada da p. 249 do tomo I de Galicia. Historia. Hércules Edicións. A datación das espadas fotografadas: 1000-850 a. C.)
E a nós dános pé para indagar na boa literatura sobre o tema. Abramos catro ou cinco libros deses que podemos chamar sen medo, clásicos. A ver que nos din sobre o nome das espadas que os heroes europeos brandiron; sobre a materia con que foron feitas e a descrición delas; sobre a conexión coa auga, e finalmente, sobre das motivacións que alguén pode ter para guindar coas espadas ao fondo dun río ou dun lago.
Primeiro, do nome: xa vimos o outro día os nomes das espadas de Sigurd ou Sigfrido. Ás veces o heroe ten dúas espadas, porque unha lle pode fallar. Ese é o caso de Beowulf (versión de Luis e Jesús Lerate, en Alianza), a quen a espada, Estacón, lle falla dúas veces. Cando xa vai vello e ten que enfrontarse ao dragón, vémolo con outra espada, de nome Négling , que por certo lle volve romper (v. 2680). Dentro desta espléndida edición de poemas altomedievais –séculos VII a X- anglosaxóns, vemos o nome da espada dun heroe chamado Wálter,  ou Wálder,  de España (ou de Aquitania): a Míming. No Cantar de Roldán (composto segundo Martín de Riquer entre 1085 e 1087) os dous amigos, Roldán e Oliveros teñen cadansúa espada: Durendarte –seguimos a versión de Camilo Flores- e Altaclara. O conde Galalón cingue a espada Murgleis. Torpín de Reims, o arcebispo, un dos últimos en morrer xunta Roldán, posúe a espada Almace.
E tamén sabemos que a espada do seu rei, Carlomagno, era chamada Gozosa (e de aí viña o grito-aturuxo de guerra dos francos, Monxoi!).
No noso Mio Cid  (manexamos agora a edición do hispanista británico Ian Michael) lemos que Rodrigo gaña en combate primeiro a Colada, gañoulla ao Conde de Barcelona, Remont Verenguel, v. 998, nunha batalla onde, por certo, eles, os homes de Rodrigo, cabalgaban siellas gallegas –v. 994. A outra, Tizón, gañoulla ao rei Búcar (rei no cantar, nas notas Emir, de Marrocos) –v. 2426.
Na Materia de Bretaña figura o nome da espada do rei Artur, Escalibur, espada coa que cingue ao seu sobriño Galvain cando o nomea cabaleiro, e tamén podemos citar a Espada do Estraño Talabarte (no libro Demanda del Santo Graal, na edición de Carlos Alvar) que chega ás mans de Galaaz. Ambas as dúas teñen en común a súa aparición marabillosa, chantadas en escaleiras marmóreas.
Segundo, da materia e outros trazos descritivos: un atributo que a Ilíada dá a Apolo é este: o da espada de ouro. Poucas habería de ouro, coma a da lenda do Brandamés galaico, pero unha parte, a empuñadura, si podía ser. Beowulf, cando lle fallou a espada, loitaba dentro do lago con Gréndel, o ogro. E ten que botar man doutra que na habitación do xigante había, e que logo lle regala ao rei de Escania. Mirade que descrición fai destoutra espada: Na garda de ouro que o puño tiña, / escrito con runas de exacto valor, / declarábase ben para quen ao principio / foi feito este ferro valioso e ornado/ con curvas serpentes (vv. 1694-1698, tradución ao galego nosa).
De Durendarte sabemos que ten a empuñadura de ouro (v. 1056 do Cantar de Roldán), a folla é de aceiro (v. 1079).
A prata é tamén bo material para adornar unha espada; así sucede,  volvendo á Ilíada, coa espada de Aquiles. Lemos: colgou do ombro unha espada de bronce gornecida con arxénteos cravos.
Algunhas destas espadas arcaicas  soían ter aneis na empuñadura, probablemente para fixar unha correa que a suxeitara á man (así nolo din os editores do Beowulf, o poema anglosaxón da alta Idade Media, en nota, aclarando a perífrase alusiva á espada el hierro anillado, v. 1521).
Que as espadas puidesen conter gravadas mensaxes verémolo tamén na materia artúrica. A xa citada Espada do estraño talabarte, destinada para Galaaz, ten a mitra en verso de leria escrita. E podían, ademais, ter curiosos aditamentos, para elevar o seu valor, sacralizando, incluso, a arma. Atopamos reliquias na espada de Galaón: Sobre das reliquias da súa espada Murgleis/ Xurou… (vv. 607, 608). E cando está a piques de expirar, o heroe, Roldán, diríxese á Durendarte, e descríbenola:“¡Ai, Durendarte! ¡Que fermosa e santísima es! / No teu pomo dourado hai moitas reliquias: / O dente de San Pedro e sangue de San Basilio, / Cabelos de Monseñor San Denís / E unha reliquia do vestido de Santa María” (vv. 2343-2347, edición de Camilo Flores). Por iso non quere Roldán que caia en mans de pagáns e fará todo o posible por rachala, por esnaquizala, dando contra as penas que ten a man, sen logralo (sen logralo polo menos no Cantar...).
E volvendo, antes de deixalo xa por hoxe, á espada do estraño talabarte, no puño había dúas costelas, ambas as dúas de animais; a primeira, dunha especie de serpente que habita en Caledonia, (...) e que alí é chamada serpente papalustre; esta serpe ten a virtude de que se alguén consegue unha das súas costelas ou algún dos seus ósos non debe temer sentir demasiado calor (...). A outra era dun peixe, non demasiado grande, ao que chaman ortanax, que habita no río Eufrates (...); as súas arganas son de tal forma que, se un consegue algunha, durante todo o tempo que a teña non lle acordará alegría nin doo que tivera padecido, senón que só lle acordará o motivo polo que a tomase, e cando a solte, volverá relembrar todo o que acostumaba, como calquera home normal (cap. CXXXIII).

Deducimos, así pois, que unha espada podía ser dotada, para unha maior efectividade, de elementos tanto relixiosos como mítico-máxicos. Seguiremos a próxima semana.