domingo, 9 de marzo de 2025

A NOSA CASA

 

A NOSA CASA

 

AS GRANDES DAMAS DO ENSINO

 

Beni Vidal Tomé

 

(Beni Vidal Tomé)


 

Imos cunha nova entrega desta serie dedicada as grandes donas da docencia que pasaron pola nosa casa. Falaremos de Benigna Vidal Tomé, profesora de Lingua Galega e Literatura. Únenme a ela fortes lazos: o cariño, a admiración polo seu bo facer, pola súa inesgotable capacidade de traballo, a clara conciencia de que é unha persoa que sabe ser amiga dos seus amigos. Non debo dicir máis, salvo talvez que dou fe do aprecio que en numerosas ocasións lle demostrou a Beni o seu alumnado. Aprecio e respecto. Veñamos agora oír as súas palabras, mellores sen dúbida ca aquelas que eu puidese aínda enfiar, algunhas referidas a unha das últimas actividades profesionais que máis a impactou (o PMAR); as outras serán as sentidas verbas, xenerosas para cos colegas, a familia, as amigas e os amigos, coas que ela mesma, Beni Vidal Tomé, soubo agasallarnos ese sinalado día. Nun futuro non moi alongado, desfrutaremos algo máis co seu verbo: leremos un dos últimos escritos que nos enviou, obedecendo un vello rogo dunha servidora, “Beni, querida, a ver cando escribes sobre aquela tribuna da túa terra da que me tes falado”.

 

(Coa súa maxestade a raíña Letizia, na entrega do Premio Fundación Princesa de Girona Social 2020 ao noso instituto).


 

PARTE I: PMAR

 “No curso 2020-21 por primeira vez impartín clase en PMAR (Programa de Mellora da Aprendizaxe e Rendemento), alumnado de 2º de ESO. Este Programa foi imposto pola LOMCE e organizábase en dous cursos académicos (2º e 3º de ESO). Decidino porque o curso anterior, o da pandemia, foi para min e para case todo o profesorado un ano horrible, non só polo que supuxo a pandemia senón tamén polo traballo incansable que soportamos durante os meses de confinamento ata que puidemos volver ás aulas e impartir as clases de xeito presencial, sobre todo o profesorado de 2º de Bacharelato que preparabamos ao alumnado para os exames de ABAU (iso daría para un relato máis extenso).

Eu impartiría o Ámbito Lingüístico-Social (Lingua galega, Lengua castellana e Xeografía e Historia). O motivo que me levou ao PMAR era ir  abandonando ese curso algúns grupos de 2º de bacharelato que levaba dando moito tempo e implicarme  co Programa, coa firme convicción de que podía ofrecerlles unha educación de calidade e outorgarlles todas as oportunidades de aprendizaxe  ao meu alcance  e coa vontade de non deixalos no camiño senón estar co grupo ata a súa titulación. O meu grupo estaba formado por dous españois, un rapaz procedente de Cuba, un de Perú, dous de Venezuela e unha de Arxentina. Todo se me veu abaixo cando vin tamaña diversidade!

Quedei desarmada ao ver tal e decatarme de  que o primeiro que cumpría era facer unha escola inclusiva e tratar de solventar as carencias que traían de tan dispares sistemas educativos . Eu podía facelo e comprometíame co Programa custase o que  custase. 

(Beni cos embaixadores da UE convidados a Bruxelas. Relacionado con esa visión emprendedora, foi quen tivo a iniciativa de comezar os intercambios culturais en 1º Bach con centros educativos de Italia. Numeroso alumnado puido compartir experiencias en Salerno, Carpi ou Verona, establecendo lazos de amizade que aínda hoxe perduran. Tamén Beni achegou Europa ao Eusebio, sendo o noso centro escollido como Escola Embaixadora do Parlamento Europeo, son verbas tomadas do discurso que Teresa Pastor pronunciou en honra de Beni Vidal na xubilación desta).


 

Ao comezo pensei algunha vez se me tería equivocado, tantos anos  impartindo bacharelato!  pero hoxe volvendo a vista atrás, teño claro que  é posiblemente unha das etapas das que me sinto máis satisfeita na miña carreira profesional porque tiven claro que o importante era unha aposta polo desenvolvemento persoal, emocional, social e tamén  intelectual, dando todo o meu apoio a estes rapaces e rapazas. Tiña que proveelos  de recursos adecuados e  estratexias para acadar os obxectivos do Ámbito que impartía. Así contribuín á mellora da atención e á redución das dificultades que observei en cada un deles.

O grupo era heteroxéneo e case non se coñecían, tiñan idades diferentes, uns eran aínda nenos e outras xa completamente adolescentes; uns pertencían a familias desestruturadas, con pais ausentes e a cargo dos avós, e outros pasaban por ser de familias normais, pero pouco pendentes da vida académica dos fillos por múltiples causas. Procurei crear un ambiente de confianza entre todos e pouco a pouco fomos entrando nunha dinámica de traballo colaborativo, todo o que faciamos era entre todos: as lecturas en voz alta e comentadas ao rematar a lectura, a gramática práctica, de recoñecemento das categorías gramaticais formando frases e textos con elas. A introdución na nosa lingua foi amodo e tendo en conta o alumnado de Hispanoamérica e tamén que os galegos eran castelanfalantes. En canto á xeografía utilizamos as ferramentas dixitais para estudar as diferentes comunidades do Estado español e que  sentisen curiosidade polas diferenzas entre elas... Fixemos saídas culturais pola cidade, e pouco a pouco foron sentíndose GRUPO.

O curso foi duro, non ían igual de ben  nas outras materias e ademais algúns tiveron problemas familiares que lles impedían vir ás clases con regularidade e centrarse cando viñan.

Cando rematou o curso, conseguín que alcanzasen os obxectivos, todos agás os dous que tiveran problemas familiares. Pasaban a 3º de PMAR. Eu estaba feliz polo esforzo que tiñan realizado.

E chegou 3º de PMAR, curso 2021-22 e agás un dos alumnos procedentes de Venezuela que marchou interno a outro centro, volvía ter aos mesmos e dúas novas incorporacións, alumnos do centro con problemas de aprendizaxe. O alumnado queixouse porque non conservaban o profesorado do curso anterior, nin a titora nin a profesora do Ámbito científico-tecnolóxico (ese é un dos fallos do sistema, que non ten un firme compromiso do profesorado que imparte neste Programa , o de continuar todo o Programa co alumnado, e iso acontece frecuentemente e por diferentes motivos).

(Beni rodeada de alumnos de segundo de bacharelato. Asumiu o papel de coordinadora de bacharelato, con man firme e asemade conciliadora acotío. Foi un labor que considera moi gratificante, polo fluír comunicativo na hora de reunión co profesorado titor. Actuou como un elo imprescindible na cadea educativa, trasladándolle á dirección todas as demandas e situacións diversas que se expoñían en cada grupo (Do discurso de Teresa Pastor)).


 

Teño que recoñecer que foi un ano moi produtivo, que todo o que aprenderamos o curso anterior serviunos para asentar uns coñecementos que precisabamos para seguir evolucionando. Eles e elas semella que maduraran e as clases xa non se lles facían un obstáculo a superar coma ao empezar o curso pasado e foron asumindo que a formación é algo necesario para o futuro.

Tivemos un desgusto grande no grupo cando unha das compañeiras tivo un accidente automobilístico e como consecuencia tivo que marchar interna a outro centro. Xa eramos o GRUPO e que marchase alguén del era como se marchase alguén da familia.

 

(De esquerda a dereita: Beni Vidal Tomé, Xosé L. Méndez Ferrín, Carme López Taboada e Xulio Cuba Orosa).


 

Acercábase o final de curso e na miña mente había algo que me preocupaba, este alumnado remataba o Programa de dous cursos de PMAR e a Lei Wert que así o contemplou, non daba outra opción a este alumnado que pasar a 4º de ESO de Sociais. Como ían pasar a un grupo de 4º de ESO que non contempla os Ámbitos? Como se ían enfrontar ao nivel das materias individuais de 4º impartidas polo profesorado sen ter en conta de onde procedía este alumnado?

O grupo pasou a 4º de ESO, algúns con algunha materia pendente, pero promocionou. Entón propuxen que se pedise á Inspección contemplar para este alumnado un Ámbito Lingüístico-social como se viña facendo nos dous cursos anteriores e que eu me comprometía a seguir dándoo. E foi aprobado.

Cando me presentei na aula de 4º E en setembro do curso 2022-23 esperando atopar aos meus alumnos e alumnas do curso anterior, atopeime ademais con dous alumnos do instituto que repetiran 3º de ESO, un alumno que chegaba de Colombia, outro de Honduras e unha alumna de Arxentina. E non quedou aí, ao mes chegaron dous alumnos máis de Venezuela. En total 11  e de novo tiven que volver ás estratexias  dos cursos anteriores, acollemento da diversidade, ambiente de confianza, dinámica de traballo colaborativo. Foi complicado, posiblemente pola idade, agora o alumnado tiña 15,16 ou algún 17 anos, pero no 2º trimestre tiña xa unha piña de rapaces e rapazas. Esa desconfianza do inicio foi desaparecendo pouco a pouco e notei como se relacionaban sen importarlles de onde viñan, como empezaban a amosar interés polas lecturas que lles preparaba gustáballes ler os mércores o periódico, comentar as noticias que más lles chamaban a atención, redactar os seus comentarios críticos; foi unha ledicia velos expoñer na pizarra dixital a historia dos seus países, a súa localización xeográfica, a súa arte, a gastronomía (que tanto botaban de menos...) e como intercambiaban as similitudes que atopaban entre eles... Que dicir das clase de lingua galega, un éxito ao meu modo de ver, os compañeiros e compañeiras galegos déronlles exemplo coa súa arela de ensinarlles algo propio que pouco a pouco foron coñecendo e asumindo que de non querelo perderíase como as linguas aborixes das que falaban.

E alá polo mes de Abril chegaron dous alumnos máis ao grupo, eran de Perú, un procedente de Perú e o outro da emigración a Italia. Non podo máis que lembrar a miña incredulidade, pero así foi e Jhostin Smit e Steven Gerrard Anderson pasaron a formar parte do grupo xunto con C Lissa,  Jhojan Alexander, Ruth, Stivens Josue, Edu, Jorge, Ion Faruk, M, Noa, C Elena e Breogán.

Fixemos algúns roteiros pola cidade, fomos a exposicións, con entrada nalgún centro comercial para ver o Nadal, tomamos chocolate con galletas nalgunha das saídas.... e chegou o final de curso e despedímonos subindo ao Observatorio do Instituto nos tellados do mesmo. Antes pasamos pola Aula do tempo onde deixaron as súas mensaxes para abrir dentro de 20 anos. Nunca os vira tan contentos e á vez tristeiros porque remataba o curso.

E así foi, na avaliación final de 13, titularon 9 , os dous que chegaran de Perú non puideron e os outros dous foron alumnos galegos que tiñan materias pendentes do curso anterior e non se presentaran.

Paréceme un éxito, un éxito por ter acadado os obxectivos que nos propuxemos, un éxito por darlles confianza en si mesmos, un éxito por sentirnos todos iguais, un éxito pola solidariedade entre os membros do grupo e un éxito para a sociedade que é quen de acoller sen mirar a cor, a procedencia ou o que posúas.

Sei que a maioría está facendo un ciclo medio, unha de Informática, outro de Automoción, outro Carpintería, outra Técnico de Hixiene, unha Perruquería e Estética, dous continúan estudando no Instituto o Bacharelato... Deber cumprido!”

  

(De esquerda a dereita: Mª Rosario Soto Arias, Carlos Vázquez Furelos, Beni Vidal Tomé, José L. Suárez Cotelo, Felipe Criado Martín. Detrás do que fora profesor e pintor, vemos a Mª Teresa Rodríguez Taboada e ao seu carón a Elvira Rodríguez Varela. Sirva esta fotografía de homenaxe aos ausentes. Descansen en paz).



PARTE II:  “NA MIÑA DESPEDIDA[1]

Prezados compañeiros/as, antes de nada o meu agradecemento a Teresa Pastor! Por se tiñades algunha dúbida da nosa amizade, agora queda claro que é unha AMIGA, porque só desde a amizade se pode falar así de alguén, algo por suposto que non merezo. […]

Esquívanme hoxe as palabras porque a emoción non as deixa fluír como de costume e quere escurecer como unha mesta neboeira que viñese por Monte Louro a lembranza que pretendo transmitirvos da miña longa singradura que pon cabo a 43 anos de dedicación a este oficio de ensinar.

E antes de que a borraxeira chegue ao cabo de Corrubedo, quero lembrar aos meus pais e darlles as grazas porque por eles son o que son (ben pouca cousa). O seu exemplo forxou en nós, nos sete irmáns, nobreza e rectitude na vida, forza de vontade, implicación no traballo e tenacidade ante a adversidade. Ensináronnos que só co traballo e esforzo conseguiríamos triunfar e ser independentes. E así o fixemos. […]

Deixamos a poalleira por Corrubedo e vouvos lembrar cando hai case 20 anos puxen os pés no instituto, temerosa de non encaixar; acompañábame a idea, que circulaba, de ser o Eusebio un centro “cemiterio de elefantes”, profesorado moi asentado no centro, con moito catedrático/a “de pata negra” e posiblemente formando grupos pechados, sen moito interese por relacionarse co profesorado novo.

Eu procedía do “Francisco Aguiar” de Betanzos onde levaba 15 anos e era feliz, con Xosé Manuel Montero, o DIRECTOR (con maiúsculas), e compañeiros/as que se converteron en amigos e aos que non esquecerei: Sonsoles, Menena, Teresa, Concha Castro, Juan Centeno, Pancho, Cheché, Pedro, Barros, Lourdes, Nieves, Ofelia......

Pero a oportunidade que se me presentou, non puiden desaproveitala, sobre todo polos meus (Laura tiña 6 anos). E aquí cheguei, e como lles pasa aos rapaces de 1º de ESO cando poñen o pé no vestíbulo, quedei abraiada ( non sei como será entrar en Eton, pero para min que entraba en Eton). Namoreime do Instituito!

E aínda que ao principio estiven algo ou moi perdida […] axiña fun coñecendo o instituto, e así,  aos poucos días,  unha profesora de Matemáticas, Mercedes Sampayo convidoume  no recreo a tomar café no Hotel Riazor e atopeime coas PROFESORAS (con maiúsculas) coas que apenas tivera contacto na sala de profesores, pero que agora se abrían a min nesa mesa con café e biscoito, onde facían tertulia: Pilar Rodríguez, Mari Carmen Noya, Loli Romarís, Pilar Amor, Irene Barros, Isabel Pazo... Que queredes que vos diga? Namoreime delas: que educadas, que amenas, que intelixentes, que profesionais!!! Grazas por eses cafés!

Pouco a pouco fun  coñecendo amodiño a todos: A primeira Mª José, a directora, a Isabel Ruso (tantos anos de traballo xuntas! Catro de xefa de estudos, dez de coordinadora de Bacharelato e de coordinadora do Mestrado de Secundaria, quince de membro do Consello Escolar... que o tempo esvae como a calor do día esvaece a brétema), Óscar López de castelán  (DEP) o meu compa de casilleiro, a Emilio Insua (a quen lle debo que me pasase a tradución ao galego de “Ítaca”, o meu poema favorito, a Xoán Vila, a Isabel, a Carmen Aquino, a  J. Luís Suárez, Carlos V. Furelos, José Carlos, a Maribel, a Belén (DEP),  a J. A. Campos (o CÁTEDRO de Física que me impoñía), Josefa González (DEP), Emilio Facal, Javier Chao, Federico,  J Luís Martínez,  Benito, Paquita, Raúl Trillo, Marieta, a Rosa Fdez. Salmonte, Hilario, Javier G. de Dios (DEP), a Pilar Irimia, a Conchita Fraga, a Lela, Fidelina Seco, Chus Bazarra, Mourelo (DEP), Sucasas, Beatriz Romero, Manuel Regueiro, Probados, Díaz Pardeiro (DEP), Antonio Fondo, Mar Sendino, Ana R. Cabanelas a Angeles (DEP), aos que chegaron despois: Olga, Antonio Díaz, Xosé Reimunde, Merche, a Mario Simón, a Almuíña, Jaime Pita, a Mario Juíz, a Carmen D. Cabanas, Mercedes Rey, Ana Díaz a Íñigo......e tantos que posiblemente esquezo neste momento (pérdoádeme!) Que honra ter traballado con vós!

Non quero deixar de mencionar a María Lema, Mari Fé, Carmen Cobo, a Teresa Herva, a Julita que tan ben educaban e coidaban ao alumnado do 1º ciclo. Non se movían! Elas son as MESTRAS do Eusebio. Que ben o fixestes compañeiras! Chapeau por vós!

Que dicir do meu Departamento ao que chegaba de última, temerosa de ir ao Nocturno e coa seguridade de que tería que dar Portugués. Inpoñíame a Xefa, Carme López Taboada, ero hoxe, se volvo a vista atrás, recoñezo que os meus temores eran infundados: o Nocturno era a quenda máis solicitada,  o Portugués a materia de Susana e a Xefa había que coñecela nas distancias curtas. No departamento de Galego atopei compañeiras e compañeiros 10, volcados co alumnado, cunha arela por acadar un coñecemento do noso, da lingua e cultura que me fixo querelos para sempre: Carmela, Xulio Cuba, Susana, Carme Vázquez, Masé (DEP), Mari Fé e Charo!  Charo, que privilexio estar con ela (que me deixou abraiada coa súa palabra), outra MESTRA! Logo chegaría Pepe Mondelo, Fé Besteiro. Añoro o café con eles no Manhhatan, as súas revistas: Nós, Alén da chuvia, aí quedarán para a posteridade....

 

(Dos intercambios con Italia)

 

Unha cousa tiven claro ao pouco de chegar, todos, eles e elas forxaron este departamento e dérono avaler...  e eu debíalles respecto. Estou orgullosa de ter recollido o seu legado e ter aportado o meu gran de area seguindo a senda marcada de sementar o amor, o orgullo e a defensa do noso. Non quixen que os meus alumnos visen o Galego como unha obriga senón como algo que merece a pena! Os sobresalientes veñen dados cando o ven así! Compañeiro Paco e compañeiras: Teresa, Dulce, Carmen, Beatriz, Vitoria e Mónica  aí volo deixo. Facédeo valer e moita sorte!

 E se hai algo que me impactou ao chegar foi o uso que se facía do salón como lugar da palabra, como lugar de  exposición do discurso. Lembro a Adelino (DEP), un auténtico orador ao estilo clásico, a Charo Soto, un prodixio de oradora polo dominio que ten da palabra e a Luísa Varela, outra grande. Que pracer escoitalos! E canto aprendín deles ! Reivindico desde aquí o Paraninfo como sede da palabra do profesorado.

E os anos foron pasando e xa sabedes da miña dedicación ao instituto, impliqueime de verdade! Aos cinco anos de chegar fun Xefa de Estudos, púxenlle ilusión, esforzo sen límites e traballei arreo con Isabel, Charo, Maribel e X. Luís. Non quero presumir, pero démoslle “unha volta ao Instituto que non o recoñecía nin a súa nai” [risas]. Foi media vida a que lle dediquei, con moitas satisfaccións, pero tamén sensabores e decepcións. E se poño a balanza, non sei se tanta dedicación pagou a pena. Porque seguín

Pasoume o que a Don Quijote co “ Yelmo de Mambrino”. Eu tamén crin que posuía o “Yelmo de Mambrino”, un adobío do que ufana presumía, pero un día de triste lembranza, o rucio tropezou, e amo e “yelmo” rodaron polo chan. E dolorido e triste decatouse que todo fora un espellismo, non existía tal “yelmo” de ouro, era unha bacía de barbeiro!!! que esnaquizaba  e rompía a fantasía na que vivira!

É a vida ou algún Sancho Panza que che dá unha cura de realidade cando menos esperas!

E como semella que a brétema está chegando a Punta Batuda, vou apurar un pouco para chegar á Miñateira e albiscar porto. Hoxe só sería un día triste se ao rematar as miñas clases, rematara tamén a miña viaxe. Pero non é así. Recoñezo que despois de tantos anos ensinando, anunciar a miña xubilación prodúceme un baleiro triste. Ensinar ensinar, ensinei ben pouco, se acaso pretendín ensinar a PENSAR con liberdade e criticamente.

 

(Na homenaxe a Luísa Villalta. De esquerda a dereita: Teresa Pastor, Beni Vidal e Mª Isabel Ruso).


 

Pero, que cantidade de equivocacións cometemos os que pretendemos ensinar aos outros , sen antes ter alcanzado a madurez e o xuízo, que trae consigo a EXPERIENCIA acumulada cos anos.

O mero coñecemento non é sabedoría, e a sabedoría soa tampouco basta; para ensinar aos outros son necesarios o coñecemento, a sabedoría e a bondade. Segundo Aristóteles a bondade é un estado da alma e a sabedoría a esencia, por iso deberan ir sempre unidas.

E agora que cheguei a esta etapa, teño por fin a claridade de ideas que me faltou cando era nova. Por iso benzóns para os alumnos/as de Mondoñedo, do Concepción Arenal de Ferrol, do Virxe do Mar de Noia, de Pontedeume, do Francisco Aguiar de Betanzos e tamén do Eusebio, onde a inconsciencia da miña xuventude me fixo crer que o máis importante era o coñecemento. Que erro! Faltábame a sabedoría da experiencia e a bondade necesaria para comprender a cada un dos alumnos/as que a fortuna me deparou neses lugares. De todos aprendín e só desexo que neles permaneza algo de min; iso que pretendemos os que amamos este oficio, conseguir acender unha luz que os oriente nas súas vidas. Deles tamén me namorei!!! E deume igual crer que levaba o “Yelmo de Mambrino” ou permanecer  en “Invernalia”, porque eles foron os que portaban realmente o “yelmo de Mambrino” e atraíanme día a día!

E fun feliz na miña fantasía coma Don Quijote! Moi feliz!

 […]

Benzoados sexades compañeiros, amigos/as, como dicía Castelao:

“Que a fogueira do espírito siga quentando as vosas vidas

E que a fogueira do lume

Nunca deixe de quentar os vosos fogares.”

 

Moitas grazas!!!”

 

Beni Vidal Tomé

A Coruña, 28 de xuño de 2024

:::::::::::::::::::::::::::::::

 

(O día da súa xubilación)

 



[1] Benigna Vidal Tomé é natural de Portosín. Aclaración talvez necesaria para unha mellor comprensión das referencias xeográficas.