Amosando publicacións coa etiqueta Audiovisual Galego. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Audiovisual Galego. Amosar todas as publicacións

xoves, 14 de abril de 2016

Audiovisual galego: "Lobos Sucios, las minas de wolfran en Casaio"



Escrita e dirixida por Felipe Rodríguez Lameiro, este curto documental de 28 minutos sobre a minería do wolfran narra a loita dos homes coas pedras, na procura dun metal extremadamente valioso para gañar unha guerra.
Non quedes sen velo: é un anaco da nosa historia, da historia que forxaron coa súa suor as xentes do século XX.
(coa colaboración do profesor Xosé P. Mondelo, publicado por Mario S. García)

xoves, 28 de xaneiro de 2016

Falésias da morte, 1950


A curtametraxe que podes ver nesta entrada (Falaises de la mort) foi rodada no 1950 polo director Ernest Alfter. Explicada por unha voz francesa, ten os subtítulos en castelán. Foron rodadas na zona de Muxía e Fisterra. Sinxelamente, é abraiante velo: a túa alma ten que sentir calafríos ao contemplalo. Quen é máis duro, o mariñeiro ou o mar?.

Unha grande sorte recuperalo. Desfrútao e compárteo.

(Sección coordinada por Mario S. García, coa axuda do profesor Xosé P. Mondelo)

xoves, 26 de novembro de 2015

Audiovisual Galego: "O Carro e o Home"

Antonio Román e Xoaquín Lorenzo: "O Carro e o Home" (1941)
(Sección coordinada por Mario S. García, coa colaboración de X. P. Mondelo)

xoves, 30 de abril de 2015

Audiovisual Galego: "O estraño caso do almacén" e "O home de negro"

"O estraño caso do almacén"

"O home de negro"

Curtas realizadas polos alumnos do CEIP Eusebio da Guarda,curso 2013-14.
(sección coordinada por X. Pérez Mondelo)

venres, 13 de marzo de 2015

Audiovisual galego: A Escaleira


A ESCALEIRA from CEIP A LAMA on Vimeo.

Temos hoxe unha curta de animación. Semella que no CEIP A Lama as cabezas bulen cheas de ideas e que se non as plasman vailles mal. Esta pequena curta ten detrás un traballo enorme, engrandecido polos protagonistas, os cativos que dan vida aos bonecos, e que prestaron as súas doces voces cun resultado máis que sobresaínte.

Está feito cunha técnica de animación que consiste en tomar fotografías de pezas estáticas, facerlles un pequeno movemento, e repetilo, unha e outra vez. O resultado final, cando o montas coma un video, resulta nunha película na que os bonecos adquiren vida. 

Fixádevos que ás veces a cámara cambia o foco, por exemplo, pasando do home á araña. Noutras temos un plano cenital (por riba de todos), que semella estamos por riba deles.

Queres ver máis? Visita o Blog da Biblioteca escolar do CEIP "A Lama". Alí tes outras propostas feitas por escolares de primaria e infantil coa mesma técnica.

(M.S. García, sección coordinada por X. Pérez Mondelo)

xoves, 5 de marzo de 2015

domingo, 30 de novembro de 2014

Pradolongo

Durante moito tempo acostumámonos a que os protagonistas das películas se chamasen John, Jack, Bill ou Charlie. Agora, o audiovisual galego, que pese a todas as súas carencias avanza a pasos axigantados, intenta contarnos historias que lle acontecen a xente coma Raquel, Martiño e Armando, os personaxes de Pradolongo. 


Unha historia que acontece en Galicia. Uns personaxes  cos que nos poderíamos topar no instituto. Unha película absolutamente dirixida á mocidade, pois ten como tema o paso da infancia á madurez, e como este cambio afectará á amizade dos tres rapaces. Unha irmandade nacida na infancia, a piques de romperse na entrada ao mundo dos adultos. 

É unha cinta singular pola proximidade que transmite, especialmente aos rapaces da idade dos protagonistas. Pero sobre todo é a proba de que, pese a todas as adversidades, a nosa nacente industria non se rende.
Eduardo Lampón
(sección coordinada por X. Pérez Mondelo)

venres, 14 de novembro de 2014

A lus do mundo



Dicía Hölderlin, o poeta romántico alemán, que “o que permanece fúndano os poetas”. E a poesía de Xosé María Díaz Castro é un canto de permanencia. Contemplar estas imaxes dos alumnos do Instituto de Guitiriz, que leva o nome do poeta, reconforta. Reconforta o entusiasmo con que os profesores e alumnos lle renden tríbuto ao seu veciño poeta, a sensibilidade coa que traballaron en común para transmitir musicalmente os seus poemas, para facernos chegar máis nidiamente a fondura e o significado da súa obra. E reconforta esa visión do instituto como un proxecto compartido, como unha comunidade sensible e unida. Unha comunidade que se educa en harmonía, nun tempo quieto e nun espazo sólido, mais cheos de música e poesía.
Escoitemos, aprendamos, cantemos con estes mozos e mozas e cos seus profesores as cancións do poeta. Estannos dicindo que onde hai poesía, hai luz, e que onde hai harmonía, hai vitoria sempre. E de luz e harmonía están feitos os poemas de Díaz Castro, así como esta experiencia educativa. Nunca mellor homenaxe lle puideron facer estes alumnos e os seus profesores ao poeta que lle dá nome á súa comunidade. 
 

Un paso adiante é o que dan os pobos que saben recoñecer os seus poetas. Eles son as nosas trabes de ouro, os alicerces da nosa permanencia. (Club de Lectura)
(Sección coordinada por Xosé Pérez Mondelo)

luns, 3 de novembro de 2014

Audiovisual galego: Verbas e Ghallegho

A cuestión lingüística segue latexando. Afortunadamente, viva. Nesta mesma sección podemos ver Linguas Cruzadas, un documental imprescindible sobre a lingua galega desde a perspectiva da mocidade galega. Agora presentámosvos outros dous audiovisuais sobre a lingua realizados por dúas mozas galegas, Andrea Maseda e Noelia Gómez Calvo, como traballos prácticos de final das súas licenciaturas en Comunicación Audiovisual e Xornalismo.


Agardamos que desperten o voso interés, o mesmo que están a despertar nos miles de persoas que xa os contemplaron a través da internet e das redes sociais. Espazos nos que o emprego da lingua está moi vivo e goza dunha forte presenza.


 (Sección coordinada por Xosé Pérez Mondelo)

luns, 29 de setembro de 2014

MANUEL ANTONIO e RIMBAUD




SÓS

Fomos ficando sós

o Mar o barco e mais nós.

Así comeza un dos máis coñecidos poemas da literatura galega. Foi escrito por Manuel Antonio (1900-1930), poeta e navegante de curta vida, mais de obra intensa. Unha estrela fugaz no noso universo poético.

O poema aparece no seu libro “De catro a catro” (1928), un libro no que a partir das súas vivencias como mariño, o poeta vai narrar unha viaxe íntima polo mar incerto da existencia. Máis que unha viaxe externa, o poeta cóntanos a súa viaxe interior, e daquela, o desamparo e o extravío do ser humano na súa travesía vital.

Manuel Antonio, un poeta vangardista do primeiro terzo do S.XX, recórdanos a figura doutro gran escritor e renovador da poesía europea e universal: o poeta francés Artur Rimbaud (1854-1891). E recórdanos a Manuel Antonio non só por ser outra estrela fugaz no universo poético universal, un escritor de vida tamén moi curta, senón tamén por ser o autor dun extenso poema, “Le bateau ivre” (O barco ebrio), que deu a coñecer cando era aínda un adolescente. Neste poema Rimbaud emprega tamén a imaxe dun barco, un barco que é a alma do poeta, de todos os seres humanos á intemperie, á mercede dos ventos e das incertezas da vida. Outra navegación interior, outra viaxe ao corazón das tebras. E, en ambos poetas, un mesmo “barco sen luces”.

É por isto que nos gusta unir a vida e a obra destes dous poetas revolucionarios, destes dúas almas senlleiras e xemelgas, que tan fonda e belamente souberon expresar o noso desamparo e extravío existencial. A necesidade da procura de áncoras para a nosa propia navegación.

Quizais a poesía sexa a áncora máis firme e o máis cálido peirán. Ese onde sempre nos agardará Simbad e a súa doce memoria de tódolos mares. Simbad, esoutro navegante e poeta!
 

 (Retrato debuxo de A. Rimbaud)

(Colaboración de Xosé P. Mondelo)

xoves, 22 de maio de 2014

Dublinés, de Alfonso Zapico, e V. Woolf, de B. Ciccolini e Grazier


Este álbum de Alfonso Zapico, sobre a vida de James Joyce (Dublín 1882- Zúrich 1941), obtivo no ano 2012, o Premio Nacional de Cómic. É unha obra excepcional, que os amantes do escritor irlandés e da literatura contemporánea non deixarán de agradecer, pois a súa lectura, permítenos achegarnos dunha forma amena e rigurosa á vida azarosa e difícil deste escritor xenial, autor do Ulises unha das obras máis complexas e revolucionarias da historia da literatura universal. Desde a súa infancia dublinesa até a súa morte en Zúrich, canso e case cego, abatido pola enfermidade dunha súa filla, o autor, cunhas imaxes tremendamente expresivas, vainos levando polos escenarios familiares e afectivos (como a relación coa súa muller Nora Barnacle), así como polos seus desvelos como escritor e o seu deambular polas distintas cidades onde o levou o seu destino errante (unha vez que deixou Irlanda, á que apenas volveu, mais que sempre levou canda el, pois toda a súa obra é unha homenaxe a súa amada-odiada patria verde). París, Londres, Roma, Padua, Trieste, Zúrich sonnos mostradas polo autor con tanto detallismo e veracidade que semella que esteamos a acompañar ao escritor por estas belas cidades europeas da primeira metade do S.XX, nun tempo de máxima creatividade artística, mais tamén convulso e dramático. 

Unha obra densa, rigurosa, con momentos de dor, de amor e tristeza, e tamén con grandes doses de humor, o que fai que o lector se adentre con curiosidade crecente na vida de Joyce, ese escritor que cambiou para sempre a nosa visión da literatura. De tal xeito que despois do seu paso polos territorios da imaxinación, xa non houbo máis volta de folla.

O mesmo podemos dicir da obra e da vida doutra escritora excepcional: Virginia Woolf (Londres 1882- Sussex 1941). Na biblioteca do instituto encontraremos outro álbum excelente sobre esta escitora. Este cómic sobre V. Woolf, o mesmo que o anteriormente reseñado sobre Joyce, forma parte dunha colección de historias gráficas sobre grandes escritores que o Club de Lectura adquiriu para a biblioteca, que constitúen uns recursos didácticos de grande valía, non só para os amantes da lectura e da banda deseñada, senón tamén como apoio para as aulas de Literatura, nas diversas linguas nacionais e internacionais, así como para outras materias como Literatura Universal. A través desta colección podemos acercarnos á vida e a obra de escritores como Joyce, Virginia Woolf, Melville, Ray Bradbury, Federico García Lorca, Castelao, A. Fernández Paz, Miguelanxo Prado… e a outros autores e libros moi atractivos. 

Só cómpre pasar pola biblioteca, procurar os cómics e ficar engaiolados por palabras e imaxes. 

(Sección coordinada por Xosé Pérez Mondelo)

mércores, 19 de marzo de 2014

Audiovisual galego: 'Mamasunción'


https://www.youtube.com/watch?v=SrBkJWGJDuc
A curtometraxe (facendo clic poderás velo) é un reflexo da realidade da Galicia profunda dos anos cincuenta e sesenta. Nel podemos ver como sofre unha nai polo silencio do seu fillo emigrado, coa fin de atopar unha vida mellor. Tamén observamos o analfabetismo da época cando unha veciña ofrécese a ler a carta sen saber ler e inventa o seu contido, para facer dano. Cando unha persoa que si sabe ler revélalle o verdadeiro contido da carta, descóbrese que o seu fillo fixo fortuna e ten pensado volver, mais resulta que a carta é enviada pola empresa que el fundou xa que el morreu e ela é a única herdeira da súa fortuna. Vemos como o concello quedase cunha gran parte da fortuna e a ela deíxana cunha pensión que ela non quere xa que o único que realmente quere e volver ver ao seu fillo. A curtometraxe remata con ela quemando os cartos, xa que para ela é a causa pola que perdeu ao seu fillo, e cos veciños petándolle a porta para que lles de cartos.
Autoría: Jorge Carril (Sección coordinada por Xosé Pérez Mondelo)
Ampliación: A curtametraxe Mamasunción, dirixida por Chano Piñeiro, tivo a súa estrea en 1984. 
Os ollos de Mamasunción son un cristal de pena. Unha pena sen nome. Unha pena infinita.
Son os mesmos ollos de tantas nais que non teñen fillos, de tantos fillos que non teñen pais.
Corazóns que sofren longas ausencias mortais... e que ninguén consolará. 

martes, 11 de marzo de 2014

Linguas cruzadas


Linguas cruzadas (fai clic para velo)

Este documental amósanos bastante ben, coido eu, a situación do galego na mocidade de hoxe en día. Ogallá sirva para abrirlle os ollos a moitos mozos e mozas coma nós.

Eu, pola miña banda, tiven a sorte de ter unha aldea, de coñecer a nosa lingua de preto e de ver este conflito lingüístico dende os dous lados. E, sen dúbida, posiciónome do lado dos galegofalantes. Tras anos vivindo este conflito o que vexo é que na cidade cada vez se esquece máis a nosa lingua e que nas aldeas séguese mantendo. É dicir, o de sempre, aínda hai moita xente que relaciona o galego co rural e o castelán coa cidade. O lóxico sería que en Galicia se falase maioritariamente en galego pero por desgraza non é así. Tamén hai moita xente con prexuízos cara a lingua galega. Para min o galego é a miña lingua na cidade e no rural. Recoñezo que cos amigos adoito falar en castelán porque eles diríxenseme nesa lingua mais eu ben sei que a miña lingua é o galego porque é na que máis cómodo me sinto, na que me sinto en contacto coas raíces do meu pobo sen imitar as falas de outros. Pero teño a sorte de ir sempre á miña aldea. Alí falo en galego cós meus avós, cos veciños e co meu amigo Simón, a quen admiro porque el é desas persoas de verdade, que fala galego en calquer sitio e con quen sexa. Iso si que é ser galego. Da gusto ter un amigo coma el, alguén con quen falar no noso idioma cómodamente e sen prexuízos. Aquí na cidade falo en galego cos meus pais, no instituto  e nunha libraría á que vou sempre a mercar os meus libros en galego, onde entenden moito de literatura galega e podo asesorarme. Pero querería poder falar en galego con todo o mundo. Mais os que amamos Galicia e a nosa lingua temos verdadeiros anxos da garda coma Rosalía (os seus versos son o noso mellor defensor), Castelao (“se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma”), Curros ( “non por pequeno é desprezable un idioma”), Pondal ( “nobre e armoñosa fala de Breogán/ fala de bos e fortes sen igual”) , Vilar Ponte (“A nosa lingua é un camiño de ouro a nosa redención e o noso progreso”), Cunqueiro (“Eu quixen que Galicia continuase e, ao lado da patria terreal, haxa estoutra patria que é a lingua nosa”) ou Murguía (“As linguas son verdadeiras bandeiras nacionais: levan as súas propias cores”). Para min o poema “deitado fronte ao mar” de Celso Emilio semella feito a medida para esta disglosia. Se eu puidera describir a nosa situación de forma tan maxistral faríao pero aínda sería mellor que coidase a nosa lingua. Mais iso é un labor que nos corresponde a todolos galegos, debemos loitar contra os prexuízos sobre a nosa lingua, coidala e, por riba de todo, falala. Porque a fala  é un do   s pilares da identidade. Xa é hora de que o noso pobo se sinta fachendoso  da súa cultura e da súa identidade. Eu son galego e quero vivir na lingua e na cultura da miña patria: Galicia.
Jorge Carril Espido       3º ESO (Sección coordinada por Xosé Pérez Mondelo)

mércores, 26 de febreiro de 2014

O Audiovisual Galego I: "Coruña Imposible"

Abrimos un novo capítulo, "O audiovisual galego". Nel integraremos unha serie de contribucións doutros profesores que colaboran co Club de Lectura.

Coruña Imposible

  • Título: Coruña imposible (fai clic para velo)
  • Ano no que foi dirixida: 1995
  • Duración: 11 minutos
  • Produción: Miguel Asensio
  • Fotografía: Ricky R. Morgade
  • Montaxe: Carlos Amil
  • Script: Encarna Alonso
  • Son: Ángel Cordero
  • Insustituible: José A. Pérez Paris
  • Equipo eléctrico: Pablo Anllo
  • Coordinación xeral: Pepe
Trata sobre un home que nada máis espertar, levántase, refrega os ollos e, cando os abre, asómbrase ao ver que está en medio da praza, vulnerable ante todos os transeúntes porque está en roupa interior e cunhas zapatillas con forma de animal e unha etiqueta colgando delas.
Procura correr o máis rápido que pode e ser visto o menos posible, expresando perfectamente, sen necesidade de palabras, o confundido que está ante a estraña e misteriosa situación. 
Métese nunha tenda e vístese coa roupa que encontra mais, ao saír do probador, a dependenta dáse conta de que se vai sen pagar e fanno quedar como antes, nesta ocasión, sen zapatillas. 
Apresura o paso ata chegar á súa casa e cando abre a porta vese, outra vez, na mesma praza do principio, a praza de María Pita. Si, xa non ten casa, xa non ten... nada.
E volta a comezar de novo, como se estivese nun labirinto sen saída.
                                                                   Raquel Casero Soler 4º Eso


Atopámonos nun pesadelo bucle. Que horror! Cando espertaremos?.
Ao principio represéntase unha escea na que o personaxe principal aparece durmindo dunha forma intranquila, o que fai pensar que está tendo un pesadelo, nun cuarto que é un estudio de urbanismo e arquitectura xa que ten mesas de debuxo con escuadras, cartabóns... ademais de planos da Coruña polas paredes e outros de edificios imaxinarios. Sobre unha mesa pódese observar como estaba a medio rematar un puzle de M.C.Escher, titulado “Cóncavo e convexo”. Todas estas imaxes anticípannos o que imos ver na curtametraxe, ou sexa, un pesadelo máxico producido por dito puzzle con escaleiras inconclusas.
O personaxe, ao soar o espertador da mesiña de noite, na cal tamén ten un libro titulado “O espello máxico” do mesmo autor, M.C.Escher, levántase en calzóns e opta por poñer as zapatillas novas (de coello) da súa parella, que aínda teñen a etiqueta, e despois de espreguizarse, frótase os ollos, aparecendo no medio da praza de María Pita, cunha imaxe en primeiro plano do Consistorio da cidade, o cal o deixa sorprendido. A xente tamén o mira sorprendida ao ir prácticamente en coiros. El séntese totalmente desprotexido e avergoñado ao quedarse sen a última protección que temos os seres humanos, que é o pudor.
O resto da curtametraxe transcorre intentando volver a súa casa a través de distintos barrios da cidade, intentando conseguir primeiro roupa de forma honesta, logo intentando coller un taxi, no que o taxista o deixa subir malia non ter cartos. Máis tarde, desesperado, entrando nunha tenda, intenta outra vez conseguir roupa, mais esta vez roubándoa, sacándolle as etiquetas ás prendas, mais non sendo capaz de coller uns zapatos, e véndose sorprendido, escapa. Cando saía da tenda, é delatado pola etiqueta que levaba a zapatilla do pé esquerdo coa que saíra da casa, deixándoo na rúa, sen as zapatillas, soamente co calzón. Cando chega por fin á súa casa, chama ao timbre e non lle abre ninguén, pero dálle tempo a entrar pola porta ao saír unha señora, que se asusta e lle zorrega un paragüazo.
Comeza a subir as escaleiras da súa casa, xa que ao ser unha casa antiga carece de ascensor. Chega ao seu piso e busca no relanzo desesperado unha copia da chave que está nun maceteiro. Cando con moito traballo a atopa entre a terra da maceta, por fin aliviado, métea na fechadura da porta da súa casa e abre. Resulta que cando abre a porta lévase a sorpresa de que dita porta leva novamente aos baixos dos soportais da praza de María Pita, pechándose así o bucle, e á vez volvéndose a iniciar o mesmo pesadelo.
O mellor sería que non tivera atravesado o limiar, que se mantivese no relanzo da escaleira, xa que aínda que non resolveu o problema de cómo chegar á súa casa e quedar dentro, cando menos tería a sensación do alivio de ter chegado.
  David Caridad de la Peña. 2º Bacharelato


Coruña imposible é unha curtametraxe escrita e dirixida polo cineasta Paco Rañal no ano 1995. É unha película rodada na cidade da Coruña, de 12 minutos de duración e en branco e negro. Producida pola Escola de imaxe e Son da Coruña, a obra tivo unha gran acollida entre o publico e a critica e gañou numerosos premios en diferentes festivais.
A peli trata  dun mozo que esperta na súa casa e, xusto despois de poñerse as zapatillas, aparece de forma súbita no medio da praza de Maria Pita espido e confuso. Ó principio  agóchase como pode e intenta  conseguir axuda nunha tenda de roupa e nunha parada de  taxis, mais os diferentes cidadáns, pensando que estaba tolo, rexéitano de malas maneiras. Por ultimo, decide roubar nunha tenda de roupa, e non só fracasa no seu intento senón que perde o calzado e, ó final, espido e sen zapatillas consegue chegar á súa casa, na que descobre que, tras  abrir  a porta, está de novo no medio da praza de Maria Pita. A curtametraxe acaba coa frustración do protagonista e unhas  imaxes,  expostas  tamén ó principio, da escaleira de Escher.
Esta obra é unha curtametraxe moi intensa, que consegue trasmitir unha sensación incomoda de agobio e soidade, en parte grazas á fotografía de Sergio Franco e a música de Claudio Canedo.
Mais alá da aventura do protagonista, destacan dous temas  importantes. Un é a paisaxe da  cidade da Coruña a finais do seculo XX. O espectador percorre xunto co protagonista edificios emblemáticos da zona vella, o concello,a rua de San Andrés e a rúa Real, entre outras. O outro tema, deixado caer con mais sutileza é  o  representado pola escaleira de Escher. E, como fondo, o tema  principal da curtametraxe , que presenta de forma  surrealista unha situación imposible: así como na escaleira circular de Escher  sempre sobes nun bucle infinito, o protagonita aparece unha e outra vez na  praza de Maria Pita.

A escaleira de Escher  e o artista.
A maioria das imaxes que aparecen ó principio e ó final da curtametraxe é, en concreto, a escaleira de Escher, son obra dun famoso artista holandés chamado Maurits Cornelis Escher.
A idea desta escalera non é orixinal de Escher. A escalera de Penrose ou “escaleira infinita” é unha ilusión óptica descrita polos matemáticos ingleses Lionel Penrose  e o seu fillo Roger Penrose.
Esta escaleira é a representación bidimensional dunhas escaleiras que cambian a sua dirección 90 graos catro veces mentres dá a sensación de que so ben ou baixan á vez, sexa a dirección que sexa. Se bien a construción dun obxecto tridimensional deste tipo non é posible, a ilusión óptica da imaxe de Penrose básase en enganar a perspectiva.
Para complementar a visión da curtametraxe non deixedes de ler o fantástico relato "Instrucciones para subir una escalera" de Julio Cortázar, do seu libro "Historias de cronopios y famas". Podemos facer a proba intentando subir de costas as escaleiras do noso instituto.
 José Díaz Pisano. 2º Bacharelato
(Sección coordinada por Xosé Pérez Mondelo)