Amosando publicacións coa etiqueta Biografías lectoras. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Biografías lectoras. Amosar todas as publicacións

domingo, 26 de xuño de 2016

Biografías Lectoras (XIII): Xulio L. Valcárcel

1. Cal foi o primeiro libro en galego que liches?
-Unha antoloxía de poesía que recollera Antón Campelo. Eran as letras das cancións d´ O Carro, un grupo “folk”, pioneiro na canción en galego.  A maioría  dos textos eran de Celso Emilio Ferreiro. Naquel momento eu estaba máis preto da música que da literatura. 

2. E en castelán?
-“Corazón”, de Edmundo de Amicis. Recomendoumo meu avó Xesús, e aínda me lembro dalgúns contos: “O pequeño escribinte florentino”, “Dos Apeninos aos Andes”…

3. Un libro que fose especialmente importante na túa vida?
-Sen dúbida, “O deserto dos Tártaros”, de Dino Buzzati. Constitúe unha alegoría   do destino de moitas persoas, que empezan a vida con moito entusiasmo pero acaban  desencantadas.

4. Que libro che prestaría ler agora en galego?
-Relería “A Esmorga”, de E. Blanco-Amor. Ou os de Cunqueiro. En xeral gústanme os autores que escriben un galego celmoso, con sabor, con gracia.

5. E en castelán?
- “El Quijote”, de Miguel de Cervantes. Polas mesmas razóns. A gracia do español antigo e a precisión estilística.

6. Cal pensas que podía ser un libro que lle gustaría ler á xente nova?
-Todos os de Manuel Rivas, o noso autor máis universal.
-“Con tacones y a lo loco”, de Clarilou.

7. Algún título para agasallar a un amigo ou amiga?
- En xeral, adáptome aos seus gustos  e hai unha variedade tan ampla que resulta difícil concretar ningún.

8. Que libro tes neste momento enriba da mesiña de noite ou no e-book?
- “Libros conversos”, de Baldo Ramos e Pepe Cáccamo.
- “Historia de los heterodoxos Españoles”, de Méndez Pelayo.

9. Que libro leva agardando moitos anos por ti?
- “O Ulises”, de J.  Joyce, que tamén o teño na mesiña na versión en  galego.

10. Houbo algúns textos ou autores que che quedasen na memoria para sempre?
-Si, sei moitos poemas ou anacos de poemas, de memoria: Rosalía, Curros, Quevedo, Celso Emilio, González Garcés,  Novoneyra, Juan de Yepes, Bécquer,  Manuel Antonio, Juan Ramón, Pessoa, Noriega Varela…  

11. Uns versos dun dos teus poemas favoritos?

Un paso adiante i outro atrás, Galiza,

I a tea dos teus sonos non se move.

A espranza nos teus ollos se esperguiza.

Aran os bois e chove.
Xosé María Díaz Castro: “Penélope”.

Xulio L. Valcárcel, poeta
(Sección Coordinada por Xosé P. Mondelo)

sábado, 27 de xuño de 2015

Biografías Lectoras (XII): Agustín Fernández Paz

  1. Cal foi o primeiro libro en galego que liches?
Máis ca do primeiro que lin, tería que falar do primeiro que escoitei. Foi cando eu tiña oito anos. Unha tarde, o meu pai chegou á casa con dous libros nas mans. Sentada a familia enteira á mesa da cociña, papá amosounos a marabilla que traía: dous libros escritos en galego, Merlín e familia e Á lus do candil, un préstamo dun encadernador do que era moi amigo. O meu pai leunos algunhas páxinas en voz alta, que escoitamos cunha emoción semellante á do primeiro europeo que viu cisnes negros en terras australianas. Había libros de verdade escritos en galego!
Deses títulos, que estiveron varios días na casa, lin pola miña conta algúns dos relatos de Ánxel Fole. Esa foi a miña primeira lectura en galego.
O primeiro libro completo tardei ben máis tempo en lelo. Foi Cantares gallegos, sendo eu xa adolescente, nunha edición perdida na biblioteca da Universidade Laboral de Xixón. A gran Rosalía, sen intermediarios, desvelándome o seu xenio e sinalándome o camiño!
  1. E en castelán?
Se non conto a grande cantidade de tebeos que lin, tanto de humor como de aventuras, o primeiro libro que lembro ler enteiro foi La isla misteriosa, de Jules Verne. Formaba parte da reducida "biblioteca" do meu pai, un lector voraz. Foi el quen me meteu as ganas de lelo, contándome entusiasmado o que ía encontrar nel. Desde aquela primeira lectura, é un libro mítico para min, ao que volvo cada certo tempo.
  1. Un libro que fose especialmente importante na túa vida?
É difícil limitarse a un só título, mais non teño dúbida: Punto cero, de José Ángel Valente. Foi un libro que merquei na Coruña, na libraría Ágora. Era o ano 1972, acababa de publicarse. Nel Valente reunía toda a poesía que publicara ata aquel momento.
Foi estraño o que me sucedeu con ese libro, que lin e relín ata acabar sabendo de memoria a maioría dos poemas. Sentíame reflectido neles, alí estaban as palabras que explicaban a miña concepción da vida. Sigo volvendo a el, así como aos libros que Valente publicou posteriormente. Valente é, sen dúbida, o poeta da miña vida.
  1. Que libro che prestaría ler agora en galego?
Algúns que aínda non existen, mais que poderían existir. Coma tal, un novo libro de relatos de Méndez Ferrín. Ou unha novela inédita de Blanco Amor, escrita nos meses derradeiros da súa vida. E, xaora, os libros que Cunqueiro declarou estar a piques de rematar , aínda que nunca chegou a escribilos.
  1. E en castelán?
Encantaríame que se descubrise unha novela inédita de Juan Rulfo, aínda máis fermosa ca o seu Pedro Páramo.
  1. Cal pensas que podía ser un libro que lle gustaría ler á xente nova?
Hai tantos! O listado podería ser interminable. Ademais, pola miña experiencia, sei que un título que a alguén lle parece marabilloso pode non gustarlle a outro. Non todos mozos teñen os mesmos gustos nin o mesmo nivel de lectura.
Citemos algúns títulos: Narración de Arthur Gordon Pym, de Edgar Allan Poe; unha selección dos contos de Julio Cortázar; Arnoia, Arnoia, de Méndez Ferrín; A metamorfose, de Franz Kafka; As uvas da ira, de John Steimbeck...
  1. Algún título para agasallar a un amigo ou amiga?
Se é amiga ou amigo, seguro que xa leu moitos dos que eu agasallaría con gusto. Tería que buscar unha delicatessen, como Ardalén de Miguelanxo Prado. E, se xa o leu, a Antología de Spoon River, de Edgar Lee Masters ou os Crímenes ejemplares, de Max Aub.
  1. Que libro tés neste momento enriba da mesiña de noite ou no e-book?
Teño varios, non son persoa de ter un só. Estes días ando con Olympia Ring, 1934, de Xabier López; con American Noir, unha selección de relatos dos mellores autores do xénero negro en USA; e cos Días de Nevada, de Bernardo Atxaga.
  1. Que libro leva agardando moitos anos por ti?
Houbo un tempo en que non tiña cartos para libros, debía conformarme con velos nos andeis. Por algúns agardei anos, como Cartas a Felice, de Franz Kafka.
Agora é ao revés: hai títulos na miña biblioteca que non sei se chegarei a ler algún día. Tócalles agardar.
  1. Houbo algún textos ou autores que che quedasen na memoria para sempre?
Xaora que houbo! Son eses libros, ou eses autores, que te marcan, sabes que xa nunca os esquecerás. Velaquí algúns: Follas novas, de Rosalía de Castro; Rayuela, de Julio Cortázar; todo Franz Kafka; Arraianos, de Méndez Ferrín; todo José Ángel Valente; varias novelas de Roald Dahl; boa parte dos relatos de H. P. Lovecraft; Merlín e familia, de Álvaro Cunqueiro; os álbums de Miguelanxo Prado; a poesía de Wislawa Szymborska; varias novelas de Robert Louis Stevenson...
  1. Uns versos dun dos teus poemas favoritos?
O poema chámase "Sé tú mi límite", pertence ao libro La memoria y los signos, de José Ángel Valente. Velaquí os primeiros versos:

Tu cuerpo puede

llenar mi vida,

como puede tu risa

volar el muro opaco

de la tristeza.

Una sola palabra tuya quiebra

la ciega soledad en mil pedazos.

(...)

Agustín Fernández Paz, escritor
(Sección Coordinada por Xosé P. Mondelo)

Biografías Lectoras (XI): Pilar Pallarés



1- Non lembro cal foi o primeiro exactamente. Entre os primeiros, Os vellos non deben de namorarse, O Catecismo do labrego de Lamas Carvajal, A esmorga, Elipsis e outras sombras de Ferrín, a poesía de Rosalía.


2- Un dos primeiros foi La busca, de Baroja. Cando era unha cría fixen unha noveliña imitándoa.


3- Impactoume Los miedos, de Blanco Amor, que comprei nunha Feira do Libro e que el me asinou, despois de me advertir de que quizais era demasiado nova para o ler. E marcoume A montaña máxica, de Thomas Mann. Desde os doce anos, cada verán fracasaba na súa lectura, até que un ano fun capaz de lle meter dente.

Tamén me fascinaron na adolescencia Historias e invenciones de Félix Muriel, de Dieste, e a poesía de Neruda. E un pouco máis adiante Longa noite de pedra, de Celso Emilio Ferreiro.

4- Unha terceira novela de Begoña Caamaño, mais para iso tería que continuar entre nós. Desgrazadamente, non é así.


5- A poesía de Julio Llamazares, que xa teño pedida nunha libraría.


6- Para alguén de dezaseis ou dezasete anos, Xente ao lonxe, de Blanco Amor.


7- Muller de barro, de Joyce Carol Oates e Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño.


8- Unha soedade demasiado ruidosa, de Bohumil Hrabal, aínda que non está na mesa de noite, porque non gosto de ler no leito. Fíxeno obrigadamente en moitas convalecencias.

9- Paradiso, de Lezama Lima. Compreino hai moitísimos anos, mais está sen tocar.


1O- Pimentel e Sombra do aire na herba, todo Cunqueiro, Conrad e O corazón da escuridade, Djunna Barnes e O bosque da noite, Jean Rhys e Ancho mar dos Sargazos, Rosalía e El caballero de las botas azules, Melville e o seu Bartebly, e tamén Benito Cereno. Última fuxida a Harar, de Avilés de Taramancos, Madame Bovary, de Flaubert, Diario de una enfermera, de Isla Correyero, Laços de Família ou A Paixao Segundo G. H. de Clarice Lispector, Suite francesa, de Irene Nemirovsky. E moitos máis.

11- “Amante, no meu vaso aínda canta a sede” ( “Soedades da miña branca señor”, Dona do corpo delgado, Cunqueiro). Encantáballe a Manuel María.

Ou tamén: “Ollo nos cupos da família os nomes / dos visavós, dos vellos que me deron/ este corpo mortal que son agora./ Sinto os seus dedos antigos/ a percorrerme os ósos mentras aran...”. Forman parte dun poema marabilloso de Avilés de Taramancos, do seu libro póstumo Última fuxida a Harar.


Pilar Pallarés, poeta
(Sección Coordinada por Xosé P. Mondelo)

Biografías Lectoras (X): Yolanda Castaño

  1. Cal foi o primeiro libro en galego que liches?
Non me lembro ben… Mais, ben puido ser “Cantares Gallegos” de Rosalía.
  1. E en castelán?
Algún de Gloria Fuertes, autora que me apaixonou dende o primeiro momento e unha das culpables de que dende entón me lanzase a escribir poesía.
  1. Un libro que fose especialmente importante na túa vida?
Unha antoloxía poética de Alejandra Pizarnik.
  1. Que libro che prestaría ler agora en galego?
Unha antoloxía de poesía contemporánea última.
  1. E en castelán?
Unha antoloxía de nova poesía galega.
  1. Cal pensas que podía ser un libro que lle gustaría ler á xente nova?
Un que anunciasen pola televisión?
Hai moitos libros que á xente nova lle gustarían, o que precisan é a motivación para descubrilos, atrevérense a botarlles a man. Penso por exemplo nalgún de poesía de Lupe Gómez. E en poesía que non está nos libros: á xente nova gustaríalle se fosen a un espectáculo poético de “aldadolado”, por exemplo o último: “Sempre en Ibiza”.
  1. Algún título para agasallar a un amigo ou amiga?
Pedro Páramo” de Juan Rulfo, “El amante” de Marguerite Duras, “As entrañas horas” de Emma Couceiro, “Tara” de Elena Medel, “O lume branco” de Xosé Mª Álvarez Cáccamo.
  1. Que libro tés neste momento enriba da mesiña de noite ou no e-book?
oso, mamá, si?” de María Lado, “Ginza Samba” de Robert Pinsky (o único poeta vivo que saíu nos Simpsons) e “Flores de tierra dura” de mulleres poetas do sur da India.
  1. Que libro leva agardando moitos anos por ti?
O “Ulises” de James Joyce. E pode seguir agardando.
  1. Houbo algún textos ou autores que che quedasen na memoria para sempre?
Alejandra Pizarnik, Ferrín, Olga Novo.
  1. Uns versos dun dos teus poemas favoritos?
Sonó la musiquita de windows y amaneció” (Juan Andrés García Román).
En calquera outro momento poderíame lembrar de calquera outros.
Yolanda Castaño, poeta
(Sección Coordinada por Xosé P. Mondelo)

martes, 6 de maio de 2014

Biografías lectoras (IX): Xabier P. DoCampo


1. Cal foi o primeiro  libro en galego que liches?
Estou seguro. Foron uns folletos en tamaño de oitavo que chegaban á casa  cada ano: O gaiteiro de Lugo. Tratábase dun calendario agrícola, totalmente escrito en galego e cheo de datos referidos aos traballos da terra, pero tamén contiña outras cousas coma artigos curtos, refráns, adiviñas e cousas así. Aló por finais dos anos cincuenta (1958?) aparece na casa un exemplar de Terra Chá, de Manuel María e ese é o primeiro que lembro co formato de libro. Tamén lembro que o mercara meu pai ou meu padriño na libraría Celta de Lugo, na rúa de San Marcos.

2. E en castelán?
En castelán foi un exemplar en formato grande d’A illa do tesouro que apareceu pola casa, en 1954 ou 1955 de xeito medio misterioso, porque me resulta raro non telo visto antes.

3. Un libro que fose especialmente importante na túa vida?
Esa lectura ou lecturas, porque foron varias d’A illa do tesouro, estou seguro que foron as que me fixeron lector. Nunca imaxinara que un libro puidese conter tanta emoción, tanta fascinación e tanta beleza como encontraba e encontro eu naquel.

4. Que libro che prestaría ler agora en galego?
Non sei se comprendo ben a pregunta, por iso contestarei desde dúas interpretacións dela.
Eu leo e releo continuamente a Cunqueiro. Préstame a súa lectura calquera día e a calquera hora, nomeadamente o Merlín e familia. Cando teño un tempo de vagar no que me poño a ollar de arredor a ver a que boto man, invariabelmente pillo un libro de Cunqueiro, por exemplo un libro de artigos.
Agora ben se a pregunta se refire a que libro querería ver traducido ao galego, entón son moitísimos dos que leo traducidos ao castelán. Agora ben, non quero ler traducido ningún libro que eu sexa quen de ler na súa lingua orixinal.

5. E en castelán?
Tamén son moitos os autores e autoras que leo con gusto a calquera hora. Non son capaz de escoller: Cortázar, García Márquez, Carpentier, Asturias, Borges, Onetti, Rulfo... Lorca, Cernuda, Juan de la Cruz, Valente, Martín Gaite, Martín Garzo, Javier Marías...

6. Cal pensas que podía ser un libro que lle gustaría ler á xente nova?
Merlín e familia, Xente ao lonxe, Ilustrísima... Estou a escribir segundo se me veñen á cabeza... A xente nova pode ler os mesmos libros ca xente vella, moi en especial se conta con alguén ao lado que o acompañe na lectura, pero só como quen acompaña nunha viaxe: facendo reparar naquilo que se lle podía escapar.

7. Algún título para agasallar a un amigo ou amiga?
Un sempre adoita agasallar co último que lle produciu unha lectura pracenteira. Aquilo que ten máis fresco. Pero  con frecuencia eu adoitaba agasallar obras de Rosalía de Castro.

8. Que libro tés neste momento enriba da mesiña de noite ou no e-book?
Estou coa tradución ao galego do Ulisses de Joyce e cunha novela curta moi interesante, O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila.

9. E cal está agardando hai moito tempo por ti?
Creo que moi pronto me vou pór a ler unha vez máis (creo que será a terceira) Moby Dick de Herman Melville. Teño ganas de lle facer unha lectura ben vagarosa.

10. Houbo algúns textos ou autores que che quedasen na memoria para sempre?
Sei moitos comezos de grandes novelas:
«Muchos años después, frente al pelotón de fusilamiento, el coronel Aureliano Buendía había de recordar aquella tarde remota en que su padre lo llevó a conocer el hielo» (Cien años de soledad, Gabriel García Márquez)
«Lolita, luz de mi vida, fuego de mis entrañas. Pecado mío, alma mía.» (Vladimir Navokov, Lolita)
«¿Encontraría a la Maga? Tantas veces me había bastado asomarme, viniendo por la rue de Seine, al arco que da al Quai de Contí...» (Julio Cortázar, Rayuela)
«Vine a Comala porque me dijeron que acá vivía mi padre, un tal Pedro Páramo.» (Juan Rulfo, Pedro Páramo)
E, xaora...
«Quizabes mellor que dicila fora pintala, a selva de Esmelle, que cai á man dereita, vindo para iste reino pola banda de León.» (Álvaro Cunqueiro, Merlíne familia)
«Téndome pedido o fidalgo Trelawney, o doutor LIvesey, e o resto daqueles cabaleiros que escribise  todos os particulares sobre a Illa do Tesouro...» Robert Louis Stevenson, A illa do Tesouro)

11. Algúns versos dun dos teus poemas favoritos?
Ouh miña Terra Chá, amada dende lonxe,
poboada de ventos e carpazas,
por onde o Miño pasa caladiño
para non despertar tanto tanto silencio
que envolve bruscamente ceo e terra!
(Manuel María, Terra Chá)

Quedéme y olvidéme
el rostro recliné sobre el amado;
cesó todo, y dejéme
dejando mi cuidado
entre las azucenas olvidado.
(Juan de la Cruz, Noche oscura del alma)

Imos plantar unha cerdeira nova,
temos que darlle esa alegría ó vento.
(Antón Avilés de Taramancos, Os poemas da ausencia)
Xabier P. DoCampo
Club de Lectura (sección coordinada por Xosé Pérez Mondelo)

luns, 5 de maio de 2014

Biografías lectoras (VIII): Mercedes Rey Alonso

1. Cal foi o primeiro libro en galego que liches?
    A esmorga, de E. Blanco Amor.

2. E en castelán?
   Non o recordo.

3. Un libro que fose especialmente importante na túa vida?
    El perro de los Baskerville, de A. C.  Doyle; El extranjero, de A. Camus; Cien años de soledad, de García Márquez; El túnel, de Sábato; Rayuela, de Cortázar; os contos de R. Carver, Lino Novás Calvo, Sherwood Anderson, Bryce Echenique…

4. Que libro che gustaría ler  agora  en galego?
    A Praia dos afogados, de Domingo Villar.
    Códice Calixtino, Luz Pozo Garza.

5. E en castelán?
    Rebeldes, de Sándor Marái; algún de Stefan Zweig ou Arthur Schnitzler, por exemplo.

6. Cal pensas que podía ser un libro que lle gustaría ler á xente nova?
    O pintor do sombreiro de malvas de Marcos Calveiro.
    La cena, de Herman Koch.
    La conjura de los necios, O’Toole.
    El palacio de la medianoche, Ruiz Zafón.

7. Algún título para agasallar a un amigo ou amiga?
    Los detectives salvajes, de Roberto Bolaño.
    La mujer justa, de Sándor Marái.

8. Que libro tes neste momento enriba da mesiña de noite ou no e-bok?
    Crónica del pájaro que da cuerda al mundo, de Murakami,; Liberación, de Sándor Marái; os relatos de Chéjov.

9. E cal está agardando hai moito tempo por ti?
    Contrapunto, de Aldous Huxley; La región más transparente, de Carlos Fuentes; La montaña mágica, de T. Mann…

10. Houbo algúns textos ou autores que che quedasen na memoria para sempre?

11. Algúns versos dun dos teus poemas favoritos?
     - Si yo fuese Dios / y tuviese el secreto, / haría un ser exacto a ti; / lo probaría / (a la manera de los panaderos / cuando prueban el pan, es decir: /
con la boca), / y si ese sabor fuese / igual al tuyo, o sea / tu mismo olor, y tu manera / de sonreír, / y de guardar silencio, / y de estrechar mi mano estrictamente, / y de besarnos sin hacernos daño […] Me basta así, de Ángel González.
   - Para que tú me oigas / mis palabras  se adelgazan a veces / como las huellas de las gaviotas en las playas. Pablo Neruda.

Mercedes Rey Alonso, profesora 
 Club de lectura (sección coordinada por Xosé Pérez Mondelo)

martes, 8 de abril de 2014

Biografía lectora: José Luis Gundín Vázquez

  1. Cal foi o primeiro libro en galego que liches?
R: Penso que O porco de pé, de Risco. Tiña un profesor no instituto que aseguraba que o monólogo interior chegou antes á literatura galega que á española.
  1. E en castelán?
R: La isla del tesoro, de Stevenson.
  1. Un libro que fose especialmente importante na túa vida.
R: Tiempo de silencio de Luis Martín Santos. Ós meus dezasete anos era algo máis semellante a un enigma que a una novela. Estivemos dous meses na clase de literatura, en COU, aclarando ó texto, coido que con certo éxito.
  1. Que libro che prestaría ler agora en galego?
R: Un panorama da literatura galega dos últimos quince ou vinte anos.
  1. E en castelán?
R: Teño gañas de ler Las siete columnas, de Fernández Flórez. Últimamente dame por ler literatura de humor.
  1. Cal pensas que podía ser un libro que lle gustaría ler a xente nova?
R: Vida de los doce césares, de Suetonio. É un libro que entretén.
  1. Algún título para agasallar?
R: Metamorfosis, de Ovidio Nasón.
  1. Que libro tes enriba da mesiña de noite?
R: El Quijote y su laberinto vital, do psiquiatra Francisco Alonso e Gramática da Real Academia Española.
  1. E cal está agardando hai moito tempo por ti?
R: Tamén hai dous: Narciso, de Sánchez Espeso y Jusep Torres Campalans, de Max Aub. Non sei que pasa que non podo pasar da terceira páxina.
  1. Houbo algún texto ou autor que che quedasen na memoria para sempre?
Varios, pero non por criterios estéticos senon vivenciáis. Por exemplo, o soneto “En fin, en fin, tras tanto andar muriendo” de Francisco de Aldana tivo moita culpa de que aprobase ás oposición á Ensino Medio. Non lle vou ter cariño!.
José Luis Gundín Vázquez
(sección coordinada por Xosé Pérez Mondelo)

martes, 1 de abril de 2014

Biografía lectora: Teresa González Vázquez

Pídenme que faga unha biografía lectora para o Club de Lectura  e teño que facer memoria.
- O primeiro libro en galego que lin, non por obrigacion mais si por recomendación, puido ser O atraso económico de Galicia cando xa estaba no facultade de Económicas de Santiago e tiña de profesor ao autor do libro Xose Manuel Beiras.
- En castelán, xa de mais pequena, tiña lido moito. O que  lembro que lin de máis nova foron  Miguel Strogoff, el correo del Zar porque o libro que atopei pola casa non tiña pastas e faltábanlle as últimas follas, o que mantivo por mais tempo a intriga do final, que tiven que buscar noutro exemplar e tamén para saber que o autor era  Julio Verne.  Por outra banda, recordo El libro de la selva de Rudyard Kipling,  fantástico coma todos os deste autor.
- Daquela teño lido moitas novelas  importantes que deixaban sempre un pouso, como Las uvas de la ira Steinbeck , Rojo y negro de Stendhal , Hambre de Knut Hamsun, Los pazos de Ulloa de Emilia Pardo Bazán e outros  autores que foron premios Nóbel e que daquela líanse moito, como François Mauriac, William Faulkner, Pearl S. Buck, G.K. Chesterton …
- Durante unha época  tiven a Antropoloxía e a Psicoloxía coma coñecementos  pendentes  lía libros como Vacas, cerdos, guerras y brujas  de Marvin Harris e Antropologia cultural de Galicia de Carmelo  Lisón Tolosana. Coido que foron lecturas interesantes. Poida ser que en castelán me gustara retomar este tipo de libros.
En galego gustaríame ler un libro da Historia de Galicia ben contada.
- Non sei moi ben que libro lle podería gustar á xente nova.  A min daquela facíaseme doado e gustábanme ler  Cien años de soledad de Gabriel García Marquez, La ciudad y los perros de Mario Vargas LLosa ou máis recentemente La casa de los espíritus de Isabel  Allende.
- Os últimos libros que recordo ter lidos e que podería regalar a un amigo poderían ser  Un mundo sin fin de Ken Follett  e De parte de la princesa muerta de Kenizé Mourad.
- Un poema: Prendimiento de Antoñito el Camborio de Garcia Lorca.
Antonio Torres Heredia,
hijo y nieto de Camborios,
con una vara de mimbre
va a Sevilla a ver los toros.
Moreno de verde luna
anda despacio y garboso.
Sus empavonados bucles
le brillan entre los ojos.
A la mitad del camino
cortó limones redondos,
y los fue tirando al agua
hasta que la puso de oro.
Y a la mitad del camino,
bajo las ramas de un olmo,
guardia civil caminera
lo llevó codo con codo.

Antonio, ¿quién eres tú?
Si te llamaras Camborio,
hubieras hecho una fuente
de sangre con cinco chorros.
Ni tú eres hijo de nadie,
ni legítimo Camborio.
¡Se acabaron los gitanos
que iban por el monte solos!
Están los viejos cuchillos
tiritando bajo el polvo. 

 E, como non, Rosalía de Castro, Antonio Machado ou Ángel González. 


                                                                            Teresa González Vázquez, profesora
(sección coordinada por Xosé Pérez Mondelo)

xoves, 27 de marzo de 2014

Biografías lectoras (V)

    Xosé Manuel Martínez Oca, escritor
     
  1.  Cal foi o primeiro libro en galego que liches?
Se considero como tal unha escolma dos debuxos e textos que Castelao publicaba no “Faro de Vigo”, editada por ese xornal nos anos trinta do século pasado, ese foi o primeiro. Para un texto únicamente de narrativa, o primeiro foi “Contiños da Terra”, de Manuel García Barros.
  1. E en castelán?
Empecei lendo moitas novelas do Oeste, que publicaba a Editorial Cies de Vigo, e a mayoría das da serie do “Coyote”, de José Mallorquí. Un libro máis “serio” foi, se non me falla a memoria, “La Casa de la Troya” de Pérez Lugín.
  1. Un libro que fose especialmente importante na túa vida?
Non sei en que sentido se debe considerar importante un libro. Nos meus primeiros tempos paréceme lembrar que me permanecerán moito tempo na memoria “El poder y la gloria”, de Graham Greene, e “Diario de un cura rural”, de Bernanos. Máis adiante foi Dostoiewski, e logo “A peste” e “O estranxeiro”, de Camus.
  1.   Que libro che prestaría ler agora en galego?
    Dos aínda non lidos, non sei de ningún en especial. Dos xa lidos e que teño ganas de reler, sinalaría en primeiro lugar “Arraianos”, de Méndez Ferrín.
  1. E en castelán?
    Sucédeme o mesmo que en galego. En canto a títulos xa lidos, teño en mente volver pronto sobre “La muerte y la primavera”, de Mercé Rodoreda.
  1. Cal pensas que podía ser un libro que lle gustaría ler á xente nova?
    A min cando era novo gustábanme moito as aventuras de Guillermo, de Richmal Crompton, “Cartas desde o meu muíño”, de Daudet, “As aventuras de Tom Sawyer”, de Mark Twain, “A illa do tesouro”, de Stevenson… En fin, moitos.
  1. Algún título para agasallar a un amigo ou amiga?
          Por exemplo, por non ser dos máis lidos, creo eu, “Cara a Times Square”, de Camilo Gonsar.
  1. Que libro tés neste momento enriba da mesiña de noite ou no e-book?
          “La vida de las mujeres”, de Alice Munro, que tamén recomendó encarecidamente.
  1. E cal está agardando hai moito tempo por ti?
         “El cielo protector”, de Paul Bowles.
  1. Houbo algún textos ou autores que che quedasen na memoria para sempre?
O estranxeiro” de Camus, “Palabras e sangue”, de Papini, “Crime e castigo”, de Dostoiewski, “Un mundo feliz”, de Huxley…
  1. Algúns versos dun dos teus poemas favoritos?
Adonde te escondiste, / Amado, y me dejaste con gemido? / Como el ciervo huiste / habiéndome herido; / salí tras ti clamando, y eras ido…
Ou: Este vaise i aquel vaise, / e todos, todos se van. / Galicia, sin homes quedas / que te poidan traballar. / Tes, en cambio, orfos e orfas / e campos de soledad, / e nais que non teñen fillos / e fillos que non tén país. / E tes corazóns que sufren / longas ausencias mortás…
(sección coordinada por Xosé Pérez Mondelo)

martes, 18 de marzo de 2014

BIOGRAFÍAS LECTORAS (IV)

Mª José Martínez Girón, profesora.

             - Cal foi o primeiro libro en galego que liches?

 - Foron dous: “Sempre en Galiza” de Castelao e “A Esmorga” de Eduardo Blanco Amor.

- E en castelán?

- Dúas versión para nenos da “Ilíada” e da “Odisea” de Homero.

- E en francés?

- “Le Petit Prince” de Saint-Exupéry e “As flores do mal” de Charles Baudelaire.

- Un libro que fose especialmente importante na túa vida?

- “Os fillos do capitán Grant” de Xulio Verne e “A illa do tesouro” de Robert Louis Stevenson.

- Que libro che prestaría ler agora en galego?

- “Cartas á nai. 1905-1950” de Ramón Otero Pedrayo.

- E en castelán?

- “Las tres bodas de Manolita” de Almudena Grandes e “La vida era eso” de Carmen Amoraga.

- E en francés?

- “Multiplication” de Jacques Vandroux e  “L´Exposition coloniale” de Erik Orsenna.

- Cal pensas que podía ser ser un libro que lle gustaría ler á xente nova?

- Calquera de Verne, Salgari, Dickens (“Os papeis póstumos do club Pickwick”), Mark Twain, Conan Doyle (“Sherlok Holmes”), as novelas de misterio de Agatha Christie e algún best seller como “O último Catón” de Matilde Asensi.

- Algún título para agasallar a un amigo ou amiga?

- “Escola de menciñeiros” de Álvaro Cunqueiro, “A verdade sobre o caso Harry Québert” de Joël Dicker e “Un misterio, una muerte e un matrimonio” de Mark Twain.

- Que libro tes neste momento enriba da mesiña de noite ou no e-book?

- “El juego de Ripper” de Isabel Allende, “A verdade sobre o caso Harry Québert” de Joël Dicker, “Palmeras en la nieve” de Luz Gabás,”Ósos no xardín” de Hennig Mankell,”A solterona” de Edith Warton,  “Legado nos ósos” de Dolores Redondo e “Nous sommes éternels” de Pierrette Fleutiaux.

- E cal está agardando hai moito tempo por ti?

- A meirande parte dos “Episodios Nacionales” de Benito Pérez Galdós.

- Houbo algún textos ou autores que che quedasen na memoria para sempre?

- Molière, Voltaire, Lope de Vega, Cervantes, Quevedo, Victor Hugo, Charles Baudelaire, Verne, Stevenson, Salgari, Henry James, Dickens, Edith Warton, Emilia Pardo Bazán, Rosalía de Castro, Castelao.

- Algúns versos dun dos teus poemas favoritos?

“Cerrar podrá mis ojos la postrera
sombra,que me llevare el blanco día;
Y podrá desatar esta alma mía
Hora, a su afán ansioso lisonjera…
                        (…)
Su cuerpo dejará, no su cuidado;
Serán ceniza, mas tendrán sentido;
Polvo serán, mas polvo enamorado.”
Quevedo

“Souvent pour s´amuser les hommes d´équipage
Prennent des albatross, vastes oiseaux des mers,
Qui suivent, indolents compagnons de voyage,
Le navire glissant sur les gouffres amers.”
 “L´Albatros”   Charles Baudelaire


“Rien nest jamais acquis à l´homme, ni sa force
Ni sa faiblesse ni son coeur. Et quand il croit
Ouvrir ses bras son ombre est celle d´une croix.
Et quand il croit serrer son bonheur il le broie.
Sa vie est un étrange et douloureux divorce.
Il n´y a pas d´amour heureux.”
                         “Il n´y a pas d´amour heureux”    Louis Aragon


“Cando pensó que te fuches ,
Negra sombra que me asombras,
Ó pé dos meus cabezales
Tornas facéndome mofa.
Cando maxino que es ida,
No mesmo sol te me amostras,
I eres a estrela que brila,
I eres o vento que zoa.”
 “Follas Novas”    Rosalía de Castro

(Sección coordinada por Xosé Pérez Mondelo)