GALICIA INMORRENTE
DÍA DAS LETRAS GALEGAS
HOMENAXE A LUÍSA VILLALTA
Nós tamén coñecimos a Luisa Villalta. A Coruña amósasenos coma unha aldea global, chea de rostros familiares. Luisa era un ano máis nova ca min e frecuentaba daquela as aulas do instituto, do ‘Eusebio’. Lembramos a súa preciosa e doce voz, a melena marabillosa, o amor polos seus amigos. Tratámonos pouco: realmente eramos só coñecidas porque eu de quen era amiga era dun irmán de Paulino.
Este día volvín, precisamente, poñerme en contacto (tras tanto tempo…) con Paulino Pereiro para preguntarlle un par de datos concretos sobre a música de Fermosa cantaba, que el compuxo. O coro da UDC homenaxeou a Luisa cantando esa peza (concerto no coruñés CIRCO DE ARTESÁNS, o 13 de maio). O seu director, Rupert Twine, fixo mínimos arranxos do tema musical, para adaptalo ao coro.
Amable, xentil coma sempre, Paulino foi raudo na resposta. Transcribo para vós os datos que interesan:
O paseo das esfinxes. Op. 49, subtitulada, Variacións sobre unha canción francesa anónima. Música escénica para a obra homónima de Luísa Villalta, escrita para soprano e trío de corda (violín, viola e violonchelo), foi composta en A Coruña, do 26 ao 29 de novembro de 1990. Cunha duración aproximada de 3 minutos, e 30 segundos, consta de tres movementos. A obra xira arredor dun sinxelo tema medieval francés, anónimo, que serve para dotar de música á canción que aparece na peza, que constituúe o primeiro dos movementos:
Fermosa cantaba
na casa do riso
os longos cabelos
chegaban ao mar,
os barcos surxían
no fundo da alma
mais nunca seguían
aquel seu cantar.
O segundo e o terceiro movementos presentan variacións instrumentais do tema da canción, coas cordas en sordina, evocando o eixo central do texto: a canción. No primeiro dos movementos instrumentais, a melodía preséntase no violín, mentres a viola e o violonchelo desdibuxan a harmonía aportando novos puntos de vista mediante a utilización dunha perspectiva cubista aplicada á construcción musical. Do mesmo xeito, no movemento que cerra a obra, a lembranza do tema aparece na tesitura grave do violonchelo, reservando o papel de harmonía disgregadora ao violín e mais á viola.
![]() |
(O coro da UDC interpreta "Fermosa Cantaba", canción que aparece ao principio da obra teatral O PASEO DAS ESFINXES de Luísa Villalta) |
Nós tivemos a honra de presentar ao público do Circo este tema. Sen ánimo de sermos rigorosos (para a obra teatral de Luisa hai especialistas moito máis cualificados, como o profesor Manuel F. Vieites, en “Luísa Villalta, autora dramática. Lectura preliminar”, Boletín Galego de Literatura, 61, 2023,
file:///C:/Users/Charo/Downloads/9309-Texto%20do%20artigo-73433-1-10-20231109.pdf) chamo a vosa atención sobre ese certo veo de misterio que se desprende da canción, case diriamos que evoca o canto das sereas, e non desprezaría eu a conexión coa mitoloxía galaica, en canto que Lisis, a protagonista, en boca de quen está o son, aparece ao longo da obra coma unha deusa trina, coma as tres matres galaicas: muller nova, muller adulta en plenitude da vida, muller vella. Non quixo o fado que vísemos as engurras do rostro da deusa. Dixo Pilar García Negro: tristísima morte. A de Luísa, por ser antes de tempo, por ser tan súbita e traidora…, por deixarnos co mel nos beizos porque de vivir ela máis tempo, outros grandes temas cantariamos…
![]() |
(A conferenciante Pilar García Negro) |
A Pilar García Negro escoitámola disertar brillantemente no foro PORTAS ÁRTABRAS o martes 14 de maio. Chovía pero pagou a pena camiñar á mítica CIDADE ALTA. Un pracer oír a doutora -en humanidades- lucense. Teño entendido que vai falar de novo o día 21 sobre a artista homenaxeada, así que non vou ser indiscreta. Un par de pincelades, se mo permitides, da súa disertación, titulada “Luísa Villalta: Devir galega”. En síntese, a conferenciante soubo conxugar ben as tres facetas esenciais na vida de Luísa Villalta: a música, a palabra poético-literaria, e o compromiso social. Unha unión non fácil. Menos para unha coruñesa da súa xeración. En 1957, coma en 1956, fomos nados a unha normalidade anormal: o galego como lingua e sinal de identidade de nós brillaba pola súa ausencia en tantos ámbitos de poder: no instituto, nos medios de comunicación, na igrexa... Para moitos de nós iso é tan triste coma tristísima foi a morte… En fin. Hoxe é un día grande e a protagonista é a vida, a vida de Luísa e a súa intensa obra ao longo de quince produtivos anos. Ler, pensar, reler. Logo actuar en consecuencia.
![]() |
(Foto tomada por Charo Soto durante a disertación de Pilar García Negro en "Portas Ártabras") |
Destacou tamén Pilar García Negro o carácter polifacético da produción de Villalta e recomendou, entre outras lecturas, O libro das columnas. Unha delicia: hai ironía, hai humor, hai incisividade neses artigos xornalísticos reunidos.
Velaquí vos deixo un par de frases que Pilar subliñou:
Unha máxima grega coa que Luísa comungaba: Todas as artes son amigas.
Poucos son os temas. A vida ou a morte. Os temas son o mundo mesmo e ao mesmo tempo son eu… O tema é o que me fai a min comunidade.
Está claro para Pilar García Negro que Luisa é unha escritora densa, non doada mais dunha vontade clarísima de comunicabilidade (como Rosalía…). Na confianza de poder amar (e unir) os seres humanos á luz da racionalización.
Agora déixovos que libremente abrades estoutras ventás á Coruña que foi amada por Luisa e que lle demostra arestora a súa homenaxe:
(A ilustración é de Ana Pillado)
Ana Pillado, ilustradora. ENTREVISTA:
https://areal.gal/2024/04/charla-de-ana-pillado-sobre-luisa-villalta.html
ACTO HOMENAXE DA UDC O 21:
https://www.udc.es/novas/Actos-de-celebracion-do-Dia-das-Letras-Galegas-na-Universidade-Senior/
RADIO ECUACIÓN:
Letras Galegas / Mercedes Queixas / Anderson Quintiliano (Violin)/ Bici Cris
https://cuacfm.org/radioco/programmes/ecuacion/1x13
LISTADO DE ACTIVIDADES EN LEMBRANZA DE LUISA VILLALTA ORGANIZADAS NO INSTITUTO ‘EUSEBIO DA GUARDA’:
https://www.edu.xunta.gal/centros/ieseusebioguarda/search/node/Villalta
HOMENAXE DOS ALUMNOS DO ‘EUSEBIO DA GUARDA’:
https://www.youtube.com/watch?v=-4mZVpDE-cE
CONSELLO DA CULTURA GALEGA: CONCERTO NO TEATRO COLÓN DO DÍA 16.
Foi un concerto moi especial ("Concerto para un home só. Monodrama para baixo-barítono, violín e grupo instrumental". Texto de Luísa Villalta. Estrea absoluta), porque o compositor, Federico Mosquera, e e o baixo-barítono, Daniel Mosquera, non só son fillos de amigos e amigos do noso fillo, senón que foron bos alumnos do ‘Eusebio da Guarda’ e isto para nós -humanos como somos- é un motivo de satisfacción e orgullo. Había moitísimo público e entre as autoridades vimos a nosa prezada Rosario Álvarez (a primeira presidenta do Consello da Cultura Galega) e o presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes:
https://www.youtube.com/watch?v=5AQqrPphG3s
Ningún comentario:
Publicar un comentario