A CORUÑA
25 ANOS DE VIÑETAS DESDE O ATLÁNTICO
A Coruña está de en hora boa. Son 25 anos de celebración de Viñetas desde o Atlántico. Algo do que enorgullecernos, sobre todo en época de vacas fracas, economicamente falando. Sabemos, que por desgraza, cando hai crise económica a cultura pasa doadamente a ser etiquetada como un ben superfluo: nada máis lonxe da verdade. De feito, case é ao contrario porque dunha banda, a arte sempre produce materia nova de pensamento e axuda a despexar e liberar a mente; da mesma maneira o intercambio de ideas e as relacións humanas internacionais que se establecen entre artistas serve de alimento non só aos individuos senón aos medios de comunicación (prensa, libros, cine, teatro, televisión…). E doutra banda, unha cadea de exposicións desta envergadura move moitos cartos e calquera sabe que é bo para o sistema a circulación do diñeiro: diñeiro para os que deseñan os grandes monecos anunciantes e simbólicos que salfiren as nosas rúas e viadutos, para os transportistas, para os hoteis que acollen os artistas e acompañantes, diñeiro para as editoriais, diñeiro que move o público. E público non falta no verán coruñés. A palabra nuclear é hic et nunc abarrotado. Todo o espazo dedicado a Viñetas desde o Atlántico estivo e está abarrotado.
![]() |
(Foto de Charo Soto. Se non especificamos, as fotos foron tiradas de Internet) |
![]() |
(Resultou complicado facer unha foto na que a personaxe de Esther non estivese tapada pola xente que entra… Esther, personaxe mítica, é da autoría de Purita Campos. Foto de Charo Soto)
E de quen é o mérito? Naturalmente, de moitos de nós: da xente que le e desfruta cos cómics ou coa banda deseñada; dos sucesivos gobernos municipais que sufragan gastos; dos críticos que loan en boa medida o que se fai; dos autores que participan e fan posible esta novena arte; do mundo editorial que máis dunha vez apostou e acertou coa xente nova que empeza a publicar… E parte do mérito recae na figura do director, do artífice destas Viñetas, Miguelanxo Prado. Miguelanxo é un coruñés universal.
![]() |
("Autorretrato" de Miguelanxo Prado, 2015) |
Como é unha persoa cuxa traxectoria profesional é de sobra coñecida, ímonos limitar a dar un par de pinceladas a título de recordatorio: nestes 25 anos pasáronlle cousas transcendentais para a súa carreira. Relembremos dúas: a entrada como membro de número na Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario en 2009 (alí estabamos os amigos, a familia e mais estaban varios colegas e profesores do Eusebio: o catedrático Felipe Criado, que en paz descanse, e estaba o tamén catedrático de Debuxo e profesor que fora de Miguelanxo, José Luis Martínez Pereiro, quen recoñece con suave sentido do humor e bastante humildade que Miguel era tan bo alumno que eu pouco lle puiden ensinar…) e a recepción do Premio Nacional do Cómic en 2012 (tendes varias páxinas básicas sobre M. Prado, por exemplo: http://culturagalega.gal/bd/autores_detalle.php?Cod_prsa=34&busca=Miguelanxo%2520Prado).
Durante estes vinte e cinco anos pasaron por Viñetas desde o Atlántico máis de 275 creadores, consagrados e noveis. Nacionais e estranxeiros. Sen ánimo de sermos exhaustivos podemos citar algún que outro nome propio:
ARTISTAS GALEGOS:
Fran Bueno
Yolanda Castaño
Begoña García-Alén
Andrés Magán
Xaquín Marín
Julio Martínez Pérez, coñecido coma Das Pastoras.
Emma Ríos
Víctor Rivas
Brais Rodríguez
Antonio Seijas
Kiko da Silva
Iván Suárez
Ignacio Vilariño
Alejandro Viñuela Agra, coñecido coma Jano
![]() |
![]() |
(Portada do Libro-Catálogo de Viñetas desde o Atlántico, celebrado en 2014. Inclúe textos introdutorios de Carlos Negreira Souto, daquela alcalde da Coruña, así como artigos dedicados a Sento, Zidrou, Charlie Adlard, Marcos Martín, Javier Rodríguez, Montse Martín, Jano, Oriol Hernández, Clásicos do tebeo -colección de Jaume Vaquer- e Panorama da BD galega (por Bernal Prieto)).
OUTROS ARTISTAS NOTABLES:
Jessica Abel, ganadora do Premio Xeric
Mique Beltrán, premio Haxtur
Francesc Capdevila, coñecido coma Max, Premio Nacional do Cómic (PNC)
Chloé Cruchaudet, ganadora do premio no Festival Internacional do Cómic de Angulema (FICA)
e o René Goscinny
Juan Díaz Canales, PNC
Juanjo Guarnido, PNC
Camille Jourdy, ganadora dun premio FICA
Etienne Leroux, ganador do Premio Hertzog
Susanna Martín Segarra, dúas veces Premio de Cómic Lambda de Barcelona
José Luís Martín Zabala, cofundador de El Jueves
Dave McKean, ganador de numerosos premios, entre eles o Harvey.
Ana Oncina, premio do público no Salón Internacional do Cómic de Barcelona
Frank Quitely (pseudónimo de Vincent Deighan), ganador de tres premios Eisner
Paco Roca, ganador -entre outros- do PNC e do Eisner
Keno Don Hugo Rosa, Don Rosa, ganador dun Premio Eisner
José Ramón Sánchez, Premio Nacional de Ilustración.
Bartolomé Seguí, PNC
Alfonso Zapico, PNC.
E ata aquí chegamos por hoxe. Vémonos en setembro! Podemos beber unha copa de albariño á saúde de todos nós, os que amamos con devoción a arte e os libros… Ten que ser con viño desa uva, que conste. Forma parte do riquísimo anecdotario das Viñetas desde o Atlántico. Contábanme Uxía e Miguelanxo que nunha cea con artistas do cómic, aló por 1998, o estadounidense Adam Hugues quedou tan prendado das virtudes do noso viño que dixo, cando chegue ao meu país vou crear un personaxe así chamado, Al Variño! Estupenda idea. Se non o fixo xa seguro que está a tempo de facelo. A vida dá para moito. Longos anos!
![]() |
(Durante o goberno municipal de Julio Ferreiro, en 2016, o palacio de María Pita acollera a exposición «Miguel En Cervantes. El retablo de las maravillas», na que Miguelanxo Prado e David Rubín relatan parte da vida do autor do Quijote. “Cervantes era un superheroe”, afirma Miguelanxo ao abrir a exposición daquel ano).
![]() |
("Real Power of the DC Universe", póster creado por Adam Hughes, artista que nos visitou no seu día, para a San Diego Comic-Con de 2008)
![]() | ||
(Fermosa foto, tirada de Internet, da autoría de Cabalar) |
Ningún comentario:
Publicar un comentario