LENDO A
LENDO Dime quen leva o meu nome
![]() |
No Instituto, o 13 de Xuño, na presentación do libro |
Moitos de vós xa sabedes que acabo de publicar un libro sobre nomes. Levoume case catro anos facelo. É unha selección subxectiva de nomes propios pero hai un montón de nomes e de personaxes que levan este ou aquel nome dos que aparecen no libro. Saíron máis de cincocentas páxinas e aínda así e con todo quedaron moitas cousas na man. Por exemplo (ah!, fráxil memoria), esquecín integrar un personaxe fundamental para a xénese deste libriño ou libraco.
![]() |
(O río Azúmara. O hidrónimo tamén dá nome ás fillas de Galicia) |
Cando participaba máis ou menos activamente no proceso de dinamización cultural no Instituto relembro perfectamente como lle gustaba á xente nova saber quen levaba o seu nome. En concreto, a cousa empezou a tomar corpo un día en que unha miña alumna, chamada Sara, me preguntou entón, profe, que personaxe literario se chama coma min? E eu daquela tiña entre mans Caperucita en Manhattan da miña adorada Carmen Martín Gaite e como algúns saberedes ben, Sara é a súa protagonista. E, claro, díxenllo e quedou coa idea de ler esa obra, e eu comencei a darlle forma na miña cabeza ao libro… Pois esqueceume integrar ese relato de C. Martín Gaite! Miña nai diría había que nacer de novo e inda así…
![]() |
(Beni Vidal e Charo Soto) |
O caso é que tivemos dúas presentacións do libro, unha en Internet e outra, ben guapa, na aula Picasso do noso Instituto. Fiquei gratamente sorprendida da xente que acudiu. Pensei varias veces que do amor adóitase dicir que é cego: un atributo curioso, ben fundamentado na iconografía clásica… Pero tamén pensei que, do mesmo modo, podería dicirse que o amor, a amizade, é hiperbólica. Hipérboles amables e poderosas (causan alegría e contento e dalgunha maneira axudan a emprender novos proxectos) as que oín o día da presentación. Mª Isabel Ruso de Lago e Benigna Vidal Tomé, as primeiras en merecer todo o noso agradecemento. Sentinme na miña casa e que queredes, pouco novo baixo as estrelas: o Instituto sempre será a miña casa. Para reforzar esta familiar impresión, alí estaban o esposo, a nai, os irmáns, os amigos máis próximos. Os amigos, a quen a Providencia garde anos sen termo… E aqueles que non puideron vir e o sentiron, eis igualmente o meu cariño para eles!
![]() |
(Charo Soto, Rosario Arias, Puri Soto: da familia) |
En fin, son un ser afortunado. Non cabe dúbida. Consciente dos defectos e limitacións do libro, pero persoa sabedora igualmente de que ten moitas cousas boas e interesantes.
Non son unha experta en onomástica como hiperbolicamente dixo de min a xentil xornalista de La Voz de Galicia. Son só unha sempiterna aprendiz. Algo sei e moito aprendín cando estudei os alcumes medievais, guiada pola -esta vez si- experta Ana Isabel Boullón. Algo sei e moito me queda por saber. Se así non fose, que sentido tería a vida?
![]() |
(Da epigrafía hispánica: NAVIA en Lousame, A Coruña) |
Anímovos a ler o libriño (subliñaría o carácter afectivo dese -iño). Nel atoparedes un pouco de todo, coma nas familias (que diría Cunqueiro): hidrónimos (Azúmara, Deva, Ézaro -unha nosa querida colega impúxolle ese nome a un seu fillo, tamén o noso relembrado Ricardo Pardeiro chamou Azúmara a unha súa filla-, Sarela…), orónimos (Chamor: nome elixido para un fillo por A. Alonso Ríos); atoparedes nomes documentados na epigrafía hispánica prerromana, nomes de estirpe puramente literaria, nomes de aquí e acolá nunha mestura real coma a vida mesma, porque, miñas donas e meus cabaleiros, non hai pureza lingüística como non hai pureza racial. Só se concibe desde esta mente pensante que guia esta man escribá, só se concibe -digo- unha certa pureza de corazón. E xa é moito dicir. Aquí o deixo. Se por amor á arte das letras queredes adquirir o libro, sabede que igual vos tarda en chegar ás mans, pero chega. Está na segunda reedición (tiradas curtas, eh!, non pensedes en moitos ceros). Feliz mes de Santiago!
![]() |
(Cronista da Coruña, María de la O Suárez) |
![]() |
(Profesora Coral Cuadrada) |
![]() |
(Profesor Ivo Castro) |
(O meu agradecemento a todas aquelas persoas, como por exemplo, os profesores Coral Cuadrada, Mar Campos e Ivo Castro, a arquiveira Evelia Vega e a cronista Mariola Suárez, por responder amablemente ás miñas preguntas. Eles figuran como personaxes vivas no libro. As súas fotografías foron tiradas de Internet)
![]() |
(Arquiveira Evelia Vega) |
![]() |
(Profesora Mar Campos) |
Ningún comentario:
Publicar un comentario