LENDO O DICIONARIO DE FRASEOLOXÍA GALEGO-CASTELÁN CASTELÁN-GALEGO
Hoxe permitirédesnos que vos presentemos o libro que acabamos de publicar, o Dicionario de Fraseoloxía Galego-Castelán Castelán-Galego. Algún de vós quizais relembre que algunha que outra vez xa o amentamos. Custounos a Carme López Taboada e mais a unha servidora elaboralo dez anos da nosa vida. Igual cumpría facer aquí e agora unha especie de dedicatoria a título de agradecemento para as respectivas familias porque dalgunha maneira cargamos un extra de traballo sobre as súas costas e porque tiveron gran paciencia para connosco naquel tempo en que só tiñamos o pensamento, a mente, os olliños postos no papel ou na pantalla do ordenador. Agradecemento extensivo á editorial que confiou en nós desde o primeiro momento, aos amigos pola boa crítica e ás persoas en número incalculable que aman a cultura deste país e valorarán na medida que sexa, o traballo feito.
Moitas das frases que aparecen no dicionario son suficientemente coñecidas como para pretender localizalas. Son universais, dentro do que é o ámbito do N.O. hispánico ou ibérico; hainas tamén universais no ámbito occidental ibérico e hainas universais a nivel peninsular ibérico. Outras moitas documéntanse na literatura. Pero hai un bo feixe de frases que son tomadas dalgúns de nós, profesores do I.E.S. ‘Eusebio da Guarda’. E é aí onde pretendemos poñer, no que resta da páxina de hoxe, o foco. É curioso -ou non, se cadra é o que vou dicir a continuación un principio mnemotécnico básico- que canto máis rara ou inusual é unha frase, máis facilmente somos capaces de relembrar quen nola dixo ou a quen lla oímos. Parece lóxico, non si? Como é rara, fíxaste máis, grávase mellor na memoria.
Debemos aclarar unha cousiña quizais non demasiado importante (porque como di a miña nai, o que hai en España é dos españois, é dicir, o que é de un grupo de galego falantes pasa en canto se comunica a ser usufrutuado polo país enteiro, se ese é o designio dos máis, a vontade de nós, se se me permite a forma de expresalo), a saber: nunha primeira redacción do dicionario ía especificada en moitos casos a información xeográfica, pero por razóns editoriais (de espazo) houbo que suprimir moitísimas páxinas así como as indicacións xeográficas. Temos tamén que entender que o feito de localizar nun territorio concreto unha frase non significa necesariamente que non poida localizarse noutro lugar. Procedemos, pois. Vaia por diante a petición de perdón para algún posible colega informante cuxa contribución puido esquecerme.
![]() |
(Prof. X. Cuba. Acto de xubilación do Instituto. As fotos foron tomadas ben por Pedro Rodríguez, ben por José Carlos Rivas) |
Prof. Xulio Cuba: As frases ben son da Coruña, onde el se criou, ou ben da Ulloa: dar(lle) un biqueirón (A Coruña) ‘golpear dado coa punta do pé’; unha cruz na pedra! (A Ulloa) (indica que un feito é excepcional e hai que sinalalo); esperar por zapatos de defuntos (Ulloa) (equivale a esperar sentado, en castelán dise esperar del lobo carne); Ir para a pilla (Ulloa) (equivale a dicir vai acabado ou vai acabadiño, frase que se documenta en galego e no español de América); gastar pólvora fina en gorrións (Ulloa) (unha variante desta interesantísima frase documéntase tamén en falantes maiores do país de Deza; a frase viaxou a América; mal que lle pese a algúns, o galego pasou a América e debe figurar como lingua que aporta o seu ao español de América, xunto co aragonés, o catalán, o inglés, o inglés británico, o portugués, o portugués bras. e outros idiomas que si figuran no listado de Familias lingüísticas y lenguas do Diccionario de Americanismos de H. Morales, onde o galego parece ser un personaxe cervantino, Urganda a descoñecida; variantes americanas: Gastar pólvora en chimangos/gallinazo(s)/zamuros/zanates).
![]() |
(Prof. E. Facal. Festa de xubilación de varias profesoras do Instituto celebrada no 2017) |
Prof. Emilio Facal: As frases son todas de Malpica de Bergantiños: darlle ás agullas (é unha variante de darlle ao tarabelo/ao badal etc. Subxace a imaxe acústica do ruído que fan as agullas ao calcetar, ese traqueteo -fixémonos no propio verbo castelán tricotar- que recorda o ruído da xente cando lareta); cheirarlle o alento (alude ao aire frío que deita a porta aberta e así dicimos “pecha, que lle cheira o alento”); estar posto para aló (“-Segundo de bacharelato xa se acaba... –Estache posto para aló”, anticipámonos ao futuro próximo); darlle arritoles (alude ás perrenchas que lle dan aos rapaces, esa curiosa voz, arritoles, pertence á mesma familia léxica ca arroutado, arrouto e rauto); ser unha azuriña ‘ser lento’ (posible variante de zuriña ‘pombiña mansa’: da idea de mansedume e indefensión pásase semanticamente á lentitude); atar o saco estando furado por abaixo (úsase en situacións onde un pensa telo todo baixo control cando en realidade hai circunstancias que se escapan a ese control); ser coma o can, sempre á última volta (equivale a esperar sempre a última hora).
![]() |
(Prof. A. Fondo. Acto 2017) |
Prof. Antonio Fondo: As frases son de Vimianzo: non estar co goberno ‘ser birollo, mirar torto’; parecer unha máquina de escribir ‘ser nervioso e inquedo’; miña peneiriña nova! e peneira nova, quince días (aluden a situacións ou novidades que provocan o noso interese só nos primeiros días…); nun vira vira ‘moi rapidamente’; (ir) de vez (equivale ao español (ir) de mil amores); estar coma unha carriola ‘estar tolo’ (ou tamén ‘estar esmendrellado’); esvarar na porta do cemiterio ‘serlle infiel sexualmente a alguén’ (a imaxe é curiosa, dá a entender que o esvarón é grave, tanto como para asociarse coa morte…); non ser cen por cen ‘ter algunha eiva física ou intelectual’; ir na fura de diante (en castelán ir a toda pastilla).
![]() |
(Prof. E. García. Ano 1990) |
Prof. Eusebio García: As frases son de San Pedro de Trones, no Bierzo leonés. Lamentablemente, só pasou unha frase ao noso diccionario: nun dóminepatri ‘rapidamente’. Outras houbo que deixalas fóra, como por exemplo, Deus cho pague, que é o mellor pagador. Ou aqueloutra que dicía moito, a ver se damos na maturranga, que equivalía a dar no albo ou coller o tranganillo.
![]() |
(Prof. Uxía López Meirama. Ano 2017) |
Prof. Uxía López Meirama: Algunhas das frases que lle temos oído a Uxía son universais, como cagho no mundo! Outras son da súa familia materna, coruñesa, como: ai mira, tírate ao mar e di que caíches!, que expresa rexeitamento, e recordo un refrán estupendo tamén coruñés, da súa nai: alucar para sisar, moi interesante porque o verbo alucar é un coruñesismo que só a Uxía e á miña avoa paterna, tamén coruñesa, lles teño eu oído. Ás ambradas ‘en abundancia’ (Lubre, Bergondo; frase moi interesante desde o punto de vista da etimoloxía: é posible ver a raíz celta *ambi ‘arredor de’, igual que fai E. Rivas cando analiza a expresión á embelga con semántica semellante[1]; o r sería resto dun verbo de movemento (tipo amb-u-are), de xeito que ás ambradas implicaría a imaxe de quen vai indo e vindo collendo arredor); zúa, zúa, que hai boa lúa (Mugardos; vén equivalendo ao castelán arreando, que es gerundio).
![]() |
(Prof. Carme López Taboada) |
Prof. Carme López Taboada: As frases son de Sendelle, Arzúa, Coruña: nin que os anciñase! (referido normalmente aos cartos, expresa sorprendente facilidade para xuntalos); estar como para entregarllo ás ánimas do purgatorio (correspóndese co castelán estar de rechupete); unha ansia a un lado (expresa certo alivio, indica que xa temos unha preocupación menos); ser catro contados (en castelán ser cuatro gatos); (durmir) coma un coio (hai moitas formas de ponderar o ben ou o moito que unha persoa dorme: coma un neno/bendito…); cada un da súa feitura (a primeira que lla oín era neste contexto: dous fillos e cada un da súa feitura, quer dicir, distintos, é frase bonita: cada persoa é única); agardar coma as galiñas (frase sexista porque só se aplica ás mulleres sexualmente receptivas); comer coma lambóns (en castelán diriamos como un sabañón); non vai pola leva, (que) vai pola toca (“-Estades casados?, non, sodes moi novos. –Pero non vai pola leva, vai pola toca”); facer mundo ‘ser sociable’; caer a pau ‘vir ou aparecer moi oportunamente’; parecer os ratos no muíño (“Con vós polo medio non podo cociñar, parecedes os ratos no muíño"); darlle terra (“Levo todo o día buscando o móbil. Nada, non lle dou terra”, quer dicir, non sabe do seu paradoiro); non ir pola toca, ir pola leva (“-E morreu?, tan novo? –Ai, si, filla, que non vai pola toca que vai pola leva”, é dicir, a morte -como outros imponderables- vén cando vén… non fai nin garda cola, nin colles número); tintín por barín (en cas. con pelos y señales); ser coma a vaca larpeira ‘ser insaciable’; Vir cando non chaman por un (“Vés agora cando non chaman por ti?”, correspóndese co usa da frase castelán a buenas horas vienes); (estar) entre papos de araña ‘en apuros’ (frase interesante, documéntase noutras partes de Galicia e pasou a América, ao portugués do Brasil [2]).
::::::::::::::::::::::::::
Seguiremos na próxima quincena.
Coidádevos moito!
[1] Elixio Rivas Quintas, Pan, sega e malla. Medidas. Grafo Dos ed. 199, p. 49.
[2] Estar em papo(s) de aranha: Tito Lívio Cruz Romão: “Fraseologismos entômicos: cotejo entre o alemão e o português do Brasil”, en Fraseologia & CIA. Entabulando diálogos reflexivos. Suzete Silva (Org.). Pontes Editores, 2014 (269-285, p. 272).
Unha preguntiña a ver se me sabes contestar. Como dirías " cerrado a cal y canto " en galego ?
ResponderEliminarGraciñas.
Na parte castelán-galego do noso dicionario de fraseoloxía veñen 3 unidades fraseolóxicas válidas con ese valor: a barra e pedra, a cal e pedra e a chave e tranca.
ResponderEliminarGrazas polo teu interese. Saúde!