Viaxe
por Terras de Silleda e Lalín.
12
de Novembro de 2022
 |
(Canzorro de Santa María de Pedre, nome antigo do actual Abades. Os canzorros desta igrexiña son auténticas xoias en pedra)
|
Unha vez máis
no mes de Santos botamos a manta a cabeza e saímos a percorrer a nosa terra,
desta volta imos a terras de Trasdeza e Deza. Os topónimos fálannos da arteria
fundamental que artella estes territorios pontevedreses da diócese de Lugo.
Antes de palpar
o terreo e coñecer polo miúdo o seu patrimonio facemos unha parada técnica no
Mesón de Rubén, en Margaride, a un paso de Silleda; asístennos Arancha e Rubén,
parada e fonda sen grandes pretensións pero facendo gala dun bo servizo, bo
produto e simpatía. Quen máis quen menos mostra o seu agradecemento.
Despedímonos cun conciso e significativo
“voltaremos encantados”.
Silleda conta
con 33 parroquias e algo máis de 8.800 habitantes repartidos por douscentos e
medio de lugares nunha área de más de 160 km2; o municipio de Lalín supera os 20.000
habitantes nunha área que dobra a de Silleda e na que atopamos medio cento de
parroquias.
 |
(Santuario dos Desamparados, Abades)
|
Os dous
concellos están prácticamente no centro de Galicia, pero hai realidades moi
palpables, en Silleda exercen catro párrocos, a repartir ben territorio e
parroquias.
Precisamente Abades está atendida por Don Manuel Vilar
(unha das 14 que atende).
En tempos
pasados está freguesía coñecíase como Santa María de Pedre, habita un cento de
veciños, o seu tecido asociativo fai gala de ensinar e coidar do seu
patrimonio, cóntanse cunha man os seus membros e fan limpeza e adecentamento do
camposanto, adornan con flores as tumbas e nichos que non visita ninguén dúas
veces ao ano, ensinan a románica e antiga igrexa parroquial.
Hoxe
acompáñanos e conversa connosco José Manuel, magnífico anfitrión. Primeiro
circundamos o templo románico admirando e descubrindo unha amplia tipoloxía e
temática de canzorros. Xa no interior vemos ou intuímos uns frescos, un coa
representación dun arqueiro, alegoría da morte e outro do Santo André coa súa
típica cruz.
Xa fora, diante
da reitoral observamos unha caprichosa formación de hedras que figuran o mapa
de España e sen Portugal, “a imaxinación ao poder”.
A actual sede
parroquial foi concibida a finais do XVIII por Melchor Ricoi, feituras e trazas
neoclásicas polo empuxe do seu párroco, Joaquín Espes, valenciano que quixo ter
onde venerar a súa Virxe dos Desamparados (Maria a Refugio, como se
escribe en latín). A obra culminaraa outro Joaquín.
Entramos nesta edificación
que é posible ver a unha distancia considerable, a torre e o campanario teñen
unha envergadura que sobrepasa os 30 metros. Dentro do templo podemos admirar
un San Pedro e un San Paulo de magnífica feitura, do San Paulo din que deixou
caer a espada sobre un crego para darlle un aviso sobre o seu modo de actuar e
proceder.
Admiramos dúas
tallas do gran Gambino, compostelán fillo dun italiano que participou
activamente na construción do Pazo do Faramello. Gambino deixou un San Xosé e,
como non, un San Xoaquín, en honor aos que capitanearon a e remataron a obra. Neste
punto podemos relembrar un dito popular: “Se hai un San Xaquín debería haber
unha Santa Ana”. Pois haina, moi ben caracterizada; completan a imaxinería unha
Virxe das Dores, unha Inmaculada e a do Amparo, xa referida como patroa de
Valencia. |
(Arqueiro. Mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro. Foto de Luis Javier Rodríguez González)
|
Dispón de
varias e interesantes pinturas murais e dunha serie de confesionarios: hai
media ducia, dous incrustados no muro, co nome de San Xosé e San Xaquín, e logo
hai catro exentos coa representación dos tetramorfos (Marcos, Xoán, Lucas e Mateo).
Saímos de alí
por unha preciosa fraga que nos leva a meditar sobre o noso patrimonio e a súa
conservación. Quedamos convidados á “Festa da rosquilla”, que fan os propios
veciños e se celebra o Domingo de Pascua, seguro que resucitan a máis de un.
De aquí
voltamos polo mineiro Campomarzo e pasando de preto por Ansemil, que ben
merecería outra visita. Dirixímonos cara ó curso do Deza, xa o escoitamos ao
lonxe, caudaloso e impetuoso amenizando a tranquilidade deste magnífico bosque
de ribeira.
Chegamos a
Carboeiro, emprazamento moi digno e traballado, acarantoñado e abrazado polo
Deza, tan preto de todo e tan lonxe; a non moita distancia está o poboado
mineiro do Fontao dos anos 50 e incluso máis preto da línea do AVE, pero aquí
non chegou nin a luz eléctrica.
Moitos de nós
xa estivaramos nel, Xesús Borrajeiros será o noso cicerone. Forma parte dun
grupo de xestores do patrimonio que dan a coñecer diversos monumentos: Breixa,
Ansemil… Teremos que voltar a contactar con el.
Non é unha
visita calquera, sentímonos VIP, sobre todo porque conecta connosco á
velocidade da luz eléctrica e vai debullando sobre o edificio as diferentes hipóteses
construtivas; ameno, culto, ben preparado e razoándoo todo, iso si, moi ben
interiorizado. Todos saímos abraiados do seu bo facer, quedamos con ganas de
máis, e se voltamos pola zona contactaremos con el. Non é preciso falar da
importancia capital de San Lourenzo de Carboeiro desde os séculos centrais do
medievo.
 |
(Restos de pintura no mosteiro de Carboeiro. Esta e a anterior, tamén de Carboeiro, ao igual que a de abaixo, son fotos feitas por Luis J. R. G.)
|
Xesús parece
descendente daqueles obreiros, canteiros, carpinteiros deseñadores dos acimbres
que fan de alicerces para as distintas solucións arquitectónicas. Tamén puidera
ser descendente dalgún dos nobres vinculados co mosteiro, o seu apelido destila
nobreza. Igual estivo cando decidiron facer a transición do románico ao gótico.
Tamén debeu ser testemuña ocular do inzado de arcos, bóvedas e demais.
Son dignos de
mencionar os seus coñecementos e o seu modo de transmitilos.
Vai chegando o
mediodía, baixamos a coñecer a Ponte do Demo, importante elemento de
comunicación das dúas bandas do río. Voltamos ao autobús donde nos agarda
Ricardo, un charrúa curtido en mil estradas e corredoiras da nosa xeografía,
simpatía, xentileza e bo trato do volante, un máis da nosa empresa de
cabeceira, Autos Rico.
 |
(Portada do mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro. Faltan os Tetramorfos: están nun museo de Barcelona. Nos tempos que corren ben podían volver ao seu lugar orixinal)
|
Durante un anaco
acompañamos o discorrer do Deza ata Merza admirando a Ponte da Carixa e a súa
área recreativa, para dirixirnos a Codesedo na lalinense parroquia de Doade.
A nosa singradura
lévanos polo cerne de Galicia, achegámonos a estación ferroviaria de Lalín e de
alí diríxímonos a esta aldea singular, singular polo gran museo etnográfico co
que conta, máis de 4,500 pezas que unha familia empezou a colecionar a finais
do século pasado, máis dun cuarto de século dándolle xeito e vida á Casa do
Patrón, un auténtico vademécum etnográfico distribuído por distintas casas e
construcións, incluso por unha capela levantada ex novo para acoller
unha interesante mostra de etnomedicina e haxiografía.
Visitamos a
taberna, a casa, o tear, os distintos oficios, a escola, aparellos para diversas tarefas: sulfatado,
malla, colleita, trilla… Canto e tan bo!
 |
(Castro de Doade)
|
Tamén nós
acompañan a visitar un castro, outra descoberta da man do “patrón”, vese que
sabe do que fala, foi partícipe das diferentes catas e traballos, chámaselle a
cada cousa polo seu nome, algo importante é o tempo de habitación desde o
século V antes de Cristo ao IV e despois, mil anos de nada. Alí converxen a
Idade de Ferro e o Mundo Romano.
Non deixaremos
esta crónica sen falar do Cocido que nos ofreceron nunha sala do museo,
rodeados de grades, gadañas, fouces, arados, xugos, uncidas, corozas… A
presentación faise en digno material da terra: pratos, cuncas, pocillos de
barro. No seu punto, as carnes co gusto propio das terras de Lalín, por algo se
lle chama cocido de Lalín. Dúas verduras: nabizas e repolo, un invitado
castelán (os garabanzos), e de sobremesa café de pucheiro ou de pota con gotas
espirituosas do zume das alquítaras e alambiques, filloas e leite frito.
 |
| (Xantar na Casa do Patrón) |
|
|
Desde aquí
damos as grazas por todas as súas atencións, especialmente a señora Lola,
“patroa” dos fogóns e a todo o equipo de cociña e do museo.
Pasamos unha
xornada magnífica e todos levamos os nosos petos cheos de curiosidades e gana
de coñecer máis.
Vémonos nas
próximas saídas do “Eusebio sen conservantes”, xenuíno onde os haxa.
Antonio Fondo, profesor do IESP ‘Eusebio
da Guarda’.