xoves, 10 de febreiro de 2022

ENTREVISTAS

 

ENTREVISTA A DOMINGO VILLAR

 

(Domingo Villar. Todas as fotos están tomadas de Internet)

 

(Nota previa: as verbas escritas como respostas do noso autor son unha transcrición da oralidade)

M.ª R. S.: A primeira pregunta é de rigor: onde estudou o bacharelato? Garda algunha lembranza especial do profesorado?

-D. V.: Estudei en Vigo en varios centros, entre eles o Colexio Rosalía de Castro. Teño unha lembranza estupenda de varios dos meus profesores, de dous fundamentalmente: Luís Pérez Collazo, quer era o meu profesor de Historia e Pedro Iturburúa, de Lingua. Con Pedro inda me vexo de cando en vez. Creo que podo dicir que somos amigos, máis alá de sermos mestre e profesor. Teño con eles unha relación moi boa, igual que coa miña escola…

 


 

-Como e cando soubo que a súa vocación era a escritura, a creación literaria?

-Non hai un día en que todo se desencadee, pero si que é verdade que desde rapaz eu fun dado á fábula, a contar cousas e a escribilas despois. De feito, a Pedro Iturburúa, que era o meu profesor de Literatura, non lle estraña -creo que a ningún dos meus mestres lles estraña- que o meu oficio sexa este, o que é. Xa tiña unha certa tendencia á fabulación. 

 

(A illa de Toralla. Vigo e os fermosos arredores son escenarios das novelas de Villar)

 

- Podemos dicir que é vostede unha criatura afortunada: éxito, fama, a súa obra levada ao cine, premios literarios... Con que queda? Cal é o maior logro ao seu entender?

-É estraño o da fortuna, o do éxito… Fundamentalmente, que é o éxito?: Escribir o libro que queres escribir?, que a xente te coñeza?, poder dedicarte profesionalmente á túa vocación (creo que ese sería o éxito íntimo, o que máis me…, o que polo menos me serena, me tranquiliza e me devolve unha imaxe no espello que non me desgusta)? Pero co que quedo, máis que cos premios e as vendas e con todo, o máis bonito que me sucedeu na miña carreira literaria foi desencadear o desexo de coñecer a miña terra a partir dos meus libros, das miñas historias e dos meus personaxes. Iso é o máis bonito. Que alguén queira coñecer a túa terra porque leu un libro teu e faga despois a viaxe é impagable.

-Díganos algún segrediño: por exemplo, en que nome longo pensou cando bautizou o seu introvertido comisario como 'Leo'? Pensou en Leonardo, Leocadio, Leopoldo...? Unha cousiña máis: aquela espléndida receita das luras cociñadas de xeito simple pero efectivo (xa o esperimentei na miña cociña e asegúrolle que nos encantou), con cebola ben picada e un vaso de viño branco, de quen a aprendeu?

-Pois non pensei en ningún deles. Pensei en Léo Ferré, que é o cantante francés que me gusta moito e nun dos libros explico que era o nome… En realidade, alguén fala dunha musiquiña e cantarúxaa e…, creo que é Antonio Trabazo, o mariñeiro de A praia dos afogados, cantaruxa unha melodía e di: “á túa nai encantáballe”, dando a entender que á súa nai lle encantaba Léo Ferré e que foi ela a que decidiu poñerlle Leo ao rapazolo, ao seu fillo.

A receita das luras? É como se cociñan as luras no Elixio. Non ten moito segredo. Aprendino alí coas cociñeiras. Sempre me gustou cociñar e comer… Son cousas que se van aprendendo ás poucas.

 


 
(Da importancia da comida na literatura... Hai bares que xa son espazos míticos ou case)

- A serie de Leo Caldas vai continuar ou ten outros proxectos in mente?

-Teño outros proxectos in mente e un deles é continuar coa serie de Leo Caldas. Téñoo pescudando na aparición dun cadáver nunha cova fronte ao Atlántico na costa de Santa María de Oia, e niso está el agora mesmo.

-Que está lendo arestora? Recoméndelles aos nosos alumnos algún libro que lle resultara especialmente amado.

-Eu colecciono dous libros: O falcón maltés de Dashiell Hammett e A illa do tesouro de R. L. Stevenson. Creo que poderían ser dúas boas recomendacións. Entre os libros que estou a ler agora mesmo estou con La nostalgia de la mujer anfibia de Cristina Sánchez Andrade; acabo de  comenzar, non sei ata que teña lido máis se a podo recomendar pero ten unha pinta estupenda.

-Moitas grazas, Domingo, por dedicarnos parte do seu precioso tempo. Desexámoslle moitos éxitos na vida.

-Charo, unha aperta moi grande! Adeus!

 

(Parte do equipo que filmou no seu día 'La playa de los ahogados'. Están en Vigo. Como sabedes o filme está baseado na novela de D. Villar, unha das protagonizadas por Leo Caldas)

 

 

martes, 25 de xaneiro de 2022

GALICIA INMORRENTE

A FONTE DE SANTA POLONIA ou APOLONIA

 

(A fonte ou pozo de santa Polonia. Bergantiños. Foto feita por Puri Soto)

 

 

Desde un punto de vista estrito, xustamente normativo (sen Norma Lingüística ningunha lingua ten garantida a pervivencia, e aínda con iso e con todo…), a forma sancionada para o nome feminino é Polonia. Apolonia é unha variante, á parte de ser a forma estándar por exemplo en italiano: moitos de nós relembramos a personaxe de Apollonia Vitelli-Corleone, do libro de M. Puzzo e do filme de O padriño (1972) de F. Ford Coppola, papel interpretado pola actriz Simonetta Stefanelli.

Hai fontes e fontes, pero desde a miña humilde opinión, todas son merecedoras dun aquel de respecto, admiración e afán de conservación. Neste blog tratamos varias veces de diversas fontes: relembro a Fonte dos Frades (cazatesouros, 14 setembro 2015), aquí na Coruña, oculta aínda na maleza, a un paso da barafunda do tráfico tremendo… Había que preservala, por ser unha edificación do XVIII, interesantísima, pero non sei que vos diga, esborrallarase, vítima da desidia. Ou non, quen sabe… 


 

A fonte de que vos falamos hoxe tamén merecería ser conservada, rescatada do esquecemento o valorada como merece. Paso a paso, pouquiño a pouco pódense lograr grandes cousas. Xa o di de vinte formas distintas o refraneiro. Este refrán que cito oínllo a un meu alumno do Ribeiro hai moitos anos: Bago a bago unha vella fixo un monllo de viño. E de feito, algún pasiño creo que xa se deu para protexela: en Internet recollo datos dun informe-especie de catálogo de protección do arquitecto Álvaro Fernández Carballada do ano 2015 onde se amenta: Pozo de Santa Apolonia en Ramallal, Vilar de Francos, concello de Carballo (A Coruña) (en: https://vibdoc.com/10-tomo-xb-catalogo-de-proteccion.html). Velaí a tedes situada no mapa: a fonte ou pozo de santa Polonia, en terras bergantiñás.

 


 

 Que sabemos desa santa, Polonia de Alexandría? Todo ou case todo sobre a figura histórica e pegada na cultura hispana está ben explicado nun par de ilustrados artigos: un, da autoría de A. del Valle, L. Peña e M. Romero: Los documentos iconográficos de Santa Apolonia, patrona de los dentistas, custodiados en la Biblioteca Nacional de España (en: https://rcoe.es/articulo/21/los-documentos-iconograficos-de-santa-apolonia-patrona-de-los-dentistas-custodiados-en-la-biblioteca-nacional-de-espana). E un segundo de Santiago López-Ríos: La oración a Santa Apolonia de La Celestina a la luz del folklore médico-religioso (en: https://eprints.ucm.es/id/eprint/8585/1/SantaApolonia_SLR.pdf).

(Distintas imaxes de santa Polonia. Gravado tirado dun dos artigos citados)

 

Aí cóntasenos que foi martirizada e que lle arrincaron brutalmente todos os dentes, razón pola cal unha oración á santa axuda a protexelos, e que esa forma de martirio é a causa de que os odontólogos a adoptasen como patroa. Adóitase representar coas tenaces de dentista. Tamén se nos ilustra sobre algunhas importantes referencias manuscritas ou literarias:

En la Península Ibérica, hay documentos del siglo XIV sobre la antigua cofradía de Santa Apolonia en Barcelona y, en ese mismo siglo, Pedro IV de Aragón contribuyó económicamente para que se concluyera un retablo de la santa en la iglesia de San Carlos de Zaragoza (López-Ríos, p. 63).

Recórdase que tanto en La Celestina (acto IV) como no Quijote (cap. VII, 2.ª parte) hai alusións explícitas á oración á santa para curar ou aliviar a terrible dor de moas. E nos entremeses cervantinos hai tamén referencias implícitas; nas palabras de Hortigosa a Cañizares, leva razón o comentarista, parece subxacer a oración a santa Polonia:

Si vuesa merced hubiere menester algún pegadillo para la madre, téngolos milagrosos; y si para mal de muelas, sé unas palabras que quitan el dolor como con la mano (en: Entremés del viejo celoso, edición da Real Academia Española, con estudo e notas de A. Baras Escolá)

Veñamos agora aos textos: son varias as páxinas que podedes consultar con oracións en castelán a santa Polonia: https://www.aciprensa.com/recursos/oracion-a-santa-apolonia-para-calmar-el-dolor-de-dientes-4150

 


 

Outra moi boa é a que asina Joaquín Díaz, Santa Apolonia y los dientes a la luz de la tradición, en: http://www.cervantesvirtual.com/obra-visor/santa-apolonia-y-los-dientes-a-la-luz-de-la-tradicion/html/

Unha terceira páxina riquísima, con referencias aos ensalmos e oracións a Polonia en distintos países de Europa: La folkmedicina y el diente, de J. M. Reverte Coma (en: http://www.gorgas.gob.pa/Documentos/museoafc/loscriminales/paleopatologia/el%20diente3.html

A título de curiosidade, reproducimos a oración que cita un dos editores do Quijote (ed. de 1833), Clemencín, localizada nada máis e nada menos ca en Esquivias (a terra toledana da esposa de Cervantes):

A la puerta del cielo

Polonia estaba

y la Virgen María

por allí pasaba.

Diz Polonia: ¿qué haces?

-Señora mía, ni duermo ni velo,

que de un dolor de muelas

me estoy muriendo.

-Por la estrella de Venus

y el sol poniente,

por el Santísimo Sacramento,

que tuve en mi vientre,

que no te duela más

ni muela ni diente.

 

Unha variante estremeña case que idéntica é transcrita por X. R. Mariño Ferro (en La medicina popular interpretada I, 1985, pp. 73-4; nesa obra, p. 75, recolle este autor unha fermosa versión francesa, a oración de Santa Appoline).

Dentro de Galicia unha servidora non atopou ningunha oración a santa Polonia en galego. Vicente Risco alude a esa oración en Terra de Melide (“A Santa Polonia , avogosa das moas , á que se lle reza pra iso unha oración especial”, en TILG). Hainas en castelán, iso si. Recoméndovos esta lectura: As doenzas relacionadas coa boa, coa hernia infantil e coa pel na provincia de lugo. Ensalmos e rituais etnomédicos (III) de J. M. Blanco Prado (https://viladonga.xunta.gal/sites/default/files/ficheros/1295519305.pdf).

 

(Igrexa de San Román de Cabo Vilaño. Foto tirada de Internet)

 

Representacións iconográficas da santa non faltan en Galicia. Podemos visitar a igrexa bergantiñá de san Román na parroquia de Cabo Vilaño: dentro da sancristía hai varias imaxes de santos e unha é de santa Polonia, coas tenaces e a palma do martirio.

:::::::::::::

 

(O Carballo de "San Antonio". Viñamos velo cando atopamos a fábrica do pozo de santa Polonia)

 

Con respecto á fonte ou pozo bergantiñán, debo dicirvos que o atopamos de milagre. Paseabamos despois de xantar opiparamente na capital da comarca, Carballo… Paseabamos nas proximidades do xigantesco carballo de Vilardefrancos, cando os ollos de aguia do meu cuñado viron a fábrica entre as altas herbas e de contado preguntámonos que podía ser aquilo… E deu a casualidade que había por alí tres mulleres que tamén paseaban e elas foron as nosas informantes. A xeito de brincadeira comentaron que antes non había dentistas e para remediar as dores de moas bebíase da auga da fonte da santa… e se os había, a auga da fonte era máis barata. A beleza desa contorna ben merece que volvamos algún día.

 

(Imaxe de santa Polonia, coa palma do martirio e mais as tenaces. Está custodiada na igrexa de San Román de Cabo Vilaño, Bergantiños. A foto foi feita polo sancristán, José Antonio: a el e ao párroco, D. Isolino, vaia desde aquí o noso agradecemento)