venres, 25 de setembro de 2020

 

LOCALISMOS NA FRASEOLOXÍA.



 

A idea de que toda lingua, digo como sistema ou superestrutura social, vén sendo coma un organismo vivo, suxeito a cambios, é máis vella ca andar a pé. Cando relemos os clásicos decatámonos decontino. Di ti -deixádeme que fale comodamente, por favor, usando coloquialismos- que tamén iso lle dá ao libro un aire gustoso, arcaico e incluso en ocasións, un aire familiar. Mirade por exemplo esta frase da vella lingua hispánica do noroeste (contén un leonesismo, identificámolo polo ele inicial palatalizado, llóbado, unha voz que en galego sería lobo, por exemplo o lobo da orella ou os lobos do cerebro):

 Llóbado malo me acuda / si la verdad yo nos digo

Pertence á égloga de Juan del Encina, Égloga de Plácida y Vitoriano, de 1513; quen fala é Pascual: cando o les pensas, vaiche boa esta, localismo perdido. Ou non, se cadra nalgún lugariño de Salamanca aínda vive; o que si é certo que recorda moito a fraseoloxía galega: mala landre…, mala nacida te coma etc. Pensade que noutrora os furúnculos e semellantes – o llóbado  ou a nacida- podían infectarse e non eran cousa de broma, non había penicilina.

En Sua Excelencia (obra publicada en 1971), Luis de Sttau Monteiro faille dicir a Dª Hermínia (Caeiro preguntáralle antes, descendente de portugueses?):

Descendente e ascendente, porque meus filhos são todos portugueses. Olhe que somos tão portugueses que para as festas dos baptizados deles importáos bôla de Tras-os-Montes.

 


 (Bica de Tras-os-Montes. Son moi comúns as recheas de carne. Haberá que viaxar un mes destes a Portugal e probala)


Esa bóla de Tras-os-Montes é un localismo saboroso: coma o noso roscón imprescindible en Pascua ou en Reis, ou a nosa estupenda bica ourensá (moitos de vós sabedes que teño un fillo casado cunha alabameña e viven aló: este día metinlle envexa co polbo e respondeume cunha foto dunha botella de mencía e un anacazo de pound cake mollado no viño, e a pé de foto dicía: “polbo non teño pero este cake sureño non desmerece da bica”), bica que aparece na fraseoloxía tamén: quen  che  dera  bica  quente  posta  ao  sol , que se corresponde perfectamente coa frase castelá, recollida no novo diccionario fraseolóxico de Seco et alii, ya quisieras para los días de fiesta; conste que na provincia da Coruña temos oído variante tremendamente expresionista, quen cho dera morto de tres días.

Hai localismos fraseolóxicos dappertutto que din en Italia, por todas as partes, vaia, que dicimos aquí. Hai conciencia lingüística neste sentido en Jorge Edwards (a cita pertence ao seu libro, moi recomendable, por certo, La muerte de Montaigne):

fue su manera última y suprema de afirmarse, de no agachar la cabeza. De no bajar el moño, como decimos nosotros.

Tamén diriamos, de no dar el brazo a torcer, e incluso de no querer apearse de la burra; a frase do escritor chileno non a usamos na península, velaquí un localismo. Claro que neste caso é mellor falar dun chilenismo ou un americanismo. Nese mesmo libro seu hai outros simpáticos casos de conciencia lingüística:

esa relación eternamente difícil, intrincada, encarajinada (palabra que el computador purista, ignorante de chilenismos, me corrige por encorajinada).

Vexamos un caso máis de clara conciencia lingüístico-fraseolóxica noutro dos meus autores favoritos (aquí coincidimos a miña querida Uxía e mais eu e permitídeme que vos diga, ademais, que este amor polo escritor siciliano honrámonos de terllo transmitido ao noso fillo menor), Leonardo Sciascia:

Caridad, pues, es lo que hacían los nobles desde siempre: cada viernes, a cada pobre que se presentase ante el portal, un sirviente, de librea y con aire de sufrir náuseas, entregaba un grano. De aquí que la expresión «un grano el viernes» haya adquirido valor proverbial para señalar un auxilio o pago irrisorios (El Consejo de Egipto, Tusquets, Barcelona, 2004, p. 46).

Cando eu arriba dixen máis vello ca andar a pé, por España adiante outras frases saltarían; en Galdós documentamos, sen ir máis lonxe, es más viejo que la Cuesta de la Vega. (Misericordia, no CORDE).

E naturalmente, hai tamén localismos fóra da literatura, na fala viva. Algúns son estupendos, como este que dicía Maruja (a nai de César, nacida en San Cibrán de Mazote, provincia de Valladolid, lindante xa con Zamora), cada vez que nos equivocabamos abotoando unha prenda de roupa, non sabedes?, facémolo ás veces e non queda outra que desabotoar e volver empezar. En galego non sei de haberá unha equivalente. Xa me gustaría sabelo. Ela dicíanos: ¡Qué!, ¿llevas la chaqueta a lo Toribio Piloño? Pero xa non sabía quen era ou quen foi ese personaxe, Toribio Piloño, que pasou á historia das palabras da tribo hispana.

Vindo á casa, a nosa nai de nenas cando resultabamos pesadas dicíanos que eramos coma Pepiño o da petaca (sobre este tema xa publicamos a explicación noutro lugar, é personaxe dun conto popular; alí dixen tamén que en falantes ferroláns documentamos a variante como el niño de la petaca).

 

(Petaca de coiro. Cando vimos esta fotografía moito nos lembramos do noso pai, que en paz estea. El tiña unha igualiña)
 

En Usagre, Badajoz (unha vila con avoengo, con foro medieval, lugar de orixe dun noso parente político, a quen lle debemos moitísima fraseoloxía), din, para mofarse dos que aseguran que madrugaron sen ser moi certo…, din: el madrugón del pellejero, que le daba el sol en la cara y decía que era el lucero. É divertida, eu dígoa moito…

Na Coruña había unha tenda onde vendían medias e outras prendas e chamábase La gloria de las medias. Estaba na rúa do santo André. Como Las Tres Bes… Aquela pasou á fraseoloxía, téñolla lido a Manuel Rivas (coma as BBB, que salvo erro da memoria, aparecen amentadas en O último día de Terranova, do 2015), estar na gloria das medias.

 


 

Acabo xa por hoxe. O tema dá para moito, pero hai máis días no ano. Pecho con esta, oída a un noso amigo de Medina del Campo. Moi fermosa, e moi evocadora de tradicións inmemoriais: corazón de cofradía. Soa ou introducida polo verbo ser. Un corazón de cofradía… Que boa, tamén! Xa imaxinades o significado, non si? Serve para designar un home mullereiro en particular ou un ser humano namoradizo en xeral. Feliz comezo de outono e de curso!

(Foto antiga da rúa coruñesa do santo André. Principios do século XX. Todas as fotos foron tiradas de Internet. A de arriba tamén está tomada na mesma rúa, décadas máis tarde)

sábado, 12 de setembro de 2020

VISITANDO NEVEIRAS PONTEVEDRESAS.

 


 (O contexto. Salvo indicación distinta, as fotos foron feitas por Charo Soto)

Este verán pasámolo na aldea. Xa sabedes os que seguides este blog o que iso significa para nós: paseos, compracencia en oír as aves que cantan na nosa fiestra, gana de tomar apuntamentos das pequenas xoias en pedra (fontes, lavadoiros, petos, pontellas…), moitas lecturas e algunha que outra pequena homenaxe coa familia e cos amigos. 

 


 

Nunha destas tardes do pasado agosto fomos ver as neveiras de Fixó, vinculadas ao mosteiro de Aciveiro. Lamentablemente, a miña memoria non responde sempre ao que eu quixera… e non puiden localizar un documento que lin hai anos e que debo amentar con toda a cautela do mundo, por se errase: penso que o documento estaba datado na baixa Idade Media e xuraría que versaba dun preito polo uso ou posesión das neveiras de Aciveiro. Lembro tamén que eu as imaxinaba case ao xeito dunhas despensas escavadas nunha parede vertical… O documento non o encontrei. Paciencia. Porén, deleitámonos coa paisaxe e beleza destas neveiras máis modernas, do s. XVII, situadas nun contexto fermosísimo. Temos que darlles parabéns ás nosas Institucións no relativo a este punto. Boa política de conservación, boa forma de fomentar o turismo cultural na nosa terra.


 

 


 

Algo de boa literatura sobre o tema das neveiras en Galicia: El antiguo monasterio de A Franqueira poseía un mínimo de dos neveras y una poza de nieve: la nevera de A Franqueira, la nevera de Petán y la pozade Deva. El monasterio de Melón poseía la nevera de Tourón y posiblemente fuese suya la de Vilar de Condes. El monasterio de Celanova también tuvo una nevera. San Martín Pinario poseía una en Santa María de Xestoso (Si-lleda). El cabildo de Santiago poseía dos en Vilariño (Forcarei). Tanto el colegio de jesuitas como el particular Gaspar Mosquera poseían una cada uno en  Acibeiro.  El  monasterio  de  Toxosoutos  también  tenía  una  en  Urdilde (Rois). El cabildo ourensano tenía aforada una nevera en el alto de Meda al monasterio de Xunqueira de Espadanedo. La abadía de San Clodio, en Ribas de Sil, era propietaria de una en su término 13. El monasterio de los monjes bernardos  de  Xunqueira  de  Espadanedo  poseía  una  en  Cabeza  de  Meda 14. Otros como Meira, Montederramo, Oseira, Sobrado (en: Una aproximación al mundode la nieve en Galicia de Andrés Sampedro Fernández. Artigo dispoñible na rede, en: file:///C:/Users/Charo/AppData/Local/Temp/Dialnet-UnaAproximacionAlMundoDeLaNieveEnGalicia-308963.pdf. Aquí acharedes bibliografía.

 

(Foto feita por Mari Carmen Sánchez)

 

Na prensa tamén hai varias páxinas sobre este tema. Por exemplo: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/deza/2013/08/12/nevera-vieja-bajo-tierra/0003_201308P12C8995.htm

 


 

 

 

 

venres, 28 de agosto de 2020

A CORUÑA

 

A CORUÑA NA LITERATURA I.

ANTONIO DE LA IGLESIA

 

  1. (Antonio de la Iglesia. Fotografía de Carlos García tirada de Internet)

Encetamos unha nova serie titulada A CORUÑA NA LITERATURA. Trátase de ir vendo algo sobre a presenza da nosa cidade, ou parte dela, en diversas obras literarias. Hoxe comezamos coa obra dun pioneiro importante do Rexurdimento, Antonio M. de la Iglesia González. E farémolo a través dun libro publicado pola Real Academia Galega no ano 2005, titulado Poesías Antonio de la Iglesia, cuxa edición, con prólogo de Xesús Alonso Montero, corre a cargo de M. Rosa Saurín de la Iglesia, emparentada co escritor. Saurín de la Iglesia, catedrática da Universidade de Urbino, investigadora e ensaísta, boa coñecedora da obra de Manuel Pardo de Andrade, fora alumna do noso Instituto, onde cursara o bacharelato. Ese mesmo ano citado, 2005, en decembro, celébranse no Instituto as II Xornadas airs. “Ramón de la Sagra e o seu tempo” e nelas participa (amais de Mercedes Sampayo e Ascensión Cambrón, profesoras no seu día do Eusebio) M. R. Saurín, cun relatorio titulado “A Coruña na época de Ramón de la Sagra”. Confiemos en poder volvela ver algún día na nosa casa.

A Coruña ten unha forte presenza neste libro de Antonio de la Iglesia. Sen ánimo de resultar moi prolixa, vouvos transcribir fragmentos dos poemas onde máis se cita a microtoponimia herculina:

(Do n.º 12, “Incienso”, pp. 64-68 da edición da Academia; este longo poema foi publicado o 27 de maio de 1855 en El Criticón. Periódico dominguero, lenguaraz y novelero)

1.     Aplaudo la actividad / De ese grandioso portento / De ligereza, la fábrica/ Del gas brillante, estupendo, / 5. Que ya concluida estaba / ¡Jesús! el ocho de Enero.

Aplaudo en aquel derribo, / Mejor llamado desierto, / De edificios, plaza y calles / 10. El consabido proyecto, / Porque se van frutos de él / Admirablemente viendo.

Aplaudo que se ha quitado / El mal olor del infierno / 15. Que siempre nos ha incensado / En nuestro mejor paseo, / Que por Dios el calor viene / Y si no se tapa aquello, / De seguro nos habríamos / 20. Apestado sin remedio. /¡Cuidado con el almizcle, /Bálsamo, mirra o incienso / Del tal Cantón, que ya ya / Nos andaba entreteniendo!

[…] Aplaudo aquel jardinillo / Del bosque, glorieta o templo / Que en la alameda se estaba / De inmundicias recubierto. / 55. ¡Qué flores allí se crían! […] / Hasta dalias aparecen / 60. Del color del mismo cielo: / Sus camelias van a ser / El asombro del imperio.

[…] ¡Qué brillantes y qué hermosos / También están ¡ay qué buenos! / De la Princesa los lauros / 90. Y los redondos aquellos, / Y las letras y los bojes / ¡Ay qué floridos se han puesto!/ Pues nada digo los álamos / Chicos del Camino Nuevo, / 95. Y los que por Riazor / Adornaban el paseo. / Y de Santa Margarita, / Y de la Torre el trayecto / Y del Campo de la Leña / 100. Y hacia la Estrada el recuesto.

Pues el Campo de Carballo / ¡Válame Dios! Está hecho / El vergel del Paraíso / Con fuentes de mármol bello. / 105. Las aguas que se perdían / Del acueducto en San Pedro, / Sirven aquí desde el día / En que recogidas fueron. / Y hay la estatua de María, / 110. La heroína de este pueblo, / Que se eleva magestuosa, / Amor patrio difundiendo, / Hasta que se la traslade / A la plaza del proyecto / 115. Que se está ejecutando / Allá en el Pronunciamiento.

[…]

125. Aplaudo se hallen ya limpios / Los quinqués del coliseo […] / Y se quitan los tornillos / Que servían de tropiezo / 145. A levitas y gabanes: / Y aun a veces perecieron / Sus bolsillos al pasar / Entre butacas

:::::::::::::

Xulgamos que con este texto chega para dúas entregas de sucesivos comentarios. Deixaremos para outro día outros poemas (en castelán e mais en galego) nos que fala da plazuela das Mariñas e, sobre todo, da capela dedicada á Virxe de Atocha.


          (Portada do libro de onde tiramos os datos da instalación de gas na Coruña) 

Empecemos pola instalación do gas na nosa cidade (vv. 1-6): A Coruña foi pioneira do gas en Galicia; non nos podemos parar a explicar todos os factores que explican esa precocidade, pero é un feito obxectivo que a mediados do XIX A Coruña era a principal cidade galega en poboación, dinamismo económico e estrutura urbana. Como din os autores que aparecen no libro cuxa foto adxuntamos sobre o gas, non resulta estraño, pois, que A Coruña fose a urbe galega pioneira na implantación da práctica totalidade dos servizos públicos urbanos como o gas, o tranvía ou a auga, agás a electricidade, avantaxada en dous anos por Pontevedra (p. 23, A. Martínez (coord.), J. Mirás e E. Lindoso, tradución ao galego nosa). A concesión definitiva e posta en marcha data de 1853 e o convenio gasístico asínase co francés Esprit Luis Laty; o Concello facilita os terreos para a fábrica de gas a bastante distancia das murallas da Cidade Alta ou Vella, terreos localizados fronte á antiga fábrica de cristais no Orzán, entre as rúas Socorro, Hospital e Sol, un lugar relativamente resgardado dos ventos dominantes do noroeste e próximo á praia do Orzán, onde desembocaban os resudios amoniacais da fábrica. Entre os primeiros edificios en gozar das novas instalacións de gas (que viñeran substituír as lámpadas de aceite) estaba o chamado Teatro Principal e o edificio consistorial. O mecenas Eusebio da Guarda instala xa o gas no edificio do Instituto que leva o seu nome, a nosa casa da praza de Pontevedra. O noso colega e amigo D. Raúl Trillo inda relembra -é máis observador ca nós- os tubos de chumbo da condución de gas, no Salón de Actos, na galería superior noutrora en uso.

Pasemos ao “derribo” (vv. 7-12). Refírese ao espazo xerado polo derrubamento de parte das murallas que delimitaban a Cidade Alta ou Vella, espazo onde logo se construiría o Palacio Municipal e a Praza de María Pita. Houbo varios proxectos na segunda metade do século XIX. Leamos o que nos di un dos maiores expertos no tema, o señor Soraluce Blond, quen honrou a nosa casa máis dunha vez coa súa presenza e a quen escoitamos un documentado discurso o día da celebración do 125 aniversario do “Instituto da Guarda”:

 


(Foto do Campo do Derribo ou de San Agustín, antes de que se edificase, en 1912, o Palacio Municipal. Foto tirada de Internet)

O espazo aberto coñecíase daquela como Campo del derribo ou Campo de San Agustín, unha enorme superficie xerada a partir de 1840, cun forte desnivel cara ao porto desde a cota de altura do Cuartel de Atocha. En 1859 redactouse o primeiro plano dunha gran praza que unira as dúas barriadas históricas da cidade, sería unha praza porticada con planta cadrada. Esta idea de construír unha praza maior sobre o solar que antano ocuparon as fortificacións do século XVIII, xurdira anos antes, cando o Concello encargou ao arquitecto municipal José María Noya, en 1848, unha proposta para facer a casa do Concello naquel solar, sen que teñamos máis constancia daquela primeira iniciativa (José Ramón Soraluce Blond: “El Palacio Municipal de A Coruña”, en Abrente 40-41, 2008-2009; tradución ao galego nosa; o artigo está dispoñible na rede).

Tendo en conta que o poema de Antonio de la Iglesia que comentamos foi publicado en 1855, é de supoñer que o proxecto que o noso poeta loa é o de Noya.

 


                             (Foto tirada do artigo citado de J. R. Soraluce)

Agora vexamos esa referencia ao mal cheiro do Cantón (vv. 13-24). A mellor explicación dánola o eximio historiador José Ramón Barreiro:

Os Cantóns (chamábanse así no século XVI) constitúen o centro comercial e social da cidade. Xa no ano 1847 se solicita do Concello a construción dunha praza do peixe, polo “olor irresistible e prexudicial” que producen as «peixeiras» [en galego no orixinal] cos seus postos de venta e, sobre todo, pola limpeza e desaugue do peixe  que se facía nas rampas que daban ao mar, á altura dos Cantóns. Parecía un contrasentido que o «paseo» da cidade tivera un olor tan nauseabundo (J. R. Barreiro Fernández: Historia de la ciudad de La Coruña, 1986, p. 283; tradución ao galego nosa).

Sabemos tamén que o actualmente chamado Cantón Pequeoo foi no seu día coñecido como Cantón da sardiña. O 29 setembro de 1794, En  1794, la Junta tuvo presente una instancia de los vecinos de la calle del Cantón Pequeño, en orden a los perjuicios que se observan, al limpiar al público la sardina en aquel paraje. […] El 13 de julio de 1795 se trató la contestación del Intendente al oficio que se pasó para desembarcar la sardina en la rampa junto al Alcabalatorio de la Puerta de Abajo

 (Fdez. Caamaño, en prensa, https://www.elidealgallego.com/articulo/coruna/reportaje-nombres-curiosos-calles-ciudad-perdieron-paso-anos/20181104002739388670.html)

 

Tamén lemos no libro de Fernández Caamaño, La Coruña vista desde sus libros de actas (II parte, p. 58), que en 1814 volve ser motivo de queixa que vendan o peixe as peixeiras pídeselle ao Gobernador que no “rastrillo” do Cantón tercero se venda sobre el punto que llaman Salterio.

Ata aquí chegamos por hoxe. Continuaremos co comentario do resto do poema nas próximas semanas. Feliz remate do mes de agosto. Saúde!

:::::::::::::::::::::::::::::::

NOTA:

Non logramos averiguar nada dese microtopónimo, Salterio. Supoñemos, só supoñemos, que sería un punto orográfico que recibe ese nome pola forma. O salterio, instrumento musical, foi moi usado noutrora. Documentamos noutras partes do norte peninsular ese oronímico (concretamente en territorio da vella Clunia celtibérica).

 


(Altos Redondo, Salterio e El Cuerno. Clunia Celtibérica. Quintanarraya, Burgos. Foto tirada de Internet) 


(Magnífico salterio en pedra galaica. Pórtico da Gloria. Hai catro salterios labrados nesta gloriosa porta compostelá)