venres, 1 de febreiro de 2019

A CORUÑA


A CORUÑA.


Máis sobre MADARIAGA.

(O director do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses, D. Xosé Antón Fraga, entrega a medalla e mais o diploma ao novo membro do Instituto, D. Emilio Grandío Seoane. Concello da Coruña, 31 de xaneiro de 2019)

Fomos onte ao Concello, para asistir ao recibimento do historiador coruñés D. Emilio Grandío Seoane como Membro de Número do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses. Mandounos recadiño o noso prezado X. A. Fraga, Director do Instituto e sempre amigo do ‘Eusebio da Guarda’ (relembraredes que colaborara connosco na elaboración do libro dos 125 anos de Instituto).

A tarde estaba desapracible e non puidemos camiñar todo o que quixeramos. Porén, para nós é un pracer ver certos rostros coñecidos unha vez máis, e é un pracer pousar os ollos naquelas vidreiras pintadas cos símbolos da nosa cidade querida. Houbo simetría nos discursos: empezouse e rematouse con estas palabras que subliño: “A Coruña ama o seu pasado”. Como nunha especie de dialéctica clásica, coma estudamos cos filósofos alemáns a propósito da tese, antítese e síntese, si, seguimos pensando que o futuro se constrúe no presente co coñecemento do pasado: harmonizando talvez ou procurando harmonizar, teses e antíteses violentas do pasado.

 (Vista do Salón de Plenos do Concello herculino. As fotos son de Charo Soto)


En boa medida, xulgo pertinente aquí e agora relembrar parte do discurso sobre Madariaga, porque a Europa do presente, coa ameaza dos totalitarismos que rexorden, así nolo fai pensar.

Frente al abismo. Salvador de Madariaga, Gran Bretaña y la llegada del fascismo. España, 1934-1936. Velaquí o título da conferencia, do discurso lido polo señor Grandío. En síntese, meus queridos, falar de Madariaga é falar de democracia e paz. A democracia é un sistema que pode pecar de febleza e confianza excesiva (Llegaba el fascismo al poder a través de los mecanismos de una democracia parlamentaria que, reitero, se creía perpetua, inalterable, p. 11 da publicación con que nos agasallou o Instituto Cornide, do discurso do novo membro). Frente a unas iniciativas y propuestas de  “modernidad” fascista rápidas y contundentes con la demora estática y la rémora de una pesada máquina burocrática... Fixádevos que actuais estas palabras referidas aos anos 30 europeos. A pesada máquina burocrática, o distanciamento das Institucións e da Política con maiúsculas do día a día e das necesidades diarias de moitos de nós, o pobo.

 (Escena mitolóxica no teito de cristal, por riba das nosas cabezas: Hércules vence a Xerión)


Madariaga é un republicano. Chamábanlle naqueles anos da 2ª en España, La niña bonita. Que curioso. Durou pouco esa cándida fe no bonito que puidera haber no sistema republicano. Xa moito antes de que estalara a guerra civil, prevé o coruñés o que vai pasar: tras a movida revolucionaria de outubro do 34, escribe:

No cabe duda, y la llamarada de octubre lo ha iluminado con resplandores tales que hasta los ciegos lo habrán visto, de que anida hoy en amplios sectores del pueblo español un mesianismo vago en sus fines, concreto en sus impulsos, que no conoce los distintos entre comunismo, socialismo y anarco-sindicalismo, pero que sabe perfectamente que lo que quiere es ver a los “señoritos” machando piedras en las carreteras. En parte, y en ciertas regiones, estos impulsos se explican históricamente como reacción natural contra largos años de tiranía personal y de privilegios inmerecidos y deshonrados por el ocio, por la ignorancia y por el lujo insolente (de Anarquía o jerarquía, 1934).

Nesa obriña que acabamos de citar, a clave -di Grandío- reside na reflexión sobre o contrato social, pilar da relación democrático entre representantes e representados. Madariaga cre que se necesita unha nova definición do concepto de liberdade para poder salvar algo do tsunami de intolerancia que se aveciña. Para o noso pensador, ambos totalitarismos –de esquerda e de dereita– son síntoma inequívoco da debilidade das democracias liberais. Para Madariaga aí –no punto medular: onde podería radicar a solución– é fundamental o papel moderado e moderador do intelectual: Sin libertad de pensamiento, el Estado actúa en la oscuridad y en el vacío... La cultura es el más alto de los fines del Estado.

 (Apoiamáns nas cadeiras de veludo: dúas figuras -home e muller- labradas en madeira)


Non quero fartarvos. Non quero senón animarvos a buscar as fontes primeiras do pensamento do coruñés universal, sempre disposto ao debate, sempre disposto incluso a entrevistarse co tirano para lograr uns mínimos de humanidade, se con iso se evitase la gran matanza (a represión brutal). Hai que ler, ou reler, a Madariaga, ese volve ser o meu consello. Polas súas tentativas esforzadas para lograr un acordo de paz en España foi nominado dúas veces candidato para o Premio Nobel da Paz.

Tras o discurso de Grandío Seoane, chegoulle a hora á contestación a cargo do Membro de Número Excmo. Sr. D. Xosé Ramón Barreiro Fernández. Seguramente xa sabedes que este ilustre historiador foi Presidente da Real Academia Galega. O que quizais non sabedes é que foi tamén profesor non só de Grandío, senón tamén –entre outros– da directora do noso instituto, Dª Isabel Ruso de Lago. 



(Símbolos que presiden: da cidade, de Galicia e do Estado)



Persoalmente, particularmente –e isto que quede entre nós, que non saia de aquí- dígovos que me emocionou moito, pero que moito, o señor Barreiro: que fermosas palabras as primeiras que verbalizou sobre a función docente: case que veu xustificar a existencia dun ser humano grazas ao labor de sementador. O profesor como sementador de palabras, de ideas. Magnífico. E falou con tanto sentimento e paixón, malia a fisicidade (meus amigos: o tempo tamén pasa para as grandes personalidades... arrastraba broza nos bronquios, unha catarreira forte lle impedía ás veces o fluído devir das verbas...). Deixou alto o pavillón de Galicia a través da fidelidade de Madariaga pola orixe. Deixou alto o pavillón de Madariaga a través da permanencia no Instituto Cornide do arquivo do pensador e diplomático coruñés. 

 (Cando saïamos, non puiden resistir fotografar este retrato no corredor dos retratos do Concello: D. Eusebio da Guarda, un dos grandes mecenas da Coruña)


En derradeiro lugar, como manda o protocolo, falou o Alcalde da Coruña, a quen non é a primeira vez que escoitamos: como outros alcaldes -no que nós vivimos e recordamos señores Javier Losada Azpiazu, na celebración de 120 anos de Instituto da Guarda, e Carlos Negreira Souto, na celebración de 150 anos de Instituto Provincial na cidade da Coruña- , tamén el visitou o Instituto ‘Eusebio da Guarda’ e presidiu algúns dos seus actos importantes.  De entre todas as cousas que dixo –a maioría de merecida loanza para o señor Grandío–, a min gustábame destacar unha: o simbólico e real valor da casa que fora do sabio ilustrado José Cornide. O Concello da Coruña ten interese en que sexa un ben público, ao servizo do pobo herculino. Sería unha magnífica sede para este produtivo Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses.


 (Unha das páxinas do discurso contestación do historiador D. Xosé Ramón Barreiro Fernández: o parágrafo superior cita aquelas ilustres personalidades que mantiveran relación epistolar con Salvador de Madariaga)

(O profesor Emilio Grandío Seoane. Foto tomada de Internet)

xoves, 17 de xaneiro de 2019

COLABORACIÓNS ESPECIAIS


VICENTE ÁLVAREZ ARECES




Hoxe, xoves, baixei como sempre a tomar o café cos colegas de hai anos. Porque hai anos largos que celebramos esta tertulia semanal. Relembro agora e aquí que houbo dúas ou tres ocasións -nos tempos en que o café o tomabamos no Artóbriga- en que se achegaba Felipe Criado, e onde vai xa que pasou a mellor vida... 


Así que hoxe, pouco despois das doce, xa nos comunicou Mercedes a noticia do falecemento de Vicente Álvarez Areces. Foi de madrugada, foi algo inesperado. Preguntei cantos anos tiña. Setenta e cinco. Como o meu pai, pensei, cedo para morrer hoxe en día. Entón Mercedes mirou no chat ou na charla do guasap cando foi a derradeira vez en que el participara. Contou as horas, non moitas.

 (No título de licenciatura dos matemáticos daquela poñía "Licenciado en Ciencias, sección Matemáticas". Foto da  Facultade de Ciencias, Santiago de Compostela)


Porque Mercedes Sampayo, a que fora durante anos a vosa profesora de matemáticas, era colega de Vicente Álvarez Areces desde a facultade en Santiago e ese vínculo de compañeirismo e certa amizade conservouno sempre. Pedinlle que nos escribise unha especie de lembranza (ou de obituario, chamándolle ben ás cousas polo seu nome) pero declinou, dixo “non, é tan delicado...” E así foi como tomei eu, co seu permiso, a pluma para que, en certa medida a través do que Mercedes foi falando e trasmitindo, nos quede hoxe a todos unha leve idea da traxectoria deste home bo.


Cando camiñabamos de volta para casa xuntas, á altura do andén de Riazor, volvimos falar do vello compañeiro de facultade. Un político e mais un científico que amaba as matemáticas. “Eu destacaría entre outros datos da súa forma de ser, do que eu recordo, claro, que era un home intelixente... si, era moi intelixente. E amaba as matemáticas... Súa nai fora mestra, coma a miña, e o seu pai garda civil... É que daquela, cando acabou a guerra, as mestras eran acompañadas ao traballo por un garda civil”. Aquí interrompina. “Por que?, por control ou por protección?”. Dixo: “pois realmente non o sei...”E coñeceríanse así os pais?”. “Puido ser...”.

 (Esta foto foi unha das derradeiras, senón a derradeira que a nosa amiga Mercedes Sampayo, lucense, lle pasara polo gasap ao señor Álvarez Areces)


Logo, tras o xantar, xa estando vendo o concurso da segunda, pouco antes de botar a breve soneca familiar, pensaba eu en canta xente coñezo ou coñecín que sufrira cárcere polas súas ideas: vivos, só a Ferrín e a Luís Alonso. Falecidos, a Ramón Piñeiro. Que eu saiba, claro. Areces tamén pasou períodos no cárcere. Recórdao na entrevista que concedera hai anos, unha entrevista cuxo enlace ten Mercedes desde hai tempo no seu móbil, e que agora foi recuperada pola prensa de Asturias. Aí hai parágrafos interesantes para a reflexión. Permitídeme reproducir só un: Conviene que los lectores más jóvenes sepan que España no siempre ha sido como ellos la han conocido. Quien, como es mi caso, ha pasado justo la mitad de su vida en un país sin libertades, vive con intensidad los procesos democráticos como el que celebraremos el próximo 27 -M (en: https://www.lne.es/asturias/2019/01/17/me-gusta-que-me-llamen-tini/2412100.html).


Tamén é moi curioso o que di dos adversarios: Los adversarios nunca suelen hablar bien de uno (hai ironía, sen dúbida o señor Álvarez Areces era un ser humano con sentido do humor). Á vista desas vellas palabras, creo honestamente que cobran un novo valor as que oímos hoxe no telexornal da primeira en boca doutro Álvarez (Cascos): [nun contexto previo que non oín, supoño que lle pediron que dixera algo do falecido] Qué puedo decir? Que era un bo rival (algo así dixo: que era un rival poderoso). Parece que hai unha certa simetría entre aquelas e estas palabras. Son as voltas da vida...


Asturias está de loito. Moitos de nós lamentamos que os políticos de categoría, dos que o país non anda ben servido, nos abandonen. Así a todo, aquí ninguén queda. Descanse en paz e que a terra que amou, a terra sen máis, lle sexa leve.


 (Na entrevista para o programa 'La Galería' de TVE)

::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::

[Nota:

Hai máis información sobre V. Álvarez Areces en


Aí, nesa entrevista televisiva, contaba precisamente que a súa nai era mestra na zona mineira e que ían escoltadas pola garda civil]