domingo, 4 de febreiro de 2018

GALICIA INMORRENTE



A MATA

 (Esta que agora loce no xardín, é a pía de salgar: medirá cerca dun metro e medio de longo. Estaba dentro da casa, no cuarto de salgar. Vedes esas fendas na parte superior: aí encaxáibanse táboas de madeira, de tal forma que aumentaba o volume outro tanto, e logo levaba tapa. Inda que non se vexa, hai un burato de saída, por onde escoaba a salmoira ou "salmoeira". A casa está no Concello de Silleda)
 
Tres cousas amamos os seres humanos en xeral: a infancia, o que nos recorda a infancia, as cousas divertidas que se facían na infancia. Os galegos en particular adoitamos amar tamén a aldea. Incluso os criados na cidade. Relembro perfectamente aquela pregunta típica nas conversas no Instituto, cando eramos rapazas: Vas á túa aldea? Ou, cal é a túa aldea? E incluso, e ti tes aldea? Ah!, había compañeiras que francamente lamentaban non ter aldea e envexaban as rapazas que si tiñamos. A aldea, naturalmente, naquel contexto –aínda se perpetúa entre o alumnado actual, pero moito menos- non tiña por que ser o lugar de nacemento propio: podía ser o lugar onde naceran os pais –pai ou nai- ou os avós. Unha das cousas inesquecibles da aldea da nosa infancia é a mata do porco. As primeiras que eu vivín en orde cronolóxica son as do Barco de Valdeorras, na casa na que vivían os meus avós maternos; logo, de adolescente, recordo ás de Valencia do Sil, na casa dos tíos, e xa de casada, houbo un par de anos, en que se mataba na casa onde naceu o meu home, en Trasdeza. Durante moitos anos, dez ou máis, cando o tempo, o programa e a capacidade (e interese) nolo permitían, pedín e valorei para a cualificación final en C.O.U un traballo (voluntario sempre) sobre a matanza ou mata na casa dos avós, na aldea. Recibín pequenas xoias. Vou abrir aquí e agora unha serie cos mellores traballos. En principio, para non cansar, un cada inverno. Empezaremos recuperando unhas páxinas escritas por unha das nosas mellores alumnas durante toda a nosa vida laboral: Minia Campos Domínguez. Pedinlle permiso e concedéunolo amablemente. Agora está felizmente casada, é nai de dous fillos e traballa de dermatóloga (fora o número un da súa promoción) no hospital Gregorio Marañón de Madrid. Non vos importará que sinta orgullo de ter alumnas coma ela. Moitas grazas.

 (A máquina de facer chourizos. Rescatámola do faiado -Luis estivo un bocado reparando e limpando-. Había unha igual en moitas casas galegas. Á esquerda a manivela, á dereita o "embudo" para meter a tripa, debaixo vemos outro "embudo" manual; dentro van as coitelas para esnaquizar a carne, é de ferro de fundición e bastante bo ferro, porque leva anos sen usar e non se oxida moito...)
 
:::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::
A MATANZA
Minia Campos Domínguez COU C

INTRODUCCIÓN
A matanza do porco en Galicia é máis que o labor de dar morte  ó animal para o seu posterior aproveitamento. É unha tradición propia dunha época do ano, que ten asociados uns ritos e unhas técnicas melloradas de xeración en xeración.
                A matanza é moi importante na nosa cultura. Isto amósano os ditos populares, por exemplo “a cada porco chégalle o seu san Martiño”. Este refrán fai referencia á data aproximada da matanza do porco, o 11 de novembro, día se san Martiño. A matanza facíase cando ía chegando o frío, porque a carencia de bos sistemas de refrixeración, entre outras razóns, facía imposible a boa conservación da carne no verán.
                Nembargantes, os porcos non só se mataban en novembro. En moitas casas galegas criábanse varios porcos, e a “festa” repetíase varias veces entro o san Martiño e o Entroido.
                Os porcos mercábanse moi noviños polo mes de agosto do ano anterior, polo que, cando se facía a matanza, tiñan arredor de ano e medio e un peso que podía acadar os cen quilos.
                Ata que lle chegaba o día, o porco era un dos animais que mellor vivía. Comía ben e non traballaba. A alimentación do porco consistía fundamentalmente en vexetais: patacas, tonas de patacas, nabos cocidos, verzas e, sobre todo, fariña de millo.
                Cando se ía matar, tíñase o porco sen comer desde o día anterior. Non había ningún día especial para executar ese labor. O día sinalado pedíaselles a dous ou tres veciños que botasen unha man.
PRIMEIRO DÍA
                As tarefas comezaban moi cedo, entre as sete e as oito da mañá. A primeira tarefa era suxeitar o animal cunha ou dúas cordas enriba dun tallo dun dunha superficie estable (como, por exemplo, un caixón grande). Era moi difícil termar do porco debido á súa forza e tamaño. O matachín, o que verdadeiramente mataba o porco, craváballe un longo coitelo no pescozo, cara ó corazón. Pola ferida producíase recollíase o sangue nun recipiente de paredes baixas, como unha pequena tina. Había que remexe-lo sangue segundo ía saíndo para que non callase. O porco berraba tanto que se oía de aldea a aldea (mesmo a medio quilómetro de distancia).
                Xa morto o porco, un dos ritos neste momento era invitar os que axudaron no labor a unha copa de caña (augardente) como mostra de agradecemento e índice de celebración colectiva.
                Empezábase logo o chamuscado. Cubríase o cocho con fentos secos ou palla e poñíaselle lume. Dábanselle as voltas necesarias para quitarlle tódalas serdas. Había que axudarse dunhas gallas para levantarlle as pernas e poder chamuscalo axeitadament por tódolos sitios. Aproveitábase entón para arrincarlle as unllas e deixar limpas as patas.
                Despois de chamuscado o porco, lavábase con auga morna mentres de raspaba cun coitelo para retirar tódolos restos de pel e serdas queimadas. Unha vez limpo, xa estaba disposto para inicia-la segunda fase.
                De seguido, comezaba o proceso de abri-lo porco. Este, en posición de “decúbito supino”, íase abrindo para retirar tódalas vísceras: corazóns, pulmóns, riles, bandullo, tripas, fígado e vincha (que se lles daba ós nenos para que a incharan e xogaran con ela). Tamén se retiraba a papada, o que facilitaría despois a tarefa de coloca-la corda para colga-lo porco. Os instrumentos utilizados nesta parte de traballo eran coitelos, machadas e un mazo de madeira, a modo de fungueiro curto, para golpealos e ir abrindo o porco ó xeito.
                Unha vez baleiro, lavábase ben con auga fría todo o corpo e pendurábase dunha viga coa axuda dunha corda. Así permanecía toda a noite nun sitio fresco.
                As tripas, que foran recollidas con moito coidado sobre unha tea impermeable, había que devanalas, é dicir, ilas separando desde o bandullo o final, para logo lavalas minuciosamente. O intestino delgado empregábase para encher de zorza e facer así os chourizos; e o groso, para facer as morcillas, ou ben cociñalo nos callos. Co bandullo podíase facer un pastel recheo de masa doce con uvas pasas e especias, que se cocía no forno.
                No xantar desde primeiro día xa se comía o fígado, que se cociñaba encebolado e adubado con herbas aromáticas.
                Pola noite do primeiro día facíanse as morcillas enchendo as tripas grosas coa mestura de diversos ingredientes. Unha receita podía ser: sangue, miolo de pantrigo, figos pasos picados miúdos, uvas pasas, piñóns e especias (noz moscada e outras). Tamén podían levar arroz en vez de pan, ou outras combinacións salgadas. Unha vez cheas as morcillas, atábanse polos extremos e, colgadas dunha vara, cocíanse, co obxecto de calla-lo sangue.
SEGUNDO DÍA
                Ó día seguinte pola mañá despendurábase o porco e procedíase a tallalo, operación sumamente complicada e que esixía coñecemento, forza e habilidade.
                As pezas principais eran: a cachucha, as paletas, os pernís (xamóns), as costelas, os raxos e os raxelos. Tamén se separaban os ósos do espiñazo e trozos de touciño.
                Para proceder ó salgado, dispoñíase dun saco de sal íanse fregando con el as distintas partes, agás aquelas que se fosen consumir frescas. A carne salgada íase introducindo no “baño”, recipiente, en xeral, de madeira, dunha capacidade aproximada de oitocentos litros.
                Mentres se tallaba a carne, tamén se separaban as “probas” para os familiares e amigos, que xeralmente eran de raxo. Era un compromiso recíproco e un xeito de ter carne fresca moitos días durante as matanzas.
                Os trozos de carnes diversas que van quedando ó tallar, as febras e graxas, íanse separando en carne para chourizos e carne para rexóns. A dos chourizos ten máis febra e a dos rexóns é sobre todo graxa.
                O xantar deste segundo día podía consistir nun cocido feito con carne fresca ou nun guiso de raxo ou costela.
                Pola tarde facíanse os rexóns e preparábase a carne dos chourizos. Esta adubábase con sal, allo, pemento doce e picante, ourego e viño branco. Despois de tres ou catro días, estará convertida en zorza para enche-los chourizos. Ó longo destes días íase probando, coa finalidade de axustar as cantidades dos componentes do adubo.
                Os rexóns cocíanse lentamente nunha pota de fondo ancho durante horas. A graxa íanse deretendo, e as febras quedaban lixeiramente torradas. A graxa líquida introducíase en olas de barro e usábase para cociñar, tanto para fritir coma para a elaboración de doces.
                              
                                                                              Información obtida en Terras da Ulla.
::::::::::::::::::::::::::::::::
NOTAS:
Conservamos sen modificar nada en absoluto a ortografía orixinal deste traballo de hai moitos anos xa. Actualmente palabras como introducción simplificaron o grupo culto. Hoxe cómpre escribir, xa que logo, introdución.
Quixera, xa por último, chamar a vosa atención sobre o léxico específico da matanza. Hai unha serie de palabras e frases curiosas, que dependen en boa medida, da zona. Neste traballo de Minia documentado na terra dos seus avós, por exemplo, é interesante o uso do verbo devanar (as tripas: hoxe ía un frio que afeitaban en seco, sen luvas as mans xeábanse; moito me acordaron aquelas mulleres –as tías, as curmáns maiores, miña nai- que en Valencia do Sil collían as tripas e íanas lavar ao arroio de Rascouprín, en días tanto ou máis fríos ca este; como aturarían aquela auga que baixaba xélida da montaña?). Tamén nos resulta curioso o baño onde se salga a carne. É voz común a outras partes de Galicia. Porén, aquí en Trasdeza, oímoslle a un falante de Siador a voz saleiro e este saleiro é normalmente de pedra. Máis común, con todo, é chamarlle a pía de salgar ou a artesa de salgar. Sen saírmos de Trasdeza, aí atrás, a finais de decembro, no Barral atopámonos, mentres dabamos un paseo, con Marifé e José Ramón: -Que?, dando un paseíño? –Pois si, hai que aproveitar... E vós tamén? –Nós vimos de levantar a carne...
Levantar a carne é unha expresión que na miña vida oíra. Consiste en sacar do sal as pezas da matanza do porco, transcorridos uns cantos días.
Xa sabedes cal é a pequena filosofía deste noso blog: onde menos se pensa hai agochado un pequeno tesouro... Ou niso confiamos sempre. Seguiremos outro día.

 (O afumado dos salchichóns. O Barral. Concello de Silleda)

 (O lume debe estar noit e día. A mellor madeira para o afumado dinme por aquí -Trasdeza- que é a de carballo, e hai quen lle bota tamén loureiro)

sábado, 27 de xaneiro de 2018

LENDO A...



LENDO A NICANOR PARRA



Era o irmán de Violeta (...las violetas/ que mi amorosa madre cultivaba/ para curar la tos y la tristeza.) e era un grande entre os grandes poetas. Non nos preguntemos de que morreu, aínda sabendo que era un ser centenario coma un bo carballo. Non, porque el xa tivo a intuición certeira: creo que moriré de poesía.

Coma case sempre, a nosa pequena homenaxe a este chileno universal farémola cunha pequena contribución ao estudo dalgunhas frases súas, tomadas dunha súa antoloxía: Chistes par(r)a desorientar a la (policía) poesía (edición de Nieves Alonso e G. Triviños).



Algunhas frases súas:

Cuando a la perdiz le salga cola; Cuando vuele el chancho ‘nunca’. Trátase dunha forma humorística, supoñemos que son chilenismos populares, inda que non figuran nin en H. Morales nin en Puebla [Vid. abaixo, en pelar el ajo]. Buscamos en Google e só hai referencias aos versos de N. Parra. Con todo, inda que non logremos aseguralo ao cento por cento (unha amiga bonaerense de Antonieta asegúranos que a da perdiz lle resulta familiar, que a ten oído), a inspiración e os modelos fraseolóxicos son os que son, de feitura claramente popular. En galego temos as seguintes unidades fraseolóxicas deste estilo: Cando a cortiza vaia ao fondo, Cando a ra teña pelos e o sapo guedellas, Cando as galiñas teñan dentes,  Cando as ras boten pelo, Cando mexen as galiñas, Cando o loureiro dea uvas, Cando paira a mula, Cando se coman as pedras. En español peninsular tamén estamos ben servidos deste tipo de creación festiva: Cuando la rana terná pelo (Juan de Timoneda, CORDE), Cuando vuelen los bueyes y se afeiten las ranas (B. Pérez Galdós, CORDE), Cuando las ranas críen pelo (Julio Casares, CORDE), Cuando le salga cola al sapo (Google), Cuando vuele el burro (Google). E o caso concreto dos chanchos  ‘porcos’, se escribimos en Google a expresión Cuando los cerdos vuelen rexistra 77. 300 concorrencias (Todo me podrán quitar, / pero la chupeta ¡cuándo! / cuando a la perdiz le salga /cola, cuando vuele el chancho, en “Brindis a lo humano y a lo divino”). En fin, reafirmámonos na idea da feitura popular.

De bolsillo ‘que cabe no peto, manexable’ (Qué es un antipoeta:/ Un comerciante en urnas y ataúdes? /(...)Un alquimista de los tiempos modernos?/ Un revolucionario de bolsillo?, en “Test”). Igual que Castelao crea ou inventa a Cousa, e Unamuno a Nivola, Parra é creador do Antipoema. Aquí topamos cun dos seus recursos favoritos: a desautomatización da frase feita, do tópico. De bolsillo soemos aplicala –como frase- a un libro, a un pano de man... Aplicada a un home que pretende cambiar o mundo ou a sociedade cobra un valor case paradoxal e desde logo, fortemente irónico e sarcástico. O poeta necesita as palabras pero as palabras deben nacer de novo nas súas mans e renacer sempre nas nosas mentes de ávidos lectores. E prender coma semente nova.

Decir una cosa por otra ‘mentir’ (La Revolución ha sido dura conmigo / para qué voy a decir una cosa por otra/ que cada cual me dé lo que pueda, en “Canción para correr el sombrero”). Parra utiliza un tópico manido de uso coloquial –normalmente encarece a veracidade de canto o emisor di- e como é frecuente na súa poesía, úsao dándolle a volta: este personaxe que está pedindo dramatiza, esaxera e mente.

Desde que existe el mundo ‘desde hai moito tempo, desde sempre’ (Desde ese entonces data la ferviente / y abrasadora sed que me arrebata: / es que, en verdad, desde que existe el mundo, la voz del mar en mi persona estaba, en “Se canta al mar”). Espero que valoredes a beleza destes versos. Chamo a vosa atención sobre esa soberbia e fóra de todo punto do común, do normal, deíxe do adverbio entonces. Ese entonces, ese precisamente: forma xenial de indicarnos onde volver os ollos internos, de volver vivir aquel momento sublime de encontro do adolescente co mar. A frase que remite á orixe, desde que existe el mundo, vén lucidamente facernos relembrar que descendemos dos peixes.

Este punto ‘este tema concreto; este aspecto dun tema máis amplo onde o emisor pon o enfoque’ (... nunca, ni por pienso, / se conversó del mar en nuestra casa. / Sobre este punto yo sabía apenas/ lo que en la escuela pública enseñaban, en “Se canta al mar”).

Hasta (en) las mismas piedras [Valor ponderativo, pondera a insensibilidade ou a dureza, material ou, como neste caso, inmaterial –dureza de corazón] (...el favorable influjo / que hasta en las mismas piedras ejercía, en “Es olvido”).

Ir por partes ‘ordenar o pensamento, desenvolver estruturadamente un tema’ (Vamos por partes, no sé bien qué digo, / la emoción se me sube a la cabeza, en “Hay un día feliz”). Apreciade unha vez máis o recurso á desautomatización da frase feita: o que se sobe á cabeza normalmente non é bo (alcohol, soberbia, demasiado poder...). Aquí rompe a invariante negativa. Varía co positivo.

Juventud primera ‘a primeira etapa da mocidade’ (Estos fueron los hechos memorables/ que presenció mi juventud primera, en “Hay un día feliz”).

 (Paisaxe de San Fabián de Alico, na precordilleira andina, terra que viu nacer o poeta. Todas as fotos están tomadas de Internet)


La ley de la selva ‘Norma de conduta social que só ten en conta o proveito individual e o predominio do máis poderoso’ (Masacrar a quemarropa a la familia del Zar/ incendiar la biblioteca de Alejandría/ descuartizar mujeres embarazadoas/ al más puro estilo Lyndon B. Nixon // Aquí no se respeta ni la ley de la selva, en “Pasatiempos”). A lei da selva vén sendo sinónimo de lei do máis forte. No uso digamos normal da frase, estamos moi lonxe de considerar esta lei digna de respecto. Ao contrario, a lei da selva soe opoñerse á civilización democrática. Pero estamos de novo diante do recurso da desautomatización das frases feitas. Niso o chileno é un auténtico mestre. Observade tamén o recurso consistente na mestura e confusión de nomes (chámase entrecruzamento): xunta o poeta dous nomes de presidentes estadounidenses vinculados a unha política exterior intervencionista (intervención en América Central, escalada militar na guerra de Vietnam...).

Moros y cristianos ‘uns e outros, tirios e troianos’. A frase exemplifica ben xentes de diversa condición e pensamento (Brindo, dijo un lenguaraz,/ por moros y cristianos/ yo brindo por lo que venga/ la cosa es brindar por algo, en “Brindis a lo humano y a lo divino”).

Ni por pienso [Negación enfática]. En galego podemos dicir Nin por penso e mais tamén Nin por lume (... nunca, ni por pienso, / se conversó del mar en nuestra casa, en “Se canta al mar”).

No moverse un cabello ‘no inmutarse’. É máis frecuente a variante coa voz pelo (no se le mueve un pelo produce 8640 concorrencias en Google, fronte ás 567 da mesma frase con cabello); normalmente connotan unha valeración negativa do feito de permanecer impasible: non así no poema de Parra. Segue a ter un valor ponderativo (enfatiza o estatismo) pero carece desa valoración negativa (...extendí los brazos/ sobre el haz ondulante de las aguas,/ rígido el cuerpo, las pupilas fijas,/ en la verdad sin fin de la distancia, / sin que en mi ser moviérase un cabello, en “Se canta al mar”).

Noche y día ‘a maior parte do tempo, decote’ (Tiene razón, mucha razón, la gente / que se pasa quejando noche y día / de que el mundo traidor en que vivimos / vale menos que rueda detenida, en “Es olvido”).

Pelar el ajo ‘traballar moito sen recibir a merecida retribución’: esta é máis ou menos a definición que dá o dicionario de americanismos de Humberto Morales; este concepto cifrábao meu pai –nacido e criado na Coruña- coa frase traballar para o inglés. É un claro chilenismo. Porén, no libriño que a nosa amiga chilena, Antonieta, nos trouxo de Santiago [¡Oiga...! ¿Cómo dijo? Expresiones, dichos y chilenismos, de Hernán Puebla Ahumada] non figura a parte retributiva. Lemos: “Pelar el ajo” Trabajar arduamente. Luchar con tenacidad, de manera dura y esforzada (Yo soy así, soy chileno,/ me gusta pelar el ajo, / soy barretero en el norte,/ en el sur me llaman huaso, / firme le doy la semana, / no como si no trabajo, en “Brindis a lo humano y a lo divino”). Oído (lido máis ben) o poeta, e deixando á marxe a máis que posible ironía cervantina, case nos inclinamos por dar fe a Puebla. Non son tampouco excluíntes os semas, por suposto. Relembramos tamén, de paso, o refrán galaico: Na terra do meu home quen non traballa non come, interesante se me permitides por estar formulado desde o punto de vista feminino.

Ser caído del catre ‘ser pouco intelixente’ (Los pelusas del barrio me persiguen tirándome piedras/ hay que ser bien caído del catre/ para reírse de un pobre viejo zarrapastroso, en “Canción para correr el sombrero”). Vimos noutro lugar del blog (‘Buscando palabras’, 19 setembro 2014), a propósito de Jorge Edwards, esta frase co valor de ‘moi inxenuo’. A acepción do verso de Parra é derivada daquela. A imaxe do parvaxolo ou paxarolo crédulo caendo tamén a temos no galego caer dunha ameixeira/guindeira/dun niño e no español peninsular caerse del guindo/de un nido. En paralelo ao chilenismo, recolle H. Morales todas estas variantes americanas: Caído de la cama/de la esfera/de la hamaca/de la mata/del níspero/del palto/del zarzo
                                                                         

Sin orden ni concierto ‘sen un plan determinado’ (eché a correr, sin orden ni concierto,/ como un desesperado hacia la playa en “Se canta al mar”). Observade a estraña parella, a orixinal correlación entre ese verbo e ese complemento: de 66 concorrencias que dá o CREA da frase sin orden ni concierto non hai onde un só caso no que apareza o verbo correr. Ás veces os profesores din que a linguaxe poética consisen en violar ou violentar  a linguaxe común. O verbo violar non é que nos guste moito pero si que se entende ben que facer poesía é revolucionar, volver e revolver, revivir as formas e as combinacións comúns.

Sin orillas ‘sin límite’ (...algo me dice/ que la vida no es más que una quimera;/ una ilusión, un sueño sin orillas, en “Hay un día feliz”).

Tiempos aquellos [Expresa saudade, non exenta de compracencia por telo vivido, polo paso do tempo] (¡Tiempos aquellos!, yo un espantapájaros, / ella una joven pálida y sombría, en “Es olvido”).

Todo lo puede el tiempo [Frase proverbial, pondera o valor mediador e curativo do paso do tempo, que trae o esquecemento]. Podiamos pensar que aquí hai un hipérbato e considerar máis común a colocación El tiempo todo lo puede, pero non:  65.700 concorrencias en Google para esta formulación –consulta feita o 24 de xaneiro-, fronte a 127.000 para a elixida polo noso poeta] (...la impresión que me dejó en el alma./ Todo lo puede el tiempo, sin embargo/ creo que ni la muerte ha de borrarla, en “Se canta al mar”).



Un punto ‘nada en absoluto’ (Si he de conceder crédito a lo dicho / por la gente que trajo la noticia / debo creer, sin vacilar un punto, / que murió con mi nombre en las pupilas, en “Es olvido”). Outro xenial pseudo-paradoxo: esperariamos mi nombre en los labios... un paradoxo sinestético (relembrade: a sinestesia combina dous planos sensoriais: o nome óese e cos ollos vese).

Una cosa [Funciona como conector discursivo de adición, en uso coloquial; puede estar precedida esta frase por y, ou ir determinado o substantivo polo indefinido otra] (Nosotros conversamos/ En el lenguaje de todos los días / No creemos en signos cabalísticos. // Además una cosa: / El poeta está ahí / Para que el árbol no crezca torcido, en “Manifiesto”). Creo que se entende ben a sutileza aparentemente pouco sutil. Enténdese a metáfora estupenda do último verso, a min tróuxome a memoria a frase do meu pai, sempre repetida: “hai que educar o rapaz cando é pequeno: igual que a árbore, se non se pon dereita cando é noviña, logo non ten remedio”. A mensaxe é do melloriño. A poesía educa os nenos. E os maiores tamén. Un concepto de educación ricaz.




xoves, 18 de xaneiro de 2018

Dolores O´Riordan, a voz dun pobo



Fai uns días deixounos repentinamente. A súa voz finou demasiado cedo. Quédanos o eco dos seus berros, o poder que transmitía cunha gorxa capaz de calquera son. Feita dun material único, inesquecible. Dolores O´Riordan, líder do grupo The Cranberries, visitara A Coruña alá polo 2002 deixando a súa pegada. Velaiquí fantando  "Zombie", contra a barbarie que mata cativos.



(Escrito por Mario S. García)

luns, 15 de xaneiro de 2018

GALICIA INMORRENTE



SANTIAGO E SAN PEDRO



Fomos a Santiago á reunión en San Roque para a edición do número correspondente dos Cadernos de fraseoloxía galega e Carmen Mellado, que sentaba ao meu lado, sacou do cabás (ou da carpeta talvez) unha foto. Mostrouma. Vinte anos xa, dixo. Vinte anos pasaron desde aquel primeiro congreso de fraseoloxía. Eu tamén a teño pero non sei onde... Encantoume volvela ver. Todos máis novos, e guapos! Gloria Corpas estaba embarazada. Quen sabe que fará agora esa criatura, se estudará, se traballará... Fomos perdendo a pista os uns dos outros. Así é a vida. Algúns xa dormen o sono dos xustos, como Fernando Varela. E outros, que foron grandes amigos, ben quixera saber deles e mais penso que non vai ser doado. Os que foron algún día grandes amigos nunca se esquecen: nunca desaparecen do noso corazón. O corazón é un libro con páxinas ás que de cando en vez volvemos, limpámolas con coidadiño e lemos nelas coma nun espello, do dereito e do revés. Logo, xa de noite mollada de chuvia, paseamos antes de volver coller o coche para A Coruña, pola Algalia de Arriba, brillantes as laxes, ergueita esa vella torre medieval, abandonada case escanastrada a casa con escudo outrora poderosa e hoxe niño de ratos. Contáballo aos meus contertulianos da xuntanza dos xoves, estiven en Santiago, paseamos na Algalia, e soou misteriosa, unha badalada, non sei se sería da catedral porque a igrexa esa das Animas, a que está cerca das Casas Reais non ten campás, creo...  E dixo José Luis, santiagués, -En Santiago sempre é a Berenguela... Que bo coñecemento temos todos de Santiago, os que alí estudamos. Éme unha cidade propicia, nela coñecín a Luís. Gústame oír da infancia de José Luis, e ti por onde corrías cando neno? Cita rúas con avoengo, proximidades á igrexa do Pilar. É pródigo coas lembranzas. Con vinte anos aproximadamente retoma a comitiva que acompaña a nai defuntiña a Bonaval, diante tocaba un óboe un triste son, e as mulleres carpían como se facía antes (a min viñéronme á mente escenas do pranto á dona do pazo, María Soledad,  nunha das bárbaras comedias de Valle-Inclán –Romance de lobos- pero calei) e repetían “ai, que axiña se foi, que logo se foi, ai...” Dixen: En Santiago hai cemiterios preciosísimos, como aqueloutro onde enterramos o pai de María Dolores... Non me viña o nome, dixo Javier: -Boisaca (si, Boisaca, onde descansan franqueados por altas e esgrevias coníferas outros grandes galegos [Valle-Inclán de novo, Pérez Costanti, Antonio Fraguas, Isaac Díaz Pardo, Roberto Díaz Bolaño...]). Xa digo, este xoves fomos xenerosos coas lembranzas.

(Foto feita, probablemente por Xesús Ferro, no monte de Santa Tegra, no ano 1997; falaba Xesús da caída do sol ardente nas augas atlánticas e occidentais e o pasmo dos romanos, pasmo mítico)


Pero fixádevos como divago. Porque eu quería falarvos hoxe daquel primeiro congreso de fraseoloxía e sobre todo, do meu vello amigo António Nogueira. Son os amigos (nunca) idos. Os amados amigos nunca son idos de todo, volvo dicir. Nunca. Mentres os levemos dentro. Mentres falemos con emoción deles. Mentres exista papel e electricidade para retomar unha páxina.  Procuramos educar os fillos na idea lúcida de que un amigo é un tesouro.

 (Xuntanza na sé do Ramón Piñeiro no vello convento de San Roque en Santiago este mércores 10 de xaneiro: Maruxa, Maribel e Carmen, pola dereita; Ramón Anxo, Xesús e Luís, pola esquerda; a foto foi feita por Charo Soto)


A última vez que vin ao Nogueira foi na súa casa (con sabor a Atlántico, el vestía de mariñeiro, novo Alberti) de San Pedro de Noel. Nós, a miña familia, Suso e Xácome pequenos inda, acampabamos no piñeiral de don Dinis. Na riberia alta do poderoso mar, nos arrecifes, pescaban robalos con longuísimas canas varios homes cos que puidemos falar. O António Nogueira Santos ben sabía conversar; tamén escribir e non desdeñaba a poesía. Gardo del incluso as felicitacións de Nadal feitas a man... 

 (Poema do António Nogueira dedicado ás amigas que fixo naquel primeiro Coloquio no ano 97)

 (Outra mostra poética do noso amigo, António Nogueira)

:::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::


Vixésimo aniversario do primeiro Coloquio Galego de Fraseoloxía.

 (Diante da fachada do Obradoiro. Da esquerda á dereita, liña superior: Delfín Carbonell e Rocío García, António Nogueira, Juan Martínez, Antonia Mª Tristá, Alberto Zuluaga e Xesús Ferro. Na liña de diante: Carme Lamela, Maria Conca, Gloria Corpas, Josep Guia e Fernando Varela)

Celebrouse en Santiago de Compostela no ano 1997. No acto de inauguración figura como Presidente o daquela Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Celso Currás Fernández. Como Coordinación Científico do Centro Ramón Piñeiro figura nese momento Constantino García González e como Coordinador do Coloquio, Xesús Ferro Ruibal.

(Tras a última sesión de traballo, da esquerda á dereita: en pé: Javier Calzacorta, Mª Xesús Anido, Alberto Zuluaga, Ekaterina Lossik, Juan Martínez, Xesús Ferro, Delfín Carbonell, Leonel Ruiz, Josep Guia, Carme Lamela, Fernando Varela, Clara Viqueira e Franz J. Hausmann. Sentadas: Marina Kótova, Gloria Corpas, Antonia Mª Tristá e Maria Conca)


Listado de autores e relatores (por orde alfabética):

Javier Calzacorta Elorza, académico na Academia de la lengua Vasca-Euskaltzaindia. Da súa extensa obra destacaremos “Historia del refranero vasco”.

Delfín Carbonell Basset: da súa obra citemos unha gramática inglesa en cinco volumes, e o Diccionario castellano e inglés de refranes.

Maria Conca i Martínez, investigadora moi recoñecida. Autora de, entre outras publicacións, Els refranys catalans.

Gloria Corpas Pastor, autora dun clásico da fraseoloxía, Manual de fraseología española.

Xesús Ferro Ruibal: autor, entre outras moitas obras, do Refraneiro galego básico (e, para quen isto escribe, un mentor, se se me permite a expresión: foi el quen me deu a oportunidade de publicar o dicionario de refráns galego-castelán).

Xosé María Gómez Clemente, profesor da Universidade de Vigo: autor, entre outras publicacións, de “Fraseoloxía galega e portuguesa: o verbo andar como núcleo de unidades fraseológicas”.

Luís González García, profesor da Universidade da Coruña. No campo da lexicoloxía, presentou no IV Congreso da Asociación Internacional de Estudios Galegos (Oxford, 1994) a comunicación: “Emilia Pardo Bazán, sociolingüista”.

Patrick Hanks: grande lexicógrafo. Tomou parte na publicación de diversos dicionarios da editorial Collins.

Franz Josef Hausmann, membro do Consello Científico do Instituto Nacional da Lingua Francesa. Autor dunha obra inxente, digamos só que daquela traballaba na elaboración dun dicionario fraseolóxico francés-alemán.

Marina Kótova, profesora da Universidade de San Petersburgo. Autora, entre outras publicacións, de Os problemas da semántica fraseolóxica.

Hugo Kubarth, profesor da Universität Graz. Coautor do Diccionario Fraseológico del Español Moderno.

Juan Martínez Marín, catedrático na Universidad de Granada. Entre outras obras, publicou Estudios de fraseología española.

Carmen Mellado Blanco, profesora da Universidade de Santiago de Compostela. Entre outras obras é autora de Didáctica de la Lengua Alemana en España. Perspectivas actuales.

António Nogueira Santos: estudou Filoloxía Xermánica na Facultade de Letras de Lisboa. Traballou no campo da tradución e mais no campo da didáctica en Londres. O seu interese polas fraseoloxía levouno a elaborar Novos Dicionários de expressões idiomáticas//New Dictionaries of idioms.

Leonel Ruiz Miyares, enxeñeiro e director do Centro de Lingüística Aplicada de Santiago de Cuba. Coautor do Diccionario automatizado de fraseología cubana.

Mª Rosario Soto Arias, catedrática do Instituto ‘Eusebio da Guarda” da Coruña. Coautora de Exercicios avanzados de lingua e de Así falan os galegos.

Antonia María Tristá Pérez, investigadora no Instituto de Literatura y Lingüísitca de La Habana. Autora, entre outras obras, de Fraseología y contexto.

Fernando Varela, profesor da Universität Wien. Coautor do Diccionario Fraseológico del Español Moderno.

Alberto Zuluaga Ospina, profesor da Universität Tübingen. Autor, entre outros traballos, de Introducción al estudio de las expresiones fijas.


(Datos atirados  das "Actas do I Coloquio Galego de Fraseoloxía", libro de onde tamén tomamos as dúas últimas fotos)