venres, 15 de decembro de 2017

LENDO A



LENDO A ROY JACOBSEN

Hai moito tempo que non vos recomendo encarecidamente unha lectura en prosa. Unha novela desas que se len dunha tacada, de vez. A min víñame recomendada por un fillo: hache gustar. E gustoume. Non todo o que lle gusta a eles me gusta sempre a min. Nin moito menos, non vaiades crer... Pero desta feita, bingo!

 (Roy Jacobsen: foto tomada de Internet)

Titúlase Los invisibles. Son os habitantes dunha illa, na Noruega doutrora. Antes de abrir o libro (realmente antes de abrir o libro déixaste seducir polas cores verdes da portada, pola calidade e textura do papel, pola case que pureza das claras letras de molde; este día, falando precisamente da novela de Jacobsen –‘fillo de Xacobe’-, Suso dixo: “estouno acabando, cando vexo que estou acabando un libro, léoo doutra maneira, é como se me cambiase a actitude cara ao libro, e mira mamá, esa é unha diferenza entre o libro de papel e libro electrónico, aquí percibo a simple vista, toco o grosor das páxinas que me faltan para rematar a lectura, gradúo se quero apurar ou non para chegar ao final”. Si que si. Estou de acordo. O libro de papel ten as súas artes e mañas de sedución, porque hai moita xentiña detrás da edición dun bo libro) e ler a primeira páxina, eu pensaba noutras posibilidades: Invisibles na nosa sociedade son os traballos de moitas mulleres, iso foi o primeiro que pensei. Como invisibles son os parias da terra. Ou tantos esforzados logros dos fillos de Galicia na Historia. Hai tantas posibilidades de darlle valor a ese núcleo substantivo elíptico...
Logo empezas a ler e faise a luz matizada do Atlántico nórdico. Na illa só vive unha familia e conviven tres xeracións. Desde o primeiro momento tes medo a que apareza a morte. Ou iso experimentei eu. E aparecerá. Claro que tampouco dá tempo a pensar moito nela. Hai tanto traballo, quero dicir, traballan tanto os homes e mulleres da illa, e a ti éche tan doado poñerse no seu lugar ou na súa pel (ou nos seus zapatos, como din en Chile)...
... E literariamente, tanta simplicidade e lirismo. En fin, non vou facer iso que chaman spoiler os ingleses (en román paladino nós diriamos “rebentar a película ou o final”). Así que imos pensando en cousiñas concretas que nos encantaron e pouco máis.
As palabras da toponimia son preciosas: Gjesøya, Lofoten, Malvika, Karvika, Skarvholmene... Tamén o son os microtopónimos con que bautizan os novos anacos cultivados ou colonizados dentro da propia illa (a Illa de Barroy, é o apelido dos propietarios): A Arboreda do Amor, o Xardín do Edén, o Xardín de Penuria, o Xardín de Pedras, o Xardín de Rosas...
Logo están os oficios perdidos: este é un tema que sempre me pareceu tan atractivo. Un día dedicarémoslle un par de páxinas. En serio. Na novela aparece un cocedor de aceite de fígado de bacallau, que ademais é zapateiro (que estupendo, faime relembrar ao meu fillo pequeno, cando era moi moi neno, iamos no autobús, á altura da Ronda de Outeiro, pouco antes de chegar á avenida de Fisterra, e preguntoume moi serio, pseudo filosófico: “cando sexa maior poderei ser dúas cousas?” e eu dixéralle, “e que queres ser?”, e el respondérame: “pois escritor e pintor”, ah!, que tenrura poder relembrar da infancia dos fillos, como se nota que estamos cun pé no Nadal...).


E por se fosen poucos os estímulos que me engancharon ou mellor enguedellaron neste pracenteiro e intensamente pensante proceso de lectura, hai no libro o seu aquel de antropoloxía. Vou deixar á marxe la marmita de gigante (a tradución do noruegués ao castelán é de Cristina Gomez-Baggethun) onde se baña Ingrid, porque se presta para unha busca e procura marabillosa de xigantes na fragmentada mitoloxía galega. Quede para outro día. Ímonos mergullar un chisquiño, en troques, nos tabús que tocan o mar e que nos serven en bandexa vínculos de unión entre os pobos de Europa (e do planeta, se gustamos). Que pasada de coincidencias! Como se palpa a unidade consubstancial á especie! Xebrada en dous xéneros, para empezar. As mulleres non poden subir aos barcos: “pero sabe que no quieren que ninguna mujer suba a un barco que se dirige al mar” (páx. 67, capítulo 15, edición española do 2017). Queredes saber que me fixo relembrar? Varias cousas: primeiro, que hai tempo lin un libro magnificamente editado de Fernando Alonso Romero sobre tradicións e costumes comúns ou moi próximas entre os mariñeiros de Galicia e os das outras fisterras atlántico-europeas, e que debo relelo. Segundo, acordeime da miña sorpresa cando hai anos, nun capítulo dunha serie televisiva norteamericanda dos anos 50, vin mulleres coas saias arremangadas e descalzas que estrullaban as uvas en California logo da vendima, un labor que na terra da miña nai estaba fortemente reservado aos homes. Sempre houbo tabús, interdicións e límites. A civilización supoño que consiste, entre outras cousas, en comprendelos, revaloralos e movelos, transformalos, axeitalos aos novos tempos... Sen querer entrar en materia e sen querer pechar os ollos ante discriminacións ou tabús absurdos, antedeluvianos, pensade que o mar atlántico de invernía é tremendo, durísimo. Dirédesme que é unha perspectiva inxenua (e/ou paternalista) supoñer que por iso os tabús arredan del a muller. Pode que si, pode que non, sobre todo nunha sociedade onde procrear era prioritario...
Rematamos xa: outro encanto ineludible é o silencio. Respírase na novela ese silencio, compañeiro fiel da soidade. Para nós, ese é un logro de primeira categoría. Cantar, espellar unha vez máis, como fixeran Simon e Garfunkel, the sound of silence. Un docente pide moitas veces silencio. Moitísimas. Incluso demasiadas. Lembro tervos dito: “como ides oír o voso interior, os vosos pensamentos, se non logrades o silencio?”. Un silencio de día de nevada, dicimos en galego. Que beleza dominarmos así varias linguas milenarias... Un silencio de nieve, dise noutras partes da península nosa. E dicían os indíxenas das pradeiras norteamericanas: “Manitú ama o silencio máis cás palabras”.
Ao meu fillo Suso quen lle regalou o libro foi a súa amiga Marina. Marina traballa en Alianza Novela e comentáballe a el que, malia a beleza indiscutible da obra, pouco ou mal foi apreciada, en parte debido a que as circunstancias político-sociais son as que son e os medios de comunicación deixan ás veces a cultura nun plano tamén invisible. Porén, hai tempo aínda. Sempre hai tempo cando a meta é boa.

venres, 8 de decembro de 2017

ENTREVISTA



ENTREVISTA A JOSÉ RAMÓN SORALUCE BLOND

(Restos da muralla da Coruña medieval)


Palabras de presentación:


O noso entrevistado é Catedrático de Composición Arquitectónica do Dpto. de Composición da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña. Formou parte do profesorado da E.T.S.A. da Coruña desde os primeiros anos da súa creación. Entre as materias que imparte ou impartiu subliñaremos a de Conservación do Patrimonio. E entre os seus múltiples méritos quixeramos subliñar o labor de coordinación da edición gráfica da Enciclopedia do Románico en Galicia.

É Académico Numerario da Real Academia Galega de Belas Artes na sección de Arquitectura. Igualmente é Académico Correspondente das Reais Academias de Belas Artes de San Fernando de Madrid e de San Xurxo de Cataluña, así como membro electo do Instituto “José Cornide” de Estudos Coruñeses. Ocupou os cargos de Vicerreitor de Extensión Universitaria (1990-1997), Vicerreitor de Infraestruturas e servizos (1999-2001) e Presidente da Comisión de Publicacións desta Universidade. Foi fundador e director da Universidade Senior entre 2001 e 2004.

Pola publicación dunha serie de artigos de divulgación sobre a arquitectura galega, en “La Voz de Galicia” durante os años 1993 e 1994, obtivo o premio de Comunicación do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

Tedes máis información na Wikipedia e nestas páxinas de libre acceso: http://composicion.udc.es/p/soraluce.html


A nosa relación con este ilustre profesor nace pola súa colaboración co noso Instituto a propósito da celebración dos 125 anos de historia. Publicou para o libro conmemorativo (O Instituto da Guarda da Coruña. 125 anos de historia) un artigo, “El primer edificio del ensanche de A Coruña: Construcción del Instituto Eusebio da Guarda”, un artigo enriquecido con magníficas fotografías feitas por el memo, e que podedes ler na páxina Web do Instituto Eusebio da Guarda. Só nos resta agradecerlle sempre a súa humana proximidade, a súa  amizade.

 (José Ramón Soraluce Blond. Foto propiedade de J.R.S.)


ENTREVISTA:

Mª R. Soto.- Moitas grazas por atendernos, prezado José Ramón. Sabemos que es un home ocupado e sabemos que o tempo é ouro. Podemos empezar por catro cousiñas das orixes: dinos, por favor, de onde veñen eses fermosos apelidos: Soraluce é vasco, e Blond, francés? Tamén nos gustaría saber como chega á Coruña un ceutí, e xa, nesta serie inicial, serías tan amable de facernos saber onde estudaches o bacharelato e se houbo algún profesor que che marcase,  algún de quen gardes boas lembranzas?

-Efectivamente los orígenes de mis apellidos son vascos y franceses, ellos deben haberme aportado carácter y racionalidad respectivamente. Estudié en Madrid el bachiller y siempre me dejaron huella los profes de dibujo. Yo también fui profe de dibujo en varios colegios mientras estudiaba en la Universidad, para subsistir.

-A arquitectura é unha das chamadas Belas Artes: en ti iso vese moi ben, es membro de varias Academias, empezando pola coruñesa do Rosario e seguindo pola de San Fernando. Amas a arte e amas a nosa cidade. Estudaches obras arquitectónicas coruñesas lamentablemente desaparecidas, tes publicado sobre a Colexiata de Santa María do Campo, sobre o edificio da Mestranza, do Banco Pastor, tes publicado sobre o edificio do noso Instituto, pero eu diría que o aspecto relevante do teu traballo sobre A Coruña, o núcleo duro se se me permite a moderna metáfora, é o eido militar: as fortificacións militares. Hai algunha razón concreta que te encamiñou ou foi a pura necesidade, talvez, de encher un espazo pouco estudado?

- Estuve varios años estudiando cientos de iglesias románicas gallegas para hacer la tesis doctoral. Cuando tenía medidos y dibujados los planos de casi todas, el director de la tesis me dijo que si era capaz de saber más del románico que el Tribunal de la tesis, que siguiera. Luego me preguntó por un artículo que había publicado en la prensa local sobre los fuertes de Camariñas y Corcubión, y me dijo que ese era el camino, ya que ningún Tribunal sabría, entonces, nada de aquello. Tuve que empezar de nuevo durante otros tantos años y estudiar  la Arquitectura Militar de la Edad Moderna en Galicia.

 (Muralla medieval. Foto de J.R.S.)


-Agora centrémonos nesas vellas murallas coruñesas. Non podemos pretender que as describas nin que te estendas sobre algo que está xa nos libros. Pero para os nosos alumnos, en boa medida, ou totalmente, profanos, seleccionemos algún dato básico: por exemplo e en primeiro lugar, podemos considerarnos afortunados porque algo se conservou? En segundo lugar, cal é o pano ou a parte das murallas máis antigos? En terceiro lugar, emite un xuízo de valor sobre as actuacións dos últimos tempos sobre a conservación, preservación e posta en valor das murallas herculinas. En cuarto lugar, que farías ti, se tiveses poder e oportunidade, no futuro  (supoño que son moitas as cousas que hai que facer con este patrimonio aínda, pero sintetízamos, por favor)?


- Los restos de la muralla medieval, posiblemente del siglo XIV o XV, están en los jardines de Capitanía, ocultos por la maleza. Es un muro bastante ancho con un adarve (paseo superior de ronda) que ocupan como terrazas las fachadas trasera de las casas de la calle Tinajas. También es medieval el cubo que hay junto a la puerta de San Andrés, por la que se accede al Archivo del Reino de Galicia. El resto del muro  del jardín de San Carlos es del finales del siglo XVIII y principios del XIX. También es medieval la Puerta de San Andrés, muy restaurada con numerosos sillares modernos, que perteneció al hospital de marineros que había donde hoy está la iglesia castrense de San Andrés. Tramos sin identificar plenamente del recinto medieval están incorporados al muro trasero que cierra  el convento de las Bárbaras en la rúa Maestranza.

Las murallas coruñesas son BIC (bienes de interés cultural) y, por tanto, están protegidas legalmente. Han sido muy estudiadas y restauradas en varias ocasiones. En el futuro serán un elemento fundamental del patrimonio urbano, cuando se emprenda la liberación de todo su entorno degradado y se conviertan en un circuito cultural y turístico de primer orden. Hoy en día cualquier ciudad europea daría lo que fuera necesario por estar amurallada.









(Baluarte dos Pelamios, son as troneiras para a  artillería que apuntaban á entrada da ría e porto da cidade, que está a continuación da Hípica. Foto de Charo Soto)




-Cando celebramos no Instituto os 125 anos de existencia, ti falaches en representación da  clase ilustrada coruñesa, sempre se se me permite a categorización, e malia falar moi pouco tempo –había moitas autoridades e moitos discursos- relembro que lanzaras unha especie de interrogación retórica sobre os planos do noso edificio (do Instituto da Guarda). Sabemos algo máis deles?

- No se ha encontrado el proyecto original de Faustino Coumes Gay, aunque siempre hay esperanza de que aparezca en algún archivo o en poder de algún descendiente.

-José Ramón, tamén formas parte do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses. Desde cando? Imos imaxinar utopicamente que agora xorde un mecenas e vos dá a posibilidade de construír un novo edificio, amplo e marabilloso, na cidade ou na periferia próxima. A que che gustaría que se dedicase? Precisamente a albergar o Instituto citado? Quizais a albergar un digno Museo Provincial? Un Museo Provincial que integrase tamén as xoias documentais e outras auténticas xoias que garda a Colexiata de Santa María? Un Museo Arqueolóxico vinculado directamente ao Castro de Elviña? Cal sería o teu proxecto utópico favorito?

- El futuro de la arquitectura en ciudades históricas como las gallegas, no debemos dejarlo en manos de llamativos proyectos vanguardistas, nuestro futuro es nuestro pasado, hay que recuperar los viejos edificios y rehabilitarlos. Coruña tiene su propia imagen singular y monumental, no precisa ningún Guggenheim para ser conocida y admirada.

 (Igrexa de Dexo, Oleiros, antes de restaurar. Foto de J.R.S. O proxecto de restauración foi dirixido polo noso entrevistado)


-Que estás lendo arestora?

- Me gusta escribir, pero soy mal lector, me cansan los tochos literarios , incluso las novelas de temas históricos. Mi actividad y mis compromisos me obligan a leer de todo. No tengo níngun libro de cabecera, me dan dolor de cabeza.

-Moitas grazas por atendernos. Longos anos de vida, para ti e mais os teus. Longos e proveitosos. E bo Nadal!

-Muchas gracias a ti.

 (Igrexa románica de Dexo restaurada. Dinos J. R. Soraluce que os proxectos en arquitectura non por non ser grandes son menos interesantes)


venres, 1 de decembro de 2017

LENDO A



LENDO POETAS VIVOS

 (Poetas di(n) versos: Ferrín e Zurita. Foto tomada de Internet, da páx. do Concello da Coruña)

Ás veces penso e digo que o verdadeiro milagre –salvando o amor- é estar vivo. Supoño que todo o demais por engadido. Pero son pensamentos que non se poden dicir moi en voz alta porque se o interlocutor está enfermo ou ten próximo un ser querido enfermo, dirache rapidamente que o primeiro de todo, antes có amor, é a saúde. E porén, un blog pode ser un espazo suficientemente íntimo como para ser un mesmo, ser sincero ou sincera e compartir pensamentos talvez discutibles pero sentidos. Esta vez falo así porque participei minima, fondamente, dunha velada auténtica de poesía, na Ágora coruñesa, presentada por unha das mulleres novas e vivas de Galicia, Yolanda Castaño. Díxenlle, en petit comité: “Estiveches no Salón de Actos do Eusebio... Como recitas... Coma un anxo. Que grandes mulleres deu Galicia!”. E Xosé Luís, que estaba presente, levoume a contraria e dixo: “Tamén as hai malas”. “Tamén”, debín admitir. Porque quizais toda xeneralización é impertinente de principio. Tampouco pensedes que lle fago moito caso aí a Ferrín. Sei que ama as mulleres e coñezo as mulleres que saen da súa pluma: a súa Fría Hortensia é un paradigma eterno de forza, solidez e mito. Inmorrente como a súa obra. Antes, baixando pola rampla dixéralle eu que o encontraba xenial de aspecto físico, ben levadas as sete décadas. Sete. E por oílo falar algo, breve sempre o tempo, interrogueino ao respecto: “Non terás ti, acaso, como dixo que tiña unha muller estupenda que todos coñecemos..., quen, cando lle preguntaron se tiña pauto co demo respondeu «Non, co demo non, teño pauto con Rosalía», pauto tamén con ela, con Rosalía?” E contestoume: “ Eu teño pauto con Curros, o máis rabudo de todos”. Fíxome rir. Inda me dixo máis: “Como?, non coñeces a obra de Zurita? Faime caso, tes que lelo, é un dos grandes”. Un consello sabio, así volo transmito agora tamén a vós. Collín dous libros del e téñoos na mesiña de luz: unha boa forma de situar as cousas no seu xusto sitio e valor: a carón dos soños, iluminando as tebras.





Da poesía de Xosé Luís Méndez Ferrín apenas vos falarei aquí porque hai voces moito máis autorizadas cás miñas. Se queredes, se me permitides, igual relemos o poema que lle serviu de colofón ao recital, do libro Estirpe, un poema dedicado a Chus Pato e Xabier Cordal. Gústame moito a min ese libro: dáse nel unha especie de re utilización?, recreación, volta á xénese do idioma, coma se intuíse que o substantivo é anterior ao verbo, a fonética anterior á sintaxe: como se intuise que amar é volver nacer, e con iso, destruír. Destrúe a gramática. Volve ás raíces poderosas. Aos estratos primitivos, prerrromanos, precristiáns, preindoeuropeos en certa arte ou medida. Colofón: tres cuartas partes de substantivos, só unha cuarta parte de verbos. E un claro afán de tocar a alba de nós. Subxace un mito: a patria negada non é negada se falamos unha vez máis as palabras orixinais. Cabalística estirpe que cabalga na espiral do tempo e o espazo. 



Raúl Zurita comparte con Xosé Luís a necesidade de amar: comparten seren amos da creación poética. Ambos son apreciados nos seus países e nos seus dominios lingüísticos. E comparten a experiencia da deshumanización extrema: en maior ou menor grao sufriron a tortura das ditaduras franquista e chilena. Cando as luces da casa se volveron de veludo lene, cando o público desapareceu e o foco se centrou naquel home non alto, algo encorvado, con acenos de baixar a cabeza e desaparecer e pasar desapercibido, cando aquel home se lanzou en maratón, coma un deus celta do mar sobre as ondas que conducen a, cando o poeta elevou álxida a voz, fíxose a terra, fíxose Chile, fíxose a América Nova, fíxose o amor que une os homes bos, fíxose a palabra primeira: a que nomea a auga as praias, a que nomea os Andes con A inicial, a que trae as pedras, as mans, os corpos nus, unha especie de absorción total, unha comuñón en home-Deus-Poesía pura que nos redime algo da crueldade humana. Hai que lelo, tiña razón Ferrín. Que sería do mundo sen a poesía? Velaí a cuestión.

 (De esquerda a dereita: Xosé Luís M. Ferrín, Yolanda Castaño, Raúl Zurita. Foto feita por Charo Soto)