mércores, 13 de setembro de 2017

ENTREVISTAS DE VERÁN



ENTREVISTAS DE VERÁN


ENTREVISTA A XULIA PISÓN, EX ALUMNA DO EUSEBIO DA GUARDA




R. Soto: -Moitas grazas, Xulia, por concedernos a entrevista. Imos empezar polo Instituto: durante que período fuches alumna do Eusebio? Recordas algunha anécdota que nos queiras contar? Gardas lembranzas especiais dalgún profe?


Estiven no Eusebio desde 1º da ESO ata 1º de Bacharelato. Non foi precisamente a miña mellor experiencia académica, así que non gardo demasiadas anécdotas agradables. Despois marchei a Adormideras e cambiou bastante o conto.

O profesor do que mellores recordos teño é Adelino (non recordo o apelido), o profesor de Historia, era unha gran persoa.


Agora tócanos darche parabéns... Se se admite a metáfora, vas vento en popa, e a verdade é que dá gusto ver a nosa mocidade triunfar ou ir ben encarreirada polo camiño que leva a aquelas metas autopropostas, que un mesmo se marcara. Corríxeme se me equivoco: levas publicados tres cómics, tes xa a experiencia dunha exposición colectiva, contas cun premio (Xuventude crea, concedido pola Xunta no 2015) e este verán arrasas co teu cartel sobre as festas coruñesas. Estarás, canto menos, medianamente satisfeita... Custouche chegar ata aquí? 


Si, mantívenme bastante ocupada estes anos, dá un pouco de vertixe pensar o rápido que pasou todo. Porque a miña é unha historia atípica, non empecei a traballar en serio no mundo da ilustración e o cómic ata fai 3 anos.

Eu tiña outra profesión e outro futuro por diante, non o que quixera, pero totalmente respectable e acomodado. Pero ás veces, por circunstancias, preséntasenos unha oportunidade, un instante no que atreverse a vivir a outra vida… e se es o suficientemente valente (ou estúpido) para saltar ó vacío… podes chegar a vivir do que realmente che fai feliz.

Creo que foi Spielberg que dixo que os soños non veñen de fronte, non berran “este é o teu soño deberías facer isto para sempre”,  son un susurro que vén desde atrás… os soños non berran, susúrranche na orella. E hai que esforzarse cada día para oílos. Eu tardei un pouco, pero ó final conseguín escoitalos.

Se me custou chegar ata aquí? Pois despois de dar moitas voltas na vida, agora síntome por fin no meu camiño… nunca traballei tanto como nos últimos tres anos de tinta, suor e falta de sono, pero tamén foron os máis felices da miña vida.




-Centrémonos no cartel que anuncia as festas de María Pita 2017. A idea é estupenda, brillante diría eu, orixinal. De novo déixame que te felicitemos. María Maior Fernández da Cámara Pita, coñecida como María Pita, baixa do seu pedestal para liderar de novo o pobo coruñés, pero esta vez por motivos non guerreiros, senón festivos. Unha María P. que, inda persistindo unha certa dose de idealización decimonónica  -sabemos que desde un punto de vista real e histórico ela non era nin xove nin delgadiña de cintura coma a palla de centeo-, convértese nunha figura actual, unha María Pita rockeira case... E un pobo moderno: con presenza de varias xeracións asemade, con indicadores tecnolóxicos de vivirmos xa no século XXI, con presenza de xentes de varias orixes . A excepción é o soldado rubio con casco: é Drake? Que nos podes dicir da recepción do teu cartel, gustoulles aos coruñeses, non si? Percibíchelo ben?


Si, o cartaz tivo unha recepción estupenda por parte do público. Estiven a seguir a actividade en RRSS e a gran maioría das impresión foron positivas.

Foi un traballo moi difícil, sentin moita presión pola responsabilidade que era para min facer a imaxe das festas da Coruña, así que ó final optei por ser fiel ó meu estilo e á miña perspectiva feminina, vitalista, desenfadada e un pouco rockeira… e que fora o que tivera que ser. E xa ves, saiu ben!

E o soldado é o pobre inglés morto que se representa ós pés de María Pita na estatua pa praza do Concello, dábame pena e quixen darlle a oportunidade de unirse á festa igual que a Maria… Aínda que parece un pouco despistado.


Formas xa parte da pléiade de ilustradores e cartelistas coruñeses: José Gómez Naya, Álvaro Cebreiro, Mª Dolores Díaz Baliño, Urbano Lugrís, Carmela Correa-Barceló,  Miguelanxo Prado, Xosé Cobas, Carlos Arrojo, Lucía Cobo ... Incluso podía eu citar o noso ex alumno que traballa agora en Barcelona, Cristian Diamante. Fálanos, por favor, dos teus modelos, referentes, influencias...


En canto a referentes de cómic temos en Galicia dous grandes debuxantes de Comics que son parte esencial dos meus referentes, Emma Ríos e David Rubín. Internacionais temos a Blutch, Craig Thompson, Tony Moore etc. Referentes moi dispares que me axudan a construír e pulir o meu propio estilo.

Pero os cómics son unha influencia relativamente recente do meu traballo. A literatura e o cine son a base da miña actividade creadora.


Xulia: que estás lendo arestora?


Pois en comic estou a ler Jazz Maynard de Raule e Roger Ibáñez. E en literatura teño na mesa Las amargas lágrimas de Petra Von Kant, de R.W. Fassbinder.


Proxectos a medio e longo prazo, por favor.


Agora mesmo ando combinando pequenos traballos e encargos de ilustración cun cómic longo, que intentarei mover por editoriais. E ata aquí podo ler…


Moitas grazas de novo por atendernos. Unha aperta grande, outra para teu pai, a quen leo e aprecio. Os mellores desexos para ti, para o teu longo e prometedor futuro!



Grazas a ti!



::::::::::::::::::

(NOTA:
O prof. Adelino García Brión, docente de Xeografía e Historia durante moitos anos no noso Instituto, pasou xa a mellor vida. Compartimos con Xulia o aprecio por el. Que a terra lle sexa leve!)

mércores, 6 de setembro de 2017

BUSCANDO PALABRAS



BUSCANDO PALABRAS

 (Foto tomada de Internet)


Iniciamos o mes de setembro, un mes doce e se cadra algo saudadoso, de final de verán. Volvemos unha vez máis ás palabras sedutoras, que entrañan enigmas ou que resultan curiosas á hora de ver étimo e interrelacións. Para non abusar, limitamos xa agora o número. Trataremos tres casos.


1ª. DARLLE FERRO A FONDO.


Esta frase oímoslla ao noso curmán valdeorrés. Entraña poucas dificultades á hora de explicar a súa orixe e emporiso ten a súa forza expresiva. Acha a súa correspondencia no castelán: darle caña ou darle zapatilla. Referido a un coche equivalería a pisarlle ben o acelerador. Unha frase sinónima en galego é darlle lume. No CORGA (corpus en liña, de libre acceso), atopamos na obra do escritor Xabier Quiroga darlle ferro ata as entrañas (“E se ves que se cala, dálle ferro ata as entrañas. Sen reparo, eh, que lle gusta”, en Atuado na braña).

A imaxe que subxace na xénese desta frase é a do vello arado de ferro: hai ou había que darlle ferro para que afonde ou afondase máis na terra: a presión sempre é cara a abaixo, como cando pisamos o pedal do acelerador.


2ª. O VERO.


Esta voz, nunca antes oída, escoitámola de boca da nosa curmá política, Adela, en San Xurdo de Cristimil, en terras de Deza (famoso polo seu couto medieval, hai fermosísimo diploma-documento do Couto de Cristimil, unha copia do cal tivo Gonzalo Navaza a xentileza de enviarnos, sabendo como sabe a relación familiar que une aquela parroquia con esta familia).

A palabra (escrita así, vero) figura só unha vez no DdD, aboada por Aníbal Otero no Irixo. Escríbea con uve porque a integra na familia de virar. Xa nós o pensamos en canto vimos a cousa e como funcionaba o conto, antes evidentemente de chegar á casa e buscala do dicionario. Aníbal Otero dálle o valor de ‘manivela’, pero Adela, en San Xurdo, claramente chamaba vero ao pau, un pau viradoiro, que se enganchaba (ou se unía) a unha manivela e facía virar a pedra de afiar (logo procúrovos unha foto). Se temos razón e pertence á familia de virar, velaquí unha pequena nova proba da fertilidade, da riqueza inesgotable desa familia de palabras. Dicía o mestre catalán, a quen Deus descanse, Joan Coromines, que se houbera  que escoller entre A e B como linguas matrices ou lingua-orixe dunha palabra, se esa palabra ten máis familia nunha delas, digamos en A, aí é onde debe estar a orixe (conste en acta que non pretendemos asegurar nada sobre a orixe no territorio hispano –dominio central ou no noroeste?- desta familia, pero si aconsellariamos aos autores do dicionario académico un pouco de digamos tacto: ao postular o étimo da voz virar citan o celto-latín cun prudente asterisco e piden que se confronte o galés!, e o galego, máis próximo á hora de confrontar e enriquecer as posibilidades, onde queda, esquecérono?).

 (Foto feita dentro do "cuberto" -noutros lugares din "cabanote" ou "alpendre"- da casa de San Xurdo de Cristimil, de Adela. Vemos a roda de afiar sen o vero; agora está conectada a un motorciño, antes o movemento lográbase de forma manual)

(A mesma roda de afiar pero xa ten o vero enganchado, é esa especie de pau: servía para agarrar coa man e darlle para que a roda virase; as dúas fotos foron feitas por Charo Soto)

Tamén é certo que temos un pequeno problema á hora de integrar vero na familia de virar . O paso do i  ao e, e ademais xurariamos que oímos un e aberto, xa sabedes os que estudastes comigo algo de fonoloxía, un /Ɛ/. Hai casos en que unha vogal tónica “salta” dous graos (subo /VS/ sobes), pero inda así, fica unha dúbida filolóxica mínima... Quizais haxa influencia  da propia manivela, tamén con /Ɛ/, ou da voz veo, ‘manivela’, que ten e pechado ( pensemos, doutra banda, que ben puidemos trabucarnos na audición do que Adela dixo).

Sexa como for, ídesme permitir estendernos sobre os membros da familia de virar que logramos documentar –polo de agora- en Galicia: Virar, revirar, reviravolta, virote, virolo ‘trompo’, viradoiro, viravolta, viraxe, viras ‘coiro que rodea o zapato’, virasol, viravento, viraleubas, virabales (no DdD); viruleira ‘golpe no xogo da billarda ou estornela’ (TILG); andavira ‘muíño eólico’, así lle chaman por ex. en Camelle; vira ‘rincón; bordo da empanada’, informante de Carballo de Hospital, Quiroga (a acepción vira ‘bordo’ enténdese ben porque vira, rodea, dá a volta a toda a empanada); virola ‘pau para dar a volta ás tripas’ (Non había picho (cano), iban ao regueiro e non podía virar co dedo as tripas, e levaban a virola, facíanse cun pau de vimbio, e co coitelo esfolabann ben esfoladiño para que non rompesen as tripas porque había que facer chourizos e morcillas, había que fregalas na pedra, saíalle aquilo, pegañento, e logo chegar a casa e metelas en baños de limón (informante de Sta. Cruz de Rivadulla; quizais de aquí veña a palabra viroque ‘tripa’: “facíase o guiso de viroques”, a nosa informante e amiga, María Lema, dinos que así se dicía en San Mamede de Rivadulla). Temos tamén un par de refráns: Á porta do xastre todo son tiras. Á do zapateiro, tombas e viras, refrán no DdD, recollido por Eligio Rivas; Na casa do virote todos van ó dote (vid. NOTA). E temos, naturalmente –sendo esta unha familia tan ricaz- fraseoloxía: coto virolo ou pedra virola ‘canto ou pedra que rola’, os callaos erosionados polas augas do río, por exemplo (en Valdeorras, pedras rearengas); nun viravira ‘rapidamente’; dar unha viravolta (cast. ‘dar un vuelco’); san coma un virote 'moi san'; teso coma un virote 'moi teso -uso recto e uso figurado-' etc.


3ª. UN DÍA DE ESPETO.


A frase aparece en Donosiña, de Xaime Quintanilla, na edición de Laura Tato: “A escena ás escuras, porque aínda que é de día, e un día de espeto, as fenestras atópanse pechadas”. Tato di en nota: “Día d’espeto, ‘día de sol forte’. Esta loc. adv. , que non rexistran os dicionarios e que X. Quintanilla utiliza con relativa frecuencia, podería ser o resultado dun proceso metonímico, ao modo de ‘sol de xustiza’, en que o substantivo ‘espeto’ asumise o significado de toda a frase” (p. 65, ed. UDC, 1997).

A primeira idea que nos veu á mente tomaba como modelo Día de garabullo. Pero a semántica sen dúbida é a que indica Tato, malia ter as dúas frases idéntica estrutura sintáctica, e compartiren semas espeto e garabullo (poden compartir o sema ‘+ PAU’). Cal é o semántica en xogo para que a voz espeto cobre ese valor dentro da unidade fraseolóxica nova? Espeto ‘(pau) que pica, pincha’ pola impresión ferinte do sol intenso, ou espeto ‘(pau) en que se asa carne’, pola impresión de abafo, de asarse, que experimentamos en tales días de sol inclemente? Non o podemos precisar con exactitude: recordemos que a ciencia da linguaxe non é unha ciencia exacta. Con respecto á antigüidade desta frase, haberá que estudar a fondo a súa concorrencia nos diarios de navegación de C. Colón: no TILG hai unha referencia ao tema, publicada no xornal A Nosa Terra, mais non tivemos aínda ocasión de ir á fonte: “O que se atopan [nos diarios de Colon] son galeguismos, como aquelo de decir que o sol americano tiña espeto- verba unicamente da nosa fala”  (A Nosa Terra, TILG).

 (Foto atirada de Internet)


Igualmente interesante é reflexionar sobre a rica familia léxico-fraseolóxico-paremiolóxica desa palabra (espeto, espetar, espetarse, espetoar, espetoada, espeteira, espeteiro, espetada (subs.), espetado ‘teso, vaidoso’, espetón ‘peixe’, espetona ‘lousa chantada na parede’/ ‘estaca para construír cercados’, espetuada ‘pinchazo’,  espetadeiro, espetadela, espetadura, espetapau, espetoferruxento, herba de espeto,  quedar coma un espeto ‘paralizado polo medo’, parecer/ser un espeto ‘estar moi delgado’, sementar ao espeto, berrar coma se lle metesen un espeto, cravar a lingua nun espeto –“Heiche cravar a lingua nun espeto”, valor de ameaza aos maldicentes-,  día de espeto, bailar ata no peteiro dun espeto –esta última en Almas Mortas, de A. Vilar Ponte-; e tamén documentamos o refrán Na casa do ferreiro espeto de pau). Canto á orixe da familia, raíz xermánica.

:::::::::::::::

NOTA:

No refrán Na casa do virote todos van ó dote,  a voz  virote conmuta por ‘necio’ (tras unha serie de pasos semánticos que necesariamente deben incluír a idea de ‘pau viradoiro’ –o virote ‘saeta’-, pau teso, “teso coma un virote”, e de teso a fachendoso, orgulloso, necio). Cfr. “Mais non falemos desto cada virote ca súa necia idea aló se escorne” (TILG, texto de 1861 de A. Fernández).

mércores, 30 de agosto de 2017

GALICIA INMORRENTE



COLMEIRO

(Manuel Colmeiro, un dos grandes renovadores da pintura galega; foto tomada de Internet)

 ("Lavandeiras". As fotos da obra do pintor dezao están tomadas de Internet)


Como vos prometera, un par de breves pinceladas sobre a vinculación do pintor Manuel Colmeiro á terra de Trasdeza. 

 (San Fiz de Margaride: Torre baixo medieval, coñecida como Torre da Costela. Nela dáse un dos moitos paradoxos que salfiren as páxinas do libro de Galicia. Aos paisanos das casas particulares esíxenlles, por seren precisamente veciños da Torre,  cumprir a lei para seren respectuosos co Patrimonio do país, pero aos propietarios desta xoia gótica permitíronlles mostras dun feísmo incualificable)



Aí atrás, un domingo de agosto, con sol, collimos o coche e fomos ata Margaride (é este un topónimo que sempre nos pareceu atractivo: en tempos incluso pensamos na posibilidade de termos aí unha raíz emparentada coa de Madrid, quizais atraídos pola presenza do fonema gutural, /g/, que tanto aparece nas variantes árabes do topónimo, e que tamén seducira a Menéndez Pidal [Mag-, en *Magetorito]; á parte do Margaride dezao, hai outro en Lugo, en Quintá do Lor.  Nicandro Ares Vázquez remite hipoteticamente ao xinecónimo Margarita, mentres que Piel opta polo antropónimo Margaritus, tamén menta N. Ares o portugués Margariti, en documentos do 1021, Margaridi, 1059, Margaride, 1258; en: Estudos de toponimia galega). O nome completo do Margaride pontevedrés é San Fiz de Margaride. O lugar non pode ser máis fermoso, fértil, ricaz en verdes. Visitamos primeiro a torre medieval e logo camiñamos ao chou, na procura de alguén que nos soubese indicar cal era a casa de Colmeiro.

 (Colmeiro sempre estivo unido a Galicia e ao galeguismo: aquí vemos unha pequena homenaxe que lle fai Isaac Díaz Pardo, ao integralo, xunto con outros grandes galegos, na árbore das lembranzas; R. Dieste escribiu textos para libros coa súa obra; a editorial 'Botella al mar' que fundara en América Seoane edita parte da súa obra pictórica etc.)

 Sempre hai que contar coa man amiga dalgunha persoa ben disposta. Neste caso quixo a boa fada que topásemos con Lucía Iglesias. Fixémolos, a ela e mais ao seu pai, José, erguerse da mesa en que parolaban facendo tempo para o xantar, na cómoda eira diante da casa. Lucía díxonos que Colmeiro pintara, entre outros veciños da aldea, a súa nai cando estaban na malla. Do millo?, preguntei eu facendo patente unha certa confusión (entre malla e sega). Do pan. Do centeo, atallou rápido o señor Iglesias. Pero non era a túa nai, engadiu. Entón era a avoa? Aí discreparon uns intres, inda que Lucía tiña claro que unha muller da familia foi pintada polo insigne artista. E onde estará ese cadro agora? Preguntei. Queimouno Colmeiro, dixo o pai. E a filla replicou: Que ía queimar! Conservouno, sabe Deus en que museo estará. Case que lle damos creto a Lucía. Ora ben: o pai era fiable cando nos asegurou que a casa chamada de Colmeiro era a casa onde o pintor viviu grande parte da súa vida, pero que non é a casa onde el se criou. Esoutra casa tamén nola indicaron e fómola ver. Criouse durante uns anos coa señora Jovita, creo que se chamaba. Buscando a posteriori datos biográficos de Colmeiro, comprobamos que o que José Iglesias contaba é verosímil: os pais do pintor estaban en Buenos Aires, se non erra a memoria do lido, e logo chamaron polo neno, que estaba aí, en Margaride.

 (San Fiz de Margaride: a chamada Casa de Colmeiro, propiedade do pintor, espazo amado onde pasou moito tempo a partir dos anos 50 do século pasado; agora está á venda)

(Casa onde -se damos creto aos nosos informantes- o pequeno Manuel se criaría coa señora Jovita. Serían tres anos da súa vida, calculamos nós lendo a súa biografía: con trece anos xa foi chamado polos pais e viaxa a Buenos Aires. Colmeiro non naceu en Margaride, senón en Chapa, o histórico lugar de Trasdeza. Esta casa agora é de turismo rural)


Xa nos despediamos dos nosos amables informantes, cando Lucía nos dixo que podiamos ir ver o seu sartego, na igrexa da parroquia e que era doado de identificar pola frase que o adorna: Pinté y amé a mi pueblo. Non está mal como epitafio! Pintei e amei o meu pobo... Nada mal. Pouco máis se pode dicir. Si, se me permitides un comentario persoal: unha das miñas mellores amigas, Leonides, pintora non profesional,  tamén ama a Colmeiro. Desde sempre (des que os nosos fillos trabaran amizade no Colexio ‘Eusebio da Guarda’) téñolle oído palabras de admiración por el.

 (Igrexa parroquial de San Fiz de Margaride, diócese de Lugo; administrativamente, Margaride pertence ao Concello de Silleda, Pontevedra)