mércores, 9 de agosto de 2017

GALICIA INMORRENTE

CAMPANARIOS DE GALICIA



TRABALLO DE CAMPANARIOS (I)



(Sarandóns, Cabanas, Cullergondo e Vións: catro parroquias do Concello de Abegondo, A Coruña)



Carmen Arbáizar, alumna de 2º Bach. F no Curso 2016-17.








Sarandóns

(Entrada ao campanario pola fiestra superior dereita)

Na parroquia de Sarandóns, preto de Carral, contan con dous camapanarios. O máis grande destínase actualmente a dar noticia dos falecementos. Segundo sexa un home ou unha muller, os repeniques das campás escóitanse de xeito diferente. No caso das mulleres soan dúas badaladas da campá máis grande e a última da máis pequena. No caso das mulleres é ao revés, dúas badaladas da campá pequena e unha da grande.
Hai xa anos, as mesmas campás utilizábanse para avisar á aldea, carente de reloxos, de que era mediodía e incluso en caso de lume.
A aldea de Sarandóns ten unha particularidade, xa que para avisar a misa emprega unha campá pequeniña á que chama “esquilón” e que ten esta función exclusiva. As campás repícanse dúas veces xusto antes de que comece a misa e tres unha vez que chega o cura.



Actualmente a igrexa non conta con sacristán ningún e a aldea ten un mozo contratado para tocar as campás. Cobra 60-70 euros ao mes dependendo da actividade que haxa.
Nesta aldea falei co cura.


 (Imaxe en exclusiva da sancristía)

Cabanas
Na parroquia de Cabanas, xa hai anos, as campás non só avisaban do mediodía para os que non tiñan reloxo, senón que tamén repicaban ás oito, no inverno, e ás dez, no verán. Para avisar a misa, tocábanse as campás en tres fases: na primeira, dábanse dous toques dez minutos antes da misa; na segunda, dábanse tres con motivo da chegada do cura; e na última, unha, para infomar do comezo da misa.
Actualmente as campás só se empregan para avisar dos finamentos, seguindo o mesmo protocolo cás de Sarandóns segundo sexa o defunto home ou muller.
Falei con Lino do Campo.






Cullergondo
Cullergondo conta con dous campanarios: o público, propio da vila, e un privado, anexionado a un pazo recentemente restaurado e cuxos donos son naturais de Castela-León.

 (Campanario público)

O campanario público conta co mesmo protocolo para dar conta das defuncións que Sarandóns, pero ten unha característica inédita: o día de Noitevella, en fin de ano, as campás fanse repicar tres veces de xeito que o primero repique sexa o derradeiro do ano, o segundo no minuto cero e o terceiro o que dea a benvida ao ano novo.




En referencia ao campanario privado, situado na “Capela do Pazo”, cabe destacar que permanece aberto ao público todo o ano, pero á pequena campá só se lle dá uso o 7 de agosto, día no que se venera o seu santo, San Caetano, e se celebra unha misa no seu nome. Para informar dela empréganse os repeniques do campanario privado.
Vións
Na parroquia de Vións, xa hai tempo, utilizábanse as campás para avisar que había misa. Como era unha parroquia grande, avisábase da misa durante cinco minutos nos que tocaba un experto. Despois, tiñan lugar dúas badaladas para informar da chegada do cura, a xente do lugar refírese a estas dúas badaladas como “xeira do cura”. Por último, repicábanse tres veces cando a misa estaba a punto de comezar.
A orixe das primeiras campás da vila son do sécula XIX e foron unha doazón do xastre da vila. Non obstante, na década dos 40 foron cambiadas e hai vinte anos substituídas de novo polo uso. Hai xa anos, as badaladas que informaban de que pronto ía anoitecer eran chamadas as “Campanas da oración”. Nestes tempos, o respecto cara ás campás era tal que se conta que unha muller lle ofreceu a súa casa preto da igrexa ao cura para que durmise os días que tiña que repicar as campás.
Unha das lendas, neste caso de terror, que circulan sobre o campanario é a seguinte: na década dos 30 o dono do campanario non era o propio cura nin a propia sede eclesiástica, senón unha familia bastante adiñeirada da vila que ía en persoa  repicar as campás. Unha das condicións que debían cumprir a rego para permanecer cos terreos da igrexa era repicar as campás todas as noites, e no caso de evadir o deber durante máis de tres días seguidos, perderían o terreo. Pois ben, unha noite un dos homes da casa foi repicar as campás e no momento de meter a man nos badalos (que se atopaban nun burato que conectaba coa igrexa para evitar trasnadas dos cativos) unha man agarrouno e non o soltaba. Á mañá seguinte, o home refusou que el ou calquera da súa familia volvese repicar as campás e os terreos pasaron inmediantamente ás mans da parroquia. A día de hoxe ninguén sabe o que ocorreu realmente, aínda que algúns especulan que puidese ser o cura para facerse cos terreos.

[NOTAS:
Encetamos hoxe unha serie de traballiños sobre as campás: é un tema que sempre exerceu sobre nós unha especie de fascinación. Non somos os únicos en experimentar tal engado, hai blogs galegos especializados no tema: precisamente nun deles, CAMPANÓNIMOS,  deixamos hai tempo un comentario que agora retomo:
O tema das campás é precioso. Nun libro de Toso sobre lendas de Venecia veñen os nomes das campás da catedral de san Marcos: a Marangona (avisaba de xuntanzas do 'Maggior Consiglio', a Trottiera ou Troteira, así chamada porque cando soaba os cabalos do pazo ducal parece que querían lanzarse ao trote, a Nona, a Mezza Terza e a Renghiera ou Maleficio, un nome que se xustifica porque avisaba de execucións capitais. Xa digo, un tema estupendo”.
En tempos, visitamos (creo relembrar que foramos as tres _Carme, Uxía e unha servidora) o museo das campás de Urueña, Valladolid. Esperemos que este son vos seduza minimamente e desde logo, se coñecedes nomes das campás da vosa parroquia, non esquezades comunicárnolos. Moitas grazas.
Pecho este capituliño relembrando a miña avoa coruñesa, Pura Vieiro Allú, nacida no barrio de santa Lucía en 1908: eu nacín na súa casa cando vivían xa os avós na rúa Joaquín Galiacho, en Monelos. Moitas lembranzas teño daquela clara cociña que daba á Cubela, desde onde se vía o vello reformatorio, as leiras por riba do Corgo e desde onde se oían perfectamente as badaladas da igrexa na que bautizaran o meu pai e mais fun eu bautizada. A avoa Pura sabía inda distinguir perfectamente se morrera un home ou unha muller polo saudadoso repique das campás de santa María de Oza. Ese é un saber que se perde a un ritmo galopante… Notas de Charo Soto].


mércores, 2 de agosto de 2017

VISITANDO



VISITANDO MADRID

 (Balconada da Residencia de Estudantes. Foto de Charo Soto)


Pasamos a derradeira fin de semana de xullo en Madrid, onde temos un fillo traballando. O tempo foi bo compañeiro, non fixo unha calor desas insufribles. Paseábase ben. Na mañá do sábado quixemos visitar a Residencia de Estudantes, a residencia que nace ao abeiro ideolóxico da Institución Libre de Enseñanza –fundada en 1876- e onde estiveran vivindo aqueles grandes poetas, cineastas, artistas da pintura, artistas no sentido completo, pleno da palabra.  A Residencia, que celebrou o seu centenario no 2010, está situada na que se chamou (non sei se se segue chamando)  Colina de los chopos (miña nai diría dos choplos: en calquera caso é un microtopónimo delicioso, trae consigo un airiño tradicional, moi do gusto do neopopulismo de Lorca e Alberti, De los álamos vengo, maadre...). Con tan boa sorte que había unha exposición sobre a presenza de Federico García Lorca nesa institución. Non se podían facer fotos, pero puiden tomar algún apuntamento. Moi mínimo e moi fragmentario. Pero évos o que hai. 



Había por exemplo, moitos autógrafos do poeta granadino. Un era un poemiña oriental canto á forma (un hai-kai) dedicado á súa nai, asinado en 1921.

Sea para ti / mi corazón / la luna sobre el agua / y el cerezo / en flor

Leo que Buñuel funda unha orde da que el se autoproclama Comendador, a Orde de Toledo,  no ano 23, e di nunha carta que entre os membros está Ernestina González, di dela que é muy exaltada e que fora discípula de Unamuno en Salamanca.

Salta á vista que o grupo no que se movía Federico era unha cuadrilla divertida, polifacética, á busca e procura de actividades culturais de todo tipo, moi unidos, unha desas efemérides do destino, xuntarse así nunha amizade certa e fonda tanta boa xente (a min este pensamento faime relembrar as palabras da miña amiga María José a propósito do grupo coruñés de amigos onde están tanto o seu fillo como o meu: Dáste de conta do privilexiados que son mantendo unha relación de amizade que naceu xa no Instituto?). Eran tamén iconoclastas, irrespectuosos, rexoubeiros: mirade este escrito: Suntuosa Leonarda... Concha y loto a la vez viene tu culo / católico, apostólico y romano.

 (Fotos, todas agás a primeira, tomadas de Internet)


Cielo de Claudio Lorena... Visiten a la Macarena  (carta de Lorca a José Bello, no epígrafe figura Tardecilla del Jueves Santo subliñado, ano 1924).

En xullo do 25 aparece datado un bosquexo dunha pequena obra teatral titulada El paseo de Buster Keaton. Está claro que amaban o cine...

 (O título da exposición, "Una habitación propia", está tomado do título do famoso ensaio - A Room of Ones' Own- de Virxinia Woolf, cando fora convidada a dar unhas conferencias sobre a muller na literatura inglesa nun colexio feminino pioneiro na Universidade de Cambridge, no ano 1928)


Dalí escríbelle á nai no 25, acompañan as letras un debuxo, unha escena de rejoneo –cabalo con xinete e touro - con bandeira española á marxe. Despídese dicindo: Con toda la ternura de su hijito Dalí (vedes que hai nais afortunadas). En carta tamén de Dalí a Federico nese mesmo mes de Santiago do 25 aparecen frases algo enigmáticas, mais dun indiscutible engado: en la pared blanqueada ha florecido este año la Divina Pastora de Cadaqués [será unha planta, unha flor?]. Máis adiante dille: me preocupa mucho la construcción y arquitectura del paisaje.



Vemos un recibo de 305 pesetas pola venda de 30 libros de Libro de Poemas de Lorca, datado en outubro do 31. Hai palabras eloxiosas de Lorca para o editor, León Sánchez Cuesta, a quen denomina el gran librero español.

Vemos unha foto de La Argentinita, Encarna López Júlvez, dedicada a Federico.

Somos conscientes do seu clasicismo, tamén, como unha importante faceta máis da súa riquísima personalidade. Representaban con luxo de escenografía a Calderón, representaron entremeses de Cervantes...

Pechamos esta breve nota de agosto con algunhas das mulleres que participaron no proxecto de La Barraca: entre parénteses algúns dos comentarios lorquianos sobre elas:

Carmen Teller

Carmen Merino

María Fernández de Santos (apta para papel cómico de pizpireta)

Mª Teresa de Azcárate

Margarita de Miguel (voz infantil ingenua)

Pilar Nadal (voz deliciosa de niña).

Xa seguiremos outro día con máis mulleres da Residencia de Señoritas.


mércores, 26 de xullo de 2017

GALICIA INMORRENTE



SANTIAGO, PADRÓN SABIDO



Supoño que a moitos de vós algo vos soará o verso ¡Ay, Santiago, padrón sabido! do trobador Pai Gómez Chariño. Pertence a unha cantiga de amigo e, deixando a un lado cuestións interesantes pero arredadas do núcleo do tema que nos ocupa (por exemplo, pregúntanse os estudosos se había por parte do autor intereses só estetico-literarios ou relixiosos-de devoción ou intereses de tipo político-enxalzar unha vella matriz poderosa-a terra de Santiago fronte ao relativo abandono ou desprazamento do centro político dos reis de finais do XIII cara ao sur; como se preguntan tamén se estas cantigas implican presenza física do poeta naquel lugar onde está o santuario que cantan ou máis ben son xeradas na corte etc.), parece estar claro que esta cantiga como outras que tamén falan de Santiago (A Santiagu'en romaría ven/ el-Rei..., de Airas Nunes) son unha proba máis dunha evidencia incontestable: Santiago como centro importante de poder socio-político está afianzado no século XIII. Pero desde cando? Como non somos historiadores responderemos cos datos que coñecemos sen intentar dar respostas matematicamente exactas: desde o século IX (primeiras décadas dese século). Desde que aquel ermitán de san Fiz de Solovio ve aló embaixo, na fraga do Libredón, as luminarias e vén o bispo de Iria e logo o rei Alfonso II o Casto, e empeza a ser dotado o espazo que circunda o sepulcro mítico e empeza a engrandecerse a cidade do apóstolo. Todo un mito? Probablemente si (referímonos aquí basicamente á falta de documentación histórica fidedigna: desde logo non a hai con anterioridade a san Isidoro e este erudito tampouco dá probas nin da evanxelización nin da translatio santiaguesas). Pero que importa se o mito produce realidades tan fermosas, ricas, poderosas. Ao cabo, un pobo sen capacidade de mitificar é un pobo morto. Pensade, ademais, que xente estudou o tema: que grandes pensadores dedicaron horas de estudo á materia xacobea: así, de primeira intención e sen pensalo moito, veñen á miña pluma López Ferreiro, Guerra Campos, Américo Castro, Carro García, Díaz e Díaz, López Ansina, Sánchez Albornoz... Por citar só algunhas mentes prodixiosas. 

 (Maqueta de Santiago de Compostela no século XIII; foto tomada de Internet)


En que momento histórico é nomeado Patrón das Españas? Con precisión ignorámolo, pero hai que ter en conta dous datos clave. Un refírese á redacción entre os anos 783-786 da man do monxe-beato de santo Toribio de Liébana, dun himno en honra de Santiago o Maior: aí xa se cualifica ao apóstolo de cabeza e de patrón de España (himno editado criticamente por M. Díaz y Díaz; tomamos o dato do artigo de C. Sánchez Albornoz: “En los albores del culto jacobeo”). O outro lévanos á tamén mítica batalla de Clavijo  (acaecida na metade do IX), cando se lle aparece ao rei Ramiro montado de a cabalo branco e eríxese nunha especie de comandante-sacerdote ou bardo guerreiro que insufla ánimos aos combatentes e lévaos á victoria. Cando eu era rapaza devoraba, máis que lía, aqueles tebeos ou cómics titulados El Capitán Trueno, e recordo perfectamente o seu berro épico, de guerra: ¡Santiago y cierra España! Pola mesma época é tamén de supoñer que empezaría a funcionar o chamado voto, segundo o cal habería que entregar unha parte (creo ter lido que era un terzo) do botín de guerra (das sucesivas guerras de recristianización ou de reconquista, de Coímbra, por exemplo, e de tantos outros lugares baixando ao sur) á Santiago, á mitra compostelá, enténdase.  Que a casa real española inda hoxe veña ou mande un representante á igrexa compostelá en tal día coma o de onte, 25 do mes de Santiago, é un acto respectuoso e conmemorativo daquel voto, do vello padroado.

 (Gravado antigo das peregrinacións a Santiago; tomado de Internet) 


Esa faceta económico-política produce reaccións, evidentemente. Digamos que a Santiago ao longo dos séculos sáenlle competidores. Citaremos tres: A Virxe das cantigas marianas afonsís (hai unha cantiga, non recordo que número das narrativas, onde un cego acode a Santiago en romaría pero non recobra a vista e daquela diríxese ao santuario mariano de tal, e aí si a recobra, e conste que destes milagres de María versus Santiago Afonso X escribe máis de un: no fondo hai intereses políticos creados, folga dicilo). Un segundo competidor nácelle pola banda do Ebro, San Millán, un santo que viviu aló polo século VI (morre no 574), e que chegou a profetizar a destrución de Cantabria (léase a España central: son os tempos en que Leovixildo guerreará polos catro ventos ou costados peninsulares e acabará impoñendo a unidade baixo a súa lei arriana), e cuxa canonización empeza a ser efectiva tras o levantamento das súas reliquias, feito solemnemente polo rei navarro Sancho o Maior no ano 1030. En paralelo a Clavijo, os españois desoutra banda oriental falan da aparición miragreira de san Millán na batalla de Simancas, ocorrida sobre a metade do X. Incluso hai versións lexendarias que din que Santiago chegou tarde á batalla, cando xa fora Millán quen conducira á victoria aos cristiáns. En xusto pago, san Millán foi proposto para patrón de España. 



Con todo, non cabe dúbida do dominio sobranceiro de Santiago de Galicia como símbolo do poder cristián durante o século X. A sé compostelá, e non outra do norte, foi escollida polo califato andalusí como núcleo neurálxico, simbólico e representativo do cristianismo hispano a finais do X, cando Almanzor, nunha acción guerreira complexa (ataca por tres flancos, incluído o mar) esmaga e asola o señorío de Santiago, entra de a cabalo na catedral e desfai con todo, respectando só o mesmísimo sepulcro e mais o monxe-santo home que o custodiaba, probablemente Pedro de Mezonzo (vid. Nota).

 (Os argumentos a favor de san Millán na polémica sobre o padroado das Españas foron recompilados en 1643 polo frade Martín Martínez, monxe de San Millán e cronista da Orde de San Bieito)


 A terceira contrincante ou rival aparente de Santiago no padroado das terras de España é santa Teresa de Ávila, primeira doutora nomeada pola igrexa católica, apostólica e romana. Non está mal: tres patróns. Santa Teresa tivo os seus partidarios, pero tamén houbo insignes plumas que defenderon a tradición, léase Santiago de Galicia. Defenderon os dereitos santiaguistas, se non erra a miña memoria, Francisco de Quevedo e Diego A. Cernadas de Castro, o chamado Cura de Fruime, entre outros.

Conste en acta que a min non me molesta gran cousa que se comparta: máis ben todas estas reviravoltas me parecen curiosas, noutrora fontes de polémica e xa se sabe que das discrepancias nace frecuentemente novo coñecemento. Todas as nacións cristiáns soen ter un patrón ou patroa: Xoana de Arco na doce Francia, a Inmaculada Concepción na veciña Portugal, san Bieito en Europa... Ao cabo, todo é cultura.

E sabemos algo da persoa real, de carne e óso, do fillo do Zebedeo? Apuxéronlle un alcume, o fillo do trono, que nos está dicindo que tiña temperamento, moito xenio. Tamén hai quen interpreta a petición da nai a Xesús para que o sitúe en bo lugar, nun posto privilexiado ao seu lado, como indicador de que Santiago era un home ambicioso: a min non me parece un argumento sólido. Unha cousa é o que pensa a nai, a mentalidade pragmática dela, e outra o que pensa o fillo. Non teñen por que comungar nesa idea. Xenio e temperamente si necesitaría para facer cambiar de mentalidade aos habitantes da vella Galaecia.  Cando don Ramón Otero Pedrayo fala, naquela páxina inmorrente –en Os señores da terra- da conversión en Oseira, do paso case natural e tranquilo, do druidismo milenario, ao cristianismo luminoso, don Ramón, ou iso pensamos nós, está mitificando. Un mito máis. A realidade debeu ser moi contumaz, teimuda. De feito, a aparición sempre mítica de María no mar de Muxía na barca de pedra xustifícase coma unha necesaria axuda a Santiago no seu labor conversor. Outra proba indirecta disto témolo naqueloutra tradición (recollida por Villamil e Castro) que fala da ardente, continua e infrutuosa prédica de Santiago durante meses na logo asolagada cidade de Valverde.

Non quería eu rematar esta páxina sen relembrar un dos máis belidos miragres que a tradición sitúa en Santiago de Compostela na véspera do día do Patrón. A raíña Berenguela aparécese entre a xente do pobo e poñendo a man sobre unha muller calquera, ou unha predeterminada e por ela escollida, tócaa e dálle da súa proverbial beleza. Tamén a torre, por ser de espléndida fermosura arquitectónica, leva o nome oriental hispano, do reino de Aragón e Cataluña: Berenguela de Galicia. Que bonito nome, e que marabillosa lenda. Eu oínlla contar por primeira vez a Xesús Ferro. A quen lle damos as grazas. E ti a quen lla oíches contar, Xesús?, preguntámoslle un día. De toda a vida, en Compostela.

Grandes profetas de Galicia, recordaredes tamén algúns dos que fostes meus alumnos, a Cabanillas: cando profetiza a grandeza futura de Caledonia (na obra publicada nos anos 20 do século XX) realmente profetizaba a grandeza renacida de Santiago de Compostela. E de Galicia tamén. Así sexa.

::::::::::::::::::::::::::::::::::

Notas:

“Almanzor partiu de Córdoba á fronte das súas tropas de cabalaría o 3 de xullo de 997. Seguiu un itinerario a través de Coria e a “cidade de Galisiya” (madinat Galïsiya) [tradicionalmente identificada con Viseo]. Neste último lugar uníronselle varios condes cristiáns, vasalos de Córdoba, coas súas respectivas tropas. Unha considerable flota transportou varios corpos de infantería, armamento militar e provisións desde Alcácer do Sal ata Porto, remontando o curso do Douro ata o lugar designado por Almanzor para o paso das súas tropas e servindo así de ponte a tal efecto. O exército cordobés, unha vez reunido e ben gornecido, continuou a súa progresión cara o Norte, cruzando o Miño por Tui. Segundo avanzaba por extensas chairas e terras cultivadas, foi destruíndo ao seu paso varios castelos e mosteiros. Proseguiu logo cara á península do Morrazo e, franqueando o río Ulla, saqueou a localidade de Iria, onde había un santuario consagrado ao apóstolo, que seguía en importancia ao que albergaba o seu sepulcro. Por último, o 10 de agosto, as tropas andalusís chegaron a Santiago de Compostela. A cidade, evacuada polos seus habitantes, foi saqueada e devastada. O templo ficou arrasado, agás o sepulcro do apóstolo, que foi respectado por orde expresa de Almanzor; tampouco foi molestado o monxe que o custodiaba e que dixo ser un familiar do apóstolo”. Fragmento do libro Galicia y los gallegos en las fuentes árabes medievales, de Ana Mª Carballeira Debasa, p. 166, tradución ao galego nosa. En nota ao pé da páxina a autora elucubra sobre o porqué da non destrución do sepulcro, e di que ese respecto se pode atribuír ao vínculo de parentesco que os musulmáns establecen entre Santiago o Maior e “o gran Profeta Xesús”, considerados irmáns por algunhas fontes non cristiás.

Nota sobre a cantiga afonsí:
A cantiga á que nos referimos arriba é a nº 278, ed. de Walter Mettmann: "Como unha boa dona de Francia, que era cega, veu a Vila-Sirga e fixo aí vixilia e foi logo curada e recobrou o seu lume [a vista]. E indo de volta para a súa terra, achou un cego que ía en romaría a Santiago, e ela aconselloulle que pasase por Vila-Sirga e curaría" (versión ao galego actual nosa). Nesta cantiga narrativa dísenos que a dona francesa primeiro fora a Santiago mais alí non curou...