sábado, 4 de marzo de 2017

Fran Pérez 'NARF': Asubío



“Fran ergueu o Totem da música día a día,
con mimo e cariño, con furia e paixón,
co canto delicado e o berro atroz,
aquí están as pantasmas dos devanceiros,
o choro dun neno, o bico do amante e os ollos do futuro,
aquí está o que máis amamos e o que máis nos doe.”
—Xelís de Toro

“Narf foi un cancionista,
un cronista dun tempo e dunha identidade,
un guerreiro da música
que deixou os seus últimos folgos
e a súa poderosa enerxía,
o seu sangue de afrogalego,
enriba do escenario...”
—Uxía: Narf, alma xemelga e viaxeira
(Citas tomadas da Wikipedia)

O cantante, compositor e actor galego Narf deixounos hai ben pouco, mais a súa música con aires afroamericanos quedará na memoria.

mércores, 1 de marzo de 2017

GALICIA INMORRENTE



Notas verbo do entroido.

 (Entroido na rúa da Torre, febreiro 2017; foto feita por Purificación Soto)

Fomos o domingo ás terras bañadas polo Ulla para ver en santa Eulalia de Vedra un episodio dos chamados Altos dos Xenerais e alí oímos a voz Atranques. Nunca tal oiramos (si o verbo atrancar e tamén o subs. atranco: de nenas cantabamos na Coruña:  A atrancar la calle, que no pase nadie, que pasen mis abuelos comiendo buñuelos... e iamos todas da man ocupando o espazo da beirarrúa, e así longo treito). Posiblemente chámanlle os atranques porque se trata dos encontros entre un par (ou máis) de persoas montadas da cabalo, vestidas de militar decimonónico con sombreiro fantasioso, o cabalo engalanado ad hoc; na man a espada: rétanse con movementos da espada que simulan ser  de acometida e intercambian pullas, versallan (tomándolle prestado o verbo a Daniel González Alén, a quen lemos este domingo 26 nunha encomiable reportaxe sobre costumes carnavalescas perdidos polas terras de Cristimil e Gresande –no Faro de Vigo) coma nos desafíos (oímos pullas persoais entre un home xeneral e unha muller xenerala, ambos os dous da cabalo; e mais tamén houbo despois enfrontamentos verbais entre home e home con alusións irónico-humorísticas á vida político-social da parroquia). A forma atranques neste contexto dá idea de que se interceptan: atráncanse mutuamente o paso no medio e medio do camiño ou da rúa ou polo menos así sería en tempos: agora hai un espazo destinado á actuación, con bancadas arredor, no campo da festa que vén coincidindo co vello adro da igrexa dedicada á santa emeritense, Eulalia.

 (Foto dos "atranques" de santa Eulalia de Vedra, feb. 2017; foto feita por Charo Soto)


As palabras son un detonante fundamental. Para min é o antroido. Na Coruña da miña infancia iamos de choqueiros (voz verosimilmente derivada das chocas ou chocallos que inda adornan os traxes dos cigarróns, boteiros, felos e peliqueiros da provincia de Ourense) as máis das veces, con calquera cousa. Recordo como acompañaba, con cinco anos,  á miña avoa, disfrazada e con máscara, entrabamos na Sociedade dos Castros (daquela cada barriada tiña a súa sociedade recreativa, especie de club, onde se xogaba ás cartas, ao dominó, ao billar... había a dos Castros, a da Gaiteira, o Liceo de Monelos –do que falarei por miúdo algún día- etc.). O chiste estaba en non ser recoñecido (como querían aqueles dous choqueiros na Cousa de Castelao Xa van alá moitos anos). Un amigo da familia dille á miña avoa: -E ti quen es, mascarita? E eu salto rápida e contesto: -Non é unha mascarita, é a miña avoa Pura. Esta mesma avoa é a que se disfrazaba de chorosa viúva con sedas negras (recicladas de vodas e demais) e encabezaba con outras viúvas o mércores de cinza a comitiva fúnebre do pomposo enterro da sardiña na Ponte da Pasaxe (noutrora ía o ataúde da sardiña dar no río de Monelos, pero eu só recordo xa na ponte da Pasaxe; nos últimos tempos a sardiña chímpana ao mar en san Amaro, aquí na Coruña).  

 ("Alto dos xenerais" en santa Eulalia de Vedra)

Sobre o enterro da sardiña unha servidora era proclive a pensar que debeu ser unha tradición mariñeira nun principio, pero cada vez dubido máis neste punto. Vicente Risco considera foránea a tradición. A primeira descrición rica e completa que logramos documentar aparece a mediados do XIX nunha das Escenas matritenses do costumista Mesonero Romanos (a sardiña ía na boca do entroido-moneco gordo, e tras percorrer varias rúas con coros variados –cada coro ou comparsa, un oficio- acaban enterrándoa preto da ponte de Toledo, xunta o terceiro muíño). Para Galicia a primeira referencia que atopamos dátase na Coruña en 1851: “Desde que en el año 1851 se habían iniciado por la Sociedad celebrar el entierro de la sardina, se continuó esta costumbre, aumentando y variando el festival, que terminaba por un sermón o alocución burlesca (así decían los programas), en el Teatro de Variedades [situado daquela na rúa da Franja], cuando no en la Sociedad, precursores aquellos sermones de los actuales apropósitos, tan prodigados en la actualidad [1857](en: Felix Estrada Catoyra: Contribución a la historia de La Coruña. La Reunión recreativa e instructiva de Artesanos e sus ochenta y tres años de vida y actuación).


 (A "Academia ibérica da máscara" ten un blog magnífico, moi aconsellable para aumentar os vosos coñecementos sobre o tema)


En Juan de Fermoselle (antropónimo e topónimo saiagués), máis coñecido por Juan del Encina, lemos unha batalla entre a sardiña e o touciño (na liña do de Hita entre don Carnal e dona Coresma): Fue la sardina delante,/rutilante,/ y al tocino arremetió, /y un batricajo le dio/tan cascante/ que no sé quien no se espante./ Domóle tan perpujante/sus porfías/que en estos cuarenta días/yo dudo qu’él se levante. (dentro da égloga titulada precisamente: “Égloga representada la mesma noche de Antruejo”, datada en 1494). O texto de Encina dá que pensar en tradicións choqueiras ou carnavalescas xa moi antigas, medievais talvez, na península, e con posible foco de irradiación peninsular no NO. Claro que este autor do noroeste ibérico estivo en Roma... A influencia de Roma, da romanización como fenómeno cultural é evidente en costumes carnavalescas das nosas vilas e cidades: o Momo, o Meco, a propia representación do Entroido case coma un deus de fartura e hedonismo fainos recordar moito as bacanais e outras festas de clásico avoengo greco-latino. Recordaba este día un noso amigo coruñés que en moitas casas do barrio da Torre, onde se el criou (paradigma de carnaval na cidade herculina), había representacións do entroido que para el poderían remitir a vellos cultos priápicos (eu recordo de rapaz, nos anos 50 e antes, que na miña familia se facía un boneco que se vestía coma un choqueiro, era o entroido, e poñíaselle un grande pau a modo de falo... a un meu curmán gastáranlle unha broma, “ven que imos visitar un enfermo na casa da señora Solla”, e estando o rapaz diante levantan a saba e, uf!,  o meu curman puxérase todo vermello... Eran bromas que se facían... Tamén recordo que era o señor Pibela –que tiña un carro tirado por cabalos para repartir as barras de xeo- o que levaba daquela o moneco do entroido polas rúas...). O noso amigo non relembra nada, en troques, do mércores de cinza (había clase, non o esquezamos). Pero é posible que aquel moneco de entroido se queimase. Para el non cabe dúbida de que nese albergar e fabricar dentro de cada casa un seu moneco-entroido ten un vello paralelismo con aqueles deuses-lares que cada familia gardaba tamén na casa... As bromas, as brincadeiras ou carnavaladas, fannos ter en conta que moitas das tradicións que hoxe se circunscriben ou se asimilan só aos tres días anteriores ao mércores de cinza, formaron noutrora parte dun ciclo moito máis amplo, que comeza xa a finais de decembro coas inocentadas. Así o vemos, por exemplo, en terras bracarenses, terras braganzás. Aí, por outra banda, o que se enterraba nalgunhas aldeas era o bacallau: “Punham o bacalhau numas tábuas e no dia de Entrudo vinha então aquela procissão como o bacalhau e no fim, punham-no de pé, numa algazarra, para lhe recitarem versos. De seguida, enterravam-no” (fala Clotilde Graça, de Vinhais, Bragança, nada en 1921,  e recorda o que se facía cando era unha nena, en: Artes e tradições de Bragança, Lisboa, 1984; o capítulo do carnaval na Bragança de 1978 está elaborado por un equipo de docentes baixo a coordinación de Antero Fernando de Sousa). Todo o recitado que acompañaba o enterro acha a súa correspondencia na Galicia actual no chamado testamento do entroido, ben estudado polos nosos etnógrafos.

 (Foto tomada do xornal "El País" ed. dixital, Marcos Álvarez é artesán das máscaras ourensás, a foto é de Óscar Corral e o artigo, moi ben escrito, é de C. Huete)


Nada desprezable, para nós, é o tema da orixe do entroido en Galicia. Prehistórica en parte (esas máscaras ourensás que se deixan asociar á arte africana ou aos tocados guerreiros papúas...), medieval (tal como din varios estudosos, vinculada talvez á orixe do teatro litúrxico...), decimonónica (tal como se postula para os xenerais da Ulla, ao falarse das lembranzas da francesada e das carlistadas)? Difícil afirmar nada a ciencia certa.

 Lía esta mañá a Filgueira Valverde, nun artigo único sobre o tema (“Do entroido”, publicado por primeira vez  en El Ideal Gallego o 28-II-1981) e comentaba que a el sempre lle chamou a atención que nin “antroido”, nin “carnaval”, nin “carnestolendas”... soan na poesía medieval de Galicia, onde se fala de moitas festas, tendo tanto lugar nos escritos casteláns como no do Arcipreste de Hita. Abro o Xelmírez e vexo que, porén, hai referencias bastante cedas nos textos notariais ou históricos. E todas as citacións do XIII, as máis temperáns, tocan ao territorio materno, á Ourense. Logo volas presento. Antes quero relatarvos as lembranzas da miña nai, nada e criada en Valencia do Sil, Valdeorras: “A avoa Clarisa dicía que non saísemos da casa, os rapaces eran moi brutos, manchábannos todas co betume, a fariña, barro, calquera cousa que ensuciase, poñíannos perdidas”. De onde deducimos algún trazo distintivo básico: división de sexos, brutalidade, mascarada-cambio de pel/de cor.

Este trazo de “atacaren” (un ataque simbólico, que documentamos en distintos lugares da Galicia actual [Domingo fareleiro, también Domingo borrallento porque los muchachos llevan “farelos” o “borralla”, en bolsas y se los echan a las chicas por la ropa y hasta en la boca, Fraguas: La Galicia insólita. Tradiciones gallegas] en canto que ensucia só: menos simbólico en terras bracarenses: cando Clotilde Graça era rapaciña tiñan que esconderse o mellor que podían dos homes-diabos que zorregaban brutalmente nelas e incluso entraban nas casas perseguíndoas, e podían mesmo romper portas e xanelas –que pagarían en días sucesivos- na quarta feira ou mércores de Cinza) os homes ás mulleres fainos reflexionar de novo sobre os valores primitivos destas carnavaladas ou entroidadas.

Toda esta linguaxe (mestura de ritualidade, simbolismo, sacralidade e memoria) é moi complexa e, malia a nosa sensibilización pola violencia de xénero actual,  non ousariamos posicionarnos. Hai quen relacion os golpes que reciben as rapazas con ritos pagáns fecundatorios (así se interpretaban as chicotadas das festas lupercais en Roma, que se celebraban agora, ben mediado febreiro).

Subxectivamente falando, así pois, o entroido asóciase doadamente a tempos pretéritos en grao sumo: primitivismo: paradigma de medo, escuridade, noite dos tempos, comuñón de animais con seres humanos: vellas danzas de guerra, ou vellos ritos propiciatorios de caza. Isto polo menos nas nosas sociedades ibéricas do norte peninsular. Porque logo hai outra cara da lúa: o carnaval (a palabra parece un claro italianismo, Filgueira dá como bo o étimo carne levare, porque anuncia este momento a prohibición de comer carne por parte da igrexa romana, católica; el mesmo relembra tamén as etimoloxías que se barallaban nas clases de latín do Instituto, máis fantasiosas, como a exclamación “Carne, vale!” ou aqueloutra de “Carrus navalis”, polas carrozas nas festas romanas en forma de nave) urbano, cuxo prototipo podería ser o carnaval de Venecia coa fina e artística recuperación dos arquetipos en parte tomados da Commedia dell’Arte (Pulcinella, Arlecchino, Bauta, Dottore della Peste, Gnaga, Pantalone).

 (Outra foto da mesma edición de "El País")


 Non creo que marremos moito se contrapoñemos o entroido ancestral (desenvólvese por antonomasia en espazos abertos: o da montaña auriense sería modelo: Laza, o Bolo...) ao carnaval vilego e urbano (susceptible de aburguesarse, de desenvolverse en espazos pechados -como  sociedades e casinos-, en simbolizar o poder dunha determinada clase social). O primeiro, popular e tradicional, enxebre, é o que nutre varias das nosas obras literarias (unha das Cousas de Castelao, o lance segundo de Os vellos non deben namorarse, varias das mellores obras dos nosos dramaturgos, como Vidal Bolaño etc.), o segundo vese reflectido en tantas escenas burguesas de bailes de carnaval, do cine, da ópera e da literatura (sen ir máis lonxe, da coruñesa Emilia Pardo Bazán; nun baile de máscaras en Santiago –pero non é no carnaval, senón no día das Candeas- prodúcese o encontro desgrazado entre o pai e a nai de Maxina).

 (O entroido chega ao Instituto: Martina, do Club de Lectura dos venres, homenaxea a David Bowie)

(O entroido no Instituto: Isabel Ruso e Pedro Rodríguez. No equipo directivo o tema é "Os ríos de Galicia")

 (Carmen Aquino, seguimos cos ríos de Galicia)

Á derradeira, velaquí as concorrencias do entroido e variantes, nos textos galegos medievais (atirados do Corpus Xelmírez, de libre acceso na rede):

Ano de 1268: [festa] pro Introido (documento de San Pedro de Ramirás, Ourense; aquí o foro esixido é dun ou dous almudes de viño [o arabismo almude só figura como medida de capacidade para grans no dicionario académico, xa se ve que cumpría ampliar os seus valores a líquidos])

1276: po la [festa] d’ Entruydo (documento de San Clodio do Ribeiro, Ourense, aquí hai que entregar castañas e galiñas).

1298: úun cabrito, por Antroido (doc. San Clodio do Ribeiro).

 (Mapa de elaboración propia. No relativo aos lugares onde se celebra o enterro da sardiña non pretendemos ser exhaustivos)


mércores, 22 de febreiro de 2017

LENDO A ROSALÍA



DÍA DE ROSALÍA.


(Estatua de Rosalía en Padrón, feita por Asorey. Foto tomada de Internet)


Rosalía de Castro naceu o 24 de febreiro de 1837: hai 180 anos. Cento oitenta anos é un número redondo. Cando se cumpriran noventa do seu pasamento publicárase un libriño fermosísimo, con escritos sobre a Santa da Terra –en palabras de Novoneira- da man dunha nutrida representación dos bos e xenerosos literatos de Galicia e algún de Portugal. Quixeramos recordarvos que neste noso blog varias persoas deixaron constancia tamén da presenza de Rosalía no seu pensamento e/ou nas súas vidas. Méntana Yolanda Castaño, Xabier P. DoCampo, Manuel Lourenzo, Pilar Pallarés, Amancio Prada, Xulio L. Valcárcel; entre os profesores, Mª Xosé Martínez Girón; entre os alumnos, Ana Vidal Lorenzo e Jorge Carril Espido; entre os ex alumnos, Federico Mosquera Martínez. Imos quedar un momentiño coa presenza rosaliana no pensamento de Agustín Fernández Paz, quen deixou dito neste blog o seguinte: A gran Rosalía, sen intermediarios, desvelándome o seu xenio e sinalándome o camiño. A eles, os ausentes, séxalles a terra leve!

(Espléndido libriño publicado co gallo dos noventa anos do pasamento da cantora do Sar. Foto tomada de Internet)

FRASEOLOXÍA ROSALIANA .

Hai tres anos celebramos o día de Rosalía cunha pequena contribución ao estudo do seu léxico, do léxico rosaliano. Hoxe queremos seguir por ese vieiro: encetaremos o estudo da fraseoloxía rosaliana. O corpus seleccionado é aleatorio (dámoslles unha certa preferencia ás unidades con núcleo substantivo).  A orde que seguiremos é a alfabética (letra inicial da palabra clave). E a única limitación o número de páxinas: non máis de sete. A documentación dos textos está atirada basicamente do TILG.

Ser (valente) coma os alentos dun pito (Non afogamos/ no mare como coidaba Xacinto, qu’ é tan valente, abofellas,/
com ' os alentos dun pito). A frase é sumamente plástica, expresiva. Xoga coa ironía, virtude cervantina e galega tamén. Son construcións na modalidade afirmativa que cómpre interpretar pola contra, negando. Outras deste tipo: gordo coma un bacallau polo rabo, ou  cariñoso coma o bexato cos pitos.

Dálle que dálle ao argadelo (Dálle que dálle ó argadelo,/ noite e día,/ e pensa naquelo,/ porfía que te porfía). A frase dá idea de reiteración e insistencia. Hai variante: Dálle Maruxa ao argadelo!
(Foto dun argadelo tomada de Internet. Quizais da familia léxica da voz galega "Argana", e de "Argallar". Difícil decidir a súa conexión etimolóxica co fitónimo "Árgoma" e topónimo Argomoso, lucense)

(Grande) coma un boi (Matouse un carneiro, grande/ Como un boi). Fermoso animal, o boi, xerador de moita fraseoloxía: Bebelas coma un boi /  Chamar os bois polo nome / Coller o boi polo rabo /  Comer coma un boi / Forte coma un boi / Libre coma o boi no monte/ Manso coma un boi de Laíño / Namorar coma un boi / Saber con que bois ara / Ser boi vello / Ser un boi de palla / Traballar coma un boi etc. Sería interesante valorar a concorrencia sincrónica do boi na fraseoloxía do galego, do español peninsular e mais do español de América, e ver de paso a polarización (valores semánticos positivos/negativos). Quede para outra ocasión.


Canela fina (Hai viño a Dios dar, un viño/ Do Ribeiro, que é canela). É dicir, cousa boa. Temos variantes: dun viño pódese usar a frase que arde nun candil, tradicional, enxebre. Outra var. é canela en rama. Está claro que historicamente a canela, vinda das Indias, era un pequeno tesouro, un peperete. A frase esténdese ás persoas, como equivalente do cast. La flor y nata, francés Crème de la crème, “o melloriño”, non si? Hai tamén en galego unha espléndida e pouco coñecida variante lucense: a xema (de ovo). Documéntase por exemplo nos textos de Helena Villar e Xesús Rábade.

Ser atravesado coma os caranguexos (Non polo que te estimo deixo de recoñecer que es atravesado coma os caranguexos). Buscamos a documentación posible nos córpora académicos en cast. Damos coa comparanza atravesado, como todos los gallegos, pero dubidamos moito da súa fixación, non deixa de ser un símil de dubidoso gusto dun personaxe da narrativa do académico Pérez-Reverte (confiemos en que a xeneralización xenófoba sexa só do personaxe). No andaluz Eduardo Mendicutti documéntase Tener atravesada la leche que mamó, de grande forza expresiva. En galego tamén existe a forma Retorto coma as cambas do carro. Desapareceu o carro pero non está mal conservar noción do seu deseño.

Ser dado (_María, eu son mozo,/ Pedir non me é dado,/ Eu vou polo mundo/ Pra ver de ganalo). Equivale a dicir que non lle é propio, que non llo consente a súa dignidade ou a súa forma de ser. Tamén se podería dicir así en cast.

 (Do Parrote saían os barcos para América. Este microtopónimo é citado pola nosa autora na súa obra. Foto tomada de Internet)

Do dereito, (e) do revés (Do dereito, do revés, / matrimonio, un dogal es). Pode servir para traducir o cast. Por activa y por pasiva. No contexto rosaliano cádralle tamén ben a expresión mírese como se mire.

Por derradeiro (I á derradeira inquietos,/ Mitá luz, mitá sombras). Hai variantes: Na derradeira/ Por derradeiro. Correspóndese ben co cast. A la postre.

En derredor de (Déixame estar solitaria, déixame cos paxariños que en derredor de min cantan). Tamén en cast., con celme algo arcaico. Temos a variante Ao arredor de.

Á desbandada (Sopran ventos contrarios na altura/ I á desbandada,/ Van levándoas sin orden nin tino,/ Nin eu sei pra onde,/ Nin sei por que causa). Significa ‘de forma desordenada, caótica’. Tamén en cast, sobre todo complementando a vbos. sinónimos de huir.

Cara de destetanenos (¡Que comenenceira/ Parece! –Lle di outro probe/ Cunha cara de desteta Nenos). Tamén se pode falar de cara de come nenos/ de pote fendido / de tisacandil etc. para referirse a unha cara moi fea, que mete medo. En cast. diriamos cara de aguafiestas / de hereje.

A Deus dar (Penitencias, a Deus dar). Nós só a temos oído referida á auga, á chuvia.

A eito (Todos nun montón a eito, non valen o que unha herbiña destes nosos campos frescos). A frase a eito é altamente produtiva: pode ser traducida en castelán de variadas formas, a destajo/a cuajo/chico con grande/por doquier/mucho y sin distinción/a la buena de Dios... Aquí, no poema rosaliano, cádralle al peso. A primeira documentación da frase galega que nos ocupa témola nunha cantiga de escarnio de Roi Queimado, datada en 1240. E xa aí, curiosamente, entra en xogo con a feito. Ambas as dúas conmutan no sistema, ata o día de hoxe. E que sigan conmutando por longos anos aínda, se Deus quixer. Iso garante que existimos, que somos, que seguimos falando a vella lingua.

Saír co empeño (El namorado está de min... o deño,/ I eu namorada del./Pois saldremos co empeño,/ Que, se el me chama sin parar, eu teño/ Unhas ansias mortais de apousar nel). En galego este mesmo concepto pódese verter con estoutras frases: Darlle por alí e válelle/ Facer a súa idea/ Quedar a súa por riba / Cumprir o seu xenio. En cast. sería “Salirse con la suya”.

Ás escuras (_Ás escuras vamos,/ Sen que sepa ninguén pra donde vai). Alude á falta de luz, á falta de coñecemento.

Parecer/ser un espeto (¡Poche, co xuncras da vella!/ Mesmo parece un espeto) (Rosalía de Castro). Hai variante próxima: Estar/quedar (chupado) coma un espeto. Recordade que da voz espeto di Corominas que seguramente é un suevismo. Dos poucos que se atreven a citar os lingüistas. Pero non é o único que pervive no galego. Para verbalizar a idea de delgadeza temos ducias de frases: Parece que non bebe auga con sal/que non come sal nin graxa; Estar nos cangos; Contárselle as costelas/os ósos;
Estar feito unha espiña; Mirrado coma o escalladoiro do forno; Quedar coma un esquilón; Ser un feixe/saco de ósos etc. Pensade que Xesús Ferro, no seu estudo de frases comparativas documenta  case duascentas frases para este concepto (dispoñible en rede: http://www.cirp.es/pub/docs/cfg/cfg08_09.pdf).


Entregar o espírito a Deus (Resinada ó seu fillo lle dicía.../ I a Dios o espírito lle entregou serena). Forma literaria para morrer. Evidentemente, a frase implica unha crenza clara en que somos algo máis que barro mortal (con palabras rosalianas).

Mal fado (Aló te han de levar/ Do teu mal fado as ondas). Correspóndese coa mala estrella do cast., ou o mal fario de Andalucía.

Cortárselle a fala (Eu son da terra do meu tío, volveu a desir
Lourenzo, saloucando hastra cortarselle a fala). Hai variante: trabárselle a fala. O fenómeno, a dificultade ou imposibilidade de articular ben as palabras, débese a unha forte emoción.

De gloria (Fixen un caldo de groria/ Que me soupo, que la mar). Quere dicir ‘moi saboroso’. Máis frecuente no galego actual é dicir que sabe a gloria (bendita).

Onde menos se pensa a lebre salta (Xa non che val, Farruco,/ que vivas en compaña dos anos pensadores nin da esperencia calva,/ nin que ollo alerta vivas como a cordura manda, que donde menos/ penses tamaña lebre salta). É dicir, que no lugar ou circunstancia menos previsible xorde o inesperado.

Ao raiar do día (Cando ó raiar do día/ O toque de alba tocas). Hai ducias de variantes fraseolóxicas para significar esta hora: a da primeira luz do día: á rompida do día / ao abrir do día / ao roomper do día/ ao lumbrigar do día/ ao amencer etc. Lembremos ao poeta medieval Xoán Airas:  quando saía la raia /do sol, nas ribas do Sar.

(Duro) coma unha pena (¡Castellanos de Castilla,/ tendes corazón de aceiro,/ alma como as penas dura,/ e sin entrañas o peito!). Este día traballamos na clase de cuarto da ESO a frase duro coma un croio e analizamos o cambio semántico desde o sema ‘dureza’ ao sema de ‘feo (coma un croio)’ [hipotizamos o paso a través da idea de ‘duro de caletre’, ‘curto de entendedeiras’, facilmente asociable á cara de parvo, cara fea, igual que nas películas o bo adoita ser guapo e o malo adoita ser feo; conste que son clixés]. Tamén en Rosalía podemos documentar duro como un seixo. Con respecto ao contido deste poema rosaliano, tende presente o punto de vista: fala unha moza galega cuxo namorado regresa da sega por terras de Castela maltreito. Sen entrar en disquisicións sobre como era o trato psíquico que recibían por aló os galegos (pero non nos custa imaxinar desprezos e prexuízos varios, sobre todo a aqueles de nós que lemos a Pensado Tomé e os seus múltiples estudos sobre Galicia, o galego e os galegos a través dos tempos...) si sabemos a ciencia certa que había bandoleirismo nos camiños de volta.

Estar tan peneireira (I ó outro día/ Xa estaba tan peneireira). Equivale a dicir Tan pancha, tan campante, ou incluso tan contenta. O DdD traduce o adx. ao castelán como arrogante, contorneador (no Vocabulario do 26), ou seguindo a Valladares como aquela persoa “tan á cuerpo libre, que puede moverse á un lado y otro con toda facilidad, lo mismo que un tamiz”. Nós, persoalmente, cremos que aí está a explicación máis simple e lóxica: deriva de peneira ou se se quere de peneirar (quizais nos inclinemos máis polo verbo, igual que bailadeira deriva de bailar), e do mesmo modo en que ao peneirar o cereal ou o gran se acanea o instrumento, así tamén, por unha imaxe metonímica, se peneira=move o corpo da persoa que aló vai, en feliz movemento. Porén, hai un lexicógrafo que ofrece outra explicación, que ao noso entender ilustra un caso máis de etimoloxías lexendarias, históricas-populares. Recolle a historia Pereda Álvarez (DdD): “La reina Da. Urraca, cuando estuvo en Betanzos, camino de Compostela, es tradición que paró en casa de un menestral, de los que allí hacían zarandas o cedazos. Y queriendo pagar a quien la tuvo alojada, de incógnito, muy de agradecer en aquellos agitados y turbulentos tiempos, libertó de tributos a cuantos en la ciudad brigantina hacían tales cribas, llamadas en gallego piñeiras o peneiras. De aquí, nacieron los adagios Corre libre com'o piñeireiro*; está feito un peneireiro. (José María Moar). [Sic]”

Alegrar a pestana (Un bo anaco de lacón, qu' a viúda lle dou  mollandoo cunha cunca de viño do Ribeiro qu' ardía nun candil, e que ll' alegrou a pestana) (Rosalía de Castro, CORGA). En galego, como en castelán, tamén se nos pode alegrar o ollo


(Escritorio de Rosalía. É un dos poucos obxectos conservados da santiaguesa universal. Foto tomada de Internet)

Deixar/quedar por portas (Embargarannos todo, que non teñen/ Esas xentes concencia, nin ten alma./ ¡Quedaremos por portas,/ Meus fillos das entrañas!). Significa ‘quedar moi pobre’. Hai variante longa: Polas portas do mundo. Documéntase cedo no dominio hispánico do norte: “ O si dexare sus fijos andar por puertas podiendo los acorrer  (Foro de Vigueira e Val de Funes, 1250, CORDE). Un pouco antes documéntase no dominio galaico, en Pedro Amigo de Sevilla (en 1240): “E ben vus faç ' , amigo, sabedor | que andaredes, por esta razon, | per portas alhenas mui gram sazon, | por que fostes querer ben tal senhor | per que sodes tornad ' en pan pedir” (Corpus Xelmírez). Vemos a frase andar por portas (alleas): parece que amar a tal señora lle saíu caro, quedou por portas, a pan pedir diriamos hoxe. Sería espléndido nos agasallos...

Caerlle unha praga  (Pragas de malas mulleres/ Nunca lle cán ós soldados). Equivale a caerlle unha maldición. Tamén se pode dicir en gal. Caer unha mala fada. E hai variantes interesantes nas que entra o cuco, como por exemplo botarlle [a alguén] a niñada o cuco (iso implica tamén moi mala sorte: relede o que dixemos de capar o cuco cando tratamos do léximo de Manuel María no blog, data 29 maio do 16).  Posiblemente a frase rosaliana ten orixe bíblica, polas dez pragas de Exipto narradas no Éxodo  (na fraseoloxía popular son 7, e así en Curros tamén: “¿ Cál foi das sete pragas a que eiquí descargou... ?”).

(Bonito) coma unha prata (- ¡ Ai , meu tío ! ¡ Ai meu tío , bonito como unha prata e roxiño com ' un ouro). A prata tamén é termo da comparanza que pondera a limpeza e incluso a frescura (por exemplo do peixe pódese dicir: é unha prata).

De prestado (¡Ai, qué galiña/ saltóu no valado! ¡Sei que quer vir/ a comer de prestado!). Significa ‘de balde, gratis’.

Coma o primeiro (E cómo o noso dialecto dose e sonoro é tan apropósito como o pirmeiro para toda clase de versificación). A frase ten valor superlativo.

Falar por sete (Xordiña quedara falando por sete,/ con probes e ricos, con porcos e cans). Por sete ten valor ponderativo. Significa ‘falar moito’. Recordemos o valor simbólico do sete na fraseoloxía e paremioloxía: dá idea de inabarcable, de grandor, de infinito: Un paraugas de sete parroquias ‘moi grande’; Ter boca por sete ‘moi grande’, Pro liño, sete voltas de rella e a cagada da ovella, Sete oficios tiña Adán e ningún lle daba pan, Vale máis un meigo que sete meigas (aquí, ademais do valor simbólico do sete, supoño que percibiredes tamén a ideoloxía tradicional sexista ou machista), Un coche (ou calquera outra cousa) de sete estralos etc.

Ter o teo (-¡Ai, rapaciña, ti té-lo teo: sed’[seda] as que dormen antr’ o centeo! ¡Fuxir da lama quen naceu nela!). A frase ter o teo conmuta no contexto rosaliano por estar tola. Xa Sarmiento explica moi ben que o teo era unha enfermidade que atacaba ao gando: ovellas e cabras poñíanse tontas e logo caían golpeándose (parece unha variante da denominada enfermidade das vacas tolas). A orixe da palabra debe ser expresiva e hai que integrala na serie citada por Corominas: cast. Al tuntún, tumbar, tonto, tuntuneco etc.

VBO. + a todo + INF. (DO MESMO VBO.) (Meses do inverno fríos,/ Que eu amo a todo amar). Bonita fórmula para encarecer canto se ama algo ou alguén. Si que somos moitos os que amamos as catro estacións... Outra expresión galega para ponderar o que se ama ou gusta algo é pola vida. En Trasdeza temos oído: Gústalle pola vida.

A torrentes (I anque a torrentes chove en horas tristes,/ E noutras o sol ri). Unha vez máis temos unha casiña léxico-fraseolóxica  susceptible de ser ocupada por un número altísimo de variantes: arroiar; caer auga coma quen a envorca; caer chuzos de pé/de punta; caer o ceo; caer un ballón/un basto de auga/unha boa zarapilda [var. de Trasdeza]; chorar de todos os ventos; chover a baldes/a boyón [var. dialectal] /a cachón/a cachóns/a caldeiradas/a caldeiros/a canados/a caneiro (cheo)/a cántaros/a ceo aberto/a chover/a chuzos/a cimbraceos/a Deus auga/a Deus dala/a Deus dar (máis) auga/a emborca/a esgalla/a fartar/a feixe/a máis non chover/a mares/a mazo/a pichés/a rego/a retortoiro/a reverquer/a reverter/a ríos/a treboeiras/a trebón/ a todo chover/a todo fío/a trebón caído/a xerras/a xerros/ás caldeiras/ás concadas/ás cuncas/coma quen a envorca cun xerro/coma se romperan as nubes/con todos os ventos/o mar chovido/que asolaga/que mete medo/que rabea/se Deus dá auga/se Deus ten auga/se Deus ten que; chover arreo, chover desde abaixo, chover endoiro, chover que é unha desfeita; decembrar [así din en Trasdeza cando chove moito e ademais vai frío; virse o ceo abaixo etc. De tamaña riqueza algo, algo xa sabido por case todos vós, se deduce: que a materia e forma lingüística, especialmente no plano léxico, está condicionada, ou case mellor enfocado, está en estreita relación (cara e cruz dunha mesma moeda, ou palma e dorso dunha mesma man) coa realidade extralingüística. Dito doutro modo: como en Galicia chove moito, o idioma galego ten moitas formas de dicilo.

 (Estatua de Rosalía na vella Calem, talvez Calobriga, actual Porto. Foto tomada de Internet)