mércores, 8 de febreiro de 2017

LENDO A

LENDO A LINO NOVÁS (1ª PARTE)




LINO NOVÁS CALVO


Mercedes Rey Alonso



 (Foto do escritor Lino Novás atirada da Internet)


O galego Lino Novás Calvo é un dos máis efectivos renovadores do conto hispanoamericano. Narrador da trata de negros, os bucaneiros e os illotes cubanos é, sobre todo, un “mestre da forma”. Silenciado e ignorado durante anos, hoxe a crítica lle recoñece a súa contribución ao realismo máxico e o sitúa  entre os integrantes do chamado boom.

Emigrante en Cuba dende os nove anos e de formación totalmente autodidacta, crítico literario, xornalista, tradutor entre outros, de Faulkner – é o primeiro que o traduce ao español – e profesor na universidade de Syracuse (Nova Yorke, EEUU), leva á cúspide a narrativa cubana. Como afirma Cabrera Infante: "Cando un día se escriba a historia definitiva do conto en América verase que Lino Novás Calvo está entre os seus mestres: Horacio Quiroga, Borges, Felisberto Fernández, Juan Rulfo, Virgilio Piñera, Adolfo Bioy Casares. [...] Novás Calvo é o único escritor cubano que recoñezo como antecedente literario". (Vidas para leerlas: “La luna nona” de Lino Novás, 1998)



Inicia a súa actividade literaria nos anos da República e acada un éxito considerable coa publicación en España da novela Pedro Blanco, el negrero en 1933. Pero si este texto, eloxiado por Unamuno e ao que Alejo Carpentier calificó de "una extraordinaria novela de aventuras verídicas”, sitúa a Lino Novás na primeira liña dos precursores, é a narrativa breve a que permite incluilo no grupo de  renovadores do conto cubano dos anos corenta ao carón de Alejo Carpentier, Alfonso Hernández Catá, Enrique Labrador Ruiz e o tamén emigrado galego Carlos Montenegro. Pois Novás Calvo é o primeiro que adapta con éxito as técnicas narrativas anglosaxonas á escritura cubana e habaneira; un dos primeiros, senon o primeiro que cultiva o relato policial en Cuba.

Entre os seus sorprendentes contos recollidos nos volumes La luna nona (1942) e Cayo Canas (1944) están, sen dúbida, algúns dos mellores relatos da literatura hispanoamericana: Aquella noche salieron los muertos, La noche de Ramón Yendía, La visión de Tamaría e, por suposto, Cayo Canas, que aparece recollido na antoloxía El cuento hispanoamericano contemporáneo que Benito Varela Jácome publica en 1976.

A súa obra literaria xorde da vivencia azarosa da emigración, das súas experiencias persoais. A realidade cubana serve así para expresar a preocupación universal polo destino da humanidade. O mar, a sabana, as rúas de A Habana… introducen toda a problemática, social, política e económica do país: o atraso e o subdesenrolo, o contrabando, a escravitude e a trata de negros, a situación do campesiño, a dependencia ianqui e o anuncio da Revolución.

Ademais incorpora nos seus relatos as tendencias renovadoras do momento. Anticípase ao existencialismo de Jean-Paul Sartre e asimila as funcións inquietantes e renovadoras de William Faulkner. El mesmo chega a afirmar: “Teño a Faulkner no sangue”. Na liña faulkneriana emprega o monólogo interior para expresar o fluír da conciencia dos protagonistas, para representar as súas tensións, o seu descontento coa realidade. Tamén recorre á fragmentación cubista, á ruptura da secuencia temporal, a función de imaxes visionarias, a intromisión do real no sono, á fantasía e a maxia.

– ¡Estamos perdidos! –gritó Amiana.

¡Pero tarde! Amiana se dio cuenta al entrar en el cementerio que aquél no era el de los libres y dio el grito. Amiana era el único que no iba embrujado por la música y Moco. No creía en brujería; lo fingía. Pero tarde. Ni él mismo supo moverse. El entierro se había parado junto al túmulo, y los músicos y las plañideras y los bajos habían callado. Sólo se oía ahora el violín de Moco, con sus hilos muertos llorando en la noche y a la luna. Los libres estaban todos allí, con la cabeza baja, durmiendo sus últimos minutos. Amiana había levantado los brazos y los ojos se le quedaron cuajados en la luna, y los gritos cuajados en la boca, y frío antes de estarlo. Moco estaba erguido en el medio, contra el cielo y el mar, y nadie lo veía ya. Él mismo no veía, ni oía ya su propia música, la música de la mecha que cundía por debajo y estaría al llegar, y despertará a todos los muertos esclavos. Diez años de esclavos muertos. Los vivos los sentíamos morir; vivir muertos. Luego los vimos subir. El mismo estampido no lo oímos. Nuestros ojos se habían fundido en nuestros oídos y todos los sentidos esperaban la salida de los diez años de muertos. Nadie lo sabía; lo sentía. ¡Y el espanto!

Los muertos salieron aquella noche en un espanto, y subieron hacia la luna con la ropa de los vivos libres del entierro. Nosotros los vimos subir. Yo vi a Moco entre ellos, con el violín mudo de su alma, como carbones del infierno, silbando, como un enjambre de avispas. No: langostas. Nube de langostas salidas de la tierra, del mar, contra el cielo. Así corrimos. La carga que Moco había metido en nosotros nos voló, voló los barracones y huimos, también en espanto, desparramados, por la manigua, hacia l batey, y el mar, y los botes. Hacia otras islas. Aquélla quedó sola, con los muertos libres. Los esclavos salieron aquella noche y todos nosotros huimos. ¡Moco! ¡Moco! ¡Moco! Así decían los remos. Yo iba solo.

Aquella noche salieron los muertos, publicado en Revista de Occidente, diciembre de 1932; recogido en La luna nona (1942) y en Otras maneras de contar (Tusquets, 2005)




A partir do seu exilio político de Cuba permanece ausente do panorama literario da illa – os seus libros deixan de publicarse e non se lle cita nos dicionarios de literatura onde si aparecen os seus contemporáneos – ata 1992, ano no que se edita a recopilación nun único volumen de El negrero, Cayo Canas  e La luna nona. En España a primeira publicación contemporánea de El negrero (Tusquets) por parte dunha editorial de importancia aparece en 1999. No prólogo o escritor cubano Abilio Estévez mostra a súa admiración polo escritor: Novás unía unha virtude especial para traballar coa linguaxe falada polo "home da rúa", polos máis humildes, polos marxinados, polos máis incultos. [...] Presumo que a ninguén se lle ocorrerá dubidar, a estas alturas, que aquel narrador nacido en Grañas do Sor é un dos escritores cubanos máis grandes do século.

Por isto – di tamén o escritor cubano Arturo Arango – "é estraño que o “boom” da novela latinoamericana non arrastrase consigo a Pedro Blanco, el negrero, como si fixo con moitas outras aparecidas antes desa década" (Babelia, 21/07/2001).

Carlos Espinosa Domínguez, no prólogo da edición de Maneras de contar (Tusquets, 2005), reivindica o posto preferente para o escritor nas letras cubanas  e hispanoamericanas e di: “foi silenciado por razóns alleas aos seus méritos literarios”. Máis recentemente, a investigadora e recopiladora cubana Cira Romero, co gallo da celebración do centenario do seu nacemento, o reafirma na introducción de El comisario ciego y otros relatos (Ediciós do Castro, 2003): "Ainda que a crítica non o advertise (ou quizais recoñecido), Lino Novás Calvo é un dos pais non identificados do “boom” que coñeceu a literatura hispanoamericana nas décadas dos anos sesenta e setenta, a pesar de que a súa obra literaria non gozou da divulgación requirida".

As publicacións e recoñecementos destes últimos anos están a propiciar a divulgación da personalidade e a obra do escritor galego-cubano: contos nunca recollidos en libros, relatos policiais, artigos xornalísticos espallados nos distintos diarios e revistas nos que traballou… 8 narraciones policiales (Santiago de Cuba, Editorial Oriente, 1995) e España estremecida (Sevilla, Editorial Renacimiento, 2013), onde aparecen crónicas e reportaxes escritos dende España entre 1931 y 1933, mentras traballaba como corresponsal para  semanario gráfico Orbe.



Orixe galega e experiencia da emigración


Lino Novás Calvo naceu en setembro de 1903 na aldea de Parigueiro, parroquia de As Grañas do Sor, no concello de Mañón (A Coruña). Foi inscrito como fillo natural de María Calvo Rego;  o seu pai, Lorenzo Novás, non o recoñecería ata 1909. A nai, costureira de oficio, deixábao cada mañá ao coidado dos avós maternos. Neste tempo o neno, á vez que axudaba nas tarefas agrícolas e coidaba do gando, comezou a ir á escola.

As dificultades económicas obrigaron á proxenitora a enviar a Lino Novás a Cuba a vivir cun tío materno que, segundo dicían, era moi rico. Con sete anos embarcou o neno dende o porto de A Coruña cara á Habana, onde ía empezar una vida chea de privacións, aventuras e circunstancias adversas. Os escasos recursos económicos do tío  empurrárono a traballar, dende moi xove, en todo tipo de oficios menores. A súa condición de inmigrante estranxeiro permitiulle entrar en contacto cos proletarios, os campesiños e con outros inmigrantes, pobres e negros; tipos, escenas e experiencias que plasmará nas súas creacións literarias.

Dende moi novo empezou a traballar primeiro de mochila (axudante de cociña nunha fonda, sen soldo, só a cambio da manutención) e, ao ano seguinte, nunha fábrica de gorras; pouco despois, na zafra na provincia de Camagüey; e logo nun café da Habana, onde tamén vendeu carbón nun carretón cun primo para volver á fábrica de gorras onde tivo a oportunidade de coñecer ao Presidente da República, Alfredo Zayas, cando foi ao Palacio Presidencial  tomarlle as medidas.

Tanto o seu traballo coma a súa formación e produción literaria desenvolvéronse de maneira autodidacta: asistiu irregularmente á escola nocturna, onde aprendeu a levar a contabilidade de libros, oficio que desempeñou en varias ocasións antes dos vinte anos. Entón traballou tamén nos campos de azucre en Camagüey e na fabricación do carbón dos illotes, onde coñeceu de perto a vida e costumes dos negros estranxeiros, cos que viviu as súas experiencias máis intensas. Pois nestes tempos a maior parte dos macheteiros brancos foran desprazados polos braceiros haitianos e xamaicanos, moitos dos cales chegaran á Illa coma mercadoría de contrabando. As supersticións, as prácticas rituais, a interpretación máxica do mundo destes homes negros impresionaron por demais ao mozo Novás Calvo e espertaron nel o seu temperamento nato de escritor. A dura experiencia destes anos e o seu coñecemento do mundo dos negros fraguaron a materia literaria dos seus mellores contos.

De volta á Habana continuou desempeñando os máis diversos oficios, entre eles o de chofer de taxi e vendedor de pacotilla cun socio percorrendo os lugares limítrofes da Habana e da provincia. Situacións, tipos e escenas que tamén serán recollidos en posteriores creacións literarias.



 (O río Sor, río que baña as terras que viron nacer o noso escritor; foto extraída da Internet)

mércores, 1 de febreiro de 2017

ENTREVISTAS A MULLERES QUE AMAN O EUSEBIO

ENTREVISTA A SUSANA PIENSOS LINARES



Mª Rosario Soto: - Desde cando estás no instituto?


 -Levo case toda a vida…primeiro, como alumna: cheguei,  primeira promoción de BUP,  instituto feminino, con catorce aniños recén cumpridos, para facer bacharelato e COU e retornei, no ano 87, acabadas de aprobar as oposicións, como profesora xa, á miña primeira, e última, praza en propiedade. Así que esta é a miña casa, son case case tan antiga no insti como as estatuas das exipcias que nos reciben á entrada…e conforme vou cumprindo anos, esa sensación de pertenza ao instituto vai medrando. Teño que dicir que sempre tentei  dar o mellor de min, honrar co meu traballo este centro de ensino polo que pasou tanta xente  boa, e procurar que os meus alumnos/as teñan un bo recordo do seu paso por aquí. Espero telo conseguido.   

 (Foto do centenario -ano 1990-: claustro de profesores do noso Instituto. A profesora Susana Piensos é a segunda pola esquerda, na primeira fila)

- Que profesores lembras con máis cariño do instituto? E da universidade?


 -Aínda que na miña época, o trato co profesorado o recordo como máis distante, -cambiaron moitísimo as cousas no ensino  de cando eu eu era alumna a agora-,  e, ademais, eu era moi tímida, co cal non me atrevía a dirixirme a un profe a non ser que fose indispensable, hai un profesor que me marcou, na súa maneira de dar clase (tiven a sorte de telo como profesor tres dos catro anos que pasei no insti como alumna), até o punto de que creo que sempre, aínda hoxe,  tentei imitalo nas miñas clases; díxenllo xa a el cando de profesor   pasou a compañeiro. Trátase de Raimundo Pereiro, que xuntaba o rigor e a sabedoría  coa amenidade; creo que en realidade, todo o que sei, especialmente  de Lingua, o aprendín del …Outra cousa é o medo que lle tiñamos, porque tiña moito xenio e daquela o respecto ao profesor eran palabras maiores.

    Tamén debo mencionar a María Teresa Taboada, que me deu clase en COU e, entre outras cousas me abriu os ollos á narrativa do século XX…e que nos fixo coñecer o melloriño da literatura galega (recordo un traballo sobre Xente ao lonxe, obra que lin enteiriña, con grande dificultade, todo hai que dicilo, porque daquela o galego aínda non se estudaba no ensino medio). En xeral, todos os profesores/as de Letras me deixaron bos recordos porque eu son de letras puras-puras, así que desfrutaba nas súas clases.

  Na Universidade,  eu estudei no Colexio Universitario da Coruña os tres primeiros anos de carreira,  e tiven profesores excelentes en xeral; algúns deles, por certo, profesores tamén de instituto (era posible esa circunstancia). Teño un recordo de afecto especial por Jose Ángel Fernández Roca, que, ademais de ser un profesor moi sabio, provocaba, aínda que aparentemnte era moi serio, unha grande tenrura….quizais, porque faleceu  demasiado cedo, acórdome frecuentemente del…Despois, en Santiago, aínda que tiven oportunidade de desfrutar do seu maxisterio só un trimestre, Guillermo Rojo tamén me marcou profundamente e é outro dos meus profesores  máis recordados.


- Cando decidiches que a túa vocación era a Filoloxía?


   -Como dixen antes, eu son de Letras puras, purísimas, así que sempre me tiraron a Lingua, que era unha das miñas materias preferidas, e a Literatura, xa que sempre fun un pouco ratiño de biblioteca…así que, aínda que inicialmente a miña idea era facer Historia, finalmente as circunstancias me levaron á Filoloxía, o cal creo que foi unha decisión moi acertada.


-Ás veces xa pensas en xubilarte. A que dedicarás o teu tempo daquela?


 - Pois sí, xa levo 32 anos, ininterrompidos, neste oficio e vou cansa. Aínda falta un pouquiño, así que non fago grandes plans, só vivir un pouco máis tranquila, que eu son moi nerviosa e bastante esixente comigo mesma, e ás veces non dou feito. Pero tamén  penso nalgunhas posibilidades, quizais voluntariado, quizais matricularme na universidade sénior, viaxar tranquilamente   xustamente nas épocas en que agora non podo facelo, coidar dos meus…e, sobre todo,  ser cada vez máis eu mesma, que é algo que non sempre podes conseguir mentres estás en activo. A vida dirá…


-Cando empezou o teu amor polo portugués e en que se traduciu na túa vida profesional?


  -Pois o meu amor polo portugués contaxioumo, hai xa moitos anos, o que daquela era o meu amor na vida; despois, foi medrando e madurando, como todos os amores, até formar xa parte da miña natureza. Creo que Portugal, e todo o mundo da lusofonía, é un luxo que os galegos podemos desfrutar de xeito privilexiado, sen esquencer nunca que a nosa lingua é, como dixo Castelao, pai (nai, diría eu) do portugués… Hai uns anos, tiven a oportunidade, no instituto, de impartir a materia a uns alumnos marabillosos, na que foi unha das experiencias máis gratificantes da miña vida profesional.

 (No Departamento de lingua galega e literatura do Instituto arquívanse desde hai anos os números da espléndida revista portuguesa Jornal de Letras, grazas á xenerosidade e interese da profesora Susana Piensos)


- Que les arestora? Cales son os teus autores favoritos?


  -Difícil falar de favoritos, hai tantos…algúns, (Cervantes, Baroja, Castelao, Chéjov, Twain, Stevenson, Steinbeck…) perduran no tempo; outros, que te impresionaron nun momento da vida, deixan de interesarte… Neste momento estou con Jardiel Poncela, La tournée de Dios, os humoristas sempre me gustaron, aínda que a literatura humorística non goce de moito prestixio.


-De que te sentes máis satisfeita en relación á túa participación na vida cultural do insti?


 - Sinceramente, gustaríame ter una participación maior, creo que é bastante reducida, pero o tempo non dá para máis… Naturalmente, que o meu  queridísimo alumnado de PDC-PMAR, e espero que agora tamén algún de Nocturno (máis complicado polos condicionantes deste tipo de alumnado)se sinta parte substancial da vida cultural do centro é para min moi gratificante, porque creo, espero,  que é unha semente de  desfrute, do bo, para eles, e ademais, están colaborando para que a bibloteca se transforme, cada vez máis, nun espazo de encontro para todos nós… A sección “Un libro/filme cada semana” do blog ‘O faro de Sofía’, que iniciou  a nosa entón vicedirectora Charo Soto  hai xa dous ou tres anos, é agora, para os meus pequenos de PMAR,  o “pretexto” para poder  amosar que son uns rapaces moito máis maduros  nos seus gustos,  e formados, do que a súa idade podería facer pensar, compróboo día a día na aula.



   

mércores, 25 de xaneiro de 2017

LENDO A



LENDO A ASIMOV


 (Foto de Isaac Asimov, atirada da Internet)


“A min non me gustaría vivir nunha sociedade así”, di un meu alumno. Quizais a min tampouco, anque non me importaba experimentar un tempo... Pero si, paréceme que se perdían matices, por exemplo, a materia, os distintos tipos de materia: supoñían un plano xa superada, algo bárbaro...

A un membro dun Século con predominio da enerxía talvez lle pasaran desapercibidas [as distintas clases de materiais]. Para el, todas as materias serían variacións sobre un mesmo tema basto, pesado e bárbaro. Pero Harlam, educado nun medio de formas materiais, recoñecía diferenzas entre a madeira, os metais (con distinción entre lixeiros e pesados), os plásticos, a sílice, o formigón, o coiro e asi sucesivamente.

 (Os rapaces do club de lectura dos martes: de esquerda a dereita temos a Marcelo, Franco, Vázquez, García, Alonso e Crespo. Non están todos este día, fáltanos Marta, por exemplo. Teñen a man un exemplar histórico da revista Nós do Instituto. Falaremos deste número outro día)

Falamos de A fin da eternidade, de Isaac Asimov, o libro que leron durante as vacacións do Nadal os rapaces do club de lectura dos martes. Gustoulles moito e creo, polo grao de paixón con que se expresan, que son sinceros. Eu concordo con eles, malia haber cousas que non logro entender demasiado ben. Por exemplo: por que o século un da Eternidade non é o século I?, é dicir, por que hai séculos anteriores ao primeiro da Eternidade? Esa parece ser unha barreira pola esquerda (cara ao pasado) para as viaxes e xa que logo para os cambios de realidade: simetricamente, tamén hai límites pola dereita (cara ao futuro).

Esa especie de tendencia á simetría percibímola talvez na cuestión da relación entre os xéneros: durante toda a novela (ou catro quintas partes dela) vemos o papel predominante dos homes (dinos o narrador que unha muller non pode viaxar pola tempo coa mesma facilidade ca un home: multiplícase por dez as posibilidades de cambios ou consecuencias de difícil control se o fixesen; e con iso non hai mulleres con poder programador, con poder en xeral, vémolas en papeis moi pouco relevantes), pero nas derradeiras páxinas cambia o conto, e o discurso e función ideolóxica de Nois é decisivo, fundamental, logrando unha especie de compensación preciosísima.

Polo demais, nesa etapa de Eternidade hai constantes que igualan a forma esencial de ser dos homes: Deus continúa presente, agora chamado Cronos (Polo gran Pai Cronos!, exclaman de cando en vez os personaxes); hai toda unha mística que rodea o propio concepto: a Eternidade como sistema parece un arquetipo necesario, e o protagonista, André, chega a comparar a Eternidade cos Mosteiros dos “Tempos Primitivos”. O sol segue sendo a fonte por excelencia de enerxía. A propia enerxía é case un mito: o anel dos Nibelungos, de Tolkien, o Graal de Galaaz. E hai, nese sentido, outro arquetipo necesario: desprenderse da materia. Así, cando viaxan polo Tempo non teñen materia. E fálase tamén do idioma Pantemporal, universal e capaz de atravesar todas as cronoloxías: outro mito claro da humanidade. Ora ben, o idioma Pantemporal é compatible co que o autor chama Dialectos hipotemporais.

Outra cousa que nos chama poderosamente a atención, á parte da capacidade do autor de asumir e integrar as teorías da relatividade einstianas, é a análise veloz, a capacidade de síntese con que traza os males de calquera sociedade humana en calquera tempo posible: de aí que unha preocupación constante sexa a erradicación das drogas, do cáncer e –con saudade pero si- os cigarros. Cando se fala no futuro de volver permitir un cigarro ocasionalmente, éntralles o medo de volver a unha sociedade monopolizadora e escravista. Que intelixencia portentosa. Tamén  consideran os sabios futuros que sendo a cultura un reduto case consubstancia ás elites, haberá que tolerar unha distribución desequilibrada da riqueza cando as diferenzas sexan discretamente tolerables, coma un mal menor.



Aos 150.000 anos (un tope claro, as viaxes non superan ese límite) hai moitas especies viventes, pero o home desapareu. O que nos parece altamente verosímil, e iso que Asimov non viviu coma nós os factores de profundo desequilibrio estrutural a nivel planetario do que o ser humano é axente.

Os rapaces escribiron cadanseu comentario e tivemos unha tertulia interesante.  Vexamos algún parágrafo deles:

Aínda que o final é previsible, sempre quería ler unha páxina máis e logo outra, e así durante horas. Penso que é unha obra mestra, e o máis sorprendente é que foi escrito en 1955! E fala de temas difíciles de comprender na actualidade, 60 anos despois .

::::::::::::::

O que máis me gustou do libro foi o final, cando Harlan descobre que Noys naceu nos séculos escuros e cóntalle toda a historia destes séculos (...). Tamén me sorprendeu que Cooper sexa o iniciador da Eternidade. Cando o conta, sentinme abraiado, non o esperaba...

::::::::::::::::::::

Desde o primeiro momento, percíbese a Harlan frío, distante e entregado cegamente ó seu emprego, pero debido ás circunstancias, Harlan cambiou drasticamente, ata non ser o mesmo. Quen ou que provocou este cambio tan radical? Puido ser o romance con Noys? Ou o descubrimento de que el formaba parte dunha cadea de sucesos que xeraría ou destruiría o perpetuamento do coñecido? Moitos factores interviñeron, e estes son os que conforman a verdadeira trama da novela (...), unha historia entretida e atraente. Ademais, Isaac A. intercalou anacos da historia, en si mesma, con razoamentos e pensamentos científicos e filosóficos, que a todo namorado do coñecemento lle gustaría ler.

:::::::::::::::::::::::::::::

É un libro moi interesante tendo en conta varios aspectos , tales coma que para seren escrito en 1955 contaba con uns ideais moi avanzados. Tamén fala dun tema que a min sempre me fascinou , os saltos temporais e como afectan as accións que nos realicemos no pasado. No libro fala de que os cambios de realidade alteran por completo a todas as persoas dende que se produce o cambio en adiante , eu creo en diferentes teorías diferentes ao respecto: 1 A diversificación de realidades (...), 2 O bucle infinito  (...), 3 Eliminación de realidades: Esta en concreto é sobre a que se guía o libro: trata de que ao cambiar os feitos da “historia” todo cambia , polo cal a historia que existía antes do viaxe temporal deixa de existir. Tamén quero deixar claro que o profesor de tecnoloxía Mario Simón estaba entusiasmado co libro , xa que cando nolo veu nas mans quedou entre abraiado e sorprendido alegando que era moi impresionante e entretido.

Eu si que estou sorprendida con eles. Canto entusiasmo e canta receptividade! Agora debería propoñerlles que lesen as Historias fantásticas de Adolfo Bioy Casares, onde tamén se fala de viaxes por outras realidades, e de universos paralelos. Ese é un meu autor favorito sen dúbida ningunha.

O caso é que ese día, o día en que nos xuntamos en tertulia para falar do libro, eles acababan de facer unha saída para oír unha conferencia dun profesor de física da USC  sobre a Teoría da Relatividade.

Entón eu relembreilles  que Asimov parece asumir parte substancial desa teoría e a ese propósito díxenlles: Vós acabades de escoitar unha conferencia na Ágora sobre o tema... Que vos dixo o conferenciante sobre a posibilidade de que haxa infinitos universos, mostrouse ou non de acordo?

E velaquí que, de maneira incrible, dividíronse en dous grupos exactamente iguais (cuantitativamente): un grupo dixo que o conferenciante se mostraba claramente a favor desa posibilidade e o outro grupo, antagónico, aseguraba que o conferenciante lles dixera que, a efectos científicos, era partidario de admitir que só existe un universo. Na sala de profesores fíxenlle a pregunta a un profesor amigo e confesoume que non recordaba que dixera sobre iso o conferenciante. Así que propuxen comunicarnos directamente con el e tivemos a inmensa fortuna de atopar un interlocutor paciente e xeneroso.  Volvemos aquí e agora darlle as grazas ao profesor José Edelstein:

“[Saltamos os saúdos iniciais] Es comprensible que a los alumnos no les haya quedado claro este punto ya que no lo traté en la charla sino en una de las preguntas del final. Recuerdo que la pregunta me la hizo una alumna.

Yo diría que en este momento es más natural pensar en la existencia de un número enorme de universos, quizás infinito, dadas las enormes dificultades que tenemos para poder dar una explicación a la energía oscura. Sabemos que existe la “energía de vacío” y ésta debe contribuir a la energía oscura. La teoría de cuerdas parece incapaz de predecir su valor (creo que comenté en Ágora que eso era equivalente a tener una teoría de los satélites y pretender que prediga el tamaño y la distancia a la que estos se encuentran: esto jamás podría funcionar, prueba de ello es que los planetas que nos rodean tienen un número variable de satélites, con tamaños y distancias variopintos; uno podría pensar que todos los tamaños y distancias son posibles y están “realizados” en algún planeta del vasto Universo; ¿y por qué vivimos en un planeta que tiene éste satélite, con este tamaño y a esta distancia? porque si) y por eso parece razonable pensar que todos los valores pueden “realizarse” en distintos universos. Por otra parte, los datos apuntan a que el Universo observable es plano, lo que probablemente indique que estamos viendo apenas un parche pequeño de un Universo gigante, probablemente infinito. Dicho todo esto, tal como mencionas, parece imposible demostrar la hipótesis del Multiverso. Por eso utilicé la palabra “natural”: no pudiendo demostrar ni su existencia ni su no existencia, nos inclinamos por la hipótesis más elegante, que se ajusta a lo observado con menos problemas. Por supuesto que éstas son especulaciones teóricas cuya (poca) fiabilidad nada tiene que ver con la muy respaldada teoría del Big Bang y la inflación cosmológica”.

Despídese de nós con suma cortesía. Aprendemos un par de cousas máis no Club de Lectura: unha, que debemos sempre animarnos a comunicarnos cos que máis saben para aprender directamente deles; segundo: que a distancia entre o Instituto e a Universidade non é insalvable, sempre que se teña a fortuna de atopar xente boa. Como di o refrán sobre esa imprescindible clase de xente, haber haina, o caso é dar con ela.