mércores, 2 de novembro de 2016

LENDO A



LENDO A DIESTE



Lendo a Dieste cos rapaces de cuarto da ESO unhas cousas levaron a outras, coma cando pillamos unha cereixa do cesto e veñen en gramalleira, unhas enguedelladas nas outras.


Estabamos lendo concretamente o relato sobre da morte do Bieito (xa sabedes, ese tan ben medido, dosificado; ese onde as dúbidas do narrador se fan carne e os vaivéns do seu pensamento pusilánime se prestan a unha serie de ricos comentarios humanos e literarios). Cando chegamos ao momento en que a muller colle o cadullo de terra e o bica, antes de botalo enriba da caixa do defunto que xa baixara á cova, eu tiven conciencia de que había que reflexionar sobre esa tradición tocante aos ritos que envolven a morte dun ser humano.

 (Magosto nos tempos modernos. Fotos tomadas da Internet) 

(Colar de zonchos)

E, naturalmente, ao estarmos no tempo en que estamos, tempo de defuntos, inda o vin máis claro. O primeiro foi interrogar eu os rapaces sobre ese punto concreto: E logo vistes facer iso algunha vez? E só Marta me contestou que si, que llo vira facer á avoa cando deron terra ao avó. E por aquí comezamos. Marta relatóunolo nestes termos: 


                A miña avoa chámase Francisca María Fraga Díaz. Ela naceu en Lugo no ano 1929, ten 87 anos. Aos 20 casou co meu avó, Tomás, e viviron 65 anos xuntos. Ata que o meu avó faleceu dous anos atrás. Tras a súa morte, o seu corpo foi cremado e un ano despois, enterrámolo na finca familiar en Abegondo.

                O enterro foi moi emotivo para todos e cando a urna xa estaba no oco no que vai descansar para sempre, a miña avoa bicou un anaco de terra e botouno enriba da urna. No momento pareceume estraño pero non preguntei.

                Hai unha semana pregunteille que para que bicara aquela presada de terra e explicoume que a súa nai fixo o mesmo no enterro do seu pai e como tamén a ela lle parecera estraño preguntoulle. A súa nai contestoulle: “Así a alma do teu pai descansará con un dos meus bicos e cando eu me reúna con el, relembrará o noso amor”.

                Non sei se a tradición é así ou é cousa da miña bisavoa, pero a min pareceume unha historia preciosa.

                               (Marta Roibás Zas, alumna de 4º da ESO no curso 2016-17).


Si que o é, unha historia poética. As avoas son unha fonte de augas iniciáticas para un espírito proclive á literatura. Un privilexio termos avós. O rito de bicar a terra nese contexto é, porén, consecuencia  de ser o cemiterio  un espazo sagrado, e non só para os cristiáns, como sabemos moi ben os que gozamos das películas do vello oeste norteamericano e relembramos a forte prohibición de pisar o home branco un cemiterio indio (vén á nosa memoria aquela secuencia da película de Sydney Pollack, As aventuras de Jeremiah Johnson, cando teñen que atravesar por un cemiterio crow). Terra sagrada a que recobre os nosos defuntos, merecedora de todo o respecto. De nenos moitos de nós beixabamos igualmente o pan cando o recolliamos tras caer ao chan. Pero volvendo ao bico do cadullo de terra que o personaxe diestiano bota na cova onde xa se depositou o cadaleito, documentamos un bico análogo en Asturias (cogen tierra, la besan, la echan en el hoyo, y dicen con temblores en la voz: -¡Adiós, Fulano, hasta el día del juicio...!, en La mitología asturiana, de Constantino Cabal, p. 64) e mais en Extremadura (No faltaban en este adiós las preces y las muestras de dolor, ni los puñados de tierra que, después de besarlos, arrojaban los familiares a la caja depositada ya en la tumba, en: http://www.funjdiaz.net/folklore/07ficha.php?ID=801, artigo de José Mª Domínguez Moreno), é dicir, non é unha tradición privativa de Galicia, senón –en principio- do occidente hispano. Como moitas outras tradicións relativas á cerimonia con que celebramos, representamos, selamos, sacralizamos o pasamento dos nosos. Iso si, aquí en Galicia ás veces documentamos cousas que nos sorprenden porque veñen unha e outra vez a recordarnos a vella irmandade co occidente atlántico europeo. Coma quen se reencontra cun vello amigo a quen había tempo largo que non vía. Vou comentar un par de datos curiosos, polo menos para nós. Sobre o primeiro, xa temos escrito algo nunha das revistas do Instituto, Alén da chuvia, e vouno repetir porque acabamos de coñecer unha familia da parroquia de Sésamo e tanto a nai, de setenta e poucos anos, coma as fillas, de corenta e tantos e cincuenta, recordan de rapazas telo vivido. 




Foi o meu pai, nado coma a avoa de Marta, no ano 1929 aquí na Coruña, moi preto da igrexa de Santa María de Oza, concretamente en Pedra Furada, inda que axiña baixaron a vivir á rúa Joaquín Galiacho, meu pai –digo- relembraba que sendo rapaces baleiraban e furaban as cabazas por estas datas, metíanlles velas acesas e poñíanas no camiño que levaba ao cemiterio, ao de Oza, e logo agachábanse para ver como a xente se asustaba e collía medo. Era unha trasnada que facían para divertirse. Idéntico costume contoume hai anos o meu amigo e ex colega Chema, xa xubilado, e a el xa llo contaba o seu pai, ambos os dous nacidos e criados na parroquia de Sésamo, a poucos quilómetros da Coruña. Chema dicíame que as cabazas co lume dentro colgábanse incluso das árbores nos camiños, sempre neste tempo de defuntos. As mulleres da familia antes mentada, en troques, din que se agachaban entre as silveiras... Canto teña tempo hei ver se cara ao norte do golfo ártabro, cara a Ferrol e Ortigueira taméns hai lembranza deste costume, cara a Arteixo algo preguntei pero non houbo resposta afirmativa. A tal tradición non é costal de palla: ten a súa importancia, porque é anterior á chegada das celebracións actuais (Samhain europeo ou Halloween norteamericano) que veñen de fóra. Recordade que xa os celtas da cornixa atlántica europea precristiáns baleiraban nabos, e logo, seguindo a tradición irlandesa cabazas. Por certo que ese costume que vemos nas películas de repartir caramelos e doces por Halloween deriva da vella tradición de deixar comida pra os defuntos que poden vir do alén neste día para visitar os vivos ou visitar a casa onde moraron noutrora... Recolle nese sentido Cabal que cando se fai o magosto (tamén neste tempo, claro, o tempo de defuntos é o tempo da castañeira) deixábanse antigamente castañas para eles (El “magüestu” de difuntos, aún más recientemente que en su día, se celebra el anterior. Y se comen las castañas en el campo a la vera de la hoguera, y al acabarse dejan unas cuantas y se dice de este modo: -¡Estes, pa que las coman los difuntos!, p. 67). Toda a vida se celebraron os magostos na nosa terra, inda os recordo cando eramos universitarios, os magostos no Pedroso. O meu home, de Trasdeza, non o recorda, e iso que é terra de castañas... El di que cando era neno non había tantas porque os castiñeiros debían de estar apestados. En Valdeorras si, por suposto. Miña nai relembra faceren os magostos tanto na casa como fóra, en plan comunal, comíanse as castañas e os homes bebían viño. Como recorda os colares de castañas cocidas: eran as rapazas as que levaban os colares (na lingua medieval dirían as gargantadas, bonita verba para traducir o castelán gargantilla) de castañas cocidas e enfiadas. Igual ca na Coruña. Eu crieime nos Castros e saïamos á rúa as nenas amosando con orgullo os nosos estupendos e nutricios ornamentos. O noso amigo Emilio Insua criouse no barrio da Torre e tamén relembra perfectamente aqueles colares. Penso que esas tradicións deberían perpetuarse e non converter este tempo nun mero Carnaval algo macabro. A morte ten inevitablemente esa connotación, pero integra moitas máis: é democrática e igualitaria (cantaba hai anos un cantauotor alentejano que nós moito escoitabamos na época das casetes, Vitorino:  Se a morte fose intreseira, / ai de nós o que sería, / o rico compraba a morte, / só o pobre é que morría), e lévanos a valorar moi ben a medida que envellecemos, cada momento de vida como único, por veces marabilloso, por veces irrepetible. Sen falar doutras concepcións de comunicación vivos-mortos, que xa nos faría quizais derivar a cuestións máis persoais, de pensamento transcendente.

Volvendo ao noso conto, a segunda curiosidade que nos achega aos pobos celtas versa sobre do coche ou carroza da morte. Contábamo María Lema, de Santa Cruz de Rivadulla (territorio mítico, entraba dentro dos dominios da Raíña Lupa: María Lema foi unha das miñas boas informantes sobre os atributos, a forma de ser de Lupa). Cando o seu pai estaba xa cun pé no outro mundo, deitado no leito de morte, ás veces incorporábase coma se oíse chegar o coche ese e exclamaba algo así como dicídelle que espere, que xa irei... aí está, xa chegou o cocheiro, xa vén por min...  María non entendía ben o que o seu pai dicía e supoñía que eran as inconexas verbas daquel que xa divaga ou alucina...  En Asturias tamén coñecen o coche da morte, dedícalle Cabal un capítulo, o ilustre mitógrafo cita idéntica crenza na Bretaña francesa (p. 57 e ss.). Evidentemente, en tempos pretéritos non era tanto un coche coma un carro ou carreta a que viaxaba polos vieiros dos países celtas na procura dos defuntiños. E ata aquí chegamos por hoxe. Quedamos coas ganas de comentar a posible etimoloxía para a voz magosto.

 (Igrexa de Santa María de Oza, onde fora o noso pai bautizado)


 (Cemiterio de Oza, A Coruña, onde o noso pai e mais o seu descansan: camiño deste cemiterio colocaba daquela a rapazada as cabazas con lume dentro para asustaren a xente. Tanto esta foto coma a anterior foron feitas por Charo Soto)

mércores, 26 de outubro de 2016

GALICIA INMORRENTE



GALICIA INMORRENTE


DO CARBALLO.

 (Na coroa entregada a Curros na Coruña hai follas de carballo)

Os nosos devanceiros tiñan en moi alta consideración o carballo. Posiblemente foi unha árbore sagra,  usando a forma breve do adxectivo como no topónimo Pico Sacro. Esta (especie de) sacralización non é privativa de Galicia, desde logo. Frazer amplía o círculo a todos os pobos arios (supoño que hoxe diriamos mellor indoeuropeos).   Imos procurar indicios desta vella sacralización. Indicios que, sen ánimo de precisión matemática, podemos provisionalmente catalogar en tres tipos: a) Ritos curativos, 2) Ritos propiciatorios concretos, 3) Valoración mítico-simbólica.

RITOS CURATIVOS:


O carballo aparece en procesos rituais para curar tradicionalmente a hernia (falábase dos esbrillados ou mellor dito, os esvirillados, tomada a voz do latín virilia, de onde vén o galego virilla ‘ingua’) , e ás veces tamén para curar o enganido (vid.  Mar Llinares, Mouros, ánimas y demonios).  Normalmente había que fender a árbore, que adoitaba ser noviña, podíaselle poñer unha estaca e pasaban a criatura pola fenda, polo medio do carballo, recitando unha serie de fórmulas topificadas. Hai abundante bibliografía ao respecto, para Galicia, para Aragón, Extremadura e para o País Vasco (por exemplo, para Galicia, C. Lisón Tolosana, Brujería, estructura social y simbolismo en Galicia; para Extremadura, J. Mª Domínguez Moreno, “La curación de la Hernia (peculiaridades y particularidades)”, en Revista de Folklore nº 119; para o territorio vascón, http://www.euskomedia.org/PDFAnlt/jgl/36001064.pdf etc.).

Un noso coñecido, de sesenta anos de idade, fainos saber que el mesmo foi curado dunha hernia cando era rapaz no lugar onde naceu, Garciotún, Toledo: pasábase por el rebollo, carballo novo previamente fendido ao medio, o tal rebolo estaba na aldea de Bayuela.

Follas de carballo cerquiño  pódense botar nas augas que se preparan para curar determinadas enfermidades (V. Vaqueiro, Mitoloxía de Galiza, p. 22).

Determinadas partes do carballo entran tamén en xogo para curar outros males concretos: por exemplo, males de gorxa: Miña nai cocía a casca do carballo,  non a de fóra, a de dentro, máis branda e próxima á madeira. Con esa auga resultante fanse gárgaras para os males da gorxa. Facíao así miña nai ( a nai de quen fala o informante, de 63 anos, chamábase Concepción Rodríguez, de Silleda, Pontevedra).













(Ao carballo de san Antonio, en Vilardefrancos, Carballo, A Coruña, faille falla unha boa poda)

 (Unha árbore senlleira comesta pola desidia: medra un acivro pé do carballo)
RITOS PROPICIATORIOS:


Para que o pan levede, por exemplo, serve moi ben un líquido feito con auga á que, entre outras cousas, cómpre botarlle pequenas pólas de carballo (V. Vaqueiro, Mitoloxía de Galiza, p. 66). Tamén as follas do carballo forman parte do conxunto de compoñentes que fan boa a auga da noite de san Xoán (Vaqueiro, p. 342).

Nesta liña ritual propiciatoria hai que situar a crenza tocante ao carballo de san Antonio, que nós recollemos dunha nosa alumna hai máis de vinte anos:

“O Carballo de San Antonio”

                Existe no lugar de Vilardefrancos, no termo municipal de Carballo, unha vella tradición ou lenda baseada na devoción a san Antonio, santo ao que se lle atribúe en moitos lugares a intervención nos noivados e a consecución do noivo ideal, vaia, o que se di un cupido en  versión santo.

                A lenda céntrase nun carballo denominado “o carballo santo”, as dimensións do cal son un tanto esaxeradas, pois mide uns sete metros e medio de circunferencia. Está situado a carón da capela de san Antonio e goza de moita antigüidade, bótanselle máis de trescentos anos. Foi arraigando nos habitantes do lugar a lenda de que este carballo era obra do santo, xa que ningunha outra árbore coñecida alcanzara este tamaño. A árbore presenta nun dos seus lombos un oco que semella unha gruta na que se di que apareceu san Antonio e que alí recollía os desexos das mozas e mozos para conseguir a parella ideal.

                Actualmente celébrase nesta capela pertencente ao que fora o Marquesado de Vilardefrancos, a romaría de san Antonio o día trece de xuño, sendo este o único día do ano en que os actuais marqueses permiten a entrada á devandita capela e ao pazo en que está situada. Durante esa romaría aínda hoxe, despois da misa as mozas bailan arredor do carballo e desde abaixo botan pedriñas ao oco do que falamos, plenamente convencidas de que se a pedra do desexo fica dentro o mozo ou a moza que o consiga deixará de ser solteiro antes da vindeira romaría do san Antonio.

                               (Mª Carmen Sieiro Vázquez, a ela contáronllo os avós)

[Nota: actualmente segue existindo a tradición de botarlle as pedras: deron fe diso tres mulleres inda novas que paseaban unha tarde de domingo deste outono do 2016 en que nos achegamos por alí tras un xantar familiar en Carballo; a capela e o pazo a día de hoxe xa non pertencen ao marqués, senón a un coñecido restaurante que usa ese espazo para celebrar banquetes; respecto ao ritual descrito, cómpre emparentalo con outros ritos casadeiros concretos: con pedras que se tiran a un penedo, ou co costume de anoar unha xesta coa man esquerda, algo que se documenta –así o limos no prólogo escrito polo académico F. Fernández Rey- nos arredores do santuario de Amil e pódese ver inda hoxe nas proximidades da fervenza do Toxa, en terras de Trasdeza, onde nós mesmos temos visto ao longo dos camiños as plantas cos difíciles nós feitos].






VALORACIÓN MÍTICO-SIMBÓLICA: 


Empecemos polo culto e sabedor Sarmiento:

El roble se divide en dos especies. Una la de hojas suaves y otra que tiene las hojas muy largas y anchas y recortadas. Esta es  quercus latifolio o el quejigo castellano. Y el carballo  gallego conviene los 4 árboles en producir bellotas. Además de ese fruto natural produce el árbol  quercus, o como roble, o como carballo, otras muchas producciones que son extraordinarias al árbol. No conozco árbol que produzca más mixtos. Ví y cogí en el carballo  racimos de uvas por abril. Cogí manzanas del cuco como tomates por mayo. Cogí y lamí la miel que resuda las hojas del carballo  por San Juan. Vi y cogí las agallas grandes, con sus picos y las agallas pequeñas muy redondas a las que los niños gallegos llaman bugallones, y éstos son los que usted cogió en el campo, y éstas se cogen en otoño con las bellotas. Además de lo dicho nace en el roble el polipodio, el visco, el lichen en la corteza, los hongos al pie del árbol y el  panus de  Plinio  (libro 16, capítulo 8) que produce el cerro o  agilopus. No me meto con aquel sagrado visco o  gui  que los sacerdotes druidas subían a coger en el roble y con muchas ceremonias supersticiosas y de lo que hay tanto escrito y al cual los celtas atribuían tantas virtudes. Aquí se ven 12 producciones del solo árbol roble o carballo  o  quercus.  (Sarmiento, en Carta 177 1766, octubre, 6. MADRID., en DdD).

Case sentimos o abraio, a admiración viva do sabio ilustrado polo carballo. Non é para menos. El mesmo, noutro lugar, refírese ao “carballo máis grande de todo o reino”: algo do que deberiamos tomar todos exemplo. Tamén na Grande Bretaña, en Kew, nas aforas de Londres, está marcado, delimitado, sinalado como un grande tesouro, o carballo máis antigo daquel reino. Francamente, un indicador óptimo da cultura e do grao de civilización dun pobo, ese amor polas árbores senlleiras.

Cando Manuel Curros Enríquez é coroado no ano 1904 na Coruña como o Poeta  por excelencia de Galicia, a coroa que lle ofrecen leva follas de loureiro e mais tamén de carballo.

O tema sería inacabable. Recollerei para vós un par de lendas emparentadas relativas a unha valoración mítica doutro carballo coruñés. E con isto acabamos por hoxe. Quizais sigamos aínda en días vindeiros.

“O carballo da Nosa Señora de Teixeiro”

                A carón da igrexa parroquial de Teixeiro existe un frondoso e centenario carballo, ao cal os lugareños chaman o carballo da Nosa Señora.

                Conta a lenda que hai moitos anos alguén pensou en cortalo porque facía perigar a igrexa debido á súa proximidade a ela.

                Un bo día, postos de acordo todos os veciños, decidiron acometer a tarefa. Armados con enormes machados, dirixíronse ao adro da igrexa e axiña comezaron o labor, chantando as súas ferramentas no vello carballo. Disque despois de darlle o primeiro machetazo foilles imposible continuar o traballo: deixaron os machados dentro da árbore e, a medida que pasaban os anos, a árbore foinos engulindo.

                Por este misterioso feito, que contan os nosos antergos, chámaselle desde aquela o carballo da Nosa Señora. Puxéronlle este nome porque todos os habitantes da vila deron en pensar que tan estraño feito era un sinal de que a Nosa Señora dos Milagres (advocación da Virxe na vila) non desexaba a desaparición do carballo, que segue aínda medrando, forte e vigoroso, no adro.

                (Alba Alvedro Veira, alumna de COU no curso 97-98; contoullo o cuñado, de Teixeiro).

 “Lenda da árbore de Teixeiro”

                Hai uns cen anos o cura da parroquia mandou cortar a árbore que hai entre a igrexa e o cemiterio de Teixeiro, porque as súas raíces enchían toda a entrada posterior da igrexa: pero sucedeu que ao intentalo a árbore tragou o machado e non puideron sacalo de dentro. A historia non quedou aí, xa que uns anos despois o alcalde decidiu coller a árbore de raíz para transplantala en Curtis, mais aínda que conseguiron arrincala da terra, ao metela nun carro para trasladala a Curtis, ocorreu un milagre: aquel día ía un sol marabilloso e con todo, nada máis moverse os bois, todo se anubrou e empezou a chover, tan forte, tan forte que os traballadores que a levaban tiveron que refuxiarse na igrexa porque non podían andar coa treboada. Durante todo o día choveu e choveu a cachón, e os aldeáns decidiron plantar a árbore de novo, malia as dificultades climatolóxicas, e nada máis facelo así, as nubes desapareceron e o sol volveu saír coma se nada ocorrese.

                E alí segue a árbore, cada vez máis forte e grosa, xa que a xente comprendeu que ela quería quedar en Teixeiro, alí onde nacera.

                (Mapoula Díaz Varela, alumna de COU no curso 97-98; contoullo unha amiga natural de Teixeiro, A Coruña)

[Nota: asóciase claramente aquí, nesta variante, o feito milagreiro do carballo con feitos milagreiros paralelos frecuentemente documentados en Galicia que teñen como protagonista á propia Virxe, en forma de imaxe: a Virxe non quere ser trasladada, dá o lombo aos portadores ou aparece milagrosamente no lugar orixinario, aquel de onde os homes a queren quitar].


 (O carballo de san Antonio. As fotos foron feitas por Charo Soto)


xoves, 20 de outubro de 2016

CLUB DE LECTURA



CLUB DE LECTURA

BENVIDA. ALBINO

Aquí estamos un ano máis. Encetamos coas rapazas do club de lectura dos venres unha nova andaina. No outono do 2016. Teño que traerlles noces e quizais facer unha paréntese para ler con elas aquel relato delibesiano meu favorito que fala do Nilo pai, do fillo e das nogueiras cos froitos que cucaban... A falta de noces, é o chocolate o que serve para darlles a benvida. Tamén as agasallo cun par de libriños, dos que van quedando polo departamento de celebracións xa pasadas. Un publicado pola Real Academia Galega; o outro publicado polo noso equipo de Normalización Lingüística (así se chamaba hai anos). Escollen elas mesmas un par de poemas e vanos lendo. Comentamos dos arcanos, dos vellos símbolos que seguen o vieiro de Pero Meogo: a auga, o cervo, o brial... Antes de que cada rato fose ao seu burato (léase ás aulas correspondentes) decidimos que o primeiro libro de lectura do club será Os vellos non deben de namorarse.

 (Benvida ás rapazas do Club de Lectura dos venres, curso 016-7)


 




Con ese cartafol na man, relembro logo algo do vivido no Instituto no ano 1999. Acabara eu as clases e dispoñíame a saír, e ao pasar por diante do salón de actos vin un home alleo ao centro que procuraba algo, como perdido. Achegueime por se podía valerlle e díxome que era un visitante de paso pola cidade, que viña da Arxentina, que lle parecera atractivo o edificio... Eu daquela ofrecinme a mostrarlle o noso paraninfo-salón de actos e xuntos fomos vendo isto e aquilo, os bustos dos mecenas, as cristaleiras e pinturas dos teitos, os mapas nas paredes dos corredores... El preguntábame cousas do meu traballo, sobre todo ao saber que era profesora de galego,  e como eu non son parca en dar datos, seguiu querendo saber se os rapaces da cidade respondían ao ensino en galego, se eu falaba en galego cos meus fillos... Víase moi amigo do noso idioma e da nosa cultura. Debimos estarmos xuntos parolando unha hora. Despediuse logo amablemente e intercambiamos os nosos nomes. El chamábase Albino. Ah!, eu saquei do bolso un exemplar que levaba do Cartafol de Poesía (por iso volve agora Albino á miña memoria, que a terra che sexa leve, carísimo!) e deillo: aceptouno con sumo gusto. Tempo despois chegou para min ao Instituto un paquete inesperado. Dentro viña unha mostra de agradecemento de Albino. Era un artista agradecido. 

 (Retrato tomado da Internet do xilógrafo Albino Fernández, nado na Habana, de pais galegos, nacionalizado arxentino; foi amigo íntimo de Luís Seoane; ide á wikipedia para saber máis del)

 (Imaxe tomada da Internet da xilografía de Albino F. titulada "Canto de paz, amor e esperanza": un exemplar desta obra foi a destinada para agasallarnos)


(Texto da dedicatoria fermosa de Albino Fernández: "Canto de paz, amor y esperanza" xilografía. María Rosario Soto Arias, que mi canto sea una realidad y sigan trasmitiendo a los jóvenes el amor por la lengua gallega. Con mi cariño para ti y tu esposo. Albino 29-11-1999)