mércores, 5 de outubro de 2016

GALICIA INMORRENTE




GALICIA INMORRENTE


CASTELAO E A ESPIGA


 (No cartel deseñado por Camilo Díaz Baliño, a muller-Atenea-Galicia que porta a roda da industria no lugar do escudo, amosa na man unha poliña de oliveira no canto da espiga: fermoso símolo, abofé, relembra a cidade olívica, hoxe en día a máis industrial de Galicia)

A espiga que ten Castelao na foto que nos presenta un noso alumno de 4º da ESO nun traballo breve pero enxunlloso ou substancioso, a espiga –dicimos- ben podería considerarse outro bo símbolo de Galicia. Sobre todo a Galicia do Segundo Rexurdimento (tempo das Irmandades e Grupo Nós). En canto vin a foto dixen para min Ou Virxe! Igualiño que fixo Manuel Rivas cando foi nomeado Doutor Honoris Causa pola Universidade da Coruña e presentouse co ramalliño de toxo na man! Son seres humanos dunha estética que me atrevo a cualificar de franciscana (permitirédesmo, porque inda onte celebramos  e conmemoramos o paso de Francesco d’ Assisi polo mundo). Co mínimo, coa humilde planta, logran un significado máximo.

Na historia da literatura galega a espiga atopámola xa no milagre narrativo afonsí, aquel que transcorre no prado de Atocha, no que logo será a metrópole de Madrid; os pais están na seitura e a meniña mete a espiga na boca, atragóaselle e se non é por María, morre afogada.

En Cabanillas atopamos as  espigas mestas e douradas no poema dedicado a Basilio Álvarez; reloce no poema “O santo de Asís en Compostela” (en Camiños no tempo) espiga en lirios albos. Cabanillas usa moitísimo a alegoría do semeador, da espiga chea, pronta para ser seiturada. É un espléndido símbolo de traballo, suor, vida, froito que debe ser recollido, transformado en nova vida. Símbolo, en suma, do pobo amado. Cabanillas, como antes Xesús, como Castelao, aman o pobo que traballa e non sempre recolle o froito do seu traballo. Que mellor símbolo para os agraristas do primeiro terzo do século XX?

En pleno século XXI, Manuel Rivas troca a espiga polo toxo e aló onde vai, sempre que ese contexto cobre para o autor noso xa universal e coruñés un valor esencial, porta na man esa especie de bandeira bicolor (verde/marela). Pregunteille, dime, Manuel, por que levabas no Paraninfo, cando te nomearon DHC, o toxo? En lembranza da Zapateira/Elviña, ou como símbolo de Galicia enteira? Respondeume así: En “As voces baixas” conto unha historia da infancia,  apañando flor de toxo coa miña nai para levarlle a unha tía enferma do corazón. E antes xa escribín un libro titulado “Toxos e flores” [de ensaio] no que aparezo co toxo na man. De mozo, aos recitais levaba un toxo e en todos os actos no estranxeiro sempre levo un toxo. Para min é o mellor símbolo da historia de Galicia e do ser humano e dos animais: a mestura de espiña e chor. Moitas grazas e moitos novos libros, Manuel!

Agora déixovos co traballo do noso alumno de cuarto da ESO no curso 2016-17, Manuel González Balayo.
:::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::




Cabo do cemiterio de Lira está, hoxe agachada no lateral dun monumento, unha fotografía histórica por moitos motivos. Ata este estremo lugar de Galicia chegou Castelao no ano 1936 para dar un mitin a favor do Partido Galeguista. Na fotografía, Castelao retrátase cos mozos do lugar. Ao fondo, obsérvase un outeiro no alto: decatámonos abraiados, cun arrepío: ese monte é a Torre dos Mouros. Castelao deu o mitin de Lira cunha espiga na man, para falar da reforma agraria, e contoulles aos labregos da parroquia unha metáfora do que era preciso para Galicia. Cóntao Antón Reixa, a partir da tradición oral que se preservou en Lira:

Ao longo do seu discurso, foi insertando o conto da machada: un fillo que un día e outro lle promete a un pai que vai cortar leña para conxurar o frío e volve sucesivamente co mango da machada escachado.

Logo continuaba o discurso e cando Castelao detectaba certo aborrecimento na súa audiencia, volvía outra vez con que outro día o fillo lle dixera o mesmo ao pai (…) e o discurso avanzaba ata que Castelao chegaba a conclusión desexada e o pai dicía algo así como: “Fillo, o que tes que facer non é volver facer o mango, senón cambiar de madeira”. A partir de aí, do cambio de madeira, Castelao construía metaforicamente o cambio estrutural que lle cumpría a Galicia.
http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2012/07/08/torredosmouros-7-e-8-de-xullo/


Praza de Castelao, onde pronunciara un mitin ante 200 mozos nacionalistas de Lira

martes, 27 de setembro de 2016

LENDO A



LENDO A


LENDO REFRÁNS DOS XUDEUS SEFARDÍS

 (Mapa antigo de Toledo)

Xa sabedes, os que fostes alumnos meus, o moito que me gustan os refráns. Este ano, tras máis de 15 sen facelo, dou clase en 4º da ESO e todos os días empezo cun refrán. Escríboo na pizarra e logo pido ou ben que sinteticen o tema (nunha palabra, ou nunha frase nominal) ou ben que mo expliquen coas mínimas palabras posibles. Este día –non quero cansarvos- lembrei un da miña avoa coruñesa (díxenlles: vouvos dar un refrán de vellos, pero aí queremos chegar todos...): “Quen pasa o outono, pasa o ano todo”. E preguntei a ver que entendían. Tras uns dez segundos, levantou a man un rapaz. Deille a voz: “Significa que igual que caen as follas no outono, poden caer mortas as persoas nesta época, como se houbese a crenza de que é unha época do ano en que morre máis a xente”. Pareceume brillante. Transversalmente recordeilles que cae máis o pelo e que si, hai que coidar sempre a saúde e o corpo,  mais especialmente debemos preocuparnos no cambio de estación. Creo que a eles tamén lles gustan algo os refráns. Non é infrecuente que me digan antes de irme, e o refrán do día que?



Teño un libro nas mans absolutamente delicioso. Titúlase: Refranes de los judíos sefardíes, e o responsable desta coidada edición é Enrique Saporta y Beja. Compreino en Toledo, facendo a Ruta do Quijote cos alumnos de bacharelato do Instituto.

O primeiro que chama a atención é a lingua, tan arcaica, un español de sabores cervantinos, de séculos áureos... e con influencias doutras linguas, do turco por exemplo. E eu atreveríame a dicir que do galego-portugués tamén. Logo vos poño algún caso. Outra cousa que chama a atención é a idiosincrasia: os refráns, coma as frases feitas, son depositarios de costumes, tradicións, cosmovisión do pobo que os xera. Mirade este: Le quitó el ojo preto (=sacoulle o ollo negro), hai que ter presente para entendelo que os ollos negros son apreciados pola cultura sefardí como os máis fermosos: logo quitarlle iso a alguén vale por dicir que lle arrincaron o máis valioso que tiña. Ou escoitade estoutro: Quien come peche, meche ‘quen come peixe, mexe’, é dicir, arrola o berce, de onde se deduce que consideran afrodisíaco o peixe (nós consideramos máis ben o marisco como afrodisíaco, e especialmente as ostras).



Igual que na mitoloxía e en xeral, no imaxinario popular galego, vemos no mundo sefardí que aparece  con frecuencia o número sete para ponderar, para simbolizar o todo ou gran parte do todo: culevra de siete cavesas, por exemplo.

Igualmente é digno de subliñarse a existencia dunha especie de refrán para significar que alguén é ou parece ser adiviño: Comió medra de endivino ‘Comeu merda de adiviño’. En galego temos dúas variantes, unha medieval (Avuitor comestes, que adevinhades, nunha cantiga de Estevan Coelho) e outra máis actual (Comiches moucho, que adiviñaches), sempre co vbo. comer

 (Enxoval de noiva hebrea. As 3 fotos foron feitas por Charo Soto na exposición visitada en Toledo en marzo de 2016)

Algúns refráns relembran moitísimo o folclore contístico europeo... Velaquí un par de casos: Todo lo que quita de la boca: perlas y diamantes: simbolizan as boas palabras que saen da boca dalgunhas persoas, coma un don: así tamén aquela rapaza boa a quen a mala madrastra manda á fonte (como enésimo traballo do día...) por auga e alí atopa unha fada madriña, a nena é xentil, malia o cansazo, e a fada concédelle que cada vez que fale, saian pola súa boquiña perlas sen fin... E estoutro refrán: Quitar el pelo del huerco (onde o huerco  conmuta polo demo), tamén é doado de vincular a aquel conto popular, onde o personaxe protagonista debe lograr precisamente iso, arrincarlle un pelo ao demo (faino mentres dorme, normalmente coa axuda da nai do demo, nai amable). O valor do refrán é lograr algo moi difícil, como sarcarlle cartos a un avaro ou así.

 (Sinagoga de Santa María a Branca, Toledo. Foto tomada da Internet)

Naturalmente hai tamén refráns universais (que transmiten conceptos de valor universal, que se documentan en moitas culturas do planeta): chama a miña atención os que ponderan o silencio e aqueloutros emparentados que advirten dos perigos de falar... Coincide este punto de vista con moitos outros refraneiros (relembremos o moi galego que di: A mellor palabra é a que está por dicir), pero especialmente coincide coa paremioloxía árabe e especialmente libanesa, no que eu sei.

La palavra tiene cuatro cantones (catro recantos ou esquinas: catro formas de entenderse, como mínimo...).

La palavra tiene dos cutchiyadas (dous gumes: agrada ou fere).

La palabra vale un ducado, el cayar cien (non precisa comentario).

Palavrada y piedrada no atornan atrás (común nas linguas hispanas).

Outro concepto de valor case que universal: Comer e bever asentado, durmir de costado. A chamémola interdición de comer de pé aparece en galego. Da nosa nai valdeorresa: Saco de pé nunca cheo é, hai variante quizais máis coñecida: O que come de pé nunca cheo é, e sabemos, grazas ao Padre Sahagún, que os nahua aconsellaban sentar para comer: No comas de pie, te casarás lejos, dicían.

Rematamos xa. Vouvos citar un monllo de refráns sefardís onde é posible albiscar influencias do noso dominio cultural occidental ibérico:

Pan con buracos, queso sin buracos (variante: Pan con ojos y quezo sin ojos). Á parte da orixe occidental da voz buraco, vede que este refrán está ben documentado na paremioloxía galega: O pan, con ollos; o queixo, cego, e o viño, anexo (Vázquez Saco, nº 17537, en Cadernos de Fraseoloxía Galega5, p. 660) (Variantes na mesma páx: Pan con ollos e queixo sen ollos; Pan con ollos, queixo sin ollos e viño que salte ós ollos).

Cedasico nuevo, ¿onde lo meteré?, e Cedasico nuevo, tres días a la paré parecen estar construídos seguindo o modelo das frases proverbiais galaicas:  Miña peneiriña nova! (frase que se di cando alguén está moi ilusionado ou contento por unha novidade), e Miña peneiriña nova, tres días na trandeira e os outros na borralleira; Peneira nova, quince días (expresan escepticismo sobre o que pode durar un capricho ou unha ilusión nova).

No enmelesques ajos con barajos parece estar construído sobre a paremia galega na que combinan allos con bugallos.

Muera Pato, muera farto parece estar feito sobre Morra Marta e morra farta.

Un camino, dos mandados (cun significado paralelo a matar dous pombos dun tiro): coñecemos tres variantes en galego. Unha recollida da oralidade: Facer dun camiño dous mandados; as outras recolleunas Vázquez Saco: nº 7413, Cun avío fanse dous mandados, nº 7415: De camiño, dous mandados (cita o noso erudito sacerdote a Correas, pero co subs. vía, Una vía y dos mandados. A palabra ‘mandado’ co valor substantivo de ‘encomenda, encarga’ documéntase na lírica xa no 1220.

Si el buey lo encornó, en buen lugar lo etchó está construído sobre un modelo galego, do que temos unha vez máis unha serie de variantes: Boi que me turrou, en boa terra me botou; O boi que me acornou, ben me escarmentou; O boi que me escornou en boa parte me deitou (Pedro Benavente e Xesús Ferro, Refraneiro Galego da vaca, p. 33; a explicación semántica semántica máis convincente é destes dous autores; citan o aforismo latino Ex malum bonum, quer dicir, que ás veces dun mal atiramos proveito).

Percura por la ventura recorda moito a combinación do mesmo par léxico presente na paremia galega  A mala procura trae a mala ventura. Pero o refrán sefardí cambiou a polaridade negativa pola positiva: hai que procurar (esforzarse) para ter ventura.

Outros posibles galeguismos no refraneiro sefardí que estamos considerando serían: Mungirlo a uno ‘espremer a un’ (documéntanse ben no DdD as variantes de muxir con sílaba trabada por nasal: munxir, munguir).

Longe de vista, longe de corasón (vello refrán galego e portugués, que se corresponde ben co castelán Ojos que no ven, corazón que no siente).

Lo contado se lo yeva el gato (refrán moi común e ben documentado, tanto en galego como en portugués actuais, hai variante co lobo, Do contado come o lobo).

Salen cativos todo tiempo que están bivos (di o comentarista que cativo ‘ruín, malo’ é un posible italianismo; igualmente e quizais con maior probabilidade, un galeguismo, cfr. Que farey eu, cativo pecador,  xa no 1240, no Corpus XELMÍREZ).

Podiamos seguir con outros posibles galeguismos léxicos, abundantes no refraneiro sefardí, pero queden na man (ou no tinteiro, se preferides). Iso si, concluamos marabillándonos do amor desta xente, os sefardís, pola terra de España e Portugal. O meu esposo, discípulo que fora de Manuel Alvar, que en paz descanse, recorda aínda que cando o novo Manuel fixera a mili no norte de África, aproveitaba para recoller doces cancións sefardís (de vodas, de amor..., preciosas, puiden ler algunhas). Muñoz Molina escribiu hai tempo xa un libro, Sefarad, cuxa lectura tamén vos recomendo. E aquí déixovos por hoxe.

Quédame unha curiosidade: en Corme, provincia da Coruña, din coma unha especie de refrán ou mote, ou xogo lúdico de palabras: Fotes, viñetes e nada me trouxetes. Esas formas verbais de pretérito de indicativo son propias da lingua sefardí (Comites, no comites, en la meza estuvites, por poñer só un exempliño deste noso libro comprado en Toledo). A fórmula cormelá é moi coñecida polos cormeláns, mais local. Dá a pensar que houbo unha xudaría, un asentamento xudeu nesa vila rica na beira do mar Atlántico. Non é o único caso en Galicia, evidentemente, onde houbo varias. A xudaría máis famosa de Galicia estaba en Rivadavia, ou polo menos é unha das que levan máis fama...