mércores, 10 de agosto de 2016

VISITANDO



VISITANDO O BÁLTICO



Acabo de chegar de viaxe polo norte de Europa. Deixei un pouco abandonado o blog e o xardín. Creo que secaron definitivamente dous groselleiros que me regalaran Puri e Toto en marzo, canda o meu cumpreanos. Por aquí, pola doce terra de Deza, fixo moita calor estes días atrás; en troques polas terras bañadas polo Báltico, o sol brillou pola súa ausencia. Ben, debo dicirvos que viaxamos os tres (iamos ser os catro pero o fillo maior quedou por mor do traballo, mágoa) nun cruceiro. Unha cidade de seu, eramos preto de tres mil almas. Tamén debo xustificar esta opción porque nunca sentín a mínima atracción pola vida cruceril. Pero uns amigos encarecéronnos tanto a súa experiencia hai un ano polo Mediterráneo, tanto tanto e eles son tan apreciados por nós que decidimos probar; iamos seguir máis ou menos fielmente os seus pasos: Atenas, un par de illas gregas e Estambul, integrando –iso si- como visita obrigada a illa de Creta (onde se supón que a cabra Amaltea criara a Zeus), e cando xa estaba todo reservado e contratado, suprimiron da ruta Estambul e no seu lugar ofrecíannos un par de illas mínimas. Nada, viramos ao norte.


Os nosos amigos non pillaran un cruceiro tan mastodóntico. A chegada ao porto de Amsterdam e a vista daquelas ringuileiras infinitas de xente, as formas expeditivas de mandarnos ir de acó para aló, tipo gando, a presenza de anciáns prototípicos de película con xubilados en Miami Beach, a vista do xigantesco barco-cidade, todo isto fixo que na primeira xornada case me entrase unha especie de desánimo depresivo, cun pensamento dominante, Que fago eu aquí?

 (No 'Hermitage' había moitos obxectos feitos en malaquita dos Urais; todas as fotos son tomadas por nós)
 
Non está na miña natureza, afortunadamente, compracerme no desánimo. Ao feito, peito. Habería que buscar o positivo. Haber había moitas cousas boas: amplo camarote con balcón e hamacas aberto ao mar; un servizo superamable e atento; comida excelente, variada e abundante; boa música (The Funky T, a banda oficial do barco, 5 xoves que tocaban estupendamente versións de Tom Petty, Van Morrison, The Rolling, Creedence...), unha piscina climatizada con luz natural inenarrable, unha biblioteca de aquí te espero onde nos deleitamos horas e horas (a ver se vos conto algo dos libros curiosísimos que puiden controlar, porque, carísimos, case todo o inglés que eu estudei de nena no Eusebio perdeuse irremediablemente no tocante á competencia oral, pero leo o que me boten na lingua de Graham Greene...), un salón de xogos onde emulei aos meus ancestros (papá e o avó Manolo, que eran grandes afeccionados) xogando ao dominó... E logo están os conxéneres, a grande familia hispanoamericana, que boa xente había, tanto de México como de Arxentina, ah!, e a parella de catalán e rusa (Alina): encantadores todos. 

 (Unha 'Koré' da cultura minoica, do 670 antes de C., en depósito no Hermitage, unha marabilla)

E tras estes prolegómenos (na época da Universidade era prototipo de lingüista avanzado e poderoso o danés Louis Hjelmslev, cuxa obra capital se titula Prolegómenos a unha teoría da linguaxe: en Copenhaguen dixen a ver se hai sorte e vemos unha placa na que diga ‘aquí naceu/viviu/morreu L. H.’ pero xa me desenganou o meu sabio esposo, calquera outro personaxe aínda aínda, pero Charo, un lingüista, esquéceo...) entremos en materia. En primeiro lugar quero falarvos de San Petersburgo. Quizais a cidade visitada neste periplo favorita. As outras eran tamén fermosas, pulcras, elegantes, pero a rusa, con esa pátina gris –recibiunos con chuvia e ceo anubrado- familiar, con ese aire de certa decadencia, de estar aínda ancorada no pasado próximo, a min relembroume por veces o Porto de hai anos..., San Petersburgo antollóuseme moi humana; coincidiunos que o domingo celebraban o Día da Mariña ou da Armada Rusa, había barcos de guerra griseiros engalanados no río, un grandísimo submarino, bandeiras por onde queira e todo o mundo se botou á rúa, en familia, en son de festa rachada... A nosa guía (pai  cubano e mae rusa, nacida alí e criada en Oriente, Cuba, preto de onde viviron anos largos os meus avós maternos, onde naceron os catro irmáns da miña nai...) advertíanos aquí e acolá que tiveramos coidado cos carteiristas, os bolsos diante, o importante sempre diante, preto do corazón, dicía (e eu pensaba en Nápoles, ese tipo de cidades algo caóticas mais auténticas). Este é o momento en que vos digo que unha servidora leu de rapaza a Tolstoi, a Dostoievski, a Gogol, a Chejov (e inda releo con pracer). Esta vosa servidora pensa como Tolstoi que os nosos países son irmáns, e algo malfadados na súa historia... Antes de que ela, Estrella, nos falase, eu xa sabía o que era unha dacha, como sei das batallas contra Napoleón (Guerra e Paz), como sei o que é unha isba (con paticas de galiña, grazas aos contos de Afanasiev); cando un coro ad hoc (para turistas) cantou para nosoutros no pazo de Catarina a grande en Pushkin, emocioneime: permitídeme a hipérbole: oía e tocaba a saudade da alma rusa. Ah! Os humanísimos tópicos e mitos dos seres humanos que amamos tanto a terra que nos criou! A Terra nai. Sei igualmente que toda a terra é do home. Dicía o meu esposo retranqueiro, Rusia tiña que entrar na Unión... El dicíao con algo de retranca porque todos sabemos que a día de hoxe é pedirlle peras ao carballo, pero eu contestei, Ou Virxe, que gran idea! Que máis quixera Europa que ser así de grande!


Un tema recorrente nas visitas ao Hermitage, aos xardíns de recreo nas aforas (Peterhof) e nos pazos ou palacios é a referencia inevitable á guerra. Impresionoume vivamente. Galería de fotos da destrución. O pobo, sempre o pobo, foi heroico. Coma o pobo coruñés (a menor escala, evidentemente) no asedio dos británicos, como o zaragozano no dos franceses, como o de Madrid, varias veces heroico, o pobo ruso da cidade visitada resistira case tres anos o asedio fascista. Non puideron os nazis penetrar no casco urbano, pero si estiveron na periferia (palacio de Catarina, xardíns e pazos de Peterhof) e a rapina foi brutal, sistemática, incriblemente ben organizada. Xa vedes para o que valen tamén as guerras, fillos: para roubar coma os 40 ladróns elevados á enésima potencia. Na biblioteca do barco, entre as pequenas xoias que atopei, vin unha publicación en 6 tochos, 6 volumes, co catálogo inabarcable do roubado só alí. Parte foi recuperado, parte grande non. Alemaña pagou 11 millóns de euros só para recompensar o roubo do ámbar (da famosísima Sala de ámbar do palacio de Caterina en Pushkin). Que pasada!

 (Durante o asedio alemán, diante da igrexa do santo Isaac, no corazón da cidade,  plantáronse coles)

E vimos unha voda, baixaba a comitiva por unha especie de peirao á ribeira do Neva, preto das esfinxes exipcias. Brindaban co cava ruso (no restaurante tamén nolo serviron a nós, xunto coa obrigada copa de vodka que hai que baixar dun grolo, de vez, porque se non rasca a gorxa, ou iso din porque esa bebida non entra nas nosas preferencias –pero si que nos quedamos coa copla da graduación: parece que se debeu a Mendeleiev, o da táboa periódica: el decidiu que 20 graos eran poucos, 60 demasiados, 40 a medida xusta-, como tamén nos agasallaron co famoso caviar servido á maneira do país: nunha rabanada fina de pan orlado de manteiga) e logo chimpaban co cristal contra o chan para concitar a boa sorte, mentres gritaban a coro Gorka!, que significa non Que se beixen!, como facemos nós nas nosas vodas modernas, senón Amargo!, porque amarga é a copa da vida do matrimonio algunha que outra vez. Non todos os días son de perdices e viviron felices. Iso é sabedoría ancestral. Gustoume.
Explicaba Estrella que aínda perduran os apartamentos comunais e moitos do noso grupo querían saber en que consiste (eran dous grupos en español, se ben a maioría no cruceiro se defendía perfectamente en inglés). Eu díxenlle ao meu fillo, hai que ver a peli de ‘Doutor Zhivago’ para saber en que consiste iso... Basicamente onde antes vivía unha familia burguesa, tras a revolución de outubro, a soviética, pasan a vivir tantas familias como habitacións tiña o piso/apartamento, e comparten facendo quendas cociña e baño. Alina negábao. Xa non hai diso, ou polo menos eu non coñezo ningún caso...


(Foto da destrución e foto actual, xardíns e palacio de Peterhof, nas aforas de San Petersburgo)

 

Remato por hoxe: impresionáronme tamén os bosques. As fragas nas aforas da cidade. Masas mechas,  masas de escuro verde. Os bosques de Pedro e o lobo, os bosques dos contos populares (por certo, sabedes que en Siberia por causa do home e a subida das temperaturas rexurdiron do subsolo restos de renos con ántrax? Un horror...). Comentaba ela que aos seus concidadáns moito lles gusta ir na fin de semana recoller cogomelos, amorodos e bagas silvestres, que adoitan facer marmelada en abundancia para o inverno. Nas dachas tamén cultivan en pequenos hortos todo o que poden e fan conservas para aforrar algo. Os soldos da inmensa maioría non son moi altos e cómpre economizar.

sábado, 23 de xullo de 2016

ENTREVISTAS



ENTREVISTAS A MULLERES QUE AMAN GALICIA

ENTREVISTA A Dª CARMEN PRIETO RAMOS, DIRECTORA DO ARQUIVO DO REINO DE GALICIA.


- Como se sente ao ser a primeira muller neste cargo?
-Considero que o feito de ser a primeira muller que accede á Dirección do Arquivo do Reino de Galicia é casual. No eido dos arquivos a presenza feminina é abundante e en consecuencia tamén en postos de responsabilidade. Ata agora o Arquivo do Reino de Galicia non contara con directoras, pero os Arquivos históricos provinciais de Lugo, Ourense e Pontevedra si estiveron dirixidos por mulleres con anterioridade.
É certo que a nivel xeral as mulleres tardaron bastante en acceder á dirección dos grandes arquivos, a pesar de que como técnicas e auxiliares  formaban parte do cadro de persoal de todos os centros arquivísticos. Así cando Rosario Parra pasou a ocupar o posto de directora do Arquivo Xeral de Indias en 1968 representou algo tan novidoso que ata o diario ABC se fixo eco desta nova.

- Díganos, por favor, onde estudou o bacharelato? Recorda con especial afecto a algunha profesora ou a algún profesor?
-Realicei os curso de bacharelato (o antigo BUP)  e COU no Instituto Martaguisela do Barco de Valdeorras (Ourense) e teño moi bo recordo tanto do centro coma dos compañeiros e profesores. En setembro do ano pasado organizouse  unha xornada de reencontro á que asistimos máis de 80 ex-alumnos e 12 profesores. Resultou unha experiencia tan agradable para todos que xa se está falando de repetila.
Non obstante,  de todos eles teño un recordo especial da profesora de Bioloxía de 1º de BUP, a profesora de Matemáticas de 3º de BUP e COU e do profesor de Historia da Arte de COU, xa que nestes casos confluíron en maior medida un alto nivel de aprendizaxe e boa sintonía a nivel humano.

 (Fachada do edificio sé do Arquivo do Reino de Galicia, con parte do Xardín de san Carlos diante, rodeado este á súa vez pola vella muralla que cinxía a Coruña antiga; todas as fotos foron tomadas da Internet)

- Como inflúe na súa vida ter este posto de responsabilidade?
É grato formar parte dun centro con unha traxectoria tan ampla e que dende o século XVIII constitúe unha presenza permanente na cidade da Coruña e ten representatividade en toda Galicia;  polo que pasaron persoeiros tan destacados como Manuel Murguía (director do Arquivo ) e Vicente Álvarez de Neira (director do Arquivo e un dos fundadores do Colexio de Avogados da Coruña).
Xestionar e representar este centro é unha gran reponsabilidade pero tamén unha honra: seguir a traballar por manter e difundir o patrimonio documental de Galicia, así como prestar un  bo servizo á cidadanía. Para isto por sorte o Arquivo do Reino de Galicia conta  cunha traxectoria longa e consolidada,  un persoal  moi profesional ao que lle gusta o seu traballo e ilusión por seguir facendo cousas novas.

- Agora mesmo, que está lendo?
Estou alternando tres libros, todos eles relativos a persoas que conseguiron realizar os seus soños a base de perseveranza e que están relacionados con expedicións:
-A biografía de Mary Kingsley, a denominada raíña de África, que en 1893 marchou soa a África e realizou importantes estudos etnolóxicos e científicos, e que ademais foi a primeira muller en subir ao Monte Camerún.
-“A flor de piel”, de Javier Moro, relato novelado da expedición de Francisco de Balmis para levar a vacina da varíola ás colonias españolas en América e Filipinas, que partiu do porto da Coruña en 1803.
-“Vilcabamba. El refugio sagrado de los Incas”, de Santiago del Valle. Relato da investigación ao longo de moitos anos (dirixiu máis de dezaseis expedicións con arqueólogos, historiadores e voluntarios) ata conseguir identificar o emprazamento de Vilcabamba la Grande e o recoñecemento oficial do Ministerio de Cultura do Perú deste feito. 



- Que lugar ocupa o arquivo que dirixe a nivel español ou europeo?
O Arquivo é un centro de titularidade estatal e xestión transferida á Xunta de Galicia.
Isto supón que custodia fondos tanto da administración central como da autonómica, ademais de aqueles arquivos privados e coleccións que se depositen no mesmo.
Antes da transferencia tiña a consideración de “rexional”, xa que a documentación que custodia abrangue toda Galicia. Na actualidade xa non inclúe na súa denominación nin o termo xeral nin rexional, pero podía simplificarse do seguinte xeito:
-a nivel nacional estaría no segundo estadio, despois dos grandes arquivos xerais como o Arquivo Histórico Nacional, Arquivo xeral de Indias, ......, que teñen documentos que abranguen todo o territorio de España ou polo menos o de dúas comunidades autónomas;
-a nivel autonómico, forma parte do Sistema de Arquivos de Galicia. Na Lei de arquivos e documentos de Galicia aparece singularizado e poderíase dicir que estaría no primeiro nivel, tanto pola súa antigüidade coma polos fondos que contén;
-a nivel internacional, e dentro do Consello Internacional de Arquivos –ICA-  (organización profesional da comunidade de arquivos dedicada a promover a conservación, desenvolvemento e utilización do patrimonio mundial dos arquivos, e que reúne aos responsables de arquivos nacionais, todo tipo de arquivos e asociacións profesionais)  estaría encadrado dentro da Categoría C, que corresponde ás institucións que se ocupan da administración ou conservación de documentos e arquivos ou da formación de arquiveiros.
Á marxe das consideracións administrativas, o Arquivo do Reino de Galicia é un centro coñecido e recoñecido tanto a nivel nacional como internacional. Proba disto é que recibimos consultas de todo o mundo, e hai anos sucedeunos un feito curioso: Na Biblioteca da Universidade de Wisconsin-Milwaukee (UWM), atoparon uns libros diarios de fareiros do semáforo de Estaca de Vares de 1887 a 1909 facendo inventario e acordaron devolvelos ao seu pais de orixe. Despois de informarse en internet decidiron que o centro máis axeitado para envialos era o Arquivo do Reino de Galicia. Contactaron con este centro por correo electrónico, e despois de varias comunicacións e trámites cos responsables da Universidade, finalmente recibimos os libros en 2009.

-Podería falarnos minimamente dalgunha das xoias custodiadas neste arquivo?
-Partindo da premisa de que todos os documentos de conservación permanente dun arquivo son importantes (xa que son testemuños de dereitos e obrigas tanto da administración como dos cidadáns), hai algúns documentos singulares e/ou valiosos por varias razóns : antigüidade, información contida, etc. ata  incluso polo seu valor artístico unido ao informativo.
Pola antigüidade citarei os pergamiños medievais, especialmente os de procedencia real (Coroa de León e Castela); polo seu contido e valor como fonte para historia hai que indicar por ex. moitos expedientes xudiciais, especialmente os da Real Audiencia de Galicia e a súa continuadora a Audiencia Territorial , o catastro do Marqués de la Ensenada, os documentos das xuntas e deputacións da época da Guerra da Independencia e anos posteriores,..; e no terceiro caso planos manuscritos incluídos en expedientes da Real Audiencia de Galicia, así  imaxes  da Colección fotográfica e de postais.

M. Carmen Prieto Ramos
Directora do Arquivo do Reino de Galicia
Xuño 2016
(Entrevistadora: Estela González Pardo, alumna de 1º de bacharelato).

mércores, 13 de xullo de 2016

GALICIA INMORRENTE



GALICIA


ALGO SOBRE AS SEREAS


Un día díxome a miña amiga Uxía que Galicia, para ter como ten tanta costa, non era moi rica en lendas con ou sobre sereas. Nunca estiven totalmente de acordo con esa afirmación. Creo que hai dabondo material ao respecto, se se me permite a pouco poética expresión. Porque realmente o tema é poético. Ten algo de misterio pola irrealidade pero tamén a forza recorrente con que atopamos o mito espallado aquí e acolá, e ten moito de beleza literaria. Entre nós, polo menos desenvolveron o motivo dous dos grandes, Otero Pedrayo (nun breve relato cheo de simbolismo publicado na revista Nós e titulado precisamente A serea) e Cunqueiro, dentro do libro Merlín e familia.

 (Serea coruñesa. Foto tomada da Internet)


A materia das sereas entronca na materia das Donas das Augas, tanto dá que sexan augas das chamadas interiores ou do mar,  que son moi comúns en Europa, onde as atopamos con distintos nomes: en Friul chamábanas Aganas –de aghe ‘auga’-; en Cataluña, en Asturias, en Alemaña _Lorelei ou Lorelai, no río Rhin-, as lumias daniñas de Euskadi e de noso, as lavandeiras nocturnas bretoas e galaicas, as Xacias do Cabe galego, as Ondinas, as mulleres-foca das Hébridas, as Melusinas do sur de Francia, as mulleres-serpe das nosas fontes... É esta unha materia que permite varias aproximacións. Por exemplo, podiamos derivar ao subtema da Natureza constante da criatura viva. Hai variantes e hai invariantes: en moitos destes relatos que tocan a Muller da Auga, ela tarde ou cedo, volve ao seu elemento (así as mulleres focas, as Melusinas, as mulleres serpes galegas non desencantadas, as xacias lemavas –das terras de Lemos). É doado establecer o paralelismo co relato-conto mítico ou fábula da donicela (a quen Venus fai muller mais na noite de vodas ve un rato e non pode resistir a tentación de botarlle a gadoupa: triúnfa a natureza primeira, a constante ou invariante, por dicilo así). Outro subtema perceptible é a ambigüidade inherente á polaridade semántica básica: o positivo versus o negativo. Son boas ou son malvadas estas Donas das Augas? Igual que a esfinxe (prototipo clásico de ser feminino híbrido: ser ambiguo cunha linguaxe críptica, ambigua por definición), a serea representa moi ben este digamos arquetipo discutible, a ambigüidade: a Maruxaina lucense é o caso galaico paradigmático. Uns din que era boa e axudaba aos mariñeiros mentres que outros din que era mala e atraíaos co seu canto para facelos afogar. 


 (Debuxos de Castelao publicados na revista Nós, sobre os escudos de Rianxo. Vedes a serea que logo retomará para o Escudo de Galiza que el deseña. Estas sereas fálanos da pervivencia do mito da serea de Sálvora, a serea muda, que entronca coa lenda recollida por Leandro Carré Alvarellos, a lenda da casa dos Mariño, unha das máis antigas en ser documentada en Europa, pois que aparece xa no Nobiliario do Conde de Barcelos)


Porque frecuentemente a serea canta: atreveriámonos a dicir que ese é o seu atributo máis coñecido, divulgado por toda Europa e parte do resto do mundo grazas quizais á Homero. Na nosa península é o romance do chamado Conde Olinos o modelo áureo onde mellor ficou gravada esa virtude. Relembrade que xa tocamos ese aspecto marabilloso da literatura hispánica tradicional noutra páxina do blog. O canto da serea do mar fai que todo o universo se deteña e abraie para oíla. Non é pouco poder. Non nos estraña que na Biblia se nos fale de anxos especializados no canto. A voz, a voz, sempre a voz, a de Salinas, a do puro gong tibetano, a voz de todas as aves do mundo de amor dician...

Hai varias poesías de tipo popular, fragmentos esgazados talvez –algunhas polo menos- de vellos romances, onde pervive esa marabilla de canto:

Indo polo mar abaixo / oín cantar unha serea, / ¡Vállame Deus como canta / unha cousa tan pequena!”

“Se ti quixeras oír / os meus mellores cantares, / non saberías se era eu/ ou a serea dos mares”.

“Moi ben canta, moi ben canta/ a sereíña do mar, / os mariñeiros dan a volta / só pola oír cantar”

“Vállame Deus o que canta/ a sereíña do mar! / Os mariñeiros dan a volta / só pola oír cantar”.

“Vállame Deus o que canta / a sereíña no mar, / os navíos deran volta / só pola ouvir cantar” (estas cántigas están tomadas dun artigo de Carmen Hermida que podedes ler en: http://es.slideshare.net/redemuseistica/ardentia4-a-muller-nas-cantigas-do-mar).

Pero volvamos á Maruxaina da mariña lucense. Este día mirade o que me contaba unha miña coñecida, cuxos pais eran naturais de san Cibrao: “Así que tes oído falar da Maruxaina... Pois cando eramos nenas, viñamos pasar o verán a san Cibrao, e ao meu pai gustáballe ir coa barca, era unha barca pequeno, de remos, ía aos farallóns, eran tres, como tres illas, a Maruxaina estaba na Sombriza (logo estaban a Baixa e o Pé), había bos percebes... Cando volvía a casa, recordo, frotaba así as mans e dicía “que frío vos vai, que frío vos facía nos Farallóns, tiven que ir tomar un café quente á Taberna da Maruxaina... Menos mal que tomei un café quentiño na taberna da Maruxaina...” E as catalanas, chamábanlle así, eran tamén varias irmás, ían recoller o pai que viña das illas, da pesca, e dicíalles el, “tomade miniñas, estes carameliños que me deu para vós a Maruxaina na súa taberna...” E nós, as tres irmás, cando nos levaba na barca, algunha vez o ten feito, diciámoslle “ai, papá, lévanos á taberna da Maruxaina”, e el dicíanos “hoxe non pode ser, subiu a marea e xa non se pode pasar”... O que era ser neno, que todo o criamos...

Entón eu, para confirmar, pregúntolle: Entón a “taberna” era a caverna onde se supón que habitaba a Maruxaina? E ela respondeume: “Si, claro, era unha caverna”. Ou unha furna, como lle chaman normalmente os mariñeiros ás que hai no mar (se escribides a palabra furna no DdD e ledes o que deixou escrito D. Eladio Rodríguez González, entenderedes ben por que na Coruña temos dúas esculturas en forma de serea...).

As lembranzas fermosísimas e entrañables de Dolores Martínez, filla de nativos de san Cibrao, axúdannos a entender un par de cousas: que a Maruxaina é un ser mítico feminino amable en boa medida; que os paisanos xogan coa etimoloxía popular igualando caverna  e taberna (difíciles de unir etimoloxicamente porque os latinos non confundían v e b, inda que si se confundan nas distintas formas medievais peninsulares; cando nós estudabamos e traduciamos latín había uns versos - de Horacio?- onde se dicía que a  pálida morte entra por igual nos pazos dos reis e nas tabernas dos pobres, e nese verso a voz taberna ten o valor xa perdido na lingua actual de choza... quen sabe se na ancestral orixe da voz haberá relación coas táboas...), e en terceiro e último lugar, exemplifícanos moi ben ese proceso de degradación (unha variante do proceso universal de aculturación) que as vellas materias, as vellas culturas experimentan co cambio de estruturas –de pensamento, de ciencia...- que necesariamente ocorre ciclicamente para seguirmos sempre cara adiante, polo menos teoricamente, na dinámica do que damos en chamar o progreso. As vellas deusas protoindoeuropeas, como tantos outros indicadores dun estrato precristián, demonízanse e convértense en bruxas con grans no nariz que montan varredoiros rudimentarios; moitos dos mitos clásicos reformúlanse en contos infantís, ou en esquemáticas fábulas simplificadas que serven de apotegmas morais ou moralexas; os vellos deuses europeos desfilan –segundo algúns autores, nunha hipótese moi verosímil- polas rúas da moderna Europa o día de Carnaval. E neste enfoque ameno, incluso entrañable, dos pais do san Cibrao lucense para deleitaren e burlárense asemade dos fillos, vemos como o lúdico se apodera do que noutrora quizais fose un rito serio, unha veneración arcaica polas terribles forzas do Cantábrico, no mesmo sentido ou en paralelismo con aquelas serpes que Atenea manda desde o mar a Laocoonte, aquela Coca arrepiante que asolagaba a vella Pontevedra, necesitándose doce mariñeiros fortes unidos para vencela, aquel ser igualmente terrorífico, o Hakemann ou os Siora suecos dos que nos fala Fermín Bouza-Brey (en Etnografía y Folclore de Galicia).

Esta forma lúdica de relacionarse os homes feitos coas criaturas inxenuas relémbranos moito a arte de cazar gamusinos, gazafellos, godofellos ou gozofellos (entre nós, porén,  a voz máis común é biosbardos) arte documentada en todo o terzo norte peninsular, desde Euskadi e León, ata chegar a Galicia. Quede iso para outro día.
(A sereíña de Copenhague, tributo dos daneses ao relato de Andersen. Era tamén muda, vemos aquí outro dato de paneuropeísmo, vínculo de unión entre partes distintas de Europa, un mito compartido; foto tomada da Internet)