xoves, 7 de abril de 2016

As nosas músicas: Silvia Pérez Cruz



Silvia Pérez Cruz: Blancanieves & Miña nai, miña naiciña 

Esta cantante, da que alguén dixo que ten unha voz luminosa, atesoura un premio Goia pola canción Blancanieves. Desfrútaa.


Coetus, con Silvia Pérez Cruz: El gallo rojo
(Sección coordinada por M. S. García, coa colaboración de X. P. Mondelo)

domingo, 3 de abril de 2016

A CORUÑA



A CORUÑA


O MANUSCRITO ENCONTRADO NA CORUÑA


LIMIAR:


Hoxe vou abusar da vosa paciencia. Un prezado amigo deste Instituto _colaborador no libro do 125 Aniversario_, ceutí de nacemento inda que coruñés de adopción e creo que tamén de corazón, José Ramón Soraluce Blond, convidounos este día (29 de marzo) ao acto de ingreso no Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses, a aló fomos, moi honrados. O lugar espléndido (salón de plenos do Concello, maceiros incluídos, con imaxes míticas por onde queira) e a conferencia fascinante. Traduzo ao galego para vós seis páxinas (cando vexades tres puntos suspensivos entre parénteses sabede que suprimín algo de materia por xulgala non imprescindible). Á volta de abril –porque o resto do més ímosllo dedicar a Miguel de Cervantes- virá o resto, deo volente. Maduraremos, mentres tanto, esta lectura…

 (Sala capitular do Palacio Municipal da Coruña: no centro o señor alcalde, á esquerda o conferenciante, á dereita o encargado da contestación, señor Andrés Fernández-Albalat y Lois)


TEXTO DA CONFERENCIA:


“O título desta comunicación “O manuscrito encontrado na Coruña”, fai referencia, como posiblemente coñezan, a unha obra literaria de ficción publicada en Polonia en 1804 titulada “O manuscrito encontrado en Zaragoza”, cuxo autor Jan Potocki se suicidou nada máis terminar de escribila. En 1965 o director de cine tamén polaco, Woiciech Has, levouna ao cine e, con posterioridade, puiden vela dramatizada no Teatro da Latina de Madrid baixo a dirección de Francisco Nieva. O argumento daquela novela consistía na narración da experiencia extraordinaria dun oficial da garda valona do rei de España, durante o seu percorrido por un fantasmagórico país, entrelazando alucinantes aventuras e incribles personaxes da España do século XVIII.

O capitán, protagonista da obra de Potocki, chamábase Alfonso van Worden, xove militar de ascendencia flamenga que durante a súa odisea por Serra Morena,  trabou amizade con outro militar chamado Marin Truq, francés de nacemento e coronel do exército español. Unha tarde nunha pousada, mentres bebían cadansúa xerra de viño, contáronse as súas experiencias neste país de tolos a cuxo rei viñeran servir. Alfonso van Worden narrou, a grandes trazos, o relato que logo aparecería manuscrito en Zaragoza, mentres que Marin Truq contou ao flamengo como, sendo un xove galo, se alistou no Corpo de Enxeñeiros do Rei de España, dado que a súa modesta orixe lle tería impedido prosperar na carreira militar do seu país, Francia, onde a oficialidade de alto rango estaba destinada para berces máis nobres có seu.

Segundo dixo o enxeñeiro, no ano 1718 ao ministro Alberoni  non se lle ocorreu mellor idea que envíalo coa armada destinada a conquistar Sicilia, chegando a Palermo un caloroso día de xullo. Marin relembrou a van Worden aquela desastrosa travesía (…).

Tampouco o seu percorrido por España fora tranquilo. Marin Truq foi destinado en 1723 a Cádiz para levantar os planos de praza, coa intención de construír unha maqueta daquela cidade, aínda que os caprichos do alto mando fixeron que o seu enorme esforzó acabara esquecido en Madrid, no caixón dalgún despacho do palacio do Bo Retiro (…).

O francés amosou igualmente a súa desilusión, tras realizar en Barcelona o mellor proxecto que ningún enxeñeiro puidera imaxina. Tratábase dunha operación especulativa entre a burguesía local e o alto mando da rexión, consistente en roubarlle a Cartaxena o Arsenal Naval e construír un novo na Barceloneta, levando a Cataluña o Departamento Naval do Mediterráneo. Seguiu narrando Marin: “Podedes imaxinar o esfozo e a ilusión postos no meu traballo, que coma sempre acababa sendo rexeitado”. O seu relato, cargado de amargura, continuou recordadndo como desde Barcelona embarcou para Málaga, co encargo de proxectar o seu novo porto que coma sempre non chegou a ver construír. Volveu recoller  as súas arcas, familia e trebellos para dirixirse a Zaragoza, esta vez coa misión de fortificar a Alxafería.

Canso de percorrer o país con máis pena que gloria, foi destinado a proxectar outro Arsenal, nada menos que a Ferrol no recanto máis afastado da península, viaxando tras adiantar dos seus aforros o custo do transporte de toda a familia.

Chegados a este punto da narración Marin Truq fixo unha pausa: (…) “Pero falta o máis insólito da miña historia _dixo Marin_ e non quedarei tranquilo se non  a coñecedes. Trátase do destino final da miña aloucada vida ambulante, unha poboación perdida na Fisterra, onde fun  dar cos meus ósos moídos pola reuma, A Coruña”. O seu interlocutor suxeriulle daquela que, antes de deitarse, lle escribirá as súas impresións daquela inhóspita cidade para poder incorporalas ao seu propio relato, o manuscrito que despois sería descuberto en Zaragoza. Máis de tres horas tardou Marin en escribir o seu texto (…), con tal mala fortuna que o documento quedou imprudentemente esquecido, sen que nunca chegara ás mans do aventureiro flamengo. Pasaron máis de dous séculos ata que o manuscrito de Marin Truq foi atopado no Arquivo do Reino de Galicia, chegando ás miñas mans en outubro de 1985, grazas á amabilidade de D. Antonio Gil Merino. A estas alturas do relato, supoño que lles interesará saber o que escribiu sobre a nosa cidade o oficial francés do Corpo de Enxeñeiros. Algunhas partes do manuscrito xa as publiquei hai anos, pero o seu contido completo segue parecéndome moi interesante.

(…)

 (Porto da Coruña no s. XVIII, foto reproducida polo prof. Meijide Pardo nun dos seus libros de historia)

Durante a súa estancia na Coruña, Truq foi comisionado para inspeccionar as prazas e fortificacións do Reino de Galicia, informando á Capitanía Xeral da súa situación e necesidades. Esta visita realizouse antes de 1755, recorrendo a costa entre o río Miño e Castropol. No informe oficial encontrábase incluída a descrición sobre a cidade da Coruña. Non sabemos como este documento militar acabou pertencendo ao escritor D. Francisco Vaamonde Lores, descoñecemos como chegou ás súas mans xunto con outros manuscritos do Exército. Afortunadamente, todo acabou depositado no Arquivo do Reino cos seus fondos persoaias adquiridos pola Xunta de Galicia a unha veciña da cidade, cuxo nome non foi dado a coñecer.

A descrición da praza iníciase co porto e as súas excelentes condicións, malia a falta absoluta de limpeza dos vecinos: “A Praza principal deste Reino é a Coruña, está situada na entrada dunha Península que forma coa volta que fai a Costa un Porto moi capaz, e bastante abrigado e bo para todo xénero de Navíos”, aínda que a continuación sobre a súa limpeza pode lerse: “O pouco coidado dos memos natural s que o arruinn botando diariamente nel, terra, cascallos, ruínas de casas, e todas as inmundicias da Cidade e Pescadería senqe o Goberno o estorbe”, o porto era un auténtico vertedoiro de lixo.

Un enxeñeiro militar, como Marín, non podía deixar de mencionar as murallas, da que nos fai unha descrición que parece estar escrita uns meses antes da súa recente restauración: “As casas desta Cidade por dentro están tan arrimadas a estas murallas que non deixan terreo pa parapetos regulares e menos para terrapléns capaces para poñer canóns… As Murallas que miran ao Mar están en mediano estado e os seus parapetos son suficientes respecto dos que non se poden arrimar os Navíos a elas, poñas penas que as defenden. Os aires coméronlles as  xunturs das pedras e a humidade fixo crecer nelas moitas hervs e ramas de árbors que debern arrancar, limpar e revocar con pedra e cal para previr maior ruína”, xa ven como, desde sempre, muralla e vexetación estiveron íntimamente unidas.

 (Gravado de Coruña do s. XVIII; como no caso anterior, percibimos máis dun muíño na península)


A saúde dos coruñeses era pésima, aínda que vivían moitos anos. As dous mil seiscentas familias que compoñían a súa poboación eran vítimas da mala alimentación e das enfermidades producidas pola humidade: “O aire da Coruña é bo e os naturais veñen moi vellos. Teñen a cor bastante boa e teríana mellor se se alimentasen, mais a maior parte do Pobo miúdo mátase de Fame, a enfermidade que máis se padece é a destilación pola grandísima humidade da Terra, provenite das choivas continuas que caen aquí, e das máis qe rodean a Cidade. Poucos médicos e boticas hai nela”. A alimentación centrábase no millo para as clases populares, o centeo e o trigo para as clases acomodadas, a froita escaseaba, era mala e pouca, o único que sobraba na península era o viño: “…carece de leña e a qe se usa diariamente é de toxos qe se encontra na cima de todas as montañas”.

(…)

Unha mañá de novembro de 1755, sentiuse un tremor na casa da rúa Real na que residía o enxeñeiro. A súa experiencia de tantos anos de traballo permitiulle identificalo cunha sacudida sísmica, polo que acudiu coa súa carruaxe ás obras do cárcere, que naqueles días se construía baixo a súa dirección na praia do Parrote, comprobando como os solos de madeira e os andamios da obra se esboroaran sen causar maiores danos. Non podía supoñer o noso narrador que se acababa de producir o maior terremoto do século na cidade de Lisboa (…).

“Esta Praza áchase hoxe dividida en dúas partes, a primeira chamada a Cidade, posta sobre un cabo de dita Península algo eminente e a outra a Pescadería que foi un Arrabalde, que se fabricou pouco a pouco desde a Porta Real ao longo do Porto, e na entrada e máis estreito de dita Península agora áchase o máis grande, máis poboado e máis rico Lugar de Galicia [Pueblo de Galicia], pois nel está todo o Comercio, os Navegantes e as Mestranzas ou Gremios de modo que se poden hoxe dividir estas dúas habitacións en Cidade Alta e Baixa”.

(…) “Os camiños desta Provincia que son carreteiros ten de ancho o dos carros da Terra que por demasiado pequenos non levan case nada, moitos destes camiños son fondos por razón das moitas augas que os cavan sempre e mais porque os naturais nunca os componen, isto é común a toda Galicia”.

(…) “As augas que serven de abasto da Coruña veñen de fóra, e son de dúas fontes, a primeira que é a vella chámase tamén fonte do santo André [San Andrés], ten a súa orixe a un tiro de Canón da Muralla da Pescadería de cinco mananciais que se xuntan nun conduto a flor de terra que sae na Pescadería diante da Igrexa do santo André nº 39. A segunda empezouse en 1724, para levar augas na Cidade Alta, veñen do lugar de san Pedro parte debaixo terra parte enriba de grandes murallas [murallones], segundo o nivel regular das augas, está un tiro de fusil da Pescadería onde quedaron por falta de diñeiro para proseguir, e por razón da fortificación nova non poderá pasar adiantes na mesma conformidade, senón por debaixo de terra ata a Cidade, onde falta enteiramente auga para beber, e só teñen algún pozos nas casas particulares, pero de mala calidade, e só poden servir para guisar e lavar a roupa. Na Península áchanse catro fontes escasas de auga no tempo de verán, con todo serven moito ao Pobo”. Segundo esta información, o acueduto das pontes non está derruído como parece, senón sen acabar por falta de financiación, tamén menciona que xa existía unha fonte na rúa San Andrés anterior á neoclásica de Neptuno, levantada en 1791.

(Outra pintura do século XVIII, arredor de 1767, cando a expulsión dos xesuítas, vese que embarcaban no porto coruñés)


(…) “Os Muíños para moer o trigo están fóra son de auga, e poucos para o abasto do Lugar [Pueblo], a maior parte do Pan que se consume vén a diario de Betanzos, cidade a 3 leguas da Coruña, e de Bergantiños lugar a dúas leguas, e faltando este pan un día, quedan Famentos os seus moradores. Na Península hai un muíño de vento que pode servir moito en tempo de sitio para o abasto da Guarnición, esta falta de Muíños tan esencial dun Lugar debérase remediar canto antes, e pódese con facilidade facendo outros Muíños de vento na mesma Península”. (…)

“Tamén falta na Coruña almacéns de trigo, non os hai, nin públicos nin particulares, vén o gran ou fariña de fóra todos os sábados (que é o día de Mercado) á Praza onde compra o Pobo o que necesita, ou o que pode co que se acha sempre na continxencia de faltar do que máis lle importa para a súa subsistencia, cincunstancia perigosa para esta Praza, que se pode afamar con non levar, ou embarazar que se leve, só unha semana os grans da Campaña da Cidade ou o pan de Vetanzos”.  Como se ve a poboación vivía ao día, permitindo con iso que os subministradores de pan abusaran dos presos, e incluso boicoteaban a súa venda, como soía ocorrer acotío: “Experimentouse o ano pasado a importante falta de providencia por moitos días que careceu de pan esta Cidade porque os  Colleiteiros cerraron os seus trigos para facelos subir de prezo, abuso que se debe castigar, e que o gobernó da Cidade debe previr facendo Almacéns de Trigo para o público en casos semellantes, que cada día pode ocorrer”.

(Este cadro pódese apreciar no Museo do Castelo de san Antón; volvemos ver unha fermosa estampa da Coruña amurallada do século XVIII)

xoves, 31 de marzo de 2016

Video de Iciar Bollaín para Aldeas Infantiles SOS

OS OUTROS BLOGS, AS OUTRAS PÁXINAS NA REDE

Todos os días necesitamos nutrirnos: como necesitamos respirar: como necesitamos sentirnos parte dun todo. Hai, porén, días en que nos cómpre un plus dese arquetipo (a unión amorosa e solidaria). Vivimos días de ira, logo procuremos enchouparnos ben de humanidade. Déixovos nas mans desta boa xente con quen moitos de nós colaboramos. Déixovos nas mans de Iciar Bollaín, por exemplo... 

(Mario S. García e Charo Soto)

domingo, 27 de marzo de 2016

VISITANDO

VISITANDO EXPOSICIÓNS



O enigma desvelado: O Pergamiño Vindel

Con motivo da inauguración da  exposición na sede de Afundación de A Coruña, Tesoros ocultos: los manuscritos iluminados más valiosos de Europa,  o editor Manuel Moleiro, ourensán, afincado en Barcelona, un referente no eido da publicación de facsímiles, inclúe o Pergamiño Vindel,  que reproduce coa mesma fidelidade que caracteriza os seus traballos.

 (Fotografía do actual arquivo da Torre do Tombo; a torre medieval onde antes estaba veuse abaixo tras o terremoto do século XVIII)
 
A conferencia de inauguración correu a cargo da profesora de filoloxía galega da USC dona Mariña Albor e titulouse O enigma desvelado: O Pergamiño Vindel. Nela deu conta da historia do Pergamiño, folla que atopou ao azar o libreiro Pedro Vindel , que lle daría o nome,  en 1914 como gardas dun volume de Cicerón De Officiis .  Nel atópanse as sete cantigas de amigo de Martín Codax, aínda que o realmente importante é a música que as acompaña, concretamente a seis delas, por non aparecer esta nos Cancioneiros da Lírica galego-portuguesa onde si están os textos do xograr do mar de Vigo.
Este feito tan significativo da música foi o que lle chamou a atención ao musicólogo catalán Rafael Mitjana que llo mercou a Vindel e levouno a Suecia onde exercía de diplomático, a pesar das reticencias do libreiro madrileño a que saíra de España.
Durante décadas estivo en Upsala, case perdido, e despois da morte de Mitjana foi poxado xunto con outros libros e adquirido pola la libraría Sandbergs Bokhandel por setenta e oito coroas suecas (o equivalente ao prezo dunhas cervexas, como ten apuntado M. Moleiro).
En 1977 finalmente, mercouno a  Morgan Library de Nueva York, onde segue despois dun percorrido tan azaroso como os lamentos da protagonista dos versos: ”Ondas do mar de Vigo,/ se vistes meu amigo?/ e ai Deus , se verra cedo?”


Na conferencia deuse conta tamén dos traballos realizados por cinco especialistas coordinados pola mesma doutora Arbor sobre o punto de vista histórico, o punto de vista da escritura, da música e o propio texto como tal.  Apuntando un dato a destacar,  o Pergamiño sería un bifolio do século XIII,  procedente dun escritorium que contaba con medios, tanto humanos como materiais, xa que o estudo do mesmo revela que participaron dous copistas, dous rubricadores e un músico. Respecto da música é moi complexa e do estudo da mesma encargouse Antonio Calvia, investigador de Filoloxía musical. Os estudos especializados sobre o Pergamiño son de Simone Marcerano, que abordou a descrición codiciolóxica, Antonio Ciaralli, que afroutou a paleográfica e Rip Cohen que se encargou da edición e comentario.

 (Foto tomada da Internet do Profesor Harvey Leo Sharrer, iberista, profesor emérito da Universidade californiana de Santa Bárbara)
 
O profesor emérito Harvey L Sharrer,  presente igualmente no acto, participou tamén nos traballos sobre o Pergamiño Vindel e fixo o prefacio do volume que acompaña ao facsímil.





Non remato sen darvos conta da autoridade que representa na Filoloxía galego-portuguesa o profesor Sharrer, titular na Universidade de California, que en 1990 no Arquivo da Torre do Tombo, en Lisboa, descubriu un pergamiño do século XIII coas sete cantigas de amor do rei Don Denís de Portugal, tamén coa música. Desde aquela, leva o seu nome, Pergamiño Sharrer.



Benigna Vidal Tomé
Profesora de Lingua e Literatura galegas no IES ‘Eusebio da Guarda’. A Coruña.

domingo, 20 de marzo de 2016

ENTREVISTAS A SERES QUE AMAN



ENTREVISTA A HOMES QUE AMAN A MÚSICA. E  OS LIBROS TAMÉN. 


ENTREVISTA A NANI GARCÍA. 



Mª R. Soto- Grazas, Nani, por dedicarnos parte do teu precioso tempo. Comezamos con algo de información sobre ti para os nosos alumnos máis novos. Es coruñés, cofundador na década dos 80 do grupo Clunia; non creo esaxerar nada se digo que es unha figura senlleira do jazz galego. Tamén compós, traballas como profesor (cursos teórico-prácticos sobre Composición Musical para Imaxe) e como director artístico (festival Imaxina Sons de Vigo); fixeches música para películas (eu lembro con especial abraio De profundis), para operetas (A Berenguela)... Que che queda por experimentar, Nani?

-A verdade é que o mundo da música é inabarcable e polo tanto teño aínda moito que aprender e experimentar. De feito non vou ter tempo de poder facer todo o que me gustaría. Ou polo menos así o sinto neste momento. Moito do que fago ou ben é por encargo ou ben é consecuencia de compromisos que adquiro pero paralelamente hai moitísimos proxectos que teño en mente facer,  ou que polo menos me gustaría levar ao cabo algún día, para os que teño que buscar momento e/ou financiación.





- Cal foi o primeiro libro en galego e/ou en castelán que liches?



-¡¡Buf!!, Nin me lembro. Supoño que algún dos que me veñen á memoria: Corazón de Edmundo de Amicis, Plarero y yo, algún libro de Enid Blyton ou Allain Quatermain de Rider Haggard. Tamén lembro As aventuras de Arthur Gordon Pym de Poe. Algún deses debe ser. Pero estaban en castelán. Curiosamente empecei a ler en galego durante a miña estadía en Suecia. Por esa época tiña xa 22 anos e como non tiña acceso a moita literatura galega pois matriculeime en portugués na universidade de Estocolmo e comecei a ler en portugués. Lémbrome vagamente dalgún libro de Carlos  Casares, Fole ou Dieste nesa época.



-     E en sueco?

-En sueco estaba máis dedicado a os libros ou apuntes da universidade que había que ler en sueco ou en inglés. Fóra deses libros non me lembro ningún. Hai uns anos intentei ler a saga de Millenium de Stieg Larsson en sueco comecei con “Flyckan som lekte med elden” (A rapaza que xogaba con lume) pero deixeino enseguida. Resultoume difícil de máis.

(As fotos foron tomadas da Internet)



-Agora coa música: cal foi o primeiro disco, o primeiro tema, o primeiro músico do que gardas memoria, que marcara un fito importante, iniciático, na túa vida?

-Ben, o primeiro disco non é pero si foi un dos que máis me marcou. Lémbrome dun LP que me abriu a cabeza para sempre no seu momento. Chamábase “LLena tu cabeza de Rock” e editouse alá polo principio dos anos 70. Era unha recopilación de grupos americanos da época que aínda non chegaran a España neses momentos. Foi todo un descubrimento. Acabo de buscalo en internet e efectivamente non foi unha ensoñación. Existiu.

Había grupos como Chicago, Flock, Taj Majal, Leonard Cohen, Janis Joplin, etc. Foi un fito para min e unha das cousas posiblemente que definiu a miña vida para sempre. Esas cousas nunca se saben onde e cando poden aparecer pero aparecen nalgún momento da túa vida.





- Que libro che prestaría ler agora en galego e/ou en castelán? Que disco che prestaría comprar?

-Non compro cds dende hai tempo. Son socio de plataformas como Spotify e con iso e coa librería que xa teño e moitos cds que recibo de agasallo teño de abondo para escoitar ata o final dos meus días. Sempre pode aparecer algunha cousa que tería que comprar pero iso cada vez é máis raro. É o sino dos tempos que xa nos tocan vivir, polo menos en canto á música se refire.

En canto a libros gustaríame ler o último de Rivas ou descubrir algún novo (novo para min). A verdade é que hai tantos…





- Algún título (libro/disco) para agasallar a un amigo ou amiga?

-La embriaguez de la metamorfosis de Steffan Zweig. En música, non sei. A verdade é que hai tempo que xa non penso en cd físico. Recomendaría a escoita dalgún autor.

E son tantos… Jarret, Richard Strauss, Arvo Pärt, Bill Evans, Mikael Wolny, Joshua Redman, Brad Mehldau, Tigran Hamasyan, todo Miles, John Williams, John Adams, Herbie Hankock, Jonh Zorn, Bach, Ligetty, Magnus Lindberg…

- Que libro/disco tes neste momento enriba da mesiña de noite, no e-book, no lector de CDs?

-“Francamente, Frank” de Richard Ford, “Crimen e castigo” de Dostoyevsky, “O capital no secúlo XXI” de Thomas Piketty, Madame Bovary (no ordenador) e un ensaio, que me leva moitisimo tempo, sobre o concepto infinito de David Foster Wallace. Tamén ando carretando dun lado para outro dende hai moitos anos “The catcher in the rye” en inglés, que retomo de cando en vez. Sobre todo cando viaxo a visitar a miña familia en Minesotta. Sérveme de estimulador e recordatorio para cando teño que poñerme en situación no contexto anglo-parlante. Outras lecturas nas que me gusta bucear son ensaios sobre a música e a súa contorna.

- E cal está agardando hai moito tempo por ti?

-Non o sei. A verdade é que vou picando aquí e alá segundo me pida o corpo. O que si adoito facer é combinar narrativa con ensaio para non saturarme. Por exemplo gustaríame volver  ler “Cien años de soledad”. Supoño que o farei en breve. Ou mesmo rematar algún dos relatos que me quedan de Roberto Bolaño no seu 2666. Tamén me apetece ler algún da serie de Mario Conde de Leonardo Padura. Lín hai pouco “La novela de mi vida” e abraioume. En canto a ensaios sobre música poden ser libros ou simplemente artigos que atopo en internet ao chou ou que alguén  me recomenda.



- Houbo algún textos ou autores (tanto libro como música) que che quedasen na memoria para sempre? Algúns versos dun dos teus poemas/cancións favoritos?

-Non sou moito de reter na memoria frases ou poemas pero si que hai libros ou músicas que sempre recordarei. Moitas das músicas da época de rapaz e que se agora me poño a escoitar xa non o fago da mesma maneira. Algunhas desas músicas volvinas comprar en CD, a maioría non. Mirando coa vista atrás dáste conta que cada época ten a súa música e iso ao final remata sendo un signo distintivo que compartes con certa xente. Dende a música determínase de forma clara o Zeitgeist dun tempo.

En canto a libros, pois moitos seguro. Na época de universidade lémbrome con moito cariño da inmersión no mundo de Herman Hess ou de Samuel Beckett. Cando vivía en Estocolmo lémbrome tamén dun libro que lin en Portugues, “Meu nome é Asher Lev” de Chaim Potok. Trátase da vida dun neno que quere ser artista. Impactoume moito. Hai poucos anos busqueino e resulta estar editado nunha editorial de libros relixiosos, pois este Potok debe de ser ortodoxo xudeu. De feito é rabino. Recoñezo que cando o lin non fun nada sensible ao  seu proselitismo. Haber había seguro. Pero no seu momento a historia epatoume.



-Grazas por todo, Nani. Unha aperta. Os nosos mellores desexos para o futuro.