domingo, 6 de marzo de 2016

A NOSA CASA



A NOSA CASA


Hoxe cedemos a palabra ao noso colega e amigo, Raúl Trillo. Fágovos unha confidencia (unha ao ano non fai dano): xa fun amiga e compañeira de pupitre da súa irmá, Mª Jesús, hai anos, neste mesmo Instituto. Época feliz: corriamos no recreo xogando ao racacá, xogabamos ao baloncesto, xogabamos a “Cesta e puntos” co profesor Mejuto en Xeografía de primeiro...
Unha das escaiolas tiña dentro unha especie de papiro coruñés, pero ese é tema para outro día. Outra das escaiolas está asinada por Isidoro Brocos: figura sumamente interesante, igualmente merecedora dun comentario especial. Temos materia para seguirmos falando unhas cantas horas máis aínda na nosa vida. Confiemos en ter longos anos de vida por diante!
::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::



NOTAS SOBRE AS ESCAIOLAS DO CENTRO
Ata ben entrado o século XX, non digamos xa a finais do XIX, as ensinanzas nas Escolas de Arte (tanto Artes e Oficios coma Belas Artes) eran basicamente “academias clásicas” da cultura occidental. É dicir, fundamentadas na arte greco-romana procesado polo Renacemento, Barroco, Neoclasicismo ou Romanticismo.



A análise da forma tomaba coma modelos para o debuxo ou o modelado e esculpido, esculturas coma o Apoxiomeno de Lisipo, o Doríforo de Policleto, a Venus de Milo, o Laocoonte de Agesandro..., ou calquera outra escaiola que ás veces era de excepcional calidade e incluso extraída de baleirados feitos directamente das orixinais. Práctica, esta, inconcebible hoxe en día, xa que ningún museo ou colección permitiría unha manipulación tan arriscada dunha peza antiga.

As escaiolas conservadas neste instituto proceden da aula de modelado da antiga “Escola de Artes e Oficios” situada na planta baixa do centro ata o seu traslado á nova sede de Orillamar co nome “Pablo Picasso”. Están datadas entre 1882 e 1893 e coma é un material fráxil están moi deterioradas polos numerosos traslados e golpes recibidos ao longo de máis dun século, e por non poder ser preservadas nas adecuadas condicións.

Os autores das devanditas escaiolas son tanto profesores (Isidoro Brocos, nada menos) coma alumnos (A. Martín, M. Magariños, J. E. Romaní, Afonseti, Villoch...), de inspiración pompeiana, barroca..., con profusión de motivos vexetais e heráldica.

O proceso de elaboración é o seguinte: primeiro modélase o motivo (copiado ou inventado) en barro cos palillos de modelar de madeira de buxo. Unha vez rematado faise o baleirado en escaiola mediante un molde. Neste molde, verdadeiro “negativo” do modelo en barro, pódense reproducir tantas veces como se queira os exemplares que se conservan no centro.

Nun futuro estas escaiolas terán a consideración que merecen e estarán expostas e preservadas como reliquias dun tempo periclitado.



Un último apuntamento: a pátina gris non debe limparse, de tal manera que deben estar limpas de po pero coa cor que lles corresponde polos seus anos e que forma parte da súa historia. Polo menos é así como eu o teño visto en museos ou coleccións.
Raúl Trillo Docampo. Catedrático de Debuxo do IES ‘Eusebio da Guarda’.


               

xoves, 3 de marzo de 2016

As nosas músicas: Camariñas, por Luz Casal



Luz Casal con Luar na Lubre: Camariñas

(Sección coordinada por M. S. García, coa colaboración de X. P. Mondelo)

domingo, 28 de febreiro de 2016

VISITANDO...



VISITANDO O MUNCYT


Este xoves pasado, 25 de febreiro, o noso amigo Mario (colaborador e man dereita na posta en marcha do blog des que empezamos, en outubro do 2013) impartiu unha conferencia no MUNCYT coruñés. E alá fomos, varios rapaces do Club de Lectura, un morico de profes e unha servidora. A sala estaba cheíña. Foi un exitazo. Sentabamos por grupos en mesas redondas, con iluminación suave, había lámpadas que imitaban velas e creaban un ambiente que a min me fixo relembrar unha vez que o irmán da miña amiga londinense nos levara a un club de jazz no Soho, nunha desas noites literarias da vida de cadaquén. O tema da conferencia de Mario era unha interrogación pseudo retórica (supoñemos que si mais non hai certezas absolutas): É necesaria a auga para a vida nos planetas extrasolares?

Escuso dicirvos que me encantou todo o que oín. Díxenlle a posteriori a Mario que había que vivir varias vidas e nunha delas eu probaría a ser científica: claro que case estou segura de que, se puider renacer, renacería filóloga. Son formas de falar. Cando cheguei a casa, repasei todo o que non entendín ben ou todo aquilo que non me quedou moi claro. Fíxenlle ao meu sufrido amigo 16 cuestións, que tivo a ben contestar con infinita paciencia. Creo que estas cuestións serven perfectamente para abrir boca e lograr que vos interesedes minimamente pola astrofísica e outras herbas relacionadas co grande tema, o tema dos temas, xunto co amor: a vida.

 (A presentación da conferencia, a cargo de Ana Correas, coordinadora desta sé do MUNCYT, foi de dez)


CUESTIÓNS PARA MARIO:


Charo Soto: - Cando traballabas en Indra, detectabas fallos eléctricos en aparellos Harrier… e nalgún outro tipo de avión?


Mario S. García: -Sí, tamén colaborei no Airbus-320 (un orgullo que sexa todo feito en Europa) e no helicóptero Super-Puma. Neste último lembro tiña que entender o funcionamento dunha unidade que medía a altura do helicóptero e tiña tres procedementos distintos segundo as circunstancias. Medir a altura é un tema vital cando o aparello atópase a baixa cota. Un pelouro pode enganar ao piloto…

O traballo consistía en desenvolver unha batería de probas que atoparan onde fallara a unidade electrónica… ou ben que confirmara que estaba lista para voar de novo.


- O texto de Galdós (de “Prim”, nos Episodios Nacionales). Pódesmo pasar? [nel fala Galdós da existencia de infinitas estrelas, de infinitos mundos…].


- A verdade é que non lembro como chegou ás miñas mans. Pero a experiencia me di que empregue as casualidades que me chegan cando estou cun tema. E esta foi así, como tamén o foi a historia da plataforma de xeo na Antártida, eu buscaba outra cousa e cando a atopei dixen: Bingo! Xa teño o que quería.


-  Exactamente cantos exoplanetas se teñen catalogado e descuberto desde 1995?


- Pois iso depende do catálogo que mires, uns son máis conservadores, outros máis atrevidos. A aplicación que levo no móbil di que agora mesmo son 2.019.

  (Carteis publicitarios da NASA sobre os exoplanetas que simulan os de destinos turísticos antigos)

- En planetas con dous soles como TATOOINE [ese que aparece nun episodio da Guerra das Galaxias], teriamos 2 sombras con distinta cor? Entendino ben, é así?


-Exactamente. O sistema Kepler-16 ten dúas  ‘pequenas’ estrelas, unha enana vermella e unha anana laranxa. As sombras que producirían no planeta Kepler-16 b serían de distinta cor.


- Puxeches como exemplo de atracción gravitatoria (de efecto gravitatorio) o que exerce Xúpiter sobre o sol. Pero puxeras outro exemplo que me perdín. Cal era?


- Xúpiter ten 318 veces a masa da Terra. Todos os obxectos exercen, coa súa gravidade, un efecto sobre do arredor, especialmente se están preto. Tamén a Terra, pero, comparado co tamaño de Xúpiter ou o do noso Sol, a Terra é coma unha formiga. En canto á pregunta, supoño que te refires ao segundo método de detección, RV ou velocidade radial, similar ao efecto que notamos nas sereas dos vehículos [canto máis cerca de nós, máis agudo é o son que oímos; canto máis lonxe, máis agudo], e que coñecemos como ‘efecto Doppler’. Neste método percibimos cambios das cores da estrela, dun xeito periódico van e veñen, e dinnos: ‘Algo está exercendo certo tirón gravitatorio sobre min’.


- Confirma que recollín ben os tres métodos principais para detectar a presenza ou existencia dun exoplaneta: a. Por Astrometría, b. Grazas á velocidade radial. Coa luz: cambia a banda de luz, que é o DNI dunha estrela, c. Por tránsito.




- Certo, e tamén temos a observación directa, que nos próximos anos darálle alegrías ao mundo co telescopio James Webb (Iso é porque unha boa imaxe estelar gusta a todo o mundo, mentres que un rexistro de variacións de luz non é tan popular). Hai outro método, as microlentes gravitatorias, que coma non podía ser doutro xeito, Einstein predixo, aínda que el pensaba que nunca as poderiamos empregar.


-  “A vida é un sistema auto-replicante e que evoluciona, baseado na química orgánica”. De quen é esa definición? Non entendín o significado de “auto-replicante”


- A definición é de Norman R. Pace, bioquímico estadounidense. “Auto-replicante” significa que ten capacidade de xerar novos individuos empregando mecanismos propios. Segundo esta definición, os virus non son organismos vivos, porque non poden. Uns biólogos están de acordo e outros non, depende da definición que empregues.


- Nos requisitos para que haxa ou se dea a vida citaches a enerxía e en segundo lugar os enlaces covalentes. Podo dicir daquela que o feito de haber enlaces covalentes é un requisito para a vida?


- Si. Os científicos non entenden que poida darse vida en moléculas que non empreguen este enlace.

 (Aínda que a calidade da imaxe non e boa -as fotos son de Charo Soto- vese ben que se trata unha vez máis dunha imaxe publicitaria: o telescopio paira sobre a grande urbe. Valora o conferenciante que se saiba comunicar ben á xente en que se están gastando os seus cartos)

- Confirma que pillei ben os nomes dos extremófilos [polas condicións extremas en que viven] antártidos: Pyrolobus fumaril, Psychrobacter, Spinoloricus, Deinoc…


- P. fumarii, Deinococcus Radiodurans.


- Que era o “osiño de auga”? Chámase Tardigrado?


- É o nombre popular que se da aos Tardígrados, así chamados polos seus lentos movementos. Os tardígrados dan para un libro…

- Como se chamaba ese Centro de Madrid que depende da NASA e que é o primeiro centro fóra dos EEUU na súa clase?


- Para ser o primeiro que NASA concedeu fora do seu país, tiña que ser, e éo, un centro excelente. Por iso traballan xunto a eles e desenvolven proxectos de primeiro nivel. Os experimentos de busc de vida en Marte contan co CAB, o Centro de Astrobioloxía: https://es.wikipedia.org/wiki/Centro_de_Astrobiolog%C3%ADa


-  “Riciños de ouro” é o nome dun exoplaneta? Dime algún outro, por favor.


- Planetas “Riciños de ouro” (Goldilock planets) son aqueles que están na zona de habitabilidade dunha estrela, coma por exemplo Kepler-22 b, Gliese 667C c, e o sistema Kepler-62, que ten os exoplanetas ‘e’ e ‘f’ dentro da zona.


-  Fomalhart. Está ben escrito? É unha das estrelas máis cálidas?


- FOMAHAULT. Pois non sei agora. Podo dicir que o Sol ten 5.800 kelvins na súa superficie. Fomahault é maior e ten unha temperatura de case 8600 kelvins. A temperatura podémola averiguar medindo a luz que percibimos e comparando con probas feitas na terra a distintas temperaturas.


-  Xa ao final do teu discurso citaches, enunciaches como condición nuclear para vida exoplanetaria que a zona de habitabilidade fose unha franxa maior ou menor de auga? Está así ben enunciada a condición máis próxima ao requisito sine qua non? 


- É importante ter unha zona de habitabilidade ampla. O motivo é que vai cambiando co tempo. O noso Sol hai uns miles de millóns de anos emitía menos radiación, e polo tanto quentaba menos. Iso pasa con todas as estrelas. Polo tanto, a zona vai desprazándose cara a fóra do sistema. Pero os planetas non teñen capacidade de mudar a súa órbita, e poden quedar fóra da zona, ou ben ir entrando nela. Eso si, e pasa na Terra, se hai vida, esta irá mutando, facendo todo o que poida para perdurar no tempo, mesmo modificando o entorno para que permita continuar a vida…  Esta idea como podes imaxinar é moi forte, fai cóxegas escoitala, e pode deixar o maxín nun bule bule todo o día. Pero os científicos acumulan probas de que é así na Terra, de feito non está de todo claro que a Terra estea na mellor zona de habitabilidade posible (hai discusións segundo os criterios tidos en conta). Un científico recoñecido (James Lovelock, premio Fonseca, do que estou moi orgulloso de ter un libro asinado da súa man) empezou a falar da Terra coma un organismo vivo, Gaia (https://es.wikipedia.org/wiki/Hipótesis_de_Gaia). Enseguida os apóstolos das teorías esotéricas abrazaron a idea, pero non vai diso.

Isto non sei se contesta  a túa pregunta.




-  A ver se pillei ben o concepto: ti fixéchesme pensar que tamén se podería estudar a posibilidade de vida con solventes como o amoníaco… inda que sabes que non se fará porque a prioridade absoluta tena a auga. É así?


- Pois si, é difícil obter recursos económicos para estudar outras moléculas. Non imposible, pero si difícil. As variables que entran son moitísimas: temperatura, presión, radiación existente, outras moléculas presentes… non é doado. Mentres que estudar a nosa contorna, sendo difícil, é máis accesible…


- Citaches 3 axencias espaciais planetarias, terrestres, pero non sei escribir a terceira. 


- NASA, AXENCIA ESPACIAL EUROPEA,  JAXA (de Xapón). Tamén empezan a facer cousas os de India, e por suposto China. Rusia tamén fai cousas, pero polo que sei estes tres países traballan en investigacións máis “próximas”.

 (A nai de Mario acompaña ao seu fillo e ao seu carón, tres dos nosos alumnos do Club de Lectura dos martes: Lucía, Óscar á súa dereita, e Valentina).




venres, 26 de febreiro de 2016

As nosas músicas: Xoel López

Xoel López: "A Serea e o Mariñeiro"

Este cantautor nado en A Coruña ten xa moitos traballos no mercado ('Now What You Had Thought', 'Atlántico',...) O seu último canto chámase 'Paramales'. Coñecedor das tendencias da música, podes atopalo en Spotify, ademais de noutras plataformas musicais.
(Sección coordinada por M. S. García, coa colaboración de X. P. Mondelo)

domingo, 21 de febreiro de 2016

PRIMEIROS PASOS



PRIMEIROS PASOS

Hoxe retomamos un capítulo meu favorito, mais non doado de encher. Comprenderédesme ben se vos digo que o que ama ler, tarde ou cedo amará escribir. Pero mentres que a lectura está ao alcance de case todas as mentes, a escrita non está ao alcance de case todas as mans. Non por iso deixamos de amala: e valoramos máis se cabe os bos escritores. Por inalcanzables. É case un paradoxo... En fin, este día, no Club dos xoves, propúxenlles un par de motivos, ou temas-pretexto para que se animasen a elaborar un pequeno relato, e mirade cal foi o tema proposto que callou nun conto feituquiño (ou iso penso), a entrada no Instituto das aves que logo non logran saír... Realmente ten ocorrido xa varias veces, sobre todo cos gorriachos (pardais).

 (Sempre hai aves á porta do Instituto, e ás veces entran dentro, a foto é de Charo Soto)

“O AMOR PAXAREIRO”

            Estaba eu no Club de Lectura, debatendo cos meus compañeiros o libro que acabaramos de ler, cando comezamos a oír gritos que proviñan do corredor que conduce á biblioteca. A profesora, tamén coñecida como vicedirectora, levantouse da cadeira e saíu fóra da aula, para ver que estaba a ocorrer. Nese momento tres pombas, dúas de cor branca e unha de cor negra, pasaron batendo as súas ás velozmente e, detrás delas, un milleiro de alumnos e alumnas perseguíndoas.
Antonio, o bibliotecario, dirixiuse á vicedirectora, Charo:
-Eses tres paxaros acaban de entrar no Instituto a través das fiestras da biblioteca –dixo Antonio-. Temos que atrapalos canto antes!
-Temos que avisar á directora –contestoulle ela.
Nós, mentres, observabamos a escena bastante asombrados. Charo dirixiuse a nós e dixo:
-Entrade na aula outra vez. Agora veño.
Fixemos o que dixo e metémonos na clase, pero Charo non veu. Ó cabo de cinco minutos oíanse gritos e golpes no piso de arriba. Comezamos a preguntarnos que estaba pasando e decidimos entre todos saír da clase e dirixirnos ó lugar dos gritos. Subimos pola escaleira de caracol que daba ó piso de arriba. Cada vez que subiamos un chanzo da escaleira o estrondoso son escoitábase máis e máis preto.
Chegamos á planta principal, cansos da subida, e o que vimos deixounos sen palabras. Había centos de alumnos correndo sen parar, gritando a pleno pulmón. Unha miña compañeira, acercóusenos e contounos o acontecido:
-As pombas entraron en case todas as clases, e causaron bastantes estragos, o que fixo que practicamente todo o instituto se revolucionara.
A min pareceume todo unha parvada xa que non entendía por que tanto alboroto por só uns simples paxaros, se os ves todos os días pola rúa!
Cando xa levaba trascorrida unha hora, apareceu a directora acompañada dun home de alta estatura, complexión forte e delgado. Suxeitaba unha paxareira enorme na man dereita. Nese instante vin nunha esquina a Moncho e a Xuncal bicándose apaixonadamente. Moncho era o rapaz que me gustaba, pero nese momento non podía soportar todo o que ocorría. Parouse o tempo, xa non podía respirar, non sentía o meu corazón latir, a miña pel empezaba a tornar nunha cor máis e máis clara. Sentíame desvanecer e caín ó solo mentres seguía vendo aqueles dous namorados selando o seu amor e as belas pombas voar.
Adeus, mundo cruel.

(Pablo García Lagoa e Ángela Martínez Loureiro, 2º da ESO).

 (Paula e Óscar prestáronse a representar a parella de personaxes do relato nun recanto apropiado, a foto fíxoa Alba)

 (Paula e Jason representan o mesmo papel noutro curruncho, arriba, na porta do faiado sen fin do noso Instituto)
 
::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::

Agora é o intre en que eu vos confeso, con algo de pudor, que tamén unha servidora ten escritos contiños que transcorren no Instituto. Algún atesóuroo con certo cariño. Atrévome, para celebrar que se aproxima a primavera e o mes en que nacín,  a subir tamén un microrrelato dos moitos que gardo na gabeta.

::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::

Recreo

            Dixo Branca: “e vícheslle o día da exposición a nova moza?, é estupenda”, “guapísima” (evoquei as pernolas que unha saia supercurta nos deixaba ver con xenerosidade, melenaza loira, ollos claros de ceo azul esplendidamente remarcados por liñas de pintura axeitadas, un tipazo de muller), “pois xa é a segunda, eu deille clase, era no bacharelato, ela viña buscalo, viña de fóra, pero entraba no insti, el saía da aula e amábanse no corredor –Branca pon cara de nena, hai algo de sutil ironía, e dese algo un mínimo é por min, porque sabe como me gusta conxugar o verbo amar, a ela gústalle menos, verbalizalo, que non vivilo, enténdase, pero eu fico suspensa perante a oración, amábanse no corredor..., evoca época bonita da vida, a bicos xunto ás fiestras e menos de vinte anos no peto, ostentosamente sendo diante dos colegas, chulísimo, Branca merece boa nota-,  pero un día xa non veu, pasaron días e nada, eu tiña curiosidade e pregunteille, Rainier, e a moza?”, “enganoume, profe, enganoume”, “como?, enganouno?”, “enganoumedicía rotundo”, “que sería, con un terceiro?”, Tulio riu alto “ claro! –díxome-, como vai ser se non?”, xa nos levantabamos, o recreo non chega a nada, pagou cortés o Tulio, eu dixen “pois..., podía ser un engano psicolóxico”, “psicolóxico?”, “faste pasar por quen non es”, “ah!, pode..., pero por antonomasia, o engano é con outra persoa”, “si, por excelencia, nestes casos adoita ser así”. O semáforo púxose verde. Cruzamos cara ao Instituto.

 (Charo Soto).