xoves, 11 de xuño de 2015

As nosas músicas: Carlos Núñez e The Chieftains, Os Cempés e Ataque Escampe


(Carlos Núñez e The Chieftains: Muiñeira de Chantada)

(Os Cempés: Sara Sariña)

(Ataque Escampe: Vista Alegre)



Club de Lectura: No café da xuventude perdida


NO CAFÉ DA XUVENTUDE PERDIDA

Un libro, como unha viaxe, comézase con inquietude e remátase con melancolía
(José Mauro de Vasconcelos)

Louki, a protagonista desta novela de Patrick Modiano, é unha xoven enigmática, á que o lector vai acercándose, tratando de desvelar o misterio da súa existencia, a partir da visión fragmentaria que distintos personaxes -e ela mesma- nos van ofrecendo ao longo do libro. Personaxes que coincidiron con ela nalgún momento da súa curta vida, en concreto, nun vello café parisino, durante os anos previos ás revoltas estudiantes dos anos sesenta. Un París aínda baixo os ecos do existencialismo, mais ás portas dun novo tempo. 

  
Toda a obra de Modiano é como un puzzle, no que cada peza ten sentido en relación coas outras pezas, conformando cada libro, toda a súa obra, un mosaico sobre a memoria e a identidade persoal e colectiva. Un intento de desvelar o misterio do existir e o fluír do tempo, de atrapar o que nos foi conformando e se esvae como néboa da mañá. Otero Pedrayo escribiu que “o mellor de nós é aquilo que logramos salvar do naufraxio dos ideais adolescentes”. E isto mesmo é o que trata de facer o premio Nóbel francés con esta novela breve de título tan suxerente.
Mais agora non queremos afondar no argumento ou no sentido último da novela, tampouco na súa complexa estrutura, na súa sutil andamiaxe. Imonos parar só, coma nunha foto fixa, nunha escena iluminadora. Nun dos seus días de desconcerto e soidade, cansa de vagar polas rúas parisinas, Louki refúxiase nunha librería de vello, a librería Mattei, un espazo cálido onde acouga o seu espírito confuso e canso. En silencio, deambula entre os andeis, repara demorada nos libros que saen ao seu encontro, colle aquel que esperta a súa curiosidade e senta nun recuncho daquel espazo humilde, maiormente nun chanzo da escaleira do fondo. Alí pasa o tempo abstraída. O libreiro tamén le todo o tempo, sen ousar interromper o seu silencio, a súa intimidade. Só ergue a vista do seu libro cando algún cliente ocasional lle demanda atención. E así, case oíndo as súas respiracións, tocándose nas súas soidades, naquel acubillo humilde, os dous personaxes len. Só de cando en vez, moi de cando en vez, o libreiro descansa a vista, olla para Louki e, máis ca nada por cortesía, faille unha pregunta definitiva: “Que? Encontra algo que a faga feliz?”. E aquí é onde queríamos chegar, a esta pregunta conmovedora.
Pasamos a vida intentando comprender o valor da lectura na conformación sentimental e intelectual das persoas, e máis en concreto, o seu sentido último dentro do sistema educativo. Temos gastadas moitas palabras á hora de tratar de comprender esta cuestión central e mesmo á hora de facer campañas de fomento e animación á lectura, tanto a nivel persoal coma institucional , tantas veces con moi boa intención, mais con distinta fortuna. Coidamos que isto é así porque no fondo non estamos a actuar con convicción, as nosas prácticas non se corresponden cos nosos bos própositos e ao final todos somos vítimas dunha concepción curricular e de organización escolar que non facilita, senón que está a impedir, o disfrute de tempos e espazos definidos para a lectura. E se non dispoñemos deses espazos sólidos e deses tempos quedos para que a lectura encontre o seu clima e prenda, nada vai agromar. Espazos de silenzo onde o pensamento flúa nun diálogo íntimo, tempos quedos facilitadores do encontro das pesonas consigo mesmas, espazos e tempos nos que abrolle a palabra falada e escrita, gratuíta, libre e pracenteira. Lugares e tempos fluíndo como un río maino, o pensamento en harmonía cos outros e co mundo. Mentres non creemos eses espazos, mentres non defendamos eses tempos, como refuxios ou bosques de silencio, poboados de palabras, non nos achegaremos ao sentido último da lectura, cando menos no ámbito escolar. Ao sentido transcendente da lectura, da educación e, en definitiva, do benestar das persoas e do desenvolvemento social.
Os profesores habíamos estar daquela a ler todo o tempo, como Louki e o libreiro Mattei, e os alumnos –se cabe aquí esta diferenciación- tamén estarían mergullados nas súas lecturas, abstraídos no seu dialogo coas letras “que parece como se tamén pensasen”. As aulas, as bibliotecas, os campus… serían espazos educativos naturais, espazos quietos, ámbitos da emoción, de diálogo e crecemento. Ámbitos como templos, abertos e humildes como a libreria onde procura acougo e amparo Louki. E as lecturas máis luminosas, as de maior calidade e para o maior número de rapaces, serían os seus libros sagrados. Os mestres, de cando en vez, moi de cando en vez, como para non romper o encantamento, erguerían a ollada só por lle preguntar ao alummno máis necesitado: “Que? Encontra algo que o faga feliz?”
E máis nada. As palabras están gastas. Só esta pregunta basta. X. Pérez Mondelo

luns, 8 de xuño de 2015

PRIMEIROS PASOS



Primeiros pasos

Hoxe presentámosvos un relato romántico e gótico asemade dunha nosa alumna, das mellores que tivemos este ano. No blog da biblioteca (ofarodesofia) xa nos presentou, en colaboración cun seu condiscípulo, un traballo máis que discreto sobre a obra rosaliana.

 (Cemiterio coruñés de san Amaro. Fotos tomadas da Internet)


Este relato de Ainhoa ten o cemiterio como contexto. Hai boas obras na historia da literatura que en parte, canto menos, transcorren aí: no adro da igrexa imaxinamos a Hamlet co cranio de Yorick, e vemos aos personaxes de Un ollo de vidro; antes de Castelao xa  declamaron no camposanto D. Juan e mais D. Álvaro. A propia Rosalía dedícalle un poema ao encantador cemiterio de Adina. Os coruñeses temos seres queridos no marabillosísimo de san Amaro (unha servidora, sen ir máis lonxe ten unha bisavoa, dúas avoas, un bisavó e un avó: as avoas descansan moi pretiño do bardo –“Aquí jaz o cantor da raza galega”): Galicia enteira ten figuras inmorrentes descansando no noso san Amaro. Unha boa man delas. Séxanos a todos no seu día a terra leve.

 (Este venres nas VIII xornadas de Clubs de Lecturas agasalláronnos a algúns dos presentes con este libro, moi aconsellable)

Tamén hai historias reais nun cemiterio que superan xenerosamente a ficción: acaban de agasallarme cun libro estupenso, de Werner Fuld, e apenas encetado, xa ficamos abraiados co episodio da vida de Dante Gabriel Rosetti, quen –no cemiterio de Highgate, onde repousan os restos de Carlos Marx, unha pasada de beleza de lugar, ao norte de Londres…- en 1869 abre ás agachadas a tumba da esposa Elizabeth, non por afán enfermizo de volver vela, non, senón para recoller un cofre onde depositara o manuscrito único que contiña todos os seus poemas e que ofrendara como prenda de amor no seu día… Pero o tempo, grande médico e curandeiro, fixéralle mudar de idea e a fama puido tanto... En fin, déixovos xa con Ainhoa.

::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::

Morte

Morte permanecía coma sempre no cemiterio, calculador, eterno, imperturbable. Vendo as ánimas ir e vir sen que ninguén o puidese detectar. Miraba cos ollos ocos a longa cola de mortalidade plasmada nas lápidas e nos vivos camiño do cadalso. Miles de flores vermellas colocadas polos visitantes,  que coma eles se consumirían co paso do tempo,  manchando dunha efémera cor a pedra. Todo lentamente se dirixía cara el, para atopar descanso.

O reino de seu era vasto e interminábel, tiña un corazón indolente que vagaba ao carón da desdita miserable que padecían as xentes.

Sen rumbo entre as tumbas a el dedicadas, pasaba os séculos observando o transcurso do tempo con apatía. Tiña visto marcharse xa varios eóns e seguiríaos a ver, porque Morte estaba presente en tódalas épocas, pois cada cal requería del. Ocorreu entón que a casualidade fíxolle unha visita, viuse virando a súa ollada cara o leste, onde alguén reparara na súa presenza. A imaxe dunha moza cuns ollos grises e pel pálida coma a alborada sorpredeuno. Seus beizos eran camelias nocturnas, pechadas nun morriñento sorriso, plantadas na face perfecta. Uns cabelos de cinzas que semellaban ondas na medianoite caían polos seus ombros nus ata rozar un vestido de gasa branca.

Cruzou a verxa do grandilocuente camposanto. Aqueles pés descalzos andaron case flotando sobre os pétalos das rosas murchas. Rompendo o silencio coa respiración e o bater do seu peito, nun mundo onde os corazóns calados dormían.

Vida albiscou con temor a figura osuda ataviada cun impecable traxe negro. A cara inexpresiva posuía unha pel semellante ao papel agretado polos anos, firmemente adherida aos ósos sen apenas carne entremedias. Os beizos daquel rostro ilexible eran unha raia fina e horizontal, a xogo cuns ollos infinitos. Detívose a unha distancia prudencial para miralos, sentindo  que se afundía nun pozo seco e escuro.

“Fixeches desaparecer todos os que amei. Velaquí  estou, tómame e lévame tamén”,  declarou ela.

Pese ao desexo de Vida, el non puido afastala de si mesma. A Vida non podía morrer, porque aquilo significaría a fin da propia Morte. Entre laios ela suplicaba que rematase coa súa existencia agónica,  xa que estaba completamente soa, illada dos mortais aos que bicaba ao nacer. Tendo que ver os seres que amou incondicionalmente emprender un rumbo inevitable.

Morte, que acollía a aqueles que o buscaban, compadeceuse da Vida: A única que, coma el, non podería descansar xamais. Enxugou as bágoas dela e ofreceulle unha malva que secou ao entrar en contacto cos seus dedos. Unha mirada agradecida e rota pola dor cravouse nos ollos buxáns de Morte e comezou a respirar, a respirar…

Así aconteceu que a vida e a morte se namoraron.
Buscaban nos beizos do outro o sentido dun universo decadente e cruel. As súas mans esforzábanse por manter o contacto durante uns fuxitivos segundos de ledicia ata que sentían dor. Pois Morte e Vida consumíanse mutuamente. Creación e destrución coexistindo, amándose, xerando a existencia do oposto... acabando con ela tamén. Endexamais poderían estar xuntos nin separados, só a unha distancia suficiente para contemplarse pero cun valado. Eran como o sol e a lúa, astros que brillan celestes e quérense únicamente durante uns intres ata que o universo os separe.

Mentres persistían no seu afán por seguir xuntos non podían evitar ver o dano que se inflixían o un ao outro. A vitalidade ía marchando do corpo de vida, cuxo corazón se volvía cada vez máis xélido. Morte sentía unha dor crecente producida polo amor, do que ata aquela non fora vítima.

Mais eran ditosos cando se atopaban nos brazos do outro, a pesares da agonía que lles producía sentir así a ambos.  As veces mirábanse, e sen tocarse, aloumiñábanse. Non había nada máis, nin tempo nin realidade capaz de apartalos neses intres poderosos.

Un día vida estaba a cantar. Coa súa linda voz de cristal entoou unha balada que fixo estremecer a Morte.

You used to captivate me
by your resonating ligh,
now I'm bound by the life you left behind.

Your face it haunts
my once pleasant dreams,
your voice it chased away
all the sanity in me.

This wounds won't seem to heal,
this pain is just too real,
there's just too much the time can not erase.                                                    Adoitabas engaiolarme
coa túa luz resoante,
agora estou atada a vida que deixaches atrás.

A túa cara embruxa
os meus soños máis agradables,
túa voz levouse
tódala cordura en min.

Estas feridas non semellan curar,
esta dor é demasiado real,
hai demasiadas cousas que o tempo non pode borrar.

Non o soportou máis, vela aproximarse ao seu mundo anque o ansiase, todo o sufrimento que resistía. Non podía murchar outra flor, por moito que amase tanta perfección e fermosura.
Unidos nun vals de bágoas danzaron toda a eternidade, pospoñendo a despedida que seguía á fin do baile. Pero que chegaría de forma ineludible.
                                      Ainhoa Grandío Álvarez, 1º bacharelato


luns, 1 de xuño de 2015

Lendo a...



LENDO O DRAE (II)

Imos tratar hoxe a cuestión do xénero e deixamos para unha terceira vez (máis adiante, no verán) o relativo aos galeguismos.

Non creades que non son consciente de que este tema cansa a moitos, é aborrecido doutros e deixa indiferente a unha maioría. Grandes lingüistas escribiron verbo del (Bosque Muñoz, Fernández Pérez, Rodríguez Adrados –entre outros); ao seu lado case escuso dicir nada, se non fose por un par de razóns: unha, a cuestión non está cerrada (aínda hai desigualdades patentes, e xa sabemos –sen ánimo de dramatizar demasiado- en que desgrazada fin poden acabar as valoracións inadecuadas, pouco equitativas, dos aspectos que tocan o xénero), e dúas, algo varía o enfoque ao variar o emisor (unha servidora). Móvame, pois -e queira a Providencia que así sexa- o afán de mellora, de igualdade na medida do posible.

 (F. Rodríguez Adrados, académico, autor do artigo "Sexismo en el léxico" publicado polo ABC o 28 de abril de 1991)

Hai dúas facetas nas que unha análise neste sentido do dicionario académico pode incidir:

A) no plano digamos morfolóxico: a flexión. Un nivel onde os académicos non son de todo libres: o seu labor está fortemente condicionado polo uso, polo que se fala, e de feito, un podería pensar que o avance e riqueza actual dos córpora foi impulsado en certa medida pola necesidade de saber a ciencia máis ou menos certa que é o que se di, o que se fala realmente na nosa contorna. E aí a Academia non é omnipotente: por exemplo, hai unha serie bastante popular (6’6 de valoración en filmaffinity, mestura o cómico e o detectivesco), Castle, onde a co-protagonista, a inspectora Kate Beckett, ten unha xefa-policía co grao de capitá: nunca, subliño, nunca endexamais, os dobradores usan esa voz, capitana, sempre “Sí, mi capitán”, e non só iso, diríxense a ela dicindo “¡Sí, señor!”, o cal constitúe unha aberración que clama ao ceo. Teñen culpa os académicos? Máis ben a culpa ou a responsabilidade é  compartida, da sociedade, por non esixir dos entes públicos un maior control da linguaxe que chega a toda España nas canles televisivas.

B) no plano dos exemplos, libremente escolleitos polos redactores (e fixádevos que non engado “e redactoras”, porque son amiga de cultivar o principio de economía lingüística: credes que caio nunha especie de contradición?, non o vexo eu así, pero recordade por se acaso aquel refrán que di “a perfección fóra de nós”). 

 (A capitá da policía de Nova York na serie televisiva 'Castle')

Empezamos pola flexión. Citaba o prof. Casado na súa intervención na UdC do pasado 7 de maio, casos de palabras que flexionaron xenericamente: azafato, aeromozo, pizpireto, niñero... A ese listado podemos engadir (como novidade en relación coa 22ª edición): Pocero, ra. 1. Persona que fabrica o hace pozos. Este é un claro avance, un bo modelo de definición equitativa, deberían estendelo a máis casos, como: Soldador, ra.m y f. 1. Encargado de soldar (mellor: “Persona encargada de soldar”).

Hai, ademais, varios casos de cambio de etiquetación gramatical: no canto do antigo ‘com.’ (común, que facía alusión ao xénero gramatical dalgúns subs., como mártir e testigo, que de seu non son masculinos nin femininos), agora, na última edición, óptase por especificar ‘m. y f.’, cousa preferible na miña opinión (mal se entende que un subs., como cabo, sexa un nome masc. nunhas acepcións e común noutras, e así figuraba na 22ª ed.). Na 23ª figuran como ‘m. y f.’ Casos como: cabo; canciller; capitán, na.; endocrino, na.; jefe, fa.; mártir; piloto; presidente, ta.;  sargento; soldado.

É evidente que agora o feminino gaña visibilidade, no caso de capitán, na.; presidente, ta.; jefe, fa.; endocrino, na. , fronte á etiqueta com. engadida á forma masculina que aparecía en solitario.

Podemos esperar que algún día, igual que entrou no dicionario modisto (unha flexión innecesaria porque o sufixo –ista vale perfectamente para ambos xéneros, un caso bastante claro de dominio do masculino sobre o feminino, ou se preferides, do prestixio dos grandes señores da costura sobre as modistas de andar por casa... pero quen queira entender que entenda), entre por exemplo cancillera? Pregunto. Se escribimos en google La cancillera alemana atopamos 7840 concorrencias. Onde está o límite do uso, a fronteira ou a isoglosa que dá entrada ao DRAE? Boa pregunta.

Que formas masculinas tradicionais flexionen a un feminino despectivo ou negativo (marota, sargenta, formadas sobre maroto, sargento), non é algo que quede baixo o control da Academia: si lles podemos pedir que aumenten a presenza do feminino en casos como pedrero e cantero (flexionou, en troques, pizarrero, ra.). Sempre houbo mulleres traballando nas canteiras (podedes ver este artigo na prensa: http://www.lavozdegalicia.es/noticia/vigo/vigo/2015/03/15/as-canteiras-do-laton-da-borna/0003_201503V15C13996.htm).

Pasemos agora ao plano B) dos exemplos libremente escolleitos polo equipo redactor da 23ª edición do dicionario que nos ocupa. Verdadeiro punto débil da igualdade desexada. Non atopei nin un só caso (tampouco podo poñer a man no lume, pero asegúrovos que a mostraxe que fixen cubriu moitas páxinas...), nin un só caso, digo,  de feminino referida ás ciencias, á técnica, ao intelecto (salvo fabas contadas, como ¡Qué tía más lista! (s.v. TÍO,A), e xa vedes que aí lista é ambiguo). En cambio, mirade estes exemplos con masculino:

Concentrado en el estudio (s.v. CONCENTRADO), Me conectaron con un especialista (s.v. CONECTAR), En la expedición se incluyen varios científicos (s. v. CIENTÍFICO, CA.), Conferencia de científicos sobre el cambio climático (s.v. CONFERENCIA), Es un especialista en su materia (s.v. MATERIA), Hemos avisado a los técnicos... (s.v. SEGURO), Esta Facultad ha sido siempre una buena cantera de investigadores (s.v. CANTERA), El detective resolvió el caso (s.v. RESOLVER), Un profesor muy didáctico (s. v. DIDÁCTICO, CA.). Etc.

Realmente nada impide que de vez en cando se equilibre a balanza (é importante que se equilibre esa balanza: este día na presentación da unidade didáctica en honra da doutora María Wonenburger no noso instituto, relembraba o señor vicepresidente da Xunta que as estatísticas cantan: só un 15% de mulleres optan por carreiras técnico-científicas, /VS/ 40% dos homes, e posicionábase pola necesidade de equilibrar tendencias) con exemplos de innovadoras investigadoras ou ingenieras, científicas, brillantes matemáticas, metafísicas ou informáticas.

Hai algún exemplo en que a muller brilla na arte: Su mentora lo inició en el arte desde muy pequeño (s. v. INICIAR), pero os casos a favor do masculino tamén son aquí dominantes: Aquella novela lo consagró como gran escritor (s.v. CONSAGRAR), Es un artista como la copa de un pino (s.v. COPA), Es un literato, no así como quiera, sino de los más sobresalientes de España (s.v. QUERER), Los cantos del poeta (s.v. CANTO), Un actor con muchas tablas (s.v. TABLA). Etc.

Veñamos á esfera do poder. Atopei un exemplo en feminino: Señora Presidenta (s.v. SEÑOR, RA.) fronte a todos estes en masculino: Mandamos a nuestros presidentes y oidores que... (s.v. COMO), El presidente firmó al calce (s.v. CALCE), El ministro puso el conforme (s.v. CONFORME), Se hizo dueño del cotarro en poco tiempo (s.v. COTARRO), Juan es hombre de representación en Madrid (= ben considerado socialmente, s.v. REPRESENTACIÓN), El alcalde resaltó la importancia del proyecto (s. v. RESALTAR), El juez resolvió a su favor (s.v. RESOLVER), Sacar alcalde (s.v. SACAR).

 (A matemática coruñesa María Wonenburger: estudou o bacharelato no noso Instituto, Coruña hónraa dándolle o seu nome a unha rúa)


Podedes estar pensando pero Charo, os exemplos en masculino valerían tamén para as mulleres... Claro que valerían. Esa é a cuestión. Valen? Pois que consten. Porque o que é innegable é que á hora da verdade, os exemplos en feminino, que os hai, son ou anódinos ou son canto menos cuestionables. Vouvos poñer unha decena de exemplos:

Atraía a las mujeres por su valentía y por su romanticismo (s.v. ROMANTICISMO: e non podían as mulleres seren atraídas pola capacidade pensante? E, sobre todo,  non podía ser o enfoque máis activo a favor da muller, seren eles os atraídos pola intelixencia delas?).

 Ella me quitó el ir a paseo (s.v. QUITAR: preguntámonos por que, que mala e caprichosa esta muller..., se inda fose La médica me quitó...).

 La cuesta me ha dejado hecha papilla (s.v. PAPILLA: non ten nada de malo cansar, evidentemente, pero si redundar nos eternos tópicos clasificatorios: o home forte, a muller feble).

Reposó su mirada en ella (s.v. REPOSAR; muller obxecto: suxeito pasivo).

 Enfermedades de transmisión maternofilial (s. v. MATERNOFILIAL: hai varias posibilidades positivas no lugar de enfermidades, palabra inequivocamente neg.: legado, herdanza, xens).

Cuidan la salud del feto y de la madre (s.v. MADRE: reproduce vellos esquemas: hai que protexer a muller como ser débil, inferior, suxeita á todo tipo de “proteccións”: enfoque pasivo de novo: a muller necesita ser coidada).

 Anda, querida, no le des más vueltas (s.v. QUERIDO; é un ex. bastante paternalista, a muller obxecto do consello é susceptible de ser xulgada como pesada; que traballo custaba poñer un exemplo do tipoAnda, querida, no lo había pensado yo así", “Caray, querida, qué buena idea has tenido”).

La enfermedad la condicionó en su vida posterior (s. c. CONDICIONAR: muller débil, enfermiza)

No la vi bien, pero estaba como cansada (s.v. COMO) (que perrencha con pintarnos débiles e enfermizas...)

Obedece a tu madre y no contestes (s.v. CONTESTAR: cuestiónase a autoridade da muller).

Non sigo, pero podería. Quedan na man os casos de nomes propios, do tipo: Alejandro Magno no conoció la derrota (s. v. CONOCER), La riqueza matérica de la pintura de Rembrandt (s.v. MATÉRICO, CA.), Según Aristóteles (s.v. SEGÚN), El papel de Segismundo (s.v. PAPEL), Los diarios de Jovellanos (s.v. DIARIO), Un relato calcado de un cuento de Clarín (s.v. CALCAR), etc.  Non atopei un só caso deste tipo con nome de muller, e ben sabe Deus que hai mulleres que deixaron pegada indeleble na historia da humanidade. Como conclusión: todo é mellorable, e os exemplos con personaxes femininos do dicionario da RAE tamén.

(Mª Rosario Soto Arias).










luns, 25 de maio de 2015

LENDO A



LENDO O DRAE

 (Biblioteca da Facultade de Filoloxía. O cadro do fondo é da autoría de José Luis Martínez Pereira, pintor recoñecido que exerceu moitos anos a docencia no noso Instituto)

Este día (concretamente o 7 de maio do 2015) subín ao Campus da Zapateira, á Facultade de Filoloxía, para reencontrarme con dous vellos coñecidos a quen me honro en tratar. Ambos os dous dan ou deran clase na Universidade da Coruña, ambos –correspondentes da RAE-  aman inequivocamente o tema de traballo, a lingua, e ambos foron beizoados cun claro e intelixente sentido do humor e da fina ironía. Disertaron sobre a 23ª edición do Diccionario de la Lengua Española. 



Primeiro falou o catedrático D. Álvaro Porto Dapena: “Sobre las letras en el DRAE”, quen, redundando en algo que xa leva tempo dicindo (e publicando..., comentaba con certa sorna que o seu era predicar no deserto, polo pouco caso que os académicos lle facían, e eu cando o oía dicir isto, pensaba algo así como benvido ao club, porque todos os docentes de ensino medio padecemos algunha vez esa impresión, de falar para as paredes... digamos que forma parte do oficio) que as letras non son unidades léxicas, non son palabras e que –en síntese- non deberían entrar na nomenclatura ou macroestrutura do dicionario académico. Argumentouno con riqueza de datos, rastreou incluso fallos a nivel fonolóxico na vixésimo terceira edición. En fin, foi entretido, minucioso, e en case todo o que dixo tiña máis razón ca un santo. Así a todo,  temos que engadir algo a favor da Academia: a forza da tradición pesa. O dicionario non é de nova planta, arrastra saberes, tópicos e formulismos anteriores, recordemos que é unha creación do XVIII.

 (Portada da vixésimo terceira edición do DRAE)

Máis cerca dos meus intereses se situou o discurso do segundo relator, o catedrático D. Manuel Casado Velarde: “La innovación léxica en el DRAE 2014”. Empezou citando ao académico director da nova edición, Pedro Álvarez de Miranda, para logo establecer unha comparanza numérica entre as ed. 22ª e 23ª; por ex., 93.111 artigos na 23ª /VS/ 88.431 na 22ª; 1350 supresións na nova fronte á vella; 5650 novos temas na macroestrutura do dicionario (macroestrura aquí  oponse a microestrutura –como se organiza o interior de cada artigo: o que segue a cada entrada ou palabra que se define- e alude ao conxunto de lemas ou entradas, é un concepto da lexicografía). Artigos emendados: 140.000. O prof. Casado dixo algo importantísimo e claro coma a auga: enfocou o dicionario como unha radiografía social da sociedade –valla a redundancia- que fala esa lingua.
Logo procedeu por sectores: vexamos algúns.
Innovación léxica e innovación técnica e social (o ditame global aquí foi positivo, quer dicir, trázase neste sentido un diagnóstico bastante axustado da sociedade nosa actual, malia o retraso notable en relación co uso, e como exemplo disto, puxo o caso da acepción maría como materia de estudo, onde vai que se di e mais tardou en entrar no dicionario). Entre a cantidade de novos neoloxismos do ámbito das novas tecnoloxías de información e da comunicación (recordade que esas son as sigras da materia chamada TIC, que vós aprendedes no instituto) citou: Blog, ADSL, bloguero, chat, chateo, chatear, GPS, hacker, internet –fixádevos que xa se formaron familias léxicas: dicía Casado que se hai derivación iso significa que esa palabra está xa atornillada ao dicionario e en xeral, ao idioma-; botou en falta blogosfera.
Bonito o tema, eh? Seguimos un pouco aínda?


Dese mesmo campo nocional: SMS, tuit, tuitear, tuiteo, tuitero, tuitera, retuitear, USB, wifi, dron; botou tamén en falta videovigilar (fálase dabondo de espazos videovixiados; de todas formas, non quixera que vos emocionedes demasiado coas novas tecnoloxías: tende en conta que un 25% dos nosos concidadáns –falo de España- non están conectados, ou porque non poden ou porque non queren e o bo demócrata sabe ter en conta eses factores).
Outro campo tratado: Alimentación. Entraron voces como: priva, resopón, papear, papeo, baguette, brócoli, carbonara, emplatar, veganismo, vegano, vegana.
Da medicina: depre, endorfina...
Do deporte (un eido altamente produtivo de palabras novas, xa na ed. 22ª puidemos comprobalo): aerobismo, barranquismo, cicloturista, culé (merengue, colchonero e periquito xa estaban), futbito, mediocampista, melé, pilates, rafting, puenting...
Vexamos por último, o sector relativo ao que Casado etiquetou As Ideoloxías:
Antibelicista, antieuropeísmo, antisistema, euroescepticismo, ultraderechismo, pepero, pepera, sociata, rojillo, rojilla, fedayín, islamización, mulá,muyahidín, yihad, yihadismo, yihadista (botou en falta sharia  e shoah ‘holocausto’; que conste que na miña opinión a sintonización do libro coa ideoloxía da sociedade actual tamén se percibe nos exemplos: douvos un caso para que me entendades mellor: En Alemania es ilegal el revisionismo del Holocausto –s.v. REVISIONISMO-, este exemplo, entre outros, denota que os lingüistas están no mundo e son receptivos ás ideas sociopolíticas, como debe ser; nese sentido eu persoalmente boto en falta a acepción memoria histórica, hai lei, e nos manuais de literatura tamén aparecen as novelas que tratan de recuperar esa memoria específica, moi española, e se escribimos as dúas palabras en Google, aparecen 941.000 concorrencias).
Deixámolo aquí por hoxe. Queda para outro día o tocante a un par de temas nucleares: xenofobia e xénero (e un terceiro non tocado polo conferenciante: galeguismos). E fáltame contarvos algo da intervención do público asistente.
[NOTA: as letras s.v. nun contexto coma este, de dicionarios, significan sub voce, ‘baixo a voz’, é dicir, que tes que ir a esa entrada indicada].
(Mª Rosario Soto Arias) 

(Fotografía do catedrático Manuel Casado Velarde, tomada da Internet)