xoves, 20 de novembro de 2014

Morgana en Esmelle

Sempre é un pracer dar cun libro extraordinario. E este é o caso de Morgana en Esmelle. Un libro rebordante de tenrura e sabiduría, unha novela na que se deixa translucir unha mente intelixente e un corazón xeneroso, o de Begoña Caamaño, a escritora que nos deixou recentemente.

Esta autora é unha desas voces de muller que tanto están a engrandecer a literatura galega contemporánea, desde un pensamento anovado, lúcido e libre, feminino: un novo humanismo. Voces debedoras dunha fonda estirpe de sabias de tempos idos, de creadoras que desde o principio dos tempos van alimentando os soños da humanidade, desde Sherezade até Rosalía. A esta estirpe pertence Begoña Caamaño e tantas outras narradoras e creadoras do noso tempo.





Esta novela está escrita desde a máis absoluta sensibilidade, nunha lingua natural e saborosa como o mel, ao tempo que exquisita e elegante como unha doncela medieval. Como fixera no seu primeiro libro, Circe ou o pracer azul, no que recrea desde unha perspectiva personalísima a figura mítica de Circe, en Morgana en Esmelle vai recrear o mito artúrico, tamén desde unha perspectiva orixinal e contemporánea. Mais, agora serán as heroínas femininas as que pasen a un primeiro plano e tomen a palabra, a súa palabra silenciada, digan a súa verdade e descubran os seus soños, as súas dores e temores: Morgana, Xenebra, Viviana e outras mulleres fortes, doces e sabias. E van facelo confrontándoa coa palabra dominante de Artur ou dos seus cabaleiros, de Merlín e outros herois artúricos. E nestas dúas palabras, a dominada e a dominante, vanse confrontar tamén dúas visións do mundo e da existencia, dúas maneiras de concibir e sentir universais poéticos como a paixón, o amor e o desamor, a culpa, a lealdade e a traizón, o poder e o saber, a dignidade humana, o sentido da existencia, a procura dun outro mundo posible. Por un lado escoitamos a Merlín, a defender, nunha sociedade patriarcal en transformación, un cambio prágmático e posibilista, de adaptación a un novo tempo no que garantir a supervivencia do reino. Por outra banda, Morgana, na procura da utopía, da realización plena dos seres humanos, nunha nova sociedade igualitaria, espindo os seus soños, dubitativa e sen maniqueísmos, sen imposturas, mais tamén sen servidumes a atavismos intolerables. E, ao fin, por riba das propias peripecias persoais ou da deriva cega da historia, todos os personaxes, Merlín e Morgana, Artur, Xenebra… a confrontarse tamén coa súa propia conciencia, todos arelando non só a paz para o reino, senón a máis difícil paz interior, o desexo de reencontro coa harmonía, coa ausencia de culpa e de dor, o seu anceio de regreso ao tempo imposible da inocencia. A verdadeira patria. Todos na procura do seu máis íntimo grial. Unha procura só posible coa palabra e o perdón, coa comprensión e a indulxencia. Só así, liberados da lousa do remorso e dos silencios, será posible o encontro. E, desde esta nudez, cadaquén en soidade, proseguir o seu propio camiño, desvelar o seu misterio existencial.

En todo momento, esta harmonización de contrarios, está contada con sutileza e verdade, integrándose con total verosimilitude pensamento e narración para deixar ao lector na certeza do supremo valor do pracer de contar. Como se nunca cansaramos de escoitar esa eterna sherezade que está agochada en tantas narradoras anónimas doutrora e en tantas creadoras contemporáneas. O eterno desexo de bebermos soños.

Esta é unha materia narrativa universal, que aparece na nosa literatura desde o seu nacemento e que teñen recreado, tamén maxistralmente, autores como Méndez Ferrín ou Darío Xoán Cabana, que foran beber nas fontes puras do seu mestre, o mago Cunqueiro. Todos eles, e elas, a tecer cadanseu tapiz marabilloso, nun hipertexto sen cabo. Como non podía ser menos, tamén Begoña Caamaño bebe das augas cunqueiranas. É mais, a súa novela é unha homenaxe ao druída mindoniense, á súa poética, á súa fala nobre e antiga, á súa melancolía emocionada. Porén, a autora vaino facer dun xeito tan sutil..! Como lle había prestar ao propio don Álvaro, señor de Miranda! En verdade, nunca escoitaramos dúas voces poéticas tan ben harmonizadas, diálogo máis delicado.

Deixounos unha muller lúcida, unha escritora sensible. Foise por ese camiño que nunca se desanda. Mais, antes de partir, deitou nas nosas mans este galano, este libro engaiolante. O seu emocionado testamento vital e literario. A palabra última de Begoña Caamaño: un corazón ao vento. X.P.M

(Sección coordinada por Xosé Pérez Mondelo)

LENDO A...



A MATERIA XACOBEA


Este ano dou clase nun primeiro de bacharelato. Non empecei con bo pé: falaban moito, atendían pouco e traballaban aínda menos. Vaia, o que se di un luxo, a forma óptima de sentirse realizado un profesional do ensino. Pero agora, andados xa dous meses case, estou máis a gusto con eles. Hoxe mesmo, día 19,  puxen aí dous deces, en chamadas  puntuais; xa logro unha comunicación máis de ti a ti, míranme ao dereito e permítome o gozo de rir en voz alta, e amosar certa felicidade vital.

E fanme preguntas interesantes: Grandío, por exemplo, pediume que lle pase un texto da Demanda (o episodio do Castelo do rei Brutus), e este día dúas persoas dixéronme que lles explicase mellor a conexión entre a haxiografía e a materia chamada carolinxia, ao falarmos do terceiro ciclo da prosa medieval (entendendo que os outros dous ciclos, o da materia de Roma ou de Troia, e o da materia de Bretaña, están ben enfocados: enténdese bastante ben por que se chaman así e cal é o tema).


Pois ben, a cuestión que me move a tomar a pluma aquí e agora, é basicamente esta: deberiamos variar o enfoque. Eu persoalmente estaría moito máis cómoda se ao terceiro ciclo da prosa narrativa medieval galega lle chamásemos ‘A Materia Xacobea’.

A literatura xorde coma unha serie de mensaxes nunha determinada sociedade, o contexto é un elemento fundamental do acto comunicativo. O contexto da nosa época de ouro é un contexto condicionado fortemente polo mito xacobeo. Non ten volta. É tan poderoso ese mito (a presenza entre nós do corpo do apóstolo e amigo de Xesús) que irradia unha enerxía comunicativa propia. Constrúe un camiño, constrúe un concepto: o paneuropeísmo.  Abrangue as estrelas, abrangue a España, abrangue a guerra de reconquista do cristianismo hispano e conecta con Carlos, emperador de Europa no momento histórico en que florece Compostela . É Santiago en persoa o que lle amosa o seu camiño estrelar a Carlos cando este xa desistía de seguir, canso xa. Segundo o Codice Calixtino e, en consonancia con el, segundo os Milagres de Santiago (libro de principios do XV se facemos caso a Pensado, en galego), Santiago chama a Carlomagno para que libere a Galicia e mais a España dos mouros (así chamados daquela). E dalgunha maneira, Carlomango aparece descrito entre nós case coma un santo máis:  Por iso florécenlle as lanzas, por iso pode asolagar vilas...  Tanto Carlos como Roldán son heroes con atributos de santificación: oran, apelan á divindade, loitan pola causa cristiá. Incluso vemos a relación de semellanza:  así como doce eran os discípulos de Xesús... (así son doce os pares que acompañan ao rei francés). E xa que estamos, é moi curioso que malia sabermos que hai pouco de verdade histórica neste protagonismo maiúsculo de Carlos en España (nin sequera está claro que peregrinase a Compostela), é curioso –digo- que aínda no século XVIII, frei Bernardo Foyo, bieito autor dun manuscrito-historia sobre Compostela (editado por Paula Pita Galán hai pouco) faga pé no feito de celebrar cada ano a igrexa compostelá con cultos especiais  a memoria de Carlomagno. Dá que pensar ...


Pero se un ensinante destas cousas tan nosas é guiado polo epígrafe “Materia Xacobea”, está tamén autorizado en boa lóxica a falar doutro subtema igualmente xacobeo: pode mellor entrar pola máxica porta que conduce ao reino da Raíña Lupa. Queredes crer que ningún dos meus discípulos de primeiro de bacharelato  coñecía a existencia da tal raíña? Sendo como é, ademais, unha historia de tamaña beleza... 



No mapa que vos adxunto vedes cal é o seu territorio. Debuxa un camiño máis, coma unha recta que marca a divisoria da provincia actual da Coruña: é o corazón da vella Amaía, a terra rosaliana por excelencia. Fixádevos que o río é o Ulla. E recordade a orde dos acontecementos: o Códice Calixtino di que os discípulos de Santiago desembarcan en Padrón-Iria e van pedir permiso á señora daquelas terras (Lupa: consérvase como nome de muller en documentos posteriores: na Crónica de Santa María de Iria aparece como Luparia); Lupa mándaos a ver o gobernador romano a Duio (no Pindo hai moitísima lembranza de Lupa, é fundamental o artigo de F. Romero), el remíteos de novo a Lupa quen, desta feita, os manda ao monte Ilicino para que collan dous touros seus que leven o carro co corpo de Santiago: ese monte é o Pico Sacro ou Sagro. Prodúcese o milagre –os touros bravos ou dragóns segundo outras versións son amansados- e o carro vai misteriosamente guiado e chega a Compostela. Lupa convértese ao cristianismo: é bautizada. O bautismo de Lupa polo que parece ten lugar en Padrón, na fonte do Carme (dato que me facilitou o prof.  Antonio Fondo). A raíña Lupa –unha raíña con gando vacún, coma a irlandesa Maeve- posuía, que saibamos, un castelo no Pico Sacro e outro en Castro Lupario ou Castro de Francos. Ata aquí chegamos. Outro día seguiremos con esta materia e falaremos  algo de Roldán.

(Santiago bautiza cunha vieira na man a Lupa, parte superior da Fonte do Carme, Padrón)


Había que investigar, iso si, se a lembranza de Lupa cruzou o Ulla: hai que preguntar pola Estrada, por Tabeirós. Déixovos unha pequena bibliografía básica:

Alonso Romero, F. (1983): “La leyenda de la Reina Lupa en los Montes del Pindo”. CEG XXXIV.

Díaz y Díaz, M. (1965): “La literatura jacobea anterior al Códice Calixtino”. Compostellanum X.

Llinares, M. (1989): “La Reina Lupa entre la leyenda literaria y la tradicion popular”. CEG XXXVIII.

Moralejo, A., Torres, C. Y Feo, J. (1998): “Liber Sancti Jacobi “Codex Calixtinus”.  Xunta de Galicia.

Soto Arias, Mª R. (2003): “Da raíña Lupa e da tradición xacobea”. Garoza, nº 3. 
 (A Fonte do Carme, en Padrón. Vense claramente os tres corpos: a Virxe das Dores, a barca de pedra onde chegou o corpo de Santiago -precisamente o nome Padrón está relacionado co desembarco dos discípulos que transportaban o corpo desde Palestina, aínda que a pedra que dá nome á famosa vila sería probablemente un pedestal con inscrición romana conservado ata a actualidade, así nolo di G. Navaza nunha colaboración recente, ano 2011, en "Toponimia Hispánica"- e o bautismo da raíña Lupa de man do propio apóstolo. A fonte foi reconstruída no XVIII)

(Mª Rosario Soto Arias, catedrática de Lingua Galega e Literatura no IES 'Eusebio da Guarda' da Coruña)

venres, 14 de novembro de 2014

A lus do mundo



Dicía Hölderlin, o poeta romántico alemán, que “o que permanece fúndano os poetas”. E a poesía de Xosé María Díaz Castro é un canto de permanencia. Contemplar estas imaxes dos alumnos do Instituto de Guitiriz, que leva o nome do poeta, reconforta. Reconforta o entusiasmo con que os profesores e alumnos lle renden tríbuto ao seu veciño poeta, a sensibilidade coa que traballaron en común para transmitir musicalmente os seus poemas, para facernos chegar máis nidiamente a fondura e o significado da súa obra. E reconforta esa visión do instituto como un proxecto compartido, como unha comunidade sensible e unida. Unha comunidade que se educa en harmonía, nun tempo quieto e nun espazo sólido, mais cheos de música e poesía.
Escoitemos, aprendamos, cantemos con estes mozos e mozas e cos seus profesores as cancións do poeta. Estannos dicindo que onde hai poesía, hai luz, e que onde hai harmonía, hai vitoria sempre. E de luz e harmonía están feitos os poemas de Díaz Castro, así como esta experiencia educativa. Nunca mellor homenaxe lle puideron facer estes alumnos e os seus profesores ao poeta que lle dá nome á súa comunidade. 
 

Un paso adiante é o que dan os pobos que saben recoñecer os seus poetas. Eles son as nosas trabes de ouro, os alicerces da nosa permanencia. (Club de Lectura)
(Sección coordinada por Xosé Pérez Mondelo)

xoves, 13 de novembro de 2014

VISITANDO



VISITANDO


Este martes 11 de novembro visita o noso Instituto o señor Alfonso Blanco Torrado. Vén convidado polo departamento de galego, e máis en concreto pola nosa colega Carme Vázquez Castro, orixinaria da terra que viu nacer a Díaz Castro, o poeta autor de Nimbos, o poeta homenaxeado este ano 2014.


Xuntámonos no Salón de Actos a partir das seis da tarde. Primeiro vimos o vídeo que fixeran os alumnos do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz (tédelo na rede, titúlase A lus do mundo. Tralas pegadas de Díaz Castro). Debemos facer pé na música: cantan de marabilla, nótase que tiveron unha excelente profesora  de música, Sandra Tenreiro, quen sabe tamén da arte da composición. Logo, tras ser presentado, tomou a palabra Alfonso Blanco, director da asociación cultural Xermolos, home polifacético, amante de Galicia, amigo que foi do poeta. Agora sacaremos do peto o bloc de notas e intentaremos  reproducir coa máxima fidelidade algunhas das cousas que dixo:

Eu prefiro sempre que me preguntedes, pero non me importa falar... Alégrome de estar convosco, alegreime xa antes, na porta do instituto, cando atopei alí dous amigos de Guitiriz, que fan aquí algún tipo de ciclo.

                O grande de Díaz Castro foi o propio proceso de coñecelo. Era un poeta descoñecido. A vosa profesora, Carme, inda é algo parente del. Cando eu cheguei a Guitiriz [o señor Blanco naceu en Montevideo, e a súa familia é de Ponteceso; exerce a docencia no instituto chairego] para min era fundamental saber quen era ese santo, o que lle deu o nome ao instituto. O que importa del realmente é que vós o leades. Lelo e desfrutar del. E sobre todo, cantalo. Desfrutar... hoxe é o san Martiño, tempo de magosto, celébrase en moitas partes de Galicia: tamén se celebrou –foi coma un auténtico furacán- en moitas vilas,  en Lalín, Ponteceso, Ferrol, a poesía de Xosé Díaz Castro, en homenaxes coma esta.

Como era? Eu creo que era un home sincero. A súa poesía é o froito da súa maneira de ver, do xeito que el ten  de ollar a vida... Hai acarón noso homes poetas, homes que pintan, que son artistas... Están aí e non o sabemos. Iso é o que non pode pasar. Non pode pasar con esta xente de Guitiriz que non sabían que o tiñan a el tan cerca. E nós temos que aprender, aprender a desfrutar deses segredos que inda garda a nosa terra, deses tesouros que teñen as palabras, sobre todo hai que saber agradecer a vida...

Díaz Castro era un home alegre. Sabíase no medio da paisaxe. Aquela paisaxe da Terra Chá, pé da Serra de Montouto, a que separa as provincias de Coruña e Lugo. Hai na súa obra un grande amor polas cousa pequerrechiñas, pola herba miúda, polos grilos incluso... Era o seu mundo, e penso que esta súa filosofía, se a facemos nosa, penso que nos axuda... Axuda a medrar en autoestima, axuda a que cobremos conciencia de que o que nos rodea é noso e temos obriga de coidalo e deixarllo en herdanza aos que virán despois. Nos derradeiros anos da súa vida, el vío que a súa casa, cando el faltase –e nisto foi profético- ía encherse un día de silvas, e claro, hai que coidar a natureza. Quen coida da paisaxe? Quen a conserva?

Vós aquí na Coruña sodes afortunados. Aquí houbo sempre xente preocupada do noso: viviu na Coruña Pondal, Rosalía, estivo a Cova Céltica... Aquí tivestes a Real Academia Galega... Xa non falo de san Amaro –verdadeiro panteón tamén de galegos ilustres: Murguía, Pondal, Curros e tantos outros que agora non cito-. Na Coruña hai tradición e estruturas en defensa do idioma e da cultura.

Si, ese era o cerne da súa poesía: a paisaxe, a fala, mesmo a gastronomía. Fixádevos, que hoxe coa vida e os costumes modernos, tamén se pode perder iso, eu non digo que de cando en vez non poidamos comer unha saborosa pizza ben feita, claro... Tamén se pode perder mesmo o xeito de labrar a terra, as formas tradicionais de labrar, de sementar, de seiturar... Díaz Castro desenvolveu grande parte da vida fóra, estivo máis de trinta anos en Madrid, fixo os estudos en Mondoñedo, e deu clase en Vilagarcía, pero sempre quedou prendido da vida rural. E da fala. Foi autodidacta. Traducía ao castelán os premios Nóbel suecos, daneses, noruegueses, e mais sabía ruso, húngaro, éuscaro, pero amaba por riba de todo a lingua da súa terra:  “eu quero falar na lingua que mamei”. De intelectual tiña pouco, era un funcionario do CSIC. Foi Lois Pereiro- tamén poeta como sabedes, homenaxeado no Día das Letras no 2011- quen deixou escrito o día que o coñeceu nunha taberna en Madrid; Díaz Castro preguntoulles, ao oír que eran galegos, se lían, se coñecían autores galegos... Dinos Lois que era un pouco retranqueiro... Preguntoulle directamente logo se leran un libriño titulado Nimbos, e Pereiro dixéralle: “Para min Nimbos é un gran libro”. Tamén Isidro Novo, lucense, e Víctor Campio, ourensán, deixaron escrito sobre o noso poeta:  “Vimos ao Pepe de Vilariño”. Andaba por Madrid buscando con quen falar en galego. Era para el unha necesidade e un pracer.

 (Continuaremos)




 (De esquerda a dereita: Xosé P. Mondelo, Susana Piensos, Carme Vázquez, Alfonso Blanco, o seu acompañante, Isabel Ruso e Charo Soto)

xoves, 6 de novembro de 2014

A CORUÑA


A Coruña (I)

Primeira entrega deste capítulo novo. A Coruña. Amo esta cidade, que é a miña, malia ter cambiado tanto –e non necesariamente para mellor- des que eu era nena. Terán aquí cabida cuestións coma estas:
-Nomes (microtopónimos coruñeses) e pequenas elucubracións sobre os seus étimos.
-Comentarios sobre a necesidade de conservar os vellos topónimos.
-Historias pequenas da Coruña antiga, da Coruña que se perdeu (non para sempre, se recuperamos algo para a memoria dos que virán).
-Anecdotario coruñés variado.
-A Coruña na literatura.

Como sabedes xa case todos os que me coñecedes, ademais de coruñesa, son filóloga de vocación: non vos estrañaredes que comece cun microtopónimo coruñés auténtico, de caste: Labañou. Ademais, vivo no Distrito V, e tócame, xa que logo, de preto. Vivo ollando o mar: vexo desde a biblioteca-estudo da miña casa a Torre, vexo o Orzán que cantou Florencio Baamonde, vexo as pedras chamadas o boi, a vaca, o becerro, vexo a punta Percebeira, a Praia da Capela, a de Verberiana… E o Instituto.

Labañou é un topónimo cuxo étimo non está claro ao cento por cento: emparella sen dúbida co galego-berciano Laballos. Hai dúas opción verosímiles para explicalo: dunha banda, temos a posibilidade de pensar nunha raíz hidronímica. LAB*/LAV*, a do verbo lavar, a do latín lauaclos, a do castelán lavajo (emparentada coa de nava –hidrónimo prerromano, ‘depresión pola que corre un río’), unha raíz que dá idea de ‘charco, pucharca de auga que non dá secado, que permanece’ (auga de chuvia ou aquí en Labañou, auga que vén do mar tamén, que traen as fortes vagadas).
 

A outra opción é a miña preferida, porque nos fai pensar nas laxes, nas pedras planas que caracterizan sen dúbida de forma clara a morfoloxía de Labañou. Raíz litonímica, pétrea. Raíz atlántica ou europea LA*- , presente en lágena (documentación medieval super frecuente e coñecida), en laia, laxe, lapa, lasca, laca, lávana (en Fernández Santos, na novela Los bravos, aí aparece recollida lávana, unha novela que integra léxico occidental leonés; volvemos achar a voz nun relato do asturiano José Méndez: "Alguna vez en el río tumbado sobre una lávana viendo pasar las nubes" -en "La última palabra", publicado no ABC Literario o 7 marzo 1987-, aí vese ben que unha 'lávana' é unha pedra grande e verosímilmente plana), lancha, etc.
(As grandes laxes de Labañou)
(A fonte de Labañou, hoxe medio cegada, un manancial de boa auga que debeu ser un lavadoiro noutrora)
 
No libro de Edelmiro Bascuas sobre hidrónimos hai unha sinonimia lap-/lab - que talvez servise para reforzar esta miña hipótese favorita (a que iguala lapa=lávana como tema lítico): Laboina, Lapoena o Labena, Labona (Salamanca), Laboena  (Braga) [Citado por Bascuas na p. 133, en Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia].
(Labañou: especie de praia de coios, é o Penoural)
 
Labañou presenta un sufixo en –ou algo ambiguo. Ou procede dun diminutivo en –olo ou procede dun aumentativo en –ón (algún paisanos de aquí de toda a vida de feito pronuncian máis ben Labañón; no galego común, vulgar pero patrimonial ao cabo, carallou, temos esa conmutación sinonímica por carallón, así figura no DdD, tantas veces por min citado, abonada a sinonimia polo profesor Constantino García, que en gloria estea).

(O Penoural. As fotos foron feitas por Xácome González)

Ora ben, dicídeme con sinceridade: están tan lonxe entre si unha raíz hidronímica e unha lítica? Non se poden unir? Creo que si: porque é a auga, a poderosa auga do Atlántico neste caso, a que pole e fai das grandes pedras o que entendemos por laxes: pedras lisas na superficie, planchadas (ou lanchadas, laqueadas, lacadas…) pola forza da auga.

(Labañou: a barriada)
 

Antes vivir en Labañou era case un pecado, como denotar extracción humilde. Xa non é o caso. Antes dicir que eras de Labañou era poñer en garda ao interlocutor (aquelas bandas terribles que pelexaban a pedradas e metían medo: os de Corea eran de Labañou). Agora algo cambiou o conto.  E sempre se pode cantar con Negrete aquilo de Es mi orgullo haber nacido en el barrio más humilde… Grandes na historia naceron en aldeas, como Belén. Que conste.

(Labañou: as "casas de Franco")

O meu colega e amigo Xulio Cuba coméntame o seguinte sobre o barrio de Labañou que el coñeceu de rapaz: Os primeiros grupos que se fan en Labañou aló polos anos 50 son as casas baratas amarelas, de dous ou tres pisos. A esa barriada chamabámoslle “China”. Logo fíxose o grupo que pasou a ser denominado “Japón”, eran coloradas, e  por último construíuse o barrio de “Corea”, xa imaxinarás por que [por que se lle chamou así?, porque coincidiu no tempo coa guerra de Corea, e por seguir coa serie anterior], son as casas dunha planta, de Pardo de Santallana… [Eu pregúntolle por ‘Catanga’] Non, Catanga non pertencía a Labañou; os de Catanga eran os das casas dos mariñeiros, cerca do Peruleiro, e da Virxe de Ronda de Outeiro. Eran tremendos, había guerras con pedras [de tanto sabor literario: Delibes en Las guerras de nuestros antepados narra as pedradas de rapazolos entre aldeas e lugares, igual que fai Sender relembrando o seu Aragón natal, a ribeira do Cinca, en Crónica del Alba], e cando baixaban [cara ao centro, á cidade…; tamén miña nai, cando eu era nena, aló nos Castros, enfronte do Mirador –avenida do Xeneral Sanxurxo- onde me eu criei, cando se amañaba para ir ao centro, dicía: “Vamos allá abajo”], era o terror, “Aí veñen os de Labañou”, e cantaban:

                “China, Japón,

                Corea: Labañou!”

Era o seu grito de guerra!

Aquela Coruña…

luns, 3 de novembro de 2014

Audiovisual galego: Verbas e Ghallegho

A cuestión lingüística segue latexando. Afortunadamente, viva. Nesta mesma sección podemos ver Linguas Cruzadas, un documental imprescindible sobre a lingua galega desde a perspectiva da mocidade galega. Agora presentámosvos outros dous audiovisuais sobre a lingua realizados por dúas mozas galegas, Andrea Maseda e Noelia Gómez Calvo, como traballos prácticos de final das súas licenciaturas en Comunicación Audiovisual e Xornalismo.


Agardamos que desperten o voso interés, o mesmo que están a despertar nos miles de persoas que xa os contemplaron a través da internet e das redes sociais. Espazos nos que o emprego da lingua está moi vivo e goza dunha forte presenza.


 (Sección coordinada por Xosé Pérez Mondelo)

xoves, 30 de outubro de 2014

LENDO A...


LENDO A LEDICIA COSTAS.
Lemos no Club de Lectura No corazón de Xúpiter.
Gustounos, aínda que o final era moi previsible.
-A min foi o que máis me gustou, esperaba un máis cursi, típico e sorprendeume, algo orixinal…
-Víase vir, un adolescente que fala  cousas íntimas cun descoñecido…
CH: -Como cousas íntimas?
-Fotos, a idade…
CH:-E a idade é algo íntimo?
-(Rin) Non… Sobre todo comparten. Ela dille cousas que sente, que non lle di nin á súa mellor amiga…
CH:-Nin aos pais. Como é a relación con eles?
-Eu penso que a relación cos país é boa.
-Hai cousas que non lles di porque non se atreve.
CH:-A min deume a impresión de que os mantén a distancia.
-Sobre todo despois do accidente con Carballo vólvese máis fría.
CH:-Que accidente dis?
-O do vestiario. A min tantas cousas malas que lle ocorren, non sei, paréceme que son demasiadas cousas  que lle pasan a unha mesma persoa…
-Mantenos a distancia porque os país non eran quen de percibir o que ela sente… Cando a ven fumando o porro non deixan que ela se explique, non logra dicirlles que fora obrigada, castígana e xa está, a ela nin sequera a escoitan.
CH:-De todas formas, a relación cos país non é o núcleo…
-Non, desde logo que non. De feito, o único importante na novela é o primeiro e o último capítulo,  polo medio cóntanse vivencias, pero o núcleo está neses dous capítulos. Empezamos adiantando case xa o final. O libro enteiro é coma unha analepse.
CH:-Pero ela meteu moito o zoco, non si?
-Levar esa relación adiante ela soa… Si, foi unha inxenua
CH:-E tiña bos amigos, estaba Anxo.
-Foi moi pechada en si.
-Foi boba. Puido dicirlle a Xúpiter que quedaban á luz do día, quedar coa xente. Por iso o libro me resulta un pouco irrealista.
CH:-Pouco verosímil, queres dicir.
-Quedar nunha cervexería abandonada ti soa de noite onde sabes que morreu asasinada unha persoa, pouco verosímil, iso é.
-Pero se hoxe en día a xente fai esas cousas. Vese nos periódicos… Vemos que hai moitas persoas que confían a súa intimidade a un estraño total pola Internet.  Inverosímil ata certo punto.
-Ela sacaba boas notas. Espérase que sexa máis intelixente. Ademais, despois de ver que non se abre a ninguén, que non confía na xente de arredor, vai e si confía nun descoñecido…
CH:-Pero el ten vínculos, o seu coñecemento de astronomía, que a atan. Tamén podiamos esperar outra reacción dun ser intelixente e coñecedor do universo…
-Si, pero el ten dúas personalidades. Como o personaxe de Psicose, incluso os dous teñen en común o trauma da morte da nai. Ou como aquel Mr. Ripley.
CH:-O da peli que transcorre na Toscana?
-Ese, si.
CH:-E que me dicides do tema do amor. Anxo era un bo rapaz. E está namorado dela. Como se entende que ela abandone o real, que lle dea de lado á realidade por seguir un ser imaxinado ou imaxinario?
-Iso chama a atención. Pero ela ama a astronomía e ese amor encontrou en Xúpiter a súa personificación.
CH:-Entón, recomendades a lectura deste libro?
-Si, si.
-Hai aspectos que me parecen importantes, como a relación de Carballo coa nai, a morte por sobredose, tan dramática, desta, a desaparición da súa irmá, todo altamente dramático e que se resolve case nun único parágrafo
-Tamén é estraño que a mellor amiga, Mar, lle silencie a súa relación con Carballo. Se eran tan amigas…
CH:-Pero supoño que admitiredes comigo que todo ser humano ten dereito a reservar unha parcela da súa intimidade, dereito a ter un secreto.
-Como tamén o odio que Mar ten cara o outro sexo, por culpa de Carballo.
CH:-Pero temos ou non temos dereito a ter un recanto da nosa vida só para nós?
-Son amigas.
CH:-E os amigos na adolescencia cóntanse todo, queredes dicir?
-Non.
-Por suposto que non…
Aquí o deixamos. Está claro que a lectura deste libro non deixa indiferente os seus lectores.
(Os membros do Club de Lectura participantes nesta tertulia literaria foron dos primeiros en ler o libro enteiro. Son: Lucía Blanco e Ana F. Cedeira , en compaña de Charo Soto,  membro do equipo coordinador do HIPOGRIFO VIOLENTO CLUB)