(Sección coordinada por Xosé Pérez Mondelo)
xoves, 20 de novembro de 2014
Morgana en Esmelle
LENDO A...
A MATERIA XACOBEA
Este ano dou clase nun primeiro de
bacharelato. Non empecei con bo pé: falaban moito, atendían pouco e traballaban
aínda menos. Vaia, o que se di un luxo, a forma óptima de sentirse realizado un
profesional do ensino. Pero agora, andados xa dous meses case, estou máis a
gusto con eles. Hoxe mesmo, día 19, puxen aí dous deces, en chamadas puntuais; xa logro unha comunicación máis de
ti a ti, míranme ao dereito e permítome o gozo de rir en voz alta, e amosar
certa felicidade vital.
E fanme preguntas interesantes: Grandío, por
exemplo, pediume que lle pase un texto da Demanda
(o episodio do Castelo do rei Brutus), e este día dúas persoas dixéronme que
lles explicase mellor a conexión entre a haxiografía e a materia chamada
carolinxia, ao falarmos do terceiro ciclo da prosa medieval (entendendo que os
outros dous ciclos, o da materia de Roma ou de Troia, e o da materia de
Bretaña, están ben enfocados: enténdese bastante ben por que se chaman así e
cal é o tema).
Pois ben, a cuestión que me move a tomar a
pluma aquí e agora, é basicamente esta: deberiamos variar o enfoque. Eu
persoalmente estaría moito máis cómoda se ao terceiro ciclo da prosa narrativa
medieval galega lle chamásemos ‘A Materia Xacobea’.
A literatura xorde coma unha serie de mensaxes
nunha determinada sociedade, o contexto é un elemento fundamental do acto
comunicativo. O contexto da nosa época de ouro é un contexto condicionado
fortemente polo mito xacobeo. Non ten volta. É tan poderoso ese mito (a
presenza entre nós do corpo do apóstolo e amigo de Xesús) que irradia unha
enerxía comunicativa propia. Constrúe un camiño, constrúe un concepto: o
paneuropeísmo. Abrangue as estrelas,
abrangue a España, abrangue a guerra de reconquista do cristianismo hispano e
conecta con Carlos, emperador de Europa no momento histórico en que florece
Compostela . É Santiago en persoa o que lle amosa o seu camiño estrelar a
Carlos cando este xa desistía de seguir, canso xa. Segundo o Codice Calixtino e, en consonancia con
el, segundo os Milagres de Santiago
(libro de principios do XV se facemos caso a Pensado, en galego), Santiago
chama a Carlomagno para que libere a Galicia e mais a España dos mouros (así chamados daquela). E
dalgunha maneira, Carlomango aparece descrito entre nós case coma un santo
máis: Por iso florécenlle as lanzas, por
iso pode asolagar vilas... Tanto Carlos
como Roldán son heroes con atributos de santificación: oran, apelan á
divindade, loitan pola causa cristiá. Incluso vemos a relación de semellanza: así como doce eran os discípulos de Xesús...
(así son doce os pares que acompañan ao rei francés). E xa que estamos, é moi
curioso que malia sabermos que hai pouco de verdade histórica neste
protagonismo maiúsculo de Carlos en España (nin sequera está claro que
peregrinase a Compostela), é curioso –digo- que aínda no século XVIII, frei
Bernardo Foyo, bieito autor dun manuscrito-historia sobre Compostela (editado
por Paula Pita Galán hai pouco) faga pé no feito de celebrar cada ano a igrexa
compostelá con cultos especiais a
memoria de Carlomagno. Dá que pensar ...
Pero se un ensinante destas cousas tan nosas é
guiado polo epígrafe “Materia Xacobea”, está tamén autorizado en boa lóxica a
falar doutro subtema igualmente xacobeo: pode mellor entrar pola máxica porta
que conduce ao reino da Raíña Lupa. Queredes crer que ningún dos meus
discípulos de primeiro de bacharelato
coñecía a existencia da tal raíña? Sendo como é, ademais, unha historia
de tamaña beleza...
No mapa que vos adxunto vedes cal é o seu
territorio. Debuxa un camiño máis, coma unha recta que marca a divisoria da
provincia actual da Coruña: é o corazón da vella Amaía, a terra rosaliana por
excelencia. Fixádevos que o río é o Ulla. E recordade a orde dos
acontecementos: o Códice Calixtino di
que os discípulos de Santiago desembarcan en Padrón-Iria e van pedir permiso á señora daquelas terras (Lupa: consérvase
como nome de muller en documentos posteriores: na Crónica de Santa María de Iria aparece como Luparia); Lupa mándaos a ver o gobernador romano a Duio (no Pindo
hai moitísima lembranza de Lupa, é fundamental o artigo de F. Romero), el
remíteos de novo a Lupa quen, desta feita, os manda ao monte Ilicino para que
collan dous touros seus que leven o carro co corpo de Santiago: ese monte é o
Pico Sacro ou Sagro. Prodúcese o milagre –os touros bravos ou dragóns segundo
outras versións son amansados- e o carro vai misteriosamente guiado e chega a
Compostela. Lupa convértese ao cristianismo: é bautizada. O bautismo de Lupa
polo que parece ten lugar en Padrón, na fonte do Carme (dato que me facilitou o
prof. Antonio Fondo). A raíña Lupa –unha
raíña con gando vacún, coma a irlandesa Maeve- posuía, que saibamos, un castelo
no Pico Sacro e outro en Castro Lupario ou Castro de Francos. Ata aquí
chegamos. Outro día seguiremos con esta materia e falaremos algo de Roldán.
(Santiago bautiza cunha vieira na man a Lupa, parte superior da Fonte do Carme, Padrón)
Había que investigar, iso si, se a lembranza
de Lupa cruzou o Ulla: hai que preguntar pola Estrada, por Tabeirós. Déixovos unha
pequena bibliografía básica:
Alonso Romero, F. (1983): “La leyenda de la Reina Lupa en los Montes del Pindo”. CEG XXXIV.
Díaz y Díaz, M. (1965): “La literatura jacobea anterior al Códice Calixtino”. Compostellanum X.
Llinares, M. (1989): “La Reina Lupa entre la leyenda literaria y la tradicion popular”. CEG
XXXVIII.
Moralejo, A., Torres, C. Y Feo, J. (1998): “Liber Sancti Jacobi “Codex Calixtinus”. Xunta de Galicia.
Soto Arias, Mª R. (2003): “Da raíña Lupa e da tradición xacobea”. Garoza, nº 3.
(A Fonte do Carme, en Padrón. Vense claramente os tres corpos: a Virxe das Dores, a barca de pedra onde chegou o corpo de Santiago -precisamente o nome Padrón está relacionado co desembarco dos discípulos que transportaban o corpo desde Palestina, aínda que a pedra que dá nome á famosa vila sería probablemente un pedestal con inscrición romana conservado ata a actualidade, así nolo di G. Navaza nunha colaboración recente, ano 2011, en "Toponimia Hispánica"- e o bautismo da raíña Lupa de man do propio apóstolo. A fonte foi reconstruída no XVIII)
(Mª Rosario Soto Arias, catedrática de Lingua Galega e Literatura no IES 'Eusebio da Guarda' da Coruña)
(Mª Rosario Soto Arias, catedrática de Lingua Galega e Literatura no IES 'Eusebio da Guarda' da Coruña)
venres, 14 de novembro de 2014
A lus do mundo
Dicía
Hölderlin, o poeta romántico alemán, que “o que permanece
fúndano os poetas”. E a poesía de Xosé María Díaz Castro é un
canto de permanencia. Contemplar estas imaxes dos alumnos do
Instituto de Guitiriz, que leva o nome do poeta, reconforta.
Reconforta o entusiasmo con que os profesores e alumnos lle renden
tríbuto ao seu veciño poeta, a sensibilidade coa que traballaron en
común para transmitir musicalmente os seus poemas, para facernos
chegar máis nidiamente a fondura e o significado da súa obra. E
reconforta esa visión do instituto como un proxecto compartido, como
unha comunidade sensible e unida. Unha comunidade que se educa en
harmonía, nun tempo quieto e nun espazo sólido, mais cheos de
música e poesía.
Escoitemos,
aprendamos, cantemos con estes mozos e mozas e cos seus profesores as
cancións do poeta. Estannos dicindo que onde hai poesía, hai luz, e
que onde hai harmonía, hai vitoria sempre. E de luz e harmonía
están feitos os poemas de Díaz Castro, así como esta experiencia
educativa. Nunca mellor homenaxe lle puideron facer estes alumnos e
os seus profesores ao poeta que lle dá nome á súa comunidade.
Un
paso adiante é o que dan os pobos que saben recoñecer os seus
poetas. Eles son as nosas trabes de ouro, os alicerces da nosa
permanencia. (Club de Lectura)
(Sección coordinada por Xosé Pérez Mondelo)
xoves, 13 de novembro de 2014
VISITANDO
VISITANDO
Este martes 11 de novembro visita o noso
Instituto o señor Alfonso Blanco Torrado. Vén convidado polo departamento de
galego, e máis en concreto pola nosa colega Carme Vázquez Castro, orixinaria da
terra que viu nacer a Díaz Castro, o poeta autor de Nimbos, o poeta homenaxeado este ano 2014.
Xuntámonos no Salón de Actos a partir das seis
da tarde. Primeiro vimos o vídeo que fixeran os alumnos do IES Poeta Díaz
Castro de Guitiriz (tédelo na rede, titúlase A lus do mundo. Tralas pegadas de Díaz Castro). Debemos facer pé na
música: cantan de marabilla, nótase que tiveron unha excelente profesora de música, Sandra Tenreiro, quen sabe tamén
da arte da composición. Logo, tras ser presentado, tomou a palabra Alfonso
Blanco, director da asociación cultural Xermolos, home polifacético, amante de
Galicia, amigo que foi do poeta. Agora sacaremos do peto o bloc de notas e
intentaremos reproducir coa máxima
fidelidade algunhas das cousas que dixo:
Eu
prefiro sempre que me preguntedes, pero non me importa falar... Alégrome de
estar convosco, alegreime xa antes, na porta do instituto, cando atopei alí
dous amigos de Guitiriz, que fan aquí algún tipo de ciclo.
O grande de Díaz Castro foi o
propio proceso de coñecelo. Era un poeta descoñecido. A vosa profesora, Carme,
inda é algo parente del. Cando eu cheguei a Guitiriz
[o señor Blanco naceu en Montevideo, e a súa familia é de Ponteceso; exerce a
docencia no instituto chairego] para min
era fundamental saber quen era ese santo, o que lle deu o nome ao instituto. O
que importa del realmente é que vós o leades. Lelo e desfrutar del. E sobre
todo, cantalo. Desfrutar... hoxe é o san Martiño, tempo de magosto, celébrase
en moitas partes de Galicia: tamén se celebrou –foi coma un auténtico furacán-
en moitas vilas, en Lalín, Ponteceso,
Ferrol, a poesía de Xosé Díaz Castro, en homenaxes coma esta.
Como
era? Eu creo que era un home sincero. A súa poesía é o froito da súa maneira de
ver, do xeito que el ten de ollar a
vida... Hai acarón noso homes poetas, homes que pintan, que son artistas...
Están aí e non o sabemos. Iso é o que non pode pasar. Non pode pasar con esta
xente de Guitiriz que non sabían que o tiñan a el tan cerca. E nós temos que
aprender, aprender a desfrutar deses segredos que inda garda a nosa terra,
deses tesouros que teñen as palabras, sobre todo hai que saber agradecer a
vida...
Díaz
Castro era un home alegre. Sabíase no medio da paisaxe. Aquela paisaxe da Terra
Chá, pé da Serra de Montouto, a que separa as provincias de Coruña e Lugo. Hai
na súa obra un grande amor polas cousa pequerrechiñas, pola herba miúda, polos
grilos incluso... Era o seu mundo, e penso que esta súa filosofía, se a facemos
nosa, penso que nos axuda... Axuda a medrar en autoestima, axuda a que cobremos
conciencia de que o que nos rodea é noso e temos obriga de coidalo e deixarllo
en herdanza aos que virán despois. Nos derradeiros anos da súa vida, el vío que
a súa casa, cando el faltase –e nisto foi profético- ía encherse un día de silvas,
e claro, hai que coidar a natureza. Quen coida da paisaxe? Quen a conserva?
Vós aquí
na Coruña sodes afortunados. Aquí houbo sempre xente preocupada do noso: viviu
na Coruña Pondal, Rosalía, estivo a Cova Céltica... Aquí tivestes a Real
Academia Galega... Xa non falo de san Amaro –verdadeiro panteón tamén de
galegos ilustres: Murguía, Pondal, Curros e tantos outros que agora non cito-.
Na Coruña hai tradición e estruturas en defensa do idioma e da cultura.
Si, ese
era o cerne da súa poesía: a paisaxe, a fala, mesmo a gastronomía. Fixádevos,
que hoxe coa vida e os costumes modernos, tamén se pode perder iso, eu non
digo que de cando en vez non poidamos comer unha saborosa pizza ben feita,
claro... Tamén se pode perder mesmo o xeito de labrar a terra, as formas
tradicionais de labrar, de sementar, de seiturar... Díaz Castro desenvolveu
grande parte da vida fóra, estivo máis de trinta anos en Madrid, fixo os
estudos en Mondoñedo, e deu clase en Vilagarcía, pero sempre quedou prendido da
vida rural. E da fala. Foi autodidacta. Traducía ao castelán os premios Nóbel
suecos, daneses, noruegueses, e mais sabía ruso, húngaro, éuscaro, pero amaba
por riba de todo a lingua da súa terra:
“eu quero falar na lingua que mamei”. De intelectual tiña pouco, era un
funcionario do CSIC. Foi Lois Pereiro- tamén poeta como sabedes, homenaxeado no
Día das Letras no 2011- quen deixou escrito o día que o coñeceu nunha taberna
en Madrid; Díaz Castro preguntoulles, ao oír que eran galegos, se lían, se
coñecían autores galegos... Dinos Lois que era un pouco retranqueiro...
Preguntoulle directamente logo se leran un libriño titulado Nimbos, e Pereiro dixéralle:
“Para min Nimbos é un gran libro”.
Tamén Isidro Novo, lucense, e Víctor Campio, ourensán, deixaron escrito sobre o
noso poeta: “Vimos ao Pepe de Vilariño”.
Andaba por Madrid buscando con quen falar en galego. Era para el unha
necesidade e un pracer.
(Continuaremos)
(De esquerda a dereita: Xosé P. Mondelo, Susana Piensos, Carme Vázquez, Alfonso Blanco, o seu acompañante, Isabel Ruso e Charo Soto)
xoves, 6 de novembro de 2014
A CORUÑA
A Coruña (I)
Primeira entrega deste capítulo novo. A
Coruña. Amo esta cidade, que é a miña, malia ter cambiado tanto –e non
necesariamente para mellor- des que eu era nena. Terán aquí cabida cuestións
coma estas:
-Nomes (microtopónimos coruñeses) e pequenas
elucubracións sobre os seus étimos.
-Comentarios sobre a necesidade de conservar
os vellos topónimos.
-Historias pequenas da Coruña antiga, da
Coruña que se perdeu (non para sempre, se recuperamos algo para a memoria dos
que virán).
-Anecdotario coruñés variado.
-A Coruña na literatura.
Como sabedes xa case todos os que me coñecedes,
ademais de coruñesa, son filóloga de vocación: non vos estrañaredes que comece
cun microtopónimo coruñés auténtico, de caste: Labañou. Ademais, vivo no
Distrito V, e tócame, xa que logo, de preto. Vivo ollando o mar: vexo desde a
biblioteca-estudo da miña casa a Torre, vexo o Orzán que cantou Florencio
Baamonde, vexo as pedras chamadas o boi,
a vaca, o becerro, vexo a punta Percebeira, a Praia da Capela, a de
Verberiana… E o Instituto.
Labañou é un topónimo cuxo étimo non está claro ao cento por cento: emparella
sen dúbida co galego-berciano Laballos.
Hai dúas opción verosímiles para explicalo: dunha banda, temos a posibilidade
de pensar nunha raíz hidronímica. LAB*/LAV*, a do verbo lavar, a do latín lauaclos,
a do castelán lavajo (emparentada coa
de nava –hidrónimo prerromano,
‘depresión pola que corre un río’), unha raíz que dá idea de ‘charco, pucharca
de auga que non dá secado, que permanece’ (auga de chuvia ou aquí en Labañou,
auga que vén do mar tamén, que traen as fortes vagadas).
A outra opción é a miña preferida, porque nos
fai pensar nas laxes, nas pedras planas que caracterizan sen dúbida de forma
clara a morfoloxía de Labañou. Raíz litonímica, pétrea. Raíz atlántica ou
europea LA*- , presente en lágena
(documentación medieval super frecuente e coñecida), en laia, laxe, lapa, lasca, laca, lávana (en Fernández Santos, na
novela Los bravos, aí aparece
recollida lávana, unha novela que
integra léxico occidental leonés; volvemos achar a voz nun relato do asturiano José Méndez: "Alguna vez en el río tumbado sobre una lávana viendo pasar las nubes" -en "La última palabra", publicado no ABC Literario o 7 marzo 1987-, aí vese ben que unha 'lávana' é unha pedra grande e verosímilmente plana), lancha,
etc.
(As grandes laxes de Labañou)
(A fonte de Labañou, hoxe medio cegada, un manancial de boa auga que debeu ser un lavadoiro noutrora)
No libro de Edelmiro Bascuas sobre hidrónimos
hai unha sinonimia lap-/lab - que talvez
servise para reforzar esta miña hipótese favorita (a que iguala lapa=lávana como tema lítico): Laboina, Lapoena o Labena, Labona (Salamanca), Laboena
(Braga) [Citado por Bascuas na p.
133, en Hidronimia y léxico de origen
paleoeuropeo en Galicia].
(Labañou: especie de praia de coios, é o Penoural)
Labañou presenta un sufixo en –ou
algo ambiguo. Ou procede dun diminutivo en –olo
ou procede dun aumentativo en –ón
(algún paisanos de aquí de toda a vida de feito pronuncian máis ben Labañón; no galego común, vulgar pero
patrimonial ao cabo, carallou, temos
esa conmutación sinonímica por carallón,
así figura no DdD, tantas veces por min citado, abonada a sinonimia polo
profesor Constantino García, que en gloria estea).
(O Penoural. As fotos foron feitas por Xácome González)
Ora ben, dicídeme con sinceridade: están tan
lonxe entre si unha raíz hidronímica e unha lítica? Non se poden unir? Creo que
si: porque é a auga, a poderosa auga do Atlántico neste caso, a que pole e fai
das grandes pedras o que entendemos por laxes:
pedras lisas na superficie, planchadas (ou lanchadas,
laqueadas, lacadas…) pola forza da auga.
(Labañou: a barriada)
Antes vivir en Labañou era case un pecado,
como denotar extracción humilde. Xa non é o caso. Antes dicir que eras de
Labañou era poñer en garda ao interlocutor (aquelas bandas terribles que
pelexaban a pedradas e metían medo: os de Corea eran de Labañou). Agora algo
cambiou o conto. E sempre se pode cantar
con Negrete aquilo de Es mi orgullo haber
nacido en el barrio más humilde… Grandes na historia naceron en aldeas,
como Belén. Que conste.
(Labañou: as "casas de Franco")
O meu colega e amigo Xulio Cuba coméntame o
seguinte sobre o barrio de Labañou que el coñeceu de rapaz: Os primeiros grupos que se fan en Labañou
aló polos anos 50 son as casas baratas
amarelas, de dous ou tres pisos. A esa barriada chamabámoslle “China”. Logo
fíxose o grupo que pasou a ser denominado “Japón”, eran coloradas, e por último construíuse o barrio de “Corea”,
xa imaxinarás por que [por que se lle chamou así?, porque coincidiu no
tempo coa guerra de Corea, e por seguir coa serie anterior], son as casas dunha planta, de Pardo de
Santallana… [Eu pregúntolle por ‘Catanga’] Non, Catanga non pertencía a Labañou; os de Catanga eran os das casas
dos mariñeiros, cerca do Peruleiro, e da Virxe de Ronda de Outeiro. Eran
tremendos, había guerras con pedras [de tanto sabor literario: Delibes en Las guerras de nuestros antepados narra
as pedradas de rapazolos entre aldeas e lugares, igual que fai Sender
relembrando o seu Aragón natal, a ribeira do Cinca, en Crónica del Alba], e cando
baixaban [cara ao centro, á cidade…; tamén miña nai, cando eu era nena,
aló nos Castros, enfronte do Mirador –avenida do Xeneral Sanxurxo- onde me eu
criei, cando se amañaba para ir ao centro, dicía: “Vamos allá abajo”], era o
terror, “Aí veñen os de Labañou”, e cantaban:
“China, Japón,
Corea: Labañou!”
Era o
seu grito de guerra!
Aquela Coruña…
luns, 3 de novembro de 2014
Audiovisual galego: Verbas e Ghallegho
A cuestión lingüística segue latexando. Afortunadamente, viva. Nesta mesma sección podemos ver Linguas Cruzadas, un documental imprescindible sobre a lingua galega desde a perspectiva da mocidade galega. Agora presentámosvos outros dous audiovisuais sobre a lingua realizados por dúas mozas galegas, Andrea Maseda e Noelia Gómez Calvo, como traballos prácticos de final das súas licenciaturas en Comunicación Audiovisual e Xornalismo.
Agardamos que desperten o voso interés, o mesmo que están a despertar nos miles de persoas que xa os contemplaron a través da internet e das redes sociais. Espazos nos que o emprego da lingua está moi vivo e goza dunha forte presenza.
(Sección coordinada por Xosé Pérez Mondelo)
xoves, 30 de outubro de 2014
LENDO A...
LENDO A
LEDICIA COSTAS.
Lemos
no Club de Lectura No corazón de Xúpiter.
Gustounos,
aínda que o final era moi previsible.
-A min
foi o que máis me gustou, esperaba un máis cursi, típico e sorprendeume, algo
orixinal…
-Víase
vir, un adolescente que fala cousas
íntimas cun descoñecido…
CH: -Como
cousas íntimas?
-Fotos,
a idade…
CH:-E a
idade é algo íntimo?
-(Rin)
Non… Sobre todo comparten. Ela dille cousas que sente, que non lle di nin á súa
mellor amiga…
CH:-Nin
aos pais. Como é a relación con eles?
-Eu penso
que a relación cos país é boa.
-Hai
cousas que non lles di porque non se atreve.
CH:-A
min deume a impresión de que os mantén a distancia.
-Sobre
todo despois do accidente con Carballo vólvese máis fría.
CH:-Que
accidente dis?
-O do
vestiario. A min tantas cousas malas que lle ocorren, non sei, paréceme que son
demasiadas cousas que lle pasan a unha
mesma persoa…
-Mantenos
a distancia porque os país non eran quen de percibir o que ela sente… Cando a
ven fumando o porro non deixan que ela se explique, non logra dicirlles que
fora obrigada, castígana e xa está, a ela nin sequera a escoitan.
CH:-De
todas formas, a relación cos país non é o núcleo…
-Non,
desde logo que non. De feito, o único importante na novela é o primeiro e o
último capítulo, polo medio cóntanse
vivencias, pero o núcleo está neses dous capítulos. Empezamos adiantando case
xa o final. O libro enteiro é coma unha analepse.
CH:-Pero
ela meteu moito o zoco, non si?
-Levar
esa relación adiante ela soa… Si, foi unha inxenua
CH:-E
tiña bos amigos, estaba Anxo.
-Foi
moi pechada en si.
-Foi
boba. Puido dicirlle a Xúpiter que quedaban á luz do día, quedar coa xente. Por
iso o libro me resulta un pouco irrealista.
CH:-Pouco
verosímil, queres dicir.
-Quedar
nunha cervexería abandonada ti soa de noite onde sabes que morreu asasinada
unha persoa, pouco verosímil, iso é.
-Pero
se hoxe en día a xente fai esas cousas. Vese nos periódicos… Vemos que hai
moitas persoas que confían a súa intimidade a un estraño total pola
Internet. Inverosímil ata certo punto.
-Ela
sacaba boas notas. Espérase que sexa máis intelixente. Ademais, despois de ver
que non se abre a ninguén, que non confía na xente de arredor, vai e si confía
nun descoñecido…
CH:-Pero
el ten vínculos, o seu coñecemento de astronomía, que a atan. Tamén podiamos
esperar outra reacción dun ser intelixente e coñecedor do universo…
-Si,
pero el ten dúas personalidades. Como o personaxe de Psicose, incluso os dous
teñen en común o trauma da morte da nai. Ou como aquel Mr. Ripley.
CH:-O
da peli que transcorre na Toscana?
-Ese,
si.
CH:-E
que me dicides do tema do amor. Anxo era un bo rapaz. E está namorado dela.
Como se entende que ela abandone o real, que lle dea de lado á realidade por
seguir un ser imaxinado ou imaxinario?
-Iso
chama a atención. Pero ela ama a astronomía e ese amor encontrou en Xúpiter a
súa personificación.
CH:-Entón,
recomendades a lectura deste libro?
-Si,
si.
-Hai
aspectos que me parecen importantes, como a relación de Carballo coa nai, a
morte por sobredose, tan dramática, desta, a desaparición da súa irmá, todo
altamente dramático e que se resolve case nun único parágrafo
-Tamén
é estraño que a mellor amiga, Mar, lle silencie a súa relación con Carballo. Se
eran tan amigas…
CH:-Pero
supoño que admitiredes comigo que todo ser humano ten dereito a reservar unha
parcela da súa intimidade, dereito a ter un secreto.
-Como
tamén o odio que Mar ten cara o outro sexo, por culpa de Carballo.
CH:-Pero
temos ou non temos dereito a ter un recanto da nosa vida só para nós?
-Son
amigas.
CH:-E
os amigos na adolescencia cóntanse todo, queredes dicir?
-Non.
-Por
suposto que non…
Aquí o
deixamos. Está claro que a lectura deste libro non deixa indiferente os seus
lectores.
(Os
membros do Club de Lectura participantes nesta tertulia literaria foron dos
primeiros en ler o libro enteiro. Son: Lucía Blanco e Ana F. Cedeira , en
compaña de Charo Soto, membro do equipo
coordinador do HIPOGRIFO VIOLENTO CLUB)
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)





