luns, 29 de setembro de 2014

MANUEL ANTONIO e RIMBAUD




SÓS

Fomos ficando sós

o Mar o barco e mais nós.

Así comeza un dos máis coñecidos poemas da literatura galega. Foi escrito por Manuel Antonio (1900-1930), poeta e navegante de curta vida, mais de obra intensa. Unha estrela fugaz no noso universo poético.

O poema aparece no seu libro “De catro a catro” (1928), un libro no que a partir das súas vivencias como mariño, o poeta vai narrar unha viaxe íntima polo mar incerto da existencia. Máis que unha viaxe externa, o poeta cóntanos a súa viaxe interior, e daquela, o desamparo e o extravío do ser humano na súa travesía vital.

Manuel Antonio, un poeta vangardista do primeiro terzo do S.XX, recórdanos a figura doutro gran escritor e renovador da poesía europea e universal: o poeta francés Artur Rimbaud (1854-1891). E recórdanos a Manuel Antonio non só por ser outra estrela fugaz no universo poético universal, un escritor de vida tamén moi curta, senón tamén por ser o autor dun extenso poema, “Le bateau ivre” (O barco ebrio), que deu a coñecer cando era aínda un adolescente. Neste poema Rimbaud emprega tamén a imaxe dun barco, un barco que é a alma do poeta, de todos os seres humanos á intemperie, á mercede dos ventos e das incertezas da vida. Outra navegación interior, outra viaxe ao corazón das tebras. E, en ambos poetas, un mesmo “barco sen luces”.

É por isto que nos gusta unir a vida e a obra destes dous poetas revolucionarios, destes dúas almas senlleiras e xemelgas, que tan fonda e belamente souberon expresar o noso desamparo e extravío existencial. A necesidade da procura de áncoras para a nosa propia navegación.

Quizais a poesía sexa a áncora máis firme e o máis cálido peirán. Ese onde sempre nos agardará Simbad e a súa doce memoria de tódolos mares. Simbad, esoutro navegante e poeta!
 

 (Retrato debuxo de A. Rimbaud)

(Colaboración de Xosé P. Mondelo)

venres, 26 de setembro de 2014

VISITANDO


VISITANDO (13)
Visitamos un ano máis o departamento de galego onde nos reunimos os membros do Club de Lectura. Un día de principios de outono (aínda non traemos as noces, pero xa empezan a caer), día gris coruñés. Somos sete (logo polos corredores toparemos con Carmen e Xosé, que se esqueceron de acudir este primeiro día). Ana non quere saír na foto e fáinola aos demais.
Pregúntolles polas lecturas do verán e facemos propostas para os próximos quince días. Leremos O corazón de Xúpiter, da viguesa Ledicia Costas Álvarez.
Ana non sae na foto pero agasállanos cun rico comentario de Astrid e VeróniKa de Linda Olsson, que publicaremos o luns no blog ofarodesofia (se logro descodificar o seu escrito, complicadamente adolescente, de caligrafía cambiante, bo para unha análise grafolóxica; en tempos estudei grafoloxía, inda recordo datos; é ese un espello claro do ser humano: percíbense ben as loitas entre a tendencia a refuxiarse na infancia feliz e protexida e a necesaria zancada cara adiante, cara a dura idade  adulta).
Gardaba para eles da miña última viaxe a Madrid un caderniño coa Dama de Elche debuxada na portada e xogamos a sortealo. Tocoulle a Andrés. Logo saquei de móbil e vimos as fotos deste venres, da inauguración do novo complexo museístico do Pazo de Liñares, onde nacera o aviador Joaquín Loriga e conteilles do que vivín: por alí pasaron grandes nomes das nosas letras. A coruñesa Emilia Pardo Bazán, o ourensán inmorrente Ramón Otero Pedrayo, e o chamado Poeta da Raza. “Sabedes quen é o ‘poeta da raza’?” Non sabían. Outro Ramón. Dixen: “Abre o libro: escolle ao chou un poema del e lénolo en voz alta”. Mario abriu o tomo II das Obras Completas do salnesán Ramón Cabanillas e leu:
Máis dooroso e forte,
                por croel e certeiro,
que o gadañazo crú
                da negra Morte,
¡ou, Amor! é teu dardo traicioneiro.
                Dun soio cutilazo
fai a Morte fuxir voando á Vida,
pro ti, rindo, amontoas, sin cansanzo,
unha ferida encol doutra ferida.
Por eso, como un neno en susto, fremo,
                por eso me acobardo
                e, morto en vida, temo
máis que o da Morte teu certeiro dardo.
 
[Apenas me dá tempo a dicirlles que este madrigal toca un tema clásico: amor-deus menor-neno disparando dardos, reteño o verbo fremer -case latín puro, tan eufónico-,  e penso logo en Paio Gómez Chariño, naquela tamén clásica comparanza entre a coita do mar e a do amor…].
Aquí tocou o timbre e alá nos fomos, cada moucho ao seu souto. Haberá máis días.  Di Herodoto que a vida dun home ten setenta e pico de anos… E máis.
 

venres, 19 de setembro de 2014

BUSCANDO PALABRAS


BUSCANDO PALABRAS (3).
 
Chegou ás miñas mans, das mans dunha miña amiga chilena, este libro do que vos falarei. Vanche gustar os modismos, díxome no seu galego voluntarioso, suficiente. E acertou de cheo. Titúlase El descubrimiento de la pintura, e gústanme non só as frases que nunca antes oíra (algunhas polo menos, logo adxúntovolas), senón tamén outros varios ingredientes: a elegancia e sinceridade narrativa, o sentido finísimo do humor (que lle permite ao autor facer intelixentes xogos de palabras), o suave ser eu traída e levada na rándea do tempo (arriba, abaixo, pasado, presente) sen marearme nunca, as aves santiaguinas (Todavía, en esa época, había abundancia de pájaros encima de los tejados, zorzales, golondrinas, loicas, y cantos difusos, graznidos lejanos), e así un longo etcétera. 
Decididamente, cando me xubile quero ir a Santiago de la Nueva Extremadura… Tamén lle pido á Providencia poder ler sempre, que non nos falten ollos para ler, por favor. E, xa que pedimos, longa vida entre nós ao autor do libro, Jorge Edwards!  
Claro que hai que morrer. O protagonista deste libro morre de saudade talvez. Un caso particular de saudade: saudade do que el nunca será. Cando acabei a lectura viñéronme á mente outros relatos de curiosas mortes tristes, como aquel (había no título a palabra Carnak, creo) de Emilia Pardo Bazán, no que a rapaza ancaresa é desterrada da aldea, vén á Coruña e inda vivindo no vello Perrote, morre por ausencia do verde nutricio… 
(Foto de Jorge Edwards tomada da Internet)
 
Fraseoloxía en El descubrimiento de la pintura:
Un placer de segundo grado
Dormir a saltos
Mi pariente más bien lejano, figura de segunda fila de mis años de infancia
Utilidad perfectamente inútil, incluso perniciosa, como se comprobó a poco andar
Yo sé quién soy, parecía decir, como dicen que dijo alguna vez don Quijote de la Mancha, y se quedaba tan fresco
Sé quién soy, y no me entran balas
Humillado, pero caballero hasta la médula de los huesos
Estoy vacunado, pensaba, y no me entran balas
Pero paso, ahora, a ocuparme de los asistentes fieles a aquellas veladas, de los componentes de lo que podríamos llamar su núcleo duro, de los iniciados
Rengifonfo había estado en el Ejército, siguiendo las aguas del general Olegario
Era adolescente, y me salían gallitos en la voz cuando hablaba
-¡Qué preguntas ni qué vainas!
Era más ingenuo, más inocentón, más caído del catre, para decirlo de algún modo, que el promedio de mis compañeros de curso [documetamos no CREA a frase tamén en Venezuela; vemos noutro corpus –WebCorp, feito pola Universidade de Birmingham- a tradución ao inglés da frase “Crees que soy un caído del catre?”, “do you think I was born yesterday?”, (=cres que nacín onte?), de onde deducimos que ‘caído del catre’ vale, efectivamente,  por ‘inocentón’, cas. ‘pardillo’, gal. ‘paxarelo’]
Y calculé que el método de las preguntas era una manera cautelosa y quizás, al mismo tiempo, insinuante, provocativa, erotizada, calentona, ¡sí señor!, para decirlo con el lenguaje de los patios del San Ignacio, de tirarse al dulce [vén sendo aproveitarse dunha situación e intentar sacar tallada: de novo é a WebCorp a páxina onde atopamos información riquísima sobre este chilenismo]
En una época en que acababa de leer de un suácate [parece mestura entre a forma de socato e o valor da frase dun saque; moi documentado  na WebCorp, pero son documentacións de Internet e non podemos saber de que países son os internautas; o valor principal da frase é “de golpe”, “dun tirón”]
Sus deseos más secretos, estaban dirigidos a ser pintor con toda la barba
Era un expulsado del Ejército de Chile, en buenas cuentas, un marginal
Uno pensaba que se iban a salir de madre y nunca se salían
Fonfo parecía transpuesto, fuera de sus cabales
Hecho una exhalación
Entonces, sentado, de pierna arriba, vestido con el más nuevo de sus trajes [coas pernas cruzadas]
Y se aguachaba (como decimos por allá), se acomodaba, y se reía de los peces de colores [aguacharse vén no DRAE, ‘acomodarse, amansarse’]
Era (…) buena persona, aunque negado en cuestiones de arte
Pero su curiosidad se había secado en la mata [equivale a de raíz, quere dicir que non durou moito]
Completamente chalada, con la memoria perdida, con un tornillo suelto
Capaz que también nos ofreciera mistela
Una calle a trasmano
Toqué el timbre, que estaba junto al número de la puerta de calle
Al rato, una empleada vieja, patuleca
Estaba enteramente a tono
Él se paseaba por la habitación en la punta de los pies
Unas piezas suyas para órgano, las Trois pièces. ¡A mi regalado gusto!
Con buena educación mal entendida, aprendida en las faldas de mi madre
Tender una cortina de humo
Eran maricones de necesidad
A todo esto, la señora que había hecho su entrada
Era, como lo supe de entrada,
Y cruzando sus dedos de espátula delante de sus rodillas, bien hallado, seguro de sí mismo [parece querer significar a gusto consigo mesmo, ou quizais comodamente establecido]
Un fundo cordillerano de alrededor de ciento sesenta hectáreas, con cincuenta regadas y el resto de rulo, en la zona central norte [significa, segundo o Diccionario de Americanismos de H. Morales,  que non ten medios –esa terra- artificiais de rego]
Exclamó el Cloro, con expresión de pésimas pulgas,
Noté que mi madre se encontraba en el séptimo cielo,
Reventando de bilis, como de costumbre, por los cuatro costados
Lloraban a moco tendido
Se casaba con todas las de la ley, y en medio de una abundancia que parecía de los tiempos de Maricastaña
Tomados del bracete
Recuerdo, sí, que di unas cuantas cabezadas
Estaba de nuevo en la enfermería del regimiento, con un ojo en compota, con el labio sanguinolento
El del ojo izquierdo en tinta
Y hasta pienso que buena parte de la parentela optó por doblar la página
Tocaban radios a pilas a toda pastilla
Durán Ballesteros, se había vengado y le había puesto en el camino de la jubilación completa palitos de toda clase, pero que, a pesar de eso (…), eran enormemente felices
Se entendieron a fondo
No se me había pasado por la cabeza que a esta edad (…) pudiera ser uno feliz de buena gana, a pesar de todo y de todos
No estaba seguro de haberse caído de poto, ¡de culo!, al suelo.
 
É curiosa esta disciplina, a da fraseoloxía. Unha mostra máis da inesgotable capacidade de creación do ser humano. Algunhas imaxes son estupendas, absolutamente, como esa do ollo en compota (nós na península copiamos ou imitamos o francés –sempre que sexa certa a etimoloxía que propoñen os académicos da RAE, persoalmente teño fortes dúbidas-, a la virulé; de todas formas esa compota non é a que se fai na miña casa, só con mazás –e ás veces con pera-, ten que ser coma a que fan na casa do meu cuñado, por exemplo, con cirolas negras deshidratadas, para darlle á imaxe o ton escuro);  outras, aínda conservando o denominador común –a páxina- innovan grazas ao verbo: a imaxe de dobrar a páxina dá idea de arquivar, o que nós entendemos por pasar páxina. E noutros casos, a frase sempre é a mesma (de boa gana), pero en España nunca a usariamos acompañando a felicidade presente: non dicimos son feliz de boa gana, senón de boa gana sería feliz toda a vida (por exemplo).
Espero que vos animedes a ler a J. Edwards e a ter a mente sempre aberta ás sutilezas das nosas linguas hispanas. Ou ibéricas.

venres, 12 de setembro de 2014

ENTREVISTAS A MULLERES QUE AMAN O EUSEBIO DA GUARDA


ENTREVISTAS A MULLERES QUE AMAN O INSTITUTO EUSEBIO DA GUARDA.
Entrevista a Isabel Ruso de Lago, directora.
Mª ROSARIO SOTO ARIAS: -Grazas, Isabel, por concedernos do teu tempo de vacacións. Desde cando es directora do noso instituto?
Mª ISABEL RUSO DE LAGO: -Encantada de estar convosco. Son directora desde hai 6 cursos, agora comezamos o sétimo. Antes fun vicedirectora 3 anos máis.
-O teu lema, ou un deles, é A miña porta está sempre aberta a todos. É así, Isabel?
-Pois en certa maneira si. Creo que é importante que compañeiros, alumnos, pais, familias, coruñeses… saiban que neste instituto van ser sempre ben recibidos e, na medida do posible, atendidos nos seus requerementos. Pretendo seguir as indicacións de don Eusebio da Guarda  no seu testamento no que insistía que “O Instituto” debería estar sempre aberto á cidade.
-É innegable que estás rodeada moitas horas ao día de historia e de beleza. De todo o que te rodea, fisicamente, escolle para nós algo, por favor…
-Hai moitas cousas que podería mencionar, pero eu destacaría a radio de principios do século XX realizada a man en Chicago, que está no meu despacho. Creo que é algo sorprendente encontrar unha peza semellante nun centro educativo.
(A directora do Instituto 'Eusebio da Guarda'. Foto de J. Carlos Rivas)
-Ocupas un posto que antes ocuparan grandes personalidades. Relembra para nós algunha figura digna de mención.
-É difícil sinalar algún en concreto pois foron moitos persoeiros destacados os que ocuparon a dirección do instituto. Non obstante, recordaremos o primeiro director, D. Xosé Pérez Ballesteros, membro fundador, ademais, da Real Academia Galega e Presidente accidental da Real Academia de Belas Artes no ano 1901. E como muller que son, non podo esquecer á que foi a primeira directora do noso Instituto, María Muruais, persoa moi querida polos compañeiros e polos alumnos. Temos unha aula a ela dedicada. E outra ao prof. Meijide, quen fora director así mesmo durante varios anos... Non sigo, porque temo facer algún agravio comparativo.
-Este instituto converteuse, con toda xustiza, en Centro Histórico, en parte grazas ao teu labor. Iso é meritorio e digno de ser subliñado. Ora ben, poñamos o dedo na chaga: Sabemos das necesidades reais dunha reforma integral do edificio, unha reforma de moitos milleiros de euros, tendo en conta que non foi reparado en profundidade desde 1890. Cantas promesas escoitaches xa nese sentido dos políticos des que dirixes o centro? Perdiches xa toda esperanza?
-A verdade é que para o Claustro do instituto foi unha satisfacción conseguir o recoñecemento de Centro Histórico pois entendiamos que era unha débeda que tiñan co que foi o único instituto da cidade durante anos. Teño que dicir que tanto a Consellería como o resto do Centros Históricos de Galicia que conforman a rede MUPEGA, da que a partir deste recoñecemento formamos parte, apoiaron de forma unánime a nosa incorporación.
Desde que cheguei á dirección do centro levamos dous proxectos de reforma integral: un sendo Conselleira dona Laura Sánchez Piñón e o segundo co  actual Conselleiro, don Xesús Vázquez Abad. No primeiro caso o cambio de goberno e no segundo a crise que vén sufrindo o noso país desde fai uns anos supuxeron que no Eusebio da Guarda siga sen facerse esa obra tan necesaria. Como consecuencia desa reforma “latente” poucas obras parciais se fixeron no centro (ventás da fachada principal, vidreiras do Salón de Actos, recuperación de mobles…) polo que o curso pasado se reclamaron algunhas reformas parciais básicas para desenvolver a actividade docente e que se están a realizar antes do comezo do curso 2014-15 (enlucido e pintado da fachada do edificio antigo que dá a Riazor, así como o arranxo dos canalóns desa zona, impermeabilización das terrazas para evitar a entrada de auga a vestiarios e ximnasio, eliminación de entrada de auga no último andar do edificio novo,  arranxo da escaleira de baixada ao patio, limpeza de desaugues do patio e elevación de certas zonas para evitar acumulacións de auga…).  
-Imaxinemos que chega un mecenas –que os hai, que os hai…- e diche que si: que che dá os cartos que necesites, pero para iso tes que facer unha síntese das necesidades reais do edificio. Que lle dirías?
-É moi difícil concretar as necesidades pois son moitísimas. De todas formas, en xeral, habería que arranxar os tellados e os canalóns, cambiar ou actualizar a instalación eléctrica e de calefacción, revisar e modernizar a fontanería e os baños, restaurar os elementos de madeira (portas, ventás, solos…) do edificio antigo, cambiar os solos e ventás do edificio novo, limpar e tratar a pedra… Tamén habería que facer un estudo da acústica nas aulas, establecer medios que faciliten a informatización do centro, instalar canóns e ordenadores en todas as aulas e no Salón de Actos… A maiores, aínda quedaría a restauración do Paraninfo, da escaleira de mármore de Carrara, dos teitos de escaiola, dos zócalos de madeira do vestíbulo, do reloxo, dos murais, dos nosos fondos históricos…
Isto por resumir, como ti me pides,  pero quedarían moitas cousas por engadir. Como verás o noso mecenas tería moito en que investir, pero sería unha satisfacción recuperar unha das xoias dos edificios coruñeses e emular o xeneroso e desinteresado xesto de don Eusebio da Guarda a favor da educación pública da cidade e da Comunidade Autónoma.
-O un do outubro do 2015 celebraremos, deo volente, 125 anos da existencia do Instituto Eusebio da Guarda. Como tes pensado celebralo?
-Como ben sabes, porque formas parte dela, temos creado unha comisión para a organización desa celebración desde o curso pasado.  O noso desexo é implicar a toda a Comunidade Educativa actual, pero tamén a todos aqueles que formaron parte dela en toda a súa traxectoria. Haberá publicacións, actos formais, celebracións... Aproveito desde aquí para convidar a todos os ex alumnos e ex profesores do Instituto a que nos axuden, achegando fotos ou todo aquilo que cadaquén xulgue útil e oportuno.
-Isabel: Tres fillos, unha familia relativamente grande, un traballo con moitas responsabilidades, algo de docencia… Quédache tempo para os libros? Que estás lendo ou que quixeras ler?
-Encántame ler pero, efectivamente, non teño demasiado tempo e no verán oriento as lecturas cara á literatura de entretemento que me distrae e me axuda a relaxarme . Nesta vacacións entretívome moito a  ”A verdade sobre o caso Harry Quebert” de Joël Dicker, e lin tamén “El despertar de la Señorita Prim” escrito pola galega Natalia Sanmartin Fenollera, que me regalou unha amiga. Na mesiña de noite está esperando por min o volume Cartas a Murguía,  editado por X. L. Axeitos e polo que fora o meu profesor, X. R. Barreiro.
-Algún consello para os que se integran como alumnos novos este curso?
-O mellor consello que podo darlles é que sumen a responsabilidade de estudar e portarse ben á  posibilidade de gozar dos seus compañeiros e da vida escolar neste centro. Teño que engadir, como xa é habitual cada vez que me dirixo aos nosos alumnos ao comezo e ao final da súa andaina neste instituto, que non esquezan que son do Eusebio e que iso marcará sempre a diferenza. Moita sorte a todos neste curso académico 2014-15!
-Isabel, moitísimas grazas por atendernos, e por facilitarnos a vida aos que traballamos contigo. Longos anos para o Eusebio da Guarda! Longos anos para a educación pública neste país!
                                              

venres, 5 de setembro de 2014

A NOSA CASA (VI)

A NOSA CASA (VI)

Aquí estamos. Outra vez na nosa casa. Entramos o un de setembro e saudamos aos colegas –iso é o mellor de volver, rir mentres nos laiamos con certa inevitable saudade da fin das vacacións, falarmos de viaxes e gozos acabados de pasar, alegrarnos talvez de seguir vivos-. Dixo Emma: á miña filla encántalle vir aquí comigo –a nena ten catro anos-, “mamá, isto é coma un castelo, coas escaleiras…”. Seguro que quería dicir coma un palacio, coas escaleiras marmóreas ou marmóricas. Gustoume oílo. Entón comentou Emilio: Ese era un tema interesante, ver como enfocan os rapaces a entrada no noso instituto. Por exemplo, algún dos nenos de aquí ao lado –das Escolas da Guarda- , ti sabes como lle chaman ao noso centro? Dixen que non o sabía. Pois chámanlle “A casa branca”. Tomade nota. Será polo impacto visual do mármore de Carrara, tan níveo.

Relembrei así nun lampo cando eu entrei por primeira vez, no ano 1965, no chamado Ingreso. Medo, esa foi a impresión inicial ao ver as estatuas. Daquela botaban na televisión, acabada de estrear coma quen di, a serie de misterio e suspense Belfegor, el fantasma del Louvre, e as estatuas exipcias impoñían coa súa presenza negra.
 (As nosas dúas exipcias na entrada do Instituto teñen un globo entre as mans, portador primeiro do gas e logo da electricidade; outras estatuas do estilo poden ter teas; foto de Mario S. García)
Chegamos desta forma ao tema. As dúas estatuas exipcias que iluminan e franquean a entrada, a grande escalinata de mármore  do Instituto Eusebio da Guarda da Coruña. Debo agora ceder a palabra a Raúl Trillo, amigo, colega xa mentado noutras ocasións, arquitecto e catedrático no centro. Sempre ten a bendita canle da comunicación aberta a nós: Son estatuas procedentes da industria de fundición do ferro en Europa… Daquela eran frecuentes, en Inglaterra, Alemaña, Francia, e tamén en Portugal… Eu vin dúas irmás xemelgas das nosas nos xardíns do Pazo de Cristal do Porto, son –no que eu sei- as máis próximas a nós… Hai que ter en conta que en principio, a estatuaria manufacturada é custosa, e cando empezou a haber unha gran demanda para o ornato de parques ou edificios, a principios do XIX, a industria da fundición ofertou unha produción que tivo moito éxito nas cidades europeas. As nosas esculturas, as exipcias, son da empresa francesa Val d’Osne. Tiveron un tremendo éxito nas exposicións internacionais e vendíanse por catálogo. Na fundición do Val d’Osne traballaron escultores coñecidos, algúns polo menos, coma Pierre Rouillard, que, se non erro, colaborou na fachada da Ópera Garnier de París.

(No cilindro na base da estatua lese ben o nome da fábrica, Val d'Osne; foto de Mario S. García)

Miramos xuntos na Internet e atopamos mesmo o catálogo. Había unha foto dunha galería da fábrica esa, no Alto Marne francés, e Raúl dixo: xa me gustaría visitar esta galería, seguro que encontrabamos as exipcias…
(Foto de Mario S. García)
Coméntolle a Raúl que D. Eusebio da Guarda González (pai portugués e nai coruñesa) tamén se vincula á  industria do ferro na construción da primeira praza de Lugo, aquel fermoso edificio modernista lamentablemente perdido.
(Foto de Mario S. García)

- E dime, Raúl, ti cres que o artista ou artistas se inspirarían nun modelo de estatua exipcia coma as que están no Museo Británico, aquela faraona, Hatshepsut, ou?

-Non exactamente, falta o hieratismo. As estatuas nosas teñen unhas curvaturas claramente “nouveau”, non percibes ese aire historicista, decimonónico? Tamén facían estatuas gregas, mesopotámicas… Fíxate na flexión das cadeiras, como xiran a perna… Respiran o modernismo da época. Esa modulación sensual dos brazos… Modernismo, ese é o concepto clave. Estas nosas estatuas están aquí desde a inauguración do Instituto, en 1890.

Non ousaría contradicir a Raúl, mais non deixei logo de pensar que na arte exipcia ás veces se rompe o hieratismo (especialmente na pintura: nas danzarinas do Museo británico, nesa das tres mulleres que tocan o laúde, a arpa e a frauta, nunha tumba en Tebas, ou aquela estatua de madeira da deusa Selket, co seu símbolo-escaravello na cabeza, no Museo do Cairo).
 (Estatua de fundición en Postdam, na Orangerie, Neur Garten; temos o correlato masculino das nosas exipcias; foto de Mario S. García)
Para rematar, un par de datos sobre a industria da fundición de ferro en España. Dos primeiros –no que eu sei- os andaluces (Manuel A. Heredia Martínez, un rioxano que emigra ao sur e por matrimonio entronca coa burguesía ilustrada malagueña e funda a fábrica  La Constancia en 1833 en Málaga); os barceloneses (no 1836, “Talleres Nuevo Vulcano”),  os valencianos (en 1841, en Alicante, onde a Asociación Británica fundou unha fábrica metalúrxica pé do outeiro  do Molinet), os vascos (a fábrica vasca de santa Ana de Bolueta, ata 1843 non empeza a producir), os coruñeses (Joaquín Galiacho –non conseguín averiguar con certeza a orixe-, de novo un home casado cunha coruñesa, funda a primeira fábrica de fundición do ferro galega aquí en Monelos, en 1843, daquela Monelos pertencía non ao concello coruñés, senón ao de Oza; unha servidora naceu na rúa que leva o seu nome, Joaquín Galiacho, sita onde estivo a fábrica, ‘La Victoria’, cerca da ponte sobre o río de Monelos que tan mal cheiraba sendo eu nena, aínda que o meu avó coruñés lembraba ben cando se pescaban anguías augas arriba); seguen os zaragozanos: a fundición máis antiga de Aragón establécese en 1855 en Zaragoza, fúndaa un enxeñeiro galo,  Antonio Averly, estes si que facían estatuas, coma a da fonte da Samaritana, ou o monumento ao Xustiza de Aragón.

Non citei os cántabros porque a fábrica ‘La Cavada’, aínda sendo como foi a primeira siderurxia e industria armamentística do país e ter producido durante máis de dous séculos, en 1835 estaba xa abandonada. Noutra ocasión cóntovos máis cousas de Joaquín Galiacho, primeiro quero averiguar máis dese difícil apelido.
(Foto dunha das dúas estatuas exipcias nos xardíns do Pazo de Cristal do Porto, foto tomada da Internet)

 (Foto que nos envía un ex alumno do centro desde un bar de Madrid, as dimensións da estatua coinciden máis ou menos coas das nosas exipcias; foi comprada a estatua nun anticuario)
 ("Ás veces as fotos atopan o fotógrafo...", autor Mario S. García)


venres, 29 de agosto de 2014

VISITANDO...


VISITANDO DEZA (II)
AS  ÁRBORES: A ARQUITECTURA EN VERDE.
Moitos de nós nutrímonos do verde. Así de simple. Necesitamos o verde como necesitamos ser amados. Cando visitei aqueles xardíns na ribeira do Támese, Kew, a uns 20 minutos en metro de Londres, unha das cousas que máis me abraiou, e arraigou no meu corazón foi o feito de teren identificdo, ben sinalado, reverenciado, o carballo máis grande do reino. Lanzal, xigantesco símbolo dun país que foi imperio marítimo, cuxas naves se fixeran coa súa madeira,  alí estaba, maxestuoso, ocupando un amplo espazo. Trouxen e teño no meu escritorio da casa de Coruña un par de follas e un par de landras.
(A carballeira de Barcia)
Aquí, en Deza, as carballeiras son igualmente fastuosas, inda abundantes, malia a mingua da masa forestal (din os arqueólogos que no período castrexo as fragas ocuparían o 90% do territorio, e aínda ata o século pasado o bosque de frondosas foi dominante, mentres que na actualidade está en regresión continua). Aquí, en España, tamén as Armadas –e xa que toco o tema, lémbrovos que a primeira armada histórica coñecida é a que mandou facer Xelmírez para defender as costas dos homes do norte, mesmo mandou vir de Xénova un mestre, un bo carpinteiro de ribeira, quen sabe se iría traballar el ou un dos seus á Moureira pontevedresa, de onde séculos máis tarde sairía a Galega, por nome oficial a nao Santa María-,  vencidas ou non (invencibles algunas daquelas naves, pois deran a volta ao mundo por primeira vez e nos comunicaron con América), foron feitas con carballos do norte, nosos, cántabros, vascos e astures. Mágoa dunha mellor política de reforestación. Agora disque hai leis que protexen os carballos, pero xa oín un par de gargalladas paisanas ao meu arredor cando mento este punto. Aprendede isto, fillos: de nada valen as mellores leis do mundo, se non se fan cumprir.
(O famoso carballo de Bermés, lugar onde nacera o non menos famoso matemático Rodríguez)
Onde está o carballo máis grande de Galicia? Francamente, non logrei dar co dato. Si que vin que Frei Martín Sarmiento se refería a el no seu tempo: “Santa Margarida do Monteporreiro/ que tén o carballo maiore do reino” (en Coloquio de 24 gallegos rústicos).
(Magníficos exemplares de buxos, pazo de Siador ou de Sestelo, c. de Silleda)

Temos, iso si, un listado editado pola Xunta de Galicia, con árbores senlleiras; anímovos a que o miredes de cando en vez. Déixovos o enderezo: (http://www.cmati.xunta.es/c/document_library/get_file?folderId=163779&name=DLFE-13502.pdf)
(O carballo de Soutolongo, tamén chamado do Muíño, e antes de Espinosa, pola familia propietaria; figura no catálogo da Xunta, está protexido, ao seu carón hai un muíño de dúas moas)
 
(A soberbia sobreira de Siador, tamén catalogada e protexida; entre oito persoas abrazamos malamente a súa roda)
(Na fraga de Catasós están os castiñeiros máis altos do reino, é espazo protexido)
 
No país de Deza hai máis que carballos: hai sobreiras e sobreirais (aquí chámanos ‘cortizos’), castiñeiros hai (e algúns altísimos, na Fraga de Catasós) e varios soutos, nogueiras, freixos, restos de abeledos (na ribeira do Deza ao seu paso polo mosteiro de Carboeiro), sabugueiros, algún teixo (no pazo de Soutolongo), espiños albares (Aránzazu parece que significa ti no espiño, tras unha aparición desa Virxe a un pastor vasco), arandeiras (hai un bosque delas no Castelo de Férveda, c. Silleda, de difícil acceso), sotobosques de acivros, maceiras (na parroquia do meu home moitos veciños facían sidra noutrora, cando era neno o seu pai). Desta riqueza en verde fálanos a toponimia dezá (ou fitotoponimia): Bidueiros,  A  Bouza, Carballeda, Carballeira, Carracedo, Carracido,  O Carballo (parr. Oleiros, c. Silleda),  O Carpazal (monte, parr. Cortegada), Carqueixeira, Espiño, Freixeiro, Filgueira, Maceira, Noceda, As Nogueiras, A Pereira, Pereiro, Piñeiro, Reboredo,  Sanguiñedo, Souto, Souto Nogueira, Soutolongo, Soutullo, Tixoa (de teixo?, está en plena montaña), Torguedo, A Viña (unha das parras máis grosas que vin na miña vida está na casa reitoral de Camanzo), A Xesta, Xestoso…
(Abelaira na ribeira do Deza, en Carboeiro; lembremos as cantigas medievais que xa nos falan das "avelaneiras floridas") 
E tamén nos fala a heráldica. No escudo de Lalín figura o rei indiscutible, a árbore de Xúpiter, o carballo, druídico, sacro, respectado por romanos e prerromanos, por vascos (el roble de Guernica), astures (penso no carvallón de Oviedo) e galaicos. Inda pervive algo desa vella sacralidade. Sabémolo polos ritos curativos, por lendas (xa vos contarei no próximo capítulo), pola continua e abundante cristianización das carballeiras (capelas, igrexas, cruceiros chantados todos nas carballeiras). O carballo do escudo de Lalín estaba xunta á vella Torre medieval (ambos os dous desaparecidos, derrubados en nome dun falso sentido do progreso, viñan estando onde o concello vello, acarón do actual grupo escultórico de Asorey en honra de Joaquín Loriga) e chamábanlle o Carballo da Manteiga. Curioso, non si? Débese o nome a que ao pé del canda a feira, se vendía a manteiga. Lemos na poesía popular: Adiós , ponte da feira,/ adiós, carballo grande,/ donde se vend ' a manteiga;  Adiós , feira do Cotón, / adiós , carballo grande,/  donde se vend ' o xabrón.
 Ora ben, sería sempre así? Se cadra tamén ao seu pé se fixeran noutrora cousas digamos máis transcendentes, como administrar xustiza (Débora, na Biblia vella, facía iso á sombra doutra árbore, dínolo expresamente o Libro dos Xuíces; seguro que a Pitia tamén aconsellaba á sombra dun loureiro, conta Pausanias que o primitivo templo en Delfos fora feito desa árbore, símbolo de Apolo), ou como reunirse o Concello (que é o que hipotiza Antonio López Ferreiro para o vello carballo que había no Preguntoiro de Santiago; a nós ensináronos en Vilatuxe un grande carballo, á sombra do cal inda recordaban os máis vellos que sentaba o amo do pazo e cobraba alí as rendas).
(Unha das moitas ermidas sitas en carballeiras que hai no país; está é a de san Caetano, e dentro garda tres imaxes, a dese santo italiano, a de san Xoán e a de santa Margarida; en Soutolongo)
 
Falemos aínda de carballos desaparecidos nestas terras que eu amo tanto.  Sei de tres: un, o do Pazo de Liñares: o avó dezao dos meus fillos díxonos que o chimparon para facer travesas (usábanse, de madeira, no trazado do ferrocarril, agora fanas de cemento), sacaron 80 travesas. Meu sogro non era dos que botan por ela. Non creo que esaxerara. Un segundo, o carballo dos Chaos: un noso veciño e amigo (sesaxenario) recórdao coas pólas cheas de pombas: coma un candieiro xigantesco, di que cada póla era igual a un carballo dos normais. Tres, o carballo de Escuadro (santa Isabel de Escuadro, c. Silleda). En Escuadro había unha carballeira, e feira nela,  que desapareceu, esta vez o sacrificio foi por unha estrada. O noso informante, septuaxenario, repítenos o que oíu dicir a seu pai: “O carballo de Escuadro! Alí cravábanse os sachos”.  Repetiumo varias veces, eu non entendía. “Xa sabe, antes os mozos…, non como agora … agora son peores…, antes pelexaban, cravaban os sachos, espetaban no carballo as cristas, un sacho ten dúas cristas…, e cando tal, collíano de alí”. Que cousas! Pero que antes pelexaban os mozos dun lugar contra os doutro, xa o sabía: “Viva Trasdeza, morra Deza!”, era grito de guerra da xente da xeración anterior á nosa, é algo dabondo sabido, tiña que vir a garda civil moitas veces ás romarías.
(Souto Manso -alude aos castiñeiros plantados pola man do home, mires como mires sempre se ven en liña recta; están na fraga de Catasós, precioso lugar para pasear, altamente recomendable, c. de Lalín)
Vou rematando: os nomes. Imposible dárvolos todos. É algo para seguir outro ano. Os nomes das carballeiras non veñen todos nos mapas. Hai que preguntar. Observamos que son tomados de, primeiro, do topónimo, da terra; segundo, do posesor, e terceiro, Deus sabe de que. Do 1º tipo: Carballeira de Barcia, de Cartemil, de Covas, de Portapazos, de Rodo (microtopónimo, barrio de Lalín), de don Freán, Fraga de Catasós (hai máis castiñeiros que carballos, pero en fin…), de Camporrapado, de don Sion, carballeira dos Chaos. Do 2º tipo: a carballeira do alcalde, en Fonteboa, c. Silleda; a carballeira do rei (dubidoso, porque igual rei deriva de rego), a carballeira da Crespa,  a carballeira de Darío (en Siador, c. Silleda), a carballeira de Quiroga (outro nome para a fraga de Catasós, este Quiroga é o nome da familia do marido de E. Pardo Bazán, din que no pazo que hai aí escribiu parte de Los pazos de Ulloa, hai frase popular: Nin que foran os bens de Quiroga!, que lle din a un cando pensa que ten moito…). Do 3º tipo: Carballeira da Zacota (en Laro, c. Silleda), carballeira das Cacasenas (nas aforas de Lalín), carballeira dos Fieiros (parece nome de planta, quizais variante dos fieitos, pero non estou certa) (Covas, c. Silleda).


(Mesa de César Portela, espectacular, na carballeira da Crespa, en Lalín; tristemente degradado este espazo, cheo de lixo; tras os preitos pola expropiación da carballeira, así andan as cousas..., uns polos outros e a casa sen varrer)

E aquí poñemos fin. Nas próximas vacacións, con tempo libre, falaremos de arqueoloxía, etnografía e folclore dezaos. Terra a nosa!

venres, 22 de agosto de 2014

VISITANDO DEZA


VISITANDO DEZA (I)

TRASDEZA: A ARQUITECTURA PERDIDA.

Algúns –non creo que moitos, e non o creo porque o verán produce nas mentes unha especie de varrido- dos que fostes alumnos meus en segundo de bacharelato recordaredes o concepto de ‘solidariedade semántica’, unha máis entre as relacións que os estudos de Semántica Estrutural do século pasado deran a coñecer. Xogando un pouco con ese concepto é como vos digo que hai substantivos que non casan nada ben con ese adxectivo –perdida-  (aí pouca solidariedade percibimos), por exemplo, o substantivo ‘muller’. En troques, hai outros que casan de marabilla. Mirade estes títulos: Na procura do tempo perdido, La arboleda perdida, Los pasos perdidos, O autobús perdido (de J. Steinbeck, podedes encontrar un comentario no blog da nosa biblioteca, ofarodesofia.blogspot.com, na sección “Un libro cada semana”).
(Capitel de pedra no mosteiro de san Lourenzo de Carboeiro, parr. Carboeiro, C. Silleda, auténtico emblema, buque insignia, do conservacionismo do Concello de Silleda; un labor digno de ser varias veces sinalado; hai camiño real que baixa ao río, ao Deza, con ponte de pedra medieval e lenda)
Hoxe encetamos unha serie vacacional, visitando lugares nos que descansamos no verán. Quedades convidados a colaborar en próximas edicións. Empezamos coas pequenas mostras de arquitectura en pedra que se perden nas nosas aldeas. Con excepcións, hai casos fermosísimos de encomiable recuperación. E como eu veraneo na bisbarra de Trasdeza (terra do meu home), por aquí nos moveremos. Antes de nada quero citar a Antonio López Ferreiro: este ciclópeo sabio galaico, arquiveiro e novelista, cando fala de Deza é para mentar aqueles doce carros tirados por bois do país que levaban madeira de nogueiras dezás, madeira con que se labrou o primeiro retábulo en honra de Santiago na súa catedral, retábulo anterior ao actual de prata. Esta mención ás nogueiras dáme pé para estruturar o proxecto dezao en capítulos, que trataremos só nas vacacións: un primeiro, dedicado á arquitectura en pedra –sen que nos movamos basicamente de Trasdeza, a banda de aló do río Deza dende a perspectiva lucense, porque estas parroquias –salvo as que están pegadas ao Ulla- pertencen á diócese da vella igrexa de Lugo-; un segundo, dedicado ás árbores do país de Deza, á arquitectura en verde; un terceiro, dedicado á arqueoloxía, etnografía e folclore dezaos, e un cuarto dedicado aos homes desta vizosa, sempre rica en castros e en historia, terra que ocupa o corazón de Galicia.
(Pontello, "ponte de Carracedo", sobre o río pequeno ou 'río de Cortegada', sito entre as parr. de Oleiros e Cortegada. Xa non se usa, pero afortunadamente pódese aínda pasar por el)

(Canle de pedra para levar a auga, metros e metros de canalización, en desuso total, para facérmoslle a foto houbo que cortar as silvas, levaba a auga desde o río pequeno ata o lugar da Brea)

(A fonte do souto. Abandonada, como está abandonado e asilveirado o precioso camino que desde Segade conducía a ela, na parr. de Cortegada)

(Fonte do pazo de Siador, recuperada, como foron recuperados pazo e capela por un particular, grande benefactor, por certo, do santuario da Saleta)

(Fonte da Saleta, parr. Siador, C. Silleda, sempre estivo ben conservada, desde a fundación de santuario, en 1864)

(Fonte na entrada do pazo de Liñares, parr. Prado, C. Lalín, onde nacera o grande aviador Joaquín Loriga, xa é Deza; foto de Mario S. García -as outras son de Charo Soto e Luís González)


(Lavadoiro en uso, pertence á casa dos Chaos; vimos varios totalmente abandonados; en uso sabemos doutros dous, un en Fondevila, parr. Cortegada, e outro en Vilar do Río, parr. Prado)
Empezamos. Pequenas obras mestras en pedra, de canteiros (arquitectos con minúscula?) anónimos, que se perden: fontes, petos, lavadoiros, pontellos, os fornos das casas, pombeiros… Logo están as cruces: na contorna atopámolas derruídas en medio dos castros, pero tamén vemos que se constrúen cruceiros novos e se colocan na entrada, na subida a un castro, como é o caso do castro de Oleiros (parroquia de Oleiros, concello Silleda); ao lado da desfeita debemos situar as recuperacións: aquí na parroquia hainas exemplares (por ex. a casa de Ramos, Camporrapado, parr. Cortegada, con. Silleda); un caso específico: as capelas. Sabemos de varias recuperadas, a pulso, cos cartos de particulares, sen subvención (a dos Chaos, e a de santa Lucía en Framiñán, parr. Cortegada). En troques  onte pola mañá fotografamos unha feita un pardiñeiro, en Carballeda, parr. Santiago de Taboada, c. Silleda.
(Capela pazo Siador. As letras falan dos fundadores, familias Baamonde e Pimentel, ano 1705)
(Capela dedicada a san Brais, avogoso para males da gorxa, invocado polas xentes noutrora tamén cando tusían as vacas; pertence á casa dos Chaos, parr. Cortegada, restaurada pola familia propietaria)
(Capela de santa Lucía, Framiñán, tamén restaurada polos propietarios; dentro estaba a imaxe da santa e outra de santa Melania, avogosa -díxome unha das propietarias- para os males de moas; Melania é tamén o nome da pastorciña a quen se lle aparecera na montaña gala a Virxe da Saleta)
(Fonte e capela desfeita -sen tellado e feita unha silvarada por dentro- de Carballeda, parr. Taboada, C. Silleda. Un lugar delicioso, con casa grande enfronte, casa con patín; advocación á V. dos Dolores)
Outro caso digno de mención: as alvarizas (construcións en pedra para protexeren as colmeas dos osos ou de calquera latrocinio): coñecemos tres, unha en  Pereiro (12 m. por 10, espléndida debeu ser, o valado moi desfeito, paisaxe divina, parr. Laro, c. Silleda), e dúas en Framiñán, unha recuperada, en activo.
(Exterior e interior da alvariza de Pereiro, Laro, Silleda. En case total abandono, e porén, esta familia segue tendo colmeas na casa)
(Exterior e interior da alvariza na Grimba, Framiñán, parr. Cortegada. Espléndido exemplo de conservación por parte da familia propietaria)
 
Os pombeiros ou pombais son para nota: que beleza! Cando visitamos a casa dos Chaos, díxenlle á anfitrioa: -Recorda vostede de ter visto as pombas entraren e saíren?  -Ou si, a miña sogra –haberá disto uns 40 anos-, facía un arroz con pichón excelente! –Pois –comentei ao fío de tan interesante dato- a miña avoa Rosario dicía que o caldo de pichón era bo para as acabadas de parir. –E o de galiña! Claro que… había que darllo ao cura, a galiña e mais os ovos, el tamén paría.
Hai costumes que non  importa que se perdan. Está claro. Si importa, en cambio, que se perda a arte e a piedade, a arte popular, como tamén doe que se perdan impunemente eses camiños…  Aínda que non sempre sexan de pedra. Levo 30 anos casada con esta terra –tamén con esta terra, si- de Deza e non me chegan os dedos da man para contar os camiños que se perden, cheos de toxo, silvas, xestas… Non se podía facer algo? Non podemos organizarnos en “Amigos dos camiños”? Pregunto. Un país que progresa non debería ser capaz de facelo sen desfacer as pasadas dos que viviron antes ca nós, a quen lle debemos o que somos?
(Pombeiro particular, moi desfeito, parr. de Siador, C. Silleda)
(Pombal da casa dos Chaos, medio tapado por un prexegueiro, como din aquí)
 
Para amar a terra como Deus manda hai dúas formas: unha, a desesperada, a daquel que a ten que abandonar contra vontade, rachando polo medio a alma, e fóra sente como lume a saudade, índice de amor profundo; a outra é mercé á educación. Da Universidade de Galicia saen ás veces homes que traballan a prol do coñecemento da paisaxe nosa: algún dos homes do Grupo Nós como Otero Pedrayo, os arqueólogos da paisaxe como Criado Boado, e xorden tamén por veces proxectos que queren axudar aos nosos fillos a saber ver cos ollos do intelecto e mais cos da intelixencia emocional, a terra. Un caso que nos toca de preto é o Proxectoterra, nacido no 2000 da man de xente vencellada á Escola de Arquitectura: Xosé Manuel Rosales, Pedro de Llano, o tristemente desaparecido Juan Luis Dalda, e o noso colega e ex profesor do centro, A. Díaz Otero, a quen lle cedemos a palabra: “Pretendíase achegar o mundo da arquitectura e da ordenación do territorio ás novas xeracións de estudantes para conseguir, mediante a educación e a sensibilización, un cambio de actitude na relación co medio. Para isto creáronse unidades didácticas, vídeos, unha banda deseñada… e, ao tempo, deseñáronse saídas didácticas para dar a coñecer o territorio e, tamén, a nova arquitectura que se estaba implantando no noso país. Inicialmente foi financiado en exclusiva polo COAG (Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia) e, máis adiante, cofinanciouse con aportacións de diversas Consellarías da Xunta”. As saídas didácticas (lembrádelas?, moitos de vós viaxastes en terceiro da ESO grazas a esta iniciativa co profesor Antonio Díaz, entre outros) están interrompidas por falta de fondos, mais o Proxectoterra segue. Nós tamén seguiremos a próxima semana aínda.
(Forno en completo desuso, Camporrapado, parr. Cortegada; o interior sempre é redondo, na foto de abaixo vese o tiro; na entrada poñíaselle unha tapa de lata, de ferro, e selábase con bosta; había oracións específicas para axudar á cocción do pan)