mércores, 12 de marzo de 2014

EU LEVO O NOME DUN PERSONAXE LITERARIO

Eu chámome Benigna , pero todos me coñecen por Beni. A min puxéronme este nome porque  o meu avó materno se chamaba Benigno, nome que levaba tamén unha irmá da miña nai e que todos coñecían por Nina. O nome non era do gusto do meu pai e, de feito fixo todo o posible para que non o levase ningún  dos meus irmáns maiores, pero tenme dito que cando nacín eu, que son a quinta, non tivo xa argumentos que darlle a miña nai; de feito, algo incomodado debeu andar meu pai porque non foi apuntarme  el ao rexistro, como era tradición e mandou a un parente e, de aí tamén, o esquecemento de antepoñer o María como levan todas as miñas irmás.
A min pasábame coma a meu pai, non me gustaba o nome e, de feito non me decatei de que me puxeran ese nome ata que fun ao colexio e oín que ao pasar lista chamaban a unha tal Benigna. Non contestei xa que ninguén me chamaba así. Eu era Beni, Beniña  se me portaba ben ou Benota cando non era tan boa, pero non Benigna. Que nome! Que nena se chama Benigna! Tiven que oír a aquela monxa botándome un sermón por non terme levantado e responder. Tamén me oíu a min miña nai! Parecíame un nome de vella!
 Pasado ese susto, pouco a pouco fun asumindo que era por min cando dicían Benigna, e ademais só o oía ao pasar lista nas clases, logo todos me chamaban Beni.
Hoxe, volvendo a vista atrás comprendo o interese de mamá por poñerme o nome: seu pai morrera moi novo e a súa irmá Nina cruzara o Atlántico, polo tanto o meu nome era para ela coma telos na casa.
E co meu nome xa non tiven máis “ incidentes”; andando o tempo cando era estudante de filoloxía en Santiago de Compostela na materia de Literatura española mandárannos ler Misericordia de Benito Pérez Galdós e alí atopei a Benigna, un personaxe certamente atractivo polo que sentín unha simpatía que aínda hoxe me dura.
 E isto é todo, se a alguén lle pasa co nome o que me sucedeu a min, non teño máis que dicir o que tantas veces se di: o nome non fai á persoa.


Dona Benigna, Benina ou Nina, como a coñecen afectuosamente é un personaxe de Misericordia (1897), obra de Benito Pérez Galdós( 1843-1920 ):  a protagonista da historia traballa como criada para unha familia de clase burguesa que pasa por unha situación económica delicada e vese obrigada a mendigar as súas costas para poder tapar as necesidades de dita familia.
Benina é morena de cara, ollos grandes e escuros, dedos rugosos e de avultadas conxunturas, voz doce, modos ata certo punto finos e de boa educación. Usaba una venda negra ben apertada na fronte e sobre ela pano negro, e negros o manto e o vestido. Con esta aparencia e expresión sentimental e doce do rostro aínda ben composto de liñas, parecía unha Santa Rita de Casia. Nina ten case sesenta anos de traballo e ilusións, de paciencia e entrega. Antes boa cociñeira pero agora mendicante por amor e caridade. É toda ela forza de vontade e traballo sen descanso. Debe inventar mentira tras mentira para que a súa ama non se sinta humillada. Sisona, imaxinativa, paciente e resignada. Nina débese aos demais, soña con poder deixar de ser pobre e axudar aos que o sexan. Ama a vida por enriba de todo, nunca posuíu riquezas, de aí que non desespere ante a súa falta, desexa que isto cambie, pero ten os pés na terra e sabe que os milagres non ocorren todos os días. A vida mendicante de Nina vese coma un via crucis, pero este camiño para ela é una santificación.

Como vedes, Benigna é un personaxe moi atractivo co que eu me identifico en certa maneira, sobre todo por amar a vida e querer que o mundo cambie, aínda que coma ela sei que os milagres non ocorren todos os días.


Benigna Vidal Tomé
Profesora de Lingua e Literatura Galegas e
Xefa de Estudos do IES Plurilingüe Eusebio da Guarda




martes, 11 de marzo de 2014

Linguas cruzadas


Linguas cruzadas (fai clic para velo)

Este documental amósanos bastante ben, coido eu, a situación do galego na mocidade de hoxe en día. Ogallá sirva para abrirlle os ollos a moitos mozos e mozas coma nós.

Eu, pola miña banda, tiven a sorte de ter unha aldea, de coñecer a nosa lingua de preto e de ver este conflito lingüístico dende os dous lados. E, sen dúbida, posiciónome do lado dos galegofalantes. Tras anos vivindo este conflito o que vexo é que na cidade cada vez se esquece máis a nosa lingua e que nas aldeas séguese mantendo. É dicir, o de sempre, aínda hai moita xente que relaciona o galego co rural e o castelán coa cidade. O lóxico sería que en Galicia se falase maioritariamente en galego pero por desgraza non é así. Tamén hai moita xente con prexuízos cara a lingua galega. Para min o galego é a miña lingua na cidade e no rural. Recoñezo que cos amigos adoito falar en castelán porque eles diríxenseme nesa lingua mais eu ben sei que a miña lingua é o galego porque é na que máis cómodo me sinto, na que me sinto en contacto coas raíces do meu pobo sen imitar as falas de outros. Pero teño a sorte de ir sempre á miña aldea. Alí falo en galego cós meus avós, cos veciños e co meu amigo Simón, a quen admiro porque el é desas persoas de verdade, que fala galego en calquer sitio e con quen sexa. Iso si que é ser galego. Da gusto ter un amigo coma el, alguén con quen falar no noso idioma cómodamente e sen prexuízos. Aquí na cidade falo en galego cos meus pais, no instituto  e nunha libraría á que vou sempre a mercar os meus libros en galego, onde entenden moito de literatura galega e podo asesorarme. Pero querería poder falar en galego con todo o mundo. Mais os que amamos Galicia e a nosa lingua temos verdadeiros anxos da garda coma Rosalía (os seus versos son o noso mellor defensor), Castelao (“se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma”), Curros ( “non por pequeno é desprezable un idioma”), Pondal ( “nobre e armoñosa fala de Breogán/ fala de bos e fortes sen igual”) , Vilar Ponte (“A nosa lingua é un camiño de ouro a nosa redención e o noso progreso”), Cunqueiro (“Eu quixen que Galicia continuase e, ao lado da patria terreal, haxa estoutra patria que é a lingua nosa”) ou Murguía (“As linguas son verdadeiras bandeiras nacionais: levan as súas propias cores”). Para min o poema “deitado fronte ao mar” de Celso Emilio semella feito a medida para esta disglosia. Se eu puidera describir a nosa situación de forma tan maxistral faríao pero aínda sería mellor que coidase a nosa lingua. Mais iso é un labor que nos corresponde a todolos galegos, debemos loitar contra os prexuízos sobre a nosa lingua, coidala e, por riba de todo, falala. Porque a fala  é un do   s pilares da identidade. Xa é hora de que o noso pobo se sinta fachendoso  da súa cultura e da súa identidade. Eu son galego e quero vivir na lingua e na cultura da miña patria: Galicia.
Jorge Carril Espido       3º ESO (Sección coordinada por Xosé Pérez Mondelo)

mércores, 5 de marzo de 2014

Día de Rosalía

Volvamos un pouco, daquela, a vista atrás, ao día 24 de febreiro outra vez. Persoas da miña estimanza pídenme que amplíe a crónica e quixera non ser desobediente. A idea xurdiu na mente de María José, a coordinadora do Club de Lectura, e case de maneira inmediata foi ben acollida por varios de nós. Dubidamos nalgún intre se sería pertinente xuntar cartos para a Cociña Económica pero triunfou a máxima, ou especie de máxima, de que a Biblioteca, como espazo de humanidade, tamén debe ser un espazo de solidariedade. Agora que xa sabemos o que se xuntou, máis de cincocentos euros, case podemos afirmar sen medo que tivo boa acollida, a iniciativa esta. O maratón foi igualmente exitoso. Pola tarde, cando unha servidora xa se retiraba, a iso das seis (levaba no Salón de Actos desde as oito e media da mañá, que conste), dicíame Pepe Mondelo: Isto hai que institucionalizalo, absolutamente serio e convencido. E cheo de entusiasmo tamén, diría eu. O único arco de tempo con pouquiña xente foi o do mediodía: entre 14.30 e 16.30 non pasamos nunca de dez persoas. Un auditorio mínimo. Pero o que realmente importa é que o culto ás letras nunca estivo desatendido.
Para a memoria gardo tres pasaxes, ou catro. Unha: cando Isabel Ruso e Xulio Cuba, cabeza con cabeza no atril, leron dramatizando (Isabel con voz de meniña, Xulio con voz de auténtico raposo pillabán) un fragmento do Principiño. Sublime e divertido. Xenial. Rin con ganas, inda escoitaba máis. Dúas: cando os alumnos de Pepe se xuntaron nos chanzos do salón, e tras ler a Rosalía, interpretaron a coro un par de cantigas populares (matriz e materia prima de Cantares, a voz do pobo galego). Emotivo. Único. O canto fai bo connubio sempre coa literatura. Tres: Carlos Furelos declamando en voz de barítono espléndida “Campanas de Bastabales” en inglés. Transmutado. Realmente soberbio, serio. Catro: Jaime Pita, con eficacia británica (logo medio en plan brincadeira diríame que non en balde estivo baixo a éxida dun ex embaixador en Londres) dirixindo aos pitufos da ESO: desfilaron un por un, en impecable silencio e recitaron  de marabilla cadanseu anaco de poema rosaliano.
En realidade, o noventa e nove por cento dos que vivimos este maratón somos moi conscientes de que hai que recuperar a lectura en voz alta, non hai que abandonala nunca.
                                               Charo Soto.


E de súpeto eran xa as  6, xa pasara toda a mañá e a tarde cos alumnos de ESO e Bacharelato, tocáballe a vez aos rapaces e rapazas do Nocturno que agardaban pola súa quenda cunha grande ilusión. Leron , en primeiro lugar os alumnos de   segundo curso de Guías. Continuaron a lectura do Principiño, en francés! Todos dando o mellor deles e vencendo a dificultade da lingua e nalgúns casos a propia timidez. Entre medias moitos profesores achegáronse para continuar coa lectura: nuns casos, en galego, noutros castelán, inglés ou francés e mesmo no caso do profesor de latín Emilio Ínsua, deleitounos lendo a Catulo, por suposto en latín, e mais o primeiro capítulo do Quijote tamén en latín.

Continuaron os de Bacharelato lendo a Rosalía en castelán. Un verdadeiro descubrimento para moitos. Seguen os de primeiro curso de Guías e Axencias que leron "O vello e o mar" en inglés e remataron os de segundo de Axencias co Principiño e poemas de Baudelaire, Paul Éluard e Louis Aragon, unha verdadeira festa das letras!

Rematamos co maratón ás 11 da noite, cansos pero co obxectivo cumprido. O comentario xeral foi: " Cómpre repetilo o ano que vén!"

Misión cumprida!

                                               Mª José Martínez Girón.







(Fotos de María José Martínez Girón, arranxadas por Mario S. García)

mércores, 26 de febreiro de 2014

O Audiovisual Galego I: "Coruña Imposible"

Abrimos un novo capítulo, "O audiovisual galego". Nel integraremos unha serie de contribucións doutros profesores que colaboran co Club de Lectura.

Coruña Imposible

  • Título: Coruña imposible (fai clic para velo)
  • Ano no que foi dirixida: 1995
  • Duración: 11 minutos
  • Produción: Miguel Asensio
  • Fotografía: Ricky R. Morgade
  • Montaxe: Carlos Amil
  • Script: Encarna Alonso
  • Son: Ángel Cordero
  • Insustituible: José A. Pérez Paris
  • Equipo eléctrico: Pablo Anllo
  • Coordinación xeral: Pepe
Trata sobre un home que nada máis espertar, levántase, refrega os ollos e, cando os abre, asómbrase ao ver que está en medio da praza, vulnerable ante todos os transeúntes porque está en roupa interior e cunhas zapatillas con forma de animal e unha etiqueta colgando delas.
Procura correr o máis rápido que pode e ser visto o menos posible, expresando perfectamente, sen necesidade de palabras, o confundido que está ante a estraña e misteriosa situación. 
Métese nunha tenda e vístese coa roupa que encontra mais, ao saír do probador, a dependenta dáse conta de que se vai sen pagar e fanno quedar como antes, nesta ocasión, sen zapatillas. 
Apresura o paso ata chegar á súa casa e cando abre a porta vese, outra vez, na mesma praza do principio, a praza de María Pita. Si, xa non ten casa, xa non ten... nada.
E volta a comezar de novo, como se estivese nun labirinto sen saída.
                                                                   Raquel Casero Soler 4º Eso


Atopámonos nun pesadelo bucle. Que horror! Cando espertaremos?.
Ao principio represéntase unha escea na que o personaxe principal aparece durmindo dunha forma intranquila, o que fai pensar que está tendo un pesadelo, nun cuarto que é un estudio de urbanismo e arquitectura xa que ten mesas de debuxo con escuadras, cartabóns... ademais de planos da Coruña polas paredes e outros de edificios imaxinarios. Sobre unha mesa pódese observar como estaba a medio rematar un puzle de M.C.Escher, titulado “Cóncavo e convexo”. Todas estas imaxes anticípannos o que imos ver na curtametraxe, ou sexa, un pesadelo máxico producido por dito puzzle con escaleiras inconclusas.
O personaxe, ao soar o espertador da mesiña de noite, na cal tamén ten un libro titulado “O espello máxico” do mesmo autor, M.C.Escher, levántase en calzóns e opta por poñer as zapatillas novas (de coello) da súa parella, que aínda teñen a etiqueta, e despois de espreguizarse, frótase os ollos, aparecendo no medio da praza de María Pita, cunha imaxe en primeiro plano do Consistorio da cidade, o cal o deixa sorprendido. A xente tamén o mira sorprendida ao ir prácticamente en coiros. El séntese totalmente desprotexido e avergoñado ao quedarse sen a última protección que temos os seres humanos, que é o pudor.
O resto da curtametraxe transcorre intentando volver a súa casa a través de distintos barrios da cidade, intentando conseguir primeiro roupa de forma honesta, logo intentando coller un taxi, no que o taxista o deixa subir malia non ter cartos. Máis tarde, desesperado, entrando nunha tenda, intenta outra vez conseguir roupa, mais esta vez roubándoa, sacándolle as etiquetas ás prendas, mais non sendo capaz de coller uns zapatos, e véndose sorprendido, escapa. Cando saía da tenda, é delatado pola etiqueta que levaba a zapatilla do pé esquerdo coa que saíra da casa, deixándoo na rúa, sen as zapatillas, soamente co calzón. Cando chega por fin á súa casa, chama ao timbre e non lle abre ninguén, pero dálle tempo a entrar pola porta ao saír unha señora, que se asusta e lle zorrega un paragüazo.
Comeza a subir as escaleiras da súa casa, xa que ao ser unha casa antiga carece de ascensor. Chega ao seu piso e busca no relanzo desesperado unha copia da chave que está nun maceteiro. Cando con moito traballo a atopa entre a terra da maceta, por fin aliviado, métea na fechadura da porta da súa casa e abre. Resulta que cando abre a porta lévase a sorpresa de que dita porta leva novamente aos baixos dos soportais da praza de María Pita, pechándose así o bucle, e á vez volvéndose a iniciar o mesmo pesadelo.
O mellor sería que non tivera atravesado o limiar, que se mantivese no relanzo da escaleira, xa que aínda que non resolveu o problema de cómo chegar á súa casa e quedar dentro, cando menos tería a sensación do alivio de ter chegado.
  David Caridad de la Peña. 2º Bacharelato


Coruña imposible é unha curtametraxe escrita e dirixida polo cineasta Paco Rañal no ano 1995. É unha película rodada na cidade da Coruña, de 12 minutos de duración e en branco e negro. Producida pola Escola de imaxe e Son da Coruña, a obra tivo unha gran acollida entre o publico e a critica e gañou numerosos premios en diferentes festivais.
A peli trata  dun mozo que esperta na súa casa e, xusto despois de poñerse as zapatillas, aparece de forma súbita no medio da praza de Maria Pita espido e confuso. Ó principio  agóchase como pode e intenta  conseguir axuda nunha tenda de roupa e nunha parada de  taxis, mais os diferentes cidadáns, pensando que estaba tolo, rexéitano de malas maneiras. Por ultimo, decide roubar nunha tenda de roupa, e non só fracasa no seu intento senón que perde o calzado e, ó final, espido e sen zapatillas consegue chegar á súa casa, na que descobre que, tras  abrir  a porta, está de novo no medio da praza de Maria Pita. A curtametraxe acaba coa frustración do protagonista e unhas  imaxes,  expostas  tamén ó principio, da escaleira de Escher.
Esta obra é unha curtametraxe moi intensa, que consegue trasmitir unha sensación incomoda de agobio e soidade, en parte grazas á fotografía de Sergio Franco e a música de Claudio Canedo.
Mais alá da aventura do protagonista, destacan dous temas  importantes. Un é a paisaxe da  cidade da Coruña a finais do seculo XX. O espectador percorre xunto co protagonista edificios emblemáticos da zona vella, o concello,a rua de San Andrés e a rúa Real, entre outras. O outro tema, deixado caer con mais sutileza é  o  representado pola escaleira de Escher. E, como fondo, o tema  principal da curtametraxe , que presenta de forma  surrealista unha situación imposible: así como na escaleira circular de Escher  sempre sobes nun bucle infinito, o protagonita aparece unha e outra vez na  praza de Maria Pita.

A escaleira de Escher  e o artista.
A maioria das imaxes que aparecen ó principio e ó final da curtametraxe é, en concreto, a escaleira de Escher, son obra dun famoso artista holandés chamado Maurits Cornelis Escher.
A idea desta escalera non é orixinal de Escher. A escalera de Penrose ou “escaleira infinita” é unha ilusión óptica descrita polos matemáticos ingleses Lionel Penrose  e o seu fillo Roger Penrose.
Esta escaleira é a representación bidimensional dunhas escaleiras que cambian a sua dirección 90 graos catro veces mentres dá a sensación de que so ben ou baixan á vez, sexa a dirección que sexa. Se bien a construción dun obxecto tridimensional deste tipo non é posible, a ilusión óptica da imaxe de Penrose básase en enganar a perspectiva.
Para complementar a visión da curtametraxe non deixedes de ler o fantástico relato "Instrucciones para subir una escalera" de Julio Cortázar, do seu libro "Historias de cronopios y famas". Podemos facer a proba intentando subir de costas as escaleiras do noso instituto.
 José Díaz Pisano. 2º Bacharelato
(Sección coordinada por Xosé Pérez Mondelo)

luns, 24 de febreiro de 2014

Lendo a Rosalía (I parte)

LENDO A ROSALÍA (I PARTE).

Celebramos este luns 24 de febreiro o día do nacemento de Rosalía de Castro. Era piscis. No noso Instituto, con tal gallo, organizouse un Maratón de Lectura Solidario, pentalingüe: lemos a Rosalía en galego, castelán e inglés. Lemos poesía en francés e mais en latín. E o noso colega e amigo Emilio Insua incluso leu en latín un fragmento do Quijote, nunha estupenda versión de Ignacio Calvo. Empezou ás 8.30 e rematou ás 23.00.
Desde aquí tamén contribuímos a celebrar o seu matriarcado ou o seu padroádego, como gustedes, sobre todos nós, os amadores das letras galegas,  cunha pequena busca e procura daquelas palabras –ou unidades fraseolóxicas- usadas pola insigne escritora na súa obra cume e cabeza do Rexurdimento, Cantares Gallegos, que non figuran nin no dicionario académico (DRAG) nin tampouco nesa suma tan valiosa de dicionarios, o Dicionario de dicionarios. Corpus lexicográfico da lingua galega (DdD) que coordina o filólogo e académico Antón Santamarina. Son palabras dignas de figurar como o que son, sacrosantas variantes rosalianas, nun dicionario galego. Citaremos pola edición de B. Varela Jácome.

A CONTA PROPIA (v. 222, nº 25: pero Vidal, filósofo profundo,/ que anque xamáis nos libros deprendera,/ a conta propia deprendeu no mundo). Temos aquí unha frase de claro sentido –quere dicir que Vidal aprendeu da propia experiencia ou na súa propia carne- pero que non figura nos dicionarios. Co substantivo conta temos a conta, á miña conta, a conta allea, a conta doutro, por conta propia, etc. Falta rexistrar esta variante.

ARBOR (v. 285, nº 25: a noite enteira se pasou cerrado,/ i ó arbor primeiro do siguente día). Variante de albor ‘alba, alborada’.

BALADA (v. 54, nº 15: Xa se oien lonxe, máis lonxe.../ Cada balada é un dolor). É variante de badalada.

BICA (v. 92, nº 30: Pica, pica,/ suriña, pica,/ lévalle un gran/ ó teu fillo na bica). Aquí a ‘bica’ é o bico, o peteiro da ave. Esta acepción tan básica non figura nos dicionarios que manexamos como referencia.


CABAÑAR (v. 38, nº 15: arboriños que prantei,/ fontiña do cabañar). O eñe indícanos que se trata dun posible castelanismo. En castelán, así e todo, a forma patrimonial é cabañal. A variante rosaliana non aparece nin no DRAE, nin no NTLLE (Nuevo Tesoro Lexicográfico de la Lengua Española), nin nos tres corpus académicos.

CAN DE CEGO (v. 9, nº 27: Unhas veces, canciño de cego,/ por onde eu andare seguíndome vai). A imaxe do cego fielmente acompañado polo can, imaxe moito máis frecuente antano que hogano, dá paso á unidade fraseolóxica presente, para significar fidelidade, algo de submisión, un pouco da semántica da lapa. No TILGA (Tesouro Informatizado da Lingua Galega, de acceso libre na rede)  vemos que aparece noutros autores (e figura no noso dicionario, de Carme López Taboada e mais dunha servidora, Dicionario de Fraseoloxía Galega, DFG). 

CARA DE INVERNO (v. 3, nº 27: ¿Qué ten o mozo?/ ¡Ai!, ¿qué terá?/ Ponme agora unha cara de inverno). Significa igual que cara de venres ou cara de ferreiro ou cara de poucos amigos. Documéntase esta unidade fraseolóxica na obra de Varela Buxán (figura tamén no DFG).

SIN CONTA (v. 54, nº 27: Son canciño de cego en quererte...:/ tal bulra merece quen ama sin conta). Aplicado a cousas contables (pódense ver exemplos no TILGA) significa ‘sen número, en abundancia’. Aquí significa ‘sen límite’.

UN CONTO QUE VAI PARA A MISA (vv. 63-64, nº 30: ¡Unha nomais!/ No me teño ca risa!/ Ése eche un conto/ que vai para a misa). O seu significado é paralelo ao da unidade fraseolóxica contos que van pra o mercado; pode aludir a cousas que non merecen creto, sen importancia, rumores..., pero aquí máis ben ten un valor próximo ao de vaia cousa!, xa ves ti que graza...

CURPABRE (v. 41, nº 23: Si fun curpabre en quereros).

CURVADEIRA (v. 18, nº 33: Misteriosa regadeira [a nube]/ fino orballo no chan pousa/ con feitiña curvadeira,/ remollando na ribeira/ frol por frol). Vale por curva.

DAIVA (v.159, nº 25: mais a Vidal veciño non chamaban,/ que fora indina misturanza boba/ ir a dar donde daiva non topaban). Variante de ‘dádiva’, con perda do –d-, unha perda que non casa ben co carácter culto desta palabra.
DAR (v. 40, nº 20: ¡Ai, máis valera, meniño,/ que quen te dou non te dera!). Non figura a acepción ‘traer (un fillo) ao mundo’ nos dicionarios.

POR DERRADEIRA (v. 199, nº 25: Cál se adimira de o mirar tan posto, / cál lle di que é galán por derradeira). Nos dicionarios figuran a derradeira, por derradeiro. Falta esta locución rosaliana.

EMPÁVEDO (v. 164, nº 25: ¿Quen afirmar empávedo se atreve/ que non se pode a noite tornar día?). Variante vulgar do adx. culto impávido, quizais influenciada polo verbo empavorecer.

ENDE (v. 73, nº 25: Orfo ende que nacera, a sorte triste/ déralle por herencia o desconsolo). Figura no DdD sobre todo como variante da prep. en. O valor de ‘desde/dende’, propio do uso rosaliano, o DdD só o rexistra en combinación con alí/aquela. Non figura como formante dunha locución conxuntiva, como é o caso que citamos de Cantares.

ENDEMONCRADO (v.15, nº 9: mais o demo endemoncrado,/ me atenta dempois i agora). Está formado sobre demoncre ‘demo’, que si vén no DdD.

ESCALRATA (v. 65, nº 33: vestidiña de escalrata).

ESCRIBIDURA (v. 108, nº 24: Eu xa lle perdín o medo/ a escribiduras e libros). Está formada esta verba sobre o modelo de cocedura, varredura,  etc. , co significado de ‘acción de efecto de + INFIN.’, que si figuran no DRAG.

ESPRICANSA (v. 40, nº 36: Non me espriquei cal quixera/ pois son de espricansa pouca). Os substantivos de base verbal en –anza son moi frecuentes en galego: acordanza, estimanza, mesturanza, seguranza, etc.

DE FITO (v. 24, nº 24: Cal ollada me botaban/ xa de través, xa de fito...). O DRAG trae a fito, fito a fito. Úsase moito co verbo ‘ollar’ para significar ‘directamente’, ‘aos ollos’.
(fotos de Mario S. García sobre traballos feitos polos alumnos do IES Eusebio da Guarda)

LENDO A ROSALÍA (II PARTE).


FALAR POR SETE (v. 27, nº 32: xordiña quedara falando por sete, / con probes e ricos, con porcos e cans). No DdD figura a unidade fraseolóxica falar máis que sete. O número sete, cabalístico, aparece moito na paremioloxía e mais na fraseoloxía. Temos documentada a frase ten boca por sete, para unha boca moi grande.

FOLGOR (v. 56, nº 25: i alma e corpo tranquilo se dormía/ esperando o folgor do novo día). Variante frecuente en Rosalía. O TILGA documenta esta voz tamén en J. Barcia Caballero.

GÁRRULO (v. 77, nº 18: O craro sol vai subindo/ por riba do firmamento,/ limpo, gárrulo e contento). Si figura garruleiro. Dicir do sol que garula ou que berra vén sendo metáfora para significar que brilla. A familia léxica desta palabra é a de gargarexar.

HOMILLADO (v. 195, nº 33: o probe orgullo humano/ homillado).

IGREXIA (v. 119, nº 30: ¡Malo de aquel/ que non sabe de misa, / nin entra na igrexia/ nin gasta camisa!). Posible castelanismo.

IMPRORAR (v. 158, nº 33: cando os probes a improraban). É un hipergaleguismo.

MAREEIRO (v. 52, nº 9: sospiraba mainiño/ coma brisa mareeira). Parece estar formado sobre marea, de mar.

MORMUXANTE (v. 82, nº 33: Faille arrolo a branda ría/ cun remanso mormuxante). Figura, en cambio, no dicionario, o verbo mormuxar.

MURMURADEIRO (v. 29, nº 25: ¡Cómo o ventiño (...)/ polo espaso inmensísimo subía,/ e volvendo baixar murmuradeiro/ por enriba das chouzas rebulía; v. 86, nº 28 ). Debe estar formado seguindo o modelo doutros adx. de base verbal como rebuldeiro. Naturalmente, o seu significado é ‘que murmura’. Tamén se podería formar directamente sobre a base murmurador, que si figura no DRAG.

MURMUXAR (v. 24, nº 16: e os ramallaxes dos montes/ antre sí murmuxan quedos). A forma estándar é murmurar, mais o DRAG tamén admite a variante marmular.

PAISAX (v. 87, nº 33: ¡Sol de Italia, sol de amore...!/ ¿Ti paisax mellor alumas?). En troques, si recolle o dicionario formas acurtadas como fogax.

PAREAUGUAS (v. 21, nº 32: Debaixo dos ricos pareauguas de seda). Aparece noutros autores da época (documéntase no TILGA).

PAU VIRADOIRO (v. 16, nº 13: Unha muller sin home.../(...) é corpiño sen alma,/ festa sin trigo,/ pau viradoiro/ que onde queira que vaia/ troncho que troncho). No DdD un pau viradoiro é o do barqueiro. No TILGA documéntase un valor sinónimo ao do virote: aplícase a persoas que van moi tesas. Aquí o que cadra é outro valor: ou ben pensamos na soidade (cada barca só ten un pau viradoiro) ou ben pensamos na idea que dá o DdD para (pau) viradeiro ‘que vai e vén, inconstante’, é dicir, que vai coma un virote (‘frecha’) sen rumbo, sen dirección clara.

PRANTAR (v. 119, nº 6: as meniñas ben compostas (...)/ que por onde van parece/ que van dicindo: “¡Canela!/ ¿Prantamos ou non prantamos/ a cantas hai nesta terra?”). Ningunha das acepcións que dan os dicionarios para este verbo lle cadra ben a este uso rosaliano. Aquí parece significar ‘deixar quedar aí’ no sentido de ‘ser mellor, superar’.

QUISQUILLEIRO (v. 116, nº 6: as meniñas ben compostas / dunha vila quisquilleira). Moi probablemente haxa que relacionar este adx. coa voz latina quisquiliae ‘miudanzas’. Sendo así, teriamos un valor semántico aproximado a ‘pequerrechiña e xeitosa asemade’.

QUITADOIRO (v. 82, nº 17: Doces galleguiños aires,/ quitadoiriños das penas). Está formado sobre o modelo do adx. aliviadoiro, que si figura nos dicionarios.

RECREBO (v. 227, nº 25: Por eso recibeu con cortesía/ recrebos, agasaxo e comprimento). Nos dicionarios figura requebro.

RELUMBREAR (v. 20, nº6: Desde lonxe relumbrean/ cal si fosen neve pura).

RETUMBEAR (v. 200, nº 6: Cando as campanas repican/ e a música retumbea).

ROBREDA (v. 48, nº 20: por antre a robreda espesa). Castelanismo (robleda en c.).

ROMEIRAL (v. 32, nº 12: cabo do romeiral). É castelanismo (romeral en c.).

ROMOR (v. 40, nº 18: Ó son dos romores vanos).

SARPULLENTE (v. 43, nº25: Pasiño a paso a traballada xente/ dos campos ás chousiñas se volvía,/ mentres no lar o pote sarpullente cas ricas berzas a cachón fervía). Palabra da familia de sarro, sarrapio (tamén en Cantares), sarabullo, cas. sarpullido. A imaxe que subxace á xénese desta voz é a das bochas, como grans, que se forman na superficie dos líquidos cando ferven.

SOMBRISADO (v. 13, nº 33: Xa, dempois, lonxe espallada [a nube]/ polos aires fuxitivos/ desteñida, sombrisada). Os dicionarios rexistran os adx. sombrizo e sombradizo; a palabra rosaliana, con seseo, fórmase sobre sombrizo.

TEMBRANTE (v.12, nº 29: sons polos aires espalla que cán nas tembrantes ondas).

TRÍAN (v. 18, nº 3: Cóllense antre os paxariños/ aqueles que mellor trían). Documéntase no TILGA este verbo noutros autores.

TRIMBADOR (v. 15,  nº 15: campaíñas trimbadoras/ da igrexiña do lugar).

TRUBIO (v. 32, nº 25: nas aliñas levando o fumo leve/ que en trubias ondas a subir se atreve!).

VAICHE CON! (v. 97, nº 30: ¡Vaiche co can, / que o peixiño lle gusta!). A interxección vaiche! aparece illada no DdD con valor afirmativo. En combinación coa preposición non figura. Conmuta por Vaites con...!, sempre con valor admirativo.

VÁREO (v. 10, nº 25). Pódeselle apoñer a etiqueta desprezativa de ‘vulgarismo’, pero débese tamén ter en conta que outros moitos destes figuran no DdD (cabirto, polido, probe, trubar, etc.), sen que caian os cangos do ceo. Interesa, antes doutra consideración, identificalo como variante rosaliana.

XASCORRASCHÁS (v. 57, nº 17: xas-co-ras-chás das cunchiñas). Trátase dunha voz onomatopeica. Si figura nos dicionarios chascarraschás.

XURRE-XURRE (v. 57, nº 17: xurre-xurre das pandeiras). Outra palabra onomatopeica. É do tipo de runrún,  voz que figura, por exemplo, no DRAE (Diccionario de la lengua española).

XILMENDRO (v. 13, nº 34: Nin as froles do xilmendro,/ (...) miña Santa Margarida,/ che asemella en hermosura). A variante rosaliana figura só como entrada sen definir no DdD. Pero está suficientemente rexistrada a forma xilmendreiro ‘pexegueiro’.

XIMIDO (v. 211, nº 25: Que é triste o rostro da mortal pobreza/ que entre ximidos e dolores nace). No DdD só aparece ximido como adx.




venres, 21 de febreiro de 2014

Biografías lectoras (II)

1. Cal foi o primeiro libro en galego que liches?
Eu mesma non recordo cal foi o primeiro, pero coa axuda de meus pais véñenseme a mente algúns títulos, sempre recordarei que eran eles quen me lían moreas de contos de todo tipo antes de durmir. Podería decir que uns dos primeiros foron a colección de Cartas a Félix , Félix no circo e Félix que hora é ? de Annette Langen e Constanza Droop. Gustábanme moito as aventuras do oso Paddington de Michael Bond. O libro de Querido espantallo de José Morán e Carmela Mayor non me cansaba de lelo. Os contos de Nene, Nena e Guau de Paco Capdevila, e cómo non, que non faltasen Os bolechas , as aventuras desa tropa de irmáns de Pepe Carreiro.

2. Cal foi un libro que fose especialmente importante na túa vida?
De pequena un libro que me chamou moito a atención e que sempre lle pedía aos meus pais que me lesen foi Cando Martiño tivo ganas de mexar na Noite de Reis co texto de Chema Heras e ilustracións de Kiko Dasilva. Asustábame por decilo dalgunha forma que iso me poidera pasar a min e quedar sen regalos de reis que tanto me gustaban. Outros dous que nunca me cansei de ler foron os de Orelliñas, Orelliñas vai de compras e Onde está Orelliñas? Recordo coma se fose onte o día que meu pai mos mercou na feira do libro.

3. Que libro che prestaría ler en galego?
Supoño que calquera libro que me recomendaran, ou que me dixeran que está ben. Pero decantaríame por O neno co pixama de raias de John Boyne, xa que aínda non vín a película e prefiro ler primeiro a historia.

4. Cal pensas que pode ser un libro que lle gustaría á xente nova ou aos máis cativos?
Recomendaríalle aos máis cativos algún dos libros que realmente me entusiasmaron cando era pequena, dende calquera de Félix ata a última historia dos irmáns Bolechas. Mentres que á xuventude recomendaríalle Chamando ás portas do ceo de Jordi Sierra i Fabra, que o lín o ano pasado xa que me aparecía na lista de libros optativos para galego. Penso que é unha historia que te fai reflexionar sobre a vida no resto de mundo, que temos moita sorte e moitas facilidades de vivir onde vivimos, e que todo o mundo debería ler para pensar un pouco no mundo, non só no propio.

5. Que libro pensas que te vai acompañar durante o próximo verán?
Optaría por un que xa fai tempo miña nai me recomendou que lera, Made in Galiza , chámame bastante, asi que supoño que o intentarei conseguir, ou tamén penso que estaría ben ler O diario de Ana Frank xa que todas as críticas que escoitei foron boas.
Tamén barallaría a posibilidade de escoller O vixía no centeo de J. D. Salinger ou Noite de voraces sombras de Agustín Fdez Paz , que nos recomendou o noso profesor, ou O mundo de Sofía de Jostein Gaarder, que me recomendou o meu pai.

6. Algún título para agasallar a un amigo ou amiga?
Segundo para quen fose o agasallo, porque varía moito o conto. Pero a calquera das miñas amigas recomendaríalle o anteriormente citado Chamando ás portas do ceo que penso que lles gustaría ou tamén un que lín este curso de Agustín Fernández Paz, Non hai noite tan longa. Mentres que se fose para un amigo elixiría Cartas de inverno que o lín dúas ou tres veces e aínda me segue revolvendo o estómago nalgúns momentos de intriga, e penso que lles gustaría.


7. Houbo algúns textos e autores que che gustasen especialmente?
Dos libros que lín del gustame moito como escribe Agustín Fernández Paz, é capaz de meterte dentro da historia e que a sintas como se estiveses alí. Palabras envelenadas de Maite Carranza entusiasmoume, non podía parar de ler. E tamén hai poesía non hai que olvidarnos dela. Este ano na clase lemos bastantes poemas de autores que marcaron a literatura galega, foi costoso pero pouco a pouco logramos ir entendendo cada vez máis o que nos querían dicir estes poetas en cada unha das súas obras. Especialmente Rosalía paréceme que foi unha muller admirable, e que loitou polos dereitos tanto do seu pobo, como da súa lingua, e das mulleres. Remarcaría a esta escritora e impulsaría a que todo o mundo lese algún dos seus textos. 
Ana Vidal Lorenzo. 4º ESO (Sección coordinada por Xosé Pérez Mondelo)

Biografía lectora (I)

1.Cal foi o primeiro libro libro que liches en galego?
Non me lembro pero coido que foi “Tonecho de Rebordechao” de Breogán Riveiro ou “Viaxes dun can de palleiro” de Pere Tobaruela.

2.Un libro que fose especialmente na túa vida?
Levo moitos libros no corazón, de Rosalía (“Cantares gallegos, Follas novas”), de Curros (“Aires da miña terra”), de Celso Emilio (“Longa noite de pedra”, “O soño sulagado”) pero quédome con “Memorias dun neno labrego” porque foi o primeiro libro que sentín de verdade, e creo que lle debo a él o meu amor pola nosa literatura e a meu xeito de ver os libros. Balbino podería ser calquera dos nosos avós, un amigo que deberiamos coñecer todos os galegos.

3.Que libro che prestaría ler en galego?
Agora quero ler algún libro de Lorenzo Varela (“Lonxe”), de Otero Pedrayo (“Arredor de sí”, “Os camiños da vida”) ou de Xosé María Álvarez Blázquez (“Canle segredo”). Tamén me gustaría ler “O bosque animado” de W. Férnandez Flórez en galego.

4.Cal pensas que pode ser un libro que lles guste ós máis pequenos ou á xente nova?
Eu penso que “Os soños na gaiola” de Manuel María é unha poesía sinxela e fermosa e debería facer que os máis pequenos comecen a amar e coñecer a poesía. Para á xente nova recomendo “Que me queres amor?” de Manuel Rivas. Son relatos ós que hai que darlle voltas, son contemporáneos e chegan moi fondo.

5.Que libro pensas que te vai acompañar no teu tempo de lecer?
Quero empezar coa poesía do “bardo”, Eduardo Pondal, porque é o escritor do Rexurdimento que me queda por ler aínda. Ollarei algún libro de Ánxel Fole (“Terra Brava”, “Contos da néboa”) que me leve escoitando contos e historias ás lareiras da nosa terra. Tamén procurarei algún de Cunqueiro xa que me fascinou esa capacidade súa de viaxar a outros tempos e lugares sen saír da selva de Esmelle.

6. Algún título para agasallar a un amigo ou amiga?
Non adoito coincidir en gustos literarios cos meus amigos pero coido que “Os biosbardos” de Eduardo Blanco Amor é un dos libros que lin que máis lles podería gustar e entreter aos meus amigos.

7. Houbo algúns textos e autores que che gustasen especialmente?
Estes últimos anos grazas ao meu mestre e ao club de lectura afondei de verdade na nosa literatura e por iso non sabería decantarme por ningún. Coñecín a Terra Chá da man de Manuel María, visitei ó Courel con Uxío Novoneira, e viaxei ao país de Celso Emilio con capital en Celanova. Despois de ler “Nimbos” comprendín porque lle esta adicado a Díaz Castro este dia das Letras Galegas. Tiven a sorte de ler ós nosos maxestuosos poetas coma Rosalía, Curros e Pondal. Tamén tomei o meu primeiro contacto cos  trobadores medievais. Non se pode pedir máis.
Jorge Carril Espido. 3º ESO (Sección coordinada por Xosé Pérez Mondelo)