martes, 12 de novembro de 2013

Entrevistas co vampiro (IV)

Outro día. Hoxe seguimos coa serie das entrevistas domésticas. Entrevistamos a un alumno do noso centro.

-Preséntate, por favor.
-Son Alex Dilber Zeballos Pinto e nacín en Bolivia.
-Concretamente en que lugar?
-En Quillacollo, Cochabamba.
-Díxome a túa profesora de lingua que sabías falar quechua.
-Sei algunhas palabras, pero non o falo ben. Fálano os meus pais.
-Sabes cantos millóns de persoas falan quechua?
-Non sei. En Bolivia moita xente. O problema é que a maioría dos que o falan non o saben escribir. Ese é o problema.
-Teño entendido que os españois na época da colonización usaban o quechua como lingua franca, como lingua de comunicación para evanxelizar as distintas etnias, con linguas distintas, no territorio que formara parte do imperio inca.
-Eu o que sei é que en Bolivia están pensando cambiar o inglés polo quechua, quero dicir, que en vez de ser obrigatorio aprender inglés, sexa obrigatorio aprender quechua [Pausa. Alex parece tímido. Fala mainiño mainiño, cunha voz meiga, pero mira aos ollos]. Vostede ten que comprender que o quechua é a lingua dos nosos devanceiros…
-Claro que o comprendo. Eu falo galego e ensino galego por esa mesma razón. [Nova pausa] Pero tamén che digo unha cousa. Unha persoa coma ti, se estuda e traballa ben aquí, nun instituto bo coma é este, pode chegar a dominar tranquilamente tres, catro linguas: quechua, castelán, galego e inglés. Iso abriríache moitas posibilidades. Estás estudando forte?
-É complicado. Non, non vou demasiado ben. Para empezar, o español de aquí é distinto…
-Xa. Tes irmáns?
-Son fillo único. Ser fillo único ten vantaxes e ten inconvenientes.
-Dime un inconveniente.
-Están os teus pais todo o día enriba túa, tienes que estar bien arrinconado.
-Que queres dicir? Aí hai unha diferenza, das que falabas antes…
-Que tes que ter a habitación ordenada.
-Nós dicimos tamén: “tes que ter todo ben recollido”. Gústanme a min estas cousas. Todo é riqueza, fíxate, o meu home está facendo un traballo sobre o Diccionario de Americanismos, un tocho enorme, dun tal Humberto Morales.
-O presidente de Bolivia tamén se chama Morales.
-Seino, si. Evo é pouco común en España. Pero en galego e mais en portugués hai Ivo, inusual pero precioso. E morales, ti sabes o que significa?
-Que tes a moral moi alta.
-[Aquí eu sorrío] Creo que non. Creo que máis ben hai que pensar nas árbores que dan moras. [Fago unha figura cos dedos dunha man] Así de enormes. Agora dime algo en quechua.
-O que?
-Por exemplo, Quérote moito.
-Askha
-Ceíño
-Janospacha
-Estreliña
-Quyllur
-Flor
-T’ika
-Can, gato, mosca
-Alqu, miri ou michi, ch’uspi.
-Ah!, coma o noso michiño…Podes contarme algunha tradición curiosa?
-Existe a tradición do coar. É cada mes. Xúntase a xente… Alí ti compras cousas…
-Que clase de cousas?
-Figuriñas de animais: cada figura ten un valor…
-Coma un símbolo. Ponme exemplos.
-Bueno, pois un can coida a casa; unha alpaca ou unha vicuña simboliza a riqueza; o cóndor, que é a ave nacional de Bolivia, simboliza a busca do horizonte sen límites…
-Que fermosura! Cando chegues a casa quero que lle preguntes á túa nai que se di –se é que se di algo-, cando unha muller bota moito sal á comida. Aquí dicimos Seica ques casar?
-Vale. Así o farei.
-Grazas por todo.


Xa acabara o recreo e abandonamos a cafetería. Fómonos, cada un á súa aula. Pasados uns días encontrámonos polo corredor e Alex díxome que cando alguén salga moito a comida é porque quere casar de novo. Ta ben. É curiosa a semellanza.

mércores, 6 de novembro de 2013

Eu levo o nome dun personaxe literario. Quinta entrega

Ola! Son Carmen García C. e levo o nome da protagonista feminina do relato “Unha tarde de baile”, que pertence ao libro O neno can.
Este é un libro escrito por Fina Casalderrey e Francisco Castro e publicado por primeira vez no ano 2012.
A Carmen do relato é responsable, eu procuro selo. Identifícome con ela en que ten os ollos castaños, coma min.
Cando Ramón se pon en contra de Carlos, ela di que é o seu amigo e ten o mesmo dereito ca el a ir á festa. E cando Vento e o outro can se pelexan defende a Carlos de novo porque se dá de conta de que Ramón só lle desexa o mal.
Se eu tivera que elixir, elixiría coma ela porque vexo que ten toda a razón, porque estar paralítico non significa deixar de ser persoa cos mesmos dereitos cós outros, e calquera de nós en calquera momento podes ter un accidente e quedar así, en cadeira de rodas.


A min tamén me gusta rir. Só vexo cousas boas en Carmen. 

martes, 5 de novembro de 2013

Entrevista co vampiro (III)

Tampouco hai vampiros nesta ocasión. Hoxe abrimos unha nova carpeta: mulleres coruñesas. Vouvos presentar a unha arqueóloga da cabeza aos pés.

-Por favor, preséntate.
-Puri Soto, arqueóloga.
-A arqueoloxía é vocacional, coma a docencia. Va que si?
-Vai ser que si …. Mi madriña, cantas penurias pasamos!
-Estás traballando no Castro de Elviña. Cóntanos algo dese castro, por favor.
-Oh! É incrible, é enorme, unha verdadeira cidade: hai que ir velo. A xente só garda a imaxe inicial de cando se escavaba na croa, a parte superior. Pero actualmente ten a vexetación rozada e pode admirarse toda a súa extensión e as formidables vistas que garda sobre Coruña, a Torre e o Porto, por suposto.
Tamén sucede á inversa: o poboado é moi visible –conspicuo- dende distintos lugares: dende a universidade, especialmente dende Arquitectura e Filoloxía, tamén dende o Carrefour (por tanto dende A Vedra) ou dende Eirís, outra fermosa visión do Castro.
O que alí sucedeu, a xente que o habitou e o tempo que estivo en funcionamento contaránvolo na visita que fagades, non vou adiantar acontecementos. Só que alí habitaban grandes e bos orfebres e que o poboado ten ata tres liñas de murallas con portas monumentais: algo importante habían de gardar...
-Cando o poderemos visitar como Deus manda? Con fermosas indicacións, con tenda de recordos… Cando os rapaces eran pequenos visitamos en Soria Uxama Argaela e un deles comprara de recordo un puñal de bronce carísimo que inda hoxe garda coma un tesouro. E eu trouxera unha tésera de hospitalidade en forma de xabaril. Que podiamos comprar de recordo do Castro de Elviña?
-Existe o macro proxecto, A Casa dos Antepasados, pero aínda haberá que esperar; quizás mellor ir a algo mais sostible como o Museo ou centro de interpretación do Castro de Elviña, non sei. Nel poderíanse adquirir marabillosas reproducións do Tesouro: a diadema e o colgante que están expostos no Museo Arqueolóxico de San Antón. Ou algunha peza cerámica profusamente decorada como as que imitan ós caldeiros rituais de bronce –sítulas- para os banquetes tipo Asterix, eses nosos veciños.
As visitas pola contra pódense facer en calquera momento. Só hai que chamar ó concello para concertala; son gratuítas e contan con dúas magníficas guías que están desexando traballar. Tamén podedes contar comigo.
-Agora que é o que estás lendo?
-Pois rematando unha novela dunha autora nicaraguense, Gioconda Belli, titulada Sofía de los presagios. Linlle xa un par de cousas moi boas.
De curro, a Memoria das Escavacións no Castro de Muros en Punta Langosteira (Porto Exterior), recentemente publicada.
-Aos alumnos que quixeran facer arqueoloxía, ou simplemente que aman a arqueoloxía, que lectura lles recomendas?
-Mmm... Un tópico sobre o método: Estudio en escarlata, de Conan Doyle; El Tesoro, de Delibes (xa que tendes unha sección dedicada a el), quen ademais ten un fillo arqueólogo. Pero entrando en materia aconsello ás publicacións de divulgación de Arsuaga: La especie elegida, La saga humana, etc. Tamén hai blogs de grande interese; vouvos citar so dous: Pasado Reciclado, dunha profe da Universidade de Ourense, blog crítico no que hai interesantes enlaces. E Capítulo 0 de Manuel Gago, na sección de Arqueoloxía, de rabiosa actualidade. Para abrir boca.
-Moitas grazas por dedicarnos algo do teu tempo. Sei o pouco tempo libre que che deixa o teu absorbente traballo.


-Cando o hai, irmá, cando o hai.



Castro de Elviña, foto da UDC


Lendo "O neno can"

Lendo a...

Hoxe é un día feliz. Malia a chuvia ou se cadra tamén grazas a ela, que nos anima ás tertulias. Eramos doce cazatesouros, doce!. Un número máxico. E viñeron as nenas todas: Valentina, Paula, Rita, Carmencita e mais Ana. Abrimos boca comprometéndonos a tomar un chocolate con churros o próximo martes.

-Que? Lestes O neno can?
-Si, profe.
-Gustouvos? A ver se me contestades a esta pregunta entre todos. Os relatos teñen algún que outro denominador común [tiven medo de que fose un concepto pouco operativo para as súas cabeciñas, pero axiña vin que para nada]. Por exemplo?
-En todos aparece un can -esta é Ana, lúcida lúa de outono, que diría o poeta...
-Estupendo. Ben. E que máis?, como é o can?
-Ten unha mancha nun ollo -fala Juan Andrés.
-Como o pirata de Sabina. Un parche nun ollo... Coñecedes a canción de entre todas las vidas yo escojo la del pirata cojo con pata de palo y parche en el ojo...
Rin. Só un par deles a coñecen. Anímoos a escoitar boa música sempre que podo.
-Outro denominador común, porfa.
-Sempre lle poñen ao can nomes da natureza, choiva, neve...
-Brillante, Ana.
-E os protas quen son?
-Ah, claro! Son sempre nenos.
-E nenas. Recordade o importante que é a paridade, quero dicir que non sempre os protas e os heroes son nenos ou homes. Xa sabedes de que vou...[poñen cara de entenderme perfectamente, cóntolles unha anécdota vivida polo meu fillo nunha exposición na clase, empezaba cun alumno que tiña un problema e no auditorio queixáronse de que sempre o centro de atención o acapara un home, etc.]. Viven os protagonistas infantís no mesmo lugar?
-Non! [a coro], un vive en África.
-Outro nos países árabes.
-Que país árabe?
-Outros na India.
-Vale. Volvamos ao denominador común. Como son os finais?
-Feliz.
-Bo.
-Tamén  se chama final aberto. Final feliz, positivo, esperanzado. Aberto. Cal sería un final pechado?
-A morte -Carmencita dixit.
-A morte. Pechado de todo. Incuestionable, moi ben. Pero aquí non. Está claro que o libro quere que nos abramos e pensemos nos que non teñen nin a metade nin a cuarta parte, nin... do que temos nós [aquí establecimos un cómputo feroz do que eu teño e os seus pais teñen e en fin, dá case vergonza, temos tantos pares de zapatos, varios de botas, tres ou catro lentes, de cerca, de lonxe, de sol, temos libros na casa, libros arredor de nós nas múltiples bibliotecas públicas, ducias de xerseis, non sigo].
-Contádeme algún problema dos que viven a diario estes rapaces...
[Lanzáronse: fame, explotación sexual, casorio obrigado con só dez anos..., teñen boa memoria].
-Hai que acabar. Sabedes que se regalades este libro no Nadal, unha parte do que gastades vai pra UNICEF?
-Ah!
[Punto final: deben ter claro que a biblioteca é un espazo de humanidade e xa que logo, de solidariedade. Logo pedíronme que repetísemos o de comer noces. Feito].



martes, 29 de outubro de 2013

Eu levo o nome dun personaxe literario. Cuarta entrega

-Quixera saber onde vai -dixo o coello
-Non encontrará o Sumo Monarca en Cair Paravel, sabedes? Encontrará á raíña Lucy -respondeu Vaguete.
C. S. Lewis ("O cabalo e o rapaz", As crónicas de Narnia)

Ola! Chámome Lucía Blanco M. e levo o nome de Lucy, a pequena das irmás Pevensie, protagonistas de As crónicas de Narnia. Esta obra é unha heptaloxía de libros xuvenís, escrita por C. S. Lewis entre 1949 e 1954. Relata as aventuras de Narnia, terra de fantasía e maxia creada polo autor e poboada por animais falantes e outras criaturas mitolóxicas, que se ven envolvidas na eterna loita entre o ben e o mal.
Os sete libros, en orde de lectura, son: "O sobriño do mago", "O león, a bruxa e o armario", "O cabalo e o rapaz", "O príncipe Caspian", "A travesía do viaxeiro da alba", "A cadeira de prata", "A última batalla".

Lucy Pevensie é un personaxe da obra e coprotagonista, xunto cos seus irmáns Peter, Susan e Edmun. Participa en cinco das entregas. Aínda que é a pequena dos irmáns, é a máis valente, trazo que é o que máis me gustou. Foi a primeira en ir a Narnia e foi a que maior amizade entablou con Aslan, principal protagonista da serie. Ademais, converteuse na raíña "Lucy a valente". O nome de Lucy foi elixido polo autor por ser o nome da filla de Owen Barfield, con quen tiña grande amizade.


A deusa

Muller danzante? Cariátide ebúrnea? Deusa exipcia? Todo iso e máis: dá a luz na entrada do noso instituto. Inspira interrogantes e incluso xera ansia ao alumno que penetra por vez primeira nesta casa. A foto é de Mario Simón García, man dereita de nós.

luns, 28 de outubro de 2013

Entrevistas co vampiro? (II)

Vai ser que non. Desta feita encetamos unha serie de entrevistas domésticas.

-Por favor, queres presentarte?
-Ola! Son Xácome González, estudei a ESO e mais o Bacharelato no Eusebio da Guarda. Agora fago un máster de secundaria na UDC.
-Queremos preguntarche por Lou Reed. Sei que levas desde onte oíndo de cando en vez a súa música.
-Non, non levo desde onte. Levo varios anos.
-Cal é o tema favorito?
-Non teño un tema favorito. Non podo elixir só un tema.
-Pois dinos varios, porfa.
-Podo dar discos: Transformer e Berlin.
-Algo máis?
-Si, todo o que fixo con The Velvet Underground.
-Estamos de loito entón?
-Bueno… Que se lle vai facer…
-Hoxe é primeira plana na prensa.
-Pero onte na televisión, vin varios telediarios e acababan algúns facéndolle unha homenaxe pero na televisión pública nada. Espero que hoxe compensen. Algo máis?
-Que estás lendo agora?
-Nada, o máster ocúpame todo… Espera, tamén estou lendo un libro de entrevistas a Bukowski…
-Precisamente de entrevistas. Que coincidencia!
-Unha coincidencia fantástica [ton de ironía].
-Vale, grazas.


Abandonamos a este ocupado habitante herculino mentres resoa na casa un verso fermoso, River knows your name, non de Lou Reed, de John Hiatt. E a vida segue.