VISITANDO TUI E TERRAS DO BAIXO MIÑO I
Tras meses sen poder viaxar, esta finde baixamos nunha breve escapada a Tui e outros lugares próximos. Choveunos de tanto en tanto. Mais en xeral non houbo queixa. Puidemos pasear pola parte vella, polo fermoso paseo fluvial, visitar a catedral, visitar o monte Aloia, cruzar o río e ir ao feirón inabarcable de Vilanova da Cerveira, onde relembramos a D. Dinis e fixemos fotos de todas as aves do mundo en pequenas gaiolas para mandarlle ao máis pequeniño da familia… En fin, pasámolo ben.
![]() |
(Espazo para o gonzo da Porta da Pía) |
Había moitos anos que non nos adentrabamos na vella sé episcopal, sé moi antiga, por certo. Non quixera dispersar a vosa atención con demasiadas cousas: así que debemos centrarnos, por exemplo, só en tres ou catro: 1. A presenza sueva. 2. As campás. 3. A cama de san Xián ou Xulián. 4. A Ponte do Tamuxe.
Empezo polo máis breve: as campás. Algunha vez creo que teño xa dito que me gusta un montón saber nomes de campás (hai un blog especializado…). Na catedral de Tui -e vou citar datos tirados dun libriño de D. Cameselle e E. Iglesias, con fotos de P. García, La catedral de Tui. Historia y arte- hai unha torre das campás do XV, cun piso engadido en 1552: alberta 11 campás e sobrancea a grande ou das doce, fundida en 1744; a parte superior está coroada por dúas campaíñas de ferro e contén tamén as do reloxo, e aí é onde se atopa a máis antiga, dedicada a santa Ana, fundida en 1549. A que son bonitos os nomes? A das doce e a de santa Ana.
(Edificio de boa pedra e considerable estado de abandono mais de innegable valor histórico para Galicia)
Sobre a presenza sueva fálase de que aí tivo corte ou viviu o rei Vitiza ou Witiza. Quizais en Pazos de Rei, lugar moi próximo a Tui (dese rei, o Padre Gándara deixou escrito que morreu en Allariz, pero non parece un dato fiable…). Da presenza en Galicia de Witiza (694/95-710) fanse eco importantes historiadores, por exemplo:
Según la Crónica de Alfonso III de fines del siglo IX su padre [de Witiza] Egica era sobrino carnal del rey Wamba (672-680); y, en todo caso, la existencia de un parentesco entre ambos está apuntada por testimonios bastante seguros. Y es probable que esa línea familiar se relacionara con las tierras galaicas, donde Wamba había sido duque muy probablemente (…). Una tradición recogida en la “Historia de Alfonso III” de fines del siglo ix se refiere al gobierno de Witiza en vida de su padre en tierras galaicas, con sede en la plaza fuerte de Tuy (Luis Agustín García Moreno, en: http://dbe.rah.es/biografias/6015/witiza).
![]() |
(O Pai Miño ao seu paso pola vella Tyde ou Tude) |
Agora ben, ao meu humilde entender, o documento sintético imprescindible para saber da pegada suevo-visigótica en Tui é o Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico de TUI (PEPCHA), publicado en 2016 e de libre acceso en Internet. Hai que ler os parágrafos correspondentes no capítulo: “Evolución histórica da cidade de Tui” (na redacción interveñen, nesta parte concreta, a historiadora D. M. Rodríguez e os arqueólogos I. Álvarez e J. J. Perles, estando a redacción xeral dirixida polo arquitecto M. E. López):
… no alto do outeiro onde se asenta o Tui actual, había poboamento tardorromano-suevo. Os restos de pavimento de “tégula” e un muro de mampostería localizados na rúa de Santa Bárbara (González Santiso 1985, p. 159-164); as estruturas, muro, pavimentos, canalizacións e derrubes atopados no Casino Vello (Prieto Robles 2001) ademais de material localizado de xeito fortuíto ou en recheos situados en posición secundaria, falan dunha continuidade tamén na zona alta de Tui na contorna da catedral e do convento das Clarisas (…). O século V quizais sexa un momento clave na vida de Tui. (…) En canto ó poboamento xermánico-altomedieval de Tui, dos invasores suevos e visigodos non nos chegaron estruturas de tipo habitacional e unicamente contamos cos seus enterramentos tanto na cidade actual como en Santa Eufemia e San Bartolomeu. A referencia que fan as fontes á existencia en Pazos de Reis dun pazo, sé do rei Witiza, aínda que apoiado pola toponimia, non está constatada pola arqueoloxía. O resto das evidencias desta época son ademais de vestixios relacionados coas necrópoles, un anel xemado, un dubidoso capitel visigodo, e varias moedas de cronoloxía sueva unha, e o resto ata oito, de época visigoda coa mención de TUDE. Polo tanto hai un baleiro derivado da falta de investigación histórica que nos fai presupor algún tipo de asentamento xermánico na contorna de Tui cuxa base serían os restos antes mencionados (…). Deste período tardío da antigüidade, época de transición ó medievo non quedaron en Tui moitos restos materiais que axuden a esclarecer o alcance da presenza sueva neste territorio aínda que si conservamos a base da estrutura administrativa recollida no Parochiale Suevum, documento do século VI, no que se reflicte entre o resto do territorio galego, a demarcación sobre a cal a diocese de Tui exercía a súa xurisdición (…). En época tardorromana e suevo-visigoda constátase unha gran concentración de núcleos funerarios na zona existente ó redor da actual cidade de Tui, onde atopamos ata cinco centros de enterramento. A presenza deles está relacionada coa rede viaria xa que a maior parte das necrópoles disporíanse nos arredores da vía XIX e en posibles ramais (…). Localizáronse tamén tumbas de tipoloxía xermánica en Santo Domingo (Llana Rodríguez 1999, p. 326); na igrexa de San Bartolomeu (Chamoso Lamas 1978, p. 323-333) e no claustro da Catedral de Tui (Gómez Sobrino 1976, p. 157-159). Nas dúas primeiras os niveis suevos e tardorromanos conviven coas súas distintas tipoloxías. No caso da Catedral, a escaseza das áreas estudiadas nas diversas intervencións que se realizaron non permiten facer unha interpretación completa do rexistro (…). Pero os restos máis antigos localizados in situ, pertencen á época en que ospobos xermánicos estaban asentados na comarca. No ano 1976 escaváronse no claustro dous enterramentos construídos con laxas de pedras irregulares catalogadas polos seus escavadores como suevo-visigóticas (Gómez Sobrino 1976, p. 157-159) (en: https://tui.gal/sites/default/files/documentos/a02_evolucion_historica_firmado.pdf).
![]() |
(Ás eguas do Monte Aloia pasáballes coma as olisipienses, eran fecundadas polo vento) |
Veñamos agora á cama de san Xulián. Este é un dos santos locais tudenses, xunto con Paio e Telmo (de quen, por certo, busquei sen éxito un libro, unha biografía, nada… e iso que parte da súa vida, paso pola ponte da Ramallosa, episodio da súa conversión, milagres no mar, está magnificamente labrado en madeira por distintos lugares da catedral…). A cama de san Xulián é unha pedra enorme, de gran beleza, situada no Monte Aloia. Nós hai uns quince anos ou máis que a viramos por primeira vez e relembrabamos algo do que nos contara in situ un paisano: que era milagreira para… que el non acababa de crelo, cousas de vellos -o informante era de mediana idade-, pero -subliño este “pero”-, pero que si era verdade que algo había porque, cousa curiosa e totalmente inusual, arredor da pedra non medraba nunca a herba… Para que nos dixo que era milagreira a pedra non o recordamos xa. Para a fertilidade das parellas estériles coma a de san Guillerme? Para os males de barriga como relata no TILG a revista “Novo Galiciano” referido á Cama do Santo do monte Confurco? Estaría alí deitado o santo Xulián, como din que fixo Santiago na de Padrón?
Logo vemos en Internet que se fala da cama coma dun xigantesco santo dos croques… Vaslle dar uns cantos golpes á pedra coa cabeza e axuda así a curar as dores desa parte do corpo, a cabeza: (en: https://www.geocaching.com/geocache/GCTNEG_monte-aloia-2?guid=9ee9243e-ad68-4e63-9fe4-508fbfd20398). Unha crenza ou tradición que tamén se documenta noutras pedras:
![]() |
(Pedra que merecía ser chamada 'Formosa' coma as das saunas castrexas. Monte Aloia) |
Funme a deitar a pedriña/do santiño San Lorenzo / funme a deitar na pedriña / para curar a cabeza/a barriga e os riñóns / Dicen que foi a pedriña / onde o santo descansou / Estás no monte castelo / e desde alí vese o mar / tamén se toman os aires / cando a él te vas deitar (en: http://soledadfelloza.com/la-caja/archivos/7839
O que parece estar claro para nós é a razón de ser esta pedra denominada cama de san Xián: e non é porque o santo en cuestión descansara aí. Deixando á parte a probabilidade de que houbese aí un culto lítico prehistórico ou precristián, o que parece innegable é a facilidade con que en Galicia prendeu a dramática historia dese santo, casado -segundo varias versións- con santa Basilisa:
En Galicia se rindió culto desde muy antiguo a los bienaventurados esposos de Antioquía y es en aquella región donde más abundan, con notable diferencia de las del resto de España, los templos erigidos bajo la advocación de San Julián. Y se observa allí el fenómeno curioso de que al andar de los tiempos se ha borrado de las gentes el recuerdo de Santa Basilisa, al menos en su manifestación plástica, manteniéndose el de San Julián, en figura de un joven elegantemente vestido a la moda francesa del siglo XVIII y caracterizado con los arreos cinegéticos con que se representa a San Julián de Brioude, reforzados con bastante frecuencia con una escopeta que empuña el Santo. Hay datos que permiten suponer que en tiempos remotos se tuvo en Galicia a San Julián y a Santa Basilisa por protagonistas de la tragedia que determinó su vida penitente, y son: el hecho de que las únicas versiones populares de la leyenda en que la mujer del parricida recibe nombre le atribuyen el de Basilisa; y la circunstancia de que todos los pueblos que veneran por patrono a San Julián, bien sea solo o bien conjuntamente con Basilisa, celebran su fiesta parroquial el 7 de Enero, prestando de ese modo un tributo a la tradición que dedica ese día a la conmemoración de ambos esposos, conforme a lo estatuído por la Iglesia en lo antiguo (…). Por lo que a aquélla [Galicia] atañe, hay además de las indicadas otras huellas que permiten presumir la identificación con San Julián de Brioude de la mayoría de los santos de este nombre que se veneran en Galicia (…). Según la composición salmantina [un romance] y la de Lope de Vega, [San Xulián] levantó un hospital (…). También a tenor de la versión de la leyenda que se me envía de Morcelle (provincia y diócesis de Lugo), Julián y Basilisa erigieron una casa para albergar a los enfermos: “ E as [sic] dous fixeron un Hospital, donde cuidaron os apestados con muita pacencia e fatiga. Todo o fixeron por amor a Dios”.
(Bonifacio de Echegaray: “La leyenda de San Julián el Hospitalario en romances castellanos”, en: https://www.persee.fr/doc/hispa_0007-4640_1951_num_53_1_3253).
Tedes que saber que segundo os relatos haxiográficos que narran a vida deste matrimonio, Xián e Basilisa, Xián é advertido de que matará os pais: abandona o lar e parte a outras terras con Basilisa pero os pais non saben a causa e búscano con afán: chegan en ausencia del á súa casa e danse a coñecer: Basilisa cédelles a cama de matrimonio. Cando chega Xián e ve a cama ocupada por dous corpos pensa mal de Basilisa e mátaos. Logo o parricida fará penitencia, tras matar aos pais na cama de matrimonio, e Basilisa acompáñao: farán vida de santos ata que logran o perdón divino. Esa é a cama do santo: a cama onde xacían os seus pais.
A ponte do río Tamuxe vai ter que quedar para outro día… Feliz comezo do verán!
![]() |
(Igrexa de San Telmo, en Tui. Bo exemplo, único, de barroco portugués en Galicia) |
Ningún comentario:
Publicar un comentario