Galicia
José Veiga Roel (1894-1976).
![]() |
(Caricatura de Veiga Roel feita polo coruñés A. Cebreiro) |
Preséntovos hoxe un fotógrafo galego universal, José Veiga Roel. Algúns de vós xa o coñeceredes e a outros pasaravos coma a min: sorprenderavos a calidade da súa arte. Eu nunca oíra falar del ata que por puro azar atopei navegando en Internet a premiada fotografía de Chona peneirando na rúa (en Cazatesouros, na celebración cervantina do 23 abril 2021). Entón díxome o meu prezado amigo e profesor de matemáticas de moitos de vós, Francisco Javier Chao Mata: “E ti sabes que está peneirando na rúa de Betanzos en que eu nacín e me criei? Veiga Roel fíxonos varias fotos, a min e mais ao meu irmán…” E así naceu a nosa curiosidade por saber máis dese ilustre betanceiro.
![]() | |
(O prof. F. Javier Chao fotografado, cando era un meniño, por Veiga Roel. Fotografía propiedade de J. Chao Mata, ao igual ca as dúas seguintes, onde aparece el mesmo e a súa nai) |
Nos libros que me prestou Javier hai cumprida información. Se podedes botádelle un vistazo algún día. Hai opinións autorizadísimas sobre a súa obra, da man de Eduardo Blanco Amor e de Xosé Enrique Acuña. Este último repasa a historia da fotografía en Galicia especialmente na primeira metade do século XX e remite tamén a un artigo que eu xulgaría imprescindible, de Antón Baamonde, titulado “Aura, saudade, Veiga Roel”, en A Nosa Terra, nº 257, 1984. As palabras tanto de Acuña como de Baamonde sobre a aura veigaroeliana son redondas. Pouco podería engadir unha servidora a ese respecto. Relémbranos Acuña que Veiga Roel colaborou antes da desfeita do 36 coa revista Rexurdimento da irmandade nacionalista de Betanzos, na etapa de debuxante e calígrafo. Que o foi, espléndido calígrado, ao xeito daqueles retirados homes monacais do medievo. Francisco Vales Villamarín dedicoulle este poema: Gran amigo da caza, cal Alonso Quixano, / corréu o corzo alíxero nas fragas de Belén; / sigue a gloriosa senda de Goya e do Tiziano / i-é -como a min me praz- garelo cen por cen.
![]() | ||
(Deste libro proceden as seguintes 4 fotografías) |
![]() | |
(O lexendario gaiteiro Rilo, de Betanzos) |
![]() |
(Ocupaba este debuxo un espazo do diámetro dunha peseta) |
Da caligrafía dá o salto á fotografía cando xa camiña pola década dos seus sesenta anos: díxolle a Blanco Amor que nese momento da súa vida comprendeu plenamente que a cámara tamén pode expresar a arte. Foi na Coruña, en xuntanzas con fotógrafos, na tertulia do Café Español, onde ve a nova luz, ao xeito de Saulo ou Paulo de Tarso.
![]() |
(Destoutro libro proceden as restantes fotos) |
![]() |
("Areeiro") |
Rematamos: hai un bo resumo da traxectoria de Veiga Roel na páxina da Real Academia da Historia: http://dbe.rah.es/biografias/53424/jose-tomas-veiga-roel
::::::::::::::::::::::::::::::::::.
NOTA:
Garela/garelo é un adxectivo que se aplica ás persoas nadas en Betanzos. É sinónimo de betanceira/betanceiro. Sempre quixen escribir unha nótula sobre esta palabra, sobre a súa etimoloxía, e agora que sae nesta conversa, comprométome a estudala nun futuro non moi distante.
![]() |
("Roque") |
Ningún comentario:
Publicar un comentario