GALICIA INMORRENTE
DE MÚSICA TRADICIONAL GALEGA
![]() |
(Antón Santamarina, á dereita da imaxe, e X. M. Sánchez) |
O venres 7 tivemos o privilexio de asistir á sede da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, aquí na Coruña, para oír falar e aprender algo do saber imperecedeiro do noso prezado Antón Santamarina. O presentador do acto, o profesor da UDC, X. M. Sánchez Rei –a quen agradecemos unha vez máis que nos convidara a asistir– escolleu coas súas primeiras verbas, algúns dos atributos do conferenciante: filólogo, gran ceñecedor do sistema verbal galego, musicólogo, académico. Para nós Santamarina é o profesor universitario que nos impartía na carreira a materia de Lingüística Románica. Canto sabía! E que memoria prodixiosa tiña… Exemplificaba co portugués, co catalán, co romanés, enchía a pizarra de raíces, morfos ou desinencias nun dicir amén Xesús… E de etimoloxía? Que non saberá el? Sinceramente, meus queridos interlocutores, podo chamarme criatura privilexiada: cando traballaba no Peleteiro de Santiago coñecín, conversei e intercambiei correspondencia co gran filólogo J. L. Pensado Tomé; fun alumna dous anos (en cuarto e quinto de carreira) de Antón Santamarina Fernández e logo, xa profesora, tiven a fortuna de comunicarme e poder conversar tamén co finado Nicandro Ares Vázquez, outro bo filólogo, e estou por dicir, santiño no paraíso…
Antón Santamarina veu falar á Coruña como musicólogo: foi a súa unha disertación sobre a historiografía do cancioneiro popular galego, da música tradicional de Galicia. Había tempo que non estaba nese espazo (onde se reúne a AC Alexandre Bóveda): relembrou que a primeira vez que pisara este lugar foi no ano 1963 cando se impartían aí os discursos de ingreso na RAG. Estaba daquela presente no discurso de ingreso de Ramón Piñeiro.
Fixo un repaso das distintas contribucións na recollida de textos de cantigas populares. O interese e colleita empeza bastante tarde, con Sarmiento no XVIII. Recordou o que o frade bieito di das mulleres, auténticas creadoras de cantigas… Seguiu co cancioneiro de José Pérez Ballesteros, Casto Sampedro e Folgar, o de Eduardo Martínez Torner e Xesús Bal y Gay; tivo fermosas palabras para Luis María Fernández Espinosa (frade franciscano: asistimos non hai moito á presentación dun libro sobre este musicólogo no Circo de Artesáns da man do autor, o tamén musicólogo Manuel Rico Verea). Contaba Antón Santamarina que Fdez. Espinosa, amigo de Castelao, foi o casamenteiro de Alexandre Bóveda; grazas a el coñecera a Amalia, os dous formaban parte dun coro que organizaba Luis María, e este mesmo Luis foi o que confesou poucos minutos antes do seu fusilamento, a Bóveda “levou o maior desgusto da súa vida”, dixo Antón facéndonos partícipes da dor que tamén a Espinosa lle causou a morte de Alexandre Bóveda, a quen apreciaba tanto.
![]() |
Non se quixo estender moito nesta colección de obras e remitiunos ao estudo sistemático que o doutor pola USC, Domingo Blanco Pérez, fai na súa magna obra titulada A poesía popular en Galicia, 1745-1885, publicada en 1992.
Con todo, igual cumpriría deternos un bocadiño nalgúns datos importantes –polo menos ao noso entender– que deixou caer antes de centrarse na contribución nuclear ata o momento, na historia do noso cancioneiro (a publicación Schubarth-Santamarina).
Así, por exemplo, fagamos –seguindo sempre a Antón S.- fincapé no labor de J. Inzenga: recolleu en catro entregas cantos folclóricos de Galicia, Valencia, Murcia e Cataluña. Facilitounos este enlace:
Rescatou do limbo do descoñecemento (para moitos de nós…, outros moitos coñecíano xa sobradamente) o traballo de Higinio Anglés, sacerdote e musicólogo tarraconenese, quen –entre outros méritos–, foi nomeado en 1943 director do Instituto Español de Musicoloxía do CSIC; este home estudou en profundidade a música das cantigas sacras afonsinas e desde logo, se un puidera escoller que lugar ocupar no paraíso, non dubido que aquí temos un catalán cantor nos coros marianos celestiais.
Hai igualmente cantos populares de Galicia no Cancionero musical popular español da chamada sección femenina:
https://www.cervantesvirtual.com/obra/cancionero--1/
Interesantísimas me resultaron as achegas das Misións Folclóricas do CSIC. Deixounos Antón S. varios enlaces para que naveguedes con enteira liberdade:
https://musicatradicional.eu/es/locations
Misions en Galicia (45, 46, 47, 59, / 60, 62, 64)
https://musicatradicional.eu/sites/default/files
https://musicatradicional.eu/researcher/23
https://musicatradicional.eu/es/search/node/Galicia
https://musicatradicional.eu/source/180
Tamén debemos coñecer e ter presente o estudo de Javier Grova:
https://dialnet.unirioja.es/servlet/tesis?codigo=127129
E amentou o traballo de Alan Lomax: velaquí un enlace para oír cantos tradicionais (Lomax):
https://www.youtube.com/watch?v=8ak2_LpRZcc
Debo dicirvos, xa á derradeira, que oímos unha espléndida versión do romance tradicional galego O conde cego (https://www.youtube.com/watch?v=BrqmLqKoRiY). Contounos Antón que esta melodía popular galega estendeuse por toda España da man dos redentoristas en forma de canto relixioso…
::::::::::::::::::::
![]() |
(Galicia está ben representada na obra Shuberth-Santamarina. Terras galegas que pasan á historia da nosa música tradicional) |
A parte da cabeza do león da súa disertación correspóndelle a Dorothé Shuberth. Se quixerades saber a miña humilde opinión, sen dúbida ningunha digo que deben pasar os dous ao panteón de galegos ilustres nun plano, tocante a esta obra musicolóxica, de igualdade. Pero xulgo oportuno e pertinente o enfoque do profesor Santamarina: foi providencial para Galicia que esta muller se namorase de nós, do noso, do idioma, da música, dos camiños incansables e inacabables que percorreu para chegar ás humildes casas galegas, para chegar ás cociñas onde se fritían os roxós, ás lareiras, para ter doada comunicación coas gardadoras –na súa maior parte- da nosa tradición, as anónimas mulleres do pobo galego da segunda metade do século XX.
![]() |
É de xustiza que se valore o inxente traballo de Dorothé Schubarth e é de xustiza que se valore o exercicio de fe, o soporte físico e intelectual, a colaboración de amizade e humanidade que Antón Santamarina teceu ao seu lado e ao seu arredor. A día de hoxe a obra Shubarth-Santamarina, obra de letra, clasificación sistemática de contidos, e transcrición de melodías musicais tradicionais de Galicia, non ten par.
E como nos recordou Santamarina Fernández, xa era hora. Confesounos que a el dáballe algo de carraxe (ou envexa) que vascos, cataláns e asturianos tivesen o seu cancioneiro por antonomasia e nós, o pobo galego, non.
![]() |
(Oímos un delicioso tema destas dúas galegas: elas inspíranse tamén no Cancioneiro por excelencia da nosa música tradicional) |
Creo que aquí o imos deixar. Vou pechar esta páxina co nome dunha muller que foi tamén moi amentada na charla: Concha Losada. Ela e Dorothé estiveron en contacto. Ela, Concha, dirixe o Museo do Pobo Galego. Museo ao que, dato a ter en conta para que aprendamos a poñer en valor como se merece esa institución, Dorothé deixou todo o que tiña, en forma de diñeiro, un par de centos largos de miles de euros. Pareceravos pouco elegante rematar falando de cartos. Non, non é así. É o concepto que subxace o que debemos gardar no peto. O amor por Galicia.
![]() |
(A derradeira fotografía dos dous grandes musicólogos, Dorothé e Antón, tomada en Suíza. Propiedade do profesor Santamarina) |
Excelente e interesante Charo! Gracias! 🌹
ResponderEliminarO cancioneiro é un mundo, ou era… Antes era un patrimonio “vivo”, agora é folclore… Relembraba A. Santamarina que se cantaba nos Reis, no traballo, na malla, na esfolla, nas regueifas… Nós, a xeración miña, da irmá, dos curmáns, relembramos perfectamente cantar nas vodas, nas despedidas de solteiros na adega, aló en Valencia do Sil, na vendima… Moito se cantaba na vendima. Con todo, déixame dicirche que moito mellor, mil veces mellor, que se conserve o patrimonio no folclore á súa morte e desaparición total. En fin, grazas sempre polo túa curiosidade e interese.
Eliminar