VISITANDO O MUNDO NO ANO
MIL (I). ÁFRICA.
As cinco mil visitas
merecen unha celebración especial. Viaxaremos en certa medida ao ano mil. E
comezaremos por África, berce do homo sapiens sapiens. Un continente
fascinante, que se está xebrando pola fenda do Rift. Unha fascinación que é
reflectida na obra de grandes artistas, por exemplo, Gaudi, Picasso, Matisse.
Buscade a foto do malagueño no seu estudo do Bateau-Lavoir, en 1908,
rodeado dun arpa punu, unhas figuras
bakongo e dúas esculturas de teito canacas. Impresiona o novo que é e a forza
dos seus ollos, impresiona o poder da arte africana.
As primeiras exploracións digamos “científicas” dos europeos son
renacentistas: Diego Cao trae marfíns do Congo en 1486. Pero as culturas
florecen desde moito atrás: En Nixeria,
Nok é a primeira cultura coñecida que adopou o ferro. Pero con Igbo-Ukwu,
arredor do século IX, iníciase unha escola de broncistas que, moi
probablemente, espallaron a técnica da cera perdida en Ifé e, desde aí, a
Benín. Os reis de ambos os dous lugares fixeron fabricar, como emblemas do seu
poder, obxectos dun grande refinamento e únicos en África, que se contan entre
as obras mestras da arte universal (p. 25, “Arte tradicional africano”, de Alberto
Costa Romero de Tejada, en África: magia
y poder. 2500 años de arte en Nigeria. Fundación “La Caixa”, 1999,
tradución ao galego nosa). Lede agora estas palabras de Roger Fry, crítico do
grupo Bloomsbury, nun artigo dos anos 20: Teñen
unha liberdade plástica completa (…). Os
escultores parecen non ter dificultade ningunha en escapar do plano
bidimensional (p. 22).
Nas selvas da rexión do baixo Níxer prodúcese o
florecemento das artes de Igbo-Ukwu (séculos
IX e X) no leste e da antiga Ifé (séculos XI a XV) no oeste, xunto coa
aparición da cidade de Benín (p. 38, John Picton: “Nok, Igbo-Ukwu”).
No ano mil en África hai reinos (e unha forte xerarquización social), antes
houbo imperios (Exipto, Cartago). A maior parte das culturas son ágrafas, pero
queda compensada esa carencia de escrita pola oralidade poderosa, a mitoloxía,
os costumes rituais e a arte (igualadora, coma a morte; xa o dixo Goethe, a
quen parafraseo: “o que non logra o ser humano na realidade que vive, lógrao na
arte”). Arredor desta data estupenda (1000 d. C.) fúndanse cidades importantes,
como O Cairo, da man dos fatimís, unha póla do Islam, procedentes do Magreb.
Aí, no Magreb, norte de África en sentido amplo, teñen o seu núcleo territorial
os Bereberes (a palabra ten o mesmo étimo cá voz ‘bárbaro’, eles fanse chamar a
si mesmos “homes libres”). Os bereberes pasan a España na época do Califato
cordobés, xa o propio Tarik (epónimo de Tarifa), no VIII, é un bereber (e tamén
son bereberes almorávides e almohades, algúns dos cales loitan no poema do Mio
Cid…). Non tiñan a mesma consideración social que os árabes de pura cepa, ocupan os arrabaldos, viñan
sendo de clase B (tedes máis información no traballo de Bilal Sarr: “Introducción al estudio del
poblamiento beréber en la Marca Superior de al-Andalus (siglos VIII-XII)”, en Mélanges de la Casa de Velázquez, t. 43,
2013). A lingua dos bereberes é
afro-asiática, moi antiga, vin nun documental que cando o Sahara non era
deserto, fértil paraíso era, xa daquela eles deixaron pegadas, case escribían
xa… E se vedes fotos de mulleres bereberes con xoias de celebración, parece que
estades vendo as descendentes da Dama de Elche. Ben. Ata aquí chegamos hoxe.
Seguiremos a próxima semana.

Ningún comentario:
Publicar un comentario