GALICIA INMORRENTE
LAPAS CORUÑESAS E BERBERECHIÑOS LUCENSES
Aproveitando unha boa horiña –hoxe predixeron choivas na Coruña- paseamos ata o Portiño. Reflexionabamos sobre a capacidade virxe, capacidade mental, que ás veces temos. Quer dicir, repites e repites un mesmo traxecto e podes ser capaz de velo sempre con ollos novos, coma se fose a primeira vez. Para min é unha paisaxe marabillosa. Hoxe estaba o mar tranquilo e a marea baixa de abondo; víanse perfectamente as escaleiras do Meixón, dixo Luís: debe chamarse así precisamente polas escaleiras de entrada que conducirán a esa mansión… Pode ser.
![]() |
(As fotos son de Charo Soto) |
Ao pasar en paralelo aos Lapidos relembrei o meu prezado B., a quen xa amentei varias veces, ricaz informante de tantas cousas e tantos talasónimos neste paseo… Había en tempos, supoño que algunha quedará aínda, moitísimas lapas arredor dos Lapidos. Un día, a propósito das lapas, B. contoume que de neno adoitaba acompañar o pai cando ían de pesca (criouse en Corme, así que é posible que estas lembranzas haxa que situalas nesa fermosa parte da costa coruñesa). Eran tempos de moita pobreza e necesidade entre as familias mariñeiras. A vivencia, con estas ou parecidas verbas, é a seguinte: para comer colliamos lapas e cando tiñamos unha boa man delas había que colocalas nunha laxe ou pedra planiña, boca abaixo, logo cubríanse con fentos secos e logo prendíanselles lume; había que andar con moito tento porque o meu pai soamente levaba un misto, se se apagaba, nada, a xexuar ese día! Pero se tiñas coidado e a cousa ía ben, que saborosas estaban aquelas lapas. Facían moi bo xantar!
Cando relembro en voz alta esta experiencia estupenda, pregúntame Luís se as lapas aínda se comen. Contesto que si. Unha servidora nunca as papeou, pero un noso amigo compostelán contaba de cando veraneaba aquí na Coruña sendo un mozo adolescente e unha vez, en pleno verán, púxose ás portas da morte e o médico, pasmado, interrogábao para ver que fixera para sentirse tan mal e turrándolle da lingua o daquela rapaz dixo: -Comín unhas cantas lapas en Riazor… -Comíchelas crúas? –Si, cominas a medida que as ía arrincando da rocha. –E quentes do sol? –Así é. –Pois estas vivo de milagre!
Dunha maneira semellante á forma descrita polo noso informante cormelán, tivemos hai anos a sorte de comer berberechos ao estilo Viveiro na casa duns parentes dos nosos amigos nunha adega de Chantada (vid. neste blog, “Galicia Inmorrente” do mércores, 8 de setembro de 2021). A laxe onde se cociñaron os berberechos era de granito pulido e en lugar dos fentos secos, usouse arume ou picón[1].
Non podemos pechar a páxina sen traer á palestra aquela fermosa secuencia do filme Alcarràs (2022) de Carla Simón, cando se poñen a preparar de modo semellante ao descrito para as lapas e berberechiños galegos, os caracois mediterráneos. Non logro asegurar que combustible usaron, creo que eran pallas secas. A técnica, a mesmiña. O que si recordo perfectamente é que un personaxe, do rural, dille a outro probablemente urbano: -Que!, isto non o comedes en Barcelona, eh?
Conste que en Barcelona tamén se come ben, pero a cada un o seu. Feliz remate do mes de Santiago!
[1] O dicionario académico dá 12 sinónimos para arume pero non vén picón, variante dezá, de Trasdeza. Unha variante que tampouco figura no DdD. De onde se deduce que a nosa lingua e cultura é unha fonte inesgotable de pequenos tesouros.