martes, 30 de abril de 2024

LENDO A

 LENDO A CERVANTES

OUTRO GALEGUISMO NO QUIJOTE, “TARDE PIACHE”

 

(Gravado de G. Doré sobre Sancho na ínsula Barataria. A frase "tarde piache" pronúnciaa precisamente cando abandona a ínsula)

 

Neste blog xa nos referimos a un posible galeguismo no libro áureo cervantino, a lercha da frase de Sancho, como sardinas en lercha. Foi na sección LENDO A do martes 23 de abril de 2019. Naquela páxina unha servidora sintetiza e repite en parte algo xa publicado con anterioridade[1].

Hoxe falaremos un pouco destoutra frase, posta tamén en boca de Sancho Panza, tarde piache! Unha unidade fraseolóxica (UF) non sempre ben enfocada, ben interpretada; é máis, penso que foi tratada, anotada, estudada, con moi pouco rigor lingüístico.

Hai historicamente unha apropiación, diría que indebida, desa unidade fraseolóxica, coma se fose unha frase máis do dominio central, do castelán. Pódese contraargumentar: pero realmente si era unha frase coñecida por todos na época en que Cervantes escribe e publica. Pero iso non quita -caso de que fose inequivocamente certo- para que os editores e/os académicos digan a verdade: a verdade etimolóxica é innegable. Temos un galeguismo e punto. E, salvo erro noso, hai que esperar á edición do Quijote da Real Academia Española do ano 2015 (páx. 1164, nota 32), a edición dirixida por Francisco Rico[2] para atopar esa verdade escrita con todas as letras: frase gallega.

Porén, si hai conciencia de necesitar unha explicación semántica, unha nota a pé de páxina en moitas edicións, o cal, indirectamente, dinos que non é castelán estándar, nin moito menos, ese (tarde) piache que está descodificando o lector. Así por exemplo:

Tarde piache, “tarde piaste”, significa hablar o acudir cuanto la ocasión ya ha pasado. Según las explicaciones que daban en el siglo XVI aquellas palabras las pronunció cierto individuo que se comió un huevo pollado y oyó piar al polluelo cuando ya se lo había tragado (editorial Planeta, edición con notas de Martín de Riquer, 1962, nota 9, p. 989).

El que sorbió un huevo pollado, al piar el pollo en el gaznate, le dijo “Tarde piache”, o piaste (editorial Juventud, notas de Martín de Riquer, 1968, nota 11, p. 927).

Tarde piache: Acudir o hablar tarde (editorial Hijos de José Bosch, edición e notas de Juan Alcina Franch, 1977, p. 440).

¡Tarde piache!, tarde piaste, se le dice al que no habló o acudió sino cuando ya era tarde (editorial Cátedra, notas de John Jay Allen, 1977)

“Tarde piaste”. Procede esta frase del cuento del gallego que se tragó un huevo con pollo. Y, oyéndolo piar al tragárselo, dijo: “¡Tarde piache!” (editorial A. Ortells, notas de Emilio Pascual, 1978)

Edición en galego de 1992 (Tradución de Valentín Arias, Xela Arias, Mª Xesús Senín, Mª Xosefa S. Fernández, X. Antón Palacio, Xavier Senín: non hai nota a pé de páxina nin comentario ningún. Iso si, modernizan a UF, en canto que optan pola desinencia máis común, a normativa, piaches).

Especialmente chaman a nosa atención dúas cousiñas: unha é esa especie de sinonimia por parte dun sabio da categoría de Martín de Riquer (noutros lugares deste blog deixamos constancia da nosa admiración polo arturista catalán, pero évos boa verdade aquel aforismo galego que di a perfección fóra de nós), cando di piache o piaste. Non se pode facer esta relación de igualdade entre dominios lingüísticos claramente distintos. E chama a atención tamén o  comentario de J. Jay Allen (ed. Cátedra, 1977); o comentarista traduce e engade se le dice al que…, é dicir, dá a entender que así se di normalmente en castelán, e iso é unha inexactitude evidente. Se examinamos as concorrencias de tarde piaste/tarde piache no CREA o número resultante é 0.

Volvamos un momento á contraargumentación posible: pero en época cervantina a frase era coñecida. En Galicia seguro. Documentámola no CORDE (Corpus diacrónico del español) exactamente en:

1549: Repertorio paremiolóxico de Pedro Vallés[3]

1550: Juan de Arce de Otárola[4]

1555: Juan de Timoneda

1615: Cervantes (capítulo LIII, 2ª parte do Quijote).

No XVIII, 1, Anónimo, uso de refeitura literaria (“tarde piache su favor”)

No XIX documentámolo 2 veces en Galdós (“como dijo el otro”, “como dijo el pájaro cuando se lo estaba…”), 1 en Bartolomé José Gallardo.

Non chega a unha ducia de concorrencias. Non se pode dicir que sexan moitas, non se pode falar de que fose unha UF frecuente. Aínda que certa difusión si que debeu ter por boa parte da península porque aparece integrada en 1549 nun repertorio de refráns[5] e Torres, a quen amentamos abaixo, tamén alude en 1595, ao seu uso proverbial (coma quen di = como di o outro, típico encadre dun dictum ou proverbio).

Agora ben, tamén está claro para nós que a “apropiación” se dá porque está en Cervantes. E toda a lingua cervantina, por definición, é patrimonio de España. Ben, sempre que se lle dea ao César o que é do César e a Deus o que é de Deus. Porque non hai pureza idiomática e todos os idiomas son moi libres de adoptar préstamos. Todas as linguas teñen préstamos. Unha servidora usa, e gusta de usar, uns cantos: se non è vero è ben trovato; eppur si muove; deo volente; a bote pronto; laissez faire, laissez passer; OK etc. Pero hai que marcalos, cursivalos, salvo que estean xa moi adaptados, pero a nivel de fraseoloxía non é doado dar con moitas UFs “adaptadas”.

Así que a Real Academia Española toma a nosa frase, tarde piache e intégraa sen dicir absolutamente nada sobre a súa galeguidade no seu dicionario de Autoridades, no XVIII. A “autoridade”, neste caso, é Juan de Torres (de quen hai case 300 citas no Diccionario de Autoridades[6]) e a obra, Philosophia moral de principes, para su buena criança y gouierno, publicada en Burgos en 1595. 


 

O dicionario da RAE manterá a entrada PIACHE sen mención ningunha á orixe galega durante o XVIII e o XIX. Haberá que esperar á novidosa edición de 1925[7] para que poidan os nosos ollos ver restituída a verdade etimolóxica no dicionario académico:



Se pensades que a partir de aí xa sempre se conservará a información clave da orixe galega da frase, errades. Falta nas edicións de 1927, 1950 e 1985. Consérvase nas de 1947, 56, 70, 84, 92. Na edición actual está. Velaí a tedes:



Veñamos agora a ese contiño que “a tradición” atribúe a un soldado etc. Xa vos digo de antemán que a nós ese chascarrillo popular nos parece unha explicación ad hoc, unha especie de explicación a posteriori dunha frase que se xerou antes, na nosa terra, antes -digo- de que Timoneda[8] deixase por escrito o conto. Hai versións que din que o soldado era galego[9]. Así que temos, desde Timoneda, desde mediados do XVI por aí adiante circulando o conto deste individuo (moi famento ou non moi espelido) que non se decata de que come un ovo con paxaro dentro e logo cando lle pía dentro do corpo, dille aquilo de tarde piache! É unha explicación coma outra calquera,  certamente acáelle á UF como embude á boca de xerro e resulta graciosa; pero teñamos tamén en conta que na documentación primeira da frase nun texto escrito do XV non hai mención ao conto este, senón a outro; e pensemos que piar pían todos os paxariños do mundo cando piden o alimento aos pais, pían no niño, óense ben e chega cunha mínima observación da natureza para oílos pedir, protestar porque non vén o alimento, piar de gana, con forza[10]. Con todo, nada podemos asegurar nun ou noutro sentido, só deixar honesta constancia das dúbidas que a nosa mente nos dita.

 


 

O coñecemento da documentación máis antiga de tarde piache debémoslla ao mestre de mestres, a J. Coromines: La locución tarde piache ‘has llegado tarde’ [S. XV, Evangelista; 1596, J. de Torres, Aut.], es frase gallega con el significado de ‘tarde piaste’. (Diccionario Crítico Etimológico, Madrid: Gredos, 1976, pero a primeira edición é de 1955, s. v. PIAR).

Xa vimos que, con anterioridade á década dos 50, os académicos de 1925 viron a luz, coma Paulo de Tarso. E anos antes, xa Xoán Manuel Pintos (DdD, cara a 1865) se decatara de que a frase, galega, foi adoptada polos veciños: “Piar. Tarde piache, acudir tarde, etc. <Expresion pura gallega, que tomaron y usan del mismo modo los castellanos>. Sero sapiunt Phriges”.

Así que, diciamos, foi Coromines quen nos puxo na pista da documentación máis antiga da frase, no século XV, no chamado Evangelista (Libro de Cetreria de Evangelista). Entremos en materia: no capítulo dedicado aos miñatos é onde aparece por vez primeira na historia a UF tarde piache:

Cap°. delos milanos.

Los milanos quieren paresçer aves de rapina, asy lo son de cosas muertas,por que disen que no quiera dios que saquen alma donde no la pusieron: son aves de grand cuerpo * y bien enplumadas, saluo que son mucho floxas: son muy piadosas y tyenen el mal que sabes de las alas quebrädas y el päpo sano son asymesmo aves de grand conçençia que nunca los veres poner las manos en cosa biua, saluo en pollos; y esto  disen ellos que fasen de piadad que han delas madres quelos crian, que presumen criar tantos que no los pueden cobrir con las alas y salenseles debaxo y andan muertos de frio y veres los milanos luego desçender adonde los oyen piar y acorrerlos  vno a vno y asy piando selos meten enel papo y por esto se dixo tarde piache. (páx. 235, en: https://ia800708.us.archive.org/view_archive.php?archive=/22/items/crossref-pre-1909-scholarly-works/10.1515%252Fzpch-1909-0124.zip&file=10.1515%252Fzrph.1877.1.2.222.pdf) (A letra grosa é nosa).

 

(A primeira documentación de "Tarde Piache", manuscrito do Evangelista. Está depositado na Biblioteca Nacional. A frase é a primeira pola esquerda na derradeira liña deste texto)

 

Como podedes comprobar, aquí se nos dá outra explicación[11] que xustifica a xénese da UF. Pero é outra, a do soldado que traga o ovo con paxaro, a explicación que se popularizará e pasará a sucesivas edicións do Quijote así como á edición actual (en pleno século XXI!) do DRAE. Hai que ver que éxito tivo ese chascarrillo! Esta explicación (a dos pitiños piadores comestos polos miñatos) é a primeira que coñecemos. Deste texto deducimos un par de datos: se a publicación do libro é do XV, a UF existe desde antes, porque a amenta como ben coñecida xa. Segunda dedución: a imaxe do soldado-come-ovos non é a primeira para explicar a xénese da UF.

Que sabemos do autor, do Evangelista? Pouca cousa, pero si sabemos que ten moito sentido do humor e que coñece ben Galicia:

Los acores son vnas aues muy fermosas sy las ay enlas aues, avnque los de Castilla son muy malos  y perversos, espeçial los de galisia que son muy pedorros: aslos de guardar delas castañas y nabos que son ventosos (páx. 232 na edición de A. Paz y Meliá que estamos manexando). E amenta castañas e nabos… Deus sabe se non viviría en Galicia… Nese mesmo libro este autor tamén alude ao xogo do Abellón, que aínda se conserva en tempos de Alfredo Brañas vivo na nosa terra… Moi curioso todo isto, a verdade sexa dita.

Cap°. delos tagarotes.

(…) este escrivano tenia tres destos falcones ques vna muda entera, y estando enla vara syenpre estauan jugando al avejon por pasar tiempo  y de miedo que asy jugarian entre sueños acordaron entre sy de poner los quixadas a buen recabdo por que no alcançase alguna bofetada el vno al otro, y por esta cavsa ponen las cabesas debaxo delas alas (páx. 230, íbid., letra grosa nosa).

En fin, temos que deixalo aquí. O tema dá para moito, como vedes. E afórrovos as múltiples edicións do Quijote en que tarde piache é considerado un italianismo. Pero a fonética (e a morfoloxía subxacente, a desinencia verbal) é clara, tan clara coma a orixe galega do noso escritor universal, Cervantes.

En comunicación persoal, falando cun grande filólogo lucense, Manuel Ferreiro, dígolle que parece documentarse esa forma desinencial en -che por primeira vez nas Cantigas de Santa María afonsís e el di:

Tes razón, que as primeiras documentacións son das CSM, mais iso non quere dicir que non fose de antes, porque esa terminación verbal é de P2 e só aparecen en diálogo, por iso só se encontra nas CSM ou na prosa narrativa, dificilmente podía aparecer na documentación notarial. O proceso fonético é o mesmo que xerou o pronome “che”, xa consolidado tamén desde os primeiros textos (os mesmos, porque ten de haber diálogo), así que a palatalización será, como dis, anterior. Canto é imposíbel dicilo, para iso habería que rastrexar na documentación latina (pouca) que (case) nunca presenta formas verbais de P2 [segunda persoa de singular]… e se cadra nin así aparece nada.

De todos os xeito, como para a evolución da desinencia verbal o pronome CD tiña xa de ser “o(s), a(s)” (e non “lo, la”), tivo que ser un proceso posterior á caída de -l- intervocálico, que, xunto co -n-, se considera a última grande transformación fonética e se sitúa aló polos séculos IX-X (aínda que eu non acabo de acreditar nesas datas). O que é claro é que a absorción de /s/ pola africada foi posterior ao século XIII, a finais do XIV (-ache, -eche, -iche aparecen nos Miragres de Santiago)[12].

Teredes que desculpar a extensión deste escrito. Releamos, agora que vén o maio e os días son longos, a magna obra cervantina.

 

(Portada do libro de Pedro Vallés, un repertorio paremiolóxico onde figura tamén a frase galega "tarde piache")



[1] Páxina 118 en: María do Rosario Soto Arias (2017),  “ Novas catas no campo nocional dos peixes e outros animais mariños”, Cadernos de fraseoloxía galega, Nº. 19, pp. 97-123. Nese momento (2017) o artigo que amentamos do profesor G. Rojo estaba no prelo. A día de hoxe está publicado (“Como sardinas en lercha”,  Guillermo Rojo Sánchez. Revista de lexicografía, Nº 28, 2022, pp. 223-258).   

[2] Francisco Rico, recentemente falecido, conversou connosco sobre un aspecto concreto do episodio cervantino na Cova de Montesinos e así consta neste blog. Habemos de dedicarlle máis un par de páxinas. Que descanse en paz.

[3] Mosén Pedro Vallés era un sacerdote e historiador aragonés que xunta refráns e frases feitas nunha compilación de 4300 entradas; o material está tomado en parte de coleccións medievais e en boa parte da busca, rebusca e procura da fala do pobo, aragonés e non aragonés. Hai exemplos de proverbios cataláns, por exemplo. Nun traballo sobre esta obra de Vallés din os estudosos, entre outras cousas o seguinte: En este sentido el repertorio de Valles es casi todo, español, y apenas trae refranes extranjeros. En cambio Espinosa, Mal Lara y sobre todo Hernán-Núñez, desbordan el entorno vernáculo y en su elenco paremial utilizan abundantes adagios portugueses, catalanes, italianos y franceses. Sin embargo de las 4.300 expresiones refraneriles de Valles, tan sólo 45 están en latín, 8 llevan el marchamo de la lengua italiana, y 9 van en catalán, confirmando así la escasa influencia foránea, al margen de la lengua madre latina (en: José de Jaime Gómez y José Mª. de Jaime Lorén, Pedro Valles, paremiólogo aragonés del siglo XVI,

https://cvc.cervantes.es/lengua/paremia/pdf/006/054_dejaime-dejaime2.pdf).

Se nos fixamos un pouco nese texto cursivado, atoparemos un xuízo lingüístico de novo pouco rigoroso: en Hernán-Núñez hai máis de un refrán galego e nesta apreciación de de Jaime e de Jaime, os galegos brillan pola súa ausencia. De feito é moi posible que se cometa o “pecado” de priorizar o portugués en detrimento do galego, un “pecado” que tamén parece cometer a Academia Española na identificación de certo léxico (sobre esta delicada cuestión pódese ler a literatura científica publicada por Mar Campos Souto e Ignacio Pérez Pascual, por exemplo: “Las voces gallegas incorporadas al DRAE: de 1992 a 2001”, Revista de lexicografía, Nº 10, 2003-2004, págs. 39-63).

[4] De Juan de Arce de Otárola sabemos, entre outras cousas (naceu en Valladolid e estudou en Salamanca): Varón venerable por todos por su singular erudición, y considerado por sus letras e integridad» lo llama Diego de Covarrubias, en su tratado De vetere collatione numismatum, i. num. i. & cap. v. «Estudiosísimo de nuestras antigüedades y muy experto», Ambrosio de Morales, donde con este encomio del autor, alaba la descripción del camino hecho por él por todas las tierras astures y cántabras. (…) (en: https://parnaseo.uv.es/lemir/Revista/Revista18/01_Vaquero_Carmen_Lemir18.pdf). Vedes que viaxou por todas las tierras astures e apostaría sen moito medo a equivocarme que tamén era bo coñecedor de moitas cousas de Galicia: non só porque entre os avós paternos aparece o apelido Fernández de clara estirpe galego-leonesa, senón porque a primeira esposa era unha Saavedra.

[5] Tampouco chega a ser, para o noso entender, un argumento incontestable. Hernán Núñez dá cabida a varios refráns galegos e non pasa nada. Non estaba prohibido, evidentemente. E temos lido que o mestre Correas sentaba na ponte, de paso de moita xente, se cadra no Tormes, e daba unha moediña por un refrán… A ver, cantos galegos, ou xente que conviviu con galegos, non pasarían…

[6] Datos tirados de: “Análisis cuantitativo de las citas de obras en el Diccionario de Autoridades” de Guillermo Rojo Sánchez, en El español a través del tiempo: estudios ofrecidos a Rafael Cano Aguilar / Araceli López Serena (dir.), Antonio Narbona Jiménez (dir.), Santiago del Rey Quesada (dir.), Rafael Cano-Aguilar (hom.), Vol. 1, 2016, pp. 325-340.

[7] Entre os académicos presentes á hora de elaborar a edición do DRAE de 1925 están o coruñés e filólogo Ramón Menéndez Pidal e o tamén filólogo e autor da obra Elementos de gramática histórica gallega (1909), Vicente García de Diego. Esta edición pasa á historia da RAE polo alto número de “rexionalismos” e americanismos que integra. Aconsellable, se queredes profundar neste sentido, o artigo:  Garriga, Cecilio y Francesc Rodríguez (2006): “La 15ª edición del DRAE (1925): voces técnicas y dialectales”, en Mar Campos Souto e Ignacio Pérez Pascual, eds., El diccionario de la Real Academia Española: ayer y hoy, A Coruña, Universidade da Coruña, Anexos de Revista de Lexicografía, 1, pp. 99-116. https://doi.org/10.17979/spudc.9788497497466.099

[8] Prosiguiendo su camino estos tres vizcaínos, y hallándose picados los dos del cocinero, pensando que adrede les hubiese hecho comer el arroz con la melecina del mesonero, por vengarse de él, allegando a un lugar, buscaron un huevo pollado, y, revuelto con otros dos cocidos blandos, pusiéronse a almorzar, y, tomando cada uno su huevo, dejáronle al cocinero el pollado que estaba sin cocer. Y dijo el uno: -Vaya un cuartillo de vino, que ninguno de vosotros se come el huevo de una sorbida como yo.

Dijeron que sí. Pues, habiendo sorbido los dos, vino a sober su huevo el engañado, y como el pollito piase en el garguero, no curó sino de engullir el vizcaíno, diciendo: - Tarde piache . (Juan de Timoneda, Buen aviso y portacuentos, 1564, CORDE). Aquí o protagonista é un biscaíño. Mal lle cadra, nesta primeira documentación histórica do conto explicativo da xénese dunha UF galega, que a frase en galego sexa emitida por un biscaíño. Sabemos, en parte grazas a Cervantes, que o biscaíño era protagonista de clixés non moi positivos no século de ouro, pero ese estereotipo desaparece en época moderna. Non así o do galego como parvo ou ignorante, ese sambenito perdura ao longo do XIX e boa parte do XX. Un libro básico para coñecer estes clixés antigalegos é este: José Luis Pensado Tomé, El gallego, Galicia y los gallegos a través de los tiempos. La Voz de Galicia, 1985.

[9] Como non! Abonda con ler a historia de Galicia (por exemplo da pluma de Emilio González López para o período dos Austrias) para saber que inxentes cantidades de soldados deu Galicia a España. Soldados a e segadores por ducias de milleiros saen de Galicia. Aí está a frase de Lope de Vega, “Galicia, nunca fértil en poetas, pero sí en capitanes” (que fraca a memoria histórica, que esquecida a gloriosa lírica afonsí en galego, por non mentar obras universais coma a Demanda do Santo Graal…). A atribución de ser galego o soldado do conto documentámola, por exemplo, no dicionario de Eladio Rodríguez (DdD).

[10] A acepción piar ‘pedir’ aparece ben documentada nos nosos dicionarios (DdD). O noso pai coruñés usaba moto este verbo cando protestabamos ou pediamos revisión dun xogo, “ui!, moito pías ti”.

[11] Explicación que non se entende tan ben nin é tan “chistosa” coma a do paxaro engulido que pía, pero o que interesa é que aquí hai outra imaxe, para nós incluso máis conforme á natura das cousas: os paxariños (pitiños neste caso) piden comida, pían e pían para seren atendidos no niño. As súas nais crían tantos que non poden ser todos atendidos a tempo. Saen do niño e morren no papo dos miñatos.

[12] Aproveitamos, unha vez máis, para agradecerlle a Manuel Ferreiro a súa xenerosidade á hora de interactuar connosco.

luns, 15 de abril de 2024

A CORUÑA

 

SESENTA ANOS DE INSTITUTO JOSÉ CORNIDE DE ESTUDOS CORUÑESES

 


 

O día 2 de abril tivo lugar no Concello da Coruña un acto en que, dunha banda celebrábase a incorporación de doce novos membros colaboradores ao Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses (IJCEC), e doutra, iníciase unha serie de actos para conmemorar sesenta anos da amentada institución coruñesa. 

 

(Mesa presidencial. De esquerda á dereita: Ana Mª. Romero, Inés Rey, Mª. de la O Suárez)

 

O acto estivo presidido pola alcaldesa da cidade, Dª. Inés Rey: ao seu carón, na mesa presidencial, estaban tamén Dª. Ana María Romero, directora do Instituto e Dª. María de la O Suárez, secretaria-conservadora do mesmo. Entre o público había autoridades políticas (a Subdelegada do Goberno, Dª. María Rivas López; concelleiros do Goberno Municipal coruñés, dos cales unha servidora puido recoñecer a tres que tiñamos moi preto: D. Francisco Xesús Jorquera, Dª. Mercedes Queixas e D. Carlos San Claudio, quen se dirixiu a nós dándonos a man e preguntándonos quen eramos [Nós -a nosa nai e mais eu- somos familiares dun dos novos membros. Entón explicounos que el era o concelleiro máis novo na historia da cidade en democracia; o seu pareceunos un xesto simpático e desexámoslle o mellor na súa traxectoria política]) e autoridades académicas (o Reitor Magnífico da Universidade da Coruña, D. Ricardo José Cao Abad) e había representantes das distintas academias con sé na Coruña (estaba presente  D. José Ramón Soraluce Blond, membro da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, estaba presente Dª. Mª Dolores Sánchez Palomino, membro da Real Academia Galega, e un dos novos membros, o señor Pardo, pertence á Real Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación; quizais houbese máis académicos pero amentamos aquelas persoas que puidemos identificar, o salón estaba cheo de xente a rebordar). Pasemos agora a citar nomes e mínimos datos curriculares dos doce novos membros:

(O historiador herculino Xosé Alfeirán Rodríguez. Todas as fotos están tomadas do vídeo institucional)

 

D. Xosé Alfeirán Rodríguez: historiador e investigador de temas tocantes á historia de Galicia e gran divulgador da historia coruñesa, así como elaborador de material didáctico. Unha servidora le con gusto sempre as súas colaboracións na prensa local.

Dª. Mª. José Carralero Conde: arpista de sólida formación académica. Concertista, docente e investigadora. Espléndida mostra do seu saber musical déunola como brillante remate do acto.

D. Carlos González Guitián: historiador vinculado á bibliografía farmacéutica galega. Gran divulgador e bibliotecario documentalista no ámbito das bibliotecas e publicacións virtuais.

Dª. Beatriz López Morán: historiadora, autora de monografías de imprescindible consulta, así como de numerosos artigos sobre a historia de Galicia no XIX e no XX. Actualmente traballa nunha historia da cidade da Coruña no s. XIX.

D. Xosé Luis Martínez Suárez: arquitecto, docente, comisario de exposicións sobre etapas de arquitectura e urbanismo da Coruña. Desenvolve proxectos relacionados co urbanismo e desenvolvemento sostible.

D. Jaime Oíza Galán: con formación de historiador e arqueólogo, centrou a súa actividade profesional no mundo dos museos. Organizou exposicións instaladas nas sala municipais, exposicións das que tanto desfrutou a cidadanía coruñesa (e diso damos fe…).

D. José Ricardo Pardo Gato: pertence ao mundo da avogacía, é autor de numerosos traballos centrados na peregrinación xacobea, achegando novos aspectos históricos e xurídicos. Dirixe e coordina novas revistas.

D. Xoán Antón Pérez Lema: avogado, é membro de varios gabinetes técnicos da Xunta de Galicia. Colaborador da prensa escrita, radio e televisión; ten varias publicacións de carácter xurídico e económico e desempeña cargos directicos en distintas asociacións empresariais.

D. José Manuel Sánchez Santos: desde a cátedra de Economía da Universidade da Coruña promove e potencia investigacións na área da economía e empresa pública. Pódese consultar a traxectoria das súas investigacións na páxina correspondente da UDC.

Dª. Purificación Soto Arias: arqueóloga e activa participante en grupos de traballo e investigación a prol da conservación do patrimonio cultural e das paisaxes históricas; céntrase tamén na elaboración de itinerarios e recursos culturais vinculados ao turismo rural e cultural.

 

(Todos e cada un dos novos membros colaboradores recibiron un prego co nomeamento, un recordatorio da man da alcaldesa herculina. Permítaseme escoller a fotografía da nosa irmá en representación dos doce)

 

Dª. Ana Dorotea Tarrío Tobar: desde a cátedra de Matemáticas Aplicadas da Universidade da Coruña, potencia os estudos, no ámbito da xeometría diferencial e as súas aplicacións, impartindo conferencias e publicando artigos neste campo, dedicando especial atención á visibilidade das mulleres matemáticas.

D. Carlos Vales Vázquez: biólogo. A súa actividade céntrase no estudo e defensa do medio ambiente, especialmente desde a dirección  do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia. Destaquemos o seu traballo en educación ambiental, fomentando as boas prácticas ambientais neste eido.

O discurso principal do acto conmemorativo correu a cargo do historiador D. Xosé Alfeirán. O primeiro que fixo foi subliñar o carácter multidisciplinar dos novos doce colaboradores (natureza, historia, avogacía, arqueoloxía…). Referiuse logo ao prestixio acadado polo Instituto: recordou como o IJCEC bota a andar nun contexto complicado, na ditadura e recordou as palabras do membro do Instituto, D. Carlos Martínez Barbeito, o 10 de febreiro do 1965 (no seu discurso de ingreso, tras a constitución en abril de 1964 do Padroado do futuro Instituto, presidido polo alcalde da Coruña, D. Eduardo Sanjurjo de Carricarte: téñase en conta que o Instituto foi creado polo Concello da Caoruña e medrou baixo o seu patrocinio, de aí que sexa lóxico que rexurda e se proxecte cara ao futuro da man desa nobre institución representativa da vontade do pobo coruñés), cando subliñaba xa ese carácter interdisciplinar que o Instituto debía ter: estudo do pasado, presente e futuro (da cidade), marcando como requisito básico o de adoptar unha visión extensa de cando afecta á vida coruñesa, desde unhas directrices pluridimensionais, punto de vista histórico, xurídico e económico, industrial, urbanístico, científico e social, facéndose eco da versatilidade do propio Cornide. Don José Andrés Cornide de Saavedra e Folgueira, relembrou Alfeirán, foi fidalgo, anticuario (no sentido que daquela tiña o termo, persoa interesada polas antigüidades históricas), conservador (grazas a el conservamos a lápida do Duque de Uceda que está no Museo Arqueolóxico), xeógrafo preocupado polas cousas antigas (investigou sobre a localización das Illas Casitérides na costa occidental de Galicia) e modernas (descrición das costas galegas), economista, promotor de actividades pesqueiras e mineiras e espía. E no medio desa sentida e rica referencia a Cornide, fixo votos importantes: Ogallá que a súa casa -o chamado palacio Cornide- volva ás mans da cidadanía (oxalá, desexamos tamén nós, que ben lle viña ao Instituto que leva o seu nome, esa sede, con todos os tesouros que ten… con todo o que historiadores e investigadores de Galicia, de España e de Europa poderían pescudar neses fondos arquivados nun espazo que se nos antolla insuficiente).

 

(Fotografía parcial. En primeiro plano aparece Carlos Vales: xuntos estudamos as primeiras letras na escola de Pura 'a Ferreña', inesquecible. Ao fondo podemos ver o señor Reitor da UDC)
 

Insiste Alfeirán no concepto do prestixio da institución: para el é unha honra que a incorporación como novo membro coincida coa celebración do 60 aniversario. O Instituto naceu co obxectivo de non ser unha institución marxinal senón que debía incorporarse ao ritmo dos tempos, con palabras do que fora o primeiro director do Instituto, o señor Enrique Míguez Tapia[1]. Palabras que nos permiten entender -segue dicindo o historiador coruñés- determinadas actividades que se desenvolveron, actividades relacionadas con republicanos perseguidos polo sistema, como foi o caso de Salvador de Madariaga e Picasso…

Continúa Alfeirán trazando un pequeno bosquexo, con luces e sombras (ideolóxicas) dos primeiros 25 membros do IJCEC. Brilla con luz propia Dª. Isabel Martínez Barbeito, a primeira muller secretaria desta instutución. Amenta, entre outros, a D. Manuel Iglesias Corral, alcalde republicano; D. Andrés Fernández Albalat, arquitecto; D. Luciano Yordi de Carricarte, enxeñeiro a quen lle debemos o Encoro de Cecebre; D. Manuel Sánchez Salorio, prestixioso oftalmólogo; D. Juan Rof Carballo, médico e notable ensaísta lucense; D. Eugenio Torre Enciso, xeólogo; o famoso pintor D. José Seijo Rubio; o arqueólogo fundador e primeiro director do Museo Arqueolóxico de San Antón, D. José Mª. Luengo Martínez; o xa amentado D. Carlos Martínez Barbeito… 

(María José Carralero agasallounos coa súa arte musical)

 

Repasa a continuación a importancia dos fondos arquivísticos que custodia o Instituto: o fondo importantísimo cedido por Salvador de Madariaga e o non menos importante de Víctor López Seoane. Ten palabras de encomio para con distintos membros de número, como por exemplo Dª. Mª Jesús Garea Garea, secretaria do Instituto. Recorda que tras o paso de D. Xosé A. Fraga Vázquez pola Dirección (2016) e de Dª Ana Romero Masiá (2023), o Instituto está en plena renovación, coa reedición da revista Cornide e o nomeamento de novos membros de número, como o acabado de nomear, D. Alfredo Vigo Trasancos e proximamente, Dª. Ascensión Cambrón Infante.

Volve Alfeirán, para rematar, ás palabras fundacionais: Presente, pasado, futuro do chamado polo cronista Pacheco, O pobo hercúleo, hercúleo por vencer naquela loita mítica o heroe ao tirano (o monstruo das tres cabezas), hercúleas as mulleres e as persoas todas que venceran o ataque de Drake en 1589, hercúleo na defensa da Constitución e os valores constitucionais, ben representado ese afán no libro-Constitución enriba do escudo coruñés, libro que o franquismo quitou e que ninguén na democracia reivindicou (ata o momento, engadimos nós) como símbolo da liberdade do pobo. Hercúleo e rebelde, como se ve se se estuda a rebelión de 1893 cando, contra os intereses da cidade, se pretendía trasladar Capitanía. Rebelde contra a intolerancia e cita Alfeirán a Curros: todo un símbolo tamén herculino. Conclúe: É unha sorte estar aquí.

A alcaldesa, Dª. Inés Rey García, amosa o seu agradecemento ao Instituto polo traballo, polo talento. Di que os membros desta institución son herdeiros daquela Coruña ilustrada, vangardista e aberta. E conclúe cunhas palabras que, como comprenderedes, teñen para nós un significado esencial. Son verbas que dalgunha maneira honran os membros do Grupo Nós. Dixo a alcaldesa: Por iso o coruñesismo é por definición galeguista e tamén universal.

Que así sexa, dicimos nós.

 

(Retrato do ilustrado coruñés D. José Cornide Saavedra)



[1] O señor Enrique Díaz Tapia, catedrático de Xeografía e Historia, fora secretario durante o período de D. Antonio Respino e posteriormente director accidental do noso Instituto (‘Eusebio da Guarda’) no curso 1942-43, antes de cesar para dirixir o novo Instituto, o “Masculino”. Chama a nosa atención a serie de nomes propios citados nestas páxinas, vinculados ao Instituto da Guarda: Madariaga, Picasso, Eduardo Sanjurjo Carricarte, Manuel Iglesias Corral, Juan Rof Carballo, Luciano Yordi de Carricarte,  Isabel Martínez-Barbeito e Purificación Soto Arias foron alumnos; Eugenio Miguel E. Torre Enciso asume a cátedra de Ciencias Naturais no noso centro en  1940 (e antes xa se examinara aquí por libre…). O pintor José Seijo Rubio cursa estudos na Escola de Arte e Oficios, situado nos baixos do Instituto e logo obtén a cátedra de Debuxo e Caligrafía no noso centro en 1902. Inda se conserva no Instituto algún dos seus cadernos, os usados para aprender a escribir. Ascensión Cambrón exerceu a docencia durante anos connosco, antes de pasar á Universidade. A señora directora do IJCEC foi profesora durante un breve período no ‘Eusebio’. Pido desculpas se me quedou algún nome propio vinculado ao ‘Eusebio’ na man ou no tinteiro.