luns, 28 de novembro de 2016
Berrogüetto: "O preciso movemento"
Velaquí un tema deste eterno grupo folk galego, interpretado no tamén eterno programa da televisión "Luar".
mércores, 23 de novembro de 2016
LENDO A
LENDO A
CASTELAO I
Lendo a Castelao
coas rapazas do Club de Lectura dos venres (falaremos outro día das cousiñas
interesantes que xurdiron), veume á cabeza algo que me contara o meu colega e
profesor voso, Raúl Trillo, sobre un cadro que obra en poder da súa familia
pintado por Castelao. Así que lle pedín que nolo presentara e que nos dixera
algo sobre el. Velaquí tedes as súas palabras:
“Trátase dun
retrato. Retrato de Llamazares. É unha pintura ao óleo sobre lenzo da autoría
de Alfonso Rodríguez Castelao. Neste retrato de Castelao podemos ver tres
aspectos que caracterizan o autor: o
gusto pola caricatura para acentuar unha visión realista, crítica pero
humorística; o interese polo pobo desamparado: cegos, mendigos, labradores
pobres... E en terceiro lugar, a execución rápida e solta da pintura coma un
exercicio expresivo.
Esta pintura non
está datada pero con certeza debeu realizarse no verán de 1906 ou 1907 nunha
localidade próxima a Santiago, Santa Mariña do Barro, onde estaba a casa
familiar duns compañeiros de medicina e
farra e onde recalou o pintor nalgunha ocasión estival convidado pola familia.
Este retrato
masculino, asinando na parte superior dereita, é coñecido polos seus
propietarios co nome de Retrato de
Llamazares. Mostra un paisano co sombreiro no momento de acender unha
cabicha cun chisqueiro. Parece ser que este tal
Llamazares era un borrachín moi popular que frecuentaba as tabernas de Santiago
e bebía sen tino convidado polos estudantes. Agradecido, exhibía as súas
habilidades, sendo unha delas engulir un chourizo fritido sen masticar, tal
como o faría unha boa, tantas veces coma fose necesario mentres llo pagaran. É
de supoñer que esta atracción compostelá non debeu ter unha longa traxectoria
no tempo.
Esta pintura de
Castelao e outras do mesmo autor permaneceron na casa de Santa Mariña ata
finais dos anos setenta coincidendo co recoñecemento oficial da figura do
autor, e continúan sendo propiedade da familia”.
(As fotos foron feitas polo Catedrático de Debuxo do noso Instituto, D. Raúl Trillo Docampo)
mércores, 16 de novembro de 2016
A CORUÑA
A CORUÑA
A GRANXA
Xosé Antón Fraga
lévanos a tempos pretéritos a través da súa palabra e de vellas fotografías
rescatadas (moitas conservadas grazas ao labor tenaz e loable dos homes que
traballan en Mabegondo) e dixitalizadas. Entre elas vemos o plano inicial da
Granxa Agrícola de Monelos, un proxecto que data o seu nacemento no ano 1891,
inda que oficialmente haxa que ir ao 1878. O plano está asinado polo enxeñeiro
Víctor Lobo, é de 16 hectáreas. Como dono das terras cítase a Luciano Puga,
inda que tamén se mentará o vello nome de La
huerta del General (Martínez Cermeño, un personaxe sobre o que escribiremos
nun futuro, díxose que tiña coma un pazo ou casa grande no Corgo, que moitos de vós recordaredes, mais eu
non logrei rescatar esa lembranza...). Vemos outro plano datado esta vez en
1909, e calculou Fraga que deben estar depositados no Arquivo Municipal. Coma
unha sucesión de lampos no ceo van pasando as fotos na pantalla: con capacidade
poderosa para conducirnos á infancia feliz, para levarnos unha vez máis de
paseo pola Granxa, coma cando eramos rapaces e o avó Manuel nos collía, imos dar un paseo á Granxa. A porta:
foto da porta da Granxa. Pechada. Pregúntase en voz alta Tino (hai confianza:
visitou varias veces a nosa casa, o Instituto, colaborou connosco no libro dos
125 anos, velaquí outro dos privilexios –ou así o sinto- de ser parte desta comunidade educativa que
tantas cousas boas nos deu) se esa porta permanecería pechada en xeral e cando
é que se abriría... Pregúntolle aos meus a ver que relembran... Recordámola
sempre aberta (pero nós vivimos o último período da súa existencia –desde 1960
máis ou menos- , cando era xa unha especie de magnífica sala de xogos, de paseo
público paradisíaco). Foto do edificio onde vivía o Director, casa branca en
estilo modernista; foto do despacho do Director; foto da Estación de
Fitopatoloxía, a partir de 1928 (menciona Tino a Juan Rodríguez Sardiña, un
luxo de científico que veu destinado e “castigado” polo réxime, fóra de Madrid,
e chegou á Coruña, á súa terra); foto da galería-especie de sequeiro onde vemos
uns froitos estentidos. Foto do camiño central, abeirado de plataneiros: fala
Tino de impacto emocional. Marca
indeleble ou magdalena de Proust ou veloz valquiria que nos leva alí, aos
catro, cinco, seis aniños. Fotos que documentan que había campeonatos,
concursos. Unha da estación que se constrúe en Bastiagueiro (hoxe é a sede do
INEF-Facultade de Ciencias do Deporte). Daquela, en 1921, formáronse alí por
primeira vez en Galicia, perítos agrícolas. Érguese a voz dun asistente á
conferencia (estamos no Fórum Metropolitano: fálase da Granxa de Monelos
respondendo a unha iniciativa da asociación Alexandre Bóbeda mais a A. de
Veciños de A Gaiteira-Oza-Os Castros) para recordar o arquitecto que deseñara o
pazo de Bastiagueiro, o galego e Premio Nacional de Arquitectura, A. De la Sota
(en 1948 deseña a denominada Escola de Capataces).
(O paseo da Granxa, por onde nós -os rapaces nacidos nos anos 50- corriamos, xogabamos, camiñabamos da man dos avós... Ao final deste paseo inda recordamos a fábrica de "Leyma")
Pasa logo a
enumerar as actividades nucleares da Granxa de Monelos: Selección de Gando
(está a Granxa detrás da creación da raza rubia galega: vemos fotos coa
etiqueta “Raza Gallega”, vemos orgullosos paisanos fateados, e con gravata
incluso, a carón das vacas, mulleres incluídas, a muller si está presente no agro puntualiza preciso Tino). Labor
divulgativo: a plantación de árbores, un logro no que se implica o estamento
escolar (no libro do 125 aniversario do Instituto da Guarda hai unha foto de
1911, celebración na praza de Pontevedra do día da árbore, con participación da
xente, do profesorado, do alumnado... unha marabilla de interrelación produtiva
e cívica asemade). Prácticas de poda. Movemento cara ás aldeas: levan a técnica
alá onde se necesita que prenda, á aldea: son como as unidades móbiles actuais
de RTV ou de Transfusión de Sangue (Cátedra
ambulante lemos nun dos vehículos inmortalizados nunha das fotografías, que
concepto, señores, que concepto para quitar o sombreiro!).
Unha das claras
virtudes daquela xente e daquel proxecto que sintetizamos baixo a frase A Granxa de Monelos era a feliz
comunicación coa xente así como a integración na vida social da cidade (un
exemplo: a foto de grupo onde lemos Amantes
del campo, onde aparecen –entre outros- o alcalde Casás, o galeguista Uxío
Carré e xente da Granxa como Hernández Robredo).
No ano 1899 sae o
primeiro número do Boletín da Granxa: falan de novidades na fabricación de maquinaria,
publican cartas dos labregos (unhas 200 ao ano): é un órgano de comunicación
directo e a pé de obra.
Dá o noso
conferenciante, home de ciencia, home preocupado polo país, unha certeiras
pinceladas sobre a situación do agro galego a finais do XIX. A internacionalización
da agricultura nesa altura prexudica a Galicia: ata 1892 exportaba gando vacún
a Ingleterra mais a partir desas datas a construción cara de barcos con
frigoríficos fai que aos británicos lles saia máis barato comprar a carne en
Arxentina e EEUU (onde había moita produción e venden barato, así enchen os
barcos) que vir aquí por ela. A gandería de Galicia afúndese, e a agricultura
sofre unha forte competencia e ten que pandar coa trasmisión de enfermidades
que veñen de fóra, como a tinta dos castiñeiros e o mildiu da uva.
(O lúpulo aparecía como unha interesante explotación agrícola industrial; a principios do s. XX Hernández Robredo viaxa ao sur de Inglaterra e ve o ben que por aló se dá esa planta e pensa en traela a Galicia, onde tamén se dará de marabilla; traballarase en colaboración coa familia Rivera; este cultivo retomarase tras a guerra)
Pero o país basea a
súa economía neses sectores (campo e gando). Formula o conferenciante unha
interrogación retórica clave: Como é
posible que carecésemos de centros de investigación?
A resposta é
simple: pola desatención. A Granxa xorde en boa medida para paliar ese
panorama. Se a principal produción é a gandería e a agricultura pois
incorporemos aí os coñecementos dos que dispoñemos. Tamén era moderno o
enfoque: baseouse no diálogo co sector
destinatario.
Para que se entenda
ben a importancia dese principio alude Fraga á experiencia habida en Ortigueira
en 1876: viñeron de Madrid e montaron unha estaciónde ostricultura –tendo en
mente o modelo francés-, pero non contaron cos paisanos: cando era inverno e
volvían para Madrid os expertos e dirixentes, a xente desatendía as
instalacións e incluso déronse casos de vandalismo: nunca fixeron súa a
estación (e poucos saben sequera que existiu, fora a primeira en Galicia). Non
se pode chegar en plan déspota ilustrado, non convén, é mellor escoitar as
demandas dos interesados, as necesidades.
Volvendo á Granxa
de Monelos, souberon atraer o público, coa cátedra ambulante foron aos sitios e
trouxeron aquí a Coruña á xente, dábanlles sementes gratis: foi un auténtico apostolado, traballaron co boca a boca
e puideron ver como se producía máis e mellor. Teceron unha rede [boa metáfora
de Tino], as redes cústaas desenvolver pero logo resisten e funcionan moi ben.
En Galicia e na Coruña en concreto houbo máis asociacións interesadas polo
progreso (o Consulado, as Sociedade Económicas de Amigos do País...), houbo si,
pero poucas coma a Granxa souberon establecer vínculos directos coa xente a
quen realmente lle interesaba o seu labor. Foron, ademais, uns avanzados noutro
aspecto clave: a ecosensibilidade.
Nesa interacción coa sociedade coruñesa e galega procuraron esperatar a
sensibilidade ambiental: boa proba diso é a Festa da árbore, que se oficializou
en 1914 (di o conferenciante que tras a guerra desapareceu, pero moi
paseniñamente, durou aínda, había unha certa conciencia social que fixo que
durara: eu mesma recordei en voz alta que me levaba a miña avoa Pura, a
coruñesa, á plantar unha árbore tal día ao ano, sendo nena, á Granxa e alí
había máis rapazada...). Le Fraga unhas fermosísimas palabras de Hernández Robreda,
a quen Deus teña na gloria, O sacho por
pluma, o rego por tinta escribirá hoxe o neno...
Por hoxe xa chega.
A ver se nos animamos a escribir unha segunda parte sobre o tema. Ben o merece.
Sobre todo, falta analizar a reflexión final do señor Fraga: Merece a Granxa de Monelos unha lembranza
imperecedoira por parte da Coruña e dos coruñeses: algo económico, axustado...
Que se busque algún tipo de recoñecemnto... Como é posible que non teñamos esta
parte da nosa historia coma un activo máis da cidade?
Habémolo meditar:
nós, os nosos fillos, os nosos alumnos. Nós os coruñeses. Nós os galegos. Que
menos que un merecido e digno recoñecemento!
(Foto histórica: os "Amantes do campo"; debemos esta copia á xentileza impagable de Xosé Antón Fraga)
mércores, 9 de novembro de 2016
BUSCANDO PALABRAS
BUSCANDO PALABRAS
Volksgeist.
(Dieter Kremer minutos antes de impartir a súa conferencia: ao seu carón a lingüista Isabel Boullón, a quen o romanista dirixira a Tese de Doutoramento; a foto, de discutible calidade, é de Charo Soto)
Os neorrománticos (tamén os
tradicionalistas como o coruñés Menédez Pidal) crían no espírito do pobo. Os homes do Grupo Nós, que estamos estudando
estes días en segundo de bacharelato, teñen moito de neorrománticos e non marramos
se dicimos que eran homes de espírito (desprezaban o materialismo). Castelao
preocúpase no seu momento de cifrar cales serían ou son (depende da prótase ou
condición “se iso existe”) os trazos diferenciais do ser galego. Supoñendo que
iso exista, insisto, facendo un pobre xogo de palabras, mais debedes
comprenderme: eu como o personaxe diestiano do relato sobre a morte do Bieito,
tamén dubido. Insistamos un pouco máis: se existimos como pobo, os trazos
identitarios que Castelao formula paga a pena relembralos: somos
inevitablemente líricos, invádenos con frecuencia o sentimento da saudade,
amamos o verde nutricio ata o infinito e posuímos un sentido do humor, ora
tenro, ora escarniño.
(Mapa da Romania: territorio onde se fala unha lingua románica)
Fomos a Santiago de Compostela este
día outonizo oír unha conferencia impartida por un sabio alemán como alemá é a
palabra Volksgeist, Dieter Kremer, un
dos maiores expertos vivos sobre Onomástica galega. De volta na casa
inevitablemente matinei querendo aprofundar coma o barbeiro de Castelao
nalgunhas das cousas que dixo Kremer e entrei a bucío (esta frase tampouco é
miña, débolla á lectura de No ventre do
silencio) no Corpus Xelmírez, guiada nun principio pola curiosidade de ver
cantos apelidos con orixe nos oficios atopaba (Kremer contounos que en Europa
predominan eses apelidos, mentres que na península abundan máis os patronímicos
–orixe no nome ou apelido do pai- e detoponímicos –orixe na terra, no lugar de
nacemento e/ou quizais na casa familiar). A verdade é que atopei unha morea
referidos a oficios, aínda que estatisticamente non sexan moi relevantes...
Déixoos para outro día: o que verdadeiramente me fascinou e é o motor do
movemento desta man que vos escribe hoxe, é a riada de alcumes cos que tiven a
fortuna de dar. O Corpus Xelmírez, de libre disposición na rede, é outra sorte
de tesouro. Engaiolante e divertido.
Sobre os alcumes como fonte posible de apelidos xa hai publicadas algunhas cousiñas. O
propio Kremer e tamén César Oro, sen ir máis lonxe, teñen escrito certas
páxinas. De feito, algún dos alcumes que recollo aquí xa foi citado por eles.
Non importa: xa sabedes que é facultade marabillosa da comunicación literaria,
escrita, a interrelación sempre produtiva entre tema, mensaxe e emisor: a
mirada, o enfoque, a mente do emisor condiciona sempre o tema: nacen así novas
mensaxes. Nun diálogo permanente, mentres haxa un lector interesado en recoller
a remuda, en tender a man receptora e receptiva. Pero quería subliñar unha idea
nuclear antes de lanzarme e lanzarvos os datos coas súas pequenas hipóteses
interpretativas. A idea crucial de que o espírito escarniño é noso, galaico,
galaico e portugués, galaico e hispano. O escarnio, o realismo sanchopancesco,
esa incisiva voz con que cantamos e dicimos. E nos alcumes medievais hai moito
escarnio. Podedes crelo.
AlCUMES MEDIEVAIS
(Dividímolo en 7 subtipos, dos cales hoxe
subiremos ao blog 2 ou 3. Non sempre recollemos a data do documento; non sempre temos seguranza, certeza absoluta
nin moito menos á hora de procurar unha explicación, simplemente elucubramos o
mellor que podemos, tomando como base o tesouro lexicográfico do DdD –Dicionario de Dicionarios, de libre
consulta na rede-; todos os alcumes están tomados do Corpus Xelmírez; moitos dos alcumes son apelidos documentados na
Galicia actual, verémolos outro día; á derradeira, deixádeme que vos faga unha
observación sobre a Casa: a casa é tan
importante como o lugar pero non é sinónimo total ou sinónimo perfecto do lugar;
hoxe en día vemos en moitas parroquias como se denomina ás persoas pola casa,
formando novos sobrenomes diferenciais e por veces alcumes: por exemplo, na
parroquia do meu esposo fálase de Pepe de
Vitorino, Xosé Ramón de Varela, Os de Casanova, Teresa de Elías, na de Rolán
ou o propio Rolán (este último en
Silleda), e non necesariamente esas persoas levan xa ese apelido ou ese nome,
hai casos en que se refire ao pai ou ao avó, pero hai casos en que xa nin se
sabe quen levou ese nome ou ese apelido, e noutros casos é o nome da casa;
tamén a casa pode denominarse cun nome de oficio e ese nome pode incluso pasar á persoa que
por matrimonio, foi vivir a esa casa; se isto é así hoxe, tamén puido ser así
na Idade Media, naturalmente).
1.
ALCUMES ZOONÍMICOS.
Eu Martin Peres dito avellon / Iohan Perez,
dito boy / et de seu móórdomo ia
dito Pedro Martíj́z nomeado Boy (XIII) / Domingo Paiç Paiç dito Cabrita / Affonso Pelaz, dito Carneyro (s. XIV) / Juan Carneyro / Pero iohannis dito cavalo
/ Pedro Ares, dito Corçino (DdD: corciño, diminutivo de corzo) / Domingo Perez dito Corço de Milmanda / Nuno da Curuja (S. XV) (podería tratarse dun
toponímico, Nuno pode ter a casa alí onde canta a Curuxa) / Pero Esquio de Beba (S. XV) / Tareya eans falcoa (filla ou muller dun Falcón?) / Pedro Moogo dito Gallina (1281) / Afonso de
Galljñaas / Eu Johã Perez, dito
Gallo / Martin Galos / Eu Pedro Eanes dito Gando / Johan Ganso (s. XIV) / Tereixa
Gata / Johan perez dito gibarro (DdD: Xibarro ‘especie de cetáceo’) / Pedro Martinez
dito Grilo / Pedro Lagosta /Iohan Fernandez dito Leyton / Moni Martin dito Ossa (a escolla do xénero feminino talvez se deba á proverbial
bravura ou crueldade da femia cando ve perigar os fillos) / Iohan Martin dito Poonbo /
Afonso Fernandes Poupelo (posiblemente da familia de poupa ‘bubela’) /Johan Martinez, dito Pulga / Vaasco Ratón / Gomes Rodriges
Martin Serpe / Afonso Tenrreyro / Eu Lopo Uermuit dito Tibouba (DdD: Tiopa ‘toupa’; nós temos oído a variante Tioupa) / martin iohannis dito tourinno
/ Ruy Paez, dito Zerbo.
2.
ALCUMES-OFICIOS (OU CARGOS OU
CONDICIÓN SOCIAL).
Iohan Perez dito Barroso (DdD: ‘canteiro’) / Domingo Perez dito
Biteyro (Biteiro pode ser variante de bitilleiro,
‘persoa que fai vitillos’ e daquela
sería alcume-oficio; dubidamos, en troques, que poida conmutar por bitelo/vitelo, se fose así sería alcume
zoonímico) / Pedro Perez, dito bofom (DdD: bofón
‘buhonero’) / Domingo Eanes, dito Bozera (Parece estar por voceiro
‘avogado’, valor que se documenta ben
na lingua medieval: , a quen polas nossas
coitas | roga senpr ' e é vozeira, nunha cantiga mariana afonsí) / Ffernan portugaez e Pero eanes dito bulla clerigos de Bayona (pódese pensar nun clérigo como aquel do Lazarillo, que vendía bulas; ou é alcume
escarniño por crer que ten bula para todo, por crerse autorizado para facer
sempre a súa vontade) / Johan Perez, dito Carrella
(O DdD di que carrella é un certo
tipo de carrasco, e se buscamos a
páxina inesquecible que escribe Eugenio Reguera y Pardiñas –sempre no DdD-
sobre a voz carrasco, podemos talvez
imaxinar que o dito Carrella podería ser un home pobre que tamén sobrevivía
grazas a esa planta) / Fernan Gomes Pero Anes dito choupeyro pescadores (1318) (pescadores vai en plural porque se citan
máis persoas antes; está claro que este Fernan Gomes se dedicaba a, ou era especialista en pescar choupas) / J
Lopez dito Conllaço (DdD: collazo ‘(ant.) Colono, persona que con
la tierra, pasaba á poder del señor, el que cobraba el cánon por ello’) / Pedro
Iohannis dito Corneyro (ou indica
oficio – DdD: corneiro ‘el que
trabaja en obras de asta ó cuerno’--, ou indica un atributo físico –dise do que
ten amplas entradas na testa-, ou ben alude a un testalán) / Pedro Martinz dito dorna de
Ponteuedra (sería propietario dunha dorna para pescar, ou máis probablemente, colleitaría
–el ou un seu ancestro- viño, vendo o predominio absoluto no Corpus Xelmírez de
dorna referida ao viño; DdD: dorna ‘nombre de vasija o artesa de
madera, pero en especial aquella tinaja que se pone en los lagares para recibir
el vino exprimido’; non é imposible ver un alcume escarniño para un bebedor)/ Roy Peres dito Ferreyro / Martin Ares, dito
fuseyro (‘que fai ou vende fusos’) / Nuno Martinz dito Justiza / Iohan Fernandez dito Lavor
(pensamos en que se gañaría a vida no traballo da terra, pero cabe pensar
nun atributo) / Eanes d -Arcos, dito meestre / Pedro Eanes dito mestre / Pero Perez dito mercador / Johan
Martinez dito monteyro /
Johan Iohanes dito Nateyro (DdD: “A
los de Furcos (Cuntis, Po.) les llaman nateiros por dedicarse al negocio de la
leche (nata)”) / Migeel Eanes de
Puga dito Pedreyro / Iohan Perez
dito pedreiro / Meen Rodriges dito pedreyro, caualleyro (aquí, visto que Meen era un
cabaleiro, parece deducirse que o alcume pode referirse a un ancestro, como
cando na parroquia dezá do meu home din Antonio
do xastro, ou Alfonso do muiñeiro,
porque o pai ou o avó exerceron ese oficio) / Iohan Perez dito Peon / Pedro Uidal dito Porteyro / Eu Johan Marinz dito peyteeyro (DdD: peiteiro
‘peinero, el que hace ó vende peines’) /
Iohanis Eanis dito torneyro.
(Convento de San Francisco, pé das murallas: hai probas documentais de que existía xa ese convento na Coruña de 1262, nun escrito de Teresa Yañez de Deza: "Et mando fratribus minoribus de Cruna"; noutro documento de 1279 a forma do noso topónimo é "Crunia")
3. ALCUMES TOPONÍMICOS OU CON ORIXE EN XENTILICIOS
Martin Paez dito d –Alfaya (documentamos Alfaya como topónimo claro nun
privilexio de 1284, no CORDE) / Johan Pérez dito d ' Asma / Eanes dito Boullon
(DdD: boullón ‘Borbollón, erupción que
hace el agua al hervir con algún ruido’; na lingua actual a palabra úsase moito
na frase feita a boullón(s) ‘a
cachón’, mais é posible supoñer un uso substantivo previo, boullón ‘cachón, fervenza’; como alcume pódese pensar nun valor
metafórico, persoa que bole, inqueda, chea de vida, pero pódese pensar nun
detoponímico: persoa –ou ancestro da familia- que naceu ou procede da casa que
está na proximidade dun cachón) /Pedro Eaneſ, dito du Burral (posible topónimo, no Xelmírez documentamos flijgesýa de Burres; supoñemos que
lexicamente a voz hai que emparentala con burrea
‘borrea’, da familia de borra/borralla)
/ Pedro Pérez dito Carualiços / Petro Perez, dito
Coſtas / Ferna Perez dito da Cruna (1280)
/ Domingo Perez, dito da Deueſa / Iohan
Eanes de Gomariz, dito Franco (o
máis probable é que aluda a un seu ancestro, desa orixe xermana; actualmente é
un apelido relativamente común; en Italia é nome de pía) / Martj̃ Iohaneſ, dito
da Maya (na Maya, Oriente, Cuba,
viviran os meus avós anos largos: relembrade que as palabras tamén viaxan) / Rodrigo Eanes, dito Mioto (posiblemente nacido nas ribeiras miñotas portuguesas: pero
recordade que sempre cabe a posibilidade de que xa non fose el o miñoto de
orixe, senón un seu ancestro)/ Pedro Perez dito de Ribadeu / Martin Anes, dito de Ruuial (Ruuial aparece
como topónimo, e en concreto como nome dun souto, no Corpus Xelmírez: no galego
actual a castaña rubial é un tipo de
castaña) / Pérez dito Siuilla (1274) (a conquista de Sevilla, na que participaran moitos galegos, tivo
lugar en 1248: logo este home puido traer de alí o sobrenome) / Pero Fernandez
dito De Ual.
(Foto tomada da Internet da lagoa de La Maya, provincia de Oriente, Cuba)