ENTREVISTAS AOS EX ALUMNOS
-Preséntate, por favor.
-Xosé Nieto Castro, 23 anos, coruñés. Licenciado en
Historia, tratando agora de completar o mestrado de profesorado. Considérome
unha persoa de moitas afeccións e inquedanzas.
-Volves ser alumno no instituto, pero agora alumno de
mestrado. Notas cambios no instituto?
-Algunhas cousas cambiaron bastante, outras non tanto. Os
edificios en si están practicamente igual, se cadra aínda un pouco máis
deteriorados tras seis anos sen apenas reformas. O persoal do centro si que se
renovou significativamente, e xa non quedan moitos dos profesores que me deron
clase a min no seu momento. Recordo que alguén me comentou que tiveron lugar
máis xubilacións nos últimos cinco anos que nos vinte anteriores. Supoño que é
natural que uns vaian indo para que outros novos vaian chegando. Conste que
fiquei sorprendido de atopar algún que outro veterano a quen xa me imaxinaba
gozando dunha merecida xubilación.
Os cambios que máis me chamaron a atención foron os
relacionados co regulamento interno do centro. Normas, disciplina, esas cousas.
¿Unhas poucas faltas de puntualidade agora acarrean unha amonestación?
Comparada cos meus tempos de alumno, a época actual parece un reinado do terror,
hehehe! Tamén suprimiron a cafetería, unha pena, aínda que entendo os motivos.
-E que nos dis da túa experiencia na Universidade? Que foi o
mellor e que foi o peor?
-O mellor foi a xente que coñecín en Santiago de Compostela.
O peor foi a cidade de Santiago de Compostela.
-Recordo que ti fuches un alumno deses que a USC chama “de
excelencia”, pero non quixeches ir ao acto nin recoller o diploma nin o
agasallo. Podemos saber por que non?
-Entérome agora de que se celebrou un acto, en serio. Nunca
fun moi entusiasta dese tipo de cousas. É posible que teña esquecido por que
non asistín, a verdade é que non me lembro.
-Proxectémonos cara ao futuro. Supoño que os teus proxectos
a medio prazo pasan por preparar oposición ao ensino. Pero se quixésemos soñar,
ti con que soñarías: con descubrir un documento precioso, por exemplo, un
manuscrito de man de Colón onde este declara aberta e explicitamente onde naceu
e onde se criou; un cranio super antigo que fose paralelo ao mellor
descubrimento dos paleoantropólogos de Atapuerca; un novo guerreiro galaico cun
enxoval de ouro marabilloso, unha tésera de hospitalidade dos de Elviña onde se
fala dos brigantinos ou dos arrotrebas, ou que? Cal sería o teu arquetipo, o
teu desiderátum, se é que o tes?
-Sí, o certo é que agora mesmo os meus plans a medio prazo
consisten basicamente en superar as primeiras oposicións ás que me poida
presentar – coas deste ano semella que non vai haber sorte nese sentido. Sobre
os posibles descubrimentos que comentas, non teño ningún interese en coñecer o
lugar de nacemento de Colón xa que non me parece un dato en absoluto relevante
por moito que algún que outro nacionalista trasnoitado insista no contrario. Os
cranios non entran dentro da miña especialidade pero o certo é que se trata dun
tema que me interesa, aínda que case preferiría que o atopase alguén máis
versado na materia, xa que eu probablemente non sería quen de o valorar
correctamente.
Para ser sincero, o que máis interese me desperta é o campo
da divulgación. Aínda non teño pensado ningún proxecto concreto ao respecto
pero estou interesado, sobre todo, en difundir o que teño aprendido ao longo
dos meus estudos – e os que poida adquirir mediante estudos e investigacións
futuras. Acumular coñecemento académico pode ser moi bonito e estimulante pero
ao final non serve de nada se non somos capaces de que ese coñecemento resulte
proveitoso para o conxunto da sociedade. E para iso cómpre difundilo de xeito
eficaz.
-Volvendo á realidade, gustaríache volver visitarnos pero xa
con destino definitivo?
-Dende logo.
-Dinos que estás lendo agora. Aconséllanos tamén unha boa
lectura para os amantes da historia.
-Agora mesmo estou a ler varios libros ao mesmo tempo:
“Manhattan Transfer” de John Dos Passos, “Blood and Soil. A World History of
Genocide and Extermination from Sparta to Darfur” de Ben Kiernan (en inglés,
pois non teño noticia dunha edición española) e “Tiempo de odio” de Andrezj
Sapkowski.
¿Unha recomendación? “Breve historia dos gladiadores”, de
Daniel P. Mannix. Trátase dunha obra estupenda de carácter divulgativo, non
resulta nada complicado de ler e ademais pode conseguirse a un prezo bastante
aceptable. Eso si, abstéñanse individuos de estómago feble porque inclúe cousas
que non se atreven a mencionar nos documentais máis explícitos.
-Moitas grazas por respondarnos, Xosé. Unha aperta e sorte!